Capítulos 6-10

 

CAPÍTULO 6

 

O asunto das espigas no sábado (Mt 12, 1-8; Mc 2, 23-28)

 

1Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os seus discípulos arrincaban espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. 2Entón dixeron algúns fariseos:

‑¿Como facedes o que non está permitido facer no sábado?

3Respondeulles Xesús:

‑¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame, el e mais os seus acompañantes? 4Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles ós seus acompañantes, iso que non lles estaba permitido comelos a eles, senón só ós sacerdotes.

5E engadiu:

‑O Fillo do Home é o Señor do sábado.

 

O home da man tolleita (14, 1-6; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)

 

6Outro sábado entrou na sinagoga a ensinar, e atopou un home que tiña unha man tolleita, a dereita. 7Os letrados e mais os fariseos estaban á espreita a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 8Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ó home que tiña a man tolleita:

‑Érguete e ponte no medio.

El ergueuse e púxose no medio. 9Entón Xesús díxolles:

‑Fágovos unha pregunta: ¿Que está permitido facer no sábado: o ben ou o mal; salvar a vida ou perdela?

10E botándolles a todos unha ollada chea de indignación, díxolle ó home:

‑Estende a túa man.

El fíxoo e a man quedoulle curada. 11Pero eles, todos enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.

 

Elección dos Doce (Mt 10, 1-14; Mc 3, 13-19)

 

12Por aqueles días foi orar ó monte, e pasou a noite orando a Deus. 13Cando se fixo de día, chamou ós seus discípulos e escolleu doce entre eles, ós que chamou apóstolos: 14Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán, Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, 15Mateo, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, 16Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

17E baixando con eles, detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón, 18que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados; 19e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todos.

 

Bendicións e maldicións (Mt 5, 1-12)

 

20Xesús coa mirada posta nos seus discípulos dixo:

‑Ditosos vós os pobres,

porque voso é o Reino de Deus.

21Ditosos os que agora pasades fame,

porque Deus vos fartará.

Ditosos os que agora chorades,

porque riredes.

22Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes,

vos expulsen e vos aldraxen,

cando poñan nas listas negras o voso nome

por causa do Fillo do Home:

23alegrádevos nese día, brincando de gozo,

porque grande será a vosa recompensa no ceo,

pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.

24Pero, ¡ai de vós, os ricos,

porque xa acadastes a vosa satisfacción!

25¡Ai de vós, os que agora estades fartos:

xa pasaredes fame!

¡Ai de vós, os que agora rides:

xa choraredes e xa laiaredes!

26¡Ai, cando todos falen ben de vós:

o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

 

Amor ós inimigos (Mt 5, 38-48; 7, 1-2. 12)

 

27Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, 28bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; 29ó que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. 30O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada. 31Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

32Se amades os que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles. 33E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. 34E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas grazas! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. 35Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. 36Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.

37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida ‑acugulada, rebordada, apretada‑ seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.

 

Comportamento dos discípulos (Mt 7, 3-5. 17-20; 12, 33-35; 15, 14)

 

39E púxolles unha comparanza:

‑¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? 40Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. 41¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? 42¿Como lle poderás dicir a teu irmán: "Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

43Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. 44Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. 45O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.

 

Obras e non palabras (Mt 7,  21. 24-27)

 

46¿Por que me chamades ¡Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? 47Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece: 48Parécese a un home que, ó edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río foi por fóra, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. 49Pero quen as escoita e non as pon en práctica, é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos: ó romper contra ela o torrente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

A fe do centurión (Mt 8, 5-13; Xn 4, 46-54)

 

1Cando lle acabou de falar á xente, entrou en Cafarnaúm.  2Había un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. 3Como tiña oído falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose salvar o criado. 4Eles, presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:

‑Merece que lle fagas isto, 5pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu a sinagoga.

6Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa o centurión mandou uns amigos a dicirlle:

‑Señor, non te molestes, pois non son digno de que entres baixo o meu teito; 7por iso coidei que non era digno de ir ó teu encontro. Abonda cunha palabra túa, e o meu criado quedará curado. 8Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este "vai", e vai; a aqueloutro "ven", e vén; e ó meu criado "fai isto", e faino.

9Oíndo aquilo, Xesús ficou abraiado, e virándose díxolle á xente que o seguía:

‑Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.

10E, ó volveren á casa, os mandados atoparon san o criado.

 

Resucita ó fillo dunha viúva

 

11Despois disto foi a unha vila, chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente. 12Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. 13O vela, o Señor compadeceuse e díxolle:

‑Non chores.

