Capítulos 11-15

 

CAPÍTULO 11

 

A Oración (Mt 6, 9-15; 7, 7-11)

 

1Dunha vez despois de estar el orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:

‑Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos.

2Respondeulles:

‑Cando recedes, dicide:

Pai, ¡sexa santificado o teu Nome!

Pai,

¡veña o teu Reino!

3Dános cada día o noso pan.

4E perdoa os nosos pecados,

como tamén perdoamos nós

a todo o que nos debe;

e non nos sometas á tentación.

5Logo continuou:

‑Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, 6que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". 7E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mais os nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". 8Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, cando menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.

9Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. 10Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".

11Ou logo, ¿que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? 12¿Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? 13Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousa boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan!

 

Xesús e Belcebul (Mt 9, 32-34; 12, 22-30. 43-45; Mc 3,  22-27)

 

14Estaba botando un demo mudo; e cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, 15pero algúns deles dixeron:

‑Este bota fóra os demoños co poder de Belcebul, xefe dos demos.

16Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. 17Pero el, coñecéndolles o que pensaban, díxolles:

‑Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. 18Pois ben, se Satán está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. 19Pero se eu boto os demoños co poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan vosos fillos?

Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 20Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. 21Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. 22Pero se chega un máis forte, e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. 23Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama.

 

Volta do espírito malo (Mt 12, 43-45)

 

24Cando o espírito malo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín"; 25e, ó chegar, atopa a casa varrida e ordenada. 26Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí; resultando que á fin aquel home acaba estando peor do que ó principio.

 

A verdadeira felicidade

 

27Mentras el dicía estas cousas, unha muller de entre a xente exclamou en voz alta:

‑¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

28Pero el replicoulle:

‑Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan.

 

O sinal de Xonás (Mt 12, 38-42; Mc 8, 12)

 

29A xente xuntábase arredor del e Xesús púxose a dicirlles:

‑Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. 30Pois coma Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración.31A reina do Sur enfrontarase no Xuízo con estes homes, e fará que os condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. 32Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse cando escoitaron a predicación de Xonás; e aquí está quen é máis ca Xonás.

 

A lámpada (8, 16; Mt 5, 15; 6, 22-23; Mc 4, 21)

 

33Ninguén acende unha lámpada para metela nun recuncho ou debaixo dun cazolo, senón enriba dun candeeiro, para que cantos entren vexan a luz. 34A luz do teu corpo é o teu ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero se está malo, tamén o teu corpo estará na escuridade. 35Mira ben, logo, que a luz que hai en ti non sexa realmente escuridade. 36Se o teu corpo está alumado, sen traza de escuridade, estará resplandecente coma cando a candea te aluma relucente.

 

Contra os fariseos e xuristas (20, 45-47; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)

 

37Mentres falaba, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou e púxose á mesa. 38O fariseo estrañoulle que non se lavase antes de comer. 39Pero o Señor díxolle:

‑Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. 40¡Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? 41Pois logo, dade en esmolas o que hai dentro, e veredes como tódalas cousas serán limpas para vós.

42¡Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por tódalas verduras, e deixades a un lado a xustiza e mais o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro.

43¡Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas, e porque vos fagan reverencias nos rueiros!

44¡Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven, e que a xente pisa sen se decatar!

45Entón un xurista, tomando a palabra, replicoulle:

‑Mestre, dicindo esas cousas, tamén nos aldraxas a nós.

46El contestoulle:

‑¡Ai tamén de vós, os xuristas, porque botades enriba dos homes fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!

47¡Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns ós mesmos profetas que asasinaron vosos pais! 48Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais: eles asasinaron e vós facedes os panteóns.

49Por iso dixo a Sabedoría de Deus: "Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros"; 50de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido desde a Creación do mundo: 51desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o Altar e o Santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.

52¡Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar ós que querían entrar.

53E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron a encirralo, tirándolle da lingua, 54para ver se o pillaban no que dicía.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

Actitudes do discípulo (9, 26; 21, 14; Mt 10, 26-33; 12, 32; 10, 19-20; Mc 8, 38; 3, 29; 13, 11)

 

1Tanta era a xente reunida arredor del que se pisaban uns a outros. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ós discípulos:

‑¡Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! 2Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo nin cousa oculta que non se acabe sabendo. 3Porque canto tedes dito na escuridade oirase a plena luz, e o que falastes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar desde as azoteas.

