Capítulos 6-10

As leis da persecución relixiosa

 

Capítulo 6

 

1De alí a pouco tempo, o rei mandou un senador ateniense para que obrigase ós xudeus a abandonar os costumes dos seus maiores, e a non gobernarse pola Lei de Deus, 2coa orde de que profanase o templo de Xerusalén e de que o dedicase a Zeus Olímpico, e o de Garizim, a Zeus Hospitaleiro, como llo pediran os habitantes do lugar.

3O progreso do mal foi terrible e ninguén o podía aturar, 4pois encheron o templo de libertinaxe e de orxías dos pagáns, que andaban de rexouba coas prostitutas e deitábanse con mulleres nos adros sagrados, e enchíano todo de carnes prohibidas. 5O altar estaba cheo de vítimas noxentas, prohibidas pola Lei. 6Non se podían celebrar os sábados, nin gardar as festas tradicionais, nin tan sequera declarar que un era xudeu. 7Pola forza e contra a súa vontade tiñan que tomar parte no sacrificio que se ofrecía todos os meses no día en que o rei nacera; e cando se celebraban as festas de Diónisos, facíanos participar na procesión dedicada a este deus, coroados con hedras.

8Por insinuación de Tolomeo, publicouse un decreto nas cidades gregas veciñas para que fixesen outro tanto cos xudeus, obrigándoos a tomar parte nos sacrificios 9e condenando a morte ós que non quixesen aceptar os costumes gregos. Estábanse vendo xa os males que ían vir.

10Dúas mulleres foron denunciadas por circuncidar os seus fillos. Paseáronas publicamente pola cidade cos filliños pendurados dos peitos e despois guindáronas da muralla embaixo. 11A outros, que se xuntaran nunha cova dos arredores para celebrar o sábado ás agachadas, tamén os denunciaron a Filipo, e queimounos a todos, e nin sequera pensaron en defenderse por respecto relixioso á santidade do sábado.

12Pídolles, por favor, a todos aqueles que teñan este libro nas súas mans que non se escandalicen por estes sucesos; pensen que aqueles sufrimentos non tiñan por finalidade acabar co noso pobo, senón corrixilo. 13Certamente, é un grande beneficio non deixar sen castigo por moito tempo ós que pecan, antes ben corrixilos de seguida que o fan; 14mentres que o Señor agarda con paciencia que os outros pobos enchan a medida dos seus pecados para castigalos, connosco decidiu facer doutro xeito, 15e non agarda a que cheguemos ós lindeiros do mal para castigarnos. 16Xamais non arreda de nós a súa misericordia; non abandona ó seu pobo, nin sequera cando o corrixe coa desgraza. 17Cómpre que non esquezamos esta advertencia. E volvamos xa á nosa historia.

 

Martirio de Elazar

 

18A Elazar, un dos principais letrados, home entrado en anos e de aspecto venerable, abríronlle a boca á forza para que comese carne de porco. 19Pero el preferiu morrer con gloria a vivir con vergonza, foi voluntariamente ó suplicio 20cuspindo na carne, como deben facer os que teñen valor para non comer o que non está permitido, aínda que lles custe a vida.

21Os que presidían aquel sacrificio ilegal, de vello amigos deste bo home, levárono á parte e pedíronlle que trouxese carne permitida preparada por el mesmo, e que fixese como que comía a carne do sacrificio mandado polo rei. 22Deste xeito poderíase librar da morte. Facíanlle isto pola amizade que lle tiñan. 23Pero el tomou unha dignísima determinación, como lle acaía á súa idade, á súa venerable ancianidade, ás súas canas ben honradas, á súa conduta inmellorable xa desde neno, e maiormente como lle acaía á lei santa establecida por Deus; respondeu en consecuencia que o enviasen ó reino dos mortos. E díxolles:

24‑"¡Acabade axiña comigo! Pois non lle acae a un home da miña idade ese engano; ademais moitos mozos van pensar que Elazar, ós noventa anos, se pasou ó paganismo, 25e a miña simulación polo apego á pouca vida que me queda vainos desnortar. Iso sería unha vergonza e unha aldraxe para a miña vellez; 26e aínda que polo de agora puidese escapar das mans dos homes, nin vivo nin morto me libraría das mans do Todopoderoso. 27Así que renuncio á vida e morro coma un valente para ser digno da miña vellez 28e deixar ós novos un nobre exemplo de como se debe morrer con valentía e xenerosidade pola nosa lei santa e venerable".

