Capítulos 6-10

Morte de Antíoco

 

Capítulo 6

 

1Cando o rei Antíoco percorría as provincias do norte, oíu dicir que en Persia había unha cidade chamada Elimaida, de moita sona pola súa riqueza en prata e ouro; 2tiña un templo riquísimo onde se gardaban armaduras de ouro, coirazas e armas que alí deixara Alexandro, o de Filipo, rei de Macedonia, o primeiro rei dos gregos. 3Antíoco chegou alá e quíxose apoderar da cidade para saqueala; pero non puido, porque os da cidade, ó coñecer as súas intencións, fixéronlle fronte coas armas. 4Entón tivo que fuxir e volverse para Babilonia con moita tristura.

5En Persia chegoulle un mensaxeiro coa nova de que as forzas enviadas contra Xudá foran derrotadas, 6e de que Lisias, que partira para alá cun grande exército, fuxira diante dos xudeus; estes aumentaran o seu poder coas armas e os espolios collidos ós exércitos vencidos, 7destruíran o altar sacrílego que mandara colocar enriba do altar de Xerusalén, e rodearan cunha muralla tan alta coma antes o santuario e a cidade de Betsur.

8O escoitar tales novas, o rei quedou aterrado e moi impresionado, ata o punto de ter que encamar pola tristeza, porque non lle saíran as cousas como el quería. 9Así pasou moitos días cada vez máis morriñento. Vendo que xa morría, 10chamou a todos os seus achegados para lles dicir:

‑"Foxe o sono dos meus ollos e síntome premido polas preocupacións, 11ó ver a aflición e a inquedanza na que me atopo neste instante, eu, sempre tan feliz e querido cando era poderoso. 12Pero agora recordo as inxustizas que cometín en Xerusalén, os obxectos de ouro e prata que alí roubei, a xente de Xudea que mandei matar sen razón ningunha. 13Recoñezo que por iso me veñen estas desgrazas. Velaí que vou morrer de tristura en terra estranxeira".

14Chamou a Filipo, un dos seus achegados, e nomeouno rexente de todo o seu reino. 15Deulle a súa coroa, o seu manto e o seu anel, e encargoulle que lle educase e preparase para o goberno ó seu fillo Antíoco.

16O rei Antíoco morreu alí no ano cento corenta e nove. 17Cando Lisias soubo que morrera o rei, puxo no seu lugar ó seu fillo Antíoco, que el educara desde neno, e púxolle o título de Eupátor.

 

Guerra e paz con Antíoco Eupátor

 

18Entrementres a gornición da cidadela molestaba ós israelitas polos arredores do templo, prexudicándoos a cotío e apoiando ós pagáns. 19Xudas determinou botalos de alí, e convocou a todo o exército para cercalos. 20Concentráronse todos e empezaron o cerco no ano cento cincuenta con catapultas e máquinas que construíran. 21Con todo algúns dos cercados romperon o cerco, e con algúns israelitas desleigados, 22fóronlle dicir ó rei:

‑"¿Cando has facer xustiza e defenderás os  nosos irmáns? 23Nós decidimos someternos a teu pai e obedeces súas ordes e disposicións. 24E por iso os nosos irmáns se volveron contra nós e teñen a cidadela cercada; amais diso mataron ós nosos que caeron nas súas mans e rapinaron os seus bens. 25E non soamente erguen a man contra nós, senón que tamén contra todos os teus dominios. 26Agora mesmo están acampados contra a cidadela de Xerusalén, para apoderárense dela; xa fortificaron o santuario e Betsur, 27e se non lles colles a dianteira de contado, aínda han ir a máis e non os poderás dominar".

28O rei alporizouse moito ó escoitar todo isto. Convocou a todos os seus achegados, ós xefes de infantería e cabalería. 29Ata lle viñeron tropas mercenarias dos outros reinos e do alén mar. 30O seu exército tiña cen mil soldados de infantería, vinte mil cabaleiros e trinta e dous elefantes afeitos á loita. 31Atravesaron Idumea e cercaron Betsur. Atacárona durante moitos días con máquinas ó caso, pero os cercados fixeron unha saída, e loitando valentemente puxéronlles lume.

32Entón Xudas ergueu o cerco da cidadela e acampou onda Bet-Zacarías, diante do campamento do rei. 33Pola mañanciña ergueuse o rei e mandou que o exército avanzase lixeiro polo camiño de Bet-Zacarías. Colocáronse os exércitos para combater; soaron as trompetas de guerra.

34Os elefantes déronlles zume de uvas e de amoras para excitalos para a loita; 35repartíronos entre os escuadróns, e con cada un deles ían mil soldados con coirazas e con helmos de bronce na cabeza, e tamén cincocentos cabaleiros escolleitos 36que precedían e acompañaban ó elefante fose para onde fose, sen arredarse del para nada. 37Derriba dos elefantes ían montadas unhas torres de madeira, fortes e ben protexidas, atadas ó animal con adivais; en cada torre ían catro guerreiros que combatían desde alí arriba e o guieiro indio. 38O resto da cabalería colocouna nas dúas alas do exército, á dereita e á esquerda, para protexer a infantería e fustrigar o inimigo.

