Capítulos 11-15

CAPÍTULO 11

 

Murmuración do pobo

 

1Aconteceu que o pobo comezou a queixarse a oídas do Señor. Oíuno o Señor, e alporizouse. O lume do Señor acendeuse contra aquel, e devorou un extremo do campamento. 2O pobo clamou entón a Moisés; Moisés orou ó Señor, e o lume apagouse. 3Chamouse aquel lugar co nome de Incendio, porque alí se acendera contra eles o lume do Señor.

4O xentío alporizado, que ía no medio do campamento, devecía por alimentos, e os fillos de Israel comezaron de novo a chorar dicindo: ‑"¿Quen nos dará carne para comer? 5Lembrámonos do peixe, que de balde comiamos en Exipto, dos cogombros, dos melóns, dos allos porros, das cebolas e dos allos. 6Agora, en troques, temos a gorxa seca; non temos nada; soamente temos diante dos ollos o maná".

7O maná era como a semente de coriandro, da cor do bedelio. 8O pobo espallábase para o recoller; despois moíano ou esmagábano nos morteiros e cocíano nunha ola e facían del tortas dun sabor semellante ó dun pan amasado con aceite. 9Cando de noite caía o orballo sobre o campamento, caía tamén o maná sobre el.

 

Os axudantes de Moisés

 

10Oiu Moisés ó pobo chorando en familias, cada un á porta da súa tenda, e a cólera do Señor acendeuse fortemente. Nos ollos de Moisés apareceu a carraxe, 11e queixouse ó Señor con estas palabras:

‑"¿Por que me tratas tan mal a min, o teu servo? E ¿por que non acado graza ós teus ollos? ¿Por que botas enriba de min o peso de todo este pobo? 12¿Son eu por ventura quen concibiu a todo este pobo? ¿Son eu quen o deu a luz, para que me digas: Lévao no teu seo, como leva unha ama o seu neno de peito, á terra que ti prometiches con xuramento a seus pais? 13¿De onde saco eu a carne para lle dar a tanta xente coma esta? Pois están a chorar, dicindo: ¡Dános carne para comermos!   14Eu só non podo soportar todo este pobo, pois é moito máis pesado do que eu podo. 15Se ti me tratas a min así, é mellor que me mates, tírame a vida, pídocho de favor, se atopei graza ós teus ollos, para que deste modo non vexa eu tanto mal".

16O Señor respondeulle a Moisés:

‑"Xúntame setenta homes de entre os anciáns de Israel, dos que ti saibas que son anciáns do pobo e conselleiros. Lévaos diante da Tenda do Encontro, e que estean contigo. 17Eu baixarei e falarei contigo alí; tomarei do espírito que hai sobre ti e meteréillelo a eles, para que leven contigo o peso do pobo, e non o leves ti só. 18E ó pobo diraslle: Santificádevos para mañá, pois comeredes carne, xa que chorastes ós oídos do Señor, dicindo: ¿Quen nos dará carne para comermos? ¡Nós estabamos ben no Exipto!  O Señor daravos carne para que comades. 19Non só ides comer carne un día, nin dous, nin cinco, nin dez, nin vinte días, 20senón un mes enteiro, ata que vos saia polo nariz e vos resulte noxenta, por canto rexeitades o Señor, que está no medio de vós, e chorastes na súa presenza, dicindo: ¿Por que saímos nós do Exipto?".

21Moisés respondeu:

‑"Este pobo, no medio do cal eu estou, conta 600.000 de a pé, ¿e ti dis: heilles dar carne e han comer un mes enteiro? 22Se se matasen para eles ovellas e bois, ¿serían abondos? Se se xuntasen para eles todos os peixes do mar, ¿seríanlles suficientes?"

23O Señor respondeulle a Moisés:

‑"¿Por ventura é impotente a man do Señor? ¡Agora vas ver por ti mesmo, se se cumpre ou non a miña palabra!"