14E achegándose, tocou o cadaleito ‑os que o levaban pararon‑, e el mandou:

‑Rapaz, falo contigo: ¡érguete!

15O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. 16Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:

‑Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.

17E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.

 

Pregunta do Bautista e resposta de Xesús (Mt 11, 2-19)

 

18Os discípulos de Xoán informárono de todo isto. Entón Xoán, chamando a dous deles, 19mandounos onda o Señor a lle preguntar:

‑¿Es ti o que ten que vir, ou esperaremos por outro?

20Presentáronse, logo, onda el os dous homes e dixeron:

‑Xoán Bautista mándanos a ti, para preguntarche: "¿Es ti quen ten que vir, ou esperaremos por outro?".

21Naquela mesma hora curou a moitos de doenzas, padecementos e malos espíritos, e devolveulles a vista a moitos cegos. 22E logo deulles a resposta:

‑Ide e contádelle a Xoán o que acabades de ver e oír: os cegos ven, os coxos andan, os gafos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. 23E ditoso quen non se escandalice de min.

 

24O que se foron os mensaxeiros de Xoán, comezou Xesús a falarlle de Xoán á xente:

‑¿Que fostes ver no deserto? ¿Unha canivela abaneada polo vento? 25¿Ou que fostes ver, logo? ¿Un home vestido con roupas finas? Pero os que visten elegantemente e con luxo están nos pazos reais. 26Pois logo, ¿que fostes ver? ¿Un profeta? Si, e asegúrovos que moito máis ca un profeta. 27Este é de quen está escrito:

Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti

para que prepare o camiño ante ti.

28E dígovos: aínda non naceu de muller ninguén meirande do que Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino de Deus é meirande ca el.

29(A xente toda escoitábao, e mesmo os recadadores de impostos recoñecían a graza de Deus, facéndose bautizar co bautismo de Xoán. 30En troques os fariseos e mais os xuristas frustraron o plan de Deus ó refugaren o seu bautismo).

31¿Con quen vos compararei este tipo de xente? ¿A quen se asemellan? 32Semellan eses rapaciños que, sentados nos rueiros, rifan entre eles dicindo:

"Tocamos a frauta e non bailastes

Fixemos o pranto e non chorastes".

33Porque aparece Xoán Bautista, que non come nin bebe, e dicides: "Ten o demo no corpo". 34E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: "Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores". 35Con todo, a sabedoría de Deus quedou ben acreditada por todos aqueles que son fillos dela.

 

O fariseo e a pecadora (Mc 14, 3-9; Xn 12, 3)

 

36Un fariseo convidouno a comer; Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. 37Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, 38botouse por detrás ós pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.

39Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:

‑Se este fose un profeta, coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.

40Xesús tomou a palabra e díxolle:

‑Simón, teño algo que che dicir.

El contestou:

‑Pois dío, Mestre.

41‑Un prestamista tiña dous debedores, un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. 42Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles ós dous. Ora, ¿quen deles o amará máis?

43Respondeulle Simón:

‑Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.

El contestou:

‑Ben dito.

44E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:

‑¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. 45Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. 46Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. 47Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.

48E díxolle a ela:

‑Os teus pecados están perdoados.

49Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:

‑¿Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?

50Pero el díxolle á muller:

‑Salvoute a túa fe, vai en paz.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Acompañantes de Xesús

 

1Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce 2e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos, 3Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

 

Parábola do sementador (Mt 13, 1-9; Mc 4, 1-9)

 

4Como se xuntaba moita xente, chegada de moitas vilas, propúxolles esta parábola:

5‑Unha vez  saíu un labrador a sementar. E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante, a xente pisouna e os paxaros comérona. 6Outra caeu entre as pedras, pero xermolou, secou, por non ter lentura. 7Outra caeu entre silvas, pero ó medrar a silveira, afogouna. 8Outra caeu en boa terra, e xermolou dando o cento por un.

A continuación exclamou:

‑Quen teña oídos para oír, que escoite.

 

O motivo das parábolas (Mt 13, 10-17; Mc 4, 10-12)

 

9Entón preguntáronlle os seus discípulos que significaba aquela parábola. 10El respondeu:

‑A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero ós outros unicamente en parábolas, de xeito que

vendo, non vexan

e escoitando, non entendan.

