Capítulos 1-5

INTRODUCCIÓN

 

Capítulo 1

 

1Alexandro, o macedonio, o fillo de Filipo, que reinaba en Grecia, saíu de Macedonia, venceu a Darío, o rei dos persas e dos medos, e reinou no seu sitio. 2Despois fixo moitas guerras, ocupou fortalezas, asasinou reis, 3chegou ata ó cabo do mundo, e apoderouse de moitísimas nacións, e a terra quedoulle sometida. Daquela enfonchouse e encheuse de orgullo; 4xuntou un exército potentísimo e someteu ó seu imperio países, pobos e soberanos, que lle tiveron que pagar tributos. 5Despois de todo isto encamou e, vendo que a cousa era de morte, 6chamou ós xenerais máis ilustres, que se criaran con el desde a mocidade, e repartiulles o seu reino aínda antes de morrer. 7Alexandro morreu cando levaba doce anos de reinado; 8entón os seus xenerais fixéronse cargo do reino. 9Despois que morreu todos se puxeron a coroa de rei, e logo os fillos deles por moitos anos, de xeito que se multiplicaron os males no mundo.

 

Antíoco IV Epífanes

 

10Deles saíu un xermolo perverso, Antíoco Epífanes, fillo do rei Antíoco; estivera en Roma como refén e apoderouse do reino o ano cento trinta e sete da era seléucida.

11Daquela houbo algúns israelitas malvados que convenceron ó pobo dicíndolle: ‑"Veña, hai que facer un pacto coas nacións veciñas, pois desde que nos desvencellamos delas viñéronnos moitas desgrazas".

12A proposta caeu moi ben, 13e algúns do pobo acordaron ir onda o rei; e o rei deulles autorización para seguiren os costumes pagáns; 14entón, por se acomodar ós usos pagáns, fixeron un ximnasio en Xerusalén, 15disimularon os prepucios, abandonaron a alianza santa, emparentaron cos pagáns e vendéronse á maldade.

16Antíoco, cando xa se sentiu seguro no seu trono, decidiu apoderarse tamén de Exipto, para reinar nos dous pobos. 17Invadiu Exipto cun exército moi poderoso, con carros, elefantes, cabalos e cunha grande flota, 18e atacou a Tolomeo, o rei de Exipto. Tolomeo colleu medo e fuxiu, pero tivo moitas baixas. 19Entón Antíoco apoderouse das prazas fortes de Exipto e saqueou o país.

20O ano 143, de volta xa da conquista de Exipto, Antíoco subiu contra Israel e achegouse a Xerusalén cun exército poderoso. 21Entrou todo fachendoso no santuario, colleu o altar de ouro, o candelabro con todos os seus utensilios, 22a mesa dos pans presentados, as cuncas das libacións, as fontes, os incensarios, a cortina, as coroas, e arrincou todo o decorado de ouro que recubría o templo, 23levou tamén a prata, o ouro, a vaixela de valor e os tesouros escondidos que puido atopar; 24e marchou con todo para a súa terra, despois de facer moitas mortes e dicir arrogancias incribles.

25Oíronse queixas en todo Israel,

26laiáronse os príncipes e os vellos;

as mozas e os mozos perderon as forzas,

fóiselles ás mulleres a súa fermosura.

27Entoaron os casados cántigas de queixa,

as casadas no seu leito enchéronse de tristura.

28Tremeu a terra pola grima dos seus habitantes,

a casa de Xacob encheuse de vergonza.

29De alí a dous anos o rei mandou un axente do fisco ás cidades de Xudá e presentouse en Xerusalén cun exército moi grande; 30faloulles con falsidade palabras de paz e creron nelas. Pero de súpeto botouse contra a cidade e castigouna con moita dureza e matou a moitos israelitas. 31Saqueou e incendiou a cidade, desfixo as súas casas e as murallas que a rodeaban, 32levou cativas as mulleres e os nenos e apoderouse do gando. 33Despois converteron a cidade de David nunha cidadela rodeándoa con murallas altas e fortes e tamén con torres. 34Meteron na cidadela a pagáns perversos e a xudeus renegados que se instalaron alí para defendela; 35almacenaron armas e mantenza e xuntaron alí os espolios que recolleron en Xerusalén, e deste xeito veu ser un grande perigo, 36unha insidia para o santuario, unha ameaza continua para Israel.

37Verteuse sangue inocente arredor do santuario e profanárono.

38Por culpa deles fuxiron os de Xerusalén,

que se converteu así en morada de estranxeiros,

casa estraña para os seus, abandonárona os seus fillos.

39O seu santuario quedou só coma un deserto;

as súas festas convertéronse en dó,

os seus sábados, en oprobio; o seu honor, en aldraxe.

40A súa deshonra igualou a sona doutros tempos,

a súa magnificencia cambiouse en dó.

