Capítulos 16-20

 

CAPÍTULO 16

 

Parábola do administrador infiel

 

1E díxolles tamén ós seus discípulos:

‑Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. 2Chamou por el e díxolle: "¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".

3O administrador púxose a cavilar: "¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. 4¡Ora! ¡Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".

5Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: "¿Ti canto lle debes ó meu amo?". 6El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".

7Despois preguntoulle ó segundo: "¿Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".

8O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.

9Por iso eu avísovos:

‑Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. 10Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. 11Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? 12E se no alleo nos sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? 13Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

14Oíndo estas cousas, os fariseos, que tan amigos son dos cartos, facían riso del. 15El díxolles:

‑Vós, moita fachenda de perfectos; pero Deus coñécevos por dentro; e o que loce ante os homes é noxento para Deus.

 

Outros consellos (Mt 11, 12-13)

 

16A Lei e mais os Profetas chegaron ata Xoán. Desde entón anúnciase o Reino de Deus, e todos utilizan a forza para entrar nel.

17Pero máis facilmente pasarán o ceo e mais a terra do que caia un simple til da Lei.

18Todo o que repudia a súa muller e casa con outra, comete adulterio; e o que casa cunha repudiada polo seu marido, tamén comete adulterio.

 

O rico comellón e mais o pobre Lázaro

 

19Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. 20O pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, 21que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.

22Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos ó seo de Abraham. Morreu tamén o rico, e enterrárono. 23Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e mais a Lázaro no seu seo. 24Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". 25Pero Abraham contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. 26Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós". 27Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes a casa do meu pai, 28onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". 29Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".

30El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". 31Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e mais ós Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

Recomendacións ós discípulos (Mt 18, 6-7. 21-22; Mc 9, 42; 11, 22-23)

 

1Díxolles ós seus discípulos:

‑É irremediable que haxa escándalos; pero ¡ai de quen os provoca! 2Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. 3An-dade con coidado.

Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. 4E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: "Síntoo moito", perdóao.

5Rogáronlle os apóstolos ó Señor:

‑¡Auméntanos a fe!

6O Señor respondeulles:

‑Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.

7E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". 8¿Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" 9¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por facer o que lle manda? 10Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer".

 

Curación dos dez gafos

 

11Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, 12ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, 13e dando voces suplicáronlle:

‑Xesús, Mestre, ten dó de nós.

14El, ó velos, díxolles:

‑Ídevos presentar ós sacerdotes.

E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. 15E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. 16E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. 17Xesús dixo:

‑¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? 18¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?

19E engadiu:

‑Érguete e vaite: salvoute a túa fe.

 

A chegada do Reino de Deus (Mt 24, 23-28. 37-41)

 

20Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles:

‑O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. 21De tal xeito, que non se dirá: "Velaquí, ou velaí está"; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós.

22E díxolles ós seus discípulos:

‑Virán tempos nos que arelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. 23E diranvos: "Mirádeo aí, ou aquí"; pero vós non vaiades nin corrades detrás. 24Porque coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. 25Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.

26O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. 27Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos. 28O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían. 29Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos. 30O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.

31Aquel día o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa que non baixe por elas; e o que estea na leira que tampouco non volva atrás. 32Que vos acorde o caso da muller de Lot. 33Quen intente salvar a súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa. 34Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán ó outro. 35Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.

37Eles preguntáronlle:

‑¿Onde Señor?

Respondeulles:

‑Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

O xuíz e mais a viúva

 

1Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:

2‑Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. 3Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ó meu contrario". 4El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, 5como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".

6E o Señor continuou:

‑Escoitade o que di un xuíz inxusto. 7¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? 8Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?

 

O fariseo e mais o recadador de impostos

 

9Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

10‑Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.

11O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. 12Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".

13O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".

14Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

 

Xesús e os nenos (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16)

 

15E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 16Entón Xesús chamounos e dixo:

‑Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. 17Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel.

 

O rico (Mt 19, 16-22; Mc 10, 17-22)

 

18Un home importante preguntoulle:

‑Mestre bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?

