CAPÍTULO 11

 

O santuario e as dúas testemuñas

 

1Déuseme unha canivela da feitura dunha vara de medir dicíndome: "Érguete e mide o santuario de Deus e mais o seu altar e mide os que adoran no santuario. 2Pero o adro que está fóra do santuario, déixao de lado e non o midas, que llelo deron ós pagáns, que pisarán a cidade santa durante corenta e dous meses. 3Eu permitireilles ás miñas dúas testemuñas que fagan de profetas durante mil douscentos sesenta días vestidas con roupa feita de sacos.

4Estas son as dúas oliveiras e os dous candelabros, que están ergueitos diante do Señor do mundo. 5E se alguén lles quere facer mal, sairá das súas bocas lume que devorará os seus inimigos; se alguén lles quixer facer mal, cómpre que morra deste xeito.

6Eles teñen poder para pechar o ceo, de xeito que non chova durante os días do seu profetizar. Teñen poder de converter a auga en sangue e de castigar a terra con calquera tipo de praga cantas veces queiran. 7Pero, cando acaben o seu testemuño, a fera que sobe do abismo loitará contra eles, venceraos e mataraos.

8E os seus cadáveres quedarán na praza da gran cidade, que se chama en linguaxe simbólica Sodoma e Exipto, onde tamén foi crucificado o seu Señor. 9Xentes de diferentes pobos, tribos, linguas e nacións ollarán para os seus cadáveres durante tres días e medio e non deixarán poñer os cadáveres no sartego. 10Os habitantes da terra alegraranse e brincarán de alegría e mandaranse regalos uns ós outros, porque aqueles dous profetas atormentaran os habitantes da terra".

11Despois destes tres días e medio, un espírito vivificador mandado por Deus entrou neles e puxéronse en pé. Os que miraban para eles entroulles un gran medo. 12E oíron un forte berro que desde o ceo lles dicía: "¡Subide aquí!". E subiron ó ceo nunha nube, á vista dos seus inimigos. 13Naquela mesma hora veu un gran terremoto e derrubouse unha décima parte da cidade e morreron no terremoto sete mil homes. Os outros colleron medo e déronlle gloria ó Deus do ceo.

14O segundo ¡Ai! pasou: o terceiro ¡Ai! velaí vén.

 

 

CUARTA SECCIÓN:

A SÉTIMA TROMPETA E A SERIE DAS VISIÓNS DO DRAGÓN

 

Loanzas e agradecementos

 

15Logo tocou o sétimo anxo e oíronse uns fortes berros desde o ceo, que dicían:

"¡O reinado do mundo pasou a ser do noso Deus

e do seu Mesías!

El reinará polos séculos dos séculos".

16E os vinte e catro anciáns, os que sentan diante de Deus nos seus tronos, prostráronse para adorar a Deus, 17dicindo:

 

"Dámosche grazas a ti, Señor, Deus que todo o sostén,

que es e que eras

por asumires o teu grande poder,

e comezares a reinar.

18Anoxáronse contra ti os xentís,

pero agora chegou o teu anoxo:

é o momento de lles facer xustiza ós que morreron,

e de lles dar a paga ós teus servos, os profetas,

ó teu Santo pobo e ós que te respectan a ti,

ós pequenos e ós grandes,

e de esnaquizar os que destrúen o mundo.

 

Anuncio da intervención de Deus

 

19E abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario. Entón houbo lóstregos, berros, tronos, un terremoto e unha grande sarabiada.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

A muller e o dragón: o nacemento do neno

 

1E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. 2Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.

3Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. 4Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar á luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.

5Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a todas as nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ó seu trono. 6E a muller fuxiu para o deserto, onde lle tiña Deus un lugar axeitado para a manter alí mil douscentos sesenta días.

7E produciuse unha guerra no ceo; Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos, 8pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no ceo. 9Deus botou do ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satán, o que fai extraviar a todos os homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el.

10E oín un gran berro no ceo, que dicía:

"Arestora chegou a vitoria, o poder,

e o reino do noso Deus,

así coma a soberanía do seu Mesías.

Porque expulsaron o acusador dos nosos irmáns,

o que os acusaba diante do noso Deus,

día e noite.

