Capítulos 6-10

CAPÍTULO 6

 

A lei dos nazireos

 

1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Dilles ós fillos de Israel: Calquera home ou muller que fagan voto de nazireato e queiran consagrarse ó Señor, 3non poderán beber viño nin bebidas embriagadoras, nin vinagre de viño, nin outras bebidas fermentadas de uva, nin comerá uvas frescas ou pasas. 4Mentres lles dure o nazireato, non tomarán nada que veña do froito das cepas, nin das sementes nin do bagazo. 5En todo o tempo do nazireato non pasará a navalla pola cabeza, ata que se completen os días da súa consagración ó Señor: será reservado para o Señor e deixará crecer os cabelos da súa cabeza. 6En todo o tempo da súa consagración ó Señor como nazireo non poderá tocar o cadáver de ningún morto. 7Para non se contaminar, non se achegará ó cadáver nin de seu pai, nin de súa nai, nin de seu irmán, nin da súa irmá, porque leva na súa cabeza o sinal de estar consagrado a Deus. 8Durante todo o tempo do seu nazireato está consagrado ó Señor.

9Mais se por un casual morre de súpeto alguén á súa beira, e queda impuro o sinal do nazireato que leva na cabeza, rapará logo a cabeza no día da súa purificación, isto é, no sétimo día. 10E no oitavo día irá onda o sacerdote á porta da Tenda do Encontro, levando dúas rulas ou dous pombiños. 11O sacerdote fará o sacrificio con un deles polo pecado, e ofrecerá o outro en holocausto para expiar por el, para lle borrar a mancha contraída por se achegar ó cadáver. Quedará purificada a súa cabeza nese mesmo día. 12Consagrará de novo ó Señor os días do seu voto de nazireo, e presentará un año dun ano para expiar pola culpa, e non lle valerán os días do voto xa pasados, porque foi contaminado o seu nazireato.

 

Final do tempo do nazireato

 

13Esta é a lei do nazireato: o día en que se complete o prazo do seu nazireato, será conducido á entrada da Tenda do Encontro, 14e ofrecerá a súa ofrenda ó Señor: un año dun ano sen defecto, que se queimará en holocausto, e unha aña dun ano, tamén sen defecto para a expiación dos seus pecados, e un carneiro sen mancha para o sacrificio de comuñón; 15e tamén un cesto de bolos de pan asmo de flor de fariña triga, amasada con aceite, e tortas sen fermento cociñadas con aceite, e todo o que se precisa para a oblación e as libacións destes sacrificios. 16O sacerdote presentará todo ó Señor e ofrecerá o sacrificio expiatorio polo pecado, e mais o holocausto. 17Ofrecerá o carneiro como sacrificio de comuñón en honor ó Señor, xunto coas cousas do cesto e ofrecerá ademais as correspondentes libacións.

18Diante da porta da Tenda do Encontro o nazireo rapará a súa cabeza, recollerá os cabelos consagrados polo voto de nazireo e botaraos ó lume, que arde debaixo da vítima dos sacrificios de comuñón. 19Despois o sacerdote collerá a pá asada do carneiro, e un bolo de pan sen fermento do cesto dos ázimos e unha torta sen fermento, e porá todo isto na palma da man do nazireo, despois que teña acabado de lle rapar a cabeza consagrada. 20O sacerdote abalarao todo ritualmente diante do Señor: é unha cousa santa que lle pertence a el, ademais do peito, que tamén abalará, e da perna dianteira, que presentará ó Señor do mesmo xeito. Despois disto o nazireo poderá xa beber viño. 21Esta é a lei do nazireo que fixo un voto, cando presente a súa ofrenda ó Señor para a súa consagración, ademais do que poida engadir. Procederá de acordo coas promesas que fixo ó formular o voto, conforme a lei do nazireato".

 

A bendición solemne

 

22O Señor faloulle a Moisés: 23‑"Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: 24Que o Señor te bendiga e te garde. 25Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. 26Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. 27Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos".

