Capítulos 11-15

Desfeita de Lisias e paz cos xudeus

 

Capítulo 11

 

1Moi pouco tempo despois Lisias, titor, primeiro ministro e parente do rei, moi entristecido polo que pasara, 2xuntou cerca de oitenta mil homes e toda a cabalería e avanzou contra os xudeus, co plan de facer da cidade unha colonia grega, 3someter o templo a tributos, coma os santuarios estranxeiros, e poñer en venda todos os anos o sumo sacerdocio. 4Nin sequera se lle viña á cabeza pensar no poder de Deus, tan cegado estaba polos seus milleiros de soldados de a pé e de a cabalo e polos seus oitenta elefantes.

5O entrar en Xudá, achegouse a Betsur, fortaleza situada nun desfiladeiro que está a cinco leguas de Xerusalén, e cercouna. 6Cando se informaron os homes do Macabeo de que Lisias cercaba a fortaleza, xuntándose con todo o pobo pedíronlle ó Señor con moitos laios e bágoas que mandase un anxo bo para salvar a Israel. 7O mesmo Macabeo foi o primeiriño que colleu as armas, e arengou ós outros para que se expuxesen ó perigo coma el polo ben dos seus irmáns. Marcharon todos decididos, 8e, aínda cerca de Xerusalén, aparecéuselles un cabaleiro con vestidos brancos e armas de ouro, que se puxo á fronte do exército. 9Entón todos loaron ó Deus misericordioso, animáronse e estaban dispostos a arremeterlles xa non contra os homes, senón tamén contra as salvaxes feras e murallas de ferro.

10Avanzaban con orde, coa confianza posta naquel aliado do ceo, pois o Señor compadecérase deles. 11Botáronse coma leóns contra o inimigo, deixaron fóra de combate once mil de a pé e mil seiscentos de a cabalo, e fixeron fuxir os demais. 12A maioría dos que se salvaron quedaron feridos e desarmados. O mesmo Lisias librouse fuxindo vergoñento.

13Pero, como non era un home parvo, matinou moito na desfeita que sufrira, e decatouse de que os hebreos eran invencibles, pois loitaba en favor deles o Deus todopoderoso, e por iso mandou un mensaxeiro 14coa proposta de paz en condicións xustas, prometéndolles que convencería ó rei da necesidade de facerse amigo deles. 15O Macabeo, tendo en conta o ben de todos, aceptou a proposta de Lisias, e o rei concedeu todo canto o Macabeo lle pedira por escrito a Lisias en favor dos xudeus.

16A carta escrita por Lisias ós xudeus dicía así:

‑"Lisias saúda ó pobo xudeu.

17Xoán e Abxalom, os vosos embaixadores, entregáronme o documento e pedíronme que confirmase canto contiña. 18Eu xa lle presentei ó rei todo o que lle tiña que presentar, e el concedeu o que lle parecía aceptable. 19Se seguides nesa boa disposición cara ó reino, de agora en diante hei facer por vos axudar. 20En canto ás miudezas xa lles mandei ós vosos mensaxeiros e ós meus que as traten convosco.

21Que teñades sorte. A vinte e catro do mes de Zeus Corintio, do ano cento corenta e oito".

22A carta do rei dicía o seguinte:

‑"O rei Antíoco saúda ó seu irmán Lisias.

23Despois que meu pai se foi xuntar cos deuses, quixen que todos os súbditos do noso Imperio se dedicasen sen medo ningún ós seus negocios; 24e como teño oído que os xudeus non queren adoptar os costumes gregos, segundo desexaba meu pai, senón que prefiren conservar as súas tradicións e piden que se lles permita seguir coa súa lei, 25tendo en conta isto, e co desexo de que este pobo viva tranquilo, decidimos devolverlles o templo e que se gobernen seguindo os costumes dos seus antepasados. 26Así que mándalles embaixadores que fagan as paces con eles, para que, coñecendo o noso querer, poidan vivir contentos e atender ledamente os seus asuntos".

