Capítulos 16-21

 

CAPÍTULO 16

 

1Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes.

2Hanvos expulsar das sinagogas; e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate, coide que está dando culto a Deus. 3E farán iso, porque non coñeceron nin ó Pai nin a min. 4Mais díxenvos isto, para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.

 

A obra do Espírito: 16, 4b-15

 

Non vos dixen isto desde o comezo, porque estaba convosco. 5Pero agora voume onda o que me mandou e ningún de vós me pregunta: "¿Onde vas?" 6O contrario porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns.

7Pero eu dígovos a verdade: convenvos que eu me vaia; pois, se eu non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se eu me vou, mandareino onda vós.

8E cando veña culpará ó mundo de pecado, xustiza e condena: 9pecado, porque non cren en min; 10xustiza, porque vou onda o Pai e xa non me veredes; 11condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.

12Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. 13Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar. 14El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. 15Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.

 

A tristura volverase alegría: 16, 16-24

 

16Un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver.

17Comentaron entón algúns dos seus discípulos: "¿Que é isto que nos di un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver? ¿E iso de porque vou onda o Pai?". 18E dicían: "¿Que é ese un pouquiño? Non sabemos o que quere dicir".

19Coñeceu Xesús que lle querían preguntar e díxolles:

‑¿Matinades entre vós acerca disto que vos dixen, "un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver"? 20Con toda verdade volo aseguro: choraredes e lamentarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, mais a vosa tristura volverase alegría. 21A muller, cando vai dar á luz, ten tristura, pois chegou a súa hora; pero cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo. 22Así, tamén vós tedes agora tristura; pero heivos de ver de novo e o voso corazón alegrarase, e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar. 23E aquel día xa non me preguntaredes nada.

Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ó Pai no meu nome, El hávolo dar. 24Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena.

 

Eu vencín o mundo: 16, 25-33

 

25Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente. 26Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ó Pai, 27xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus. 28Saín do Pai e vin ó mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.

29Dixéronlle os seus discípulos:

‑Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. 30Agora sabemos que o sabes todo, e non precisas que ninguén che pregunte: por iso cremos que saíches de Deus.

31Xesús respondeulles:

‑¿Agora credes? 32Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda, e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai.

33Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

Oración sacerdotal de Xesús: 17, 1-26

 

1Isto dixo Xesús. Logo, erguendo os ollos ó ceo, dixo:

‑Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o fillo te glorifique a ti; 2conforme lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a todos os que ti lle deches. 3(E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo). 4Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer. 5E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira.

6Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. 7Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, 8pois entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches. 9Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche; 10todo o meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. 11Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.

12Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos; eu agarimeinos, e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. 13Mais agora estou indo a ti, e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. 14Eu déilles a túa palabra, e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son de mundo. 15Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. 16Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. 17Conságraos na verdade: a túa palabra é verdade. 18Coma ti me mandaches ó mundo, así os mando eu a eles; 19e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

20E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra deles; 21que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. 22E a gloria que ti me deches, déillela a eles, para que sexan un coma nós somos un. 23Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.

24Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. 25Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. 26Eu manifesteilles lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles.

 

 

 

A PAIXÓN: 18, 1-19, 42

 

CAPÍTULO 18

 

Xesús entrégase: 18, 1-12

 

1En dicindo isto, saíu cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos. 2Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. 3Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:

‑¿A quen buscades?

5Respondéronlle:

‑A Xesús de Nazaret.

Díxolles El:

‑Eu son.

Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. 6Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. 7Entón, preguntoulles outra vez:

‑¿A quen buscades?

Eles contestaron:

‑A Xesús de Nazaret.

8Xesús respondeulles:

‑Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.

9Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".

10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. 11Pero Xesús díxolle a Pedro:

‑Mete a espada na vaíña; ¿e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?

12Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.

 

Interrogatorio de Xesús: 18, 13-27

 

13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. 14(Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").

15Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. 16Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo ‑o coñecido do Sumo Sacerdote‑, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. 17A porteira preguntoulle a Pedro:

‑¿Non es tamén ti dos discípulos dese home?

El contestou:

‑Non son.

18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.

19Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. 20Xesús respondeulle:

‑Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas. 21¿Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.

22O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:

‑¿Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?

23Xesús replicoulle:

‑Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, ¿por que me pegas?

24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.

25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:

‑¿Non es tamén ti dos seus discípulos?

El negouno, dicindo:

‑Non son.

26Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:

‑¿E logo non te vin eu na horta con el?

27Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.

 

Xesús perante Pilato: 18, 28-40

 

28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua. 29Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:

‑¿Que acusación traedes contra este home?

30Eles responderon:

‑Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.

31Díxolles entón Pilatos:

‑Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.

Os xudeus contestáronlle:

‑Non nos é lícito matar a ninguén.

32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.

33Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:

‑¿Es ti o Rei dos Xudeus?

34Xesús respondeu:

‑¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

35Pilato replicou:

‑¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que fixeches?

36Xesús contestoulle:

‑O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

37Díxolle entón Pilato:

‑¿Logo ti es Rei?

Xesús respondeu:

‑Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

38Pilato preguntoulle:

‑¿Que é a verdade?

E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:

‑Eu non atopo nel culpa ningunha. 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. ¿Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?

