Capítulos 16-20

A arca é posta na Tenda

 

Capítulo 16

 

1Traída a arca de Deus, puxérona no medio da tenda que David levantara para ela, e ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón ante Deus.

2Cando David acabou cos holocaustos e sacrificios de comuñón bendiciu ó pobo no nome de Iavé, 3e distribuíu a todo Israel, homes e mulleres, un molete de pan, unha tallada de carne e unha bica de uvas pasas.

4Puxo levitas ó servizo da arca de Iavé para invocar, loar e enxalzar a Iavé, Deus de Israel:

5Asaf, o xefe, Zacarías, o segundo; logo Uziel, Xemiramot, Iehiel, Matitías, Eliab, Benaías, Obededom e Ieiel, con harpas e cítolas. Asaf facía soar os pratos.

6Os sacerdotes Benaías e Iahziel tocaban continuamente as trompetas perante a arca da alianza de Iavé.

7Aquel día, David, encargou por primeira vez a Asaf e a seus irmáns, para cantar as loanzas de Iavé, este canto:

8‑"¡Loade a Iavé, invocade o seu nome!

¡Pregoade ós pobos as súas fazañas!

9¡Cantádelle, cantade salmos na súa honra!

¡Dade a coñecer todos os seus portentos!

10¡Gloriádevos no seu santo nome!

¡Alégrese o corazón dos que procuran a Iavé!

11¡Acudide a Iavé e á súa forza,

buscade sempre o seu rostro!

12¡Lembrádevos das marabillas que fixo,

dos seus prodixios, dos xuízos da súa boca!

13¡Descendentes de Israel, o seu servo,

fillos de Xacob, o seu elixido!

14Iavé é o noso Deus,

El goberna a terra toda.

15Lémbrase sempre da súa alianza,

das promesas por mil xeracións;

16da alianza que fixo con Abraham,

do xuramento feito a Isaac,

17do que fielmente estableceu con Xacob,

e con Israel como pacto eterno,

18dicindo: dareiche a terra de Canaán

que será porción da vosa herdade.

19Daquela eran pouco numerosos,

pouco numerosos e estranxeiros no país.

20Cando ían vagabundos de nación en nación,

de reino en reino,

21non consentiu que ninguén os asoballase,

e por causa deles castigou ós reis:

22Non toquedes os meus unxidos,

non fagades mal ós meus profetas.

23¡Cantade a Iavé, homes de toda a terra,

pregoade, un día e outro, a súa salvación!

24¡Pregoade a súa gloria entre as xentes,

os seus prodixios a todos os pobos!

25Porque Iavé é grande, digno de toda loanza,

temible sobre todos os deuses.

26Porque os deuses dos pobos son ídolos,

pero Iavé é o facedor dos ceos.

27Maxestade e magnificencia sexan perante El,

fortaleza e beleza na súa morada.

28¡Familias dos pobos, aclamade a Iavé,

dade a Iavé honra e gloria!

29¡Dade gloria ó nome de Iavé!

¡Traede ofrendas, vinde visitalo,

adorádeo no adro sagrado!

30Trema a terra na súa presenza.

El afianzou o orbe, e non se moverá.

31Alédese o ceo e exulte a terra,

pregóese entre as xentes: "¡Iavé reina!".

32Brúe o mar e canto o enche,

salte de xúbilo o agro e canto hai nel.

33Salten as árbores das selvas diante de Iavé,

pois vén rexer a terra.

34Dade grazas a Iavé porque é bo,

porque é eterna a súa misericordia.

35Dicide: sálvanos, ¡oh Deus!, saúde nosa,

xúntanos e líbranos das xentes, para que confesemos o teu nome

e poñamos a nosa gloria en loarte

36¡Bendito sexa Iavé, Deus de Israel,

por toda a eternidade!".

E todo o pobo respondeu: ‑"¡Amén! ¡Aleluia!"

37David deixou alí, diante da arca da alianza de Iavé, a Asaf e os irmáns, para que constantemente servisen diante da arca cada cousa ó seu tempo.