27A carta do rei ó pobo xudeu dicía así:

‑"O rei Antíoco saúda ó Senado e ó pobo xudeu.

28Sería para min unha grande alegría saber que estades ben. Nós estamos ben.

29Menelao falounos de que queredes volver onda os vosos. 30Pois a cantos volvan antes do 30 de Xántico prometémoslles paz e seguridade. 31De agora en diante os xudeus poderán usar os seus alimentos e as súas leis coma antes, e ningún deles será molestado por infraccións cometidas noutros tempos. 32Amais diso envíovos tamén a Menelao para que vos dea confianza.

33Que teñades sorte. A quince de Xántico do ano cento corenta e oito".

34Tamén os romanos lles mandaron a seguinte carta:

‑"Quinto Memmio e Tito Manio, legados de Roma, saúdan ó pobo xudeu.

35Estamos de acordo con todo o que vos concedeu Lisias, parente do rei. 36No referente ó que Lisias creu conveniente presentar ó rei, mandádenos a algúns de seguida con instrucións detalladas, para que llas presentemos ó rei como a vós vos interese, pois imos ir a Antioquía. 37Así que dádevos présa en mandarnos alguén para que coñezamos o voso parecer.

38Que teñades sorte. A quince de Xántico do ano cento corenta e oito".

 

Vitorias de Xudas sobre os pobos veciños

 

Capítulo 12

 

1Cando cerraron as negociacións, Lisias volveu onda o rei, e os xudeus dedicáronse ós traballos do campo. 2Pero os gobernadores locais Timoteo, Apolonio o de Gueneo, Xerome e Demofón, e tamén Nicanor o xefe dos chipriotas, non os deixaban vivir tranquilos e en paz. 3E os habitantes de Iafa cometeron un crime arrepiante. Invitaron ós xudeus que vivían entre eles a subir coas súas mulleres e cos seus fillos ás barcas que eles mesmos prepararan, sen mostrar ningunha inimizade 4e coma se se tratase dun desexo común de toda a cidade. Os xudeus aceptaron porque querían vivir en paz e non sospeitaban nada malo. Pero, cando estaban en alta mar, botáronos á auga; eran arredor de duascentas persoas. 5Cando Xudas coñeceu aquela crueldade contra os seus compatriotas, comunicoullo á súa xente, 6e, invocando a Deus, xuíz xusto, foise contra os asasinos dos seus irmáns. Queimoulles o porto de noite, púxolles lume ós barcos e matou ós que se refuxiaran alí. 7Como a cidade estaba pechada, retirouse, pero coa intención de volver outra vez e acabar con todos os habitantes de Iafa. 8O saber que os de Iamnia pensaban facer o mesmo cos xudeus que alí había, 9atacounos por sorpresa de noite e púxolles lume ó porto e ós barcos, e tanto foi o clamor do incendio que se vía desde Xerusalén, que está a douscentos corenta estadios.

10A nove estadios de alí, cando ían contra Timoteo, saíronlle ó camiño cando menos cinco mil árabes con cincocentos de a cabalo. 11O combate foi moi duro, pero venceron os de Xudas, grazas á axuda de Deus. Os árabes derrotados pedíronlle a paz e prometíanlle entregarlles gando e axudalos de alí en diante. 12Xudas viu que certamente lle poderían ser útiles en moitas cousas, e fixo as paces con eles; e despois disto os árabes fóronse para as súas tendas.

13Atacou tamén unha cidade chamada Caspín, que estaba defendida con foxos e murallas e poboada por xente de todas as razas. 14Os de dentro, confiados nas fortes murallas e nos moitos víveres que tiñan, portáronse coma bocaláns cos homes de Xudas, aldraxábanos, e ata blasfemaban e botaban xuramentos. 15Os de Xudas, invocando ó máis grande soberano do mundo, que no tempo de Xosué derrubara Xericó sen arietes e sen máquinas de guerra, botáronse contra as murallas cheos de afouteza. 16Cando, porque Deus o quixo, conquistaron a cidade, fixeron unha matanza tan grande que unha lagoa que alí cerca había duns dous estadios de ancho parecía chea do sangue que nela entrara.