4E a vós, amigos meus, tamén vos digo: non lles teñades medo ós que matan o corpo, pero xa non poden pasar de aí. 5Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Así, repítovolo, temede a este. 6¿Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus non esquece a ningún. 7E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

8E asegúrovos: todo o que volva por min diante dos homes, tamén o Fillo do Home volverá por el diante dos anxos de Deus. 9Pero a quen me negue diante dos homes, tamén o negarán ante os anxos de Deus. 10A todo aquel que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero ó que blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. 11Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir: 12xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesma hora o que é preciso dicir.

 

A cobiza: parábola do rico insensato (Mt 6, 25-34; 19, 21)

 

13Díxolle entón un que estaba entre a xente:

‑Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

14El contestoulle:

‑Home, ¿quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?

15E logo díxolle á xente:

‑Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.

16E propúxolles unha parábola:

‑As terras de certo home rico déranlle moito froito. 17Púxose entón a cavilar: "¿Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" 18E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. 19Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!" 20Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: ¿para quen será todo o que fixeches?"

21Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.

 

Confianza no Pai (Mt 6, 19-21. 25-34)

 

22E díxolles ós seus discípulos:

‑Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (que ides comer) nin polo voso corpo (que ides vestir). 23¿Non vale máis a vida cá mantenza? e ¿non vale máis o corpo có vestido? 24Ollade para os corvos: nin sementan, nin segan, nin tampouco teñen tullas e, mesmo así, Deus mantenos. ¡Pois, canto máis valedes vós cós paxaros!

25¿E quen de vós, por moita ansia que poña lle pode engadir un cóbado á súa estatura? 26Pois logo, se non podedes acadar o máis pequeno, ¿por que andades tan agoniados polo resto? 27Aprendede dos lirios, que nin fían nin tecen, e seguro que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles. 28Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá a botamos no forno, Deus a veste así, ¡canto máis non fará convosco, homes de pouca fe! 29Non vos angustiedes polo que ides comer ou beber; non andedes desacougados. 30Que por esas cousas todas andan agoniados os pagáns; e ben sabe o voso Pai que é o que precisades. 31Procurade, máis ben, o seu Reino, e esas cousas todas hánsevos dar de máis a máis.

32Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino. 33Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. 34Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.

 

Estade preparados (Mt 24, 42-51)

 

35Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; 36sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. 37Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un. 38Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. 39Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. 40Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.

41Díxolle Pedro:

‑Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?

42Contestoulle o Señor:

‑¿Quen é, logo, o administador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume? 43¡Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! 44Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. 45Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar; 46o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. 47O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; 48pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

 

Xesús, causa de división (Mt 10, 34-36)

 

49¡Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! 50Hanme bautizar cun bautismo e ¡xa me tarda a hora de que se cumpra! 51¿Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. 52Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. 53Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

 

Sinais dos tempos (Mt 16, 2-3; 5, 25-26)

 

54Dicíalle tamén á xente:

‑Cando vedes que da banda do mar vén unha nube, axiña dicides: "Temos chuvia", e así é. 55E cando venta do sur, dicides: "Velaí vén o calmizo", e vén mesmo. 56¡Hipócritas! Se sabedes interpretar o cariz da terra e mais o do ceo, ¿como non sabedes interpretar o momento presente?

57E, ¿por que non xulgades por vós mesmos o que cómpre facer? 58Cando vaias co teu contrario ó xuíz, mira de librarte del polo camiño; non sexa que te arrastre onda o xuíz e este te entregue ó garda para que te meta na cadea. 59Que de alí seguro que non saes ata que pagues o último céntimo.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

Parábola da figueira

 

1Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. 2El respondeulles:

‑¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? 3Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. 4¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? 5Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

6E púxolles esta parábola:

‑Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. 7Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?" 8El respondeulle:

"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; 9a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".

 

A muller dobrada

 

10Un sábado estaba Xesús ensinando nunha das sinagogas. 11Había alí unha muller eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar. 12Xesús ó vela chamou por ela e díxolle:

‑Muller, quedas ceiba da túa enfermidade.

13E impúxolle as mans. Ela ficou curada no momento e empezou a loar a Deus. 14Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:

‑Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.

15Replicoulle Xesús:

‑¡Hipócritas! ¿Non ceibades vós, nos sábados, o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? 16E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satán, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?

