Capítulos 6-10

Oitava visión

A) Os catro carros e a volta dos exiliados

 

Capítulo 6

 

1Volvín levantar os meus ollos, e tiven unha visión: velaí, catro carros saían de entre as dúas montañas e as montañas eran de bronce. 2No primeiro carro había cabalos vermellos; no segundo, cabalos negros; 3no terceiro, cabalos brancos; e no cuarto, cabalos baios.

4Logo tomei a palabra e pregunteille ó anxo que falaba comigo: "¿Que é isto, meu Señor?". 5O anxo respondeu: "Estes catro saen na dirección dos ventos do ceo, despois de estaren na presenza do Señor de toda a terra. 6O carro no que están os cabalos negros sae para o país do norte; os brancos, para o occidente daqueles; e os baios, para o país do sur. 7Os cabalos baios saen e tratan de camiñar e de percorrer o país". El díxolles: "Marchade e percorrede o país". E eles percorreron o país. 8El berrou e díxome: "Mira, os que saen para o país do norte fan repousar o espírito do Señor no país do norte. 15Os que están lonxe virán e construirán o santuario do Señor, e entón recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me mandou onda vós. Isto sucederá, se vós facedes caso en serio da voz do Señor, o voso Deus".

 

B) A coroación de Zerubabel e Iehoxúa

 

9Veume a palabra do Señor nestes termos: 10"Recolle bens de entre os deportados de Heldai, de Tobías, de Iedaías. O día que volvas, traeralos á casa de Ioxías, fillo de Sefanías, que xa volveu de Babilonia. 11Has de coller a prata e o ouro, farás unhas coroas e poralas na cabeza do sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e na de Zerubabel. 12E diraslle a este: Así fala o Señor dos Exércitos:

Velaí un home, que ten por nome Refillo,

e por debaixo de si xermolará,

e construirá o santuario do Señor.

Si, el reconstruirá o santuario do Señor.

13Levantará a maxestade rexia,

e sentarase para reinar sobre o seu trono,

haberá un sacerdote sobre o seu propio trono,

e entre os dous traerán a prosperidade.

14No santuario do Señor a coroa servirá de memorial de Heldai, de Tobías e de Iedaías, e da xenerosidade do fillo de Sefanías".

 

 

SEGUNDA PARTE: SERIE DE ORÁCULOS SALVÍFICOS ACERCA DO XAXÚN

 

Primeira resposta ó pobo de Xerusalén

 

Capítulo 7

 

1No ano catro do rei Darío, veulle a palabra do Señor a Zacarías, o día catro do noveno mes de Casleu. 2Betel encargou a Saréser e ó oficial do rei e ós seus homes de iren implorar a presenza favorable do Señor, 3e dicirlles ós sacerdotes que había no templo do Señor dos Exércitos e ós profetas: "¿Hei de seguir facendo a lamentación no quinto mes, privándome de todo tal e como o veño facendo desde hai tantos anos?".

4Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

5"Fálalles a todo o pobo do país e ós sacerdotes nestes termos:

Vós cando xaxuades e facedes lamentación no quinto e no sétimo mes,

xa hai disto setenta anos, ¿practicades o xaxún precisamente por min?

6Cando comedes e bebedes, ¿non o facedes por vós, comellóns e bebedores?

7¿Acaso non coñecedes as palabras que o Señor proclamou por medio dos antigos profetas,

cando Xerusalén estaba habitada e vivía tranquila

o mesmo cás cidades do seu arredor

cando o Négueb e a Xefelah estaban habitados?"

 

Razón polas que o xaxún aínda ha de continuar

 

8Veulle a palabra do Señor a Zacarías nestes termos:

9"Así fala o Señor dos Exércitos:

Sentenciade sentencia fiel.

Practicade cada un co seu irmán a bondade e a misericordia.

10A viúva e ó orfo, ó emigrante e ó pobre, non os oprimades.

Non matinedes nos vosos corazóns o mal, cada un contra o seu irmán".

11Pero vós rexeitastes facer caso, puxestes ombro rebelde e endurecestes os vosos oídos para non escoitardes 12e volvestes o voso corazón un diamante, para non facerdes caso desta lei e destas palabras, que o Señor dos Exércitos enviou mediante o seu Espírito por obra dos antigos profetas.

Por isto houbo grande carraxe de parte do Señor dos Exércitos. 13E sucedeu que, o mesmo que eu chamaba e vós non faciades caso, así tamén eles clamaban e eu non lles facía caso ‑di o Señor dos Exércitos‑. 14Eu espalleinos entre as nacións que non coñecían, e o país quedou feito unha desolación detrás deles, sen haber quen o cruzase nin o habitase. Deste xeito converteron un país de delicias nunha desolación".