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

As ofrendas dos xefes das tribos de Israel

 

1E aconteceu que o día en que Moisés acabou de construír o Tabernáculo e unxilo e mais consagralo con  todos os seus utensilios, consagrou tamén o altar con todos os seus utensilios, 2os príncipes de Israel presentaron unha ofrenda, como cabezas das súas casas patriarcais, isto é, os que eran xefes cando fixeran o censo. 3Trouxeron como ofrenda ó Señor seis carros cubertos e doce bois, un carro por cada un dos xefes e un boi por cada un, e presentáronos diante do Tabernáculo. 4O Señor díxolle a Moisés: 5‑"Recibe estas cousas, para que se dediquen ó servizo da Tenda do Encontro, e entrégallelas ós levitas, a cada un conforme o seu oficio". 6Recibiu Moisés os carros e os bois e déullelos ós levitas. 7Dous carros e catro bois déullelos ós fillos de Guerxón, conforme ó seu servizo. 8Os fillos de Merarí entregoulles catro carros e oito bois, tamén de acordo coas necesidades do seu oficio, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón. 9Os fillos de Quehat, non obstante, non lles deu nin carro nin bois, porque teñen ó seu cargo transportar nos ombros as cousas máis santas. 10Os xefes presentaron as súas ofrendas pola dedicación do altar, no día en que foi unxido: cada un presentou as súas ofrendas diante do altar. 11E díxolle o Señor a Moisés: ‑"Que os príncipes presenten a súa ofrenda para a dedicación do altar, un cada día".

12A orde de presentación foi esta: o primeiro día fixo a ofrenda Nahxón, fillo de Aminadab, pola tribo de Xudá. 13A súa ofrenda foi: unha fonte de prata, que pesaba cento trinta siclos e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 14unha cunca toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 15un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 16un chibo para o sacrificio de expiación; 17e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos e cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Nahxón, fillo de Aminadab.

18O segundo día fixo a ofrenda Natanael, fillo de Suar, príncipe de Isacar. 19Velaquí a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 20unha cunca toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 21un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 22un chibo para o sacrificio expiatorio polo pecado; 23e para o sacrificio de comuñón, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Tal foi a ofrenda de Natanael, fillo de Suar.

24O terceiro día ofrendou Eliab, fillo de Helón, príncipe dos fillos de Zebulón. 25A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 26unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 27un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 28un chibo para o sacrificio polo pecado; 29e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Eliab, fillo de Helón.

30O día cuarto presentou Elisur, fillo de Xedeur, príncipe dos fillos de Rubén, a súa ofrenda. 31A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 32unha cunca de ouro de dez siclos chea de incenso; 33un xovenco, un carneiro dun ano para o holocausto, 34un chibo para o sacrificio polo pecado; 35e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi toda a ofrenda de Elisur, fillo de Xedeur.

36O día quinto ofrendou Selumiel, fillo de Surixadai, príncipe dos fillos de Simeón. 37A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, conforme ó siclo do santuario, unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite para a oblación; 38unha cunca de ouro de lei de dez siclos, chea de incenso; 39un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 40un chibo para o sacrificio polo pecado; 41e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Xelumiel, fillo de Surixadai.

42O día sexto, Eliasaf, fillo de Deuel, príncipe dos fillos de Gad, fixo a súa ofrenda. 43A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 44unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 45un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 46dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comuñón. 47Toda esta foi a ofrenda de Eliasaf, fillo de Deuel.

48O día sétimo, Elixamá, fillo de Amihud, príncipe dos fillos de Efraím, 49fixo a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 50unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 51un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 52un chibo para o sacrificio polo pecado; 53dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comuñón. Esta foi a ofrenda de Elixamá, fillo de Amihud.

54O día oitavo, o príncipe dos fillos de Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur, 55presentou a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 56unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 57un xovenco, un carneiro e un año dun ano, para o holocausto; 58un chibo para o sacrificio polo pecado; 59para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Gamaliel, fillo de Pedahsur.

60O día noveno o príncipe dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón, 61fixo a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 62unha cunca de ouro de dez siclos chea de incenso; 63un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 64un chibo para o sacrificio polo pecado; 65e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Abidán, fillo de Guideón.

66O décimo día, o príncipe dos fillos de Dan, Ahiézer, fillo de Amixadai, 67presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 68unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 69un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 70un chibo para o sacrificio polo pecado; 71e para o sacrificio de comuñón, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahiézer, fillo de Amixadai.

72O undécimo día, o príncipe dos fillos de Axer, Paguiel, fillo de Ocrán, 73presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata, de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite, para a oblación; 74unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 75un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 76un chibo para o sacrificio polo pecado; 77para o sacrificio da comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Paguiel, fillo de Ocrán.

78O duodécimo día, o príncipe dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán, 79presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada en aceite para a oblación; 80unha cunca de ouro de dez siclos, cheo de incenso; 81un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 82un chibo para o sacrificio polo pecado; 83e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahirá, fillo de Enán.

