Capítulos 1-5

Cartas ós xudeus de Exipto

Primeira carta

 

Capítulo 1

 

1Os irmáns xudeus de Xerusalén e de Xudá saúdan ós irmáns de Exipto e deséxanlles paz e prosperidade.

2Que Deus vos encha das súas bendicións e que se acorde da alianza que fixo con Abraham, Isaac e Xacob, fieis servos seus. 3Que vos dea a todos un bo corazón para adoralo e cumprir os seus mandamentos animosamente e de boa gana. 4Que abra o voso corazón á súa Lei e ós seus preceptos, e que vos conceda a paz. 5Que escoite as vosas oracións, se reconcilie convosco e non vos abandone nos momentos de desgraza.

6Velaí a nosa oración por vós.

7Durante o reinado de Demetrio, no ano cento sesenta e nove, nós, os xudeus escribímosvos: ‑"Envoltos nas desgrazas e na persecución que estabamos sufrindo naqueles anos, cando Iasón e os seus partidarios traizoaron a causa da terra santa e do reino, 8incendiaron o pórtico do templo e verteron sangue inocente, nós acudimos ó Señor e El escoitounos. Ofrecémoslle un sacrificio e flor de fariña, acendemos as lámpadas e presentamos os pans".

9Polo tanto celebrade vós agora a festa das Tendas do mes de Kisleu.

Ano cento oitenta e oito.

 

Segunda carta

 

 

10Os habitantes de Xerusalén e de Xudá, o senado e Xudas saúdan e desexan prosperidade a Aristóbulo, preceptor do rei Tolomeo, da familia dos sacerdotes consagrados, e ós de Exipto.

11Dámoslle moitas grazas a Deus por ternos salvado de grandes perigos e por guiarnos na loita contra o rei, 12pois de certo foi El quen desfixo ós que fixeron a guerra contra a cidade santa. 13E así cando o seu xeneral, acompañado dun exército que parecía invencible, chegou a Persia, foi esnaquizado no templo de Nanea, grazas a unha trampa que lle armaron os sacerdotes de Nanea. 14Co motivo de casar coa deusa Nanea, Antíoco entrou no templo cos seus amigos para apoderarse das súas inmensas riquezas coma dote. 15Cando os sacerdotes de Nanea lle trouxeron e mostraron o tesouro, el entrou no recinto do santuario cuns cantos compañeiros; despois de que entrou Antíoco, pecharon o santuario, 16e, abrindo unha trampa no teito, mataron a cantazos ó xeneral e ós seus acompañantes. Despois esnaquizáronos, cortáronlles a cabeza e botáronllela ós que estaban fóra. 17¡Sexa sempre bendito o noso Deus que acabou cos impíos!

18Como imos celebrar a purificación do templo no día vinte e cinco do mes de casleu, pareceunos cousa obrigada comunicárvolo para que tamén vós celebredes a festa das Tendas e mais do lume que se atopou cando Nehemías ofreceu sacrificios despois de reconstruír o templo e mais o altar. 19Pois cando os nosos maiores foron deportados a Persia, os piadosos sacerdotes de entón colleron lume do altar e ás agachadas escondérono nunha cova que parecía un pozo seco; e tan ben o esconderon que ninguén deu co sitio. 20Moitos anos despois, cando Deus quixo, Nehemías, enviado polo rei de Persia, mandoulles buscar o lume ós fillos dos sacerdotes que o esconderan; pero, segundo dixeron eles, en vez de atopar lume o que atoparon foi un líquido moi mesto. Nehemías mandou que collesen dese líquido e que llo levasen. 21Cando as vítimas estaban xa preparadas derriba do altar, Nehemías mandoulles ós sacerdotes que botasen daquel líquido pola leña e polo que había sobre ela. 22Así o fixeron. E de alí a pouco saíu o sol que antes estaba encuberto polas nubes, e acendeuse unha labarada que deixou abraiado a todo o mundo. 23Mentres se ía consumindo o sacrificio, os sacerdotes e todos os presentes rezaban, Ionatán principiaba e os demais respondían con Nehemías. 24Esta era a oración:

‑"Señor, Señor Deus, creador de todas as cousas, terrible e forte, xusto e agarimoso, único rei bondadoso, 25único benfeitor e único xusto; todopoderoso e eterno, que salvas a Israel de todo mal, que escolliches e santificaches a nosos pais: 26acolle este sacrificio por todo o teu pobo Israel, garda e santifica a túa herdanza, 27xunta ós nosos emigrantes, dálles a liberdade ós que están vivindo coma escravos dos pagáns, protexe ós desherdados e asoballados, para que recoñezan os pagáns que ti es o noso Deus. 28Castiga ós opresores que nos aldraxan cheos de soberbia. 29Transplanta ó teu pobo para o teu lugar santo, como dixo Moisés".

