Capítulos 11-15

David Rei

 

Capítulo 11

 

1Todo Israel congregouse arredor de David en Hebrón, dicindo: ‑"Mira: ti es óso dos nosos ósos e carne da nosa carne. 2Xa antes, aínda reinando Xaúl, eras ti o definitivo xefe de Israel. Iavé, o teu Deus, díxoche: Ti apacentarás o meu pobo de Israel e ti serás o xefe do meu pobo Israel". 3Así todos os anciáns de Israel viñeron ó rei, a Hebrón, e David fixo con eles alianza en Hebrón, diante de Iavé. Unxiron a David por rei de Israel, segundo a palabra de Iavé pronunciada por Samuel.

 

Conquista de Xerusalén

 

4Marchou David con todo Israel contra Xerusalén que se chamaba Iebús. Habitaban alí os iebuseos. 5Os habitantes de Iebús dixeron a David: ‑"Ti non entrarás aquí". Pero David apoderouse da fortaleza, de Sión, que é a cidade de David. 6David dixera: ‑"Quen primeiro mate a un iebuseo será xefe e príncipe". Ioab, fillo de Seruiah, foi o primeiro en subir, e foi feito xefe. 7David estableceuse na fortaleza, que por isto se chamou a cidade de David. 8Edificou a cidade no seu arredor, desde o Miló, mentres Ioab reconstruíu o resto da cidade. 9David veu ser cada día máis grande e Iavé Sebaot estaba con el.

10Velaquí os primeiros dos valentes que seguiron a David e o axudaron con todo Israel a asegurar o seu dominio e facer o rei de Israel segundo a palabra de Iavé. 11Velaquí os nomes dos valentes que seguiron a David: Iaxobam, fillo de Hacmoní, primeiro da terna, que brandiu a súa lanza contra trescentos homes que derrotou dunha vez.

12Despois del, Elazar, fillo de Dodó, ahohita, outro dos tres. 13Estaba este con David en Pas-Damim, onde os filisteos se reuniran para a loita; había alí unha leira de cebada, e, fuxindo o pobo xa ante os filisteos, 14púxose no medio da leira e defendeuna e derrotou ós filisteos. Iavé outorgou así unha gran vitoria.

15Tres dos trinta baixaron onde estaba David á rocha da caverna de Adulam, cando estaban acampados os filisteos no val de Refaím. 16David estaba no refuxio, e os filisteos tiñan unha gornición en Belén. 17Deu David en dicir: ‑"¡Quen puidese beber auga do depósito que está ás portas de Belén!". 18E entón os tres atravesaron o campamento dos filisteos, colleron auga do depósito que está ás portas de Belén, e, levándoa, presentáronlla a David. Pero David negouse a bebela e derramouna en libación ante Iavé, 19dicindo: ‑"¡Líbreme Deus de facer tal cousa! Sería como beber o sangue destes homes que con risco da súa vida foron alá" (porque era certamente con risco das súas vidas como a trouxeran). E non quixo bebela. Isto fixeron os tres valentes.

20Abixaí, irmán de Ioab, era xefe dos trinta. Brandiu a súa lanza contra trescentos, que matou, e tivo sona entre os trinta, 21e era o máis considerado entre eles, chegando a ser xefe deles, pero non chegou a igualar ós tres.

22Despois viña Benaías, fillo de Iehoiadá, home de moito valor e coñecido polas súas fazañas. Era oriúndo de Cabsel. Matou a dous valentes de Moab, e un día de neve baixando a unha cisterna, matou un león. 23Matou tamén a un exipcio que tiña cinco cóbados de alto e unha lanza coma unha agulla de tecedeira. Baixou contra el cun pau e arrincoulle a lanza da man, matándoo con ela. 24Isto fixo Benaías, fillo de Iehoiadá, que tivo gran sona entre os trinta. 25Foi moi considerado entre eles, pero non chegaba ós tres primeiros. David púxoo á fronte da súa garda.