17Despois dunha marcha de 750 estadios, chegaron a Cáraca, onde viven os xudeus tobianos. 18Non atoparon a Timoteo por aquela bisbarra, porque ó non conseguir nada, marchara de alí, pero deixara no sitio unha gornición moi forte. 19Entón dous oficiais do Macabeo, Dositeo e Sosípatros foron alá e mataron a toda a gornición que Timoteo deixara alí, máis de dez mil homes.

20O Macabeo dividiu o seu exército en escuadróns, puxo á fronte deles a Dositeo e Sosípatros, e marchou contra Timoteo, que tiña un exército de cento vinte mil de a pé e dous mil cincocentos de a cabalo. 21Sabedor do avance de Xudas, Timoteo mandou as mulleres e os meniños e toda a bagaxe para un lugar chamado Carnaim, inexpugnable e de difícil entrada porque aquela bisbarra era moi accidentada. 22Aínda ben non apareceu o primeiro escuadrón de Xudas, o pánico apoderouse dos inimigos. Unha aparición de quen todo o ve meteulles tal medo no corpo que deron en fuxir, botándose por cadanseu lado, estorbándose e feríndose os uns ós outros.

23Xudas perseguiu con valentía a aqueles criminais e matou arredor duns trinta mil. 24O mesmo Timoteo caeu nas mans dos homes de Dositeo e de Sosípatros, e pedíalles que o deixasen libre, pois tiña no seu poder os pais e irmáns de moitos que o ían pasar mal se o mataban a el. 25Prometeu con toda clase de seguridade que os devolvería sans e salvos e soltárono porque querían salvar os irmáns.

26Despois Xudas asaltou Carnaim e o santuario de Atargates e matou a vinte e cinco mil homes. 27Logo desta derrota e matanza, marchou contra Efrón, cidade ben fortificada onde vivía Lisias cunha chea de xente de todas as razas. Defendían as murallas mozos membrudos postos en rea ó pé delas, que loitaban con valor, e dentro tiñan boa provisión de material e de máquinas de guerra. 28Pero os xudeus, invocando ó Omnipotente, que co seu poder esnaquiza a forza dos inimigos, apoderáronse da cidade e mataron a vinte e cinco mil dos seus habitantes.

29Partiron de alí e dirixíronse cara a Escitópolis, que dista de Xerusalén máis de seiscentos estadios. 30Pero como os xudeus daquel sitio deron fe de que os de Escitópolis foran bos con eles e que os acolleran con humanidade nos días difíciles, 31Xudas e os seus agradecéronllelo e pedíronlles que seguisen tratando ben á súa xente; despois volveron para Xerusalén porque xa estaba cerca a festa das Semanas.

32Despois da festa de Pentecoste os xudeus marcharon contra Gorxias, gobernador da Idumea. 33Gorxias saíu con tres mil de a pé e catrocentos de a cabalo. 34Empezaron o combate e caeron algúns xudeus. 35Un tal Dositeo, cabaleiro valente dos de Bacenor, agarrou a Gorxias polo manto e arrastrouno con forza, pois quería coller vivo a aquel malvado; pero un dos xinetes tracios botouse contra Dositeo e deslombouno, e así Gorxias puido fuxir cara a Marexah.

36Os soldados de Esdrías andaban moi cansos porque estiveran loitando moito tempo; entón Xudas pediulle ó Señor que fose o seu aliado e guía no combate. 37Entoou na súa propia lingua un canto de guerra e atacou por sorpresa ós de Gorxias que tiveron que fuxir. 38Xudas xuntou o exército e marchou cara á cidade de Adulam. No día sétimo purificáronse seguindo o costume e celebraron alí o sábado.

