Capítulos 26-30

CAPÍTULO 26

 

Novo censo dos israelitas

 

1Aconteceu que despois da praga, díxolles o Señor a Moisés e a Elazar, fillo do sacerdote Aharón: 2‑"Facede o censo de toda a comunidade dos fillos de Israel desde os vinte anos para arriba, conforme as súas casas patriarcais, e todos os aptos para o servizo militar en Israel". 3Moisés e mais Elazar, sacerdote, faláronlles, pois, nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, preto de Xericó, dicindo: 4‑"Vaise facer un censo desde a idade de vinte anos para arriba, conforme o Señor ordenara a Moisés".

Os fillos de Israel que saíran do país de Exipto foron:

5Rubén, primoxénito de Israel. Fillos de Rubén: de Henoc, a familia dos henoquitas; de Palú, a familia dos paluítas; 6de Hesrón, a familia dos hesronitas; de Carmí, a familia dos carmitas. 7Tales son as familias dos rubenitas, e o seus alistados foron corenta e tres mil setecentos trinta. 8Fillos de Palú: Eliab. 9Os fillos de Eliab: Nemuel, Datán e Abiram, que son os membros do consello da comunidade, que se levantaran contra Moisés e Aharón na sedición de Coré, cando se levantaron contra o Señor. 10(Entón a terra abriu a súa boca e enguliunos xuntamente con Coré; así morreron os da sedición, devorando o lume douscentos cincuenta homes, para que servisen de escarmento; 11mais os fillos de Coré non morreron).

12Fillos de Simeón segundo as súas familias: de Nemuel, a familia dos nemuelitas; de Iamín, a familia dos iaminitas; de Iaquín, a familia dos iaquinitas; 13de Zérah, a familia dos zarhitas; de Xaúl, a familia dos xaulitas. 14Tales son as familias dos simeonitas: 22.200.

15Fillos de Gad segundo as súas familias: de Sefón, a familia dos sefonitas; de Haguí, a familia dos haguitas; de Xuní, a familia dos xunitas; 16de Ozní, a familia dos oznitas; de Erí, a familia dos eritas; 17de Arod, a familia dos aroditas; de Arelí, a familia dos arelitas. 18Tales son as familias dos fillos de Gad conforme os seus alistados: 40.500.

19Fillos de Xudá: Er e Onán; pero Er e Onán morreron no país de Canaán. 20Despois os fillos de Xudá, segundo as súas familias foron: de Xelah, a familia dos xelanitas; de Peres, a familia dos peresitas; de Zérah, a familia dos zeranitas. 21Os fillos de Peres foron: de Hesrón, a familia dos hesronitas; de Hamul, a familia dos hamulitas. 22Tales son as familias de Xudá conforme os seus rexistros: 76.500.

23Fillos de Isacar, segundo as súas familias: de Tolá, a familia dos tolaítas; de Puvah, a familia dos puvitas; 24de Iaxub, a familia dos iaxubitas; de Ximrón, a familia dos ximronitas. 25Tales son as familias de Isacar, conforme os seus rexistros: 64.300.

26Fillos de Zebulón segundo as súas familias: de Séred, a familia dos sarditas; de Elón, a familia dos elonitas; de Iahlel, a familia dos iahlelitas. 27Tales son as familias dos zebulonitas conforme os seus rexistros: 60.500.

28Fillos de Xosé segundo as súas familias: Menaxés e Efraím. 29Fillos de Menaxés: de Maquir, a familia dos maquiritas. Maquir xerou a Galaad. De Galaad, a familia dos galaaditas. 30Estes son os fillos de Galaad: de Iézer, a familia dos iezeritas; de Hélec, a familia dos helquitas; 31de Asriel, a familia dos asrielitas; de Xequem, a familia dos xequemitas; 32de Xemidá, a familia dos xemidaítas; de Héfer, a familia dos heferitas. 33Selofad, fillo de Héfer, non tivo fillos, senón fillas, e os nomes das fillas de Selofad foron: Mahlah, Noah, Hoglah, Milcah e Tirsah. 34Tales son as familias de Menaxés e os seus rexistrados eran 52.700. 35Estes son os fillos de Efraím segundo as súas familias: de Xutélah, a familia dos xutelahítas; de Béquer, a familia dos bequeritas; de Táhan, a familia dos tahanitas, 36fillos de Xutélah: de Erán, a familia dos eranitas. 37Tales son as familias dos fillos de Efraím conforme os seus rexistros: 32.500. Estes son os fillos de Xosé segundo as súas familias.