11Pero eles vencérono grazas ó sangue do Año,

e pola forza do testemuño que deron,

e porque quixeron máis morrer que vivir neste mundo.

12Por iso ¡alegrádevos, ceos,

e os que vivides neles!

¡Pobre terra e pobre mar!

Porque baixou Satán onda vós.

Baixou adoecido

porque sabe que ten pouco tempo".

13E cando o dragón se decatou de que o botaran para a terra, perseguiu á muller que dera á luz o meniño. 14Pero Deus deulle á muller as dúas ás da gran aguia, para que fose voando ata o deserto, o seu lugar; e dáselle a mantenza alí,  lonxe da presenza da serpe durante un tempo, dous tempos e medio tempo.

15A serpe botou pola boca auga, coma un río, detrás da muller, para envolvela na corrente do río. 16Pero a terra acudiu en axuda da muller: abriu a terra a súa boca e zugou o río, que o dragón botara pola boca. 17Enrabexou o dragón contra a muller e foille facer a guerra ó resto da familia dela: ós que gardan os mandamentos de Deus e manteñen firme o testemuño de Xesús.

 

 

 

As dúas bestas

 

CAPÍTULO 13

 

18Detívose na area da beira do mar.

 

1Logo vin subir do mar unha besta con dez cornos e sete cabezas e nos cornos tiña dez diademas e nas cabezas tiña un nome blasfemo. 2A besta que vin semellaba unha pantera pero as patas eran coma as do oso e a boca coma a boca do león. O dragón deulle a súa forza, o seu trono é o seu gran poder. 3Unha das súas cabezas estaba degolada de morte, pero a súa ferida mortal curou. Todo o mundo se admiraba do que lle sucedera á besta 4e adorou o dragón, que tal poder lle dera á besta, dicindo: "¿Quen será coma a besta e quen poderá facer guerra en contra dela?".

5E déuselle ó dragón unha boca para dicir arrogancias e blasfemias e concedéuselle o poder para facelo ó longo de corenta e dous meses. 6Abriu a súa boca:

para blasfemar contra Deus,

para blasfemar contra o seu Nome,

contra o seu celeste santuario

e contra os que moran nel.

7Permitíuselle facerlle a guerra ó pobo santo e vencelo; e déuselle poder sobre toda tribo, pobo, lingua e nación. 8E todos os habitantes da terra, que desde o comezo do mundo non teñen o seu nome escrito no libro da vida do Año que foi degolado, adoraron a besta. 9Quen teña oídos escoite:

10Se algún está para a catividade,

irá á catividade.

Se algún está para morrer coa espada,

matarano coa espada.

Aquí están a esperanza e mais a fe do pobo santo.

11Logo vin outra besta que subía da terra: tiña dous cornos semellantes ós do año e falaba coma o dragón. 12Exerce, baixo a ollada da primeira besta, a súa completa vontade: fai que toda a terra e os seus habitantes adoren a primeira besta, que curara da súa ferida mortal. 13Realiza grandes milagres, ata chegar a facer baixar lume do ceo á terra, á vista dos homes. 14Descamiña os habitantes da terra cos milagres que se lle permitiron facer diante da besta, dicíndolles que fagan imaxes en honor da besta, que tiña a ferida da espada pero recobrara a vida. 15Concedéuselle á segunda besta poder infundir espírito na imaxe da primeira, para facela falar e para que fixese que todos os que non adorasen a imaxe da besta fosen asasinados. 16A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa 17e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou o número do seu nome.

18Para isto fai falta a sabedoría: quen teña intelixencia, calcule o número da besta, que é número humano e o seu número é seiscentos sesenta e seis.

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

O Año e os mártires no monte Sión

 

1Logo tiven unha visión. O Año estaba de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mais o nome do seu Pai. 2E oín unha voz desde o ceo coma o bruído dunha gran tormenta de auga e tronos; a voz que oín semellaba a duns arpistas, floreando nas súas arpas. 3Cantaban un cántico novo diante do trono e mais diante dos catro animais e dos anciáns. E ninguén podía aprender o seu canto, fóra dos cento corenta e catro mil, os que foran rescatados da terra. 4Estes son os que non se lixaron con mulleres, os que son virxes. Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, coma ofrenda de primicias para Deus e para o Año. 5E na boca deles endexamais non se atopou mentira: son inmaculados.

