Capítulos 11-16

 

Tolomeo traizoa a Alexandro

 

Capítulo 11

 

1O rei de Exipto xuntou un exército moi grande, coma a area da praia, e intentou apoderarse con astucia do reino de Alexandro e de engadilo ó seu reino. 2Marchou cara a Siria con aires de paz, e a xente das cidades abríalle as portas e saía ó seu encontro, pois o rei Alexandro mandara que o recibisen xa que era o seu sogro. 3En cada unha das cidades que visitaba Tolomeo ía deixando gornicións. 4Cando entrou en Axdod, ensináronlle o templo de Dagón queimado, a cidade e os seus arredores en ruínas, os cadáveres tirados polo campo adiante, amoreados polas beiras dos camiños os corpos calcinados dos que morreran na batalla contra Ionatán. 5Contáronlle o que fixera Ionatán para desacreditalo, pero o rei calou.

6Ionatán foino recibir a Iafa con grande acompañamento. Saudáronse e pasaron alí a noite. 7Ionatán acompañou ó rei ata o río Eléuzeros e volveu para Xerusalén.

8O rei Tolomeo apoderouse de todas as cidades da costa ata Seléucida do Mar, e, argallando plans perversos contra Alexandro, 9enviou embaixadores ó rei Demetrio coa seguinte mensaxe:

‑"Temos que facer un pacto entre nós; eu dareiche a miña filla, a muller de Alexandro, e ti reinarás no reino de teu pai. 10Estou arrepentido de lle dar a miña filla, pois el quíxome matar".

11Calumniouno porque desexaba apoderarse do seu reino.

12Quitoulle a filla e deulla a Demetrio. Así rompeu as relacións con Alexandro e quedou ó descuberto a súa inimizade. 13Tolomeo entrou en Antioquía e cinguiu a coroa de Asia; así cinguiu a súa fronte con dúas coroas, a de Exipto e a de Asia.

14Por aqueles días o rei Alexandro estaba en Cilicia porque os habitantes daquela rexión reviráranse. 15Cando o soubo, marchou contra eles, pero Tolomeo saíulle ó encontro cun exército poderoso e tivo que fuxir. 16Alexandro escapou cara a Arabia na procura de protección, e o rei Tolomeo quedou dono da situación.

17O árabe Zabdiel cortoulle a cabeza a Alexandro e mandoulla a Tolomeo. 18Dous días despois morría tamén o rei Tolomeo e os habitantes das fortalezas mataron as gornicións que el deixara nelas.

 

Demetrio II e Ionatán

 

19Así Demetrio comezou a reinar no ano cento sesenta e sete.

20Por aquel tempo Ionatán xuntou os homes de Xudá para atacar a cidadela de Xerusalén, e construíu moitas máquinas de guerra. 21Pero uns desleigados e inimigos do seu pobo, fóronlle dicir ó rei que Ionatán estaba cercando a cidadela. 22O rei púxose doente cando tal cousa oíu; partiu cara a Tolemaida, e desde alí escribiulle a Ionatán dicíndolle que levantase o cerco e que acudise axiña a Tolemaida para falar con el.

23O recibir a carta, Ionatán mandou continuar o cerco, escolleu algúns anciáns de Israel e algúns sacerdotes e decidiu expoñerse ó perigo. 24Foise presentar ó rei en Tolemaida ben provisto de prata, ouro, roupas e outros regalos, e o rei recibiuno ben, 25e iso que algúns desleigados do seu pobo acusárono. 26O rei tratouno como o trataran os seus predecesores, honrándoo diante de todos os seus amigos. 27Confirmouno no cargo de Sumo Sacerdote, e en todos os honores que xa tiña, e elevouno á categoría de amigo íntimo do rei. 28Ionatán pediulle ó rei que librase de tributos a Xudá e ós tres distritos de Samaría, e prometeulle en troques trescentos talentos de prata. 29O rei pareceulle ben, e escribiulle sobre isto a seguinte carta a Ionatán:

30‑"O rei Demetrio saúda ó seu irmán Ionatán e ó pobo xudeu. 31Para que esteades ó corrente, mandámosvos unha copia da carta que acerca de vós lle escribimos ó noso parente Lástenes: 32'O rei Demetrio saúda a seu pai Lástenes. 33Polas disposicións que ten para connosco resolvemos favorecer o pobo xudeu, amigo noso e fiel cumpridor das súas obrigacións connosco. 34Confirmámoslle a posesión dos territorios de Xudá e dos distritos de Ofrah, Lida e Ramah, que foron desprendidos de Samaría e agora son anexos de Xudea. A todos os que ofrecen sacrificios en Xerusalén perdoámoslles o importe que o rei recibía deles todos os anos pola froita e os froitos. 35Tamén perdoamos, de hoxe en diante, outros impostos ós que temos dereito, os décimos e os tributos das salinas e das coroas. 36Estas disposicións non se cambiarán nunca.

37Sacade unha copia deste decreto e entregádella a Ionatán, para que sexa colocada nun sitio visible no monte santo".