38A Obededom fillo de Ieditún e os seus irmáns, en número de sesenta e oito, nomeounos porteiros.

39Asimesmo a Sadoc e ós seus irmáns, sacerdotes, encargounos do santuario de Iavé que está na altura de Gabaón, 40para que alí ofrecesen a Iavé continuamente, mañá e tarde, holocaustos, e cumprisen todo canto está escrito na Lei dada por Iavé a Israel.

41Con eles estaban Hemán e Ieditún e os restantes escollidos e nominalmente asignados para louvar a Iavé: ‑"Porque é eterna a súa misericordia".

42Hemán e Ieditún facían soar trompetas, pratos e outros instrumentos músicos, cos que acompañaban os cantos en honra de Deus.

Os fillos de Ieditún eran porteiros.

43Todo o pobo foise logo, cada un á súa casa, e David volveuse a bendicir a súa.

 

Profecía de Natán

 

Capítulo 17

 

1Cando David moraba xa no seu pazo, díxolle ó profeta Natán: ‑"Eu estou habitando unha casa de cedro, mentres a arca da alianza do Señor está baixo unha tenda".

2Natán respondeu a David: ‑"Fai o que tes no corazón, pois o Señor está contigo".

3Pero aquela mesma noite o Señor reveloulle a Natán:

4‑"Dille a David, o meu servo: así fala o  Señor: non serás ti quen me edifique unha casa na que habitar.

5Nunca, desde que deixei Exipto ata hoxe, habitei en casa, senón que andei dunha parte a outra, nunha tenda.

6Por onde queira que camiñei con Israel, ¿encargueille seica a algún xuíz de Israel, ós que mandei para apacentar o meu pobo, que me fixesen unha casa de cedro?

7Dille, pois, agora ó meu servo David: Así fala Iavé Sebaot: eu tomeite dos pasteiros, de detrás do gando, para que foses xefe do meu pobo de Israel; 8estiven contigo por onde queira que ti andaches; exterminei perante ti a todos os teus inimigos e fixen o teu nome semellante ó dos grandes da terra; 9deille un lugar onde morar ó meu pobo Israel, e planteino para que acougue sen atrancos, e que os fillos da iniquidade non o desfagan coma noutrora, 10cando establecín xuíces sobre o meu pobo Israel. Abaixei a todos os teus inimigos. Ademais fágoche saber que o Señor che fundará unha dinastía.

11Cando os teus días sexan cumpridos e vaias xuntarte con teus pais, eu alzarei a un da túa descendencia, a un dos teus fillos, e afirmarei o seu reino.

12Será el quen me edificará unha casa e eu afirmarei para sempre o seu trono.

13Eu serei para el un pai, e el será para min un fillo; e non apartarei del a miña graza, como a apartei do teu predecesor.

14Establecereino para sempre na miña casa e no meu reino, e o seu trono estará firme por toda a eternidade".

15Natán transmitiu a David todas estas verbas e toda a revelación.

16O rei David presentouse diante do Señor e dixo: ‑"¿Quen son eu, Iavé Deus, e qué é a miña casa, para que me trouxeses onde estou?

17Pero isto aínda é pouco ós teus ollos, Señor, e falas da casa do teu servo para tempo remoto mentres haxa homes, ¡oh Iavé, Deus!

18¿Que máis pode engadir David da gloria que concedes ó teu servo, ti que o coñeces, oh Iavé?

19Ouh Iavé: por amor do teu servo e segundo o teu corazón fixeches todas esas grandezas, para nos dar a coñecer todas esas marabillas.

20¡Señor! Non hai outro semellante a ti, non hai ningún Deus fóra de ti, como oímos cos nosos oídos.

21¿Hai sobre a terra unha soa nación que sexa coma o teu pobo Israel, o que Deus veu rescatar para facelo seu, con tantos milagres e prodixios, e desbotando as nacións diante del, como fixeches con Israel, ó que liberaches da servidume de Exipto?

22Ti fixeches do teu pobo Israel, o teu pobo para sempre, e ti, ¡oh Iavé!, ti es o seu Deus.