26Os valentes do exército eran: Asael, irmán de Ioab, Elhanán, fillo de Dodó, de Belén; 27Xamot, o arorita, e Heles, o pelonita; 28Irá, fillo de Iquex, o tecoíta; Abiézer, de Anatot; 29Sibcai, de Huxah, Ilai, ahohita; 30Mahrai, de Netofah; Héled, fillo de Banah, de Netofah. 31Itai, fillo de Ribai, de Guibah, dos fillos de Benxamín; Benaías, de Piratón; 32Hurai, dos vales de Gáax; Abiel, da Arabah; 33Azmávet, de Bahurim; Eliahbá, Xalbonita; 34Iaxén, gunita; Ionatán, fillo de Xagueh, de Harar; 35Ahiam, fillo de Sacar, de Harar; Elifal, fillo de Ur; 36Héfer, de Mequerah; Ahías, de Pelón; 37Hesró, do Carmel; Narai fillo de Ezbai 38Ioel irmán de Natán; Mibhar, fillo de Hagri; 39Sélec, amonita; Nahrai de Berot, escudeiro de Ioab, fillo de Seruiah; 40Irá, de Iatir; Gareb, de Iatir; 41Urías, o hitita; Zabad, fillo de Ahlai; 42Adiná, fillo de Xizá, rubenita, xefe dos rubenitas, e con el trinta máis; 43Hanán, fillo de Macah; Ioxafat, o mitnita; 44Uzías, de Axtarot; Xamá e Ieuel fillos de Hotam, de Aroer; 45Iediel, fillo de Ximrí; Iohá, seu irmán, tisita; 46Eliel, mahavita; Ieribai e Ioxavías, fillos de Elnáham; Itmah, moabita; 47Eliel, Obed e Iasiel, de Sobah.

 

Guerreiros que se uniron a David xa en tempos de Xaúl

 

Capítulo 12

 

1Estes son os que viñeron a unirse a David en Siquelag, cando estaba lonxe de Xaúl fillo de Quix. Eran algúns dos soldados que lle prestaron axuda durante a guerra. 2Eran arqueiros e tiraban pedras o mesmo coa man dereita que coa esquerda e tiraban frechas co arco. Eran todos de Benxamín, do clan dos irmáns de Xaúl. 3Os xefes eran Ahiézer e Ioax, fillos de Xemaah, de Guibah; Ieziel e Pélet, fillos de Azmávet; Beracah e Iehú, de Anatot; 4Ixmaías, de Gabaón, soldado entre os trinta e xefe dos trinta; 5Xeremías, Iahziel, Iohanán, Iozabad, de Guederah; 6Eluzai; Ierimot, Balías, Xemarías, e Xefatías, de Harif; 7Elcanah, Isaías, Azarel, Ioézer e Iaxobam, descendentes de Coré; 8Ioelah e Zebadías, fillos de Ieroham, de Guedor.

9Tamén de entre os gaditas foron unirse a David, no refuxio do deserto, soldados entendidos na guerra, armados de escudo e lanza, semellantes a leóns e lixeiros coma cabras do monte.

10Ézer era o xefe; Abdías, o segundo; Eliab, o terceiro; 11Mixmanah, o cuarto; Xeremías, o quinto; 12Ataí, o sexto; Eliel, o sétimo; 13Iohanán o oitavo; Elzabad, o noveno; 14Xeremías, o décimo; Macbanai, o undécimo. 15Eran fillos de Gad, xefes do exército. Un só, o menor de todos, valía por cen; o máis vello, por mil. 16Estes foron os que pasaron o Xordán no primeiro mes, cando desbordaba por todas as  súas beiras, e puxeron en fuga a todos os habitantes dos vales, a oriente e occidente.