84As ofrendas presentadas polos príncipes de Israel con motivo da dedicación do altar, cando foi consagrado, foron estas: fontes de prata, doce; artesas de prata, doce; cuncas de ouro, doce. 85Cada fonte de prata pesaba cento trinta siclos e cada artesa de prata setenta siclos: en total a prata das fontes e bacías foi de dous mil catrocentos siclos de prata, conforme o siclo do santuario. 86As doce cuncas de ouro cheas de incenso, todas elas de ouro de lei, en siclos do santuario sumaron un total de cento vinte siclos. 87A suma dos animais para o holocausto: doce xovencos, doce carneiros, doce años dun ano, coas súas oblacións correspondentes; e para o sacrificio polo pecado, doce chibos. 88O total dos animais para o sacrificio de comuñón foi de vinte e catro xovencos, sesenta carneiros, sesenta chibos gordos, e sesenta años dun ano. Todo isto con motivo da dedicación do altar despois da súa consagración.

89Cando Moisés entraba na Tenda do Encontro para falar con Deus, escoitaba a voz que lle falaba desde o propiciatorio, que estaba sobre a Arca do Testemuño, entre os dous querubíns: faláballe desde alí.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

O candelabro

 

1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Dille a Aharón: Cando teñas montadas as lámpadas, as sete lámpadas deben alumar de cara á parte dianteira do candelabro". 3Fíxoo así Aharón, facendo montar as súas lámpadas pola parte dianteira do candelabro, como lle mandara o Señor a Moisés. 4Este era o traballo artístico do candelabro: todo de ouro batido a martelo, tanto o pé coma todos os seus brazos, todo de ouro batido a martelo: segundo a visión que o Señor mostrara a Moisés, así se fixo o candelabro.

 

Consagración dos levitas

 

5Díxolle o Señor a Moisés: 6‑"Toma os levitas do medio dos fillos de Israel e purifícaos. 7Para os purificar, farás deste xeito: asperxeralos con auga de expiación; logo pasarán a navalla por todo o seu corpo, lavarán os seus vestidos: así quedarán purificados. 8Despois tomarán un xovenco coa súa ofrenda de flor de fariña, amasada con aceite, como oblación, e ti tomarás outro xovenco que ofrecerás coma expiación polo pecado. 9Farás que se aproximen os levitas diante da Tenda do Encontro, e alí congregarás a toda a comunidade dos fillos de Israel. 10Entón farás que se acerquen os levitas ante o Señor e os fillos de Israel imporán as súas mans sobre os levitas. 11Aharón ofrecerá os levitas diante do Señor, como ofrenda dos fillos de Israel, e así quedarán dedicados ó servizo do Señor. 12Logo os levitas imporán as súas mans sobre a cabeza dos xovencos; deles ofrecerás un en sacrificio polo pecado e outro en holocausto ó Señor, para faceres expiación polos levitas. 13Colocarás despois os levitas de pé diante de Aharón e de seus fillos, e farás o xesto de ofrecelos ó Señor. 14Separarás así os levitas de entre os fillos de Israel, e os levitas serán para min. 15Despois disto, os levitas entrarán ó servizo da Tenda do Encontro, e purificaralos: farás deles unha ofrenda, 16porque eles son unha verdadeira ofrenda, doada a min, entre todos os fillos de Israel, en lugar de todos os primoxénitos, os que abren o seo materno de entre os fillos de Israel. Eu escollinos para min. 17Porque meus son todos os primoxénitos dos fillos de Israel, tanto de homes como de animais; eu consagreinos para min, desde o día en que ferín a todos os primoxénitos na terra de Exipto. 18Escollín os levitas en lugar de todos os primoxénitos de Israel, 19e, tirándoos do medio do pobo, entreguéillelos a Aharón e a seus fillos, para que me sirvan polos fillos de Israel na Tenda do Encontro e para que ofrezan expiación polos fillos de Israel, de sorte que non veña ningunha praga entre os israelitas cando se aproximen ó santuario". 20Moisés e Aharón e toda a asemblea dos fillos de Israel fixeron, acerca dos levitas, canto lle ordenara o Señor a Moisés ó respecto: así fixeron acerca deles os fillos de Israel. 21Os levitas purificáronse e lavaron os seus vestidos. Aharón fixo o xesto de ofrecelos na presenza do Señor, e logo fixo expiación por eles, para os purificar. 22Despois disto os levitas entraron a facer o servizo na Tenda do Encontro, diante de Aharón e seus fillos. Tal como o Señor ordenara a Moisés acerca dos levitas, así fixeron con eles.