38Fillos de Benxamín segundo as súas familias: de Bela, a familia dos belaítas; de Axbel, a familia dos axbelitas; de Ahiram, a familia dos ahiramitas; 39de Xufam, a familia dos xufamitas; de Hufam, a familia dos hufamitas. 40Fillos de Bela foron: Ered e Naamán. De Ered, a familia dos ereditas; e de Naamán, a familia dos naamitas. 41Tales son os fillos de Benxamín segundo as súas familias, e os seus rexistrados: 45.600.

42Estes son os fillos de Dan segundo as súas familias: de Xuham, a familia dos xuhamitas. Tales son as familias de Dan segundo as súas familias. 43Todas as familias xuhamitas, segundo os seus rexistrados: 64.400.

44Fillos de Axer segundo as súas familias: de Iemnah, a familia dos iemnaítas; de Iesui, a familia dos iesuítas; de Beriah, a familia dos beriitas. 45Dos fillos de Beriah: de Héber, a familia dos heberitas; de Malquiel, a familia dos malquielitas. 46O nome da filla de Axer era Sárah. 47Tales son as familias dos fillos de Axer conforme ós seus rexistros: 53.400.

48Fillos de Naftalí segundo as súas familias: de Iahsel, a familia dos iahselitas; de Guní, a familia dos gunitas; 49de Iéser, a familia dos ieseritas; de Xilem, a familia dos xilemitas. 50Tales son as familias de Naftalí segundo as súas familias e os seus rexistros, 45.400.

51Estes son os rexistrados dos fillos de Israel: 601.730.

52O Señor díxolle a Moisés: 53‑"A estes seralles repartido o país en concepto de herdanza, conforme o número de inscritos. 54Os máis numerosos formaraslles unha herdade grande e ós máis pequenos formaraslles unha herdade menor; a cada un daraslles a súa herdanza conforme os seus rexistrados. 55Soamente por sorte se repartirá a terra; herdarán segundo os nomes das tribos dos pais. 56Por sortes repartirás a herdanza, entre o numeroso e o pequeno".

57E estes son os rexistrados dos levitas segundo as súas familias: de Guerxón, a familia dos guerxonitas; de Quehat, a familia dos quehatitas; de Merarí, a familia dos meraritas. 58Tales son as familias de Leví: a familia dos lobnitas, a familia dos hebronitas, a familia dos mahlitas, a familia dos muxitas, a familia dos coreítas. Quehat xerou a Amram. 59O nome da muller de Amram era Ioquébed, filla de Leví, que lle naceu a Leví en Exipto. Ela xerou a Amram, a Aharón, Moisés e mais a María, súa irmá. 60A Aharón nacéronlle Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. 61Nadab e Abihú morreron ó ofreceren eles un lume profano ante o Señor. 62Os seus rexistrados foron 23.000, todos varóns dun mes para arriba. Estes non foran rexistrados entre os fillos de Israel, porque non se repartira herdanza entre eles.

63Tales son os empadroados por Moisés e Elazar, sacerdote, que fixeron o censo dos fillos de Israel nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, cerca de Xericó. 64Entre eles non existía xa ningún dos rexistrados por Moisés e polo sacerdote Aharón, que fixeran o censo dos fillos de Israel no deserto de Sinaí. 65O Señor dixera deles: ‑"Morrerán todos no deserto". De feito, non quedou ningún deles, se non é Caleb, fillo de Iefuneh, e Xosué, fillo de Nun.