17Houbo tamén entre os fillos de Benxamín e de Xudá quen se uniu a David no refuxio. 18David saíulles ó encontro e díxolles: ‑"Se vindes a min con boas intencións, para axudarme, o meu corazón farase a vós, pero se é para enganarme en proveito dos meus inimigos, estando as miñas mans limpas de iniquidade, véxao o Deus de nosos pais, e que el xulgue". 19Entón revestiuse do espírito Amasai, que era o xefe dos trinta, e exclamou: ‑"Paz a ti e ó pobo, fillo de Ixaí. Paz a ti e a cantos te axudan, pois o teu Deus está da túa parte".

David recibiunos e fíxoos xefes das tropas.

20Tamén dos fillos de Menaxés, viñeron algúns xuntarse con David cando foi cos filisteos á batalla contra Xaúl, aínda que non combateu, porque os príncipes dos filisteos, celebrando o consello, despedírono dicindo: ‑"Pasaríase a Xaúl, con perigo das nosas cabezas". 21Cando marchou de Siquelag, estes foron os que se lle uniron de Menaxés: Adnah, Iozabad, Iediel, Micael, Iozabad, Elihú e Siltai, xefes de millares de Menaxés. 22Axudaron a David contra as bandas de ladróns, pois eran todos homes valerosos e viñeron ser xefes do exército. 23Día a día chegaban xentes a unirse a David, ata que deu en ter un gran exército, coma un exército de Deus.

 

Guerreiros que viñeron a Hebrón para facer rei a David

 

24Velaquí o número de homes de guerra que armados viñeron a David, a Hebrón, para transferirlle o reino de Xaúl, segundo o mandato de Iavé:

25Dos fillos de Xudá armados de escudo e lanza, seis mil oitocentos homes de guerra. 26Dos fillos de Simeón, homes valorosos para a guerra, sete mil cen. 27Dos fillos de Leví, catro mil seiscentos; 28e Iehoiadá, príncipe de Aharón, e con el tres mil setecentos; 29e Sadoc, mozo e valoroso, con vinte e dous dos príncipes da casa de seu pai. 30Dos fillos de Benxamín, e irmáns de Xaúl, tres mil, pois ata entón a maior parte deles permaneceran fieis á casa de Xaúl. 31Dos fillos de Efraím, vinte mil oitocentos homes con sona de valentes, segundo as casas de seus pais. 32Da media tribo de Menaxés, dezaoito mil, designados nominalmente para iren proclamar rei a David. 33Dos fillos de Isacar, expertos en coñecer o que se tiña que facer en Israel, douscentos de entre os seus xefes, con todos os seus irmáns baixo as súas ordes. 34De Zebulón, cincuenta mil, en idade de tomar as armas, provistos de armas de todo xeito para o combate, dispostos a facer batalla con ánimo resolto. 35De Naftalí, mil xefes, e con eles trinta e sete mil soldados, que levaban escudo e lanza. 36De Dan, armados para a guerra, vinte e oito mil seiscentos. 37De Axer, homes de guerra prontos para o combate, corenta mil. 38E da outra beira do Xordán, dos rubenitas, dos gaditas e da media tribo de Menaxés, cento vinte mil con armas de todas as  clases.

39Todos estes homes, xente de guerra, dispostos para o combate, chegaron a Hebrón con leal corazón para faceren a David rei de todo Israel, e todo o resto de Israel estaba igualmente de acordo en querer a David por rei. 40Estiveron alí tres días con David, comendo e bebendo, pois os seus irmáns subministráronlles as provisións, 41e aínda os de Isacar, Zebulón e Naftalí, traían fariña, figos secos, viño e aceite en burros, camelos e bois, tamén vacas e ovellas de abondo.

 

Traslado da arca

 

Capítulo 13

 

1David celebrou consello cos xefes de millares e de centos, e con todos os príncipes.

2Despois dixo a toda a comunidade de Israel: ‑"Se vos parece ben, e Iavé, o noso Deus, o aproba, imos mandar unha mensaxe a todos os nosos irmáns espallados por todo Israel, ós sacerdotes e ós levitas que habitan nas cidades e aldeas, para que veñan xuntarse connosco.