41O rei Antíoco mandou por un decreto que todos os súbditos do seu Imperio formasen soamente un pobo, 42e que cada un abandonase os seus costumes particulares. Todas as nacións se aviñeron ó mandado polo rei, 43e moitos israelitas adoptaron a relixión mandada, sacrificando ós ídolos e profanando o sábado. 44O rei mandou mensaxeiros a Xerusalén e ás cidades de Xudá con ordes escritas para que todos seguisen as leis estranxeiras; 45nelas prohibíase ofrecer holocaustos no santuario, os sacrificios e as libacións, gardar os sábados e as festas; 46e mandábase contaminar o santuario e os fieis, 47construír altares, templos e ídolos, e sacrificar porcos e animais impuros; 48mandábase tamén que non circuncidasen ós nenos e que se profanasen a si mesmos con impurezas e abominacións de toda clase, 49de xeito que esquecesen a Lei, e cambiasen todos os costumes. 50O que non cumprise as ordes do rei sería condenado á morte.

51Isto foi o decreto publicado en todo o reino. Puxo inspectores en todo Israel, e mandou que se ofrecesen sacrificios en todas as cidades de Xudá, unha por unha. 52Xuntóuselles moita xente do pobo, todos os traidores á Lei, e cometeron tan grandes barbaridades no país 53que os israelitas verdadeiros tiveron que acocharse en calquera escondedoiro que aparecese.

54O día 15 de Kisleu do ano 145 puxeron enriba do altar unha ara sacrílega, e despois foron poñendo aras por todas as cidades de Xudá; 55ofrecían incenso diante das portas das casas e nos rueiros, 56rachaban os libros da Lei que atopaban e botábanos ó lume. 57O que tivese un Libro da Alianza e o que vivise de acordo coa Lei era condenado a morte, segundo o decreto real.

58Un mes atrás doutro facían o mesmo cos israelitas que se atopaban nas súas cidades. 59O día 25 de cada mes sacrificaban na ara construída enriba do altar dos holocaustos. 60Mataban ás nais que circuncidaban ós seus fillos, segundo mandaba o decreto, 61cos meniños colgados ó pescozo; saqueaban as casas e mataban ós que circuncidasen ós nenos.

62Pero houbo moitos en Israel que se mantiveron firmes na súa decisión de non comer nada impuro; 63e preferían antes morrer que lixarse cos alimentos e profanar a alianza santa; e morreron.

64A cólera que descargou sobre Israel foi cousa terrible.

 

Rebelión de Matatías

 

Capítulo 2

 

1Daquela xurdiu Matatías, fillo de Xoán, fillo de Simeón, sacerdote da familia de Ioarib; era de Xerusalén, pero vivía en Modín. 2Tiña cinco fillos: Xoán, alcumado Cadix; 3Simón, alcumado Tasí; 4Xudas, alcumado Macabeo; 5Elazar, alcumado Avarán, e Ionatán, alcumado Aptos. 6O ver Matatías as abominacións que se estaban cometendo en Xudá e mais en Xerusalén, 7dixo:

‑"¡Pobre de min! ¿Por que nacín eu para ver a desfeita do meu pobo e da cidade santa? ¡Eu aquí sentado mentres a cidade está en poder do inimigo, e o seu santuario en mans alleas!

8O seu templo é coma un home deshonrado;

9os seus vasos preciosos foron levados coma botín;

os seus neniños foron asasinados nas prazas;

os seus mozos caeron baixo a espada inimiga.

10¿Que nación non ocupou os seus pazos,

e non se apoderou dos seus espolios?

11Roubáronlle toda a súa fermosura,

era libre e fixérona escrava.

12Velaí o noso santuario:

era o noso honor e a nosa gloria,

e está desolado e profanado polos pagáns.

13¿Para que seguir vivindo?".

14Matatías e os seus fillos racharon os seus vestidos, puxéronse un saio e fixeron un dó moi grande.

15No intre chegaron a Modín os enviados do rei para facer apostatar pola forza mediante a ofrenda do incenso; 16moitos israelitas fixeron o que lles mandaban, mentres Matatías e os seus fillos quedaron a un lado.

17E os enviados do rei dixéronlle:

‑"Ti es un personaxe de sona e grande nesta cidade, amparado por moitos fillos e parentes; 18así que achégate ti, o primeiro, e fai o que o rei mandou, como xa o fan todas as nacións, os mesmos xudeus e os que quedaron en Xerusalén. Ti e mais os teus fillos seredes amigos do rei e hásevos dar ouro e prata e moitos regalos".

19Matatías respondeulle en voz alta:

‑"Aínda que todas as nacións do Imperio abandonen a relixión de seus pais e obedezan ó rei, 20eu e mais os meus fillos e parentes viviremos segundo a alianza de nosos pais. 21¡Deus nos libre de abandonar a Lei e os nosos costumes! 22Non faremos caso ás ordes do rei, non nos apartaremos da nosa relixión nin á dereita nin á esquerda".

23Aínda non acabara de falar, cando saíu un xudeu alí ó medio de todos para ofrecer incenso sobre a ara de Modín, segundo o que mandara o rei.