39O día seguinte os soldados de Xudas, como cumpría facer, foron recoller os cadáveres para depositalos cos seus parentes nos sepulcros da familia. 40E debaixo dos mantelos dos mortos atoparon amuletos dos ídolos de Iamnia, que lles están prohibidos ós xudeus pola Lei. Todos se decataron entón da razón daquelas mortes, 41e todos deron gloria ó Señor, Xuíz xusto, que descobre o escondido 42e rezaron para que se lles perdoase de todo o pecado cometido. O nobre Xudas exhortou á tropa para que non pecase, pois ben vían cos seus mesmos ollos as consecuencias do pecado nos que morreran. 43Despois fixo unha colecta, e as dúas mil dracmas de prata que recolleu mandounas a Xerusalén para que ofrecesen un sacrificio de expiación. Un feito digno e nobre para o que pensa na resurrección; 44pois se non crese na resurrección dos mortos, non sei a que viría rezar polos defuntos. 45Pero para o que pensa que ós que morren piadosamente lles está reservada unha recompensa magnífica, 46a cousa é piadosa e santa. Por iso mandou ofrecer un sacrificio de expiación polos mortos, para que se lles perdoasen os pecados.

 

Capítulo 13

 

1No ano cento corenta e nove coñeceron os homes de Xudas que Antíoco Eupátor avanzaba cara a Xudá cun exército moi grande, 2e que tamén viña con el Lisias, preceptor seu e encargado do goberno; o exército que traían era de cento dez mil soldados gregos de a pé, cinco mil trescentos de a cabalo, vinte e dous elefantes e trescentos carros. 3Xuntóuselles tamén Menelao que con moita astucia animaba a Antíoco, e non porque quixese librar a súa patria, senón porque esperaba ser restituído no seu cargo.

4Pero o Rei de reis excitou a carraxe de Antíoco contra aquel criminal. Lisias fíxolle ver ó rei que Menelao fora o causante de todas as revoltas; entón Antíoco mandou que o levasen a Berea e que o axustizasen alí seguindo os costumes daquel pobo. 5Había alí unha torre duns cincuenta cóbados de alto, chea de remol, cun aparato viradoiro, que do lado que fose, sempre deitaba a un cara á cinsa; 6alí botaban para que morrese ó que fixera un roubo sacrílego ou outros crimes igualmente graves. 7E así foi como acabou o desleigado aquel, Menelao, que nin sequera foi honrado cunha sepultura. 8Cousa xustísima que quen tantos delitos cometera contra o altar, que ten un lume e unhas cinsas santas, atopase na cinsa a súa morte.

9O rei seguiu avanzando cheo de sentimentos feroces e disposto a mostrarse máis duro cos xudeus ca seu pai. 10Xudas, ó sabelo, mandou que a súa xente pedise de día e de noite ó Señor para que, como fixera noutros momentos, tamén agora viñese axudar os que estaban en perigo de quedárense sen Lei, sen patria e sen templo, 11e para que non permitise que xentes blasfemas asoballasen o pobo, agora que este principiaba a alentar. 12Puxéronse todos a rezar xuntos, e pedíronlle ó Señor misericordioso con laios, xaxúns e axeonllándose durante tres días. Xudas animounos e mandoulles que estivesen dispostos. 13E, despois de consultar cos senadores, decidiu emprender a marcha e resolver a situación ‑sempre contando coa axuda de Deus‑ antes de que o rei invadise Xudá co seu exército e se apoderase da capital. 14Poñendo todo nas mans do Creador do mundo, deulle azos á tropa para que loitase con afouteza ata a morte polas leis, o templo, a cidade, a patria e as súas institucións. E foi acampar nos arredores de Modín. 15Deulles ós seus homes o contrasinal de "vitoria de Deus", e cun fatiño de mozos dos máis valentes atacou de noite a tenda do rei; matou case dous mil homes e tamén o elefante principal co que estaba enriba del. 16Logo encheron o campamento de pánico e confusión e largáronse vitoriosos. 17O alborexar xa todo estaba feito, grazas á axuda que o Señor lles concedera.