Cando acabou de falar, foi cara ó suplicio.

29Os que o levaban, ó escoitar este razoamento, cambiaron en xenreira o trato humano que lle deran, pois pensaban que eran verdadeiras toleadas.

30Cando xa estaba para morrer de tantos golpes que lle daban, dixo entre salaios:

‑"Ben sabe o Señor coñecedor de todo, que podéndome eu librar da morte sufro no meu corpo as atroces dores da flaxelación; pero aturo con gusto todo isto na miña alma polo temor que lle teño".

31E así morreu Elazar, deixando coa súa morte non soamente ós mozos senón tamén a todo o seu pobo unha exemplar lembranza de afouteza e de virtude.

 

Martirio dos sete irmáns con súa nai

 

Capítulo 7

 

1Daquela meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que comesen carne de porco, cousa prohibida pola Lei. 2Un deles falou deste xeito no nome de todos:

‑"¿Que é o que queres conseguir de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores". 3Entón o rei, todo enrabechado, mandou poñer no lume as tixelas e as potas. Cando deron en ferver, 4o rei mandou que lle cortasen a lingua ó que falara no nome dos demais, que lle arrincasen o coiro cabeludo e que lle cortasen as extremidades á vista dos outros irmáns e mais da nai. 5Cando o rapaz estaba mutilado de todo, o rei mandou que lle puxesen lume e que o fritisen; aínda acoraba o rapaz. Mentres o cheiro da tixela se espallaba todo arredor, os outros dábanse azos coa nai para morrer con dignidade e dicían:

6‑"O Señor Deus estanos ollando e xa veredes como se compadece de nós, segundo o que Moisés dixo na cantiga de protesta contra Israel: Hase compadecer dos seus servos".

7Cando morreu deste xeito o primeiro, levaron ó segundo ó suplicio; arrincáronlle o coiro cabeludo e preguntáronlle se quería comer antes que o torturasen membro por membro. 8El respondeu na súa fala:

‑"¡Non!"

Por iso sufriu tamén o mesmo martirio có primeiro.

9E cando xa estaba nas últimas, dixo:

‑"Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei".

10Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido 11e dixo con valentía:

‑"De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente".

12O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz que non tiña medo ós tormentos.

13Cando este morreu, torturaron de xeito semellante ó cuarto; 14e cando estaba xa para morrer, dixo:

‑"Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida".

15De seguida trouxeron ó quinto e atormentárono. 16Este, mirando para o rei, díxolle:

‑"Ti, aínda que es un mortal, fas o que queres porque tes poder sobre os homes; pero non vaias pensar que Deus esqueceu ó noso pobo. 17Agarda unha miguiña e xa verás o seu poder, pois que te ha castigar a ti e ós teus descendentes".

18Despois colleron ó sexto, e, estando xa a piques de morrer, dixo:

‑"Non te enganes coma un parvo; nós padecemos isto porque pecamos contra o noso Deus; por iso pasan estas cousas abraiantes. 19Pero non vaias pensar que has quedar sen castigo, ti, que ousaches loitar contra Deus".

20Pero o caso máis admirable e digno de lembranza foi o da nai. Nun só día viu morrer ós sete fillos seus, e sufriuno toda valente, poñendo a esperanza no Señor; 21chea de nobres sentimentos íalles dando azos a cada un deles na súa propia fala, e con forza de home e tenrura de muller 22dicíalles:

‑"Eu non sei como aparecestes no meu seo, pois eu non vos dei nin o alento nin a vida, nin artellei os vosos membros. 23Foi o creador do mundo, o modelador do home e o principio de todas as cousas. El havos devolver misericordiosamente o alento e a vida a vós que agora vos sacrificades pola súa Lei".

