Capítulos 26-29

Distribución dos porteiros

 

Capítulo 26

 

1Tamén foron distribuídos os gardas das portas. Dos corahitas, Meselemías, fillo de Coré, descendente de Abiasaf.

2Fillo de Mexelemías: Zacarías, o primoxénito; Iediel, o segundo; Zebadías, o terceiro; Iatniel, o cuarto; 3Elam, o quinto; Iohanán, o sexto; Elioenai, o sétimo.

4Fillos de Obededom: Semaías, o primoxénito; Iozabad, o segundo; Ioah, o terceiro; Sacar, o cuarto; Natanael, o quinto; 5Amiel, o sexto; Isacar, o sétimo; Peuletai, o oitavo; pois Deus bendicira a Obededom.

6A Semaías, seu fillo, nacéronlle fillos que prevaleceron na casa de seu pai e eran homes fortes.

7Fillos de Semaías: Otní, Rafael, Obed, Elzabad, e seus irmáns, homes fortes, Elihú e Semaquías.

8Todos estes eran fillos de Obededom. Eles, seus fillos e seus irmáns, foron homes vigorosos e de moita forza para o servizo. En total eran sesenta e dous.

9Os fillos e os irmáns de Mexelemías, homes tamén fortes, eran dezaoito en total.

10Os fillos de Merarí foron: Hosah, que tivo por fillos a Ximrí, o xefe (feito xefe por seu pai a pesar de non ser o primoxénito); 11Hilquías, o segundo; Tebalías, o terceiro; Zacarías, o cuarto. Os fillos e os irmáns de Hosah eran trece en total.

12A este grupo de porteiros,  ós xefes deles e a seus irmáns, foi encomendada a garda para o servizo de templo.

13Foron sorteados para cada porta, pequenos e grandes, segundo as súas casas paternas.

14Tocou por sorte a Xelemías o lado de oriente. Botouse a sorte para Zacarías, seu fillo, que era un prudente conselleiro, e tocoulle o lado do mediodía. 15A Obededom ‑e a seus fillos‑ tocoulle sur, onde tamén estaban as despensas.

16A Hosah tocoulle o lado do occidente, á parte de Xaléquet, que sae á rúa da subida. Estes corpos de garda correspondíanse uns cos outros.

17A porta de oriente estaba gardada por seis levitas, e a do norte por catro, que se renovaban todos os días. Na porta de mediodía había tamén catro por día. Outros catro servían, de dous en dous, nas despensas.

18Onda o pórtico, a occidente, había catro na rúa e dous no pórtico.

19Deste modo foron distribuídos os porteiros, que eran todos fillos de Coré e de Merarí.

 

Outras funcións dos levitas

 

20Os levitas, seus irmáns, tiñan ó seu cargo os tesouros do templo e os obxectos sagrados.

21Os fillos de Ladán, que por Ladán eran descendentes de Guerxom, tiñan ós guerxonitas por xefes das casas paternas de Ladán, guerxonita.

22Os fillos de Iehielí, Zetan e Ioel, seu irmán, gardaban os tesouros do templo.

23De entre os amramitas, iseharitas, hebronitas e uzielitas, 24Xebuel, fillo de Guerxom, fillo de Moisés, era intendente do tesouro.

25Os seus irmáns, descendentes de Eliézer, eran: Rehabías, Isaías, Ioram, Zicrí, Xelomit.

26Este, Xelomit, e seus irmáns, gardaban os tesouros das cousas santas que foran consagradas polo rei David (cos xefes das casas paternas, os xefes de millares e de centenas, e cos xefes do exército), 27que facían parte do botín de guerra e dos espolios para o templo.

28Tamén gardaban todo o que fora consagrado por Samuel, o vidente; por Xaúl, fillo de Quix; por Abner, fillo de Ner; por Ioab, fillo de Seruiah. Todas as  cousas consagradas estaban baixo a custodia de Xelomit e de seus irmáns.

29De entre os iseharitas, Ieconías e seus irmáns exerceron funcións alleas ó templo, como oficiais e xuíces de Israel.

30De entre os hebronitas, Haxabías e seus irmáns, homes valentes (mil setecentos en total) gobernaban ós israelitas do lado de alá do Xordán, na súa parte occidental, tanto no tocante a Iavé, coma no que se refire ó servizo do rei.

31Polo que fai ós hebronitas, dos que era xefe Ierías, fixéronse, o ano corenta do reinado de David, investigacións segundo as súas xenealoxías e as súas casas paternas, e atopáronse entre eles homes valentes en Iazer de Galaad.

32Seus irmáns, homes valentes, foron dous mil setecentas cabezas das casas patriarcais. E o rei David encargoulles a administración dos rubenitas, gaditas e da media tribo de Menaxés para todas as  cousas de Deus e os asuntos do rei.

