Capítulos 1-5

 

CAPÍTULO 1

 

PRÓLOGO: Xn 1, 1-18

 

1No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

2Ela estaba no principio onda Deus.

3Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.

4Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

5a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

6Houbo un home

mandado por Deus:

o seu nome era Xoán.

7Este veu de testemuña

para dar testemuño da luz,

para que todos cresen por el.

8Non era el a luz,

senón que veu para dar testemuño da luz.

9(A Palabra) era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.

10Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

11Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.

12Pero a cantos a recibiron,

‑ós que cren no seu nome‑

déulle-lo poder

de seren fillos de Deus.

13Estes, non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

senón de Deus.

14E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.

15Xoán dá testemuño del,

exclamando:

Este évos de quen eu dixen:

"O que vén detrás miña,

pasa diante miña,

pois existía primeiro ca min".

16E da súa abundancia

recibimos todos nós

graza e máis graza.

17Pois a Lei deuse

por medio de Moisés;

a graza e a verdade

realizáronse por Xesús Cristo.

18A Deus ninguén o viu;

o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.

 

 

O LIBRO DOS SIGNOS:  1, 19-12, 50

 

Dobre testemuño do Bautista: 1, 19-28. 29-34

 

19E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:

‑¿Ti quen es?

20El declarou e non negou. Declarou:

‑Eu non son o Cristo.

21Preguntáronlle:

‑Entón ¿quen es ti? ¿Es Elías?

Contestou:

‑Non son.

‑¿E-lo profeta?

Respondeu:

‑Non.

22Daquela dixéronlle:

‑¿E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta ós que nos mandaron. ¿Que dis de ti mesmo?

23El dicía:

‑Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" (como escribira o profeta Isaías).

24Algúns dos mandados eran fariseos 25e preguntáronlle:

‑Entón ¿por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

26Xoán respondeulles:

‑Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; 27o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.

28Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

29O outro día, vendo a Xesús, que viña cara a el, dixo:

‑¡Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! 30Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min". 31Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel. 32E Xoán seguiu testemuñando:

‑Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. 33Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". 34E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

 

Os primeiros discípulos de Xesús: Andrés e Pedro: 1, 35-42

 

35O outro día estaba outra vez Xoán con dous dos seus discípulos 36e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:

‑Velaquí o Año de Deus.

37Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. 38Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:

‑¿Que buscades?

Eles respondéronlle:

‑"Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), ¿onde paras?

39El díxolles:

‑Vide e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.

40Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. 41Vai e ó primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:

‑Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).

42E levouno onda Xesús. O velo, díxolle Xesús:

‑Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

 

Filipe e Natanael: 1, 43-51

 

43O outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:

‑Sígueme.

44Filipe era de Betsaida, da vila de Andrés e mais de Pedro. 45Atopou Filipe a Natanael e díxolle:

‑Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e mais os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaret.

46Contestoulle Natanael:

‑¿E de Nazaret pode saír algo bo?

Filipe díxolle:

‑Ven e verás.

47Viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del:

‑Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.

48Preguntoulle Natanael:

‑¿E de que me coñeces?

Contestoulle Xesús:

‑Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.

49Respondeulle Natanael:

‑Rabbí, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.

50Díxolle entón Xesús:

‑¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.

51E concluíu:

‑Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

O primeiro signo nas vodas de Caná: 2, 1-11

 

1O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. 2Tamén foi convidado Xesús e mais os seus discípulos ó casamento. 3Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:

‑Non che teñen viño.

4Replicoulle Xesús:

‑Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

5Súa nai díxolles entón ós servidores:

‑Facede o que el vos diga.

6Había alí seis tallas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. 7E ordenoulles Xesús:

‑Enchede de auga as tallas.

Eles enchéronas de todo.

8Díxolles entón:

‑Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.

Eles levárona. 9E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo 10e díxolle:

‑Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

11Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

 

Xesús en Cafarnaúm: 2, 12

 

12Despois disto baixou a Cafarnaúm, con súa nai, seus irmáns e mais os seus discípulos, e quedou alí uns poucos días.

 

Expulsa os mercadores do templo: 2, 13-22

 

13Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. 14Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; 15foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores 16e ós que vendían as pombas, díxolles:

‑Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

17Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".

18Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:

‑¿Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

19Respondeulles Xesús:

‑Derrubade este templo e erguereino en tres días.

20Replicáronlle os xudeus:

‑Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

21Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. 22Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

 

Fe imperfecta de moitos xudeus: 2, 23-25

 

23Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. 24Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. 25Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Conversa de Xesús con Nicodemo: 3, 1-21

 

1Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. 2Este veu onda el pola noite e díxolle:

‑Rabbí: sabemos que viñeches de Deus coma mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.

3Respondeulle Xesús:

‑Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ve-lo Reino de Deus.

4Replicoulle Nicodemo:

‑¿Como pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?

5Respondeulle Xesús:

‑Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no Reino de Deus. 6O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é espírito. 7Non che estrañe que eu che dixese "é necesario que vós nazades de novo". 8O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

9Replicoulle Nicodemo:

‑¿Como se pode facer isto?

10Respondeulle Xesús:

‑¿Ti es mestre de Israel e non o sabes? 11Con toda verdade cho aseguro: falamos do que coñecemos e testemuñamos o que vimos, pero vós non aceptáde-lo noso testemuño. 12Se dicíndovos cousas terreas, non credes, ¿como iades crer dicíndovos cousas celestiais? 13E ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.

14Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, 15para que todo o que cre nel, teña vida eterna. 16Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

17Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. 18O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. 19Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. 20Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. 21Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.

 

Derradeiro testemuño de Bautista: 3, 22-30

 

22Despois disto, foi Xesús cos seus discípulos á terra de Xudea, e alí vivía con eles e bautizaba. 23Estaba tamén Xoán bautizando en Ainón, preto de Salén, porque había alí moita auga e viñan moitos a se bautizar 24(pois aínda non meteran a Xoán na cadea).

25Houbo entón unha porfía dos discípulos de Xoán cuns xudeus a propósito da purificación. 26Foron onda Xoán e dixéronlle:

‑Rabbí, fíxate, aquel que estaba contigo para alá do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todos van onda el.

27Xoán contestou:

‑Ninguén pode recibir nada, se non lle vén dado do ceo. 28Vós mesmos sodes testemuñas de que eu dixen: "Eu non son o Cristo, senón que me mandaron diante del". 29A esposa tena o esposo; con todo, o amigo do esposo ‑que está presente e o escoita‑ alégrase de todo corazón coa súa voz. Así é a miña alegría, que agora chega ó seu máximo. 30El debe medrar, e eu minguar.

 

Xesús completa as palabras de Xoán: 3, 31-36

 

31Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo, está por riba de todos; 32do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. 33Quen acepta o seu testemuño, confirma que Deus é verdadeiro. 34Porque aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.

35O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans. 36Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa enriba del.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Xesús deixa a Xudea: 4, 1-3

 

1Xesús decatouse de que os fariseos oíran que el facía máis discípulos e bautizaba máis ca Xoán 2(aínda que a verdade era que non bautizaba Xesús mesmo senón os seus discípulos). 3Entón deixou a Xudea e partiu outra vez para Galilea.

 

Conversa de Xesús coa Samaritana: 4, 4-42

 

4Necesitaba pasar pola Samaría. 5Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. 6Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. 7Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:

‑Dáme de beber.

8(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

9Preguntoulle entón a muller samaritana:

‑¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

10Respondeulle Xesús:

‑Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

11Replicoulle a muller:

‑Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? 12¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?

13Xesús contestoulle:

‑Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; 14pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

15A muller suplicou:

‑Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

16Díxolle Xesús:

‑Vai chamar polo teu marido e volve aquí.

17A muller contestou:

‑Non teño marido.

Xesús díxolle:

‑Falaches ben, dicindo "non teño marido"; 18tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.

19A muller respondeu:

‑Señor, vexo que ti es profeta. 20Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.

21Xesús díxolle:

‑Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. 22Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. 23Pero chega a hora ‑é xa agora‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. 24Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.

25Respondeu a muller:

‑Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar todas as cousas.

26Díxolle Xesús:

‑Son eu, o que está falando contigo.

27Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "¿Que pretendes?" ou "¿De que falas con esa?"

28Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:

29‑Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o Mesías?

30Eles saíron da vila e viñeron onda el.

31Mentres, os seus discípulos insistíanlle:

‑Rabbí, come.