40Berraron entón outra vez, dicindo:

‑Non. A ese non; a Barrabás.

(O tal Barrabás era un bandido).

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Xesús condenado a morte: 19, 1-16a

 

1Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3e, inclinándose diante del, dicíanlle: "¡Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.

4Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:

‑Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.

5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:

‑Velaquí o home.

6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:

‑¡Crucifícao, crucifícao!

Pilato respondeulles:

‑Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.

7Os xudeus replicaron:

‑Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.

8Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:

‑¿De onde es ti?

Pero Xesús non lle deu unha fala. 10Entón Pilato insistiu:

‑¿Comigo non falas? ¿Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?

11Xesús respondeulle:

‑Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.

12Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:

‑Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.

13Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O lousado", en hebreo "gábaza". 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día).

Díxolles ós xudeus:

‑Velaquí o voso rei.

15Pero eles berraban:

‑¡Fóra, fóra! ¡Crucifícao!

Pilato preguntoulles:

‑Pero ¿como vou crucificar o voso rei?

Os sumos sacerdotes insistiron:

‑Non temos máis rei có César.

16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.

 

Crucifixión de Xesús: 19, 16b-27

 

Entón colleron a Xesús. 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.

19Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:

‑Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".

22Pilato respondeu:

‑O escrito, escrito está.

23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del ‑e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado‑, e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. 24E falaron entre eles:

‑Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.

Así cumpriuse a Escritura, que di:

Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.

Tal fixeron os soldados.

25O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:

‑Muller, velaí o teu fillo.

27Despois díxolle ó discípulo:

‑Velaí a túa nai.

Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.

 

Morte de Xesús: 19, 28-37

 

28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

31Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado ‑pois era grande aquel día de sábado‑, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. 33Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.

35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.

 

Sepultura de Xesús: 19, 38-42

 

38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús ‑aínda que ás agachadas, por medo ós xudeus‑, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. 39Foi tamén Nicodemo ‑aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite‑, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.

40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

RESURRECCIÓN DE XESÚS: 20, 1-10

 

1O día primeiro da semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. 2Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:

‑Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron.

3Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. 4Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro. 5Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. 6Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. 7Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. 8Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu. 9(Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos). 10Entón os discípulos volveron para a casa.

 

Aparición á Magdalena: 20, 11-18

 

11Mentres tanto, María quedara ó pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. 12Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e outro ós pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.

13Eles preguntáronlle:

‑Muller, ¿por que choras?

Ela respondeulles:

‑Porque colleron ó meu Señor e non sei onde o puxeron.

14Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. 15Xesús preguntoulle:

‑Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas?

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:

‑Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

16Xesús díxolle:

‑¡María!

Ela, virándose, exclamou en hebreo:

‑¡Rabbuni! (que quere dicir "Mestre").

17Xesús díxolle:

‑Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: "Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus".

18María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas.

 

Aparición ós discípulos: 20, 19-23

 

19Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

‑Paz convosco.

20Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. 21El díxolles outra vez:

‑Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

22E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

‑Recibide o Espírito Santo: 23a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

 

Aparición a Tomé: 20, 24-29

 

24Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. 25Dicíanlle entón os outros discípulos:

‑Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:

‑Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

26Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:

‑Paz convosco.

27Despois díxolle a Tomé:

‑Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

28Tomé respondeulle:

‑¡Meu Señor e meu Deus!

29Xesús díxolle:

‑¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!

 

Remate do Libro da Gloria: finalidade do Evanxeo: 20, 30-31

 

30Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. 31Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

 

 

 

APÉNDICE

 

CAPÍTULO 21

 

Aparición de Xesús á beira do lago: 21, 1-14

 

1Máis adiante aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: 2estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus. 3Simón Pedro díxolles:

‑Vou pescar.

Eles contestaron:

‑Imos nós contigo tamén.

Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. 4Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. 5Xesús preguntoulles:

‑Rapaces, ¿tedes algo que comer?

Eles responderon:

‑Non.

6Díxolles entón:

‑Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. 7Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:

‑É o Señor.

Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑pois estaba espido‑ e botouse ó mar. 8Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. 9Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.

10Xesús díxolles:

‑Traede peixes dos que acabades de coller.

11Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

12Xesús díxolles:

‑Vinde comer.

Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle -ti quen es-, sabedores de que era o Señor. 13Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

14Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre os mortos.

 

Misión de Pedro: 21, 15-19

 

15Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:

‑Simón de Xoán ¿ámasme máis ca estes?

El contestoulle:

‑Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

‑Apacenta os meus años.

16E de novo preguntoulle por segunda vez:

‑Simón de Xoán, ¿ámasme?

El respondeulle:

‑Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

‑Apacenta as miñas ovellas.

17E preguntoulle por terceira vez:

‑Simón de Xoán, ¿quéresme?

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez  "¿quéresme?", e respondeulle:

‑Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.

Xesús díxolle:

‑Apacenta as miñas ovellas. 18Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.

19Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:

‑Sígueme.

 

O discípulo amado: 21, 20-23

 

20Virándose Pedro, viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara "Señor, ¿quen é o que te ha de entregar?" 21O velo, preguntoulle Pedro a Xesús:

‑¿E este, que?

22Xesús contestoulle:

‑Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.

23Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: "se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa?"

 

Conclusións: 21, 24-25

 

24Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu; e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. 25Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.

 

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com