24O velo, a Matatías deulle tanto noxo que ata tremía de carraxe, e levado dunha arroutada santa foi correndo e cortoulle a cabeza a aquel home enriba do altar. 25E no mesmo acto matou ó enviado do rei que obrigaba a sacrificar, e desfixo o altar. 26Así mostrou o seu celo pola Lei, como fixera Pinhás con Zimrí, o fillo de Xalum. 27Logo empezou a berrar Matatías na cidade, e dicía:

‑"¡Todo o que sinta celo pola Lei e queira manter a alianza, que me siga!" 28E botouse ó monte cos seus fillos, deixando na cidade todo canto tiña.

29Por aquel tempo moitos que querían vivir segundo dereito e xustiza, baixaban ó deserto 30cos seus fillos, as súas mulleres e o seu gando, e instaláronse alí, pois as desgrazas xa non tiñan medida.

31Os enviados do rei e ás tropas que había en Xerusalén chegoulles a nova de que algúns homes baixaran para esconderse no deserto despois de desobedecer as ordes do rei; 32seguíronos moitos; deron con eles, e acamparon enfronte deles, e atacáronos un sábado. 33Dicíanlles:

‑"Non vos avisamos máis. Saíde e cumpride as ordes do rei, e viviredes".

34Pero eles contestaron:

‑"Non sairemos nin cumpriremos as ordes do rei profanando o sábado".

35Os soldados atacáronos de seguida, 36e eles non replicaron, nin lles tiraron unha pedra, nin cubriron os refuxios; 37dicían:

‑"Morramos todos aínda sendo inocentes, e que o ceo e mais a terra sexan testemuñas de que nos matades inxustamente".

38E atacáronos en sábado. E morreron eles, coas súas mulleres, os seus fillos e o seu gando; eran arredor de mil persoas.

39Cando o souberon Matatías e os seus fillos, doeulles moito, 40pero comentaban:

‑"Se todos facemos coma os nosos irmáns, e non loitamos contra os pagáns pola nosa vida e pola nosa Lei, axiña nos farán desaparecer da terra".

41E aquel mesmo día tomaron esta decisión: a calquera que nos ataque en sábado responderémoslle loitando, e non nos deixaremos matar todos, coma os nosos irmáns, nos nosos refuxios.

42Entón xuntóuselles un grupo de asideos, israelitas loitadores, todos moi apegados á Lei; 43xuntáronselles tamén todos os que escapaban dalgunha persecución, e con isto víronse reforzados, 44ata o punto de formar un exército, e con el cargaron con asañamento e carraxe contra os pecadentos e desleigados. Os que se libraban buscaban refuxio entre os pagáns.

45Matatías e os seus partidarios percorreron as cidades desfacendo as aras 46e obrigando a circuncidar a todos os pequenos non circuncidados de Israel e 47perseguindo ós rebeldes. O seu poder medraba cada vez máis, 48de xeito que defenderon a Lei contra os pagáns e os reis, e non se deixaron asoballar polos malvados.

 

Testamento de Matatías

 

49Cando lle chegou a hora de morrer, Matatías díxolles ós seus fillos:

‑"Polo de agora triunfou a soberbia e o impudor; son tempos de subversión e de carraxe. 50Meus fillos, sede celosos da Lei e dade a vida pola alianza dos vosos maiores. 51Lembrádevos das fazañas que os vosos antepasados fixeron no seu tempo e acadaredes gloria e sona sen medida. 52Abraham permaneceu fiel no medio dos pobos, e isto consideróuselle como positivo. 53Xosé gardou a Lei nos días difíciles, e chegou a ser amo de Exipto. 54Pinhás, o noso pai, polo seu grande celo, recibiu a promesa do sacerdocio eterno. 55Xosué por cumprir a Lei chegou a ser xuíz de Israel. 56Caleb, polo seu testemuño diante do pobo, recibiu a herdade da terra. 57David, pola súa misericordia, herdou o trono real polos séculos dos séculos. 58Elías polo seu grande celo pola Lei foi arrebatado para o ceo. 59Hananías, Azarías e Mixael, pola súa fe, foron librados do lume. 60Daniel, pola súa inocencia, foi librado da boca dos leóns.

61Reparade deste xeito en todas as xeracións, e veredes como os que confían en Deus xamais non se senten burlados.

62Non lles teñades medo ás ameazas dese malvado, pois que a súa galanura hase converter en esterco e vermes. 63Hoxe anda todo fachendoso, pero mañá desaparecerá, volverá ó po e os seus planos quedarán en nada.

64Vós, meus fillos, sede valentes e combatede coma homes pola Lei, e así chegaredes a ter moita gloria.

65Eu ben sei que o voso irmán Simón é home asisado; escoitádeo sempre, e que el sexa coma un pai para vós. 66Xudas o Macabeo é forte e valente xa desde mozo; que sexa o capitán das tropas e que dirixa a guerra contra o estranxeiro. 67A ver se atraedes a todos os que gardan a Lei, e vingades as aldraxes do voso pobo. 68Dádelles ós pagáns o seu merecido e tede moito coidado en cumprir os preceptos da Lei".