39Cando o sol empezou a brillar nos escudos de ouro e de bronce, brillaban os montes con eles e resplandecían coma se fosen fachóns acesos. 40Parte do exército real estaba no cumio dos montes, e parte na chaira; avanzaban con paso firme e moi ben ordenados. 41Os xudeus, cando oíron o estrondo daquela chea de xente avanzando e chocando as armas, quedaron abraiados. Certamente era un señor exército.

42Xudas avanzou co seu exército, empezou a loita e caeron seiscentos homes do exército do rei. 43Elazar, alcumado Avarán, viu un elefante recuberto con coirazas reais que sobresaía por riba dos outros e pensou que o rei iría nel. 44Entón, ofrecendo a vida para salvar o seu pobo e acadar así unha fama inmortal, 45botou a correr destemidamente cara ó elefante polo medio do escuadrón, matando a quen se lle poñía por diante; a xente apartaba del. 46O chegar a carón do elefante, meteuse debaixo del e espetoulle a espada. Pero o elefante caeulle enriba e morreu alí mesmo.

47Os xudeus, ó ver as forzas e a combatividade do exército do rei, retiráronse. 48O exército real perseguiunos ata Xerusalén; entraron en Xudea e acamparon fronte ó monte Sión.

49O rei fixo as paces cos de Betsur, que saíron da cidade porque xa non tiñan provisións para prolongar a resistencia por máis tempo, pois aquel ano era ano sabático para o país. 50O rei ocupou Betsur e deixou nela unha gornición para a súa defensa. 51Despois púxolle cerco ó templo durante moitos días; montou alí seteiras, máquinas, lanzachamas, catapultas, escorpións para lanzar frechas, e tirapedras. 52Pola súa parte, os xudeus construíron tamén armas defensivas contra as dos atacantes, e loitaron durante moitos días. 53Pero acabáronselles as reservas que tiñan nos almacéns, porque era ano sétimo, e porque os que se refuxiaran alí, fuxindo a Xudá desde o estranxeiro, consumiran as provisións que quedaban; 54entón, como a fame os apertaba moito, deixaron uns poucos no templo e os demais esparexéronse cadaquén polo seu lado.

55Daquela soubo Lisias que Filipo, aquel a quen o rei Antíoco antes de morrer lle encomendara a crianza do seu fillo Antíoco para que logo o sucedese, 56volvera de Persia e de Media, á fronte da expedición que acompañara ó rei, e que quería apoderarse do reino. 57Lisias decidiu partir rapidamente, e díxolle ó rei, ós xenerais do exército e ós soldados:

‑"Cada día somos menos, rarean as provisións, a praza que cercamos é moi forte e temos que ocuparnos dos negocios do reino. 58Así que, deámoslle a man a esa xente e fagamos as paces con eles e con todo o seu pobo. 59Poñámonos de acordo con eles para que poidan vivir segundo as súas leis coma antes, pois por lles querer quitar esas leis foi polo que se arrepuxeron e nos fixeron todo isto".

60O rei e ós xenerais pareceulles ben a proposta. O rei mandou negociar a paz e os xudeus aceptárona. 61O rei e os xenerais confirmaron o pacto cun xuramento, e entón os cercados saíron fóra da fortaleza. 62Pero cando o rei subiu ó monte Sión e viu as fortificacións que tiña, quebrantou o xuramento que fixera e mandou destruír toda a muralla. 63Despois partiu axiña para Antioquía, e atopouse con que Filipo xa era dono da cidade; pero o rei atacouno e apoderouse da cidade pola forza.

 

Demetrio, Báquides e Alcimo

 

Capítulo 7

 

1No ano cento cincuenta e un, Demetrio, fillo de Seleuco, marchou de Roma cuns poucos homes, desembarcou nunha cidade da costa e proclamouse rei nela. 2Un día, cando ía entrar no palacio real dos seus maiores, as tropas prenderon a Antíoco e mais a Lisias para entregarllos a Demetrio. 3Cando se informou Demetrio, dixo:

‑"Non quero nin verlles a cara".

4Entón os soldados matáronos e Demetrio subiu ó trono real. 5E foron estar con el todos os israelitas desleigados e impíos, guiados por Alcimo, que quería ser sumo sacerdote, 6e acusaron ó pobo de moitas cousas; dixéronlle:

‑"Xudas e seus irmáns acabaron con todos os partidarios teus e a nós botáronnos fóra da nosa terra. 7Manda a unha persoa da túa confianza para que vexa os estragos que fixeron no medio de nós nos teus territorios, e castigue a Xudas con todos os seus colaboradores".

8O rei escolleu a Báquides, un dos seus amigos, home importante na corte e fiel ó rei, gobernador das terras do alén río. 9Enviouno co desleigado Alcimo, confirmado xa como sumo sacerdote, para castigar os israelitas. 10Partiron cun exército moi grande, e ó chegaren á terra de Xudá, enviaron uns mensaxeiros a Xudas e a seus irmáns cunha proposta falsa de paz. 11Os xudeus, cando viron que viñeran cun exército moi grande, non lles fixeron caso. 12Con todo, un grupo de escribas foi ter unha xuntanza con Báquides e Alcimo para chegar a unha solución xusta; 13de entre os israelitas os primeiros en pediren a paz foron os asideos, 14pois dicían:

‑"O que chegou co exército é un sacerdote da familia de Aharón; non nos vai enganar".

