Capítulos 16-21

Capítulo 16

 

1E foi Sansón a Gaza e viu alí unha muller prostituta, e achegouse a ela. 2E déuselles a noticia ós gazatitas, dicindo: ‑"Anda por aquí Sansón". E fixéronlle un cerco e axexárono toda a noite á porta da vila, agardando toda a noite, cavilando: ‑"ó chegar a luz da mañá, matarémolo". 3E Sansón durmiu ata a media noite, ergueuse a media noite, agarrou as follas da porta da cidade, cos dous esteos, e arrincounas coa tranca, e púxoas enriba dos ombros, e subiunas ó cume do monte que está por riba de Hebrón.

 

Dalilah traizoa a Sansón

 

4E despois disto namorouse dunha muller, no val de Sorec, que se chamaba Dalilah. 5E subiron onda ela os príncipes dos filisteos e dixéronlle: ‑"Sedúceo e pescuda de onde lle ven a súa forza e de que xeito lle poderemos, para amarralo e sometelo. Daquela darémosche cada un de nós mil cen siclos de prata".

6E dixo Dalilah a Sansón: ‑"Móstrame de onde che vén a túa gran forza, e con que terías que ser amarrado para domearte". 7E respondeu Sansón: ‑Se me amarrasen con sete nervios tenros ‑que non secasen aínda‑, amolecería e sería coma un dos outros homes".

8E leváronlle a ela os príncipes dos filisteos sete nervios tenros ‑que non secaran aínda‑, e ela amarrouno con eles. 9Había xente á espreita no seu cuarto e berroulle ela a el: ‑"¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!" Entón el desfixo os nervios como se desfai un fío de estopa cando se lle achega o lume e non se descubriu o segredo da súa forza.

10E díxolle Dalilah a Sansón: ‑"Velaquí que te mofaches de min e me contaches mentiras. Agora, anda móstrame con que habería que amarrarte". 11Respondeulle el: ‑"Se amarrar me amarrades con cordas novas, coas que non se fixo ningún traballo, amolecerei e serei coma un dos outros homes". 12E colleu Dalilah cordas novas, e amarrouno con elas, e gritoulle: ‑"¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón" (e había xente á espreita no cuarto dela). E el crebounas   sobre os brazos, coma se fosen de fío.

13E dixo Dalilah a Sansón: ‑"Ata agora me enganaches e contaches mentiras. Anda, móstrame con que terán que amarrarte". E respondeulle: ‑"Se teces os sete guedellos da miña cabeza con lizo e os fixas cos paus, amolecerei e serei coma un dos outros homes". 14E ela adormeceuno, teceu os sete guedellos da súa cabeza co lizo e fixounos cos paus, e berrou: ‑"¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!"  Pero el  espertando do sono, arrincou os fungueiros  do  tear  e  mais a  urdido.

15E díxolle ela: ‑"¿Como dis quérote, cando o teu corazón non está comigo? Van tres veces que me enganas, e non me mostras de onde che vén a túa gran forza". 16E, como ela se poñía pesada coas súas queixas de todos os días e o atormentaba, ata chegar a ter anguria de morte o seu espírito, 17entón el mostroulle todo o seu corazón, dicíndolle: ‑"Nunca subiu a navalla pola miña cabeza, pois son nazir de Deus desde o ventre da miña nai. Se fose rapado, arredaría de min a miña forza, e esmorecería, e sería coma un dos outros homes". 18E viu Dalilah que lle abrira todo o seu corazón, e mandou chamar ós príncipes dos filisteos, dicindo: ‑"Subide, pois desta vez abriume todo o seu corazón". E subiron onda ela os príncipes dos filisteos, e levaron con eles a prata. 19E adormeceuno á calor dela, e avisou a un dos homes, que lle cortou os sete guedellos da súa cabeza. Entón comezou a enfraquecer, ata perder a forza que tiña. 20Ela berroulle: ‑"¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!" Entón el espertou do sono e dixo: ‑"Sairei como as outras veces, e ceibareime" (sen saber que o Señor se arredara del).

21E apreixárono os filisteos e sacáronlle os ollos, fixérono baixar a Gaza e amarrárono con cadeas e puxérono a moer no cárcere.