30Os sacerdotes cantaban himnos.

31Cando xa se consumiu o sacrificio, Nehemías mandou botar o líquido que sobrara derriba doutras penas. 32Así o fixeron, e acendeuse un lume; pero apagouse de seguida diante do resplandor da luz do altar.

33Cando isto se soubo, e lle dixeron ó rei de Persia que no sitio en que os sacerdotes deportados esconderan o lume aparecera un líquido co que os compañeiros de Nehemías prenderan lume ó sacrificio, 34o rei, despois de comprobar o feito, mandou acoutar o sitio e declarouno sitio sagrado. 35Aquel día foi día de festa, e o rei recibiu e deu moitos regalos. 36Os compañeiros de Nehemías chamáronlle a aquel líquido néftar, que quere dicir purificación, pero moitos chámanlle nafta.

 

Capítulo 2

 

1Dise nos documentos que o profeta Xeremías mandou ós deportados que collesen do lume devandito 2e, ó entregarlles a Lei, recomendoulles que non esquecesen os mandatos do Señor, nin se deixasen levar polos ídolos de ouro e prata tan ben enfeitados. 3E exhortounos con outros consellos semellantes para que non arredasen a Lei dos seus corazóns.

4Dise tamén neste escrito que o profeta, segundo unha revelación divina, mandou levar con el a tenda e mais a arca cando foi cara ó monte a onde subira Moisés para ver a herdanza de Deus. 5En chegando ó monte, Xeremías atopou unha cova, e meteu nela a tenda, a arca e mais o altar do incenso, e pechou a entrada. 6Algúns dos que o acompañaron foron alá despois para marcar o camiño, pero non puideron dar con el. 7Cando o soubo Xeremías, berroulles e díxolles:

‑"Este sitio vai permanecer descoñecido ata que Deus teña piedade e redima ó seu pobo. 8Entón mostrará o Señor outra vez eses obxectos, e aparecerá a gloria do Señor e a nube, como aparecera no tempo de Moisés e tamén cando Salomón pediu que o templo fose santificado solemnemente".

9Tamén se dicía no devandito documento que Salomón, home moi sabio, ofreceu o sacrificio do remate e da dedicación do templo. 10O mesmo que Moisés rezou ó Señor e baixou lume do ceo que acabou coas vítimas, así tamén rezou Salomón e baixou lume do ceo que acabou co holocausto. 11Moisés dixo: ‑"Por non comeren a vítima ofrecida polo pecado, o lume acabou con ela". 12Tamén Salomón celebrou a festa durante oito días.

13Tamén se contan estas cousas nos escritos e memorias de Nehemías, e que este montou unha biblioteca na que estaban os libros dos reis, os escritos dos profetas e de David, e as cartas dos reis sobre doazóns. 14Tamén Xudas se fixo con todos os libros esparexidos por mor das guerras que tivemos que aguantar; agora están nas nosas mans, 15así que, se tedes necesidade deles, mandade alguén que volos leve.

16E como estamos xa para celebrar a festa da Purificación, mandámosvos esta carta, para que neses días tamén vós fagades festa.

17Deus salvou a todo o seu pobo e deulles a todos a herdanza, o reino, o sacerdocio e o santuario, 18como o prometera na Lei; esperamos agora que teña axiña misericordia de nós e que nos xunte no lugar santo desde todas as nacións do mundo, pois El librounos xa de grandes desgrazas e purificou o santuario.

 

Prólogo

 

19A historia de Xudas o Macabeo e de seus irmáns, a purificación do gran templo, a dedicación do altar, 20as guerras contra Antíoco Epífanes e o seu fillo Eupátor, 21e as aparicións celestes en favor dos que loitaron xenerosamente polo xudaísmo, para que, aínda que eran poucos, puidesen reconquistar todo o país e poñer en fuga a toda unha chea de bárbaros, 22restaurar o templo de tanta sona en todo o mundo, liberar a cidade, restablecer as leis a piques xa de seren abolidas, grazas a que o Señor se compadeceu deles con grande misericordia, 23todas estas cousas foron escritas por Iasón de Cirene en cinco libros, e nós imos ver de resumilas nun só volume.

