Capítulos 11-14

 

Canto da vitoria en forma de sátira contra os inimigos

 

Capítulo 11

 

1Abre, Líbano, as túas portas,

que o lume devora os teus cedros.

2Fai lamentación, ti, ciprés,

que o cedro xa caeu:

as árbores espléndidas foron arrasadas.

Facede lamentacións, aciñeiras de Baxán,

que o bosque inaccesible se vén abaixo.

3¡Berros de lamentación dos pastores!

Porque a súa gloria quedou arrasada.

¡Berros de ruxidos dos cachorros de león!

Porque o esplendor do Xordán quedou arrasado.

 

Ledicia dos pastores

 

4Así fala o Señor, o meu Deus: "Pastorea o rabaño destinado á matanza. 5Os seus compradores vano matar, e non se sentirán culpables. Del dirán os seus compradores: ¡Bendito sexa o Señor, que me fago rico! En cambio os seus pastores non senten compaixón por el".

6"Certo, eu non volverei a ter piedade dos habitantes do país ‑é o Señor quen fala‑ e velaí entrego os homes na man de cadanseu pastor, na man do seu rei; arrasarei o país e non o librarei das súas mans".

7Entón eu pastoreei o rabaño destinado á matanza, en proveito dos seus traficantes.

Collín dous caxatos, e a un chameille: "Bondade"; e ó outro chameille "Unión", e pastoreei o rabaño. 8Logo fixen desaparecer a tres pastores nun só mes. Perdín a paciencia con eles, e eles tamén se anoxaron comigo.

9Entón dixen: "Xa non vos pastorearei: as ovellas que teñan que morrer, que morran; as que teñan que desaparecer, que desaparezan; e as que queden, que cada unha devore a carne da súa compañeira". 10Logo collín o caxato, a "Bondade", e partino, para romper a alianza que o Señor fixera con todos os pobos, 11e quedou roto no día aquel. Os tratantes do rabaño, que me observaban, recoñeceron que isto era palabra do Señor.

12Logo díxenlles: "Se vos parece ben, dádeme a miña soldada; e se non, deixádea". Pero eles pesaron a miña soldada: trinta moedas de prata. 13Logo o Señor díxome: "Botádella ó fundidor de metais; é o espléndido prezo no que fuches taxado por eles". Entón collín as trinta moedas de prata e boteillas no templo do Señor ó fundidor. 14Despois partín o segundo caxato, a "Unión", para romper a irmandade entre Xudá e Israel.

15E díxome o Señor: "Procura as ferramentas dun pastor que sexa aparvado. 16Pois, velaí, vou suscitar no país un pastor: das que van á ruína non se preocupará; pola descamiñada non buscará; á ferida, non a curará; da que aínda estea de pé non coidará, senón que comerá a carne da ovella gorda e arrincaralle as súas unllas".

 

Crise purificadora na que é ferido o pastor, e que remata na nova alianza

 

17"¡Ai do pastor de vento,

que abandona o rabaño!

Unha espada está contra o seu brazo

e contra o seu ollo dereito.

O seu brazo estase secando,

o seu ollo dereito estase apagando.

Espada, esperta contra o meu pastor,

contra o home do meu acompañamento".

13, 7É o Señor dos Exércitos quen fala.

"Fire ó pastor e que se esparexan as ovellas!

Si, eu revolverei a miña man contra as súas crías.

13, 8Sucederá en todo o país

‑é o Señor quen fala‑

que de tres partes del, dúas desaparecerán

e a terceira quedará.

13, 9Eu farei pasar polo lume esta terceira parte,

purificareinos tal como se refina a prata,

limpareinos tal como se purifica o ouro.

El invocará o meu Nome e eu escoitareino.

Direi: "El é o meu pobo". E el dirá: "O Señor é o meu Deus".

 

 

DÉUTERO-ZACARÍAS

 

SEGUNDA PARTE

 

Salvación e purificación de Xerusalén e Xudá coa morte do "Traspasado"

 

Capítulo 12

 

1Oráculo. Palabra do Señor acerca de Israel.

