Capítulos 1-5

PROTO-ZACARÍAS

PRIMEIRA PARTE: OCTONARIO DE VISIÓNS

 

Chamada á conversión

 

Capítulo 1

 

1No mes oitavo do ano dous de Darío, veulle a palabra do Señor a Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:

2"O Señor está moi anoxado contra vosos pais".

3Has de lles dicir: así fala o Señor dos Exércitos:

"Volvede cara a min ‑oráculo do Señor dos Exércitos‑,

e eu volverei a vós" ‑díxoo o Señor dos Exércitos.

4Non sexades coma vosos pais, contra os que os profetas do pasado clamaron dicindo: "Así fala o Señor dos Exércitos: volvédevos dos vosos malos vieiros e das vosas obras ruíns". Pero non me fixeron caso nin me prestaron atención ‑é o Señor quen fala‑.

5¿Os vosos pais onde están?; e os profetas, ¿vivirán eternamente?

6As miñas palabras e os meus decretos,

que eu encarguei ós meus servos os profetas,

¿non lles chegaron ós vosos pais?

Eles convertéronse e dixeron: "Tal coma o Señor dos Exércitos pensou facernos a nós, conforme ós nosos vieiros e ós nosos feitos, así nolo fixo".

 

Primeira visión: o anxo e os cabalos que están entre os mirtos

 

7O día vinte e catro do mes undécimo, o mes de Xebat, no ano segundo de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:

8Tiven unha visión durante a noite e velaí un home montado nun cabalo vermello. Estaba de pé entre os mirtos, que teñen as raíces nas profundidades, e detrás del había cabalos vermellos, cardosos e brancos. 9Entón eu dixen: "Meu Señor, ¿que son estas cousas?" O anxo que falaba comigo díxome: "Eu vouche facer ver o que son estas cousas".

10E o home que estaba de pé entre os mirtos, respondeu: "Estes son aqueles a quen o Señor lles encargou que percorresen a terra". 11Entón eles dirixíronse ó anxo do Señor que estaba de pé entre os mirtos, dixéronlle: "Xa percorremos a terra, e velaí que toda a terra está habitada e tranquila".

12Entón o anxo do Señor tomou a palabra, e dixo: "Señor dos Exércitos, ¿ata que día non te vas compadecer de Xerusalén e das cidades de Xudá, coas que levas enfadado setenta anos?"

13E o Señor respondeulle ó anxo, que falaba comigo, palabras boas e palabras consoladoras. 14Entón o anxo que falaba comigo díxome: "Proclama isto: así fala o Señor dos Exércitos.

Teño celos por Xerusalén e por Sión, grandes celos.

15Estou moi anoxado coas nacións, fachendosas da súa tranquilidade.

Si, estaba un pouco anoxado, pero eles axudaron co seu mal".

16Por isto así fala o Señor:

"Volvereime a Xerusalén con misericordia, e o meu templo será reconstruído por ela,

‑oráculo do Señor dos Exércitos‑ e o cordel de medir estenderase sobre Xerusalén".

17Volve a clamar nestes termos:

"Así fala o Señor dos Exércitos: as miñas cidades volverán a fartarse de bens.

Si, o Señor volverase compadecer de Sión e volverá preferir a Xerusalén".

 

Segunda visión: os catro cornos e os catro ferreiros

 

Capítulo 2

 

1Erguín os ollos e tiven unha visión: e velaí catro cornos. 2Logo díxenlle ó anxo que falaba comigo: "¿Que é isto?" El contestou: "Estes son os cornos que espallaron a Xudá, a Israel e a Xerusalén". 3Logo o Señor fíxome ver catro ferreiros. 4Eu dixen: "¿Que veñen facer estes?" El respondeume: "Aqueles son os cornos que espallaron a Xudá, de xeito que ninguén puido levantar a súa cabeza e estoutros veñen para espantalos, para botar fóra os cornos das nacións, que levantaron o seu corno contra o país de Xudá para o espallaren".