24En efecto, considerando a chea de números que hai e o traballoso que ten que resultar tanta materia xunta para quen se interesa polos feitos históricos, 25procuramos ofrecer entretemento espiritual ós amantes da lectura, dar facilidades ós estudosos que aprenden as cousas de memoria, e ser de utilidade a todos cantos lean este libro.

26Para os que emprendemos o traballo de facer este resumo, non foi cousa doada, ó contrario, custounos moitas suores e vixilias. 27Quen prepara un banquete co desexo de dar gusto ós outros, emprende un traballo difícil; pois así nós, para merecer a gratitude de moitos soportamos de boa gana este traballo. 28Deixando, pois, ó historiador a tarefa de contar as cousas con todo detalle, ímonos ater ás normas dun resumo. 29Podémonos comparar ‑coido eu‑ co arquitecto que levanta unha casa; el ten que planear o conxunto da construción, mentres que o decorador e o pintor soamente se coidan da ornamentación. 30O historiador pídeselle que pescude e indague os feitos con todo detalle e detemento; 31pero a quen fai un resumo permíteselle que sexa breve e non se lle esixe que conte os feitos con todo detalle.

32Comecemos, entón, a narración, pois abonda xa de prólogo, que é unha cousa sen sentido alongar a introdución dunha historia e logo ser breve contándoa.

 

Historia de Heliodoro

 

Capítulo 3

 

1Mentras na Cidade Santa se vivía en paz e se observaban con moito coidadiño as leis, grazas á piedade do Sumo Sacerdote Onías e á súa severidade contra o mal, 2ata os reis honraban o lugar santo e facíanlle ricos e farturentos regalos. 3Así Seleuco, rei de Asia, sacaba das súas rendas para cubrir os gastos necesarios con que ofrecer sacrificios.

4Pero un tal Simón, da familia de Bilgah, nomeado inspector do templo, enfadouse co Sumo Sacerdote por mor da fiscalización do mercado da cidade. 5Simón, ó ver que non se podía impoñer a Onías, foi ver a Apolonio, fillo de Tarso, daquela gobernador da Celesiria, 6e díxolle que o tesouro de Xerusalén estaba cheíño de riquezas innumerables, que a suma dos fondos era incalculable e que o rei se podería apoderar deles pois sobraba moito dos gastos necesarios para os sacrificios.

7Entón Apolonio foi xunto ó rei e púxoo ó tanto das riquezas denunciadas. O rei escolleu a Heliodoro, ministro da Facenda, e mandouno coa orde de apoderarse das riquezas. 8Heliodoro púxose en camiño de contado e facía que ía visitando as cidades de Celesiria e de Fenicia, pero o que de verdade intentaba era cumprir as ordes do rei. 9O chegar a Xerusalén foi moi ben recibido polo Sumo Sacerdote da cidade; deulle conta a este do que lle comunicaran e da razón da súa viaxe, e preguntoulle se todos aqueles ditos eran certos.

10O Sumo Sacerdote explicoulle, en contra da opinión do desleigado Simón, que se trataba de fondos para as viúvas e os orfos, 11fóra dunha cantidade que pertencía a Hircano, fillo de Tobías, home de moi boa condición social; que a suma de todo o que había era de 400 talentos de prata e douscentos de ouro, 12e que de ningunha maneira se podía prexudicar ós que se fiaran da santidade do lugar e da inviolabilidade do templo venerado en todo o mundo.

13Pero Heliodoro contestoulle que, seguindo as ordes do rei, aquelas riquezas tiñan que pasar ó tesouro real. 14Sinalou un día e dispúxose a entrar para facer un reconto do tesouro.