 

 

 

CAPÍTULO 27

 

Dereito hereditario das fillas

 

1Presentáronse entón as fillas de Selofad, fillo de Héfer, fillo de Galaad, fillo de Maquir, fillo de Menaxés, fillo de Xosé. Estes son os nomes das fillas daquel: Mahlah, Noah, Hoglanh, Milcah e Tirsah. 2Presentáronse, pois, ante Moisés, ante Elazar, sacerdote, e ante os príncipes e toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro, dicindo: 3‑"O noso pai morreu no deserto, pero el non figurou na facción dos que conspiraron contra o Señor, na facción de Coré; senón que morreu polo seu pecado e non tivo fillos. 4¿Por que deixar que o nome do noso pai desapareza de entre os da súa familia por non ter fillos varóns? ¡Dádenos unha propiedade entre os irmáns do noso pai!"

5Moisés entón presentou a causa delas ante o Señor. 6O Señor respondeulle a Moisés: 7‑"Din ben as fillas de Selofad. Daraslles unha propiedade entre os irmáns de seu pai, e pásalles a herdanza do pai deles. 8E ós fillos de Israel falaraslles nestes termos: Cando un home morra sen ter fillos varóns, pasarédeslles a herdanza ás súas fillas; 9e se non ten fillas, daredes a súa herdanza a seus irmáns. 10Se non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ós irmáns de seu pai; 11e se seu pai non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ó seu parente máis próximo dentro da súa familia, que será o seu dono". Isto será para os fillos de Israel unha norma de dereito, conforme o Señor llo ordenou a Moisés.

 

Elección de Xosué

 

12Díxolle o Señor a Moisés: ‑"¡Sube a este monte dos Abarim, e contempla o país que lles teño destinado ós fillos de Israel! 13Cando o teñas visto, teraste que xuntar cos devanceiros do teu pobo, como se xuntou o teu irmán Aharón, 14porque ámbolos dous no deserto de Sin, na rebelión da comunidade, fostes rebeldes á miña orde de declararme santo ós seus ollos mediante a auga, a auga de Meribah, no deserto de Sin".

15Moisés respondeulle ó Señor:

16‑"¡Señor, Deus do espírito de todo ser vivo, sinala sobre a comunidade un home que a dirixa e se poña á súa cabeza, 17que os leve e os traia, para que a comunidade do Señor non sexa coma rabaño sen pastor!" 18O Señor contestoulle a Moisés: ‑"¡Escolle a Xosué, fillo de Nun, home no cal reside o Espírito; e impón sobre el a túa man! 19Preséntao logo diante de Elazar, sacerdote, e diante de toda a comunidade, e dálle ordes na súa presenza. 20Daraslle unha parte da túa dignidade, para que o obedezan todos os da comunidade dos fillos de Israel. 21Deberá presentarse a Elazar, sacerdote, quen consultará por el o xuízo dos Urim ante o Señor. Por orde súa sairán e por orde súa regresarán, el e mais todos os fillos de Israel con el, toda a comunidade".

22Moisés fixo como lle ordenara o Señor: colleu a Xosué e presentouno ante Elazar, sacerdote, e ante a comunidade; 23impuxo sobre el as súas mans e deulle as súas ordes, conforme o Señor llo mandara.

 

 

 

CAPÍTULO 28

 

Sacrificios e festas

 

1O Señor díxolle a Moisés:

2‑"Ordénalles ós fillos de Israel: Coidaredes de me ofrecer ó seu tempo a miña ofrenda, o manxar debido, como sacrificio de grato recendo ó ser queimado. 3Tamén lles dirás: Este é o sacrificio para ser queimado que tendes de ofrecer ó Señor: años dun ano sen defecto, dous cada día, en holocausto perpetuo. 4O primeiro año ofrecerédelo pola mañá, e o segundo á tardiña; 5con quilo e medio de flor de fariña, como oblación amasada cun litro de aceite refinado. 6Tal é o holocausto perpetuo que foi ofrecido no monte Sinaí de grato aroma, sacrificio para o Señor. 7E a súa correspondente libación de viño de uva será dun litro por cada año; no Santuario hase verter a libación, bebida fermentada para o Señor. 8O segundo año ofreceralo á tardiña: farás como para a oblación da mañá e a mesma libación. É un sacrificio con lume de grato aroma para o señor.

9No día de sábado ofreceredes dous años dun ano sen defecto e, como oblación, dous quilos e medio de flor de fariña amasada no aceite, coa súa correspondente libación. 10É o holocausto de cada sábado, que se engade ó holocausto perpetuo e mais á súa libación.