18O ver o rei o destemidos que eran os xudeus, intentou apoderarse das fortalezas valéndose de trampas. 19Achegouse a Betsur, un outeiro xudeu fortificado; atacouno, e foi rexeitado; volveu a atacar e vencérono. 20Xudas mandou provisións ós cercados. 21Rodoco, un soldado do exército xudeu, comunicoulle ó inimigo segredos da defensa; descubrírono, prendérono e axustizárono.

22O rei volveu a parlamentar cos de Betsur; fixeron as paces e retirouse. Logo foi atacar ós de Xudas, pero vencérono. 23Entre tanto soubo que Filipo, a quen deixara como encargado do reino, se revirara en Antioquía. Quedou abraiado. Pediulles a paz ós xudeus e xurou que aceptaría todas as peticións xustas; fixeron as paces e ofreceu un sacrificio, honrou o templo, gardoulle respecto ó lugar santo. 24Recibiu moi ben ó Macabeo e puxo a Hexemónides como gobernador do territorio que vai desde Tolemaida ata Guerar. 25Despois foise para Tolemaida; pero os habitantes desta cidade non viron ben os tratados, estaban indignados e queríanos anular. 26Lisias, entón, subiu á tribuna e esforzouse por defender a cousa; conseguiu devolverlles a calma, e regresou para Antioquía.

Esta é a historia da chegada e da marcha do rei.

 

Intrigas de Alcimo. Alianza e loitas con Nicanor

 

Capítulo 14

 

1De alí a tres anos, Xudas e os seus informáronse de que Demetrio, o fillo de Seleuco, desembarcara no porto de Trípoli cun exército poderoso e cunha escuadra, 2e de que se apoderara do país despois de matar a Antíoco e ó seu titor Lisias. 3Un tal Alcimo, que fora antes Sumo Sacerdote, pero que se contaminara voluntariamente nos tempos da revolta, decatándose de que para el xa non había posibilidade de ser rehabilitado nin de acceder ó altar santo, 4foi onda o rei Demetrio, aló polo ano cento cincuenta e un e ofreceulle unha coroa de ouro, unha palma, e, amais diso, os tradicionais ramos de oliveira do templo; naquel día non fixo máis nada. 5Pero aproveitou a ocasión de mostrar a súa astucia cando Demetrio o chamou ó consello. O ser preguntado sobre as disposicións e planos dos xudeus, 6respondeu:

‑"Hai uns xudeus que se chaman asideos e que, baixo as ordes de Xudas, o Macabeo, fomentan guerras e revoltas e non deixan que o reino viva en paz. 7Por iso eu, desposuído da dignidade dos meus avós ‑estoume referindo ó sumo sacerdocio‑ vin aquí agora 8maiormente preocupado de verdade polos intereses do rei, e despois tamén pensando nos meus compatriotas, xa que pola irreflexión dos devanditos homes, toda a nosa xente está sufrindo moito. 9Infórmate ben, rei, de todo isto, e mira polo noso país e pola nosa xente desgraciada, de acordo cos sentimentos humanitarios que tes con todos. 10Mentres Xudas siga vivindo é imposible que haxa paz".

11Cando el acabou de dicir isto, os demais amigos que estaban a mal con Xudas de contado deron en avivar os ánimos de Demetrio. 12Este escolleu de seguida a Nicanor, xefe do escuadrón dos elefantes, nomeouno gobernador de Xudea e mandouno aló 13coa orde de matar a Xudas, de espallar as súas tropas e de rehabilitar a Alcimo como Sumo Sacerdote do templo aquel tan maxestoso. 14Os estranxeiros que en Xudea andaban escapados por mor de Xudas xuntáronselle en riolas a Nicanor, coidando que a desventura e a desgraza dos xudeus serían de proveito para eles.