 

Revolta de Trifón

 

38O rei Demetrio pareceulle que o país estaba pacificado baixo o seu mando e que xa ninguén se lle opoñía; entón licenciou todas as tropas, menos as mercenarias estranxeiras, e mandounas para a súa casa. Por isto púxose a mal con todos os soldados que pertenceran ó exército de seus pais. 39Entón Trifón, antigo partidario de Alexandro, vendo que o exército murmuraba contra Demetrio, foi falar co árabe Imalcúe, preceptor de Antíoco, o fillo de Alexandro, 40e pediulle con teimosía que llo entregase para facelo rei como sucesor de seu pai. Púxoo ó corrente de todo canto fixera Demetrio e do odio que lle tiñan os soldados. Trifón pasou alí bastantes días.

41Entrementres Ionatán mandou ó rei Demetrio unha petición no senso de que retirase a gornición da cidadela de Xerusalén e das outras fortalezas, porque lle facían moito mal a Israel. 42Demetrio respondeulle así a Ionatán:

‑"Por ti e polo teu pobo non só farei iso, senón que vos hei de cubrir de honores tan axiña como poida. 43Pero agora fai o favor de me mandar algunhas tropas auxiliares, porque todo o meu exército desertou".

44Ionatán mandou para Antioquía tres mil homes escolleitos. Cando se presentaron diante do rei, moito se alegrou pola súa chegada. 45Pero os habitantes da cidade, uns cento vinte mil, amotináronse no centro da cidade e querían matar o rei. 46O rei refuxiouse no seu pazo, mentres a multitude ocupou todas as rúas da cidade e comezou o asalto. 47O rei chamou na súa axuda ós xudeus; de seguida xuntáronse todos arredor del; despois espalláronse pola cidade e mataron naquel día uns cen mil homes. 48Queimaron a cidade e recolleron moitos espolios. Así salvaron ó rei.

49Cando viron os da cidade que os xudeus dominaban a situación como querían, desanimáronse e suplicáronlle ó rei:

50‑"Fagamos as paces, e que os xudeus deixen xa de loitar contra nós e contra a nosa cidade".

51Depuxeron as armas e fixeron as paces. Os xudeus colleron moito creto diante do rei e do seu pobo, e volveron para Xerusalén cheos de espolios.

52Demetrio ocupou o trono real, e o país quedoulle sometido. 53Pero non cumpriu o que lle prometera a Ionatán, e arredouse del, pois ademais de non agradecer os servizos que lle prestara, molestábao moito.

54Despois destes sucesos, Trifón volveu con Antíoco, un rapaz moi noviño aínda, que cinguiu a coroa e empezou a reinar. 55Xuntáronselle todas as tropas que Demetrio licenciara, e fixéronlle a guerra e Demetrio tivo que fuxir derrotado. 56Trifón apoderouse dos elefantes e ocupou Antioquía. 57Entón o mozo Antíoco escribiulle a Ionatán o seguinte:

‑"Confírmote no cargo de Sumo Sacerdote, póñote ó mando dos catro distritos e declárote amigo do rei".

58E mandoulle unha vaixela completa de ouro, e deulle autorización para beber en copas de ouro, para vestirse de púrpura e para usar fibela de ouro. 59E a seu irmán Simón nomeouno xeneral no territorio comprendido entre a Escada de Tiro e a fronteira de Exipto.

60Ionatán empezou a percorrer todas as cidades da parte de acó do río Éufrates, e engadíronselle todas as tropas sirias. Chegou a Axquelón, e os habitantes da cidade fixéronlle un grande recibimento. 61De alí pasou a Gaza, pero os de Gaza pecháronlle as portas. Entón el cercouna, e queimou e saqueou os seus arredores. 62Os moradores da cidade pedíronlle a paz e concedéullela, pero colleu coma reféns os fillos da xente grande e mandounos a Xerusalén. E el seguiu o seu percorrido polo país ata Damasco. 63Alí informouse de que os xenerais de Demetrio estaban reunidos en Quédex de Galilea cun grande exército para facerlle abandonar o seu proxecto. 64Deixou a seu irmán Simón en Xudá e el saíulles ó encontro. 65Simón foi atacar Betsur, cercouna e combateuna durante moitos días, 66ata que pediron a paz; el aceptouna, pero fixo evacuar a cidade, apoderouse dela e deixou nela unha gornición.

67Entrementres Ionatán acampou co seu exército ó pé do lago de Xenesaret, e pola mañanciña avanzou cara á chaira de Hasor. 68O exército inimigo saíulle ó encontro na terra cha, pero deixara feita unha emboscada nos montes contra Ionatán. Empezou o combate; 69os homes emboscados saíron dos seus recunchos 70e todos os soldados de Ionatán fuxiron, non quedou ningún, a non ser Matatías, fillo de Abxalom, e Xudas, fillo de Calfeo, capitáns do exército. 71Ionatán colleu e rachou as súas roupas, botou terra pola cabeza e púxose a rezar. 72Despois volveu ó combate contra os inimigos, derrotounos e fíxoos fuxir. 73Cando viron isto os seus soldados que fuxiran volveron para onda el, e entre todos perseguiron ós inimigos ata o seu campamento de Quédex, e alí detivéronse. 74Aquel día caeron uns tres mil inimigos. Ionatán volveu despois para Xerusalén.