15El faloulles palabras de paz e xuroulles:

‑"Non vos faremos ningún mal, nin a vós nin ós vosos amigos". 16E eles créronllo. Entón foi e colleu a sesenta homes e matounos nun só día, segundo aquilo que di a Escritura:

17Arredor de Xerusalén ciscaron os

cadáveres

e verteron o sangue dos teus fieis

e ninguén os enterraba.

18Todo o pobo se encheu de medo e de espanto, e dicían:

‑"Son xente inxusta e mentireira, pois non respectaron o acordo e o xuramento que fixeron".

19Báquides retirouse de Xerusalén e foi acampar en Betsaid. Mandou prender a moitos dos seus que se pasaran de bando e a algúns do pobo; matounos e botounos nunha poza moi grande. 20Deixou logo o país nas mans de Alcimo con tropas que o defendesen, e el foise xunto ó rei. 21Alcimo loitou moito para conservar o sumo sacerdocio; 22xuntáronselle todos os argalleiros do pobo, apoderáronse de toda Xudá e fixeron moito mal en Israel.

23O ver Xudas que Alcimo e os da súa camarilla facían aínda máis mal ós israelitas cós mesmos pagáns, 24percorreu todas as terras de Xudá castigando os desleigados e poñendo fin ás súas correrías polo país. 25Alcimo decatouse de que Xudas e os seus ían a máis, e recoñecendo que non era el quen para resistilos, volveu onda o rei e acusounos de cousas moi graves.

 

Derrota de Nicanor

 

26Entón o rei enviou a Nicanor, un dos seus xenerais con máis sona, inimigo declarado de Israel, coa orde de acabar co pobo. 27Nicanor chegou a Xerusalén cun grande exército e mandoulle a Xudas e a seus irmáns esta mensaxe con falsas palabras de paz:

28‑"Non vaiamos á loita; eu irei cuns poucos homes para vernos e falar coma amigos".

29E así foi, chegou onda Xudas e saudáronse coma amigos, pero os inimigos ían preparados para prendelo. 30Xudas decatouse de que viñeran con malas intencións, colleulles medo e xa non quixo velo nunca máis. 31Nicanor viu que o seu plan fora descuberto; entón saíu ó combate contra Xudas cerca de Cafarxalán. 32Caeron uns cinco centos soldados de Nicanor e os demais fóronse refuxiar á Cidade de David.

33Despois destes acontecementos, Nicanor subiu ó monte Sión. Algúns sacerdotes e anciáns do pobo saíron do templo para saudalo amigablemente e para mostrarlle o holocausto que ofrecían polo rei. 34Pero el moqueouse deles, aldraxounos, cuspiunos, falou coma un badueiro 35e xuroulles enrabechado:

‑"Se non me entregades agora mesmo a Xudas e ó seu exército, asegúrovos que cando volva vitorioso voulle poñer lume ó templo".

E saíu adoecido.

36Os sacerdotes entraron e, de pé diante do altar e do santuario, exclamaron entre bágoas:

37‑"Ti escolliches este templo para que nel se invocase o teu nome e fose casa de oración e súplica para o teu pobo; 38castiga a este home e ó seu exército, que caian a fío de espada. Lémbrate das súas blasfemias e non lles deas boa fin".

39Nicanor saíu de Xerusalén e acampou en Bethorón; alí xuntóuselle un exército sirio. 40E Xudas acampou en Hadaxah con tres mil soldados, e rezou así:

41‑"Cando os mensaxeiros do rei blasfemaron, veu un anxo teu e matoulle cento oitenta e cinco mil homes. 42Esmaga hoxe igualmente a este exército diante de nós, para que todos saiban que blasfemou contra o teu nome; xúlgao segundo a súa maldade".

43No día trece do mes de Adar, os exércitos entraron en combate. O exército de Nicanor foi derrotado, e el mesmo foi o primeiriño en morrer. 44Cando o seu exército viu que Nicanor caera, guindaron as armas e fuxiron. 45Os xudeus perseguíronos un día, desde Hadaxah ata Guézer, tocando tras eles as trompetas. 46A xente de todas as aldeas do arredor saía para acosar ós que fuxían; loitaron contra eles e matáronos a todos a fío de espada, non quedou o primeiro. 47Despois recolleron os espolios e o botín, e a Nicanor cortáronlle a cabeza e a man dereita que erguera destemidamente; leváronas e colgáronas fronte a Xerusalén.

48O pobo alegrouse moitísimo, e aquel día fixeron unha festa moi grande. 49Acordaron celebralo todos os anos por aquela data, trece de Adar.

50Por algún tempo houbo paz en Xudá.