15Cando os xudeus tiveron noticias da expedición de Nicanor e de que os estranxeiros se lle xuntaran, cubríronse de po e deron en suplicar a Aquel que estableceu ó seu pobo para sempre e que arreo coida da súa herdanza con feitos prodixiosos. 16Por orde do seu xefe saíron axiña daquel sitio e trabaron batalla con eles cerca de Dessau. 17Simón, o irmán de Xudas, atacou a Nicanor, pero, por mor da aparición inesperada de inimigos, sufriu unha pequena desfeita. 18Mais Nicanor, coñecedor da afouteza dos homes de Xudas e do valor con que loitaban pola patria, non quixo resolver a situación polo sangue. 19E por iso enviou a Posidonio, a Teodoto e mais a Matatías para concertar a paz. 20Despois dun longo estudio das propostas o xefe comunicoullas á tropa, e vendo que todos estaban de acordo determinaron de dar o visto e prace ó tratado. 21Puxeron un día para atoparse nun mesmo lugar os dous xefes. De cada lado adiantouse un carro e colocaron asentos. 22Xudas deixara apostados homes armados en sitios estratéxicos, dispostos a intervir no caso de que os inimigos actuaran de súpeto con falsidade. Pero o encontro foi sen novidade. 23Nicanor quedouse algún tempo en Xerusalén, sen facer nada que chamase a atención e despediu as multitudes que en riolas viñeran onda el. 24Tiña sempre a Xudas ó seu lado, pois chegara a collerlle afecto. 25Aconselloulle que casase e que tivese fillos. Xudas casou, viviu con tranquilidade e gozou da vida.

26Alcimo, ó ver as estreitas relacións que os unían, fíxose cunha copia dos acordos establecidos e presentouse onda Demetrio dicindo que Nicanor actuaba en contra dos intereses do estado, pois designara sucesor seu a Xudas, o perturbador do reino. 27O rei alporizado e enrabechado polas falsidades deste home de mal, escribiulle a Nicanor dicíndolle que non aprobaba o tratado e mandándolle que de contado lle remitise ó Macabeo encadeado a Antioquía.

28Cando Nicanor recibiu estas ordes moito se entristeceu, pois non quería anular o acordado, xa que Xudas nada malo fixera. 29Pero como non podía desobedecerlle ó rei, andaba á procura do momento a xeito para cumprir as ordes do rei valéndose dun engano. 30O Macabeo decatouse de que Nicanor o trataba dunha maneira máis dura e de que era máis frío nas súas relacións normais; e coidou que tal comportamento non era bo sinal. Xuntou a bastantes seguidores seus e escondeuse con eles de Nicanor. 31Cando este advertiu que fora burlado pola habilidade de Xudas, chegouse ó grandioso e santísimo templo na hora en que os sacerdotes ofrecían os sacrificios rituais, e esixiu que lle entregasen a aquel home. 32Eles aseguraron con xuramento que non sabían onde se atopaba; 33entón estendendo a man dereita cara ó templo dixo este xuramento:

‑"Se non me entregades preso a Xudas, arrasarei este santuario, esnaquizarei o altar e construirei aquí mesmo un templo marabilloso a Diónisos".

34Despois de que dixo isto, marchou; os sacerdotes coas mans ergueitas cara ó ceo, deron en rezarlle ó que sempre loita en favor do noso pobo dicindo:

35‑"Ti, Señor de todas as cousas, aínda que non andas necesitado de nada, tiveches a ben poñer no medio de nós o templo da túa morada. 36Agora, pois, Señor santo de toda santidade, garda para sempre sen lixo esta casa hai pouco purificada".

37Daquela, Razías, un dos anciáns de Xerusalén, foi denunciado a Nicanor. Era un home amante dos seus concidadáns, de moi boa fama, que polo seu bo corazón era chamado "pai dos xudeus"; 38denunciárono por culpa de que nos tempos anteriores á revolta fora acusado de xudaísmo e de que por el arriscara o corpo e a vida cunha teima admirable.