 

Terceira visión: Xerusalén será unha vila aberta

 

5Logo erguín os meus ollos e tiven unha visión: Velaí un home e na súa man un cordel de medir. 6Díxenlle: "¿Onde vas ti?" e el contestou: "Medir a Xerusalén, para ver cal é a súa longura e cal é a súa anchura". 7O anxo que falaba comigo saíu, e outro anxo veu ó seu encontro, 8e díxolle: "Corre e fálalle a ese mozo nestes termos:

Xerusalén debe seguir sendo cidade aberta.

Por mor do fato de homes e animais que haberá dentro dela.

9Eu voume converter ‑oráculo do Señor‑na súa muralla de lume todo arredor

e convertereime na súa gloria no medio dela".

 

Chamada ós que quedaron en Babilonia

 

10¡Ai! ¡Ai!, fuxide do país do norte ‑é o Señor quen fala‑,

que vos vou esparexer coma os catro ventos do ceo ‑é o Señor quen fala‑.

11¡Ai, Sión!: escapa,

ti que habitas na casa de Babilonia.

12Porque así fala o Señor dos Exércitos,

quen despois da súa manifestación gloriosa me enviou

contra as nacións que vos teñen saqueado:

"Si, quen vos fere, fere a meniña do meu ollo.

13Velaquí que eu movo a miña man contra eles, e serán presa dos seus servos:

entón recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me mandou".

 

Alégrate, filla de Sión

 

14"Exulta e alégrate, filla de Sión,

pois, velaí, eu chego, e habitarei no medio de ti

‑é o Señor quen fala‑.

15No día aquel pobos numerosos uniranse ó Señor, serán o meu pobo.

Habitarei no medio de ti, e entón recoñecerás

que o Señor dos Exércitos me mandou onda ti.

16O Señor collerá en herdanza a Xudá, que é o seu quiñón na Terra Santa,

tamén volverá escoller a Xerusalén.

17¡Silencio, carne toda, por mor da presenza do Señor!

¡Si, esperta e sae da súa Morada Santa!"

 

Cuarta visión

A) Restauración do sumo sacerdocio de Iehoxúa

 

Capítulo 3

 

1Apareceume en visión o sumo sacerdote Iehoxúa, de pé diante do anxo do Señor, e Satanás estaba á súa dereita para o acusar.

2O Señor díxolle a Satanás: "O Señor reprenderate, Satanás; reprenderate o Señor, que escolle a Xerusalén. ¿Acaso non é máis ca un tizón collido do lume?".

3Iehoxúa ía vestido con roupas lixosas e estaba de pé diante do anxo. 4Este colleu a palabra e díxolles ós que estaban diante súa: "Quitádelle as roupas lixosas". E a el díxolle: "Olla, retiro de sobre ti a túa iniquidade, pero trata de vestirte con vestidos limpos". 5E engadiu: "Póndelle unha tiara limpa na cabeza". Colocáronlle a tiara limpa na súa cabeza e puxéronlle os vestidos. O anxo do Señor estaba alí de pé. 6Logo o anxo do Señor fíxolle unha declaración a Iehoxúa nestes termos:

7"Así fala o Señor dos Exércitos.

Se camiñas polos meus vieiros e se gardas os meus mandamentos,

ti gobernarás o meu templo e gardarás os meus adros

e dareiche entrada libre entre estes que están aquí.

8Escoita ben, Iehoxúa, sumo sacerdote,

ti e os teus compañeiros que sentan na túa presenza porque eles son homes proféticos.

 

B) Restauración do sacerdocio e do templo na perspectiva mesiánica

 

Si, vede: vou traer o meu servo, o Refillo.

9Si, velaí a pedra que puxen diante de Iehoxúa:

sobre esta pedra única hai sete ollos:

nela vou esculpir o seu gravado

‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑

e no mesmo día quitarei a iniquidade deste país.

10O día aquel ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑

invitaredes cada un ó seu compañeiro,

debaixo da parra e debaixo da figueira".