24Antíoco coidaba que a muller o estaba desprezando e que aquelas palabras eran aldraxes; con todo aínda intentou convencer o máis pequeno, que era o que quedaba, prometéndolle, con xuramento e todo, que, se abandonaba as súas tradicións, o había facer rico e feliz, que sería o seu amigo, e que lle daría un bo cargo.

25Vendo que o picariño non lle facía caso ningún, o rei chamou á nai e pediulle que aconsellase ó fillo para proveito del. 26Tanto teimou o rei que á fin a nai aceptou convencer o seu fillo. 27Inclinouse cara ó rapaz e, moqueándose do cruel tirano, díxolle na súa fala:

‑"Meu filliño, ten piedade de min que te levei nove meses no meu seo, que che dei de mamar tres anos, que che dei mantenza e crianza ata hoxe. 28Pídoche, filliño, que mires para o ceo e para a terra; olla canto hai neles, e recoñece que Deus fixo todo isto da nada, e esa é tamén a orixe do home. 29Non lle teñas medo a ese verdugo; ponte á altura de teus irmáns e acolle a morte, para que no día da misericordia te atope a carón deles".

30Aínda estaba a nai falando e dixo o rapaz:

‑"¿Que agardas, ho? Eu non acepto o decreto do rei, soamente obedezo os mandamentos da Lei dada por Deus ós nosos maiores por medio de Moisés. 31Ti, que tanto mal nos estás facendo ós hebreos, non te has librar das mans de Deus. 32Certo, nós sufrimos polos nosos pecados, 33e se o Deus vivo está irritado contra nós por certo tempo para castigarnos e corrixirnos, xa se reconciliará outra vez cos seus servos. 34Pero ti, home malvado e criminal sen comparanza, non te enchas de fachenda coma un parvo confiando en esperanzas baleiras, ó tempo que te alporizas contra os servos de Deus, 35porque aínda non escapaches do xuízo de Deus Todopoderoso, a quen nada se lle pasa. 36Meus irmáns, despois de sufriren agora un pouquiño, xa gozan da promesa divina dunha vida eterna; pero ti no xuízo de Deus has recibir os castigos que merece o teu orgullo. 37Eu, coma meus irmáns, entrego o meu corpo e a miña vida polas leis de meus pais, e pídolle a Deus que teña misericordia do seu pobo, que ti mesmo entre castigos e tormentos confeses que soamente El é Deus 38e que a xenreira do Todopoderoso, que tan xustamente se desencadeou contra o meu pobo, se deteña en min e en meus irmáns".

39Entón o rei, todo enrabechado e ferido pola retranca do rapaz, asañouse nel con máis crueldade aínda ca nos outros. 40E así morreu o picariño, sen lixo ningún e con toda a confianza posta no Señor.

41A derradeira morreu tamén a nai, despois de seus fillos. 42E co que contei hai abondo xa sobre os sacrificios e a cruel represión do rei.

 

Primeiras vitorias de Xudas o Macabeo

 

Capítulo 8

 

1Entre tanto, Xudas o Macabeo e os seus compañeiros, entrando ás agachadas nas aldeas, falábanlles ós seus parentes e ós que permaneceran fieis ó xudaísmo, e xuntaron arredor de seis mil homes. 2Pedíanlle ó Señor que puxese os seus ollos no seu pobo asoballado por todos e que se compadecese do templo profanado por homes malvados; 3que tivese piedade da cidade arrasada e xa a piques de ser achanzada de todo, que escoitase o berro do sangue que pedía vinganza, 4que se lembrase da inxusta matanza de picariños inocentes e dos xuramentos ditos contra o seu Nome e que dese a ver a súa ira contra o mal.

5Cando o Macabeo se viu cun exército organizado, os inimigos non o puideron vencer, porque cambiárase en misericordia o enfado do Señor. 6Chegaba de súpeto ás cidades e aldeas e poñíalles lume; ocupaba as mellores posicións e facía fuxir a moitos inimigos; 7aproveitaba a complicidade da noite para estes ataques. Por todas partes chegou a ser moi sonada a súa valentía.