Oráculo do Señor que estende os ceos e que cimenta a terra,

que forma o espírito dos homes no seu interior.

 

I. Castigo universal pola opresión contra Xerusalén

 

2Velaí: eu converto a Xerusalén en cunca que emborracha a todos os pobos do arredor. Tamén lle tocará a Xudá, cando sexa o asedio contra Xerusalén.

3Sucederá no día aquel que converterei a Xerusalén en pedra de xogo: todos os pobos andarán a levantala. Todo o que a queira levantar, ferirase, e uniranse a ela todas as nacións da terra.

4No día aquel ‑é o Señor quen fala‑ atordarei a golpes a todos os cabalos; e ós seus cabaleiros, coa loucura. Cos meus ollos inspeccionarei a casa de Xudá, pero ferirei a todos os cabalos das nacións coa cegueira. 5Entón os xefes de Xudá pensarán nos seus corazóns: a forza dos habitantes de Xerusalén está no Señor dos Exércitos, o seu Deus.

 

6No día aquel converterei os xefes de Xudá nun braseiro con paus acendidos, e nun fachuco de restrollo aceso: devorarán cara á dereita e cara á esquerda a todas as nacións de arredor. Xerusalén volverá reinar no seu lugar, en Xerusalén.

 

II. Salvación de Xudá e Xerusalén

 

7O Señor salvará primeiro as tendas de Xudá, para que non se levante sobre Xudá o orgullo da casa de David e o orgullo dos que rexen en Xerusalén.

8No día aquel o Señor protexerá ó que rexe en Xerusalén. Aquel día o que máis cambalee de entre eles será coma David, e a casa de David será coma divina, igual có Anxo do Señor á fronte deles.

 

III. Purificación de Xerusalén coa lamentación polo "Traspasado"

 

9No día aquel tratarei de destruír a todos os pobos que entran en Xerusalén. 10Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ó meu Poderoso, a quen traspasaron. Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.

11No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.

12O país lamentarase, familia por familia, separadamente:

a familia da casa de David, e as súas mulleres;

a familia da casa de Natán, e as súas mulleres,

13a familia da casa de Leví e as súas mulleres;

a familia de Ximí e as súas mulleres.

14Todas as restantes familias, familia por familia,

e as súas mulleres separadamente.

 

Capítulo 13

 

1No día aquel haberá unha fonte de auga corrente para a casa de David e para os habitantes de Xerusalén, por culpa do pecado e da inmundicia.

 

IV. Purificación do país (Xudá)

 

2No día aquel ‑é o Señor quen fala‑ extirparei do país os nomes dos ídolos, e non volverán ser lembrados. Tamén farei desaparecer do país os profetas e o espírito de impureza. 3E sucederá que, se alguén volve a profetizar, o pai e a nai que o xeraron, diranlle: "Non podes seguir vivindo, xa que falaches mentiras no nome do Señor". E cando el profetice, o pai e a nai que o xeraron matarano a espada. 4Sucederá no día aquel que cada un dos profetas se avergonzará da súa visión, cando profetice en falso, e non vestirán manto de pelo para mentir. 5Dirá cada un: "Eu non son profeta, son un que traballa a terra, pois a terra é a miña posesión desde a miña mocidade". 6Pero diranlle: "¿Que son esas feridas entre as túas mans?" E responderá el: "Si, ferinme no templo dos meus amantes".

 

V. O pastor ferido e o rabaño disperso

 

7Érguete, espada, contra o meu pastor,

contra o home que está ó meu carón

‑oráculo do Señor dos Exércitos‑.

Fire ó pastor e que se escorrenten as ovellas.

Daquela volverei a miña man contra as máis febles.

8E acontecerá en todo o país

‑oráculo do Señor‑,

que dous terzos serán exterminados

e de certo morrerán,

mais un terzo quedará nel.

9A ese terzo fareino pasar polo lume

e acrisolareino como se acrisola a prata

e probareino como se proba o ouro.

El invocará o meu nome

e eu escoitareino;

direille "ti es o meu pobo"

e el dirame "Iavé meu Deus".