 

Quinta visión: o candelabro, o sacerdote e o príncipe mesiánico

 

Capítulo 4

 

1O anxo que falaba comigo volveu e espertoume, como quen esperta do sono. 2E díxome: "¿Que ves ti?" Contesteille: "Tiven unha visión, e velaí un candelabro todo el de ouro coa aceiteira na súa cima e sete lámpadas nel, e sete bicos nas lámpadas que tiña na súa cima. 3O lado había dúas oliveiras, unha á dereita da aceiteira e outra á súa esquerda". 4Logo collín a palabra e díxenlle ó anxo que falaba comigo: "Meu Señor, ¿que son estas cousas? 5E o anxo que falaba comigo respondeume: "¿Non sabes que son estas cousas? Eu díxenlle: "Non, meu Señor". 6El repúxome: "Esta é a palabra do Señor acerca de Zerubabel, nestes termos:

Non é polo poder, nin pola forza, senón polo meu Espírito ‑di o Señor dos Exércitos‑.

7¿Quen es ti, grande montaña? ‑Diante de Zerubabel resultas ser unha chaira.

Si, el é quen coloca a pedra da clave do arco.

Hai clamores: ¡Que bonita! ¡Que bonita é!"

8Veume a palabra do Señor nestes termos:

9"As mans de Zerubabel puxeron os alicerces deste templo

e as súas mans rematárono.

Así recoñeceredes que o Señor dos Exércitos

me encargou de vir a vós.

10¿A quen desprezou o día dos pequenos comezos?

Que se alegren ó ver a pedra da chumbada na man de Zerubabel.

10bEstes sete bicos son os ollos do Señor que percorren toda a terra". 11Eu collín a palabra e pregunteille: "¿Que significan esas dúas oliveiras á dereita do candelabro e á súa esquerda?" 12Volvín coller a palabra de segundas e díxenlle: "¿Que significan as dúas pólas da oliveira, cos dous tubos de ouro que levan o aceite da primeira prensadura?" 13El díxome así: "¿Non sabes o que significa?" Contesteille: "Non, meu Señor". 14El dixo: "Estes son os dous que están marcados co aceite, e mantéñense de pé ó lado do Señor de toda a terra".

 

Sexta visión: o libro da maldición

 

Capítulo 5

 

1Volvín erguer os meus ollos e tiven unha visión: velaí un rolo de escribir que voaba. 2El díxome: "¿Que estás vendo?" Eu contesteille: "Estou vendo un rolo de escribir que vai voando; o seu longo é de vinte cóbados, a súa anchura de dez". 3Entón el díxome: "Isto é a maldición que se estende por todo o país; conforme a ela todo o que roube será expulsado deste país, e todo o que perxura, será tamén expulsado. 4Fíxena saír ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑, para que entre na casa do ladrón e na casa do que xura en falso polo meu nome para que quede dentro delas e se consuman as súas madeiras e as súas pedras".

 

Sétima visión: a muller posta na medida de efah

 

5Logo saíu o anxo que falaba comigo e díxome: "¡Ei! Abre os teus ollos, ¿que é iso que aparece?" 6Contesteille: "¿Que é?" E el díxome: "Iso é unha medida de efah que se aparece". E engadiu: "Isto é a iniquidade deles en todo o país". 7Daquela levantouse da terra un disco de chumbo, e onda el unha muller sentada na medida de efah. 8El dixo: "Esta é a Maldade". Logo botouna dentro da medida de efah e púxolle a lousa de chumbo á boca da medida de efah.

9Logo abrín os ollos e tiven unha visión: Apareceron dúas mulleres: tiñan espírito nas súas ás, e as ás eran coma as ás da cegoña. Levantaron a medida de efah entre a terra e o ceo.

10Entón pregunteille ó anxo que falaba comigo: "¿Onde están levando elas a medida de efah?". 11El díxome: "Van construírlle unha casa no país de Xinar, e cando estea feita, será posta alí sobre o seu pedestal".

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com