17Cando tal lles dixo ós adversarios, todos viraron rubios diante del e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.

 

Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mt 13, 31-33; Mc 4, 30-32)

 

18E dicía tamén:

‑¿Con que se parece o Reino de Deus, a que volo compararía eu? 19Évos coma un gran de mostaza que un home sementou na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaban nas súas pólas.

20E proseguiu:

‑¿A que vos compararía eu o Reino de Deus? 21Évos coma o fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.

 

A porta estreita (Mt 7, 13-14. 21-23; 25, 10-12)

 

22Atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.

23Un preguntoulle:

‑Señor, ¿e logo son poucos os que se salvan?

El respondeu:

24‑Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. 25Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes". 26Entón empezaredes a dicir: "¡Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!". 27El repetirá: "Non sei quen sodes. ¡Arredade de min os que practicades a inxustiza!".

28Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. 29E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus. 30Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.

 

Un aviso da morte

 

31Naquel momento chegaron uns fariseos para lle avisar:

‑Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.

32El respondeulles:

‑Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá estou a botar os demoños fóra, e no terceiro día xa acabo. 33Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga para diante, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.

 

Lamento sobre Xerusalén (Mt 23, 37-39)

 

34¡Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e apedras os que mandan onda ti! ¡Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches! 35Pois mirade: a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: ¡Benia o que vén no nome do Señor!

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Outra curación en sábado (6, 6-11; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)

 

1Un sábado ía el comer, á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano. 2Entón apareceu diante del un home hidrópico. 3Xesús preguntoulles ós xuristas e fariseos:

‑¿El está ou non está permitido curar no sábado?

4Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. 5E mirando para eles, díxolles:

‑¿Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?

6A isto non lle souberon que contestar.

 

Os convidados

 

7Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:

8‑Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado 9e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. 10O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. 11Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.

12E díxolle tamén ó que o convidara:

‑E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti. 13Cando deas un baínda quete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; 14e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

 

Os convidados que non acoden (Mt 22, 1-10)

 

15Despois de escoitar todo isto, díxolle un dos convidados:

‑Ditoso o que coma pan no banquete do Reino de Deus.

16El propúxolle:

‑Dunha vez un home deu unha grande cea e convidou a moitos. 17Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase ós convidados, dicíndolles: "Vide xa, que está todo preparado". 18Pero todos empezaron a escusarse. O primeiro dixo: "Merquei unha leira e teño que ila ver; por favor, descúlpame". 19Outro dixo: "Merquei cinco parellas de bois, e teño que probalas; descúlpame, por favor". 20Outro dixo: "Acáboche de casar e non podo ir".

21Volveu o criado e contoulle todo isto ó amo. Entón o dono da casa, todo indignado, mandoulle ó seu criado: "Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá os pobres, eivados, coxos e cegos".

22O criado díxolle: "Xa está feito o que mandaches, e aínda hai sitio". 23Entón o amo mandoulle: "Vai polos camiños e corredoiras e obriga á xente a entrar; quero que se encha a miña casa, 24porque vos aseguro que ningún dos convidados probará a miña cea".

 

O seguimento de Xesús (Mt 10, 37-38)

 

25Nunha ocasión que o seguía moita xente, volveuse a eles e díxolles:

26‑Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. 27O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.

28Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? 29Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo: 30"Este empezou a construír e non deu rematado".

31Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? 32E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

33Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu.

34Ben está o sal; pero se o mesmo sal se volve insulso, ¿con que se pode salgar? 35Xa non vale para nada: nin para a terra, nin para a esterqueira; hai que tirar con el. Quen teña oídos para oír, que escoite.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

A ovella perdida (Mt 18, 12-14)

 

1Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren. 2Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

‑Este acolle os pecadores e come con eles.

3Entón Xesús contoulles esta parábola:

4‑¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? 5E cando a atopa, volve todo contento 6para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera". 7Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.

 

A moeda perdida

 

8E ¿que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? 9E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". 10Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.

 

O fillo estragador e o pai bo

 

11E dixo tamén:

‑Un home tiña dous fillos. 12O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. 13Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

14Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. 15Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. 16Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

17Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. 18Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; 19xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

20Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. 21O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

22Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. 23Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. 24Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

25Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. 26Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. 27O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". 28Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. 29El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; 30e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

31O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, 32¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".