69E despois de os bendicir, foise xuntar cos seus antepasados. 70Morreu o ano 146. Os fillos enterrárono no sartego de seus pais, en Modín, e todo Israel fixo grandes funerais por el.

 

Xudas o Macabeo

 

Capítulo 3

 

1Sucedeulle o seu fillo Xudas, chamado o Macabeo; 2apoiárono seus irmáns e todos os que seguiran a seu pai; e loitaban por Israel con moito ánimo.

3Xudas espallou a sona do seu pobo;

púxose a coiraza coma un xigante,

colleu as armas para facer a guerra

e defendeu coa espada os seus campamentos.

4Semellaba un león nas súas fazañas,

un cachorriño que brada pola presa.

5Perseguiu ós renegados ata os seus refuxios

e fixo queimar os axitadores do seu pobo.

6Os desleigados colléronlle medo e turbáronse os malfeitores;

as súas mans fixeron triunfar a liberación.

7Deu que pensar e facer a moitos reis

e foi a ledicia de Xacob coas súas fazañas.

O seu recordo será bendito por sempre.

8Percorreu as cidades de Xudá,

acabou cos impíos que nelas había

e arredou de Israel a carraxe de Deus.

9A súa sona encheu a terra

e xuntou un pobo en desfeita.

 

As vitorias de Xudas, o Macabeo

 

10Apolonio organizou un exército de estranxeiros e veu de Samaría con moitas tropas para facerlle a guerra a Israel. 11Pero cando o soubo Xudas, foille ó encontro, venceuno e matouno; moitos dos inimigos morreron e os demais fuxiron. 12Recolleron os espolios e entre eles a espada de Apolonio, que desde aquela Xudas empregou sempre na guerra.

13Cando soubo Serón, xefe do exército de Siria, que Xudas xuntara moita xente e que, polo celo da Lei, loitaban canda el, 14díxose:

‑"Voume facer famoso e collerei gloria no Imperio vencendo a Xudas e á súa xente que fan riso das ordes do rei".

15Preparouse e subiu cun exército poderoso, ó que se xuntaron os impíos para axudarlle a vingarse dos israelitas. 16O chegaren á costa de Bethorón, saíulles ó encontro Xudas cuns poucos homes; 17cando viron o exército que viña contra eles, dixéronlle a Xudas:

‑"¿E como imos loitar nós contra esa chea de xente, nós que somos tan poucos e que andamos mazmidos, sen comer en todo o día?"

18Xudas contestoulles:

‑"É cousa fácil que uns poucos poidan con tanta xente, pois que a Deus tanto lle ten salvar con moitos coma con poucos; 19a vitoria na guerra non depende do número de soldados, xa que a forza vén do ceo. 20Eles véñennos atacar cheos de fachenda e impiedade para esnaquizarnos e para apoderarse das nosas mulleres e dos nosos fillos, 21pero nós loitamos pola nosa vida e os nosos costumes. 22Deus vainos esmagar a eles diante de nós; non lles teñades medo".

23Cando acabou de falar, botouse de súpeto contra eles, e derrotou a Serón e ó seu exército. 24Perseguírono pola baixada de Bethorón ata a terra cha; quedaron no campo de batalla uns oitocentos homes, e os demais fuxiron ó país dos filisteos. 25Con isto as nacións veciñas deron en sentir abraio e medo por Xudas e mais por seus irmáns. 26A súa sona chegou ós oídos do rei, pois todos falaban das súas batallas. 27Cando o rei Antíoco coñeceu todo isto, alporizouse moitísimo e mandou xuntar todas as forzas do Imperio, un exército moi poderoso. 28Abriu os seus tesouros e deulles ós soldados a paga dun ano, e mandoulles que estivesen preparados para calquera eventualidade. 29Pero, ó ver que se lle acababan os tesouros e que os tributos eran poucos, debido ás disensións e ás desgrazas que el mesmo motivara no país coa súa teima por acabar coas leis que viñan de vello, 30entón colleu medo de que, como xa lle pasara outras veces, non lle chegase para os gastos e os regalos que adoitaba facer con máis xenerosidade cós reis anteriores a el. 31Véndose neste apuro, decidiu ir a Persia para cobrar os tributos daquelas rexións e xuntar moitos cartos. 32Deixou a Lisias, home ilustre e de familia real, á fronte do goberno, desde o Éufrates ata as fronteiras de Exipto, 33e encargoulle que coidase do seu fillo Antíoco ata que volvese. 34Deixoulle a metade do exército e os elefantes e mandoulle executar os seus planos, maiormente os referentes a Xudá e Xerusalén: 35que mandase un exército contra eles para desfacer totalmente as forzas de Israel e o que quedaba de Xerusalén; 36que borrase o seu recordo daquel sitio e que repartise o país entre xente do estranxeiro.