8Filipo decatouse de que este home ía a máis cada día e de que medraban as súas vitorias; entón escribiulle a Tolomeo, gobernador da Celesiria e da Fenicia, para que defendese os intereses do rei. 9Tolomeo escolleu de contado a Nicanor, o de Patroclo, un dos máis achegados ó rei, e mandouno á fronte de máis de vinte mil homes de todas as razas para acabar dunha vez con todo o pobo xudeu; e tamén se lle engadiu Gorxias, un xeneral con moita experiencia de guerra. 10Coa venda dos escravos xudeus Nicanor contaba facer 2.000 talentos de prata para pagar os tributos que o rei lles debía ós romanos. 11Mandou de seguida aviso ás cidades costeiras para que viñesen mercar escravos xudeus, prometendo dar noventa escravos por un talento de prata. Non sospeitaba o castigo do Todopoderoso que xa lle viña enriba.

12Cando Xudas soubo que Nicanor estaba en camiño, deu coñecemento á súa xente da proximidade do inimigo. 13Os covardes e os que non confiaban na xustiza divina fuxiron e fóronse meter noutros sitios; 14pero os outros vendían canto tiñan e pedíanlle ó Señor que os librase do malvado Nicanor que xa os tiña vendidos antes da batalla; 15senón por eles, ó menos pola promesa feita ós seus maiores e polo nome venerable e magnífico con que o invocaban.

16O Macabeo xuntou ós seus homes, arredor duns seis mil, e animounos a que non lle tivesen medo ó inimigo, nin se preocupasen por aquela chea de xente que os atacaba inxustamente; ó contrario, que loitasen con valentía 17tendo en conta a aldraxe que lle fixeron ó lugar santo, o asoballamento inxurioso da cidade e a supresión das súas institucións. 18E díxolles:

‑"Se eles confían nas súas armas e no seu valor, nós confiamos no Deus Todopoderoso, que cun só aceno pode esnaquizar a cantos nos atacan e ata o mundo enteiro".

19Lembroulles as intervencións de Deus en favor dos seus maiores, aquela no tempo de Senaquerib, cando morreron cento oitenta e cinco mil homes; 20e aqueloutra da batalla contra os gálatas de Babilonia, cando estaban para combater oito mil xudeus axudados por catro mil macedonios, e aínda que nos macedonios case se deu a desfeita, os oito mil xudeus derrotaron a cento vinte mil inimigos, grazas á axuda que lles veu do ceo, e conseguiron moito botín.

21E deste xeito deulle tantos azos que xa estaban dispostos a morrer pola patria e pola Lei.

Xudas dividiu o exército en catro corpos, 22e á fronte de cada un deles puxo a un irmán seu, Simón, Xosefo e Ionatán, con mil cincocentos homes cada un. 23E mandoulle a Elazar que lese o libro sagrado. Deulles como contrasinal "Deus axuda", púxose á fronte do primeiro corpo e arremeteu contra Nicanor. 24Coa axuda do Todopoderoso mataron a máis de nove mil inimigos, feriron e esnaquizaron a maioría do exército de Nicanor e ós outros obrigáronos a fuxir. 25Colleron os cartos dos que viñeran para mercalos a eles, e logo perseguíronos moito tempo, pero, como xa era tarde, recuaron, 26pois o día seguinte era sábado, e por iso non seguiron máis lonxe. 27Recolleron as armas e o botín dos inimigos e celebraron o sábado loando e bendicindo ó Señor porque coa salvación daquel día lles mostrara os primeiros gromos da súa misericordia. 28Cando pasou o sábado repartiron os espolios entre os damnificados, as viúvas e os orfos, fóra dunha parte que gardaron para si e para os seus fillos. 29E despois organizaron uns actos de oración pública para pediren ó Señor misericordioso que se reconciliase de todo cos seus servos.