23O Señor díxolle a Moisés: 24‑"Isto é o que incumbe ós levitas: desde a idade de vinte e cinco anos para arriba entrarán a prestar servizo na Tenda do Encontro; 25mais ó chegaren ós cincuenta anos, retiraranse das súas funcións e xa non servirán máis. 26Poderán axudar ós seus irmáns na Tenda do Encontro, facendo garda, pero servizo non o farán. Así has facer no referente ó servizo dos levitas.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Regulamento da Pascua

 

1O Señor díxolle a Moisés no deserto de Sinaí no segundo ano da súa saída de Exipto, no primeiro mes: 2‑"Celebren os fillos de Israel a Pascua no tempo sinalado. 3O día catorce dese mes á tardiña celebrarédela de acordo con todas as súas disposicións e conforme a todos os ritos e indicacións". 4Moisés mandoulles ós fillos de Israel que celebrasen a Pascua. 5Celebrárona o día catorce do mes, á tardiña, no deserto de Sinaí, en conformidade con todo o que lle mandara o Señor a Moisés: así fixeron os israelitas. 6E sucedeu que algúns homes estaban impuros porque se achegaron a un cadáver e non puideron celebrar a Pascua aquel día. Foron entón aquel mesmo día onda Moisés e Aharón, e dixéronlles: 7‑"Nós estamos impuros por mor dun cadáver, ¿por que habemos nós de ser privados de facermos a ofrenda do Señor ó seu tempo no medio dos fillos de Israel?" 8Moisés respondeulles: ‑"Esperade, mentres eu consigo a resposta do Señor para vós". 9O Señor faloulle a Moisés: 10‑"Dilles ós fillos de Israel: Se algún de vós ou dos vosos descendentes se encontra impuro por un cadáver ou está de viaxe lonxe de vós, poderá celebrar a Pascua en honor do Señor; 11celebrarana o mes segundo, o día catorce, á tardiña. Celebrarédela comendo do pan asmo e herbas amargas. 12Non deixarán nada dela para a mañá seguinte, nin lle crebarán ningún óso. Han celebrar a Pascua seguindo ó pé da letra todo o establecido. 13Canto ó home que, estando impuro e non se encontrando de viaxe, non celebra a Pascua, deberá ser exterminado de entre seu pobo, por non ofrecer o seu sacrificio ó Señor no tempo indicado. Ese home cargará co seu pecado. 14E se morase convosco un estranxeiro e quixese celebrar a Pascua en honra do Señor, conforme o regulamento da Pascua e seguindo ó pé da letra as regras todas, deberao facer tamén así: unha soa é a lei para vós e para os estranxeiros, así como para os nativos do país".

 

A nube

 

15O día mesmo en que se erixiu o Tabernáculo, a Nube cubriu o Tabernáculo pola parte da Tenda do Testemuño, e á tarde houbo sobre o Tabernáculo ata á mañá como unha especie de lume. 16Así acontecía continuamente: a Nube cubríao de día, e de noite aparecía coma unha especie de lume. 17Cando a Nube se levantaba de enriba da Tenda, os fillos de Israel púñanse en marcha, e no lugar onde a Nube paraba, alí acampaban os fillos de Israel. 18Os fillos de Israel camiñaban obedecendo a orde do Señor e de acordo coa orde do Señor acampaban. Todo o tempo que a Nube estaba parada sobre o Tabernáculo, permanecían no mesmo lugar. 19Cando a Nube se detiña moitos días sobre o Tabernáculo, os fillos de Israel observaban as ordes do Señor, e non partían. 20Outras veces a Nube permanecía sobre o Tabernáculo certo número de días. Por orde do Señor acampaban e por orde do Señor partían. 21As veces a Nube quedaba só da tarde á mañá, pero en canto a Nube se elevaba pola mañá, eles partían; 22ás veces dous días, un mes ou un ano, en tanto que a Nube se detiña sobre o Tabernáculo, os fillos de Israel permanecían acampados e non partían; pero en canto ela se elevaba, levantaban o campamento. 23Por orde do Señor acampaban e por orde do Señor partían, gardando as normas, como lles ordenara o Señor por medio de Moisés.

