Capítulos 21-24

 

CAPÍTULO 21

 

Xenerosidade da viúva (Mc 12, 41-44)

 

1Ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. 2E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha miseria. 3Entón dixo:

‑Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. 4Porque todos estes botaron do que lles sobra, pero ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.

 

Destrución do templo e signos de Xuízo (Mt 24, 1-3; 10, 17-22; Mc 13, 1-13)

 

5Comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero el díxolles:

6‑Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

7Eles preguntáronlle:

‑Mestre, dinos, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?

8El empezoulles a dicir:

‑Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. 9Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.

10Entón díxolles:

‑Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; 11haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. 12Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; 13así teredes a oportunidade de dar testemuño. 14Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, 15que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. 16Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, 17e todos vos aborrecerán por causa miña, 18e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. 19Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.

 

A destrución de Xerusalén (Mt 24, 15-21; Mc 13, 14-19)

 

20Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. 21Entón os que estean en Xudea, que fuxan para os montes; os que estean na vila, que se afasten; e os que estean no campo, que non entren na vila; 22porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. 23¡Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande apertura no país, e un terrible xuízo para este pobo. 24Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo, e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que se lles cumpra tamén o tempo ós pagáns.

 

A chegada do Fillo do Home (Mt 24, 29-31; Mc 13, 24-27)

 

25Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; 26os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. 27Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria.

28Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.

 

O exemplo da figueira (Mt 24, 32-35; Mc 13, 28-31)

 

29E púxolles esta comparación:

‑Reparade na figueira e nas demais árbores: 30cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. 31Pois vós igual: cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o Reino de Deus. 32Asegúrovos que non pasará está xeración sen que antes aconteza todo isto. 33O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

 

Hai que estar atentos

 

34Tede conta de vós mesmos; non sexa que vos atordedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; 35porque caerá coma un lazo sobre todos os que habitan a terra. 36Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.

37Pasaba os días ensinando no templo; polas noites saía, e pasábaas no Monte chamado das Oliveiras. 38E todo o pobo madrugaba para ir onda el ó templo, escoitalo.

 

 

 

 

A PAIXON

 

CAPÍTULO 22

 

Complot contra Xesús (Mt 26, 1-5. 14-16; Mc 14, 1-2. 10-11; Xn 11, 45-53)

 

1Aproximábase a festa dos Ácimos, chamada tamén a Pascua.

2Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como quitalo do medio, porque lle tiñan medo á xente.

3Nisto Satán apoderouse de Xudas, chamado o Iscariote, que formaba parte dos Doce, 4e foi falar cos sumos sacerdotes e cos oficiais da garda sobre o xeito de entregalo. 5Eles alegráronse, e acordaron darlle cartos. 6El aceptou, e andaba vendo a ocasión de entregárllelo sen que a xente se decatase.

 

Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Mc 14, 12-16)

 

7Chegou o día dos Ácimos, e había que inmolar o año pascual. 8Mandou a Pedro e a Xoán, dicíndolles:

‑Ide preparar a cea pascual.

9Eles preguntaron:

‑¿Onde queres que a preparemos?

10El respondeu:

‑Mirade, cando entredes na cidade, havos saír ó paso un home, levando unha ola de auga. Seguídeo ata a casa onde entre, 11dicídelle ó dono da casa: "O Mestre mándanos preguntar: ¿Onde está o lugar no que poida comer a Pascua cos meus discípulos?". 12El havos mostrar no sobrado unha sala grande, xa disposta: facede alí os preparativos.

13Foron eles, atoparon todo tal como lles dixera, e prepararon a Pascua.

 

A Eucaristía  (Mt 26, 26-30; Mc 14, 22-26; 1 Cor 11, 23-25)

 

14Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos. 15Díxolles:

‑¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! 16Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

17E collendo unha copa, deu grazas e dixo:

‑Tomade e repartídea entre vós, 18pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

19E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

‑Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

20E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:

‑Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

21Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. 22Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ¡ai daquel que o entrega!

23Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.

 

O máis importante (Mt 20, 25-28; Mc 10, 42-45)

 

24Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:

25‑Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. 26Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. 27Pois, ¿quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? ¿Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.

28Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas. 29E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, 30para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.

 

Anuncio das negacións de Pedro (Mt 26, 31-35; Mc 14, 27-31; Xn 13, 36-38)

 

31¡Simón, Simón, mira que Satán vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! 32Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ó que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.

33Díxolle el:

‑Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.

34Respondeulle Xesús:

‑Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

35E logo preguntoulles a todos:

‑Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, sentistes falta de algo?

Eles responderon:

‑De nada.

36El continuou:

‑Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. 37Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o tocante a min vaise cumprir.

38Eles dixéronlle:

‑Señor, temos aquí dúas espadas.

Contestoulles:

‑Basta. Xa está ben.

 

No Monte das Oliveiras (Mt 26, 36-46; Mc 14, 32-42)

 

39Despois de saír, foise como facía sempre ó Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. 40Cando chegaron ó sitio, díxolles:

‑Rogade que non caiades na tentación.

41E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:

42‑Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.

43E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. 44E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.

45Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. 46Díxolles:

‑¿Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

 

Traizón e arresto (Mt 26, 47-56; Mc 14, 43-50; Xn 18, 3-11. 20)

47Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. 48Pero Xesús díxolle:

‑Xudas, ¿cun bico entregas o Fillo do Home?

49Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:

‑Señor, ¿sacamos as espadas?

50E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.

51Pero Xesús díxolle:

‑Deixádeos facer.

E tocándolle a orella, sandoulla.

52Entón díxolles ós que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:

‑Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. 53Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.