24Saíu Moisés entón e transmitiulle ó pobo as palabras do Señor. Logo xuntou setenta homes dos anciáns do pobo e fíxoos pór de pé ó redor da Tenda. 25Descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo ós setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer. 26Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. 27Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: ‑¡Eldad e Medad profetizan no campamento! 28Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:

‑"¡Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"

29Mais Moisés respondeulle:

‑"¿Tes celos por min? ¡Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

30Logo Moisés volveu para o campamento, el e os anciáns de Israel.

 

Os paspallás

 

31Levantouse de seguida un vento enviado polo Señor, que trouxo paspallás da outra banda do mar. Deixounos caer sobre o campamento, nunha extensión como dun día de camiño por unha banda, e como dun día de camiño pola outra, todo ó redor do campamento, e uns dous cóbados sobre a superficie da terra. 32O pobo dedicouse todo aquel día, toda a noite e todo o día seguinte a recoller paspallás. O que menos, recolleu dez cargas deles, e fóronos esparexendo para si ó redor do campamento. 33Aínda tiñan a carne entre os dentes, aínda non a tiñan mascada, cando se acendeu a cólera do Señor contra o pobo e fixo na xente unha grandísima praga. 34Chamóuselle a aquel lugar co nome de Quibrot Hatavah (tumba da concupiscencia), por canto alí enterraron ó pobo concupiscente. 35De Quibrot Hatavah partiu o pobo a Haserot, e en Haserot detívose.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

Murmuracións de María e mais Aharón, e o seu castigo

 

1María e Aharón murmuraron de Moisés por causa da muller cuxita, coa que casara. 2Dixeron: ‑"¿Por ventura o Señor lle falou a el só? ¿Non nos ten falado tamén a nós? E chegou isto ós oídos do Señor". 3Era Moisés un home moi humilde, máis ca todos os homes que había na terra. 4E de seguida díxolles o Señor a Moisés, Aharón e María: ‑"¡Saíde vós os tres á Tenda do Encontro!" Saíron, logo, eles tres, 5e, descendendo o Señor na columna de nube, parou á entrada da Tenda e chamou a Aharón e María. Saíron ámbolos dous 6e díxolles El: ‑"¡Escoitade ben as miñas palabras! Se entre vós hai algún profeta, eu, o Señor, en visión revélome a el, e fálolle en soños. 7Non ocorre así co meu servo Moisés, que é fiel entre todos os da miña casa. 8Cara a cara falo con el, en visión directa e non por enigmas, e contempla a figura do Señor. ¿Como non temestes vós falar contra o meu servo, contra Moisés?"

9Acendeuse a cólera do Señor contra eles, e foise.

10E a nube retirouse da Tenda, e coa mesma María apareceu cuberta de lepra, branca coma a neve. Aharón volveuse para María e viuna leprosa. 11Díxolle Aharón a Moisés: ‑"¡Por favor, meu Señor, non poñas sobre nós este pecado, que neciamente cometemos! 12¡Rógoche que non sexa ela coma o nacido morto, que ó saír do ventre de súa nai ten xa consumida a metade da súa carne!" 13Moisés clamou ó Señor: ‑"¡Ou Deus, por favor, cúraa!"

14O Señor díxolle a Moisés:

‑"Se o pai dela lle cuspise no rostro, ¿non quedaría ela en vergonza durante sete días? ¡Estea, pois, recluída sete días fóra do campamento, e despois poderá ser outra vez chamada"! 15María foi, pois, recluída sete días fóra do campamento, e o pobo non partiu ata que María non foi chamada de novo. 16Despois o pobo partiu de Haserot e foi acampar no deserto de Parán.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

Moisés manda explorar o país de Canaán

 

1Faloulle o Señor a Moisés:

 2‑"Manda homes que che exploren o país de Canaán, que eu lles vou dar ós fillos de Israel; un home por cada unha das tribos de seus pais; serán tomados entre os príncipes.3Enviounos, pois, Moisés desde o deserto de Parán, segundo a orde do Señor. Todos eles eran xefes entre os fillos de Israel. 4Estes eran os seus nomes: Pola tribo de Rubén, Xamúa, fillo de Zacur. 5Pola tribo de Simeón, Xafat, fillo de Horí. 6Pola tribo de Xudá, Caleb, fillo de Iefuneh. 7Pola tribo de Isacar, Igal, fillo de Xosé. 8Pola tribo de Efraím, Xosué, fillo de Nun. 9Pola tribo de Benxamín, Paltí, fillo de Rafú. 10Pola tribo de Zebulón, Gadiel, fillo de Sodí. 11Pola tribo de Xosé, tribo de Menaxés, Gadí, fillo de Susí. 12Pola tribo de Dan, Amiel, fillo de Guemalí. 13Pola tribo de Axer, Setur, fillo de Micael. 14Pola tribo de Naftalí, Nahbí, fillo de Volfsí. 15Pola tribo de Gad, Guenel, fillo de Maquí. 16Estes son os nomes dos varóns que enviou Moisés a explorar o país. E Moisés a Hoxeas, fillo de Nun, cambioulle o nome polo de Xosué.

17Moisés enviounos a explorar o país de Canaán, e díxolles: ‑"Subide polo deserto e escalade logo a montaña. 18Ollaredes ben a terra, como é, e o pobo que nela habita: se é forte ou feble, se escaso ou numeroso; 19e tamén como é a terra na que habita: se é boa ou mala; e como son as cidades nas que mora: se abertas ou fortificadas; 20e como é o terreo: se fértil ou estéril, se hai nel árbores ou non. ¡Animádevos e collede froitos da terra!" Era entón o tempo das uvas temperás.

21Subiron, logo, e exploraron o país desde o deserto de Sin ata Rehob, camiño de Hamat. 22Subiron polo Négueb e chegaron a Hebrón, onde estaban Ahimán, Xexai e Talmai, descendentes de Anac. Hebrón fora edificada sete anos antes ca Soán do Exipto. 23Logo chegaron ó Val do Acio, onde cortaron un acio de uvas, que cargaron entre dous mediante unha vara, e granadas e figos. 24A  aquel lugar chamóuselle Val do Acio, porque alí o cortaran os fillos de Israel.

25Volveron da exploración da terra, pasados corenta días. 26Chegaron xunto a Moisés e Aharón e toda a comunidade dos fillos de Israel, no deserto de Parán, en Cadex, e déronlles conta a eles e a toda a asemblea mostrándolles os froitos do país. 27E contaron: ‑"Fomos á terra, onde ti nos enviaches: verdadeiramente é un país que deita leite e mel. ¡Velaquí os seus froitos! 28Pero o pobo que habita o país é forte, e as cidades, fortificadas e moi grandes. Alí vimos tamén os descendentes de Anac. 29Amalec habita no país do Négueb; o hitita, o iebuseo e o amorreo habitan na montaña, e o cananeo mora onda o mar e na beira do Xordán". 30Entón Caleb tratou de calmar o pobo, que murmuraba contra Moisés, e exclamou:

‑"¡Subamos sen medo e apoderémonos do país, porque nós podemos con eles!"

31Mais os homes que subiran con el, dixeron:

‑"Non podemos subir contra ese pobo, pois é máis forte ca nós".

32E desacreditaban ante os fillos de Israel a terra que exploraran, dicindo: ‑"O país por onde pasamos, ó facermos a exploración, é un país que devora os seus habitantes, e toda a poboación que vimos no medio del son homes de estatura moi grande. 33Alí vimos xigantes descendentes de Anac, raza de xigantes, e resultabamos, ós nosos propios ollos, coma saltóns, e o mesmo lles debiamos parecer tamén a eles".