39Nicanor quería deixar ben claro a xenreira que lles tiña ós xudeus, e entón mandou máis de cincocentos soldados para prendelo, 40pois coidaba que co seu arresto lles causaba un bo prexuízo. 41Cando as tropas estaban xa a piques de apoderarse da torre e de forzar a porta do adro, con orde de poñerlles lume ás portas e queimalas, Razías cercado todo de arredor, botouse sobre a súa espada; 42quixo mellor morrer con honra que caer naquelas mans criminais e ser aldraxado dun xeito que non lle acaía á súa nobreza. 43Pero, ó non acertar o golpe por razón da precipitación do asalto, vendo que a tropa xa irrompía polas portas a dentro, botouse a correr con afouteza cara ás murallas e guindouse coma un valente sobre a multitude; 44a xente retirouse de seguida e el veu caer no oco aberto. 45Aínda vivo e co ánimo afoutado, ergueuse a pesar de que o sangue lle saía a cachóns e de que as feridas eran graves; botouse ás carreiras polo medio da tropa, subiu a un penedo fragoso, 46e alí, xa case sen sangue, arrincou os seus intestinos e colleunos coas dúas mans, lanzounos contra as tropas, e despois de rezar ó dono da vida e mais do espírito para que llos devolvese outra vez, finou.

 

Derrota de Nicanor

 

Capítulo 15

 

1Soubo Nicanor que Xudas e mais os seus andaban pola bisbarra de Samaría, e acordou atacalos sen correr risco no día do descanso. 2Os xudeus que o tiveran que acompañar pola forza dixéronlle: ‑"Non mates de maneira tan inhumana e bárbara; respecta o día santificado de xeito especial por Aquel que todo o ve". 3Pero aquel home, ruín sen comparanza, preguntou se no ceo había un Señor que mandara santificar o día do sábado. 4Eles respondéronlle: ‑"Hai un Señor que vive como soberano do ceo; El mandou santificar o día sétimo". 5Entón Nicanor dixo: ‑"Pois eu son o soberano da terra; e mando coller as armas e servir o rei". Mais non puido realizar aquel proxecto malvado.

6Mentres Nicanor, con fachenda, pensaba erixir un trofeo público pola vitoria sobre os homes de Xudas, 7o Macabeo esperaba cunha fe cega a axuda de parte do Señor, 8e exhortaba ós que estaban xunto del a que non temesen o ataque dos estranxeiros, e a que, lembrándose do amparo que noutrora lles viñera do Ceo, agardasen tamén agora a vitoria que lles había vir de parte do Todopoderoso. 9Alentábaos con citas da Lei e dos Profetas, recordáballes as batallas que xa superaran e así devolveulles a coraxe. 10Para avivar os ánimos fíxolles ver a ruindade dos estranxeiros e a violación dos xuramentos. 11Armounos a todos, máis ca coa seguridade dos escudos e das lanzas, con palabras alentadoras; e contoulles un soño digno de fe, unha visión que os alegrou a todos. O seu soño era este:

12Onías, que fora Sumo Sacerdote, home bo e honrado, distinguido pola súa amabilidade, polas súas boas maneiras, e polas súas palabras xustas e precisas, dado desde a súa nenez á práctica do ben, rezaba polo pobo xudeu cos brazos abertos. 13E aparecéuselle un home distinguido pola súa idade e mais a súa dignidade, rodeado dunha maxestade abraiante e magnífica. 14Onías falou e dixo: ‑"Velaquí o que lles quere ben ós seus irmáns, o que reza moito polo seu pobo e pola cidade santa, Xeremías, o profeta de Deus". 15Xeremías coa súa man dereita entregoulle a Xudas unha espada de ouro, e díxolle: 16‑"Recibe, como regalo de Deus esta espada sagrada; con ela esnaquizarás os inimigos".