 

Xudas pacta cos romanos

 

Capítulo 8

 

1Chegou ós oídos de Xudas a sona dos romanos: eran moi poderosos, mostrábanse benévolos con todos os seus aliados e facían pactos de amizade con cantos acudían a eles. 2Contáronlle tamén as guerras e as proezas que fixeran na Galia, como a conquistaran e agora tíñalles que pagar tributos. 3E todo o que fixeran en España, para se apoderaren das minas de prata e de ouro que alí hai; 4como mantiñan o seu dominio naquela terra con paciencia e prudencia, e iso que estaba moi lonxe do seu país. Tamén lle falaron da derrota que lles meteran ós reis que desde moitas partes da terra os atacaran; foi tan grande que os demais xa lles pagaban tributos anualmente. 5Tamén derrotaron e someteron a Filipo, a Perseo, rei de Macedonia, e a todos os que se levantaron contra eles. 6E o mesmo fixeron con Antíoco, rei de Asia, que foi á guerra contra eles con cento vinte elefantes, cabalería, carros e unha infantería moi numerosa; 7collérono vivo e obrigárono a el e ós seus sucesores a pagar grandes tributos, amais da entrega de reféns e da cesión 8das súas mellores provincias, India, Media e Lidia; eles despois pasáronllas ó rei Eumenes.

9Tamén os gregos decidiron atacalos e acabar con eles. 10Pero cando os romanos se informaron do plano, mandaron contra eles un só xeneral; combateunos e matou a moitos dos gregos, levou presas ás mulleres e ós fillos, rapinou todos os seus bens, apoderouse das terras, derrubou as fortalezas e fíxoos escravos, e así están aínda hoxe. 11Destruíron e escravizaron ós demais reinos e illas que se lles opuxeron. 12Pero son fieis ós seus amigos e cos que confían neles. Dominaron ós reis veciños e ós de lonxe. Todos os que oen falar deles, lles collen medo. 13Reinan aqueles a quen axudan eles a reinar, destronan ós que queren. Teñen un poder enorme. 14Entre eles ninguén leva coroa nin se viste de púrpura para engrandecerse con ela. 15Formaron un Senado, e a cotío tres centos vinte senadores miran polo bo goberno do pobo. 16Cada ano entregan o mando e o goberno de todos os seus dominios a un só home, e todos lle obedecen sen envexas nin rivalidades.

17Xudas escolleu a Eupólemo, fillo de Xoán de Hacós, e a Iasón, fillo de Elazar, e mandounos a Roma para firmar un tratado de amizade e alianza, 18coa intención de saír do xugo dos gregos, pois vían que estes querían escravizar a Israel.

19Chegaron a Roma, a viaxe fora moi longa. Entraron no Senado e dixeron:

20‑"Xudas, o Macabeo, seus irmáns e o pobo xudeu mándannos para facer convosco un tratado de amizade e de alianza, de xeito que de agora en adiante nos contedes entre os vosos amigos e aliados".

21A petición foi ben acollida.

22Velaquí a copia da carta que escribiron en láminas de bronce e enviaron a Xerusalén, para que alí ficase como garantía do tratado de paz e alianza:

23‑"¡Prosperidade sen fin para romanos e xudeus, na terra e no mar, e que a espada inimiga estea lonxe deles!

24Se alguén lles declara a guerra ós romanos ou a algún dos seus aliados en calquera parte do seu imperio, 25os xudeus loitarán con eles decididamente, segundo o pidan as circunstancias. 26Os inimigos nin lles darán nin fornecerán víveres, armas, cartos nin barcos. É decisión dos romanos. Gardarán estes compromisos sen ningunha compensación.

27Do mesmo xeito, se alguén lles declara a guerra ós xudeus, os romanos loitarán con eles decididamente, segundo o pidan as circunstancias. 28Os inimigos non lles darán víveres, armas, cartos nin barcos. É decisión dos romanos. Gardarán este compromiso con toda lealdade.

29Estas son as condicións que os romanos poñen para pactar cos xudeus. 30Se máis adiante algún dos pactantes quere engadir ou retirar algo, hase facer chegando a un acordo; e o engadido ou retirado será obrigatorio.

31No que se refire ó mal que o rei Demetrio lles fixo, xa lle escribimos o seguinte: ¿Por que asoballas con tanta dureza ós nosos amigos e aliados? 32Se se nos volven queixar de ti, defenderemos os seus dereitos atacándote por terra e por mar".

 

Derrota e morte de Xudas

 

Capítulo 9

 

1Demetrio, cando oíu que Nicanor e o seu exército pereceran no combate, volveu mandar a Xudea a Báquides e a Alcimo coa ala dereita do seu exército. 2Colleron polo camiño de Guilgal, atacaron e tomaron Mesalot de Arbelah e mataron alí moita xente. 3No primeiro mes do ano cento cincuenta e dous acamparon fronte a Xerusalén; 4despois marcharon cara a Berea con vinte mil infantes e dous mil xinetes.

5Xudas acampou en Elasa con tres mil homes escolleitos. 6O veren semellante multitude de inimigos, enchéronse de medo, e moitos fuxiron do campamento; soamente quedaron uns oitocentos. 7Xudas viu a desfeita do seu exército no instante en que a batalla ía xa empezar, e desalentouse, pois xa non tiña tempo de xuntalo. 8Moi abatido díxolles ós que quedaran:

‑"¡Animo! Imos combater o inimigo, que ó mellor podémoslle facer fronte".