 

 

II. PARTIDA DO SINAI CARA A CADEX

 

CAPÍTULO 10

 

As trompetas

 

1Mandoulle o Señor a Moisés:

2‑"Faite dúas trompetas de prata; faralas batidas a martelo e usaralas para convocar a comunidade e para dar o sinal de levantar o campamento. 3Cando as fagas soar, xuntarase onda ti toda a comunidade á porta da Tenda do Encontro. 4Se se toca unha só, virán a ti os príncipes, os xefes das agrupacións de Israel. 5Cando toquedes con estrondo, deberán levantar o campamento os acampados pola banda do abrente. 6E cando toquedes con estrondo por segunda vez, deberán levantar o campamento os do mediodía; tocarase, pois, o toque estrondoso para se poren en marcha aqueles. 7Para congregar a comunidade tamén tocaredes, pero non con estrondo. 8Os fillos de Aharón, os sacerdotes, tocarán as trompetas, que serán para vós lei perpetua nas vosas xeracións. 9Cando teñades que saír á guerra, no voso país, contra o inimigo que vos ataca, tocaredes as trompetas con estrondo e o Señor Deus voso acordarase de vós, e seredes liberados dos vosos inimigos. 10Nos vosos días de xúbilo, nas vosas solemnidades e nos primeiros de mes, tocaredes as trompetas durante os vosos holocaustos e sacrificios de comuñón, para que vos sirvan de memorial na presenza do voso Deus. ¡Eu son o Señor, voso Deus!"

 

Orde de partir

 

11O ano segundo, o segundo mes, o vinte do mes, aconteceu que a Nube se elevou de enriba do Tabernáculo do Testemuño. 12Os fillos de Israel partiron do deserto de Sinaí por etapas, e a Nube detívose no deserto de Parán. 13Foi deste xeito como levantaron o campamento por primeira vez, segundo a orde do Señor, dada por medio de Moisés. 14Partiu a primeira a insignia do campamento dos fillos de Xudá, conforme os seus escuadróns, e como xefe da tropa ía Nahxón, fillo de Aminadab. 15Como xefe do exército da tribo dos fillos de Isacar ía Natanael, fillo de Suar; 16e como xefe do exército da tribo dos fillos de Zebulón, Eliab, fillo de Helón. 17Cando se desarmou o Tabernáculo, comezaron a marcha os fillos de Guerxón e os de Merarí, que cargaban co Tabernáculo.

18Logo saíu a insignia do campamento de Rubén, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elisur, fillo de Xedeur. 19Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Simeón ía Xelumiel, fillo de Surixadai; 20e como xefe do exército da tribo dos fillos de Gad, ía Eliasaf, fillo de Deuel. 21E saíron os quehatitas, levando o obxecto santo; e xa lles ergueran o Tabernáculo antes de chegaren eles. 22Despois partiu a insignia do campamento dos fillos de Efraím, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elixamá, fillo de Amihud. 23Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Menaxés ía Gamaliel, fillo de Pedahsur; 24e coma xefe do exército da tribo dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón.

25Logo a insignia do campamento dos fillos de Dan, segundo os seus escuadróns. Saíu a derradeira, pechando todos os campamentos, e coma xefe da tropa ía Ahiézer, fillo de Amixadai. 26Coma xefe do exército da tribo de Axer ía Paguiel, fillo de Ocrán, 27e coma xefe do exército formado pola tribo dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán. 28Esta foi a orde das marchas dos fillos de Israel, repartidos nos seus escuadróns, cando partían.

 

O Señor conduce o pobo

 

29Moisés díxolle a Hobab, fillo de Reuel, madianita, sogro de Moisés: ‑"Nós partimos para o lugar, do que nos dixo o Señor: Héivolo dar a vós. Ven connosco e habémoste de tratar ben, pois o Señor prometeu o ben a Israel".

30Pero el respondeulle:

‑"Non irei convosco, senón que me vou ir para a miña terra, onda os meus parentes".

31Moisés insistiu:

‑"¡Rógoche que non nos deixes, pois ti coñeces ben os lugares axeitados onde habemos acampar no deserto, e serás para nós un bo guía! 32Se vés connosco, terás parte no ben que nos faga o Señor a nós, de todos os bens che daremos parte".

33E partiron do monte do Señor e andaron o camiño de tres días. A Arca da Alianza do Señor ía diante deles durante os tres días de camiño, para buscarlles sitio onde repousar. 34A Nube do Señor ía enriba deles de día, ó saíren do campamento. 35Para que a Arca se puxese en camiño, Moisés exclamaba:

‑"¡Levántate, Señor;

sexan dispersos os teus inimigos;

e fuxan os que te aborrecen

diante da túa presenza!".

36E cando se detiña, dicía:

‑"Vólvete, Señor, cara ós milleiros das familias de Israel".

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com