23Agora, pois, Señor, confírmese para sempre a palabra que dixeches ó teu servo e á súa casa: cúmprea.

24Que perdure para que o teu nome sexa sempre glorificado e digan todos: Iavé Sebaot é en verdade un Deus para Israel. E que a casa de David, o teu servo, se afirme ante ti, 25pois ti mesmo, meu Deus, revelaches ó teu servo que lle edificarás unha dinastía. Por iso o teu servo ousou pregarche deste xeito.

26Agora, pois, Señor: ti que es Deus e prometiches ó teu servo este ben, 27bendí a casa do teu servo, para que sempre subsista diante de ti, porque ti, ¡ai!, a bendís e para sempre está bendita".

 

Triunfos guerreiros de David

 

Capítulo 18

 

1Despois disto, venceu David ós filisteos e humillounos, arrebatándolles das mans Gat e as cidades da súa dependencia.

2Venceu tamén ós moabitas, que acabaron suxeitos a David, pagándolle un tributo.

3Venceu tamén David a Hadadézer, rei de Sobah, no país de Hamat, cando este ía xa asentar o seu dominio sobre o Éufrates.

4Tomoulle David mil carros, sete mil cabaleiros e vinte mil soldados de a pé; tronzoulle todos os cabalos de tiro, non conservando máis ca uns cen para si.

5Viñeron os sirios de Damasco en socorro de Hadadézer, rei de Sobah e Damasco, e David derrotou a vinte mil sirios, 6puxo tropas propias en Damasco, para que os sirios ficasen suxeitos a David, pagándolle tributos. Iavé protexía a David por onde queira que ía.

7Tomou David os escudos de ouro que pertencían ós soldados de Hadadézer e levounos a Xerusalén.

8Tamén se apoderou dunha gran cantidade de bronce en Tibhat e Cun, cidades de Hadadézer. Con el fixo máis tarde Salomón o Mar de Bronce, as columnas e os utensilios de bronce.

9Soubo Tou, rei de Habat, que David derrotara o exército de Hadadézer, rei de Sobah.

10Entón mandoulle o seu fillo Doram a saudar e felicitar o rei David por atacar e vencer a Hadadézer, pois Tou estaba en loita con Hadadézer.

11Mandoulle tamén toda sorte de copas de ouro, prata e bronce, que o rei David consagrou a Iavé, xunto co ouro e a prata que tomara a todas as  nacións: a Edom, a Moab, ós amonitas, ós filisteos e a Amalec.

12Abixaí, fillo de Seruiah, venceu a dezaoito mil edomitas no val do Sal, 13puxo tropas en Edom para que Edom ficase suxeito a David. Iavé protexía a David por onde queira que fose.

14David reinou sobre Israel todo, facendo dereito e xustiza a todo o pobo.

15Ioab, fillo de Seruiah, era xefe do exército; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o cronista, 16Sadoc, fillo de Ahitub, e Abimélec, fillo de Abiatar, eran sumos sacerdotes; Seraías era secretario; 17Benaías, fillo de Iehoiadá, era xefe dos cereteos e peleteos; e os fillos de David eran os primeiros ó lado do rei.

 

Victoria sobre os amonitas

 

Capítulo 19

 

1Despois disto morreu Nahax, rei dos fillos de Amón, e sucedeulle no trono o seu fillo.

2David dixo: ‑"Amostrareille a miña bondade a Hanún, fillo de Nahax, pois seu pai mostrouse benévolo comigo". E envioulle unha embaixada para consolalo pola morte de seu pai. Pero cando os enviados de David chegaron á terra dos fillos de Amón e se presentaron a Hanún para consolalo, 3os xefes dos fillos de Amón dixeron a Hanún: ‑"¿Coidas que David che dá o pésame para honrar a memoria de teu pai? ¿Non será máis ben que viñeron para recoñecer a cidade e explorar a terra para preparar a desfeita do país?"

4Entón, Hanún, apresando os servos de David, rapounos e cortoulles os vestidos polo medio ata as nádegas, e logo despachounos.