37O rei levou con el a outra metade do exército. O ano 147 saíu de Antioquía, a capital do seu Imperio, e atravesando o Éufrates dirixiuse cara ás rexións do norte.

38Lisias escolleu a Tolomeo de Dorimeno, a Nicanor e a Gorxias, homes valentes e amigos do rei, 39e mandounos con corenta mil homes e sete mil cabalos para que invadisen e arrasasen Xudea, segundo as ordes do rei. 40Partiron con todo o seu exército e foron acampar cerca de Emaús, na terra cha. 41Cando os tratantes do país souberon que chegara, foron de seguida ó campamento con moito ouro e prata e con cadeas para compraren ós israelitas como escravos. Tamén se lles xuntaron tropas de Idumea e de Filistea.

42Xudas e seus irmáns viron que a cousa se lles poñía moi seria, pois os exércitos acampaban no seu territorio e coñecían tamén as ordes do rei de destruír e de exterminar o pobo; 43entón dixéronse:

‑"Defendamos o noso pobo desta desfeita. Loitemos pola nosa nación e polo noso templo".

44E a xente xuntouse para prepararse para a guerra e rezaban pedíndolle a Deus piedade e misericordia.

45Xerusalén estaba despoboada coma un deserto,

ningún dos seus fillos entraba nin saía.

O seu santuario era tripado,

os estranxeiros vivían na cidadela, coveira de pagáns.

A ledicia de Xacob desaparecera

non se oían nin a frauta nin a cítara.

46Xuntáronse e foron a Mispah, fronte a Xerusalén, pois noutros tempos Israel tiña en Mispah un templo. 47Aquel día fixeron xaxún, puxéronse un saio, botaron cinsa pola cabeza, e racharon os vestidos; 48desenvolveron o libro da Lei e procuraron nel o que os pagáns procuran nos seus ídolos. 49Levaron os vestidos sacerdotais, as primicias e os décimos, e fixeron ir ós nazireos que xa acabaran os días do seu ofrecemento, 50e berraron ó ceo dicindo:

‑"¿Que imos facer con estes e onde os imos levar? 51O teu templo está pateado e profanado e os teus sacerdotes andan tristeiros e humillados; 52e agora os pagáns xuntáronse para exterminarnos. Ti ben sabes os planos que teñen contra nós. 53¿Como lles imos facer fronte, se ti non nos axudas?"

54Tocaron as trompetas e deron grandes berros.

55Despois Xudas nomeou ós xefes do pobo para que mandase cadaquén en mil, cen, cincuenta e dez homes. 56E ós que estaban facendo unha casa, ós que casaran, ós que acababan de plantar unha viña e ós coitados díxolles que se volvesen para a súa casa, como manda a Lei. 57Despois fóronse de alí e acamparon ó sur de Emaús. 58Xudas díxolles:

‑"Preparádevos, sede valentes e dispoñédevos a loitar mañá pola fresca contra eses pagáns que se xuntaron contra nós para acabar connosco e co noso templo. 59É mellor morrer loitando que ver as calamidades do noso pobo e do noso templo. 60Con todo que se faga a vontade de Deus".

 

Batalla de Emaús

 

Capítulo 4

 

1Gorxias colleu cinco mil homes de infantería e mil cabaleiros escolleitos e levantou o campamento de noite, 2para atacar de súpeto ó exército xudeu e desfacelo. Servíronlle de guieiros algúns da cidadela.

3Xudas sóuboo e entón foi cos seus guerreiros para atacar o exército do rei que quedara en Emaús, 4mentres o groso do exército andaba lonxe do campamento.

5Gorxias chegou de noite ó campamento de Xudas, e, como non atopou a ninguén, púxose a buscalos polos montes, pensando que fuxiran del. 6Pola mañanciña apareceu Xudas na terra cha con tres mil homes, aínda que sen escudos e espadas ‑quen lles dera telos‑. 7Cando viron o campamento dos pagáns, fortificado e ben equipado, protexido pola cabalería e con homes loitadores, 8Xudas díxolles ós seus compañeiros:

‑"Non lle teñades medo a esa multitude, nin vos acovardedes pola súa combatividade. 9Recordade como se salvaron os nosos maiores no mar Rubio, cando os perseguía o Faraón co seu exército. 10Fagamos chegar ó ceo a nosa voz para que Deus nos bote unha man e se lembre da alianza que fixo con nosos pais, e desfaga hoxe diante de nós a este exército. 11Así todos os pobos se decatarán de que hai alguén que libra e salva a Israel".

12Cando os inimigos levantaron os ollos e viron que viñan de fronte, 13saíron do campamento para a batalla. Os de Xudas tocaron as trompetas 14e comezou o combate. Os pagáns foron derrotados e fuxiron cara á terra cha; 15os fuxitivos máis retrasados caeron mortos á espada. Os outros fóronos perseguindo ata Guézer e a terra cha de Idumea, Axdod e Iamnia; matáronlles uns tres mil homes.