Isto provocou unha grande inquedanza na cidade. 15Os sacerdotes estaban botados polo chan diante do altar coas vestiduras sacerdotais, pedíndolle ó Deus do ceo, instaurador das leis dos depósitos, para que gardase intactos os cartos da xente que alí os deixara. 16Non se podía ollar o rostro do Sumo Sacerdote sen que lle doera a un o corazón, ata tal punto a súa cara e cor cambiadas deixaban ver a angustia que levaba dentro; 17o medo que o invadiu e o tremer do seu corpo daban fe a quen o ollase da fonda mágoa do seu corazón. 18A xente saía en riolas das súas casas para participar nas rogativas públicas en favor do lugar santo a piques de ser aldraxado. 19As mulleres, cinguindo o peito con sacos, enchían as rúas; as mozas, que estaban recollidas nas casas, unhas corrían cara ás portas da cidade, outras cara ás murallas e outras debruzábanse nas ventás; 20todos rezaban erguendo as mans cara ó ceo.

21Daba pena ver toda aquela chea de xente angustiada botándose por terra, e a ansiedade do Sumo Sacerdote cheo de ansiedade.

22Mentres todos lle pedían ó Señor todopoderoso que gardase intactos os cartos da xente que alí os metera, 23Heliodoro comezou a levar a cabo o seu plano. 24Estaba xa coa súa escolta ó pé do tesouro, cando o Soberano dos espíritos e de todo poder se manifestou de forma extraordinaria, de xeito que todos os que se atreveron a entrar quedaron sen forzas e atordados, feridos polo poder de Deus. 25Aparecéuselles un cabalo enfeitado con moita riqueza e montado por un cabaleiro terrible; nunha arrincada violenta botouse contra Heliodoro coas patas dianteiras; o cabaleiro levaba posta unha armadura de ouro. 26Aparecéronselles tamén dous mozos fortes e varudos, vestidos magnificamente, que se colocaron un a cada lado de Heliodoro, e azoutándoo déronlle unha malleira grandísima. 27De súpeto Heliodoro caeu no chan envolto nunha negrura pecha, e tivérono que recoller e colocárono nunha liteira.

28Así quen había pouco entrara no tesouro con grande acompañamento e cunha forte escolta, saía agora levado por outros sen se poder valer, e cunha boa experiencia da soberanía de Deus. 29Mentres el, ferido pola forza de Deus, estaba alí deitado, mudo e sen moita esperanza de salvación, 30os xudeus loaban ó Señor porque manifestara a súa gloria no lugar santo, e o templo, pouco antes cheo de medo e de inquedanza, reloucaba agora de alegría e xúbilo pola aparición do Señor todopoderoso. 31Algúns dos compañeiros de Heliodoro foron de seguida pedirlle a Onías que invocase ó Altísimo para que lle dese a vida a aquel que estaba a morrer. 32O Sumo Sacerdote, temendo que o rei puidese sospeitar que os xudeus atentaran contra Heliodoro, ofreceu un sacrificio pola súa cura. 33No momento en que o Sumo Sacerdote ofrecía o sacrificio de expiación, aparecéronselle outra vez a Heliodoro os mesmos mozos, coa mesma vestimenta, e dixéronlle:

‑"Xa lle podes dar grazas ó sumo sacerdote Onías, pois por el concédeche o Señor a vida. 34E xa que fuches castigado por Deus, anuncia a todo o mundo o seu grande poder".

En dicindo isto, desapareceron.

35Heliodoro, despois de ofrecer un sacrificio ó Señor e de facer grandes promesas a quen lle outorgara a vida, despediuse de Onías e volveuse coas súas tropas para onda o rei, 36e daba fe diante de todos dos milagres do Deus altísimo que vira cos seus mesmos ollos. 37E cando lle preguntou o rei quen sería o máis apropiado para mandalo a Xerusalén, contestoulle:

38‑"Se tes algún inimigo ou alguén que conspire contra o teu reino, mándao alá, e ti has ver como volve ben castigado; iso si é que volve con vida, porque naquel sitio ten que haber unha forza divina. 39O que habita no ceo pousa os ollos naquel lugar para gardalo, e castiga coa morte ós que alí se achegan para facer mal".

40Esta foi a historia de Heliodoro e da conservación do tesouro.

 

Persecución de Antíoco Epífanes. Onías, Iasón e Antíoco Epífanes

 

Capítulo 4

 

1O devandito Simón, o que denunciara o tesouro e traizoara a patria, falaba mal de Onías, dicindo que fora el quen maltratara a Heliodoro e quen lle fixera mal. 2Tiña o atrevemento de chamar inimigo do pobo ó benfeitor da cidade, ó defensor dos seus veciños, e ó afervoado partidario das leis. 3E chegou a tanto a xenreira que algúns dos de Simón ata cometeron asasinatos.