5Fóronse eles, e David, que soubo o que lles sucedera ós seus homes, mandou xentes que lles saísen ó camiño, pois se atopaban en gran confusión. Dixéronlles: ‑"Ficade en Xericó ata que vos medre a barba, e logo volvede".

6Os fillos de Amón viron que se fixeran odiosos a David, e Hanún e os fillos de Amón mandaron mil talentos de prata para contratar os carros e os cabaleiros de Mesopotamia, de Macah e de Sobah.

7Tomaron a soldo trinta e dous mil carros e ó rei de Macah e ó seu pobo, que viñeron acampar diante de Medebá.

8O recibir David estas novas, mandou contra eles a Ioab e a todo o exército, todos eles homes valentes.

9Os fillos de Amón saíron e ordenáronse en batalla á entrada da cidade; os reis que viñeron para axudalos tomaron posición á parte no campo.

10Ioab, vendo que tiña contra quen combater de fronte e polas costas, escolleu entre os máis valentes do exército de Israel un corpo para marchar contra os sirios, 11e o resto do exército púxoo ás ordes de seu irmán Abixaí para facer fronte ós fillos de Amón, 12dicíndolle: ‑"Se os sirios son máis fortes ca min, acudirasme ti; se os fillos de Amón son máis fortes ca ti, irei eu na túa axuda. 13Esfórzate e loitemos polo noso pobo e polas cidades do noso Deus, e faga Iavé o que mellor lle pareza".

14Avanzou Ioab cos seus para atacaren ós sirios, que fuxiron ante el, 15e os fillos de Amón, cando viron que os sirios fuxiran, puxéronse tamén en fuga diante de Abixaí, irmán de Ioab, e encerráronse na cidade. Ioab volveu a Xerusalén.

16Vendo os sirios que foran derrotados por Israel, mandaron buscar os sirios do outro lado do Éufrates, que viñeron ó mando de Xofac, xefe do exército de Hadadézer. 17Sóuboo David e reuniu a todo Israel, e, pasando o Xordán, marchou contra eles, alcanzounos e preparouse a atacalos. 18Os sirios, despois de se bateren con el, fuxiron diante de Israel, e David matoulles sete mil homes de carros e corenta mil soldados de a pé. Matou tamén a Xofac, xefe do exército. 19Os homes de Hadadézer, véndose derrotados por Israel, fixeron as paces con David e sometéronselle. Non volveron máis os sirios a socorrer ós fillos de Amón.

 

Ioab toma Rabah

 

Capítulo 20

 

1O cabo dun ano, polo tempo no que os reis acostuman saír á guerra, Ioab, ó mando dun gran exército, arrasou o país dos amonitas e cercou Rabah. Mentres David seguía en Xerusalén, Ioab conquistaba e arrasaba Rabah.

2David quitou a coroa da cabeza de Milcom. Pesaba un talento de ouro e tiña unha pedra preciosa que pasou á coroa de David. Saqueou a cidade e levou dela un gran botín.

3Tamén sacou dela os habitantes e púxoos a serrar e a traballar coas grades e as fouces. O mesmo fixo con todas as  cidades dos fillos de Amón. Volveu logo David con todo o pobo a Xerusalén.

4Despois disto tivo unha batalla en Guézer contra os filisteos. Foi entón cando Sibcai, husita, matou a Sipai, un dos descendentes de Rafá. Os filisteos quedaron sometidos.

5Tamén houbo outra batalla cos filisteos, na que Elhanán, fillo de Iair, matou a un irmán de Goliat, Lahmí, de Gat, que levaba unha lanza coa punta coma unha agulla de tecedeira.

6Houbo unha batalla máis en Gat, na que se atopou un xigante con seis dedos en cada man e cada pé, vinte e catro en total, e que procedía tamén da raza dos de Rafá.

7Retou a Israel, e Ionatán, fillo de Ximí, irmán de David, matouno.

8Estes homes eran fillos de Rafá, de Gat, e pereceron a mans de David e dos seus servos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com