9Pero os seus desanimárono dicíndolle:

‑"Non poderemos. Agora é mellor salvar as nosas vidas; volveremos despois coa nosa xente e combateremos contra eles. Agora somos moi poucos".

10Xudas respondeulles:

‑"Xamais non fuxiremos diante do inimigo. Se é que nos chegou a hora, morramos coma valentes polos nosos irmáns e non lixemos con isto a nosa fama".

11O exército inimigo saíu entón do campamento e preparouse para o combate. A cabalería dividiuse en dúas partes; os fondeiros e os arqueiros diante do exército, e na primeira fila os máis fortes. Báquides ía na ala dereita. 12A falanxe avanzou polos dous lados ó toque das trompetas. Os de Xudas tamén tocaron as trompetas. 13O chan tremeu polo estrondo dos exércitos e o combate durou desde o abrente ata o serán.

14Xudas viu que Báquides e a parte máis forte do exército estaban na ala dereita; colleu con el ós máis valentes 15e desfixo a ala dereita e perseguiuna ata os montes de Axdod. 16Pero os da ala esquerda ó ver que a ala dereita fora derrotada e fuxía, perseguiron a Xudas e ós seus polas costas. 17A batalla púxose durísima, e caeron moitos das dúas partes. 18Xudas tamén caeu, e os outros fuxiron. 19Ionatán e Simón colleron o corpo de seu irmán Xudas e enterrárono en Modín, no sartego da familia. 20Todo Israel fixo grandes funerais por el, e chorouno moitos días; dicían:

21‑"¡Como caeu o valente,

o salvador de Israel!"

22Non se escribiron aquí outros feitos de Xudas, as guerras e fazañas que levou a cabo, e a gloria que acadou, porque non teñen número.

 

Ionatán pasa a ser xefe

 

23Despois da morte de Xudas, levantaron cabeza outra vez por todo o país os desleigados, e reapareceron todos os que facían o mal. 24Coincidiu que daquela houbo unha fame moi grande e o pobo pasouse a eles. 25Báquides escolleu uns homes impíos e entregoulles o goberno do país. 26Andaban á caza dos partidarios de Xudas, e levábanllos a Báquides, que os castigaba e aldraxaba. 27Non houbera unha tribulación tan grande en Israel desde o tempo en que se acabaran os profetas.

28Xuntáronse todos os partidarios de Xudas e dixéronlle a Ionatán:

29‑"Desde que morreu teu irmán Xudas, non hai ninguén que, coma el, sexa capaz de facer fronte ó inimigo, a Báquides e ós que perseguen ó noso pobo. 30Por iso nós hoxe escollémoste a ti para que ocupes o seu posto de xefe e capitán e dirixas con éxito os nosos combates".

31Ionatán aceptou o mando e desde aquel momento sucedeu a Xudas.

32Báquides sóuboo, e quería matalo. 33Pero Ionatán e seu irmán Simón e todos os seus seguidores soubérono e fuxiron ó deserto de Tecoa; acamparon a carón das augas da cisterna de Asfar.

34Cando Báquides o soubo era sábado, e pasou el mesmo co seu exército ó lado de alá do Xordán. 35Ionatán mandou a seu irmán á fronte dun grupo para pedirlles ós seus amigos os nabateos a ver se lles tiñan conta da bagaxe, que era moita. 36Pero os fillos de Iambrí, de Medebá colleron a Xoán e o que levaba, e marcháronlle con todo.

37Pasado algún tempo, comunicáronlle a Ionatán e a seu irmán Simón que os fillos de Iambrí celebraban unha grande festa de casamento, e que conducían con moita aquela desde Medebá á moza, que era filla dun ricachón de Canaán. 38Recordáronse da morte de seu irmán Xoán, e foron esconderse no monte. 39Ergueron os ollos e viron unha caravana moi festeira; era o mozo que ía ó encontro da súa moza cos amigos e parentes, cantando e tocando o tambor e outros instrumentos. 40Entón saíron do seu recuncho e caeron sobre eles para matalos. Feriron a moitos, e os demais escaparon para o monte. Rapináronlles todo o que levaban, 41e o casamento converteuse en loito, e os cantos de festa en laios. 42Así vingaron a morte de seu irmán. Despois volvéronse para a ribeira pantanosa do Xordán. 43Cando Báquides coñeceu isto, dirixiuse á fronte dun grande exército cara ás ribeiras do Xordán. 44Entón Ionatán díxolles ós seus:

‑"¡Animo! Loitemos pola nosa vida; hoxe non é coma onte ou antonte. 45Estamos en perigo por diante e por detrás; e aí as augas do Xordán, as súas marxes pantanosas e bosques; non hai escape. 46Así que rezádelle a Deus para que nos libre dos nosos inimigos".

47Trabouse o combate. Ionatán estendeu o brazo para ferir a Báquides, pero este botouse para atrás e non lle deu. 48Ionatán e os seus botáronse ó Xordán e pasaron a nado á outra beira; os inimigos non atravesaron o Xordán para perseguilos. 49Aquel día caeron uns mil homes de Báquides.