 

Os xefes do exército

 

Capítulo 27

 

1Os fillos de Israel, segundo o seu número: as cabezas de familia, os xefes e oficiais e os seus inspectores que estaban ó servizo do rei en todo o que atinxía ás divisións que entraban e saían de servizo cada mes, todos os meses do ano, compuñan por cada división vinte e catro mil homes.

2O mando da primeira división, a do primeiro mes, estaba Iaxobam, fillo de Zabdiel, con vinte e catro mil homes.

3Era dos fillos de Peres, e mandaba a todos os xefes da tropa do primeiro mes.

4O mando da división do segundo mes estaba Elazar, fillo de Dodai, ahohita, que tiña baixo el a Miclot, que mandaba unha parte desta tropa, que era de vinte e catro mil homes.

5O xefe da terceira división, a do terceiro mes, era Benaías, fillo de Iehoiadá, sacerdote. Tamén tiña ó seu mando vinte e catro mil homes.

6Benaías era o máis valente dos trinta e superábaos a todos. Seu fillo, Amizabah, era un dos xefes da súa división.

7O cuarto xefe, para as tropas do cuarto mes, era Asahel, irmán de Ioab; e Zebadías, seu fillo, despois del. O número da súa tropa era de vinte e catro mil.

8O quinto xefe, para o mes quinto, era Xamot, o zerahita, e a súa tropa era de vinte e catro mil.

9O sexto, para o sexto mes, era Irá, fillo de Iquex, de Tecoa, e tiña na súa tropa vinte e catro mil.

10O sétimo, para o sétimo mes, era Heles, de Pelón, da tribo de Efraím. A súa tropa era de vinte e catro mil homes.

11O oitavo, para o oitavo mes, era Sibcai, de Huxat, da liñaxe de Zarhí, que tiña baixo el vinte e catro mil homes.

12O noveno, para o noveno mes, era Abiézer, de Anatot, dos fillos de Benxamín, que mandaba vinte e catro mil homes.

13O décimo, para o décimo mes, era Mahrai, de Netofah, descendente de Zarhí. Tiña baixo si vinte e catro mil homes.

14O undécimo, para o undécimo mes, era Benaías de Piratón, descendente de Efraím, con vinte e catro mil homes.

15O duodécimo, para o duodécimo mes, era Heldai, de Netofah, descendente de Otoniel, e a súa sección era de vinte e catro mil homes.

16Estes eran os xefes das doce tribos de Israel: na de Rubén, Eliézer, fillo de Zicrí; na de Simeón, Xefatías, fillo de Mascah, 17na de Leví, Haxabías, fillo de Quemuel; na de Aharón, Sadoc; 18na de Xudá Eliab, irmán de David; na de Isacar, Omrí, fillo de Micael; 19na de Zebulón, Ixmaías, fillo de Abdías; na de Naftalí, Ierimot, fillo de Azriel; 20na de Efraím, Oseas, fillo de Azarías; 21na media tribo de Menaxés, Ioel, fillo de Pedaías; na outra media tribo de Menaxés, en Galaad, Idó, fillo de Zacarías; na de Benxamín, Iasiel, fillo de Abner; 22na de Dan, Azarel, fillo de Ieroham. Estes eran os xefes das doce tribos de Israel.

23David non quixo contar os que estaban por debaixo dos vinte anos, porque Iavé lle dixera que multiplicaría a Israel coma as estrelas do ceo.

24Ioab, fillo de Seruiah comezara a facer o censo, pero non o acabou porque isto trouxo a ira de Iavé sobre Israel, e por iso o número dos que foran contados non está escrito nas crónicas de David.

25Azmáret, fillo de Adieh, tiña ó seu cargo o tesouro do rei; Ionatán, fillo de Uzías, os almacéns do campo, das cidades, e das torres.

26Ezrí, fillo de Quelub, gobernaba os obreiros do campo, que labraban as terras, 27Ximí, de Ramah, estaba á fronte das viñas; Zabdí de Xefam, das adegas; 28Baalhanán de Guéder das provisións de aceite e dos figueiredos da Xefelah. Ioax, dos depósitos de aceite; 29Xitrai, de Xarón, do gando vacún que pacía en Xarón; Xafat, fillo de Adlai, do gando vacún que pacía nos vales. 30Obil, ismaelita, estaba encargado dos camelos e Iehdías de Meronoh dos asnos; 31Iaziz, ahguerita, das ovellas. Todos estes eran intendentes da facenda de David.

32Ionatán, tío de David, home de sentido e de saber, era conselleiro. El e Iehiel, fillo de Iacmoní, era mordomo dos fillos do rei.

33Ahitófel era conselleiro do rei; Huxai, arquita, era amigo do rei. 34Ademáis de Ahitófel, eran conselleiros Iehoiadá, fillo de Benaías, e Abiatar. Ioab era o xefe supremo do exército do rei.