17Animados con estas fermosas palabras de Xudas, capaces de levar ó heroísmo e de fortalecer os corazóns dos mozos, acordaron non se gardar no refuxio, senón atacar valentemente e resolver a situación loitando con afouteza, pois a cidade, a relixión e mais o templo estaban en perigo. 18Para eles a preocupación polas súas mulleres, fillos, irmáns e demais parentes era cousa secundaria; o primeiro e máis importante era o templo sagrado. 19Os que quedaron na cidade tamén eles estaban angustiados coa preocupación pola loita en campo aberto. 20Todos agardaban o resultado que se ía producir. Os inimigos concentráronse e dispuxéronse para a loita; os elefantes estaban nos seus postos e a cabalería en orde polas alas. 21O Macabeo, ó ver o avance das tropas, a variedade do seu equipamento e a fereza dos elefantes, estendeu as mans cara ó ceo e deu en invocar o Señor que fai prodixios, pois ben sabía que a vitoria non depende das armas, senón da decisión daquel que lla dá a quen é merecente dela. 22Velaquí o rezo que fixo Xudas:

‑"Ti, Señor, nos tempos de Ezequías, rei de Xudá, mandaches o teu anxo que matou cento oitenta e cinco mil homes do exército de Senaquerib; 23manda tamén agora, Soberano dos ceos, un anxo bo diante nosa que poña medo e arrepío. 24Que a forza do teu brazo desfaga ós que blasfemando viñeron atacar o teu pobo santo". E non dixo máis nada.

25A tropa de Nicanor avanzaba ó son das trompetas e dos cantos de guerra; 26os homes de Xudas principiaron a loita con rezos e pregarias. 27Loitaban coas mans, pero rezaban a Deus no seu corazón; deste xeito abateron trinta e cinco mil homes, ou máis. Moito se alegraron por aquela axuda manifesta do Señor. 28Cando xa volvían, cheos de gozo polo éxito, descubriron que Nicanor estaba morto no chan coa súa armadura. 29Entón no medio dos berros e do balbordo déronlle grazas a Deus na fala de seus pais. 30E o que loitara con todas as forzas do seu corpo e da súa alma polo ben dos seus concidadáns e que desde mozo se mantivera fiel ó seu pobo, mandou que a Nicanor lle cortasen a cabeza e o brazo dereito polo ombreiro, e que os levasen a Xerusalén.

31Tan axiña como chegou alá, convocou ó pobo e ós sacerdotes, púxose diante do altar e mandou vir ós da cidade. 32Amostróulles a cabeza do malvado Nicanor e o brazo que aquel blasfemo erguera insolente cara á santa morada do Todopoderoso; 33despois cortou a lingua do malvado Nicanor e mandou que llela deran en anacos ós paxaros e mais que pendurasen enfronte do templo o instrumento da súa tolería. 34Daquela todos ergueron os seus ollos cara ó Ceo e bendiciron ó Señor que se lles manifestara, dicindo: ‑"Benia o que conservou sen lixo o seu lugar santo".

35A cabeza de Nicanor quedou pendurada na cidadela, coma sinal claro e evidente para todos da axuda do Señor. 36E acordaron todos por unanimidade non deixar pasar aquel día sen darlle solemnidade, e celebrar o día trece do duodécimo mes, chamado en siríaco Adar, a véspera do día de Mardoqueo.

 

Epílogo

 

37Estes son os acontecementos relacionados con Nicanor. Como desde aquela a cidade quedou en poder dos hebreos, eu tamén vou poñer fin aquí mesmo ó meu traballo. 38Se quedou fermoso e ben redactado, ese era o meu desexo; se é deficiente e mediocre, eu fixen o que puiden. 39Do mesmo xeito que o viño só e a auga soa non fan ben, e cómpre mesturalos para acadar un gusto bo e agradable, así tamén a axeitada disposición dun relato é grata ós oídos dos que lean a obra. E con isto acabei.

 

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com