Capítulos 6-11

 

CAPÍTULO 6

 

Multiplicación do pan e dos peixes: 6, 1-15

 

1Despois disto foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). 2Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. 3Subiu Xesús ó monte e sentou alí cos seus discípulos. 4Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. 5Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:

‑¿Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? 6(Isto dicíao para tentalo, que el ben sabía xa o que ía facer).

7Respondeulle Filipe:

‑Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

8Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:

9‑Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, ¿que é iso para tantos?

10Xesús ordenou:

‑Facede sentar a xente.

Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. 11Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu ós sentados canto quixeron e o mesmo os peixes. 12Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos:

‑Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.

13Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran ós que comeron. 14O veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ó mundo".

15Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse só outra vez ó monte.

 

Xesús camiña sobre o mar: 6, 16-21

 

16Como xa caera a tarde, baixaron os seus discípulos ó mar, 17e, montando nun bote, dirixíanse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. 18O mar empezouse a picar, porque ventaba rexo. 19Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ó bote, empezaron a coller medo. 20Pero el díxolles:

‑Son eu, non teñades medo.

21Entón queríano facer subir ó bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.

 

O discurso do "pan da vida": 6, 22-71

 

22O outro día, a xente que quedara na outra banda do mar, decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sós. 23Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. 24Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. 25Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:

‑Rabbí, ¿cando chegaches aquí?

26Xesús contestoulles:

‑Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. 27Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.

28Eles preguntáronlle:

‑¿Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

29Respondeu Xesús:

‑Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

30Replicáronlle:

‑¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? 31Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

32Entón díxolles Xesús:

‑Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: 33pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.

34Dixéronlle entón:

‑Señor, dános sempre dese pan.

35Xesús respondeulles:

‑Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede. 36Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. 37Todos os que o Pai me entregou, virán onda min; e a quen vén onda min, non o botarei fóra. 38Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. 39Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. 40Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve ó Fillo e cre nel, teña vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día.

41Entón os xudeus comezaron a murmurar del, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", 42e dicían:

‑¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecemos o pai e mais a nai? ¿Como di, logo "Eu baixei do ceo"?

43Xesús respondeulles:

‑Non esteades aí a murmurar. 44Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. 45Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. 46Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. 47Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.

48Eu son o pan da vida. 49Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. 50Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. 51Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.

52Discutían entón entre eles os xudeus:

‑¿Como pode este darnos a comer a súa carne?

53Díxolles entón Xesús:

‑Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. 54Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 55Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. 57Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. 58Este é o pan que baixou do ceo; non coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.

59Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm. 60Cando tal oíron, moitos dos seus discípulos dixeron:

‑¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?

61Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:

‑¿Escandalízavos iso? 62¿E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? 63O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. 64E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. 65E proseguiu:

‑Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

66Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. 67Preguntoulles entón Xesús ós Doce:

‑¿Vós tamén vos queredes ir?

68Respondeulle Simón Pedro:

‑Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, 69e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.

70Xesús dixo aínda:

‑¿Non vos escollín eu os Doce? E mais un de vós é un Satán.

71(Falaba de Xudas, o de Simón o Iscariote, pois este, sendo como era un dos Doce, habíao de entregar).

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Incredulidade dos parentes de Xesús: 7, 1-9

 

1E despois disto, andaba Xesús pola Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar.

2Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada "das Tendas".

3Dixéronlle entón seus irmáns:

‑Sae de aquí e vai para Xudea, para que tamén os teus discípulos vexan as obras que fas; 4porque quen quere ser famoso non actúa ás agachadas. Se fas esas cousas, móstrate ó mundo. 5(Era visto que nin seus irmáns crían nel).

6Xesús contestoulles:

‑O meu tempo aínda non chegou, pero o voso sempre está á man. 7Non pode o mundo aborrecervos a vós; pero a min aborréceme, porque eu testemuño contra el que as súas obras son ruíns. 8Subide vós á festa: eu non subo, que aínda non chegou o meu tempo.