 

Disposicións de David para a edificación do templo 

 

Capítulo 28

 

1David convocou en Xerusalén a todos os xefes de Israel: ós xefes das tribos, ós xefes das divisións ó servizo do rei, ós xefes, xenerais e oficiais, ós intendentes da facenda e do gando do rei, a seus fillos,  ós eunucos, ós heroes e a todos os homes de valer.

2David, poñéndose en pé, dixo: ‑"Oídeme, meus irmáns e pobo meu: eu tiña o propósito de edificar un templo onde repousase a arca da alianza do Señor, unha casa que lle servise de tallo para os pés do noso Deus, e xa fixera preparativos para isto, 3pero Deus díxome: ti non edificarás casa ó meu Nome, porque es home de guerra e derramaches moito sangue.

4O Señor, Deus de Israel, elixiume de toda a casa de meu pai para que fose rei de Israel para sempre. De feito, escolleu a Xudá por caudillo, e da casa de Xudá, á familia de meu pai, e de entre os fillos de meu pai, compraceuse en min para facerme rei de todo Israel.

5De todos os meus fillos, pois deume Iavé moitos, elixiu a Salomón para se sentar no trono do Señor en Israel.

6E díxome: Teu fillo Salomón edificará o meu templo e os meus adros, porque o elixín por fillo e serei para el un pai.

7Eu afirmarei o seu reino para sempre se el se esforza en cumprir os meus mandamentos e os meus estatutos, coma os cumpre hoxe.

8Agora, pois, ante todo Israel, congregación de Iavé, ante o noso Señor, que nos oe, gardade e observade todos os mandamentos do Señor, o noso Deus, para que teñades esta boa terra e a deixedes en herdade ós vosos fillos a perpetuidade.

9E ti, Salomón, meu fillo, coñece ó Deus de teu pai e sírveo con corazón perfecto e ánimo xeneroso; porque o Señor esculca os corazóns de todos e penetra todos os pensamentos. Se ti o buscas, atoparalo, pero se o abandonas, refugarate para sempre.

10Mira que o Señor te elixiu para edificar un templo que sexa o seu santuario. Esfórzate e faino".

11Entregou David ó seu fillo o trazado do pórtico e as súas dependencias e oficinas, das salas, das cámaras e do lugar para o propietario.

12Así mesmo, o trazado de canto el quería facer para os adrais do templo do Señor, para as cámaras de arredor, para os tesouros da casa de Iavé e para as cousas consagradas.

13Así mesmo, no tocante ás clases dos sacerdotes, dos levitas e do exercicio do servizo da casa de Iavé, como tamén de todos os obxectos para ó servizo da casa de Iavé. 14No tocante ó ouro, o peso de ouro para cada un dos obxectos de cada clase de servizo; e tamén a prata, segundo o peso que correspondía a cada un dos obxectos de cada clase de servizo; 15así mesmo, o peso dos candeeiros de ouro e as súas lámpadas de ouro, e para os candeeiros de prata, segundo o peso de cada candeeiro e das súas lámpadas, conforme ó servizo de cada candeeiro; 16o peso de ouro para as ringleiras de pan, para cada mesa, e a prata para as mesas de prata; 17ouro puro para os garfos, os caldeiros e as xerras; e así mesmo, o correspondente para as copas de ouro segundo o peso de cada copa, e para as copas de prata, segundo o peso de cada copa; 18para o altar do incenso, ouro depurado, segundo o peso; así mesmo, o modelo da carruaxe e dos querubíns que estenden as ás e cobren a Arca da alianza de Iavé. 19Todo isto, conforme ó que escribira Iavé da súa man para facer entender todos os detalles do deseño.

20E dixo David ó seu fillo Salomón: ‑"¡Se forte e ten valor! ¡Mans á obra! Non teñas medo, nin esmorezas, porque Iavé Deus, o meu Deus, está ó teu carón. Non te deixará só, nin te abandonará, ata que remates toda a obra para o servizo da casa de Iavé.

21Aí tes as clases dos sacerdotes e dos levitas para todo o servizo da casa de Deus; estarán á túa beira para cada clase de obra. Todos os homes de boa vontade e destros para calquera clase de servizo, e os xefes do pobo enteiro, están ás túas ordes".

 

Donativos para o templo

 

Capítulo 29

 

1Despois dixo David a toda a asemblea: ‑"Só a Salomón, meu fillo, elixiu Deus; é novo e de pouca idade, en alma é grande, porque non se trata de levantar unha casiña, senón un templo para Iavé Deus. 2Eu, con todo o meu esforzo, preparei as cousas para o templo de Deus: ouro para os obxectos de ouro, prata para os de prata, bronce para os de bronce, ferro para os de ferro, madeira para os de madeira, pedras de ónix, pedras de engaste, xemas coloreadas, pedras para os mosaicos, todo tipo de pedras preciosas e alabastro en gran cantidade.