11Cada día primeiro de mes ofreceredes en holocausto ó Señor dous xovencos, un carneiro, sete años dun ano, sen defecto; 12e tamén catro quilos de flor de fariña en oblación amasada no aceite, por cada un dos xovencos; dous quilos e medio de flor de fariña amasada no aceite, como oblación polo carneiro; 13e un quilo e medio de flor de fariña, como oblación amasada en aceite, por cada año. É un holocausto de aroma grato, un sacrificio con lume para o Señor. 14E as súas libacións serán: dous litros e medio de viño por xovenco, un litro e medio por carneiro e un litro por cada año. Tal é o holocausto mensual, de cada mes, para os meses do ano. 15Tamén un chibo en sacrificio polo pecado: ofrecerase, coa súa libación, ademais do sacrificio perpetuo.

 

A Pascua

 

16No mes primeiro, no día catorce do mes, é a Pascua do Señor. 17O día quince dese mes é a festa; comeranse pans ácimos durante sete días. 18O día primeiro haberá asemblea santa; non faredes obra ningunha servil. 19Ofreceredes en sacrificio como holocausto ó Señor, dous xovencos, un carneiro e sete años dun ano, sen defecto. 20A súa oblación será de flor de fariña amasada en aceite: catro quilos polo xovenco e dous quilos e medio polo carneiro. 21Ofreceredes un quilo e medio por cada un dos sete años. 22Ademais, un chibo en sacrificio polo pecado para facerdes expiación por vós. 23Faredes tales ofrendas sen contardes o holocausto da mañá, que forma parte do holocausto perpetuo. 24Faredes isto cada un dos sete días: é un alimento, sacrificio con lume de grato aroma para o Señor. Farase coa súa libación, ademais do holocausto perpetuo. 25No sétimo día celebraredes unha asemblea santa e non faredes nel obra ningunha servil.

26O día das Primicias, cando ofrezades unha oblación nova ó Señor, na vosa festa das Semanas, teredes unha asemblea santa; non faredes nela obra ningunha servil. 27Ofreceredes en holocausto de aroma grato para o Señor dous xovencos, un carneiro, sete años dun ano. 28A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite consistirá en catro quilos por cada xovenco, dous quilos e medio polo único carneiro, 29e un quilo e medio por cada un dos sete años, 30ademais un chibo para facer expiación por vós. 31Ofreceredes isto ademais do holocausto perpetuo e a súa oblación. Escollerédelos sen defecto, coas súas libacións correspondentes.

 

 

 

CAPÍTULO 29

 

Festas do outono

 

1No sétimo mes, no día primeiro do mes, celebraredes asemblea santa e non faredes obra ningunha servil; será para vós día de aclamación coas trompetas. 2Ofreceredes un holocausto de aroma grato para o Señor: un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto. 3A súa oblación de flor de fariña amasada co aceite será de catro quilos polo xovenco, dous quilos e medio polo carneiro 4e un quilo e medio por cada un dos sete años, 5e ademais un chibo en sacrificio polo pecado para facerdes expiación por vós, 6sen contar o holocausto do mes e mais a súa oblación, o holocausto perpetuo e mais a súa oblación, ademais das libacións preceptuadas, en sacrificio con lume de grato aroma para o Señor.

7O dez dese sétimo mes teredes unha asemblea santa, e faredes penitencia e non realizaredes obra ningunha servil. 8Ofreceredes en holocausto de aroma grato ó Señor un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto. 9A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite será de catro quilos polo xovenco, dous quilos e medio polo carneiro, 10e un quilo e medio por cada un dos sete años. 11Un macho cabrún en sacrificio polo pecado, sen contar o sacrificio expiatorio e o holocausto perpetuo, coa súa oblación e mais as súas libacións.

12O día quince do sétimo mes teredes unha asemblea santa; non faredes obra ningunha servil e celebraredes a festa do Señor durante sete días. 13Ofreceredes un holocausto, sacrificio de aroma grato ó Señor: trece xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano, sen defecto. 14A súa oblación de flor de fariña amasada no aceite será de catro quilos por cada un dos trece xovencos, dous quilos e medio por cada un dos carneiros 15e un quilo e medio por cada un dos catorce años; 16un macho cabrún en sacrificio polo pecado, ademais do holocausto perpetuo coa súa oblación e mais a súa libación.