16Cando Xudas e o seu exército volveron de perseguir os inimigos, 17díxolle el á súa xente:

‑"Non devezades polos espolios, porque aínda temos outra batalla.

18Gorxias anda cos seus soldados polos montes do arredor. Así que agora facédelle fronte ó inimigo e loitade, e despois xa recolleredes os espolios devagariño".

19Aínda estaba Xudas falando, cando asomou polo monte unha división inimiga. 20Decatáronse de seguida de que os seus fuxiran e de que o campamento estaba ardendo, pois o fume que saía era unha boa proba; 21quedaron abraiados, e ó ver que o exército de Xudas estaba disposto para o combate na terra cha, 22fuxiron todos cara ó país dos filisteos.

23Entón Xudas volveu para repañar os espolios do campamento. Colleron moito ouro, prata, panos de púrpura vermella e violeta e grandes riquezas. 24E foron de volta cantándolle loanzas e bendicións a Deus,

"porque é bo,

porque o seu amor dura para sempre".

25Aquel día Israel conseguiu unha grande vitoria.

 

Derrota de Lisias

 

26Os estranxeiros que conseguiran fuxir fóronlle contar a Lisias todo o que pasara; 27ó escoitar tales novas, quedou abraiado e aflixido, porque en Israel as cousas non marchaban como el quería e como lle mandara o rei. 28Así que, ó seguinte ano recrutou sesenta mil infantes e cinco mil cabaleiros para acabar dunha vez cos xudeus. 29Chegou por Idumea e acampou en Betsur. Xudas saíulle ó encontro con dez mil homes 30e, ó ver aquel exército tan grande, rezou así:

‑"Bendito es ti, Salvador de Israel, que destruíches a forza do xigante valéndote do teu servidor David, e puxeches o campamento dos filisteos nas mans de Ionatán, o fillo de Xaúl, e do seu escudeiro. 31Pon agora este exército nas mans do teu pobo, Israel; e que a súa infantería e a súa cabalería queden avergonzadas. 32Éncheos de medo, bota por terra a seguridade que teñen no seu poderío e que se avergoncen coa derrota. 33Derrótaos coa espada dos que te queren, para que che canten himnos todos os que coñecen o teu nome".

34Empezou o combate, e morreron cinco mil homes do exército de Lisias.

35O ver Lisias a derrota do seu exército e o valor das tropas de Xudas, disposto a vivir ou morrer con gloria, marchou para Antioquía con fin de recrutar tropas mercenarias e volver outra vez contra Xudea mellor preparado.

 

Purificación do templo

 

36Daquela Xudas e seus irmáns dixeron:

‑"Agora que xa derrotamos os nosos inimigos, imos purificar e consagrar o templo".

37Xuntouse todo o exército e subiron ó monte Sión. 38Viron o templo desolado, o altar profanado, as portas queimadas, a herba medrando nos adros, coma se fosen montes ou carballeiras, e os cuartos do templo destruídos; 39entón racharon os vestidos e manifestaron unha grande dor botando cinsa pola cabeza abaixo 40e abaténdose contra o chan; e a un sinal das trompetas, clamaron ó ceo.

41Xudas mandou a algúns dos seus homes que tivesen á raia ós da cidadela mentres purificaban o templo. 42Escolleu sacerdotes sen defectos e amantes da Lei, 43que purificaron o templo e botaron na inmundicia as pedras do altar idolátrico. 44Despois deliberaron o que cumpriría facer co altar dos holocaustos profanado 45e acordaron destruílo; así non sería unha deshonra para eles por ser profanado polos pagáns. Destruíron, pois, o altar 46e colocaron as pedras no monte do templo, nun sitio axeitado, ata que un profeta dixese o que había que facer coas pedras. 47Logo colleron pedras sen labrar, conforme o manda a Lei, e fixeron un altar noviño, igual có de antes. 48Fixeron o santuario e o interior do templo, e consagraron os adros. 49Fixeron vasos sagrados novos e meteron no templo o candelabro, o altar do incenso e a mesa. 50Queimaron incenso derriba do altar e acenderon as lámpadas do candelabro para que alumasen no templo. 51Colocaron os pans derriba da mesa e colgaron as cortinas. E con isto puxeron fin ó seu traballo.

52O día vinte e cinco do mes noveno, o mes de Kisleu, do ano cento corenta e oito, erguéronse moi cediño 53para ofrecer o sacrificio que manda a Lei no altar dos holocaustos que acababan de construír. 54Xustamente no mesmo día e mes en que os pagáns o profanaran volvérono consagrar eles cantando himnos ó son da cítara, das arpas e dos pandeiros. 55Todo o pobo se abateu contra o chan adorando e dándolle grazas a Deus polo triunfo que lles dera. 56Celebraron a consagración durante oito días ofrecendo con ledicia holocaustos e sacrificios de paz e de loanza.