 

Combate escatolóxico e instauración do reinado universal do Señor

I. Combate escatolóxico contra Xerusalén

 

Capítulo 14

 

1Velaí chegará o día do Señor, e o botín que hai no medio de ti quedará repartido.

2Xuntarei a todos os pobos para a guerra contra Xerusalén,

a cidade será collida, as casas serán saqueadas e as mulleres violadas.

Media cidade sairá á deportación, pero o resto do pobo non será quitado dela;

3e sairá o Señor e pelexará contra aqueles pobos

como cando pelexaba no día do combate.

 

II. Iavé transforma os perigos idolátricos en refuxio do iavismo

 

4No día aquel os seus pés afincaranse no monte das Oliveiras,

que está cara a Xerusalén polo nacente,

e o monte das Oliveiras partirase en dúas metades.

Na dirección do nacente e na do poñente haberá un val moi grande,

pois unha metade do monte retirarase cara ó norte,

e a outra metade cara ó sur.

5Entón vós fuxiredes para o val das miñas montañas, xa que o val das montañas chega ata Asal. Si, fuxiredes como fuxistes ante o tremor de terra do tempo de Ozías, rei de Xudá.

¡Si, ven, Señor, meu Deus, e todos os consagrados contigo!

6Sucederá no día aquel que non haberá Sol e

as cousas tentadoras perderán o seu encanto.

7Será un día único, querido polo Señor, sen día e sen noite, e na tardiña haberá luz.

 

III. Transformación de Xerusalén co reinado do Señor

 

8Sucederá no día aquel que sairán de Xerusalén augas vivas,

a metade delas para o mar Morto,

e a outra metade para o Mediterráneo.

Isto sucederá no verán e no inverno.

9O Señor será entón Rei sobre toda a terra.

No día aquel o Señor será Único e o seu Nome será único.

10Todo o país se volverá unha chaira, desde Gueba ata Rimón, ó sur de Xerusalén, que estará no alto, e toda ela habitada: desde a porta de Benxamín ata o sitio da antiga porta dos Ángulos; e desde a torre de Hananel ata as prensas do rei 11habitarase nela. Non volverá haber destrución sagrada: Xerusalén será habitada con seguridade.

 

IV. Castigo das nacións

 

12Este será o castigo con que o Señor castigará a todas as nacións que combateron contra Xerusalén: facerlles podrecer a carne, que teñan que aguantar sobre os seus pés, que os ollos lles podrezan nas covas, que a súa lingua lles podreza na boca.

13Sucederá no día aquel que o pánico que o Señor provoque entre eles será grande: cada un collerá as mans do seu próximo e levantará contra el a súa man. 14E tamén Xudá pelexará en Xerusalén, e amorearanse as riquezas de todos os pobos do arredor: ouro, prata, e vestidos en grande cantidade.

15E coma este andazo, así será a peste dos cabalos, das mulas, dos camelos e dos burros, e de todos os animais dos seus campos.

 

V. Transformación cúltica universal

 

16Sucederá que todo aquel que quede de cada un dos pobos que viñeron contra Xerusalén, subirá de ano en ano a prostrarse ante o Rei, o Señor dos Exércitos, e a celebrar a festa das Tendas.

17E resultará que as familias da terra que non suban a Xerusalén para prostrarse ante o Rei, o Señor dos exércitos, non terán chuvia.

18E se algunha familia de Exipto non sobe ou non vén, virá tamén contra ela a peste coa que o Señor fere os pobos que non soben a celebrar a festa das Tendas. 19Este será o castigo polo pecado de Exipto e polo pecado dos pobos que non soben a celebrar a festa das Tendas.

20No día ese, nos chocallos dos cabalos estará esta inscrición: "Consagrado ó Señor" e os potes do templo do Señor estarán como a copa da aspersión, diante do altar. 21E todos os potes que haxa en Xerusalén e en Xudá, serán sacrificados ó Señor dos Exércitos; todos os que queiran ofrecer un sacrificio, virán e colleranos para cocer neles. Xa non volverá haber traficantes no templo do Señor no día aquel.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com