4Onías decatouse do risco que corrían con aquelas rivalidades e de que Apolonio, fillo de Menesteo, gobernador de Celesiria e de Fenicia, encirraba a ruindade de Simón. 5Foi falar co rei, non para acusar os seus veciños, senón coa boa intención de favorecer o interese de todos e cada un, 6pois dábase conta de que sen a intervención do rei sería imposible ter paz no país e que Simón parase de facer toladas.

7Cando morreu Seleuco, sucedeulle Antíoco, o chamado Epífanes; Iasón, o irmán de Onías, teimaba en acadar o sumo sacerdocio valéndose de artimañas. 8Así nunha audiencia prometeulle ó rei trescentos sesenta talentos de prata e oitenta doutras rendas; 9e a maiores diso prometía poñer cento cincuenta talentos se lle daba autorización para construír un ximnasio e un club para os mozos, e para que os habitantes de Xerusalén gozasen de cidadanía antioquena.

10O rei pareceulle ben, e Iasón tomou o mando, e o primeiriño que fixo foi introducir no pobo os xeitos de vida dos gregos; 11suprimiu os privilexios que os reis tiveran a ben conceder ós xudeus grazas a Xoán, pai de Eupólemo, que fora de embaixador a Roma para facer o tratado de amizade e alianza, e suprimiu tamén as institucións legais para introducir costumes alleos á Lei; 12e ata chegou a construír un ximnasio debaixiño mesmo da cidadela e xuntou alí ós mozos máis distinguidos.

13A tanto chegaron os costumes dos gregos e tanto se espallou a moda estranxeira, por culpa de Iasón, que máis ca sumo sacerdote era un desleigado, 14que os sacerdotes xa non se preocupaban dos servizos do culto; todo ó contrario, desprezaban o templo e desinteresábanse dos sacrificios e bulían axiña para participar nos xogos prohibidos da palestra e nas competicións de lanzamento de disco. 15Non tiñan ningunha estima polos propios valores, e coidaban que as glorias gregas eran o melloriño. 16Pero por isto mesmo sufriron unha gran desgraza: aqueles a quen se querían asemellar en todo seguindo os seus costumes, aqueles mesmos convertéronse nos seus inimigos e verdugos. 17Évos cousa moi seria violar polas boas as leis divinas, como se pode ver nos feitos que imos contar.

18Cando se celebraron en Tiro os xogos quinquenais na presenza do rei, 19o desleigado Iasón mandou uns legados antioquenos en representación de Xerusalén, con trescentas dracmas de prata para o sacrificio de Hércules. Pero os que as levaban chegaron ó acordo de que era mellor deixar eses cartos para outros gastos antes que empregalos nun sacrificio que non viña ó caso. 20E así foi como aquel diñeiro, que o doante entregara para o sacrificio de Hércules, foi destinado a construír trirremes pola decisión dos que o levaban.

21Apolonio, o de Menesteo, foi enviado a Exipto para asistir á coroación do rei Filométor; daquela Antíoco informouse de que este rei non estaba de acordo coa súa política, e deu en tomar medidas de seguridade, e por esta razón pasou por Iafa e chegou ata Xerusalén. 22Iasón e a cidade enteira recibírono por todo o alto con fachos e moitas aclamacións. Despois seguiu coas súas tropas cara a Fenicia.

 

Menelao, sumo sacerdote

 

23De alí a tres anos, Iasón mandou onda o rei a Menelao, o irmán do devandito Simón, para que lle levase os cartos e tratase con el algúns asuntos de urxencia. 24Pero Menelao, apoiado por boas recomendacións, deulle honores ó rei e fíxose pasar por todo un personaxe, e acadou para si mesmo o sumo sacerdocio, ofrecendo trescentos talentos de prata máis ca Iasón. 25E volveuse co nomeamento real, sen outros méritos para ser sumo sacerdote co asañamento dun opresor cruel e a xenreira dun animal adoecido. 26E así Iasón, que suplantara ó seu mesmo irmán, foi suplantado por outro, e tivo que fuxir para a terra dos amonitas. 27Pero Menelao, unha vez que tomou posesión do seu cargo, xa non se preocupou de pagar os cartos que lle prometera ó rei, 28e iso que llos reclamaba Sóstrates, o prefecto da cidadela, que levaba o asunto dos impostos. Así que o rei chamounos ós dous. 29Menelao deixou como suplente no cargo de sumo sacerdote a seu irmán Lisímaco, e Sóstrates deixou a Crates, o xefe dos chipriotas.