30Loitaron tamén contra Timoteo e Báquides e fixéronlles máis de vinte mil baixas; apoderáronse con valentía das cidadelas e repartiron por igual os moitos espolios que colleron: entre eles, os damnificados, os orfos, as viúvas e os vellos. 31Gardaron con coidadiño en sitios axeitados as armas que lles colleron ó inimigo e levaron a Xerusalén o resto dos espolios. 32Mataron ó comandante dos homes de Timoteo, un verdadeiro criminal que lles fixera moito mal ós xudeus. 33Polas festas da vitoria, celebradas na capital, queimaron vivos ós que lles puxeran lume ás portas sagradas, e a Kalístenes, que se agachara nunha casopa; así recibiron o pago da súa ruindade.

34Nicanor, ese grande criminal, que trouxera mil tratantes para a venda dos escravos xudeus, 35humillado, coa axuda de Deus, polos mesmos que el coidaba seren do peoriño, despoxado dos seus luxosos vestidos, andou coma un escravo fuxitivo a través das leiras e chegou a Antioquía, con ben máis sorte có seu exército esnaquizado. 36E así, quen contaba facerse cos tributos debidos ós romanos grazas á venda dos escravos de Xerusalén, proclamaba agora que os xudeus tiñan unha axuda incomparable e que eran invulnerables, pois seguían as leis que Deus lles dera.

 

Morte de Antíoco Epífanes

 

Capítulo 9

 

1Daquela tamén Antíoco se tivera que retirar en desorde do país dos persas, 2pois cando entrou na cidade de Persépolis, intentou saquear o templo e apoderarse da cidade; pero o pobo amotinouse e botouse ás armas, así que Antíoco, derrotado polos habitantes do país, tivo que emprender unha retirada vergonzosa.

3Cando chegaba a Ecbátana, contáronlle o que lle pasara a Nicanor e ás tropas de Timoteo. 4E, todo alporizado, decidiu vingarse nos xudeus das aldraxes que lle fixeran os que o puxeran en fuga. E así deulle orde ó carreteiro de que levase o carro sen parar ata o remate da viaxe. Pero non sabía o castigo que Deus lle tiña gardado, pois dixo con moita fachenda:

‑"Cando chegue a Xerusalén hei facer dela un cemiterio de xudeus".

5Pero o Señor que todo o ve, o Deus de Israel, castigouno cunha doenza invisible e incurable; pois de seguida que dixo estas palabras deulle unha dor de ventre insoportable acompañada de agudas picadas no intestino 6‑cousa xusta, xa que tamén el torturara as entrañas doutros con moitos tormentos requintados‑. 7Pero aínda así non desistiu da súa soberbia; ó contrario, cada vez máis fachendoso e comendo lume contra os xudeus, mandou acelerar a marcha. Pero pasou que, cando ía a toda velocidade, caeu do carro e co golpe todos os membros do corpo lle quedaron trillados. 8Entón, quen había pouco, cheo de arrogancia, pensaba dar ordes ás ondas do mar e pesar na romana os cumes dos montes, estaba agora tirado no chan e tiña que ser levado nunha liteira de xeito que todos puidesen comprobar a forza de Deus. 9Do corpo deste malvado saían vermes, e a carne, viva e todo, íalle caendo a anacos entre dores grandísimas; e non había quen parase no campamento co cheiro que botaba o seu corpo podre. 10A tanto chegou o fedor que ninguén podía transportar a aquel que antes semellaba poder coller o ceo coas mans.

11Entón, ó verse en tal abatemento, deu en depor a súa fachenda; como a dor ía a máis cada vez, decatouse de que aquilo era un castigo de Deus, 12e, sen poder aturar xa o seu propio cheiro, dixo:

‑"É xusto que o mortal se someta a Deus e que non teña o atrevemento de se encarar con El".

13O malvado aquel rezáballe ó Señor, que xa non se compadecía del, e dicía 14que deixaría libre a cidade santa cara á que se dirixía a toda présa para a derrubar e facer dela un cemiterio; 15que os mesmos dereitos que tiñan os atenienses llelos daría tamén ós xudeus, dos que antes dixera que lles negaba a sepultura, e que os botaría a eles e ós seus fillos ás feras e ós paxaros carniceiros; 16que adornaría con ofrendas riquísimas o templo santo que pouco antes saqueara, e devolvería en maior número os vasos sagrados; que pagaría os gastos do sacrificio coas súas propias rendas, 17e que ata se faría xudeu e iría polo mundo adiante proclamando o poder de Deus.