50Báquides regresou a Xerusalén, construíu fortalezas na Xudea, as de Iericó, Emaús, Bethorón, Betel, Tímnah, Piratón e Tefón, con altas murallas, con portas e con ferrollos; 51deixou nelas tropas para fustigar a Israel.

52Fortificou tamén as cidades de Betsur, Guézer e a cidadela, e instalou nelas tropas e almacéns de víveres. 53Colleu como reféns ós fillos da xente grande do país e encadeounos na cidadela de Xerusalén.

54No segundo mes do ano cento cincuenta e tres Alcimo mandou desfacer o muro do adro interior do templo, destruíndo así a obra dos profetas. Empezaron o traballo, 55pero de súpeto a Alcimo deulle un ataque e suspendéronse as obras. Unha parálise pechoulle a boca, de maneira que xa non puido nin falar nin dispoñer as cousas da súa casa. 56E morreu no medio de grandes dores.

57Cando Báquides recibiu a nova da súa morte, volveuse para onda o rei, e Xudá estivo en paz durante uns dous anos.

58Entón todos os desleigados acordaron nunha xuntanza o seguinte:

‑"Ionatán e os seus están tranquilos e confiados; imos chamar a Báquides para que unha noite os prenda a todos".

59E fóronllo propoñer a Báquides.

60Báquides púxose en camiño cun exército moi grande, e ás caladas mandou cartas a todos os seus partidarios da Xudea para que prendesen a Ionatán e ós seus compañeiros; pero non o puideron facer, porque lles descubriron o plan. 61Foron Ionatán e Simón os que colleron uns cincuenta homes do país, os cabezas daquela conspiración, e matáronos. 62Despois Ionatán, Simón e os seus compañeiros retiráronse a Betbasí, no deserto; levantaron as súas ruínas e fortificárona. 63Cando o soubo Báquides, xuntou a toda a súa xente e avisou ós de Xudá. 64Acampou fronte de Betbasí, e atacouna durante moitos días con máquinas de guerra. 65Ionatán deixou na cidade a seu irmán Simón, e marchou polos arredores cuns poucos homes. 66Derrotou a Odomerá e ós seus parentes e ós fillos de Fasirón nas súas tendas, e así loitando foi medrando o seu poder. 67Entón Simón e os seus saíron da cidade e pegáronlles lume ás máquinas de guerra. 68Atacaron e derrotaron a Báquides; humillárono ben humillado, pois os plans e a expedición acabaron nun fracaso.

69Entón enfadouse cos desleigados que lle aconsellaran vir ó país, matou a moitos deles, e acordou volver para a súa terra.

70Cando Ionatán o soubo, mandou onda el uns mensaxeiros para ver de facer as paces e intercambiar prisioneiros. 71Báquides recibiunos e aceptou a proposta e xurou que non lle faría mal ningún a Ionatán en toda a vida. 72Entregoulle os prisioneiros que fixera antes en Xudá, e volveu para a súa terra, e xa non veu máis por Xudá. 73Así acabou a guerra en Israel. Ionatán foi vivir a Micmás; alí empezou a gobernar o pobo e a exterminar os impíos de Israel.

 

Ionatán, Demetrio e Alexandro

 

Capítulo 10

 

1No ano cento sesenta Alexandro, fillo de Antíoco, o titulado Epífanes, embarcou e ocupou Tolemaida; foi ben acollido e empezou a reinar alí.

2Cando Demetrio se puxo ó corrente disto, xuntou un exército moi grande, e foi contra el para facerlle a guerra. 3Demetrio mandoulle a Ionatán unha carta moi amigable prometéndolle acrecentar o seu poder. 4Pois pensaba:

‑"Cómpre facer as paces cos xudeus, antes que Ionatán se poña de acordo con Alexandro en contra miña 5ó lembrarse de todos os males que lle teño feito a el, a seus irmáns e ó seu pobo".

6Deulle autorización para formar un exército e para fabricar armamento; teríao como aliado de guerra seu. Amais diso mandou que lle entregasen os reféns que tiña na cidade. 7Ionatán foi a Xerusalén e leulle a carta a todo o pobo e ós da cidade. 8Todos se encheron de medo cando souberon que o rei lle dera autorización para formar un exército. 9Os da cidade entregáronlle os reféns a Ionatán, e el entregóullelos a seus pais. 10Ionatán pasou a vivir en Xerusalén e empezou a reconstruír e a restaurar a cidade. 11Mandoulles ós canteiros que levantasen a muralla e que rodeasen o monte Sión cun muro de cantería. E así o fixeron.

12Os estranxeiros que vivían nas fortalezas construídas por Báquides fuxiron. 13Todos deixaron as súas casas e marcharon para a súa terra. 14Soamente en Betsur quedaron algúns desleigados que renunciaron á Lei e ós mandamentos, porque a cidade era un bo refuxio.