9Despois desta conversa quedou na Galilea. 10Pero cando seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto.

 

Xesús na Festa das Tendas: 7, 10-52

 

11Entón os xudeus buscábano na festa, e dicían:

‑¿Onde está ese? 12E polo baixo a xente falaba moito del. Uns dicían: "é un bo home"; outros, ó revés: "nada, nada: é un enredante". 13Mais ninguén falaba del en público, por medo ós xudeus.

14A iso da metade da festa, subiu Xesús ó templo e púxose a ensinar.

15Admirábanse entón os xudeus, dicindo:

‑¿Como é que este sabe todo o que sabe sen estudalo?

16‑Respondeulles Xesús:

‑A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou.

17Se alguén quere facer a vontade de Deus, distinguirá se esta doutrina vén de Deus ou se é que eu falo pola miña conta. 18Quen fala pola súa conta, busca a propia gloria; polo contrario, quen procura o prestixio de quen o mandou, ese é veraz e non hai inxustiza nel. 19¿Non vos deu Moisés a Lei? E, con todo, ningún de vós a garda. ¿Por que me queredes matar?

20Respondeu a xente:

‑¡Seica tes o demo! ¿Quen te quere matar a ti?

21Xesús replicou:

‑Fixen unha obra só, e todos vos marabillades. 22Vexamos, logo, unha cousa. Moisés deuvos a circuncisión (que, ben mirado, non vén de Moisés, senón dos Pais) e, aínda que sexa sábado, vós circuncidades un home. 23E se circuncidades un home en sábado, sen quebrantardes a Lei de Moisés, ¿como é que vos alporizades comigo, porque curei en sábado a un home enteiro? 24Non xulguedes pola aparencia, non; xulgade conforme á xustiza.

25Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:

‑¿Non é a este ó que lle trataban a morte? 26Pois mira como fala á vista de todo o mundo e mais non lle din nada. ¿Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías? 27O caso é que este sabemos de onde é; mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.

28Gritou entón Xesús, mentres ensinaba no templo:

‑¿Así que a min coñecédesme e sabedes de onde son? Pois non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Veraz, a quen vós non coñecedes. 29Eu coñézoo, que de onda El son e foi El quen me mandou.

30Daquela trataban de prendelo; pero ninguén lle botou man: aínda non chegara a súa hora. 31Moita xente creu nel e dicía:

‑¿E o Mesías, cando veña, fará máis sinais ca este?

32Oíron os fariseos que o pobo andaba nestes falares e entón eles e mais os xefes dos sacerdotes mandaron gardas para o prenderen. 33Dixo entón Xesús:

‑Aínda estarei un pouquiño máis entre vós, e despois voume onda Aquel que me mandou. 34Buscar buscarédesme, pero non me encontraredes, pois onde eu estea vós non poderedes vir.

35Dixéronlles uns xudeus a outros:

‑¿Para onde irá este, que non o poidamos atopar? ¿Irá quizais para onda os emigrantes en terras dos gregos, predicarlles a eles? 36¿Que significará iso que dixo, "buscar, buscarédesme, pero non me encontraredes", e "onde estea eu vós non poderedes vir"?

37No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé, e gritou:

‑Se alguén ten sede, que veña onda min e beba quen cre en min. 38Como di a Escritura, deitaranlle do seu ventre regueiros de auga viva. 39(Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel: pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado).

40Cando oíron isto, algúns de entre a xente, dicían: "Este é verdadeiramente o Profeta". 41Outros: "Este é o Mesías". Outros, en cambio, dicían: "Pero ¿é que o Mesías vai vir da Galilea? 42¿Non di a Escritura que o Mesías ha vir da semente de David, e de Belén, a vila de onde era David?"

43 E houbo división no pobo, por causa del. 44Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans.

45Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:

‑¿Por que non o trouxestes?