22(Agora ben, o cabelo da súa cabeza comezou a medrar desde que fora rapado).

 

Sansón morre matando

 

23E os príncipes dos filisteos xuntáronse para ofreceren un gran sacrificio a Dagón, o seu deus, e para faceren festa. E dicían: ‑"O noso deus púxonos nas mans a Sansón, o noso inimigo". 24E, ó velo o pobo, loaron ó seu deus, pois dicían: ‑"O noso deus púxonos nas mans ó noso inimigo, o que devastaba o noso país e multiplicaba os nosos mortos".

25E, cando o corazón deles estaba contento, dixeron: ‑"Chamade a Sansón e que nos divirta". E chamaron a Sansón da cadea, e estivo diante deles facéndoos rir. Despois situárono entre as columnas.

26E dixo Sansón ó rapaz que o levaba da man: ‑"Sóltame e déixame encostar nas columnas que sosteñen o edificio, para que descanse sobre elas". 27(O edificio estaba cheo de homes e mulleres, e estaban alí todos os príncipes dos filisteos; na terraza había uns tres mil homes e mulleres presenciando os xogos de Sansón). 28E clamou Sansón polo Señor deste xeito: ‑"Meu Señor Iavé, lémbrate de min, prégocho, e fortaléceme soamente por esta vez, oh Deus, de xeito que me vingue dos filisteos polos meus dous ollos". 29E apalpou Sansón as dúas columnas do medio, nas que se apoiaba o edificio, e fixo forza sobre elas, nunha coa man dereita, e na outra coa esquerda. 30E dixo Sansón: ‑"¡Morra eu cos filisteos!" E turrou con forza e caeu o edificio enriba dos príncipes e de todo o pobo que había nel. E así foron máis os que matou ó morrer dos que matara en vida.

31E baixaron seus irmáns e toda a casa de seu pai, recollérono e subiron; sepultárono entre Sorah e Extaol, na sepultura de Manóah, seu pai. Sansón fora xuíz en Israel durante vinte anos.

 

 

 

PRIMEIRO APÉNDICE (17, 1-18, 31)

 

O santuario de Micah

 

Capítulo 17

 

1Había un home da serra de Efraím, chamado Micah. 2E díxolle á súa nai: ‑"Os mil cen siclos de prata que che foran roubados ‑e polos que ti comezaches a botar maldicións, que incluso as dixeches nos meus oídos‑, velaquí que esa prata téñoa eu, collina eu". E dixo súa nai: ‑"¡Bendito sexas de Iavé, meu fillo!"

3E devolveu os mil cen siclos de prata á súa nai. E dixo ela: ‑"Este diñeiro que me pertence, quédalle ofrecido ó Señor en favor de meu fillo, para facer un ídolo e unha imaxe fundida".

4Foi el e devolveulle a prata a súa nai. Colleu súa nai douscentos siclos de prata e deullos ó ourive, que fixo con eles unha imaxe esculpida e unha imaxe fundida, que quedaron na casa de Micah.

5E o tal Micah tiña un santuario, e fixo un efod e uns terafim, e consagrou un de seus fillos, facéndoo sacerdote.

6Naquel entón non había rei en Israel e cadaquén facía o que lle viña en gana.

7E había un mozo de Belén de Xudá, da familia de Xudá, que era levita e que vivía alí; 8e foi o home desde a cidade de Belén de Xudá, para residir onde atopase algo, e chegou á serra de Efraím, a pé da casa de Micah, namentres ía de camiño. 9E díxolle Micah: ‑"¿De onde vés?" E respondeulle el: ‑"Son un levita, de Belén de Xudá, e veño residir onde atope algo". 10Díxolle Micah: ‑"Queda comigo, e serás para min un pai e un sacerdote, e dareiche dez siclos de prata cada ano, un xogo de vestidos e a túa mantenza". E pareceulle ben ó levita, 11e aledouse de quedar con aquel home, e foi o mozo para el como un da súa casa. 12E Micah consagrou o levita e tívoo como sacerdote, e quedou na casa de Micah. 13E dixo Micah: ‑"Agora sei que me ha de amparar o Señor, pois teño de sacerdote este levita".