 

Explicación da parábola (Mt 13, 18-23; Mc 4, 13-20)

 

11A parábola significa isto: a semente é a Palabra de Deus. 12Os do camiño son os que tan pronto como oen a Palabra, vén o Satán e repáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. 13Os das pedras son aqueles que cando a oen, acollen con alegría a Palabra; pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, mais, cando vén a tentación, abandonan. 14Os das silvas son os que a escoitan; pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, non chega a madurecer. 15Os da terra boa, son aqueles de bo e xeneroso corazón, que escoitando a Palabra, retéñena, producindo froito coa súa perseveranza.

 

Parábola do candil  (11, 33; Mt 5, 15; Mc 4, 21-25)

 

16Agora ben, ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón para poñelo nun candeeiro e alumar así a cantos entren. 17Por-que non hai cousa oculta que non se chegue a saber nin segredo que non se chegue a descubrir e traer á luz pública. 18Atendede, logo, ben ó que estades escoitando, porque a quen ten, daráselle; pero a quen non ten, háselle quitar aínda o que cre ter.

 

A nai e os irmáns de Xesús (11, 27-28; Mt 12, 46-50; Mc 3, 31-35)

 

19Apareceron a súa nai e mais os seus irmáns, pero debido á moita xente non se podían achegar a el. 20Entón avisárono:

‑A túa nai e mais os teus irmáns están fóra, e quérente ver.

21El respondeulles:

‑A miña nai e mais os meus irmáns son os que escoitan a Palabra de Deus e a levan á práctica.

 

O temporal  (Mt 8, 23-27; Mc 4, 35-41)

 

22Un día embarcou nun bote xunto cos seus discípulos e díxolles:

‑¡Veña! Imos para a banda de alá do lago.

Desatracaron 23e mentres navegaban botouse a durmir. Nisto caeu sobre o lago un gran remuíño de vento, e a lancha anegábase, poñéndoos en perigo. 24Achegáronse a espertalo, dicíndolle:

‑¡Mestre, que afogamos!

El espertou, e berroulles ó vento e ás ondas. Amainaron e veu unha gran calma. 25Díxolles despois:

‑¿Onde está a vosa fe?

Eles, sorprendidos e admirados, dicían entre eles:

‑Pero, ¿quen é este, que manda nos ventos e na auga?

 

Curación dun endemoñado (Mt 8, 28-34; Mc 5, 1-20)

 

26Arribaron ó país dos xerasenos, que está en fronte de Galilea. 27O desembarcaren, saíulle ó paso certo home endemoñado da vila, que desde había tempo vivía sen roupa e sen casa. Moraba nos sepulcros.

28O ver a Xesús, púxose a barullar e foi caer ó pé del berrando:

‑¿Que teño eu que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Pídoche por favor que non me atormentes.

29E era que el lle estaba mandando ó espírito malo saír daquel home, xa que en moitas ocasións se apoderara del e tíñano que atar con cadeas e grillóns para contelo; pero tronzaba os ferrollos, e o demo turraba por el cara ós campos ermos.

30Xesús preguntoulle:

‑¿Como te chamas?

El respondeu:

‑Chámanme Lexión.

E é que eran moitos os demos que tiña no corpo. 31Suplicábanlle que non os mandase ir para o abismo. 32E cadrou que andaba unha boa manada de porcos comendo polo monte; entón eles rogáronlle que lles permitise entrar neles; el accedeu. 33E saíndo do home fóronse meter nos porcos, que se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no lago.

34Vendo os porqueiros tal cousa, fuxiron, levando a novidade pola vila e polas aldeas. 35A xente veu ver o que pasara, achegándose a onde estaba Xesús. Alí atoparon o home, do que saíran os demos, vestido e cheo de xuízo, sentado ós pés de Xesús; e quedaron asustados. 36Os que viran o feito contáronlles como salvara ó posuído. 37Entón a xente toda da rexión veciña dos xerasenos rogoulle que saíse de alí, porque estaban cheos de pánico. El, embarcándose, deu volta. 38O home que tivera os demos pedíalle que o deixase ir con el; pero Xesús despediuno, dicíndolle:

39‑Volve para a túa casa, e conta o moito que Deus fixo contigo.

E foise, pregoando pola vila enteira canto Xesús lle fixera.

 

A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mt 9, 18-26; Mc 5, 21-43)

 

40O voltar, Xesús foi recibido pola xente, pois todos estaban a agardar por el. 41Nisto chega un home chamado Xairo, que era o xefe da Sinagoga, bótase ós pés del e suplicáballe que entrase na súa casa, 42porque tiña a súa filla única de doce anos ás portas da morte. E indo para alá, a xente non paraba de apertalo.