46Responderon os gardas:

‑Nunca ninguén falou así coma este home.

47Respondéronlles os fariseos:

‑¿Seica vos engaiolou tamén a vós? 48¿Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel? 49Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.

50Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el, dixo:

51‑¿Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?

52Respondéronlle:

‑¿Tamén ti es da Galilea? Pois estuda e verás como da Galilea non sae profeta ningún.

 

53E fóronse cada un para a súa casa

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Xesús perdoa a unha adúltera: 7, 53-8, 11

 

1E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. 2Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.

3Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e 4preguntáronlle:

‑Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. 5Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?

6Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. 7Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:

‑Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra, 8E, abaixándose outra vez, escribía na terra. 9Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. 10Ergueuse entón e preguntoulle:

‑Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?

11Ela respondeulle:

‑Ninguén, Señor.

Díxolle Xesús:

‑Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

 

Xesús, a luz do mundo: 8, 12-20

 

12Xesús faloulles outra vez:

‑Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.

13Dixéronlle entón os fariseos:

‑Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.

14Xesús replicoulles:

‑Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou. 15Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. 16E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e mais quen me mandou. 17E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é valedoiro. 18Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.

19Entón eles preguntáronlle:

‑¿Onde está teu Pai?

Xesús respondeulles:

‑Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.

20Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.

 

A onde vou eu, vós non podedes vir: 8, 21-30

 

21Díxolles outra vez:

‑Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.

22Dicían entón os xudeus:

‑¿El irase matar, porque di "onde vou eu, vosoutros non podedes vir"?

23El seguiulles dicindo:

‑Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. 24Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que "Eu son", morreredes nos vosos pecados.

25Preguntáronlle entón:

‑¿Pero, logo, ti quen es?

Xesús contestoulles:

‑O que vos veño dicindo desde o comezo. 26Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ó mundo do que lle oín a El.

27Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. 28Entón Xesús continuou:

‑Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que "Eu son", e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. 29E quen me mandou está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.

30O dicir estas cousas, moitos creron nel.

 

A verdade faravos libres: 8, 31-38

 

31E ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús:

‑Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; 32e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.

33Eles respondéronlle:

‑Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; ¿como, logo, dis ti "seredes libres"?

34Respondeulles Xesús:

‑Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. 35E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. 36Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. 37Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. 38Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facedes o que oístes de voso pai.

 

Voso pai é o demo: 8, 39-48

 

39Eles respondéronlle:

‑O noso pai é Abraham.

Xesús replicoulles:

‑Se fosedes fillos de Abraham fariades as obras de Abraham, 40mais agora procurades matarme, a min, que os dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham. 41Vós facedes as obras de voso pai.

Dixéronlle:

‑Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.

42Contestoulles Xesús:

‑Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou. 43¿Por que non comprendedes a miña fala? Porque non podedes escoitar a miña palabra. 44Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realizar os desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro e pai da mentira. 45Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes. 46¡Veña! ¡Que probe un de vós que estou en pecado! Se vos falo a verdade, ¿por que non me credes? 47Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.

48Os xudeus replicáronlle:

‑¿Non dicimos con razón que ti es un samaritano e que tes o demo no corpo?

 

Xesús, anterior a Abraham: 8, 49-59

 

49Xesús respondeulles:

‑Eu non teño demo ningún, eu respecto a meu Pai; e vós estádesme inxuriando. 50Eu non procuro o meu prestixio: hai quen o fai xa, e El fará xustiza. 51Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.

52Entón dixéronlle os xudeus:

‑Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis "quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais". 53¿Seica es ti máis có noso pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron ¿Por quen te queres facer pasar?

54Xesús respondeu:

‑Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale: pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus. 55Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. 56Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.

57Dixéronlle entón os xudeus:

‑¿Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?

58Xesús contestoulles:

‑Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, "Eu son".

59Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do Templo.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Curación dun cego de nacemento: 9, 1-12

 

1O pasar, viu a un cego de nacemento. 2Entón preguntáronlle os seus discípulos:

‑Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?