 

Os danitas vanse para o Norte

 

Capítulo 18

 

1Naquel entón non había rei en Israel e a tribo de Dan buscaba un territorio onde residir, pois non lle correspondera aínda unha herdanza entre as tribos de Israel. 2E enviaron os fillos de Dan desde aló ‑desde Sorah e Extaol‑ cinco homes da súa xente ‑homes forzudos‑ para explorar  o país; e chegaron á serra de Efraím, á casa de Micah, e pasaron alí a noite. 3Estando eles na casa de Micah, distinguiron a voz do mozo levita, e, achegándose alí, dixéronlle: ‑"¿Quen te trouxo a ti aquí? ¿Que estás facendo? ¿A que te dedicas?" 4Respondeulles el: ‑"Micah fíxome isto e isto e contratoume e tenme de sacerdote". 5Entón dixéronlle eles: ‑"Pide un oráculo a Deus e así saberemos se a viaxe que estamos facendo sairá ben". 6Díxolles o sacerdote: ‑"Ide en paz, pois a mirada de Deus está posta no camiño que percorredes".

7E foron os cinco homes e chegaron a Laix. Viron que a xente de alí vivía confiada, ó xeito dos sidonios ‑tranquila e despreocupada‑, sen unha institución que domeara; e que estaban lonxe dos sidonios e non tiñan trato con ninguén.

8E chegaron onda seus irmáns ‑a Sorah e Extaol‑, e dixéronlles estes: ‑"¿Que tal vos foi?" 9E respondéronlles: ‑"¡Adiante!: vaiamos contra eles, pois vimos o país, e velaquí que é bo de abondo. ¿E vosoutros seguides quedos? Non sexades lacazáns para irdes tomar posesión daquel país. 10Cando vaiades, encontraredes unha xente confiada e un país folgado, que puxo o Señor nas vosas mans; un lugar no que non hai falta de nada do que hai na terra".

11E saíron de alí, da liñaxe dos danitas de Sorah e Extaol, seiscentos homes cinguidos cos aparellos da guerra; 12e subiron e acamparon en Quiriat-Iearim, en Xudá. Por iso nomearon aquel lugar Campamento de Dan ata o día de hoxe. Queda detrás de Quiriat-Iearim. 13E desde alí pasaron á serra de Efraím e chegaron onda a casa de Micah. 14E faláronlles a seus irmáns os cinco homes que foran explorar o país de Laix e dixéronlles: ‑"¿Sabedes que nestas casas hai un efod, uns terafim, un ídolo e unha imaxe fundida? Daquela ídevos informar do que tedes que facer". 15E, deixando aquel sitio, chegaron á casa do mozo levita ‑a casa de Micah‑, e preguntáronlle que tal lle ía. 16A todo isto, os seiscentos homes dos fillos de Dan cinguidos cos aparellos de guerra estaban firmes xunto á porta. 17E pasaron os cinco homes que foran recoñecer o país e entraron e colleron o ídolo, o efod, os terafim e a imaxe fundida, e mais o sacerdote, que estaba no limiar da porta cos seiscentos homes cinguidos cos aparellos da guerra. 18E, entrando eles na casa de Micah, colleron o ídolo, o efod, os terafim e a imaxe fundida; díxolles o sacerdote: ‑"¿Que estades a facer?" 19E respondéronlle: ‑"Cala a boca e ven connosco, teremos en ti un pai e un sacerdote. ¿Logo paréceche mellor ser sacerdote na casa dun só home que ser sacerdote dunha tribo e dunha familia en Israel?" 20Aledouse o corazón do sacerdote e colleu o efod, os terafim e mais o ídolo, e meteuse no medio da xente. 21E deron media volta e emprenderon camiño, colocando diante deles os nenos, o gando, e as cousas de valor.

22Cando xa eles estaban lonxe da casa de Micah, os homes das casas veciñas da de Micah, xuntáronse e puxéronse a perseguir ós fillos de Dan. 23E chamaron polos fillos de Dan e estes viraron a cara e dixeron a Micah: ‑"¿Que tes ti que vés con xente tan apegada?" 24El respondeu: ‑"Collestes os deuses que eu fixera e mais o sacerdote e largástesvos. ¿E que vai ser de min en adiante? ¡E aínda me preguntades que tes! ¿Que é iso que me dixestes que tes?" 25E dixéronlles os fillos de Dan: ‑"Coidado con rechiar, non sexa que se alporicen contra vós homes de espírito revirado e perdas a túa vida e mais a da túa familia".