 

Renovación da alianza con Roma e con Esparta

 

Capítulo 12

 

1Vendo Ionatán que era o momento oportuno, escolleu algúns homes e mandounos a Roma para confirmar e renovar o tratado de amizade cos romanos. 2Tamén ós espartanos e ós outros pobos lles remitiu cartas co mesmo fin.

3Os mensaxeiros saíron para Roma, entraron no senado e dixeron:

‑"O Sumo Sacerdote Ionatán e o pobo xudeu mandáronnos para renovar convosco o antigo tratado de amizade e alianza".

4Os romanos entregáronlles cartas de recomendación para as autoridades de cada lugar, co fin de que puidesen chegar con paz á terra de Xudá.

5Copia da carta que Ionatán escribiu ós espartanos:

6‑"O Sumo Sacerdote Ionatán, o consello da nación, os sacerdotes e todo o pobo xudeu saúdan ós seus irmáns, os espartanos.

7Noutrora o Sumo Sacerdote Onías recibiu do voso rei Areios unha carta na que se dicía que vós erades os nosos irmáns, como consta pola copia adxunta. 8Onías recibiu con todos os honores ó voso mensaxeiro, e recibiu a carta que falaba claramente de alianza e amizade. 9Nós, aínda que non precisamos destes tratados pois contamos co alento das nosas santas Escrituras, 10acordamos enviarvos uns mensaxeiros para renovar convosco os lazos de irmandade e amizade que nos vinculan, co fin de non vos tratar coma estraños, pois pasou xa moito tempo desde que recibimos a vosa carta.

11Non vos esquecemos nos sacrificios e oracións que facemos por causa das festas e días santos, pois é cousa xusta e razoable lembrarse dos irmáns.

12Alegrámonos moito pola vosa prosperidade. 13Nós tivemos que pasar por moitas tribulacións e facer fronte ás moitas guerras que nos fixeron os reis veciños; 14pero non vos quixemos molestar nin a vós nin ós outros aliados e amigos nosos, 15porque contamos coa axuda constante do Ceo, e así librámonos dos nosos inimigos, que foron derrotados.

16Así que escollemos a Numenio, fillo de Antíoco, e a Antípatro, fillo de Iasón, e enviámolos a Roma para renovar con eles o noso antigo tratado de amizade e alianza, 17e mandámoslles tamén que se presentasen a vós, que vos saudasen e que vos entregasen esta carta para renovar a nosa irmandade. 18Esperamos que nos contestedes favorablemente".

19Copia da carta enviada a Onías:

20‑"Areios, rei de Esparta, saúda ó Sumo Sacerdote Onías.

21Atopamos nalgúns documentos escritos que espartanos e xudeus son irmáns por seren da raza de Abraham. 22Agora que o sabemos pedímosvos que teñades a ben falarnos da vosa prosperidade. 23Pola nosa parte dicímosvos que o voso gando e os vosos bens son nosos, e os nosos, vosos. Por iso dei a orde de que se vos comunique isto".

24Ionatán informouse de que volveran os xenerais de Demetrio cun exército moito máis grande có de antes para atacalo; 25e saíu de Xerusalén ó seu encontro cara á bisbarra de Hamat, sen lles dar tempo a que invadisen o país. 26Os espías que mandara ó campamento inimigo volveron dicindo que o inimigo resolvera atacalos pola noite.

27O solpor Ionatán mandou ós seus homes que estivesen alerta toda a noite, armados e dispostos á loita, e colocou sentinelas arredor do campamento. 28Cando os inimigos souberon que Ionatán e os seus estaban preparados para a loita, colleron medo, acenderon fogueiras no campamento e fuxiron. 29Pero Ionatán e os seus como vían o lume das fogueiras non se decataron do feito ata o amencer. 30Entón Ionatán perseguiunos, pero non os deu alcanzado, porque xa pasaran o río Eléuzeros. 31Ionatán volveuse contra os árabes zabadeos, derrotounos e apoderouse dos espolios. 32Despois levantou o campamento, foi para Damasco e percorreu toda aquela rexión.

33Entre tanto Simón partira cara a Axquelón e as fortalezas veciñas; e dirixiuse logo cara a Iafa, e conquistouna, 34pois oíra que os habitantes quixérana entregar ós de Demetrio, e deixou nela unha gornición de defensa.

35Cando volveu Ionatán fixo unha xuntanza cos anciáns do pobo, e decidiron construír fortalezas en Xudá, 36levantar máis as murallas de Xerusalén e construír un muro alto entre a cidadela e a cidade, para illar a cidadela e para que así non puidesen nin mercar nin vender na cidade.

37Xuntáronse para reconstruír a cidade, pois caera unha parte do muro oriental, o que dá ó torrente; restaurárono e puxéronlle o nome de Capenat. 38Simón reconstruíu tamén Hadid, na Xefelah, fortificouna e púxolle portas con ferrollos.