15O rei Alexandro chegáronlle novas da promesa que Demetrio lle fixera a Ionatán, e contáronlle tamén as batallas e fazañas que levaran a cabo el e seus irmáns, e todos os traballos que pasaran. 16E dixo:

‑"¿Poderemos atopar outro home coma este? Fagámolo de contado amigo e aliado noso".

17E escribiulle a seguinte carta:

18‑"O rei Alexandro saúda ó seu irmán Ionatán. 19Estamos informados de que es un home poderoso e digno da nosa amizade. 20Por iso hoxe declarámoste sumo sacerdote da túa nación e concedémosche o título de amigo do rei, para que defendas a nosa causa e sexas amigo noso".

E mandoulle un manto de púrpura e unha coroa de ouro.

21Ionatán puxo os ornamentos sagrados, no sétimo mes do ano cento sesenta, na festa dos Tabernáculos, formou un exército, e equipouno ben equipado.

22Sabedor Demetrio de todo isto, comentou moi desgustado:

23‑"¿Que fariamos nós para que Alexandro se nos adiantase en facer amizade cos xudeus para fortalecer a súa casa? 24Voulles escribir eu tamén, a ver se os convenzo prometéndolles cargos e regalos para que sexan aliados meus".

25E escribiulles esta carta:

‑"O rei Demetrio saúda ó pobo xudeu. 26Recibimos a boa nova de que estades gardando os acordos firmados connosco, e de que vos mantedes fieis á nosa amizade, sen vos pasar ó inimigo. 27Seguide, pois, nesta lealdade e nós habémosvos compensar todo o ben que nos facedes. 28Retirarémosvos moitos tributos e farémosvos grandes regalos.

29Xa desde agora eximo a todos os xudeus dos tributos e dos impostos do sal e das coroas. 30Renuncio, de hoxe en diante, e para sempre, ó terzo das colleitas e á metade da froita que me corresponde na terra de Xudá e nos seus tres distritos anexos de Samaría e Galilea. 31Xerusalén será unha cidade santa e exenta, coa súa bisbarra, de décimos e tributos. 32Tamén renuncio á miña soberanía sobre a cidade de Xerusalén, e entrégolla ó sumo sacerdote; que el poña nela os homes que queira para defendela. 33Concedo a liberdade, gratuitamente, a todos os xudeus que foron levados cativos desde Xudá a calquera parte do meu reino, e todos quedarán libres dos tributos, mesmo dos do gando.

34Todas as festas, os sábados, a lúa nova, os outros días santos e os tres días antes e despois dunha festa serán días de exención e de liberación para todos os xudeus do meu reino, 35e ninguén terá dereito para perseguilos, ou para meterse con eles por razón ningunha.

36Alistaranse no exército do rei trinta mil soldados xudeus, e pagaráselles coma a todos os soldados do rei. 37De entre eles escollerase xente para as fortalezas máis importantes e para cargos de confianza do reino. Os seus xefes e oficiais serán xudeus e poderán vivir segundo as súas leis, como o rei o mandou para Xudá.

38Os tres distritos de Samaría, que son anexos da Xudea, formarán con ela unha única circunscrición e dependerán soamente da autoridade do sumo sacerdote.

39Fago doazón de Tolemaida e da súa bisbarra ó templo de Xerusalén para cubrir os seus gastos. 40E tamén hei dar cada ano quince mil siclos de prata, a recoller das rendas do rei alí onde máis conveña. 41As cantidades que os encargados do fisco non entregaron, coma nos anos anteriores, entregaranas agora para as obras do templo. 42Tamén perdoamos os cinco mil siclos de prata que cada ano retirabamos dos ingresos do templo, e dámosllelos ós sacerdotes, que exercen as funcións sagradas.

43Todos os debedores do rei por razón de tributos dunha ou doutra cousa calquera que se refuxien no templo de Xerusalén ou no adro, quedan libres, eles e todo canto teñan no meu reino. 44Os gastos de construción e de restauración do templo serán pagados pola facenda real. 45Tamén correrán pola conta do rei os gastos de reconstrución das murallas de Xerusalén e de fortificación do seu recinto, e o mesmo a reconstrución doutras murallas en Xudea".

46Cando Ionatán e o seu pobo oíron tales palabras, non creron nelas nin as aceptaron, pois acordábanse ben do moito mal que lle fixera a Israel o rei Demetrio, e das súas moitas humillacións. 47Así que decidíronse por Alexandro, que fora o que primeiro lles falara de paz, e declaráronse aliados del para sempre.

48O rei Alexandro xuntou un exército moi grande e saíulle ó encontro a Demetrio. 49Trabaron combate os dous reis, e os do exército de Demetrio fuxiron. Alexandro perseguiunos e foi superior. 50Foi unha batalla sanguenta que durou ata a posta do sol. O rei Demetrio morreu aquel día.

 

Ionatán, Alexandro e Tolomeo VI

 

51Entón Alexandro enviou mensaxeiros a Tolomeo, rei de Exipto, para dicirlle:

52‑"Volvín ó meu reino, e conseguín ocupar o trono de meus pais e conquistar o poder ó vencer a Demetrio; agora son dono desta terra; 53pois enfronteime con el, e vencémolo a el e ó seu exército, e agora ocupo o seu trono. 54Fagamos, pois, unha alianza: dásme a túa filla por muller; eu serei o teu xenro e dareille a ela e mais a ti os regalos que mereces".