26E seguiron o seu camiño os fillos de Dan; e, vendo Micah que eles eran máis fortes ca el, deu media volta e foi para casa.

 

A vila e o santuario de Dan

 

27Eles, levando o que fixera Micah e o sacerdote que tiña, chegaron a Laix ‑onda aquela xente tranquila e confiada‑, e pasáronos polo gume da espada; e á vila prendéronlle lume. 28E non houbo quen a salvase, porque estaba lonxe de Sidón e non tiñan trato con ninguén. Estaba situada no val de Bet-Rehob. Despois reedificaron a vila e habitaron nela. 29E puxéronlle á vila o nome de Dan, por mor de Dan, seu pai, que naceu de Israel; con todo, o primeiro nome da vila fora Laix. 30E os fillos de Dan erixiron o ídolo que tiñan; e Ionatán ‑fillo de Guerxom, o fillo de Menaxés‑ e mais seus fillos, foron sacerdotes da tribo de Dan ata o día do exilio do país. 31E tiveron para eles o ídolo que fixera Micah durante todo o tempo que estivo a casa de Deus en Xiloh.

 

 

SEGUNDO APÉNDICE (19, 1-21, 25)

 

A infamia dos de Guibah

 

Capítulo 19

 

1Naquel entón non había rei en Israel. E aconteceu que un home levita, que vivía no lindeiro da Serra de Efraím, colleu para si unha muller concubina de Belén de Xudá. 2A concubina foille infiel e liscou de onda el para a casa de seu pai, en Belén de Xudá, e estivo alí durante catro meses. 3E ergueuse seu marido e foi detrás dela para lle falar ó corazón e facela volver, levando consigo o seu criado e unha parella de asnos; entrou na casa do pai dela, viuno o pai da moza e aledouse do encontro. 4E retívoo o seu sogro ‑o pai da moza‑ e ficou con el tres días: comeron, beberon e pasaron a noite alí. 5O cuarto día erguéronse de mañanciña e el preparouse para marchar, mais dixo o pai da moza ó seu xenro: ‑"Conforta o teu corazón cun codelo de pan e despois partiredes". 6Daquela sentáronse os dous e comeron e beberon un a carón doutro. E dixo o pai da moza ó marido: ‑"Anímate, ho, pasa aquí a noite, e que se alede o teu corazón". 7O home incorporouse para marchar, pero, ó insistirlle o sogro, cedeu e pasou a noite alí. 8O día quinto levantouse de mañanciña para marchar, e dixo o pai da moza: ‑"Anda, ho, conforta o teu corazón e demorade ata a caída do día". E aínda comeron os dous. 9E dispúxose o home para marchar ‑el e a súa concubina e mais o criado‑, e díxolle o sogro ‑o pai da moza‑: ‑"Mira que o día vai declinando cara á escuridade. Pasade a noite aquí. Fíxate no devalo do día: pasa a noite aquí e aleda o teu corazón; e mañá madrugaredes para andar o voso camiño e irvos para o teu lar". 10Pero o home non consentiu en pasar a noite alí. Ergueuse e foi e chegou fronte a Iebús ‑que é Xerusalén‑, levando consigo os burros aparellados e tamén a súa concubina. 11Cando estaban á altura de Iebús, ía o día moi adiantado e dixo o criado ó seu amo: ‑"Ande, faga favor, dirixámonos a esa cidade dos iebuseos e pasemos a noite nela". 12E díxolle o seu señor: ‑"Non, non imos ir a unha vila allea, que non é dos fillos de Israel; 13mellor será ‑insistiulle ó seu criado‑ que entremos nun deses lugares ‑en Guibah ou en Ramah‑, e que fagamos noite alí". 14Daquela pasaron de largo e foron adiante e púxoselles o sol cerca de Guibah de Benxamín. 15E dirixíronse alá para entrar a pasar a noite en Guibah e foi, e estivo na praza da vila e ninguén os acolleu na súa casa para pasar a noite.