30Mentres, os habitantes de Tarso e de Malos subleváronse porque as súas cidades foran dadas como dote a Antioquida, unha concubina do rei. 31O rei foi alá de seguida para poñer as cousas en orde, e deixou encargado do goberno a Andrónico, un dos seus dignitarios.

32Menelao coidou que aquela era unha boa oportunidade, e roubou algúns obxectos de ouro do templo; deles deulle algúns a Andrónico e outros vendeunos en Tiro e nas cidades de arredor. 33Cando tivo noticias certas do caso, Onías, que se gardara nun sitio sagrado, en Dafne, cerca de Antioquía, reprendeuno. 34Entón Menelao, foi falar a soas con Andrónico e pediulle que matase a Onías. Daquela Andrónico foi ver a Onías; e con moitos enganos deulle a man e fixo xuramento, e convenceu a Onías, que non se acababa de fiar de todo, para que saíse fóra do sitio sagrado; pero, así que saíu, matouno sen respectar ningún dereito. 35Por esta razón tanto os xudeus coma outra xente doutros pobos enchéronse de indignación e non podían aturar aquela morte inxusta. 36Cando volveu o rei de Cilicia foron onda el os xudeus da cidade e os gregos que reprobaban aquela morte, e contáronlle o asasinato inxustificado de Onías. 37Antíoco, fondamente magoado e cheo de compaixón, chorou polo defunto lembrando a súa prudencia e a súa rectitude; 38tanta carraxe lle deu que de contado foi e arrincoulle a Andrónico a púrpura e rachoulle os vestidos; despois mandou que o paseasen por toda a cidade ata o sitio onde matara a Onías; e alí acabou co asasino. Deste xeito recibiu do Señor o castigo merecido.

39Lisímaco fixera moitos roubos sacrílegos en Xerusalén co consentimento de Menelao; xa desapareceran moitos obxectos de ouro cando se aireou o asunto; daquela o pobo sublevouse contra Lisímaco. 40Lisímaco decatouse de que o pobo andaba alporizado e cheo de carraxe, así que armou a uns tres mil homes e mandouno reprimir con violencia; o xefe de operacións era un tal Aurano, home xa de bastantes anos e de maior tolería. 41O ver o ataque de Lisímaco, uns con pedras, outros con estacas e algúns collendo presas de cinsa que alí había, a xente atacou ós de Lisímaco. 42Feriron a moitos, mataron a algúns, e a todos os demais os fixeron fuxir, e ó sacrílego matárono ó pé do tesouro.

43Por estes incidentes Menelao foi procesado, 44e cando o rei chegou a Tiro, tres homes enviados polo Senado presentáronlle o caso. 45Véndose xa perdido, Menelao prometeulle unha boa manchea de cartos a Tolomeo, o de Dorimeno, se convencía ó rei; 46e así foi, Tolomeo invitou ó rei a dar unha voltiña por un pórtico coma se fosen tomar o fresco, e fíxoo cambiar de parecer. 47Absolveu de todas as acusacións ó que era culpable de todo, e, en cambio, condenou a morte a uns coitados que serían declarados inocentes aínda que fosen xulgados nun tribunal bárbaro. 48Os que defenderan a cidade, o pobo e os vasos sagrados, sufriron de contado un castigo inxusto. 49Por esa razón, os de Tiro, en sinal de desacordo co crime cometido, pagaron os gastos do funeral. 50E Menelao, grazas á avaricia dos caciques, seguiu no poder; a súa ruindade ía a máis cada día e converteuse nun asañado perseguidor dos seus concidadáns.

 

Antíoco toma Xerusalén e profana o templo

 

Capítulo 5

 

1Por aquel tempo Antíoco preparou unha segunda expedición a Exipto. 2E sucedeu que durante uns corenta días se vían por toda a cidade cabalerías a galope polo aire, con vestidos de ouro, escuadróns armados con lanzas, 3batallóns de cabalería en formación, refregas e cargas polas dúas partes, escudos en movemento, moreas de lanzas, disparos de frechas, resplandor de armaduras douradas e coirazas de todos os tipos. 4Todos pedían que aquela visión fose un bo agoiro.