55O rei respondeulle:

‑"Ditoso o día en que volviches á terra de teus pais e en que ocupaches o trono real. 56Con gusto farei o que me pides; ven, pois, a Tolemaida, para vernos, e serei o teu sogro, como ti queres".

57Tolomeo partiu de Exipto coa súa filla Cleopatra e chegou a Tolemaida no ano cento sesenta e dous. 58O rei Alexandro saíulle ó encontro. Tolomeo deulle a súa filla Cleopatra por muller e celebrouse o casamento en Tolemaida con moita pompa, como adoitan facer os reis.

59O rei Alexandro escribiulle tamén a Ionatán para que o fose ver.

60Ionatán marchou a Tolemaida cun grande acompañamento, e entrevistouse cos dous reis. Fíxolles moitos regalos de ouro e prata a eles e ós seus amigos, e gañou as súas simpatías. 61Chegaron de Israel uns malvados e desleigados para acusar a Ionatán diante do rei, pero o rei non os recibiu. 62E non soamente iso, senón que mandou que lle quitasen a Ionatán a súa roupa e que o vestisen de púrpura; así o fixeron. 63E o rei sentouno ó seu lado e díxolles ós seus achegados:

‑"Saíde con el pola cidade e proclamade que ninguén teña o atrevemento de acusalo de nada nin de meterse con el por cousa ningunha".

64Cando viron os honores públicos que lle tributaban e como ía vestido de púrpura, os seus acusadores fuxiron.

65O rei encheuno de honores, elevouno á dignidade de amigo do rei, e nomeouno xeneral e gobernador. 66Ionatán volveu a Xerusalén en paz e contento.

 

Ionatán e Demetrio II

 

67No ano cento sesenta e cinco Demetrio, fillo de Demetrio, chegou de Creta á terra de seus pais. 68O sabelo o rei Alexandro volveuse para Antioquía moi contrariado. 69Demetrio puxo de gobernador en Celesiria a Apolonio, que xuntou un exército moi grande e acampou fronte a Iamnia. Desde alí mandoulle dicir ó sumo sacerdote Ionatán:

70‑"Ti es o único que te rebelaches contra nós, e pola túa culpa a xente rise e moquéase de nós. ¿Por que te fas o valente na montaña? 71Se de verdade tés fe nas túas tropas, baixa abaixo, á terra cha, e mediremos as forzas, pois está comigo o exército das cidades. 72Pregunta e saberás quen son eu e quen son os meus aliados, e xa o verás como che han dicir que non podedes resistir, e que xa teus pais fuxiron dúas veces na súa mesma terra. 73Non darás resistido á miña cabalería e un exército tan grande, nesta chaira, onde non hai pedras nin penedos, nin sitio para onde fuxir".

74Cando Ionatán oíu a mensaxe de Apolonio, encheuse de indignación; escolleu dez mil homes e saíu de Xerusalén. Seu irmán Simón veuno axudar con reforzos. 75Acampou en fronte de Iafa, pero os da cidade pecháronlle as portas, porque había nela unha guarnición de Apolonio. Eles atacárona, 76e os habitantes da cidade, cheos de medo, abríronlle as portas, e Ionatán apoderouse dela.

77Cando Apolonio coñeceu o que pasara, dispuxo para a batalla a tres mil xinetes e a moitos de infantería, e marchou cara a Axdod, simulando pasar de largo diante de Iafa; pero ó mesmo tempo avanzaba cara á chaira, pois confiaba na súa numerosa cabalería. 78Ionatán foi atrás del, cara a Axdod, e os dous exércitos trabaron combate. 79Apolonio deixara escondidos ás costas dos xudeus mil xinetes; 80pero Ionatán decatouse de que tiña unha emboscada por detrás, e, aínda que o rodearon e lle estiveron tirando frechas contra a súa tropa desde a mañá ata a noite, 81esta aguantou ben, seguindo as ordes de Ionatán ata que os cabalos do inimigo cansaron.

82Cando xa cansaron os cabalos, Simón avanzou co seu exército, atacou a falanxe; venceuna e fíxoos fuxir. 83A cabalería espallouse pola chaira; os outros fuxiron cara a Axdod, para refuxiarse no templo do deus Dagón e así salvarse. 84Ionatán incendiou Axdod e as aldeas do arredor, despois de rapinar o todo; pegoulle lume tamén ó templo de Dagón con todos os que se refuxiaran nel. 85Entre os caídos á espada e os queimados polo lume morreron arredor de oito mil homes.

86Ionatán levantou o campamento e marchou para Axquelón. Os da cidade saíron para recibilo con moita festa. 87Ionatán volveu para Xerusalén coas súas tropas cargadas de espolios.

88Cando o rei Alexandro coñeceu estes acontecementos aínda lle concedeu a Ionatán máis honores; 89mandoulle unha fibela de ouro, como é costume regalar ós familiares dos reis, e deulle o poder sobre Ecrón e a súa bisbarra.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com