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Rebelión do pobo

 

1Todo aquel xentío se puxo a berrar, laiándose, e pasou toda a noite chorando. 2Todos os fillos de Israel murmuraron contra Moisés e Aharón, e toda a xente dicía: ‑"¡Oxalá morrésemos no país do Exipto! ¡Oxalá morrésemos neste deserto! 3¿Por que nos conduce o Señor a este país, para sermos atravesados pola espada e para que as nosas mulleres e os nosos nenos sexan feitos cativos? ¿Non nos sería mellor volver para o Exipto?"  4E dicíanse uns para os outros: ‑"¡Poñamos un xefe e volvamos para o Exipto!"

5Moisés e Aharón prostráronse por terra coa cara para abaixo, diante de toda a comunidade dos fillos de Israel. 6Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, que tamén exploraran a terra, racharon os seus vestidos, 7e logo dirixiron a palabra a toda a asemblea dos fillos de Israel: ‑"A terra que percorremos para explorala, é unha terra moi boa. 8Se o Señor nos é propicio, conduciranos a ese país e daránolo; é un país que deita leite e mel. 9Pero non vos rebeledes contra o Señor nin temades a xente do país, pois podemos devoralo coma pan; a súa protección apartouse deles, e o Señor está connosco. ¡Non lles teñades medo!" 10Pero toda a comunidade tratou de apedralos. Entón a Gloria do Señor apareceu na Tenda do Encontro ante todos os fillos de Israel, 11e o Señor díxolle a Moisés:

‑"¿Por canto tempo me ha aldraxar este pobo? ¿Por canto tempo se negará a crer en min, con todos os prodixios que teño feito diante deles? 12Vou ferilos coa peste e exterminareinos, e despois heite facer príncipe dunha nación maior e máis poderosa do que esta é".

13Respondeulle Moisés ó Señor:

‑"Os exipcios oíron que co teu poder sacaches este pobo de entre eles, 14e dixéronllelo ós habitantes desta terra. Eles oíron que Ti, Señor, estás no medio do teu pobo e te deixas ver cara a cara; que a túa Nube se mantén coma unha columna sobre eles, e nela marchas diante durante o día e en columna de lume pola noite. 15Se fas morrer a este pobo coma un home só, as xentes que escoitan a túa sona dirán: 16Iavé foi incapaz de levar a este pobo ó país que lle prometera con xuramento, por iso o destruíu no deserto! 17Agora, pois, sexa glorificado o poder do meu Señor, conforme ti prometiches, dicindo: 18O Señor é paciente e rico en misericordia; El perdoa a iniquidade e o crime, mais nada deixa sen castigo, pois fai purificar nos fillos as culpas dos pais ata a terceira e cuarta xeración. 19¡Perdoa, pois, a iniquidade deste pobo conforme a magnitude da túa misericordia e conforme o soportaches desde Exipto ata aquí!"

20O Señor respondeu:

‑"Eu perdoo conforme a túa palabra. 21Pero, ¡pola miña vida e pola Gloria do Señor, que enche toda a terra, 22todos aqueles homes que viron a miña Gloria e os prodixios que fixen no Exipto e no deserto, e me tentaron xa por dez veces, sen escoitaren a miña voz, 23non han ver o país que con xuramento lles prometín a seus pais: ningún de cantos me aldraxan o verá! 24Con todo, ó meu servidor Caleb, porque tivo outro espírito consigo e me seguiu fielmente, heino facer entrar no país onde el xa estivo, e a súa posteridade terao en posesión. 25Mais os amalecitas e os cananeos habitan no val; volvede logo mañá e marchade para o deserto, camiño do Mar Rubio".