57Enfeitaron a fachada do templo con coroas de ouro e con escudos, e reconstruíron as portadas e os cuartos e puxéronlles portas. 58Moita festa fixo o pobo por poder arredar de si a aldraxe dos pagáns.

59Por último, Xudas e seus irmáns e toda a asemblea de Israel mandaron que todos os anos se festexase con moita ledicia o recordo da nova consagración do altar durante oito días a partir do día vinte e cinco do mes de Kisleu.

60Daquela construíron murallas e torres fortes e grandes arredor do monte Sión, para que, se viñan os pagáns, non o puidesen profanar, como fixeran antes; 61e deixou alí unha gornición para que o defendese. Fortificou tamén Betsur, para que o pobo tivese unha defensa pola porta de Idumea.

 

Campañas contra pobos veciños

 

Capítulo 5

 

1Cando os pobos veciños souberon que os xudeus reconstruíran o altar e restauraran o templo coma antes, alporizáronse moitísimo, 2e decidiron acabar cos descendentes de Xacob que vivían entre eles; empezaron a matar e a perseguir xente do pobo. 3Entón Xudas declarou a guerra ós descendentes de Esaú en Acrabatene, Idumea, porque se andaban metendo con Israel. Derrotounos completamente, someteunos e saqueounos. 4Tamén se lembrou da maldade dos beonitas, un grande perigo para o pobo coas súas emboscadas nos camiños. 5Obrigounos a meterse nas torres, cercounos e entregounos ó anatema e pegoulles lume ás torres con todos os que se atopaban dentro. 6Despois marchou contra os amonitas e atopouse cun exército forte e numeroso mandado por Timoteo. 7Atacounos varias veces, ata que os esnaquizou totalmente. 8Apoderouse de Iézer e da súa bisbarra e volveuse para Xudea.

9Os pobos de Galaad tamén se xuntaron contra os israelitas que vivían no seu territorio, para acabar con eles. Os israelitas refuxiáronse na cidadela de Dotema, 10e enviáronlle a Xudas e a seus irmáns a seguinte mensaxe:

‑"Xuntáronse contra nós os pobos do arredor e queren acabar con nós, 11e estanse dispoñendo para vir e apoderarse da fortaleza na que nos refuxiamos; Timoteo é o xeneral do exército. 12Vennos librar das súas mans, porque moitos dos nosos xa caeron 13e todos os nosos irmáns da rexión de Tob foron asasinados; e roubaron as súas mulleres, os seus fillos e os seus bens; morreron alí unhas mil persoas".

14Estaban lendo a carta, cando chegaron outros mensaxeiros de Galilea coa roupa rachada, 15anunciando que Tolemaida, Tiro e Sidón e todos os xentís de Galilea se xuntaran contra eles para aniquilalos.

16Cando Xudas e o seu pobo oíron tales novas, convocouse unha xuntanza especial para deliberar o que cumpriría facer polos seus irmáns naquel intre angustioso, atacados polos seus inimigos. 17Xudas díxolle a seu irmán Simón:

‑"Colle xente contigo e vai librar os nosos irmáns de Galilea; eu e mais meu irmán Ionatán iremos a Galaad". 18Deixou o resto do exército ó mando de Xosé, o de Zacarías, e de Azarías para que defendesen Xudá, 19e deulles esta orde:

‑"Quedádevos ó mando do pobo, pero non loitedes cos pagáns ata que nós volvamos".

20Simón colleu tres mil homes para ir a Galilea, e Xudas oito mil para ir a Galaad. 21Simón saíu para Galilea, e, despois de moitos combates cos pagáns, derrotounos 22e perseguiunos ata as portas de Tolemaida; morreron uns tres mil pagáns e Simón apoderouse dos seus espolios. 23Despois colleu ós xudeus que vivían en Galilea e en Arbatah, coas súas mulleres, os seus fillos e todo canto tiñan, e levounos para Xudea no medio dunha grande alegría.

24Xudas o Macabeo e seu irmán Ionatán atravesaron o Xordán e camiñaron tres días polo deserto; 25atopáronse cos nabateos que os recibiron moi ben e que lles contaron o que lles pasara ós seus irmáns xudeus de Galaad: 26moitos estaban prisioneiros en Bosrah, en Béser, en Alemah, en Casfor, en Maqued e en Carnaim, todas elas cidades grandes e fortes; 27outros xuntáronse nas outras cidades de Galaad; o inimigo mandara atacar ó día seguinte as prazas fortes, conquistalas e acabar con todos os xudeus nun só día.

28Xudas e o seu exército atravesaron de seguida o deserto dirixíndose cara a Bosrah; apoderouse da cidade, matou a todos os homes, rapinouno todo e púxolle lume. 29Pola noite fóronse de aí e dirixíronse cara á fortaleza. 30O abrente viron unha chea de xente con escadas e máquinas de guerra, disposta a atacar a fortaleza. 31O ver que xa comezara o ataque e que da cidade subían ó ceo berros de combate e o son das trompetas, 32díxolles ós seus soldados:

‑"Loitade hoxe polos vosos irmáns".