43Unha muller que padecía de hemorraxias desde había doce anos, sen que ninguén a puidese curar, 44achegouse por detrás, tocoulle a orla da roupa e no instante cortóuselle a hemorraxia. 45Entón Xesús preguntou:

‑¿Quen foi o que me tocou?

Todos dixeron que eles non foran, e Pedro replicou:

‑Pero, Mestre ¡a xente estate apertando por todos os lados!

46Pero Xesús porfiou:

‑Alguén me tocou, que eu ben me decatei de que unha forza saía de min.

47Entón a muller, tremendo, veu caer ante el, manifestando diante de todo o pobo por que o tocara e como curara no instante. 48El díxolle:

‑Filla, a túa fe sandoute, vai en paz.

49Estando aínda a falar, chegou un da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:

‑A túa filla morreu, non molestes máis ó Mestre.

50Mais Xesús escoitou aquilo é díxolle:

‑Non teñas medo: ti ten fe, e a rapaza hase salvar.

51O chegar á casa, non permitiu a ninguén entrar con el agás Pedro, Xoán, Santiago e o pai e mais a nai da nena. 52Todos choraban moi aflixidos por ela. Pero Xesús dixo:

‑Non choredes: non morreu, está a durmir.

53A xente facía riso del, sabendo ben que estaba morta. 54Entón El, colleuna pola man e chamouna dicindo:

‑¡Acorda, rapaza!

55A rapaza recobrou o alento e coa mesma ergueuse; Xesús mandou que lle desen de comer á rapaza. Os pais quedaron admirados; 56pero Xesús mandoulles non contar nada do sucedido.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Misión dos Doce (Mt 10, 1. 5-15; Mc 6, 7-13)

 

1Despois de convocar os Doce, deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. 2E mandounos a predicar o Reino de Deus e a sandar enfermidades, 3avisándoos:

‑Non levedes nada para o camiño, nin tan sequera un caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. 4Na casa onde entredes, quedade ata que marchedes. 5Cando non vos acollan, saíde daquela vila e sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. 6Eles pillaron camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.

 

Desconcerto de Herodes (Mt 14, 1-2; Mc 6, 14-16)

 

7O saber Herodes, o tetrarca, todo o que pasaba, estaba perplexo, xa que algúns dicían:

‑Resucitou Xoán de entre os mortos.

8E outros:

‑Apareceu Elías.

E outros:

‑Un profeta dos antigos resucitou.

9Pero Herodes dicía:

‑A Xoán mandeino eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?

E buscaba a maneira de ver a Xesús.

 

Multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Mc 6, 30-44; Xn 6, 1-15)

 

10Cando volveron os apóstolos, contáronlle todo canto fixeran. E, colléndoos consigo, retirouse a unha vila chamada Betsaida. 11Pero cando a xente o descubriu, foino seguindo; el acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. 12E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:

‑Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.

13Pero el replicoulles:

‑Dádelles vós de comer.

Eles contestaron:

‑Pero ¡se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.

14Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles ós seus discípulos:

‑Colocádeos en grupos de cincuenta.

15Dixéronllelo, e sentaron todos. 16El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos ós discípulos, para que llelos servisen á xente. 17Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.

 

Confesión de Pedro e primeiro anuncio da

paixón (Mt 16, 13-23; Mc 8, 27-33)

 

18Unha vez que estaba en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:

‑¿Quen di a xente que son eu?

19Eles responderon:

‑Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.

20Insistiu:

‑¿E vós quen dicides que son eu?

Respondeu Simón Pedro:

‑O Mesías de Deus.

21Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. 22E engadiu:

‑Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ó terceiro día resucite.

 

Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Mc 8, 34-9, 1)

 

23Despois dirixiuse a todos:

‑Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. 24Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. 25Pois ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína? 26Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos.

27E tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen antes veren chegar o Reino de Deus.

 

A transfiguración (Mt 17, 1-9; Mc 9, 2-10)

 

28Oito días despois desta conversa, colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ó monte a orar. 29Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. 30De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. 31Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. 32Pedro e mais os outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. 33Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:

‑Mestre, ¡que ben que esteamos nós aquí! ¿Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?

Pero non sabía o que dicía. 34E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. 35Entón unha voz dixo desde a nube:

‑Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.

36Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.

 

O neno epiléptico (Mt 17, 14-18; Mc 9, 14-27)

 

37O outro día, baixando do monte, saíulle moita xente ó encontro 38e un home exclamou:

‑Mestre, suplícoche que repares no meu fillo, que é o único que teño. 39Un espírito apodérase del, berrando e retorcéndoo entre escumallos, e cústanos moito que o deixe, e queda acorando.