 

Castigo dos rebeldes

 

26Díxolles o Señor a Moisés e a Aharón: 27‑"¿Canto tempo vou ter que seguir aguantando esta teimosa turba, que murmura contra min? Eu oín as murmuracións que contra min profiren os fillos de Israel. 28Dilles: ¡Pola miña vida, palabra do Señor, que conforme vos oín dicirme, así vos vou tratar! 29Neste deserto caerán os vosos cadáveres, pois todos vós, os que fostes censados, todos desde a idade de vinte anos en diante que murmurastes contra min, 30non entraredes no país, onde, estendendo a miña man, xurei facervos habitar, excepto Caleb, fillo Iefuneh e Xosué, fillo de Nun. 31En cambio ós vosos mozos, dos que dixestes: Serviranlles de presa ós inimigos, a eses introducireinos, e coñecerán o país que vós desprezastes. 32Os vosos propios cadáveres caerán neste deserto, 33e os vosos fillos andarán errantes no deserto e pagarán as consecuencias das vosas infidelidades, ata que acaben de consumirse no deserto os vosos cadáveres. 34Conforme os corenta días que tardastes en explorar o país, pagaredes a pena das vosas iniquidades: por cada día un ano, isto é, corenta anos; así saberedes o que é o meu castigo. 35Eu, o Señor, falei. Seguro que hei tratar así a toda esta multitude perversa que se repuxo contra min. ¡Neste deserto será consumida e nel morrerá!"

36Os homes que Moisés enviara a explorar a terra e que, ó volveren, fixeran murmurar contra el a toda a multitude, falando mal dela, 37aqueles homes que difamaran a terra con perversidade, morreron feridos de morte diante do Señor. 38Soamente Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, sobreviviron de entre aqueles homes que foran explorar o país.

 

Desfeita dos israelitas

 

39Contoulles Moisés todas estas cousas ós fillos todos de Israel, e quedou o pobo moi aflixido. 40Levantándose pola mañá cedo, subiron ó cume do monte, dicindo:

‑"Imos rubir aló, a aquel lugar, que nos mandou o Señor, porque pecamos".

41Moisés díxolles: ‑"¿Por que pretendedes ir contra a vontade do Señor? Así non vos vai ir ben. 42Non subades, pois o Señor non está convosco; non sexa que vos derroten os vosos inimigos. 43Pois o amalecita e o cananeo están alí contra vós e pereceredes baixo a súa espada, porque vos desviastes do Señor e o Señor non estará convosco".

44Eles, con todo, obstináronse en subir ó cume do monte. Pero nin a Arca da Alianza do Señor nin Moisés se moveron do interior do campamento. 45Os amalecitas e os cananeos, que habitaban naquel monte, baixaron e derrotáronos, facéndoos fuxir ata Hormah.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

Ofrendas e sacrificios

 

1Faloulle o Señor a Moisés: 2‑"Dilles ós fillos de Israel: Cando esteades dentro do país que será a morada que eu vos vou dar, 3e queirades celebrar unha ofrenda de comida (un holocausto ou un sacrificio en cumprimento de voto ou como ofrenda voluntaria ou con motivo das vosas solemnidades sacrificando bois ou ovellas, en recendo grato ó Señor), 4quen así ofreza a súa ofrenda ó Señor, ofrecerá como sacrificio un quilo e medio de flor de fariña amasada cun litro de aceite; 5engadiraslle ó holocausto ou á oblación viño para as libacións en cantidade dun litro, por cada cordeiro. 6E por cada carneiro, ofrecerás como oblación tres quilos de flor de fariña amasada cun litro e cuarto de aceite; 7e do viño para a libación, un litro e cuarto, que ofrecerás como aroma de suavidade ó Señor. 8Pero se desexas sacrificar un xovenco en holocausto ou sacrificio, en cumprimento dun voto ou como ofrenda pacífica ó Señor, 9ofrecerás ademais do xovenco, en concepto de oblación, catro quilos e medio de flor de fariña amasada con dous litros de aceite; 10e para a libación ofrecerás dous litros de viño: sacrificio de comida, como aroma suavísimo para o Señor. 11Isto farase con cada xovenco e con cada carneiro, año ou cabrito. 12Calquera que sexa o número de vítimas que inmoledes, faredes así con cada unha delas. 13Todo nativo procederá dese xeito, ó presentar unha ofrenda na brasa, de flagrante recendo para o Señor. 14E cando resida convosco un estranxeiro ou alguén viva no medio de vós nas vosas sucesivas xeracións e desexe facer un sacrificio de comida de recendo agradable ó Señor, do modo que vós facedes, así fará el. 15A mesma regra vale tanto para vós como para o estranxeiro, regra perpetua, de agora para adiante nas xeracións sucesivas: igual ca vós será o estranxeiro diante do Señor. 16Unha soa lei e unha soa norma teredes vós e mais o estranxeiro que mora convosco".