18Pero, como as dores non pasaban, pois caera sobre el o xusto xuízo de Deus, xa sen esperanza de mellora, escribiulle esta carta ós xudeus en ton suplicante:

19‑"O rei e xeneral Antíoco saúda e desexa prosperidade e benestar ós honrados cidadáns xudeus.

20Coa esperanza posta en Deus, espero que vos atopedes ben, vós e vosos fillos e que os vosos negocios vaian segundo os vosos desexos. 21Eu, estando como estou, doente e sen forzas na cama, lémbrome con agradecemento da vosa estima e achego. Cando volvía de Persia caín gravemente enfermo, e coidei que era necesario pensar na seguridade de todos. 22Isto non quere dicir que non teña esperanza de curar, eu conto con mellorar; 23pero quero seguir o proceder do meu pai que sempre que facía unha expedición bélica cara ás rexións da montaña nomeaba un sucesor seu, 24para que, se pasaba algo imprevisto ou se tiñan malas novas, os súbditos non se inquietasen, pois xa sabían quen collería o mando; 25amais diso, eu ben sei que os reis dos pobos veciños están axexando e agardando o momento oportuno; por todo isto nomeei rei ó meu fillo Antíoco, que xa vos presentei moitas veces cando tiña que percorrer as rexións do norte. Escribinlle a el a carta adxunta.

26Así que vos pido de corazón que lembredes os beneficios xerais e particulares que vos teño feito, e que teñades co meu fillo a mesma lealdade ca comigo. 27Eu estou seguro de que el, seguindo a miña liña moderada e humana, hase de entender ben con vós".

28E así foi como aquel asasino e blasfemo, envolto en terribles sufrimentos, morreu nas montañas en terra allea, cunha morte miserable, como el tratara tamén ós outros. 29O seu íntimo amigo Filipo trasladou o seu cadáver, pero despois tívolle medo ó fillo de Antíoco e fuxiu para Exipto onda Tolomeo Filométor.

 

Purificación do Templo

 

Capítulo 10

 

1O Macabeo e os seus homes, coa axuda de Deus, apoderáronse do templo e da cidade, 2derrubaron os altares levantados polos estranxeiros nos rueiros e nos lugares sagrados. 3Purificaron o templo, construíron outro altar, e despois dunha interrupción de dous anos, ofreceron un sacrificio con lume sacado dos croios, queimaron incenso, acenderon as lámpadas e presentaron os pans da proposición. 4Despois que fixeron isto, botáronse ó chan e pedíronlle ó Señor que non os deixase caer máis en semellantes desgrazas; que El os castigase con brandura, se é que volvían a pecar, e non os entregase ós bárbaros e blasfemos estranxeiros. 5No mesmo día en que os estranxeiros profanaron o templo fíxose a purificación, o día 25 do mes de Kisleu. 6Celebraron con moita diversión a festa durante oito días coma na festa das Tendas, para facer lembranza de que había pouco, no tempo desta festa das Tendas, vivían coma feras nos montes e nas covas. 7Por iso, con varas enramadas, ramallos verdes e palmas nas mans, cantábanlle himnos ó que lles concedera chegar á purificación do seu templo. 8E ordenaron a todo o pobo xudeu, mediante un decreto aprobado por unanimidade, que celebrasen todos os anos aquelas festas.

 

Vitorias de Xudas

 

9E así foi como acabou Antíoco, chamado Epífanes.

10Imos falar agora de Antíoco Eupátor, o fillo daquel malvado, resumindo as desgrazas que trouxeron as guerras.

11Cando tomou posesión do reino, puxo á fronte do goberno a un tal Lisias, comandante maior da Celesiria e de Fenicia. 12Entre tanto Tolomeo, o alcumado Macrón, facíase notar polo trato xusto que daba ós xudeus para compensar as inxustizas de que foran obxecto, e procuraba gobernalos pacificamente; 13pero, por isto foi denunciado polos achegados ó rei, que decote o estaban acusando tamén de traidor porque abandonara Chipre, que lle confiara Filométor, e pasárase ó bando de Antíoco Epífanes. Desesperado, vendo que non podía desempeñar o seu cargo honradamente, envelenouse.