16E velaquí que chegou un vello do seu traballo, polo serán, e o home era da serra de Efraím, forasteiro en Guibah, namentres que os veciños do lugar eran benxaminitas. 17E botou unha ollada e viu ó home viaxeiro na praza da vila. E dixo o vello: ‑"¿Onde vas e de onde vés?" 18E respondeulle: ‑"Nosoutros imos de camiño desde Belén de Xudá ata o lindeiro da serra de Efraím. De alá son eu. Fun ata Belén de Xudá, agora vou para a miña casa e ninguén me acolle no seu lar. 19Levo palla e forraxe para os nosos burros e tamén levo comigo pan e viño para min, para a túa servidora e para o criado dos teus servos: non precisamos cousa ningunha". 20E dixo o vello: ‑"Que haxa paz para ti, que de todas as túas necesidades coidarei eu; ti non pases a noite na praza. 21E levouno á súa casa e botoulles palla ós burros; lavaron os pés, comeron e beberon".

22Mentres eles aledaban os seus corazóns, velaquí que os homes da vila ‑homes fillos de Belial‑ rodeaban a casa e forcexaban na porta. E dixéronlle ó vello ‑o dono da casa‑: ‑"Bota para fóra o home que entrou na túa casa, para nos aproveitar del". 23E saíu onda eles o dono da casa e díxolles: ‑"Non, meus irmáns, non obredes mal: xa que este home veu á miña casa, non cometades esa infamia. 24Velaquí que vos sacarei a miña filla virxe e mais a concubina del, para que as abaixedes e fagades con elas o que vos veña en gana; pero ó home este non lle fagades nin sequera un chisco de tal infamia". 25Mais non quixeron escoitalo aqueles homes. Entón agarrou o home á súa concubina e botóullela fóra; aldraxárona, abusaron dela toda a noite ata a mañá e deixárona ó abrente. 26E chegou a muller ó romper do día e caeu á porta da casa do home onde estaba o marido, ata a alborada.

27E ergueuse seu marido pola mañá e abriu as portas da casa, saíu para continuar o seu camiño e velaquí que a muller concubina xacía derrubada á entrada da casa coas mans na soleira. 28El díxolle: ‑"Érguete e ímonos". Pero ela non respondeu. Entón colocouna enriba do burro, incorporouse o home e foi para a súa terra. 29Entrou na súa casa, colleu un coitelo, e, agarrando a súa concubina, tallouna en anacos cos seus ósos ‑en doce cachos‑, e espallouna por todos os lindeiros de Israel. E deulles ós mandadeiros a orde seguinte: ‑"Dirédeslle isto a todo home de Israel: 30¿E logo aconteceu cousa semellante desde o día en que os fillos de Israel subiron da terra de Exipto ata o día de hoxe? Matinade sobre ela, cambiade impresións e pronunciádevos". E sucedeu que todos os que a vían, dicían: ‑"Non houbo nin se viu cousa semellante desde o día da subida dos fillos de Israel da terra de Exipto ata o día de hoxe".

 

A guerra contra Benxamín

 

Capítulo 20

 

1E saíron todos os fillos de Israel, congregouse a asemblea coma un só home ‑desde Dan ata Beerxeba e o país de Galaad‑, onda Iavé, en Mispah. 2E presentáronse os xefes de todo o pobo e todas as tribos de Israel na asemblea do pobo de Deus: catrocentos mil homes de a pé, cinguidos de espada.

3(E oíron os fillos de Benxamín que subiran os fillos de Israel a Mispah). E dixeron os fillos de Israel: ‑"Contade como se fixo tal infamia". 4E interveu o home levita ‑o marido da muller asasinada‑, e dixo: ‑"Entrei eu e mais a miña concubina a Guibah de Benxamín, para pasar a noite; 5alporizáron-se contra min os homes de Guibah e rodearon de noite a casa por causa miña, intentando matarme; á miña concubina violárona e morreu. 6E collín a miña concubina, tronceina en anacos e envieina por todo o territorio da herdanza de Israel (pois fixeran unha infamia e unha atrocidade en Israel). 7Xa que todos vosoutros sodes fillos de Israel, ofrecede aquí un consello e unha resolución".