17No segundo día: doce xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 18así como a súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme ó regulamentado. 19Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, amais do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais as súas libacións.

20No día terceiro: once xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 21e tamén a súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado. 22Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

23No día cuarto: dez xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 24a súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme ó regulamentado. 25Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

26No día quinto: nove xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 27coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado. 28Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, amais do holocausto perpetuo e a súa oblación e mais a súa libación.

29No día sexto: oito xovencos, dous carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 30coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado.31Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

32No día sétimo: sete xovencos, sete carneiros, catorce años dun ano sen defecto; 33coa súa oblación e mais as súas libacións polos xovencos, os carneiros e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado. 34Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

35No día oitavo teredes a asemblea; non faredes obra ningunha servil. 36Ofreceredes un holocausto, sacrificio de aroma grato ó Señor: un xovenco, un carneiro, sete años dun ano sen defecto; 37coa súa oblación e mais as súas libacións correspondentes polos xovencos, o carneiro e os años, segundo o número deles, conforme o regulamentado. 38Ademais diso, un macho cabrún en sacrificio polo pecado, á parte do holocausto perpetuo, a súa oblación e mais a súa libación.

39Tales son as cousas que faredes en honra do Señor nas vosas solemnidades, á parte dos vosos votos e ofrendas voluntarias, dos vosos holocaustos, oblacións, libacións e mais sacrificios pacíficos".

 

 

 

CAPÍTULO 30

 

Os votos e promesas

 

1Moisés faloulles ós fillos de Israel conforme a todo o que lle ordenara o Señor. 2Moisés faloulles tamén ós xefes das tribos israelitas, dicindo: ‑"Isto é o que mandou o Señor: 3Se un home fai un voto ó Señor ou se compromete baixo xuramento, uníndose por unha obrigación, non faltará á súa palabra; obrará conforme a todo o que prometeu.

4Se unha muller fai un voto ó Señor ou se compromete por unha obrigación, estando na casa de seu pai, na súa mocidade, 5e sabedor o pai do seu voto e do seu compromiso, el non di nada, todos os seus votos e todo o seu compromiso serán firmes. 6Non obstante, se o seu pai, ó chegar ó coñecemento dos votos e do compromiso, se opón, todos os seus votos e mais o compromiso non terán valor, e o Señor perdoaraa, porque seu pai se opuxo a isto.

7Se se casa estando suxeita ós seus votos ou a algunha promesa, que a obriga a algunha privación, 8e se o seu home chega a coñecer iso e non lle di nada, os seus votos serán firmes e serán firmes os seus compromisos. 9Pero, se o home, no día en que dixo chegar ó coñecemento diso, o desaproba, o voto queda anulado e a promesa feita de palabra, coa que se comprometera, desaparece, e o Señor perdoaraa.

10En troques, o voto dunha viúva ou dunha muller repudiada e todos os seus compromisos serán firmes para ela.

11Se unha muller fixo un voto ou promesa, con xuramento de se privar de algo, estando na casa do marido, 12e o marido, que chega a sabelo, non lle di nada, nin desaproba o feito, todos os seus votos quedarán en firme, e tamén serán firmes todos os seus compromisos.

13Con todo, se o seu marido, o día no que o saiba, o anula, nada de todo canto saíu dos labios dela, sexan votos ou compromisos, será firme; o seu marido anulounos, e o Señor perdoaraa. 14Todo voto e todo compromiso por xuramento de se mortificar poderao ratificar seu esposo ou anulalo. 15Mais se o seu marido garda silencio ata o día seguinte, ratifica así todos os votos e todas as obrigacións que sobre ela pesen; confírmaos por gardar silencio o día no que o soubo. 16Mais se el os anulase, despois de o saber, cargaría coa iniquidade dela".

17Tales son os estatutos que o Señor prescribiu a Moisés sobre relacións entre marido e muller, e tamén entre un pai e mais a súa filla, durante a mocidade desta na casa de seu pai.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com