 

As primicias

 

17Faloulle o Señor a Moisés: 18‑"Dilles ós fillos de Israel: Cando entredes no país, no que eu vos vou meter, 19e comades do seu pan, reservaredes unha ofrenda para o Señor. 20Como primicias da vosa fariña reservaredes unha torta coma oblación; coma a oblación da eira, así a debedes de elevar. 21Das primicias da vosa fariña daredes a Iavé unha ofrenda nas vosas sucesivas xeracións.

 

Faltas involuntarias

 

22Se faltades sen darvos conta, descoidando un destes preceptos que o Señor lle deu a Moisés, 23é dicir, todo o que o Señor vos mandou por medio de Moisés, desde o día no que o Señor vos deu os seus mandamentos, e de alí en adiante por todas as xeracións; 24se é toda a comunidade a que faltou sen o saber, sacrificarase un xovenco coa súa ofrenda e a súa libación, conforme o rito prescrito, e un chibo en sacrificio expiatorio. 25O sacerdote fará a expiación por toda a asemblea dos israelitas, e seralles perdoado, porque foi un pecado involuntario e porque presentaron a súa ofrenda ó Señor. 26O perdón será conseguido para toda a comunidade israelita e tamén para o estranxeiro que habita entre eles, porque é unha culpa que todo o pobo cometeu sen se dar conta.

27Se foi unha soa persoa a que pecou sen se dar conta, ofrecerá unha cabra dun ano en sacrificio expiatorio. 28O sacerdote fará a expiación diante do Señor por esa persoa que pecou sen se dar conta, e quedará perdoada. 29Esta será a única lei para o que peca sen se dar conta, sexa israelita de nacemento ou estranxeiro que habite entre eles. 30Pero o que peque deliberadamente, indíxena ou estranxeiro, aldraxa ó Señor, e debe ser expulsado do seu pobo. 31Por desprezar a palabra do Señor e por violar os seus preceptos, será expulsado: cargará coa súa iniquidade".

 

Profanación do sábado

 

32Estando aínda os fillos de Israel no deserto, aconteceu que pillaron un home que recollía leña no día do sábado. 33Os que o pillaron collendo leña, levárono diante de Moisés, de Aharón e de toda a asemblea. 34Puxérono baixo custodia, porque aínda non fora estipulado o que se había de facer con el. 35E o Señor díxolle a Moisés: ‑"Ese home debe morrer; que o apedre toda a asemblea fóra do campamento". 36E, tirándoo para fóra toda a asemblea, apedrárono e morreu, coma o Señor lle ordenara a Moisés.

37Faloulle o Señor a Moisés: 38‑"Dilles ós fillos de Israel que se fagan unhas borlas nas extremidades das súas capas, e que poñan un cordón de púrpura violeta nas fitas. 39Tales fitas serviranvos para que, cando as vexades, vos lembredes de todos os preceptos do Señor e os poñades en práctica; e para que non vos deixedes arrastrar pola inclinación do voso corazón e dos vosos ollos, que vos levan á infidelidade. 40Así lembrarédesvos de todos os meus mandatos e cumprirédelos, e estaredes consagrados ó voso Deus. 41Eu son o Señor, o voso Deus, que vos tirei do país do Exipto para ser o voso Deus. ¡Eu son o Señor, o voso Deus!"

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com