3Logo traeremos a arca do noso Deus, da que non nos preocupamos nos tempos de Xaúl".

4Entón toda a asemblea resolveu facelo así, pois a cousa pareceu conveniente a todo o pobo.

5Reuniu, pois, David a todo Israel, desde o torrente de Exipto ata a entrada de Hamat, para traeren a arca de Deus de Quiriat-Iearim. 6Subiu David, con todo Israel cara a Baalah ou Quiriat-Iearim, que está en Xudá, para trasladar a arca de Deus, Iavé, que se senta entre os querubíns, na que se invoca o seu nome.

7Puxeron a arca de Deus sobre un carro novo e levárona da casa de Abinadab. Conducían o carro Uzá e Ahió.

8David e todo Israel danzaban diante de Deus con todas as  súas forzas e cantaban e tocaban arpas, salterios e pandeiros, címbalos e trompetas.

9Cando chegaron á eira de Quidón, Uzá tendeu a man para agarrar a arca pois envorcábana os bois. 10A ira de Iavé acendeuse contra Uzá, por estender a man sobre a arca, e Uzá morreu alí, diante de Iavé.

11David irritouse porque Iavé acabou con Uzá, polo que aquel lugar se chama ata hoxe Peres-Uzá.

12David, entón, empezou a sentir temor de Deus, dicindo: ‑"¿Como vou traer á miña casa a arca de Deus?".

13E non levou consigo a arca de Deus á cidade de David, senón que a mandou levar á casa de Obededom, o de Gat.

14A arca de Deus estivo tres meses na casa de Obededom, polo que Iavé bendiciu a casa de Obededom e todo canto tiña.

 

Triunfo de David sobre os filisteos

 

Capítulo 14

 

1Hiram, rei de Tiro, mandou embaixadores a David e proporcionoulle madeira de cedro, canteiros e carpinteiros para que lle edificasen un pazo.

2Coñeceu David que Iavé afirmaba o seu dominio sobre Israel e que exaltaba o seu reino por amor a Israel, o seu pobo.

3David tomou, entón, mulleres en Xerusalén, e tivo fillos e fillas.

4O nome dos que lle naceron en Xerusalén son: Xamúa, Xobab, Natán, Salomón, 5Ibhar, Elixúa, Elpálet, 6Nógah, Néfeg, Iafía, 7Elixamá, Beliadá e Elifálet.

8Cando os filisteos souberon que David fora unxido rei de todo Israel, subiron todos na súa busca, e David, que o soubo, saíulles ó camiño.

9Chegaron os filisteos e espalláronse polo val de Refaím.

10David consultou a Deus: ‑"¿Subirei contra os filisteos? ¿Entregaralos nas miñas mans?". Iavé díxolle: ‑"Sube e poreinos nas túas mans".

11Subiron eles a Baal-Perasim, onde David os derrotou. Logo dixo: ‑"Deus dispersou pola miña man os meus inimigos, coma derrame das augas que escorren". Por iso déronlle a aquel lugar o nome de Baal-Perasim.

12Os filisteos deixaron ciscados os seus deuses, que foron queimados por orde de David.

13Os filisteos invadiron de novo o val, 14David consultou de novo a Deus, quen lle dixo: ‑"Non subas contra eles: rodéaos e bótate sobre eles desde a banda das moreiras.

15Cando polo cume das moreiras escoites un estrondo, ataca axiña, que Deus irá diante de ti para derrotar o campo dos filisteos".

16Fixo David como Deus lle mandara, e derrotou os filisteos desde Gabaón ata Guézer.

17A sona de David estendíase por todas aquelas terras e puxo Iavé sobre todas as  xentes o temor a David.

 

A arca levada a Xerusalén

 

Capítulo 15

 

1David levantou un pazo na Cidade de David e preparou un lugar para a arca de Deus, alzando para ela unha tenda.