5Espallouse entón a falsa nova de que morrera Antíoco, e Iasón, á fronte de mil homes polo menos, atacou de súpeto a cidade. Os que defendían as murallas foron rexeitados, a cidade á fin foi tomada e Menelao refuxiouse na cidadela. 6Daquela Iasón matou sen piedade a moitos dos seus concidadáns, sen decatarse de que unha vitoria sobre os seus mesmos irmáns era a meirande derrota; parecíalle que triunfaba sobre os seus inimigos e non sobre os seus irmáns. 7Con todo, non chegou a coller o poder, e, por fin, aldraxado pola súa mesma traizón, tivo que se volver outra vez para a terra dos amonitas. 8E así foi como acabou este home ruín: levado á cadea por Aretas, rei dos árabes, fuxindo dunha cidade para outra, perseguido por todos, aborrecido como apóstata das leis, odiado como verdugo da patria e dos seus concidadáns, foi exiliado a Exipto. 9E así o que a tantos compatriotas seus desterrara, foi morrer en terra allea, cando fuxía cara a Esparta, onde contaba atopar refuxio por razóns de parentela. 10Ninguén chorou ó que a tantos deixara sen sartego; nin lle fixeron funerais de ningunha clase, nin puido ser enterrado no sartego de seus pais.

11Cando Antíoco soubo o que pasara, pensou que Xudá quería sublevarse. Por iso volveu de Exipto furioso coma un can danado, e tomou a cidade polas armas. 12Mandoulles ós soldados que degolasen sen piedade a cantos atopasen e que matasen ós que se gardaban nas casas. 13Aquilo foi unha matanza de mozos e vellos, un exterminio de homes, mulleres e nenos, un linchamento de mozos e picariños. 14Naqueles días desapareceron oitenta mil: corenta mil mortos e outros corenta mil vendidos coma escravos. 15E non satisfeito con isto, tivo o atrevemento de entrar no templo máis santo do mundo enteiro, guiado por Menelao, convertido nun traidor das leis e da patria. 16E colleu coas súas mans lixadas os vasos sagrados, e coas súas mans sacrílegas repañou tamén as ofrendas que fixeran outros reis para enriquecemento, gloria e honra do lugar santo. 17Antíoco, moi fachendoso, non se decataba de que o Señor estaba alporizado por pouco tempo polos pecados dos habitantes da cidade, e de aí viña o seu desinterese polo lugar santo; 18certamente, se o pobo non estivese tan cheíño de pecados, Antíoco sería castigado con só dar o primeiro paso, e tería que renunciar ó seu atrevemento, como lle pasara a Heliodoro, cando fora enviado por Seleuco para inspeccionar o tesouro. 19Pero o Señor non escollera o pobo para o templo, senón o templo para o pobo; 20e por iso o mesmo lugar santo que participara nas desgrazas do pobo, participou despois tamén no seu esplendor; e o templo, esquecido mentres durou a carraxe do Todopoderoso, foi refeito con todo esplendor ó reconciliárense co Señor altísimo.

21Antíoco colleu uns mil oitocentos talentos de prata do templo, e marchou axiña para Antioquía, coidando ‑¡tanta era a súa fachenda!‑ que podería navegar pola terra e andar de pé polo mar. 22Deixou uns gobernadores que maltrataron ó pobo: en Xerusalén, a Filipo, natural de Frixia, home máis cruel aínda ca quen o mandou; 23en Garizim, a Andrónico, e xa para rematala, a Menelao, o peoriño de todos pola ruindade con que tratou ós seus concidadáns e polo odio que lles tiña ós xudeus.

24Amais diso, Antíoco mandou a Apolonio, xefe dos mercenarios de Misia, cun exército de vinte e dous mil soldados coa orde de matar a todos os homes e vender as mulleres e os nenos. 25Chegou a Xerusalén con aparencia de paz, e agardou a que chegase o día santo do sábado; entón, aproveitando o descanso do sábado, mandou que as súas tropas desfilasen, 26e matou a coiteladas a todos os que saíron ver o desfile; despois percorreu toda a cidade e asasinou a moitísima xente.

27Mentres, Xudas o Macabeo retirouse ó deserto con nove homes máis, e vivía con eles polos montes, coma se fosen feras, e comían herbas para non contaminarse.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com