19El contestoulle:

‑¿E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. 20Xa sabes os mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e mais a túa nai.

21El respondeu:

‑Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

22Oíndo aquilo Xesús díxolle:

‑Aínda che queda unha cousa: vende todo canto tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

23O que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico.

 

O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Mc 10, 23-31)

 

24Xesús, ó velo así, comentou:

‑¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 25É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus.

26Todos os que o escoitaban comentaron:

‑Daquela ¿quen se vai poder salvar?

27Pero el dixo:

‑O que para os homes  é imposible, é posible para Deus.

28Entón díxolle Pedro:

‑Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste.

29Xesús respondeulle:

‑Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus, 30non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna.

 

Anuncia por terceira vez a súa morte (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34)

 

31E levando á parte ós Doce, díxolles:

‑Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home. 32Vano entregar ós pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel, 33azoutarano e matarano. Pero ó terceiro día resucitará.

34Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir.

 

O cego de Xericó (Mt 20, 29-34; Mc 10, 46-52)

 

35Cando chegaba a Xericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38El exclamou:

‑¡Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!

39Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto:

‑¡Fillo de David, ten mágoa de min!

40Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:

41‑¿Que é o que queres que che faga?

El respondeu:

‑Señor, que volva ver.

42Xesús díxolle:

‑Recobra a vista: salvoute a túa fe.

43E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén loaba a Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Zaqueo

 

1Chegou Xesús a Xericó e pasaba atravesando a cidade. 2Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. 4Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. 5O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:

‑Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.

6El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:

‑Entrou a se hospedar na casa dun pecador.

8Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:

‑Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.

9Entón Xesús dixo:

‑Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.

 

Parábola das onzas  (Mt 25, 14-30)

 

11Estando a xente escoitando estas cousas, engadiu unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensar a xente que o Reino de Deus ía aparecer de contado. 12Dixo:

‑Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois. 13Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles: "Negociade ata que volva". 14Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el unha embaixada, dicindo: "Non queremos que este sexa o noso rei".

15Cando volveu, xa coroado coma rei, mandou chamar polos criados aqueles, ós que lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un.

16Presentouse o primeiro, dicindo: "Señor, a túa onza produciu outras dez". 17El contestoulle: "Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor de dez cidades".

18Chegou o segundo dicindo: "A túa onza, Señor, produciu outras cinco", 19Contestoulle tamén a este: "Ti tamén serás rexedor de cinco cidades".

20E chegou outro, dicindo: "Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, 21pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e segas o que non sementas". 22El contestoulle: "As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e sego o que non semento. 23Pois logo ¿por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ó chegar, eu podía recoller os intereses".

24E díxolles ós presentes: "¡Quitádelle a onza e dádella ó que ten dez!". 25Eles replicaron: "¡Señor, se ese xa ten dez onzas!"

El seguiu: 26"Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. 27E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei, traédeos aquí, e degoládeos na miña presenza".

28E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.

 

 

XESUS EN XERUSALÉN

 

Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Mc 11, 1-11; Xn 12, 12-19)

 

29E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, 30dicíndolles:

‑Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. 31E se alguén vos pregunta: "¿Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor".

32Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:

‑¿Por que soltades o burriño?

34Eles contestaron:

‑Precísao o Señor.

35Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. 37Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. 38Dicían:

‑¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!

39Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:

‑Mestre, reprende a eses teus discípulos.

40Pero el respondeulles:

‑Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.

 

Laio sobre Xerusalén (21, 6; Mt 24, 2; Mc 13, 2)

 

41E ó enxergaren a cidade, chorou sobre ela 42dicindo:

‑¡Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. 43E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apertarante por todas partes. 44Esnaquizarante contra o chan a ti e mais os teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecer a oportunidade de cando te visitaron.

 

Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Xn 2, 13-22)

 

45Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, 46dicíndolles:

‑Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos.

47Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mais os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. 48Pero non o atopaban, porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33)

 

1Estando naqueles días ensinando ó pobo e anunciando a Boa Nova no templo, presentáronse os sumos sacerdotes, os letrados e mais os senadores, 2e preguntáronlle:

‑¿Con que autoridade fas estas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

3El respondeulle:

‑Vouvos facer tamén eu unha pregunta. A ver, contestade: 4¿O bautismo de Xoán era cousa de Deus ou dos homes?

5Eles matinaban: "Se lle respondemos de Deus, vainos preguntar: 'E daquela ¿por que non lle fixestes caso? 6Pero se lle respondemos: dos homes, a xente toda vainos correr a pedradas, porque está convencida de que Xoán era un profeta". 7E acabáronlle dicindo que non o sabían.

8Xesús replicoulles:

‑Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

 

Parábola da viña  (Mt 21, 33-46; Mc 12, 1-12)

 

9Entón púxose a contarlle á xente esta parábola:

‑Un home plantou unha viña, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. 10No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña. Pero os viñateiros zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras. 11Volveulles mandar outro criado; pero eles mallaron nel, aldraxárono e despedírono coas mans baleiras. 12E volveulles mandar aínda un terceiro; pero eles tamén o malferiron e expulsaron.

13Entón dixo o dono da viña: "¿Que farei? Voulles mandar o meu fillo benquerido: seguro que o respectan".

14O velo, os viñateiros apalabráronse uns cos outros entre si: "Este é o herdeiro; matámolo, e a herdanza é para nós". 15E botárono fóra da viña e matárono.

¿Que fará o dono da viña? 16Voltará, acabará con estes viñateiros, e daralles a viña a outros.

O oíren isto exclamaron:

‑¡Non pode ser!

17Pero el, mirándoos fixamente, díxolles:

‑¿Que significa, logo, o que di a Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal? 18Todo o que caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel enriba do que ela caia, quedará esmagado.

19Decatándose de que ía por eles a parábola, os letrados e mais os sumos sacerdotes quixeron botarlle as mans naquel mesmo momento; pero tivéronlle medo á xente.

 

A contribución ó César (Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17)

 

20Entón puxéronse á espreita e mandáronlle uns espías, que finxían hipocritamente seren boa xente, para ver se o pillaban nalgún delito, e así podéreno entregar á xurisdición do gobernador. 21Así dixéronlle:

‑Mestre, sabemos que falas e ensinas rectamente, e non xulgas polas aparencias, senón que mostras o camiño verdadeiro de Deus. 22¿Está permitido pagar a contribución ó César ou non?

23El coñeceulles a mala intención e contestoulles:

24‑Mostrádeme un denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

Contestáronlle:

‑É do César.

25Xesús replicoulles:

‑Pois logo dádelle ó César o do César; e a Deus o de Deus.

26Non puideron pillalo en ningún dito diante do pobo, e, pasmados da súa resposta, quedaron caladiños.

 

Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27)

 

27Chegaron algúns saduceos ‑eses que negan que haxa resurrección‑ e preguntáronlle:

28‑Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia".  29Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. 30Despois casou con ela o segundo; 31e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. 32O cabo, morreu tamén a muller. 33Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?

34Xesús contestoulles:

‑Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. 35Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, 36pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

37E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.  38E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.

39E nisto algúns dos letrados dixéronlle:

‑Ben falado, Mestre.

40Pois xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.

 

O fillo de David (Mt 22, 41-46; Mc 12, 35-37)

 

41Preguntoulles Xesús:

‑¿Como din que o Mesías é fillo de David? 42O mesmo David di no libro dos Salmos:

Díxolle o Señor ó meu Señor:

séntate á miña dereita,

43que vou poñer os teus inimigos

coma estrado dos teus pés.

44Ora, se David o chama Señor, ¿como vai ser o seu fillo?

 

Denuncia dos letrados (11, 37-54; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)

 

45E diante de toda a xente, díxolles ós seus discípulos:

46‑¡Coidado cos letrados! Gústalles moito de se pasearen ben traxados, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. 47E acábanlles cos bens ás viúvas, co pretexto de faceren longos rezos. Pero hanos xulgar co máis severo castigo.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com