32Mais el díxolles:

‑Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.

33Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros:

‑¿Traeríalle alguén de comer?

34Xesús díxolles:

‑A miña comida é facer a vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra. 35¿Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. 36O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega. 37Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. 38Eu mandeivos recolle-lo que vós non traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.

39Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". 40Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. 41E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. 42Dicíanlle despois á muller:

‑Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

 

Xesús en Caná: curación do fillo dun oficial: 4, 43-54

 

43Pasados os dous días, saíu de alí para Galilea 44(pois o mesmo Xesús afirmara que ningún profeta é honrado na súa patria). 45Entón, cando chegou á Galilea, fórono esperar os galileos, pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día. 46Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.

Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. 47Oíndo que Xesús viña da Xudea cara á Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.

48Díxolle entón Xesús:

‑Se non vedes sinais e prodixios, non credes.

49O funcionario insistiu:

‑Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.

50Xesús contestoulle:

‑Vaite, o teu fillo vive.

O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. 51E, cando xa el baixaba, saíronlle ó encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. 52Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría.

Eles respondéronlle:

‑Onte, a iso da unha baixoulle a febre.

53Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús "o teu fillo vive", e creu el e mais toda a súa familia.

54Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía da Xudea para a Galilea.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Curación do paralítico da piscina: 5, 1-15

 

1Despois disto había unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. 2Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina, chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. 3Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos, agardando o movemento da auga. 4(Pois de vez en cando baixaba un anxo á piscina e remexía a auga; entón, o primeiro que entrase despois da axitación da auga, quedaba curado de calquera mal que tivese).

5Había alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. 6Xesús, ó velo deitado e sabendo que levaba xa moito tempo, preguntoulle:

‑¿Ti queres quedar san?

7Respondeulle o enfermo:

‑Señor, eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, mentres eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.

8Xesús díxolle:

‑Érguete, colle o teu leito e anda.

9No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. 10Entón dicíanlle os xudeus ó que quedara curado:

‑É sábado, non tes dereito a levar o leito.

11Mais el respondeulles:

‑O que me curou, díxome el mesmo: "Colle o teu leito e anda".

12Eles preguntáronlle:

‑¿Quen é o home que che dixo "colle e anda"?

13Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. 14Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:

‑Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.

15Foise o home e contoulles ós xudeus que fora Xesús quen o curara.

 

As razóns polas que actúa Xesús: 5, 16-29

 

16Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado. 17Xesús respondeulles:

‑O meu Pai ata o presente está sempre a traballar; eu tamén traballo.

18Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.

19Xesús saíulles ó paso dicindo:

‑Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada: só o que lle ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo: 20pois o Pai ama ó Fillo, e móstralle todas as cousas que el fai, e mostraralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes. 21Pois, así coma o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida ós que el quere. 22Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar, 23para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo, non honra o Pai, que o mandou. 24Dígovos a verdade: quen escoita a miña palabra e cre no que me mandou, ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.

25Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora en que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten, vivirán. 26Pois así coma o Pai ten vida en si mesmo así tamén lle deu ó Fillo ter vida en si mesmo; 27e deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. 28Non vos pasme isto, porque chega o momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; 29e sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida; e os que obraron o mal a unha resurrección de condena.

 

Testemuños en favor de Xesús: 5, 30-47

 

30Eu nada podo facer pola miña conta: conforme oio, xulgo; e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade senón a vontade de quen me mandou. 31Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. 32Pero é outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é valedoiro o testemuño que dá de min.

33Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. 34Non é que eu apele ó testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. 35Xoán era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. 36Mais eu teño un testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. 37E o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz, nin víste-lo seu rostro 38e tampouco conservades a súa palabra en vós, porque non credes naquel que El mandou. 39Estudiades as Escrituras, coidando que nelas tedes vida eterna: pois esas son as que testemuñan a favor meu 40e vós non queredes vir a min, e así ter vida.

41Non é que eu espere gloria dos homes; 42pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus. 43Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese habedes de  recibilo. 44¿Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros e non procurades a gloria que vén do único Deus? 45Non coidedes que vos hei acusar ó Pai: quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza. 46Pois se vós crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el. 47Mais se non fiades nos seus escritos, ¿como ides crer nas miñas palabras?

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com