 

Traizón de Trifón a Ionatán

 

39Trifón teimaba apoderarse do trono de Asia, cinguir a coroa e deixar a un lado ó rei Antíoco, 40pero tíñalle medo á posible oposición e declaración de guerra por parte de Ionatán, e por iso andaba á procura do momento para prendelo e matalo. Con esta intención dirixiuse a Betxeán. 41Ionatán saíulle ó encontro con corenta mil homes escolleitos, e achegouse tamén a Betxeán. 42Trifón, ó ver que Ionatán chegara cun exército tan grande, temeu botarlle a man. 43Fíxolle un grande recibimento e presentóullelo a todos os seus xenerais; agasallouno con moitos regalos e mandoulle ó seu exército que o obedecesen coma a el mesmo. 44Despois díxolle a Ionatán:

‑"¿Por que molestaches a esta chea de xente, se entre nós non hai guerra? 45Licén-ciaos, escolle uns poucos para que che fagan compañía e ven comigo a Tolemaida;  heiche entregar a cidade coas outras fortalezas, o resto do exército e todos os funcionarios. Despois eu marcho, que para isto vin".

46Ionatán fíxolle caso, e dispuxo conforme lle dixera: licenciou as tropas, que regresaron a Xudá, 47e quedou el con tres mil homes; destes, dous mil quedaron en Galilea e mil acompañárono a el.

48Cando Ionatán entrou en Tolemaida, os da cidade pecháronlle as portas, prendérono e mataron a todos os que o acompañaban. 49Trifón mandou tamén tropas de infantería e cabalería a Galilea e á chaira do Esdrelón para acabar cos soldados de Ionatán. 50Pero estes, que xa sabían que prenderan e mataran a Ionatán e ós que ían na súa compaña, animáronse os uns ós outros, e avanzaron dispostos a loitar. 51Os seus perseguidores, vendo que se decidían a loitar pola súa vida, volvéronse. 52E así chegaron todos sans e salvos a Xudá. Choraron moito por Ionatán e polos seus compañeiros, ó tempo que temían pola súa sorte. Todo Israel gardou grande loito.

53Entón todos os pobos veciños intentaron acabar con eles, pois dicían:

‑"Xa non teñen nin xefe nin quen os defenda; ataquémolos, pois, e fagamos desaparecer o seu recordo de entre os homes".

 

Simón, Sumo Sacerdote e  xefe do pobo

 

Capítulo 13

 

1Cando Simón soubo que Trifón formara un grande exército para ir contra a terra de Xudá e devastala, 2e viu que a xente estaba tremendo, subiu a Xerusalén 3e alentounos con estas palabras:

‑"Ben sabedes canto fixemos pola Lei e polo templo eu, meus irmáns e toda a miña familia, as guerras e desgrazas que sufrimos. 4Por iso morreron meus irmáns por Israel e xa só quedo eu. 5Pero non queira Deus que neste momento de perigo vaia eu recuar por amor á miña vida, pois non son mellor ca meus irmáns. 6Polo contrario, defenderei ó meu pobo, ó templo, ás vosas mulleres e ós vosos fillos, agora que todos os estranxeiros, cheos de carraxe, se xuntan contra nós para exterminarnos".

7O oílo falar, o pobo animouse 8e todos responderon a berros:

‑"Ti es o noso xefe, despois de Xudas e de Ionatán. 9Dirixe a nosa guerra, que faremos canto nos mandes".

10Simón convocou a todos os soldados, e buliu para acabar de construír as murallas de Xerusalén, e fortificouna toda arredor. 11Enviou a Iafa a Ionatán, fillo de Abxalom, cun exército regularciño, e Ionatán botou fóra da cidade ós seus habitantes e estableceuse nela.

12Trifón saíu de Tolemaida á fronte dun grande exército para invadir Xudá; levaba con el a Ionatán prisioneiro. 13Simón acampou en Hadid na chaira. 14Cando Trifón soubo que Simón substituíra a seu irmán Ionatán e que estaba disposto e facerlle fronte, mandoulle a seguinte mensaxe:

15‑"Temos prisioneiro a teu irmán Ionatán, polos cartos que debía ó tesouro real en razón dos cargos que tiña. 16Mándanos cen talentos de prata e a dous dos seus fillos, como reféns, para que non se revire contra nós ó verse ceibe, e liberarémolo".

17Aínda que Simón sabía que Trifón o quería enganar, mandoulle os cartos e os dous fillos para que o pobo non se enfadase con el 18e andase dicindo despois:

‑"Mataron a Ionatán por non lle mandar os cartos e os fillos".

19Mandoulle, pois, os fillos e os cen talentos. Pero Trifón faltou á súa palabra e non liberou a Ionatán.

20Despois Trifón marchou para invadir e devastar o país. Rodeou polo camiño de Adoraim, pero Simón co seu exército saíalle ó encontro onde queira que el fose. 21Os da cidadela mandáronlle mensaxeiros a Trifón pedíndolle que se dese présa en ir na súa axuda atravesando polo deserto, e que lles levase víveres. 22Trifón preparou toda a súa cabalería para ir alá aquela mesma noite, pero caeu unha nevada tan grande que non puido partir. Entón marchou para Galaad. 23O chegar cerca de Basamah matou a Ionatán e enterrouno alí. 24Despois Trifón deu a volta e marchou para a súa terra.