 

Setenario de oráculos de restauración

 

Capítulo 8

 

1Veu a palabra do Señor nestes termos:

2"Así fala o Señor dos Exércitos:

Sinto grandes celos por Sión, con grande paixón sinto celos por ela.

3Así fala o Señor:

Volvo a Sión, e habitarei no medio de Xerusalén:

Xerusalén chamarase cidade fiel;

e a montaña do Señor dos Exércitos, Montaña Santa".

4Así fala o Señor dos Exércitos:

"Volverán sentar os vellos e mais as vellas nas prazas de Xerusalén,

con cadanseu bastón na man durante moitos días.

5E as prazas da cidade encheranse de mozos e mozas,

xogando nas súas prazas".

6Así fala o Señor dos Exércitos:

"Se isto é admirable ós ollos do resto deste pobo, naqueles días

tamén será admirable ós meus ollos" ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

7Así fala o Señor dos Exércitos:

"Velaí, eu serei quen salve o meu pobo do país do nacente

e tamén do país do solpor.

8Traereinos e habitarán no medio de Xerusalén,

serán para min o meu pobo, e eu serei para eles o seu Deus,

na fidelidade e na xustiza".

9Así fala o Señor dos Exércitos:

"Que as vosas mans se fortalezan,

vós que nestes días escoitades estas palabras da boca dos profetas;

nestes días nos que se poñen os alicerces do templo do Señor dos Exércitos

para reconstruír o santuario.

10Certo que antes destes días,

non se atopaba xornal para os homes,

nin había xornal para os animais,

e tanto quen saía coma quen entraba

non tiña paz por culpa do perseguidor,

pois botara a todos os homes,

a cada un contra o seu próximo.

11Pero agora eu non serei para o resto deste pobo,

coma nos tempos de antes"

‑é o Señor Deus dos Exércitos quen fala‑.

12"Velaí a sementeira da fartura:

a viña dará o seu froito,

a terra, o seu produto; e o ceo o seu orballo;

darei en herdanza todo isto ó resto deste pobo.

13Resultará que o mesmo que fostes maldición entre as nacións,

casa de Xudá e casa de Israel,

así tamén eu vos salvarei e seredes unha bendición.

¡Non teñades medo! ¡Que se fortalezan as vosas mans!".

14Así fala o Señor dos Exércitos:

"O mesmo que eu determinei a desgraza contra vós,

cando os vosos pais me anoxaran

‑fala o Señor dos Exércitos‑

e non tiven compaixón,

15así, me arrepentín e tracei nestes días

facerlles ben a Xerusalén e á casa de Xudá.

¡Non teñades medo!

16Estas son as cousas que habedes de practicar:

Dicide a verdade cada un ó seu próximo.

Sentenciade con fidelidade e con xuízo de paz nas vosas portas.

17Non maquinedes cada un no voso corazón

o mal contra o seu próximo,

non lles collades gusto ós xuramentos falsos,

porque é precisamente todo isto o que eu aborrezo"

‑é o Señor quen fala‑.

 

O xaxún converterase en festa de ledicia

 

18Veume a palabra do Señor nestes termos:

19"Así fala o Señor dos Exércitos:

O xaxún do cuarto mes,  o do quinto, o do sétimo e o do décimo

converteranse para a casa de Xudá en xúbilo,

en ledicia e en asembleas de festa gozosa.

Pero amade a fidelidade e a paz.

20Certo, aínda virán aquí as nacións e os habitantes das grandes cidades

e os habitantes dunha cidade irán a outra para dicir:

21Marchemos a implorar a presenza favorable do Señor,

a buscar o Señor dos Exércitos. Tamén vou eu.

22Virán pobos numerosos e nacións poderosas,

buscar o Señor dos Exércitos en Xerusalén,

e implorar a súa presenza favorable".

23Así fala o Señor dos Exércitos:

"Nos días aqueles collerán dez homes de todas as linguas das nacións,

si, collerán a un xudeu pola beira do manto dicíndolle:

Queremos ir canda vós, porque oímos que Deus está convosco".

 

 

DÉUTERO-ZACARÍAS

 

PRIMEIRA PARTE

 

Un resto dos pagáns entrará no clan de Xudá

 

Capítulo 9

 

1Oráculo.

A palabra do Señor está no país de Hadrac,

e Damasco é a súa residencia,

porque o mesmo Señor contempla a humanidade,

o mesmo ca a todas as tribos de Israel,

2igual Hamat e a súa fronteira, Tiro e Sidón.

¡Que sabedoría tan grande!

3Tiro construíu unha fortaleza

e aumentou a súa prata coma a terra,

e o seu ouro coma a lama dos camiños.

4Velaí o Señor: apodéranse de Tiro

e castiga co mar a súa riqueza,

e con lume é consumido Tiro.