3E ademais coa devoción que sinto polo templo do Señor, gardo no meu tesouro particular ouro e prata, ademais do preparado para a casa do meu Deus: 4tres mil talentos de ouro de Ofir, e sete mil talentos de prata fina para recubrir as paredes da casa. 5Ouro para as cousas de ouro; prata para as cousas de prata, para todas as  obras de ourivería. ¿Quen máis quere facer ofrenda ó Señor?"

6Entón todos os xefes das familias, os príncipes das tribos de Israel, os xefes, os oficiais e os intendentes da facenda real ofreceron voluntariamente as súas ofrendas, 7dando para a obra do templo cinco mil talentos de ouro e dez mil dáricos, dez mil talentos de prata, dezaoito mil talentos de bronce e cen mil talentos de ferro. 8E todos os que tiñan pedras preciosas, déronas para o tesouro do Templo, entregándoas a Iehiel, guerxonita. 9Gozouse o pobo de ter contribuído voluntariamente coas súas ofrendas, porque con enteiro corazón llas facían ó Señor, e o rei David tivo grande alegría disto.

 

Oración de David

 

10David bendiciu ó Señor, con toda a asemblea, dicindo:

‑"Bendito ti, ¡oh Iavé, Deus de Israel!, noso pai de século en século. 11Túa é, Señor, a maxestade, o poder, a gloria e a vitoria; túa a honra, e teu todo canto hai na terra e nos ceos. Teu, ¡oh Iavé!, é o reino; ti levántaste soberanamente sobre todo. 12Túas son as riquezas e a gloria, ti es o dono de todo. Na túa man está a forza e o poderío. É a túa man quen todo o engrandece. 13Por iso, Deus noso, nós confesamos e loamos o teu glorioso nome. 14Porque ¿quen son eu e quen é o meu pobo para que poidamos facer estas ofrendas voluntarias? Todo vén de ti, e o que voluntariamente che ofrecemos de ti recibímolo. 15Somos ante ti estranxeiros e adventicios, coma foron os nosos pais. Son coma a sombra os nosos días sobre a terra, e non dan esperanza. 16¡Oh Señor, noso Deus!, todos estes bens que para edificar o templo ó teu santo nome che ofrecemos, son teus, da túa man recibímolos. 17Eu sei, meu Deus, que ti espreitas o corazón e que amas a rectitude; por iso fíxenche todas as  miñas ofrendas voluntarias na rectitude do meu corazón, e vexo agora con ledicia que todo o teu pobo, que está aquí, che ofrece voluntariamente os seus dons. 18Iavé, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel, de nosos pais, conserva para sempre no corazón do teu pobo esta vontade e estes pensamentos, e encamiña a ti o seu corazón. 19Dá así mesmo ó meu fillo Salomón un corazón perfecto para que garde todos os teus mandamentos, as túas leis e os teus mandatos, e que poña todos por obra, e que che edifique un templo para o que eu fixen preparativos".

20Logo dixo David a toda a asemblea: ‑"Bendicide agora a Iavé, o voso Deus"; e toda a asemblea bendiciu ó Señor, Deus de seus pais, e, prostrándose, oraron ante o Señor perante o rei. 21Sacrificaron vítimas a Iavé, e ó día seguinte ofreceron holocaustos ó Señor: mil xatos, mil carneiros, mil años coas súas libacións e moitos sacrificios por todo Israel; 22comeron e beberon ante Iavé aquel día de gozo. Fixeron por segunda vez a investidura do reino de Salomón, fillo de David, e unxírono rei ante o Señor e Sadoc, o sacerdote. 23Sentouse Salomón como rei no trono de Iavé, no sitio de David, seu pai; e prosperou, obedecéndolle todo Israel. 24Todos os xefes e os valentes e todos os fillos do rei David prestaron homenaxe ó rei Salomón, 25a quen Iavé engrandeceu en extremo ós ollos de todo Israel, dándolle un reinado glorioso, como ningún rei o tivo antes del en Israel.

 

Morte de David

 

26Así reinou David, fillo de Ixaí, sobre todo Israel. 27Reinou corenta anos sobre Israel, sete en Hebrón e trinta e tres en Xerusalén.

28Morreu en boa vellez, colmado de días, de riquezas, de gloria. Sucedeulle Salomón, seu fillo.

29Os feitos do rei David, os primeiros e os derradeiros, están escritos no libro de Samuel, vidente, e nas crónicas de Natán, profeta, e nas de Gad, vidente, 30con todo o seu reinado, as súas fazañas e os sucesos do seu tempo que pasaron en Israel e nos reinos daquelas terras.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com