25Simón mandou recoller os restos de seu irmán Ionatán e enterrouno en Modín, o pobo de seus pais. 26Todo Israel fixo grandes funerais por el e chorouno durante moitos días. 27Simón construíu enriba do sepulcro de seus pais e de seus irmáns un monumento alto e visible desde moi lonxe, recuberto de pedras labradas por diante e por detrás. 28Ergueu tamén sete pirámides, unhas enfronte doutras, para honrar a seu pai, a súa nai e ós seus catro irmáns. 29Para decorar as pirámides púxolles grandes columnas arredor, e nas columnas mandou esculpir trofeos para eterna lembranza, e a carón dos trofeos, barcos, para que os visen todos os navegantes. 30Este monumento que mandou construír en Modín aínda hoxe existe.

 

Simón e Demetrio II

 

31Trifón, que conspiraba contra o rei Antíoco, aínda novo, acabou por matalo. 32Ocupou o seu trono, cinguiu a coroa de Asia e foi causa de moitos males para o país.

33Simón reconstruíu as fortalezas de Xudá, ergueu arredor delas torres e murallas moi altas, con portas e ferrollos, e deixoulles moitas provisións. 34Escolleu algúns homes e enviounos ó rei Demetrio para pedirlle que perdoase os impostos ó país, porque as intervencións de Trifón foran verdadeiras rapinadas. 35O rei Demetrio contestou a esta petición coa carta seguinte:

36‑"O rei Demetrio saúda a Simón, Sumo Sacerdote e amigo dos reis, ós anciáns e ó pobo xudeu.

37Recibimos a coroa de ouro e a palma que nos mandastes, e estamos dispostos a facer convosco unha paz duradeira, e a escribir ós funcionarios para que vos perdoen os impostos.

38Segue tendo valor todo canto ordenamos en favor voso, e as fortalezas que construístes quedan para vós.

39Tamén vos perdoamos as faltas e as ofensas cometidas ata o día de hoxe, e a coroa que me debedes. E se Xerusalén ten algún imposto, non se vos cobrará máis.

40Se algún de vós está disposto a alistarse na nosa garda persoal pódeo facer.

E que haxa paz entre nós".

41No ano cento setenta Israel ceibouse do xugo estranxeiro, 42e empezáronse a datar así os documentos e os contratos: ‑"Ano primeiro de Simón, Sumo Sacerdote, xeneral e xefe dos xudeus".

43Daquela acampou Simón fronte a Guézer e cercouna coas súas tropas; construíu unha torre de asalto, achegouna á cidade e atacou unha das torres, que deu tomado. 44Cando os que ían na torre de asalto entraron na cidade, armouse dentro unha grande axitación. 45Os habitantes da cidade coas súas mulleres e os seus fillos, subiron ás murallas, racharon os seus vestidos e pedíronlle a paz a Simón berrando:

46‑"<Non nos trates como merecen as nosas maldades, senón segundo a túa misericordia".

47Simón calmouse e deixou de atacar, pero expulsounos da cidade, purificou as casas nas que había ídolos e entrou logo entre cántigas de loanza e de agradecemento. 48Botou fóra da cidade toda impureza, e instalou nela xente observante da Lei; fortificouna e construíu nela unha casa para el.

49Os que vivían na cidadela de Xerusalén, como non podían nin saír nin entrar na bisbarra, pasaban moita fame, e moitos deles morreron mazmidos. 50Pedíronlle a Simón que lles concedese a paz, e el concedéullela, pero expulsounos de alí e limpou a cidadela de todas as profanacións. 51O día vintetrés do mes segundo do ano cento setenta e un os xudeus entraron na cidadela entre cántigas de loanza, con palmas, e ó son de cítaras, tambores e arpas, con himnos e cancións, porque acabaran por fin cun grande inimigo de Israel.

52Simón mandou que todos os anos se celebrase cunha festa aquela data. Fortificou o monte do templo, que está ó pé da cidadela, e viviu alí cos seus. 53E vendo que o seu fillo Xoán era xa todo un home, nomeouno xefe de todo o exército, con residencia en Guézer.

 

Loanza de Simón

 

Capítulo 14

 

1No ano cento setenta e dous o rei Demetrio xuntou as súas tropas e marchou a Media na procura de axuda para facerlle a guerra a Trifón. 2Cando Arsaces, rei de Persia e de Media, soubo que Demetrio entrara no seu territorio, mandou un dos seus xenerais para que o prendesen vivo. 3Foi alá o xeneral, derrotou ó exército de Demetrio, prendeuno e levoullo a Arsaces; e Arsaces meteuno na cadea.

4Mentres Simón viviu, houbo paz en Xudá,

traballou polo ben do seu pobo,

o seu goberno gustoulles sempre a todos,

e o mesmo a súa grandeza.

5Fixo medrar a súa grandeza

coa conquista do porto de Iafa;

así abriu un camiño cara ós pobos marítimos.

6Estendeu as fronteiras da súa nación

e conservou o mando do seu país.

7Rescatou moitos cativos,

apoderouse de Guézer, de Betsur e da cidadela;

botou fóra dela todas as profanacións

e non houbo quen lle resistise.

8A xente traballaba en paz as súas terras;

as leiras daban as súas colleitas,

e as árbores da terra cha os seus froitos.

9Os velliños sentábanse nos rueiros

falando do ben que ían as cousas,

e os mozos vestían gloriosos uniformes de guerra.

10Abasteceu de viandas as cidades

e dotounas de medios de defensa,

chegou a súa sona ata o cabo do mundo.

11Pacificou todo o país,

e Israel encheuse de alegría.