14Gorxias, nomeado xeneral daquelas rexións, sostiña tropas mercenarias e cada pouco andábase metendo cos xudeus. 15Pola súa banda os idumeos, despois de apoderarse de fortalezas ben situadas, tamén molestaban ós xudeus e facían por manter viva a guerra acollendo ós fuxitivos de Xerusalén. 16Os homes do Macabeo pedíronlle a Deus na oración que os viñese axudar, e logo atacaron as fortalezas idumeas; 17atacáronas con todo o valor, apoderáronse delas, rexeitaron a cantos loitaban nas murallas e acoitelaron ós que caeron nas súas mans. Cando menos mataron a vinte mil.

18Arredor de nove mil refuxiáronse en dúas torres moi fortes e con viandas abondo para resistiren o cerco. 19O Macabeo deixou a Simón, a Xosé e a Zaqueo con xente bastante para manter o cerco, e el marchou a outros sitios onde precisaban máis del. 20Pero os de Simón, levados pola avaricia, deixáronse subornar por algún dos refuxiados nas torres, pagáronlles sete mil dracmas e deixáronos fuxir. 21Cando o Macabeo se informou do caso, xuntou ós xefes do pobo e acusounos de que venderan a seus irmáns por cartos ó deixar fuxir os inimigos. 22Mandou que os executasen por traidores e conquistar de seguida as torres. 23Grazas á súa valentía puido poñer bo final a aquela empresa; nas dúas fortalezas matou a máis de vinte mil homes.

24Timoteo, derrotado antes polos xudeus, xuntou un exército moi grande de tropas mercenarias, trouxo moitísima cabalería de Asia e chegou coa intención de conquistar Xudá. 25Cando os homes do Macabeo souberon que andaba cerca, rezáronlle a Deus cubrindo a cabeza con cinsa e envolvendo o corpo nun saco, 26e pedíronlle, prostrándose diante do altar, que lles botase unha man, que se fixese inimigo dos seus inimigos e adversario dos seus adversarios, como está dito na Lei. 27Así que acabaron de rezar, colleron as armas, saíron bastante da cidade e detivéronse cando viron que os inimigos estaban cerca.

28O abrir o día empezou a loita. Uns tiñan como garantía de éxito e vitoria, amais do seu valor, a confianza no Señor; outros soamente ían guiados pola súa ousadía. 29Cando máis dura estaba a loita, os inimigos viron no ceo cinco personaxes relucentes, montados en cabalos con freos de ouro; puxéronse á fronte dos xudeus, 30colocaron no medio ó Macabeo e defendíano coas súas armas e gardábano incólume mentres disparaban frechas e raios contra os inimigos, que cegados e desnortados, desorganizáronse de todo. 31Morreron vinte mil cincocentos de a pé e seiscentos de a cabalo.

32O mesmo Timoteo tivo que refuxiarse nun forte moi ben defendido chamado Guézer, á fronte do cal estaba Zuereas. 33Os soldados do Macabeo asediaron a torre con moita afouteza durante catro días. 34Os de dentro, moi confiados  na boa defensa da cidadela, non paraban de maldicir e de botar xuramentos. 35Pero, ó alborexar o día quinto, vinte mozos do exército do Macabeo, cheos de carraxe por tanto xuramento, asaltaron valorosamente a muralla e mataron con asañamento a cantos se lles puxeron por diante. 36Outros sorprenderon ós cercados escalando a muralla por outra parte; pegáronlles lume ás torres, fixeron fogueiras e queimaron nelas ós blasfemos. Entre tanto outros tiraron coas portas e déronlle entrada ó resto do exército e conquistaron a cidade. 37Mataron a Timoteo que se agachara nunha cisterna, e tamén a seu irmán Zuereas e a Apolófanes.

38Despois desta fazaña loaron con himnos e cántigas ó Señor que tanto fixera por Israel dándolles aquela vitoria.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com