 

Tres anxos anuncian a vitoria en tres visións

 

6E vin outro anxo voando polo medio do ceo: levaba unha boa nova eterna para pregoárllela ós habitantes da terra, a todas as nacións, razas, linguas e pobos. 7Dicía a berros: "¡Respectade a Deus, dádelle gloria! Porque xa chegou a hora do seu xuízo; e adorade o Creador do ceo e da terra, do mar e das fontes das augas".

8E outro anxo, o segundo, viña despois dicindo: "¡Caeu, caeu a grande Babilonia!, que ten borrachas a todas as nacións co viño do furor das súas fornicacións".

9E outro anxo, o terceiro, viña detrás deles, dicindo a berros: "Se alguén adora a besta ou a súa imaxe e recibe o sinal dela na súa fronte ou na súa man, 10este tal beberá do viño da ira de Deus: viño puro, vertido na cunca da súa ira, e será atormentado con lume e xofre na presenza dos santos anxos e do Año. 11O fume que os atormenta sobe polos séculos dos séculos e os adoradores da besta e mais da súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome, non teñen acougo nin de día nin de noite.

12Aquí está a esperanza dos santos, dos que observan os mandamentos de Deus e gardan a fe de Xesús".

13E oín unha voz do ceo que me dicía: "Escribe: Benia os mortos que, de agora en diante, morran no Señor. Si ‑di o Espírito‑, que descansen das súas fatigas, porque as súas obras van con eles".

 

Visión anticipada do xuízo de Deus

 

14Logo tiven unha visión. Apareceu unha nube branca, e sobre a nube un cabaleiro semellante a un Fillo de home, cunha coroa de ouro na cabeza e na man unha fouce ben afiada. 15Outro anxo saíu do santuario, berrándolle con fortes berros ó cabaleiro da nube: "Agarra a túa fouce e sega que xa chegou o tempo da seitura: a colleita da terra xa está seca". 16O cabaleiro da nube botou a súa fouce no mundo e fíxose a seitura.

17Logo outro anxo saíu do santuario celeste, tamén el cunha fouce ben afiada. 18Des-pois de onda o altar saíu outro anxo, o que tiña poder sobre o lume, e chamou a berros ó que tiña a fouce ben afiada e díxolle: "Mete a túa fouce ben afiada e vendima os acios da viña da terra, porque os bagos están maduros de máis". 19E meteu o anxo a súa fouce na viña do mundo e vendimouna e botou os acios na moxega grande da ira de Deus. 20E pisouse a moxega fóra da cidade e saíu sangue da moxega ata os freos dos cabalos, sesenta leguas arredor.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

Introdución ás sete pragas das sete cuncas

 

1Logo vin outro grande e admirable sinal no ceo: sete anxos coas sete pragas; as derradeiras, pois a ira de Deus chega con elas ó cabo.

2Despois vin coma un mar de cristal mesturado con lume e os que saíron con ben da loita coa besta, coa súa imaxe e co número do seu nome, vinos de pé enriba do mar de cristal, con cítaras para o canto de Deus. 3Cantaban a cántiga do servo de Deus, Moisés, e a cántiga do Año, dicindo:

"Grandes e admirables son as túas obras,

Señor Deus, que todo o sostés;

xusto e fiel é o teu comportamento,

Rei das nacións.

4¿Quen non respectará

e glorificará o teu nome, Señor?

Porque só ti es santo.

Todas as nacións virán

e adorarante prostradas perante Ti,

porque os teus xustos xuízos quedaron ben á vista".

5E despois disto mirei e vin que se abriu o santuario celeste, a tenda do testemuño. 6Do santuario saíron os sete anxos coas sete pragas, vestidos de liño curado e lucente, cinguidos con faixas de ouro polo peito. 7E unha das catro bestas deulles ós sete anxos sete cuncas de ouro cheas da ira do Deus que vive polos séculos dos séculos. 8Logo encheuse o santuario de fume por causa da gloria de Deus e por causa do seu poder. E ninguén podía entrar no santuario, ata que chegasen á fin as sete pragas dos sete anxos.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com