12Todos acougaron á sombra da súa parra e da súa figueira

sen que ninguén os importunase.

13Acabou cos inimigos do país,

e no seu tempo os reis eran derrotados.

14Deu axuda á xente humilde do pobo,

preocupouse pola Lei

e desterrou os desleigados e perversos.

15Devolveulle ó templo o seu honor

e aumentou os vasos sagrados.

16En Roma e en Esparta, cando souberon a noticia da morte de Ionatán sentírono moitísimo. 17Pero cando souberon tamén que seu irmán lle sucedera como Sumo Sacerdote e como gobernador da nación e das súas cidades 18escribíronlle en táboas de bronce para renovar con el o tratado de amizade e de alianza que fixeran con seus irmáns Xudas e Ionatán. 19As cartas léronse en Xerusalén nunha xuntanza do pobo.

20Esta é a copia da carta que mandaron os espartanos:

‑"Os maxistrados e a cidade de Esparta saúdan a Simón, Sumo Sacerdote, ós anciáns, ós sacerdotes e a todo o pobo dos xudeus, nosos irmáns.

21Os embaixadores que mandastes informáronnos da prosperidade e esplendor que tedes. A súa chegada alegrounos moito, 22e rexistramos as súas palabras no libro de actas do seguinte modo: Numenio, fillo de Antíoco, e Antípatro, fillo de Iasón, embaixadores dos xudeus, visitáronnos para renovar connosco o tratado de amizade. 23O pobo pareceulle ben facerlles un grande recibimento e depositar unha copia das súas palabras entre os documentos públicos, para que os espartanos o recorden sempre. Fixemos unha copia disto para o Sumo Sacerdote Simón".

24Despois Simón enviou a Roma a Numenio cun gran escudo de ouro de mil minas de peso, para renovar a alianza cos romanos.

 

Agradecemento do pobo a Simón

 

25Cando o pobo soubo de todas estas cousas, dixo:

26‑"¿Que recompensa lles imos dar a Simón e ós seus fillos? Pois o certo é que tanto el coma seus irmáns e toda a súa familia loitaron con valor contra os nosos inimigos e grazas a eles conseguimos a liberdade".

Gravaron unha inscrición en placas de bronce e colocáronas nunhas columnas no monte Sión. 27A inscrición dicía:

‑"O día dezaoito do mes de Elul do ano cento setenta e dous ‑o ano terceiro de Simón, Sumo Sacerdote‑ 28nunha asemblea extraordinaria dos sacerdotes, do pobo, dos dirixentes do pobo e dos anciáns de Israel, acordouse o seguinte:

29Cando o país estaba en guerra continua, Simón, fillo de Matatías, da familia de Ioarib, e seus irmáns expuxéronse ó perigo e fixeron fronte ós inimigos da patria, para manter incólume o templo e mais a Lei; e así cubriron de gloria ó seu pobo. 30Ionatán realizou a unión do seu pobo, fixo de Sumo Sacerdote e foise xuntar cos seus. 31Entón os inimigos de Israel quixeron invadir e devastar o país e apoderarse do templo. 32Pero ergueuse Simón e loitou pola súa patria, gastou gran parte dos seus bens en equipar e pagarlles ós soldados do seu pobo. 33Fortificou as cidades de Xudá e Betsur que está na fronteira de Xudá, onde antes estaban as tropas inimigas, e deixou alí unha guarnición xudía. 34Fortificou tamén Iafa, na beira do mar, e Guézer que linda con Axdod, morada noutrora dos inimigos, e estableceu nelas colonias xudías que abasteceu de canto lles cumpría para a súa defensa. 35Cando a xente viu a lealdade de Simón e o interese que poñía en engrandecer o seu país, nomeouno xefe e Sumo Sacerdote seu, como premio por canto fixera, pola xustiza e lealdade de que dera proba en favor do seu pobo, e por todos os esforzos que fixera por engrandecelo. 36No seu tempo conseguiuse expulsar do país ós estranxeiros, sobre todo ós que estaban na cidade de David, en Xerusalén, que fixeran dela unha fortaleza, de onde baixaban para profanar os arredores do templo e aldraxar a súa santidade. 37Simón puxo na cidadela tropas xudías, fortificouna para seguranza do país e da cidade, e deulles máis altura ás murallas de Xerusalén. 38Por iso o rei Demetrio confirmouno no cargo de Sumo Sacerdote, 39deulle o título de amigo do rei e concedeulle moitos honores, 40porque o rei informárase de que os romanos tiñan ós xudeus por amigos, aliados e irmáns, e de que lles fixeran un grande recibimento ós embaixadores de Simón, 41e de que o pobo xudeu e os seus sacerdotes acordaran o seguinte: que Simón fose o seu xefe e Sumo Sacerdote de por vida ‑mentres non aparecese un profeta digno de fe‑; 42que fose tamén o seu xeneral para coidar do templo, da inspección das obras, da administración do país, do armamento e das fortalezas; 43que coidara do santuario; que todos lle obedecesen; que se redactasen no seu nome todos os documentos públicos do país, que vestise de púrpura e ouro. 44A ninguén, fose leigo ou sacerdote, lle estaría permitido violar ningunha destas disposicións, contradicir as ordes que el dese, facer xuntanzas no país sen o seu permiso, vestirse de púrpura ou levar fibela de ouro. 45Se alguén non fixese caso destas disposicións e violase algunha delas, sería castigado".