 

As negacións de Pedro (Mt 26, 57-58. 69-75; Mc 14, 53-54. 66-72; Xn 18, 12-18. 25-27)

 

54Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. 55En-cenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. 56Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:

‑Este tamén andaba con el.

57El negouno dicindo:

‑Muller, eu non o coñezo.

58Pouco despois viuno outro criado, e dixo:

‑Ti es deles tamén.

Pero Pedro exclamou:

‑Non, home, non son.

59Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:

‑Si, seguro que andaba con el, que é galileo.

60Pedro replicou:

‑Pero home, eu non che sei de que falas.

E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. 61O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces". 62Saíu para fóra, e chorou amargamente.

 

Burlas e golpes a Xesús (Mt 26, 67-68; Mc 14, 65)

 

63Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; 64tapábanlle a cara e preguntábanlle:

‑Fai agora de profeta: ¿quen che zoupou?

65E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

 

Xesús ante o Sanedrín (Mt 26, 59-66; Mc 14, 55-64; Xn 18, 19-24)

 

66Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e acordaron levalo ó Sanedrín. 67E dixéronlle:

‑Se ti es o Mesías, dínolo.

El contestoulles:

‑Se volo digo, non me ides crer; 68se vos fago preguntas, non me ides responder. 69Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.

70Preguntáronlle todos:

‑¿Logo es ti o Fillo de Deus?

El respondeu:

‑Vós o dicides: eu son.

71Eles exclamaron:

‑¿Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

Xesús ante Pilato (Mt 27, 1-2. 11-14; Mc 15, 1-5; Xn 18, 28-38)

 

1Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato. 2Alí empezárono a acusar, dicindo:

‑Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle pagar o tributo ó César, e declarándose ademais Mesías e rei.

3Pilato preguntoulle:

‑¿Es ti o rei dos xudeus?

Respondeulle:

‑Ti o dis.

4Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente:

‑Eu non atopo delito ningún neste home.

5Pero eles teimaban dicindo:

‑Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.

 

Ante  Herodes

 

6Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7O saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

8Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. 9Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. 10Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo con ardor. 11Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. 12E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

 

Condenado á morte (Mt 27, 15-26; Mc 15, 6-15; Xn 18, 39-19, 16)

 

13Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo 14e díxolles:

‑Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; 15nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; 16así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.

18Pero todos empezaron a berrar, dicindo:

‑¡Fóra ese, solta a Barrabás!

19(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).

20Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. 21Pero eles berraban:

‑¡Crucifícao, crucifícao!

22Pilato replicou por terceira vez:

‑¿Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.

23Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. 24Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. 25Soltou ó que reclamaban ‑o encadeado por revolta e asasinato‑, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo.

 

Crucifixión (Mt 27, 32-44; Mc 15, 21-32; Xn 19, 17-27)

 

26Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. 27Ia tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. 28Xesús volvéndose a elas, díxolles:

‑Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. 29Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron". 30E pediranlles ós montes: ¡Caede enriba de nós!, e ós outeiros: tapádenos. 31Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á seca?

32Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. 33E cando chegaron ó lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.

34Xesús dicía:

‑Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.

E, botando á sorte, repartiron a roupa del. 35A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:

‑A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

36Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, 37dicin-do:

‑Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

38E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

39Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:

‑¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

40Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:

‑¿Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? 41Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

42E dicíalle:

‑Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

43Xesús respondeulle:

‑Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

 

Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Mc 15, 33-41; Xn 19, 28-30)

 

44Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. 45Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. 46Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:

‑¡Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.

E dicindo isto, morreu.

47O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:

‑Realmente este home era inocente.

48E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ver o que pasaba, volvía batendo no peito. 49Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.

 

Sepultura (Mt, 27, 57-61; Mc 15, 42-47; Xn 19, 38-42)

 

50Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro 51‑aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello‑, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, 52presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. 54Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado. 55Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba. 56Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

 

 

 

 

A RESURRECCIÓN

 

CAPÍTULO 24

 

Anuncio da resurrección (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Xn 20, 1-10)

 

1A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. 2Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. 3Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. 4Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. 5Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:

‑¿Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? 6Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: 7que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.

8A elas acordáronlles aquelas palabras súas, 9e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a todos os demais. 10Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; 11pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.

12Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.

 

Camiño de Emaús (Mc 16, 12-13)

 

13Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. 14Ian falando de canto pasara. 15E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. 16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. 17Entón preguntoulles:

‑¿De que ides falando polo camiño?

Eles pararon cun rostro moi tristeiro, 18e Cleofás, un deles, respondeulle:

‑¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?

19El preguntou:

‑¿De que, logo?

Eles contestaron:

‑Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; 20de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. 21Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. 22Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó riscar o día ó sepulcro, 23e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. 24E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.

25Entón díxolles:

‑¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! 26E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

27E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

28O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. 29Pero eles porfiáronlle, dicindo:

‑Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.

Quedou con eles. 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. 31Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. 32E dixeron:

‑¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?

33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, 34que dicían:

‑É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.

35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.

 

Aparición ós apóstolos (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Xn 20, 20-23; Feit 1, 6-8)

 

36Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:

‑¡A paz sexa convosco!

37Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. 38Pero el díxolles:

‑¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? 39Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.

40E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. 41Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:

‑¿Tedes por aí algo que comer?

42Déronlle un anaco de peixe asado. 43El colleuno e comeuno diante deles. 44Logo díxolles:

‑A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.

45E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. 46E engadiu:

‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, 47e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. 48Vós seredes testemuñas de todo isto. 49E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.

 

Ascensión de Xesús  (Mc 16, 19-20; Feit 1, 9-11)

 

50Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos. 51E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ó ceo. 52Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. 53E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com