3Xesús respondeu:

‑Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. 4Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. 5Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.

6Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, 7dicíndolle:

‑Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista. 8Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:

‑¿Non é este o que estaba sentado pedindo?

9Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu". 10Entón preguntábanlle:

‑Daquela ¿como se che abriron os ollos?

11El respondeu:

‑O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.

12Preguntáronlle:

‑¿Onde está ese?

El contestou:

‑Non o sei.

13Levaron onda os fariseos o que fora cego. 14(Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). 15E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:

‑Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.

16Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "¿Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.

17Entón preguntáronlle outra vez ó cego:

‑¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?

El contestou:

‑Que é un profeta.

18Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais 19e lles preguntaron:

‑¿É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo ¿como é que agora ve?

20Os pais responderon:

‑Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: 21como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.

22(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. 23Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").

24Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:

‑Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.

25El entón respondeu:

‑Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.

26Dixéronlle entón:

‑Pero ¿que foi o que che fixo? ¿Como che deu a vista?

27Respondeulles:

‑Xa volo dixen e non me fixestes caso. ¿Por que queredes oílo outra vez? ¿Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?

28Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:

‑Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. 29Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.

30O home replicoulles:

‑Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista ós meus ollos. 31Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. 32Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: 33se este non viñese de Deus, non podía facer nada.

34Respondéronlle eles:

‑Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?

E botárono fóra.

 

A cegueira espiritual: 9, 35-41

 

35Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:

‑¿Cres ti no Fillo do Home?

36El respondeulle:

‑¿E quen é, Señor, para que crea nel?

37Díxolle Xesús:

‑Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.

38El dixo:

‑Creo, Señor.

E prostrouse diante del.

39Entón dixo Xesús:

‑Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.

40Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:

‑¿E, logo, nós tamén estamos cegos?

41Xesús contestoulles:

‑Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

Xesús, porta do curral e Bo Pastor: 10, 1-21

 

1‑Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. 2En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. 3A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. 4Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. 5Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.

6Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. 7Entón díxolles de novo:

‑Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. 8Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. 9Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. 10O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

11Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas. 12O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; 13porque el anda ó xornal e as ovellas non lle importan. 14Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. 15Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. 16Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.

17Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. 18Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

19Fíxose de novo unha división entre os xudeus por estas palabras. 20Moitos deles dicían:

‑Ten o demo e está tolo. ¿Por que o escoitades?

21Pero outros replicaban:

‑Estas palabras non son dun tolo endemoñado; ¿ou é que un demoño pode darlles la vista ós ollos dos cegos?

 

Xesús rexeitado polos xudeus na Festa da Dedicación: 10, 22-42

 

22Era xa inverno e celebrábase daquela  en Xerusalén, a Festa da Dedicación. 23Xesús paseaba polo Templo no Pórtico de Salomón. 24Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:

‑¿Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Mesías, dínolo abertamente.

25Xesús respondeulles:

‑Xa volo dixen e mais non credes: as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. 26Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. 27As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; 28eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man. 29Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. 30Meu Pai e mais eu somos un.

31Colleron outra vez pedras os xudeus, para o apedraren. 32Xesús replicoulles:

‑Moitas boas obras fixen diante de vós de parte do meu Pai. ¿Por cal delas me apedrades?

33Respondéronlle os xudeus:

‑Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.

34Xesús replicoulles:

‑¿Non está escrito na vosa Lei Eu dixen: sodes deuses?  35Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus ‑e non pode a Escritura perder a súa forza‑, 36¿por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ó mundo, por dicir que "Son Fillo de Deus"? 37Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. 38Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.

39Unha vez máis trataban entón de o prender; pero Xesús liscóuselles das mans. 40E foi de novo á outra banda do Xordán, ó sitio onde estivera Xoán bautizando ó comezo e permaneceu alí. 41E acudiron moitos onda el e dicían: "Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade". 42E moitos comezaron a crer nel alí.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com