46Todo o pobo acordou que se lle dese a Simón autoridade para obrar conforme a estas disposicións. 47Simón aceptou agradecido ser Sumo Sacerdote, xefe e etnarca dos xudeus e dos sacerdotes e gobernalos a todos. 48Acordaron gravar este documento en placas de bronce e colocalo no adro do templo, nun sitio ben visible, 49e que unha copia do mesmo se deixase no tesouro a disposición de Simón e de seus fillos.

 

Antíoco VII e Simón

 

Capítulo 15

 

1Antíoco, fillo do rei Demetrio, mandoulle unha carta desde unha illa do Mediterráneo a Simón, Sumo Sacerdote e xefe dos xudeus, e a todo o pobo. 2A carta dicía:

‑"O rei Antíoco saúda a Simón, Sumo Sacerdote e xefe do pobo, e á nación xudía.

3Tendo en conta que algúns malvados se apoderaron do reino de meus pais, estou decidido a recuperalo e a devolverlle a grandeza anterior. Con este fin recrutei un grande exército e equipei barcos de guerra, 4co desexo de desembarcar no país e castigar ós que botaron a perder o reino e devastaron moitas das súas cidades.

5Así que confírmoche as exencións de impostos e calquera outra exención que che concederan os reis que me precederon. 6Permítoche cuñar moeda propia para o teu país. 7Xerusalén e o seu templo serán libres. Seguirán no teu poder todas as armas que conseguiches e todas as fortalezas que construíches, e que hoxe son túas. 8Perdóoche, desde agora e para sempre, todas as débedas ó tesouro real, presentes ou futuras. 9Cando tome posesión do meu reino honrarémosvos a ti, á túa nación e ó templo con honores tan grandes que a vosa gloria será coñecida en todo o mundo".

10No ano cento setenta e catro Antíoco entrou na terra de seus pais, e case todas as tropas se pasaron ó seu bando, soamente uns poucos quedaron con Trifón.

11Antíoco perseguiu a Trifón que se foi refuxiar en Dor do Mar, 12pois decatárase de que estaba nunha situación angustiosa desde que o abandonaran as súas tropas. 13Antíoco acampou en fronte de Dor con cento vinte mil soldados de infantería e oito mil xinetes. 14Cercaron a cidade e os seus barcos fóronse achegando, de maneira que a cidade quedou cercada por terra e por mar e ninguén podía nin entrar nin saír dela. 15Entre tanto chegaron de Roma Numenio e os seus compañeiros cunha carta para os reis dos diversos países que dicía así:

16‑"Lucio, cónsul romano, saúda ó rei Tolomeo.

17Chegaron aquí, onda nós, uns embaixadores xudeus, mandados polo Sumo Sacerdote Simón e o pobo xudeu para renovar os tratados de amizade e alianza, 18e trouxéronnos un escudo de ouro que pesaba mil minas. 19Pareceunos acertado escribir ós reis dos diversos países para que non lles fagan mal ningún, nin os ataquen a eles, ás súas cidades e ó seu país, e para que non se alíen cos seus adversarios. 20Tamén nos pareceu ben aceptar o devandito escudo.

21Se se atopan refuxiados entre vós algúns xudeus escapados do seu país, entregádellos ó Sumo Sacerdote Simón para que os castigue de acordo coa Lei".

22E escribiu cartas semellantes ó rei Demetrio, a Atalo, a Ariarates, a Arsaces, 23e a todos os países: Sánsame, Esparta, Delos, Mindos, Sición, Caria, Samos, Panfilia, Licia, Halicarnaso, Rodas Farsélida, Cos, Side, Arades, Górtina, Cnidos, Chipre e Cirene. 24O Sumo Sacerdote Simón mandáronlle copia destas cartas.

25Entretanto o rei Antíoco seguía cercando Dor; atacouna con todas as súas forzas e construíu máquinas de guerra. O cerco era tal que Trifón nin podía saír nin entrar. 26Simón mandoulle unha axuda de dous mil homes escolleitos, con prata, ouro e moito armamento; 27pero el non os quixo recibir, e non soamente iso, senón que ademais anulou os acordos anteriores e rompeu con el. 28Envioulle a Atenobio, un dos seus amigos, para verse con el e dicirlle:

‑"Vós estades ocupando Iafa, Guézer e a cidadela de Xerusalén, cidades todas do meu reino. 29Devastastes os seus territorios, fixestes moito mal no país e apoderástesvos de moitas poboacións do meu reino. 30Así que devolvédeme as cidades ocupadas e os tributos das poboacións de que vos apoderastes fóra das fronteiras de Xudá. 31E se non, dádeme en compensación cincocentos talentos de prata, e outros cincocentos polos prexuízos causados e polos tributos das cidades; do contrario farémosvos a guerra".