5Axquelón verá isto e terá medo,

e Gaza retorcerase de tanta dor,

e tamén a Ecrón se lle reseca a súa esperanza.

O rei desaparecerá de Gaza,

e Axquelón non será habitada,

6reinará un bastardo en Axdod.

Deste xeito acabarei coa soberbia da Filistea,

7retirarei da súa boca o sangue que ela verteu,

e a abominación de entre os seus dentes.

Tamén dela quedará para o noso Deus un resto

que será coma un clan en Xudá,

e Ecrón será como foron os iebuseos.

8Eu acamparei no meu templo,

coma defensor contra o que vai e contra o que volve;

non volverá pasar por riba deles o opresor.

Si, agora vino cos meus ollos.

 

A chegada do Mesías, Rei humilde e pacificador

 

9Relouca, filla de Sión,

grita de ledicia, filla de Xerusalén.

Velaí chega o teu rei,

é xusto e protexido do Señor,

humilde e montado nun burro,

si, nun burriño fillo dunha burra.

10Eu acabarei cos carros de Efraím

e cos cabalos de Xerusalén,

acabarase o arco de guerra

e El anunciará a paz ás nacións,

reinará desde un mar a outro mar,

desde o Éufrates ós confíns da terra.

 

Restablecemento de Israel na unidade e prosperidade

 

11Por ti, pola alianza pactada contigo con sangue,

librarei os teus prisioneiros do pozo

que non ten auga.

12¡Volvede á praza forte,

prisioneiros que tendes esperanza!

Si, hoxe declaro que vos devolverei o dobre.

13Tensarei a Xudá como se fose o meu arco,

cargarei a Efraím, o meu arco;

incitarei ós teus fillos, Sión,

contra os fillos de Iaván,

farei de ti a espada dun guerreiro valente.

14Si, o Señor farase ver contra eles

e a súa frecha sairá coma un lóstrego.

O Señor Deus tocará a trompeta,

camiñará sobre os furacáns do sur.

15O Señor dos Exércitos protexeraos,

pero as pedras da súa fonda devorarán e esmagarán;

si, beberán sangue coma viño,

e encheranse coma a copa dos sacrificios,

coma os cornos do altar.

16O día aquel o Señor, o seu Deus, salvaraos,

porque eles son o rabaño do seu pobo,

porque as pedras da súa diadema relocen sobre a terra.

17¡Que feliz será o seu pobo! ¡Que fermoso será!

O trigo fará medrar os mozos,

o viño novo fará medrar as mozas.

 

Capítulo 10

 

1Pedídelle ó Señor a chuvia no tempo da primavera.

O Señor produce os tronos e a chuvia abondosa,

daralle a cada un a herba no campo.

 

A infidelidade ó Señor é a causa da súa ira e das deportacións

 

2Os terafíns anuncian falsidade e os adiviños ven mentiras,

anuncian soños ilusos, consolan con falsidades.

Velaí por que o pobo anda descamiñado coma un rabaño,

está aflixido por non ter pastor.

 

A restauración de Xudá e de Efraím

 

3A miña ira incéndiase contra os pastores,

e pediralles contas ós carneiros-guías.

Si, o Señor dos Exércitos visitará o seu rabaño, a casa de Xudá,

e converterao no seu cabalo esplendoroso de guerra.

4De Xudá sairá o teito das tendas, del as caravillas,

del os arcos de guerra, del sairán todos os xefes.

Xuntos 5estarán os heroes que na guerra esmagan

coma a lama dos camiños.

Si, loitarán, porque o Señor está con eles,

pero os que montan a cabalo quedarán avergonzados.

6Eu fortalecerei a casa de Xudá e salvarei a casa de Xosé.

Si, fareinos volver, porque teño compaixón deles

e serán coma se eu nunca os rexeitase,

pois eu son o Señor, o seu Deus, e heinos de escoitar.

7Os de Efraím serán coma heroes,

e o seu corazón alegrarase coma do viño,

e os fillos verano e alegraranse,

e o seu corazón brincará de ledicia polo Señor.

8Chamareinos co asubío e xuntareinos:

Si, rescatareinos e multiplicaranse coma antes.

9Sementareinos por entre as nacións,

e desde lonxe se lembrarán de min:

criarán aí os seus fillos, pero estes volverán.

10Fareinos volver do país de Exipto,

e recadareinos desde Asiria,

traereinos ó país de Galaad e ó Líbano,

tantos, que non haberá sitio para eles.

11O Señor cruzará a marusía e petará nas ondas

e secarán todas as profundidades do Nilo.

Humillará a soberbia de Asiria

e retirará o cetro de Exipto.

12Entón, fortalecereinos de parte do Señor,

e camiñarán coa forza do seu Nome

‑é o Señor quen fala‑.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com