33E avanzaron en tres grupos polas costas do inimigo, tocaban as trompetas e rezábanlle a Deus berrando.

34Cando o exército de Timoteo se decatou de que era o Macabeo, botaron a correr. A desfeita foi moi grande e quedaron no sitio ata oito mil inimigos mortos. 35Logo volveuse contra Alemah; atacouna e tomouna, matou a todos os homes, rapinárono todo e púxolle lume. 36Marchou de alí e tomou Casfor, Maqued, Béser e as demais cidades de Galaad.

37Despois de todo isto Timoteo xuntou outro exército e acampou fronte a Rafón, no lado de alá do torrente. 38Xudas enviou xente para espiar o campamento e trouxéronlle estas novas:

‑"Xuntáronse con Timoteo todos os pagáns do arredor; éche un exército grandísimo. 39Ademais contrataron  árabes como auxiliares, e están acampados ó lado de alá do torrente, dispostos a vir contra ti".

Xudas saíulles ó encontro, 40e mentres el e o seu exército se achegaban ó torrente, Timoteo díxolles ós seus oficiais:

‑"Se atravesa el primeiro o torrente cara a nós, non lles poderemos facer fronte, e seguro que nos vence; 41pero se colle medo e acampa ó lado de alá, iremos nós contra el e vencerémolo".

42Cando Xudas chegou á beira do torrente, fixo formar alí ós oficiais do exército e deulles esta orde:

‑"Non deixedes acampar a ninguén. Todos ó combate".

43El foi o primeiro en atravesar o río contra o inimigo, e todo o exército foi tras el. Derrotaron ós pagáns que guindaron as armas e fóronse gardar no templo de Carnaim. 44Os xudeus tomaron a cidade e incendiaron o templo con toda a xente que había dentro. O caer Carnaim xa ninguén lle puido facer fronte a Xudas.

45Xudas xuntou a todos os israelitas de Galaad, pequenos e grandes, coas súas mulleres, os seus fillos e os seus bens ‑toda unha chea de xente‑ para levalos a Xudá. 46Chegaron a Efrón, cidade importante e ben fortificada, situada na entrada dun desfiladeiro; era obrigado pasar por ela, non se podía apartar nin pola esquerda nin pola dereita. 47Pero a xente da cidade non lles deixaba paso e atrancaron as portas con pedras. 48Xudas mandoulles dicir polas boas:

‑"Deixádenos pasar polos vosos dominios camiño da nosa terra; ninguén vos fará mal, soamente queremos pasar".

Pero eles non quixeron abrir.

49Entón Xudas mandou dicir á súa xente que cadaquén acampase alí onde se atopaba. 50Os soldados máis valentes tomaron posicións e atacaron a cidade todo aquel día e a noite seguinte, ata que se rendeu. 51Xudas matou a todos os homes, arrasou a cidade despois de rapinalo todo, e atravesouna pasando por riba dos cadáveres. 52Despois atravesaron o Xordán e chegaron á grande terra chá en fronte de Betxeán. 53Xudas ía axuntando os máis tardeiros e animando ó pobo durante toda a camiñada, ata que chegaron a Xudá. 54Subiron ó monte Sión moi ledos e contentos e ofreceron holocaustos por regresaren con ben e sen que ninguén morrese.

55Mentres Xudas e Ionatán estaban na rexión de Galaad, e o seu irmán Simón en Galilea, en fronte de Tolemaida, 56Xosé, o fillo de Zacarías, e Azarías, xefes do exército, tiveron novas dos acontecementos e das batallas que aqueles tiveran, 57e dixeron:

‑"Fagámonos tamén nós famosos. Imos loitar contra as nacións veciñas".

58Deron a orde á tropa e marcharon contra Iamnia.

59Pero Gorxias saíu da cidade cos seus homes para facerlles fronte; 60Xosé e Azarías fuxiron, e Gorxias foi tras eles ata a fronteira de Xudá. Aquel día morreron uns dous mil israelitas; 61o exército sufriu unha grande desfeita, porque aqueles, cobizosos de gloria, non quixeron obedecer as ordes de Xudas e de seus irmáns. 62Eles non eran da raza dos destinados a salvar a Israel. 63En troques, o valoroso Xudas e mais seus irmáns fixéronse moi famosos por todo o pobo de Israel e por todos os países a onde chegaron novas deles. 64Axuntábanse todos arredor deles e aclamábanos.

65Xudas e seus irmáns foron atacar os fillos de Esaú no sur do país. Tomaron Hebrón e a súa bisbarra, destruíron as fortificacións e prendéronlles lume ás torres das murallas. 66Despois foi contra o país dos filisteos e pasou por Marexah. 67Aquel día morreron no combate algúns sacerdotes que, querendo facer o valente, saíron a loitar sen siso. 68Xudas foi despois contra Axdod, na terra dos filisteos; derrubou os altares, queimou as estatuas dos deuses e saqueou a cidade; de seguida volveuse para Xudá.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com