32Cando Atenobio, amigo do rei, chegou a Xerusalén, quedou abraiado diante da magnificencia de Simón, a vaixela de ouro e de prata e a riqueza admirable. E entregoulle a mensaxe do rei. 33Simón respondeulle:

‑"Nós non ocupamos terra estranxeira, nin nos apoderamos de bens alleos, senón da herdanza dos nosos maiores, que os nosos inimigos retiveron inxustamente por algún tempo. 34Aproveitando o momento oportuno non fixemos máis que recuperar a herdanza dos nosos maiores. 35As cidades de Iafa e Guézer, que ti reclamas, fixéronlle moito mal ó noso pobo e devastaron a nosa terra. Por elas estamos dispostos a darche cen talentos".

36Atenobio non lles dixo nin palabra; volveuse todo furioso onda o rei e comunicoulle a resposta; tamén lle falou da magnificencia de Simón e de todo o que el vira. O rei púxose doente.

37Entrementres Trifón conseguiu fuxir nunha barca a Ortosia.

38O rei nomeou a Cendebeo xeneral da zona costeira e entregoulle tropas de infantería e de cabalería. 39Mandoulle que acampase en fronte de Xudá, que reconstruíse Cedrón, que reforzase as súas portas, e que fustigase ó pobo. O rei foi perseguir a Trifón.

40Unha vez que Cendebeo chegou a Iamnia, empezou a meterse co pobo, a invadir Xudá, a facer prisioneiros e a matar xente. 41Reconstruíu Cedrón e nela colocou soldados de a pé e de a cabalo, para que fixesen correrías polos camiños de Xudá, segundo mandara o rei.

 

Xoán derrota a Cendebeo

 

Capítulo 16

 

1Xoán subiu de Guézer e comunicoulle a seu pai Simón o que Cendebeo andaba a facer. 2Simón chamou ós seus dous fillos máis vellos, Xudas e Xoán, e díxolles:

‑"Eu e mais meus irmáns e mais toda a miña familia combatemos ós inimigos de Israel desde que eramos mozos ata hoxe, e co noso esforzo conseguimos liberar a Israel. 3Eu xa vou vello, pero vós, grazas a Deus, estades na idade mellor. Ocupade o meu posto e mais o de meu irmán, e ide loitar pola patria. Que a axuda do Ceo vaia convosco".

4Escolleron vinte mil do país entre guerreiros valentes e xinetes, e partiron contra Cendebeo. Pasaron a noite en Modín, 5e pola mañanciña erguéronse e avanzaron cara a terra cha; entón saíulles ó encontro un poderoso exército de infantería e cabalería. Só os separaba un torrente. 6Xoán e as súas tropas dispuxéronse a atacar. Xoán, ó decatarse de que as súas tropas tiñan medo a pasar o torrente, atravesouno el primeiro, e as súas tropas, ó velo, pasaron atrás del. 7Dividiu a súa xente en dous corpos, e colocou no medio ós de a cabalo, porque os xinetes inimigos eran moitísimos. 8Soaron as trompetas e Cendebeo e o seu exército foron vencidos; moitos deles caeron feridos e os demais fuxiron á fortaleza. 9Tamén foi ferido Xudas, o irmán de Xoán. Xoán perseguiunos ata a cidade de Cedrón, reconstruída por Cendebeo. 10Os inimigos fuxiron para as torres do campo de Axdod, pero Xoán pegoulles lume, e así morreron arredor de dous mil contrarios. Despois volveu vitorioso a Xudá.

 

Asasinato de Simón

 

11Tolomeo, fillo de Abubos, fora nomeado gobernador da terra cha de Iericó. Tiña moita prata e ouro, 12porque era o xenro do sumo sacerdote. 13Pero tanto se ensoberbeceu que quería apoderarse de todo o país, e así decidiu matar traizoeiramente a Simón e ós seus fillos.

14Simón visitaba daquela as cidades do país para ver como ían os asuntos, e baixou a Xericó cos seus fillos Matatías e Xudas; era no undécimo mes, ou sexa no mes de Xebat, do ano cento setenta e sete. 15O fillo de Abubos recibiunos arteiramente na fortaleza de Doc, construída por el mesmo. Ofreceulles un gran banquete, pero deixou escondidos uns poucos homes. 16Cando Simón e os seus fillos estaban bébedos, Tolomeo fixo un sinal; entón os escondidos saíron coas armas e botáronse contra eles, e mataron a Simón, ós seus dous fillos e a algúns dos seus acompañantes. 17Cometeu unha gran traizón devolvendo mal por ben.

18Despois Tolomeo escribiulle ó rei dicíndolle o que pasara e pedíndolle que lle mandase tropas de auxilio para apoderarse do país e das súas cidades. 19Mandou tamén algúns a Guézer para que matasen a Xoán. Escribiu cartas ós oficiais do exército para que se pasasen ó seu bando, e prometeulles prata, ouro e outros regalos. 20Enviou outro grupo para que ocupasen Xerusalén e o monte do templo. 21Pero alguén foi correndo a Guézer e comunicoulle a Xoán que mataran a seu pai e a seus irmáns e que mandaran matalo a el tamén. 22O saber isto, Xoán quedou estarrecido; mandou prender ós que o viñan matar e matounos, pois sabía as súas intencións.

23Os demais feitos do Xoán, as fazañas que levou a cabo, os muros que ergueu, e todas as súas obras, 24pódense ver escritas nos anais do seu pontificado, desde o día en que sucedeu a seu pai como Sumo Sacerdote.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com