2Entón ordenou: ‑"A arca de Deus non debe ser transportada senón polos levitas, porque son os que Iavé escolleu para trasladala e para facer o seu servizo para sempre endexamais".

3Reuniu David a todo Israel en Xerusalén para subir a arca de Iavé ó lugar que lle tiña disposto.

4Tamén reuniu ós fillos de Aharón e ós levitas.

5Dos fillos de Quehat ó xefe Uriel e mais cento vinte da súa familia.

6Dos fillos de Merarí, ó xefe Asaías e mais douscentos vinte da súa familia.

7Dos fillos de Guerxom, ó xefe Ioel e mais cento trinta da súa familia.

8Dos fillos de Elisafán, ó xefe Semaías e mais douscentos da súa familia.

9Dos fillos de Hebrón, ó xefe Eliel e oitenta da súa familia.

10Dos fillos de Uziel, ó xefe Aminadab e cento doce da súa familia.

11David chamou ós sacerdotes Sadoc e Abiatar e ós levitas Uriel, Asaías, Ioel, Semaías, Eliel e Aminadab 12e díxolles: ‑"Vós sodes os xefes da familia dos levitas; santificádevos vós e vosos irmáns para subir a arca de Iavé, o Deus de Israel, ó lugar que eu teño preparado.

13Por non estardes vós alí a primeira vez, Iavé, noso Deus, castigounos, porque non o fomos buscar como é debido".

14Santificáronse os sacerdotes e os levitas para subir a arca de Iavé, Deus de Israel.

15Os fillos dos levitas levaban a arca de Deus ás costas por medio de varais, como ordenara Moisés, segundo o disposto por Iavé.

16David mandou ós xefes dos levitas que dispuxesen os seus irmáns cantores, que fixesen resoar os instrumentos musicais; arpas, cítolas e pandeiros en sinal de ledicia; 17e os levitas designaron a Hemán, fillo de Ioel; e, de entre os seus irmáns, a Asaf, fillo de Berequías; e, de entre os fillos de Merarí, de entre os seus irmáns, a Etán, fillo de Cuxaías.

18Con eles tamén, os seus irmáns de segunda orde: Zacarías, Iaziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Benaías, Maseías, Matitías, Eliflehu, Micneías, Obededom e Ieiel, porteiros.

19Os cantores, Hemán, Asaf e Etán levaban e facían resoar címbalos de bronce; 20Zacarías, Uziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Maseías e Benaías, tiñan harpas afinadas para voces virxes; 21Matitías, Eliflehu, Micreías, Obededom, Iehiel e Azarías, tiñan cítolas acordadas na oitava, para dirixir o canto; 22Quenanías, xefe dos levitas, dirixía o canto, pois era moi entendido nel, 23Berequías e Elcanah eran os porteiros da arca; 24Xebanías, Ioxafat, Natanael, Amasai, Zacarías, Benaías e Eliézer, sacerdotes, tocaban as trompetas diante da arca de Deus. Obededom e Iehías eran tamén porteiros da arca.

25David, os anciáns e os xefes de millares, foron traer a arca da alianza de Iavé desde a casa de Obededom, con gran ledicia.

26E por axudar Deus ós levitas que levaban a arca da alianza de Iavé, sacrificáronse sete xatos e sete carneiros.

27David ía vestido dun manto de liño fino, e o mesmo os levitas que levaban a arca, os cantores e Quenanías, director dos cantos. David tamén levaba por riba da túnica un efod  de liño.

28Desta maneira levou todo Israel a arca da alianza de Iavé entre aturuxos ó son das bucinas, das trompetas, dos pandeiros, das arpas e das cítolas.

29Cando a arca da alianza de Iavé chegou á cidade de David, Micol, filla de Xaúl, que ollaba desde unha ventá, viu ó rei David cantando e bailando diante da arca e menosprezouno no seu corazón.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com