40Pedinlles ós teus discípulos que llo botasen fóra, pero non llo deron botado.

41El contestou:

‑¡Oh xeración incrédula e perversa! ¿Ata que día vou ter que estar convosco e aturarvos? Tráeme aquí ese teu fillo.

42E cando llo levaban, o demo retorceuno e zapateouno no chan. Pero Xesús berroulle ó espírito inmundo e curou o neno, devolvéndollo a seu pai. 43Todos quedaron abraiados da grandeza de Deus.

 

Novo anuncio da súa paixón (Mt 17, 22-23; Mc 9, 30-32)

 

Admirado por todos, polas cousas que facía, Xesús díxolles ós seus discípulos:

44‑Quédevos isto ben gravado: ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes.

45Pero eles non entendían o que dicía, porque lles estaba velado; e non ousaron pedirlle unha aclaración.

 

Quen é o máis importante (Mt 18, 1-5; Mc 9, 33-37)

 

46Entón empezaron a discutir sobre quen deles era o máis importante. 47Xesús léndolles o pensamento, achegou un neno a si 48e díxolles:

‑Quen acolle a este neno no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min, acolle a quen me mandou; porque o que é máis pequeno entre vós, ese é o máis importante.

 

Quen non está contra vós, está convosco (Mc 9, 38-40)

 

49Tomando entón a palabra Xoán, dixo:

‑Mestre, vimos un que botaba demos fóra no teu nome, e tratamos de llo impedir, porque non é dos nosos.

50Xesús contestoulles:

‑Pois non llo privedes, que quen non está contra vós, está convosco.

 

­CAMIÑO DE XERUSALÉN

 

Rexeitan a Xesús en Samaría

 

51Cando se ía cumprir o tempo de que o levantasen deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. 52Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada,

53non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. 54O veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:

‑Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?

55Pero el volveuse e rifoulles. 56E foron para outra aldea.

 

Seguir a Xesús (Mt 8, 19-22)

 

57Polo camiño, díxolle un:

‑Seguireite, vaias onde vaias.

58Respondeulle Xesús:

‑As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.

59Díxolle a outro:

‑Sígueme.

Pero el contestoulle:

‑Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.

60Respondeulle:

‑Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.

61Outro díxolle tamén:

‑Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.

62Contestoulle:

‑Quen despois de pó-la man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

Misión dos setenta e dous (Mt 10, 1-2; 9, 37-38; 10, 9-16; Mc 6, 7-11)

 

1Despois disto designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir. 2Díxolles:

‑A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

3Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. 4Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. 5Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". 6E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. 7Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ó seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. 8Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, 9curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus". 10Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: 11Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou ós pés. Aí vos queda.

Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. 12Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis livián para Sodoma do que para aquela vila.

 

¡Ai das vilas impenitentes! (Mt 11, 20-24)

 

13¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que facían penitencia, cubertos de saco e de cinsa. 14Pero o día do Xuízo será moito máis livián para Tiro e Sidón do que para vós. 15E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Alagaraste no abismo!

16Quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou.

 

Regreso dos setenta e dous

 

17Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:

‑Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.

18El replicou:

‑Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. 19Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. 20Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.

 

O Evanxeo é para os sinxelos (Mt 11, 25-27; 13, 16-17)

 

21E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo:

‑Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e prudentes, e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.

22Meu Pai ensinoume tódalas cousas, e ninguén coñece ó Fillo a non ser o Pai, nin coñece ó Pai a non ser o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

23E volvéndose ós discípulos, díxolles á parte:

‑Benia os ollos que ven o que vós vedes. 24Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron ver o que vós vedes, e non o viron; e oír o que vós oídes, e non o oíron.

 

O gran mandamento (Mt 22, 34-40; Mc 12, 28-31)

 

25Ergueuse certo xurista e preguntoulle para o poñer á proba:

‑Mestre, ¿que teño que facer para herdar a vida eterna?

26El respondeulle:

‑¿Que pon a Lei? ¿Que les?

27Contestou:

‑Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.

28El díxolle:

‑Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

 

Parábola do bo samaritano

 

29Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:

‑¿E quen é o meu próximo?

30Xesús replicou:

‑Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. 31Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. 32Igual fixo un clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. 33Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa 34e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. 35O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".

36‑¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

37El respondeu:

‑O que practicou a misericordia con el.

Díxolle Xesús:

‑Pois ti vai e fai outro tanto.

 

Visita a María e Marta

 

38Cando ían de camiño, entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. 39Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. 40Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:

‑Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.

41Pero o Señor respondeulle:

‑Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, 42pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com