8E ergueuse todo o pobo de Israel coma un só home, dicindo: ‑"Que non marche ninguén á súa tenda, nin lisque ninguén para o seu lar. 9E agora esta é a resolución que tomaremos sobre Guibah: iremos contra ela, botando sortes; 10e sacaremos dez homes por cada cen de todas as tribos de Israel, e cen por cada mil, e mil por cada dez mil, para collermos fornecemento para o pobo, e facer a incursión contra Guibah de Benxamín, por mor da ruindade que fixo contra Israel". 11E congregáronse todos os de Israel contra a vila, xunguidos coma un só home. 12E as tribos de Israel enviaron homes por toda a tribo de Benxamín, dicindo: ‑"¿A que vén ese mal que argallastes entre vós? 13Pois agora entregádenos os homes fillos de Belial que hai en Guibah, para que os fagamos morrer e borremos o oprobio de Israel". Pero os benxaminitas non quixeron escoitar a voz de seus irmáns, os fillos de Israel.

14E xuntáronse os fillos de Benxamín procedentes das vilas, en Guibah, para saíren á loita contra os fillos de Israel. 15E dos fillos de Benxamín procedentes das vilas chegáronse a contar no día aquel vinte e seis mil homes, cinguidos de espada, descontando os veciños de Guibah, que viñan sendo setecentos homes escolleitos. 16Entre esa morea de xente había setecentos homes escolleitos, zurdos, todos eles capaces de lanzar unha pedra a un pelo sen fallaren. 17E dos homes de Israel ‑descontado Benxamín‑ chegáronse a contar catrocentos mil homes cinguidos de espada, todos eles guerreiros.

18Erguéronse e subiron a Betel, consultaron a Deus e dixeron os fillos de Israel: ‑"¿Quen de nós subirá o primeiro para a loita contra os fillos de Benxamín?" E respondeu Iavé: ‑"O primeiro será Xudá".

19E erguéronse os fillos de Israel pola mañá e acamparon por riba de Guibah. 20Saíu cada un de Israel para a loita contra Benxamín e dispuxéronse en orde de batalla contra Guibah.

21Saíron os fillos de Benxamín de Guibah e botaron por terra no día aquel a vinte e dous mil homes de Israel.

22Logo que se refixo o pobo de guerra de Israel, xuntáronse para se bateren na loita no lugar onde batallaran o primeiro día. 23E subiron os fillos de Israel, choraron diante de Iavé ata o serán e consultaron o Señor, dicindo: ‑"¿Convén presentar de novo a loita ós fillos de Benxamín, o noso irmán?" E dixo Iavé: ‑"Subide contra el".

24E achegáronse os fillos de Israel ós fillos de Benxamín no segundo día. 25Saíu Benxamín ó encontro deles desde Guibah, no segundo día, e botaron por terra outra vez a dezaoito mil homes dos fillos de Israel, todos eles cinguidos de espada.

26E rubiron todos os fillos de Israel ‑o pobo enteiro‑, chegaron a Betel, choraron diante do Señor, e xaxuaron aquel día ata o serán; ofreceron holocaustos e sacrificios pacíficos diante de Iavé. 27E consultaron os fillos de Israel a Iavé (e estaba alí, naquel entón, a Arca da Alianza de Deus, 28e Pinhás ‑o fillo de Elazar, fillo de Aharón‑, exercía diante dela naquel tempo): ‑"¿Logo deberemos saír de novo para a loita contra os fillos de Benxamín, noso irmán, ou renunciar?" E dixo Iavé: ‑"Subide, que mañá vounos poñer nas vosas mans".

29E Israel puxo emboscadas ó redor de Guibah. 30Subiron os fillos de Israel contra os fillos de Benxamín o terceiro día e presentaron batalla a Guibah como das outras veces. 31E saíron os fillos de Benxamín ó encontro do pobo, arredando da vila, e comezaron a mallar no pobo, botándoos por terra como as outras veces polas corredoiras que soben unha delas a Betel e a outra a Guibah, polo campo (chegando a matar arredor de trinta e dous de Israel). 32E dixeron os fillos de Benxamín: ‑"Xa os temos derrotados, como da primeira vez". Pero os fillos de Israel dixeran: ‑"Que veñan e os arredaremos da vila cara ás corredoiras". 33Erguéronse entón dos seus postos todos os homes de Israel, e presentaron batalla en Baal-Tamar. E os da emboscada de Israel chimpáronse fóra do seu lugar ó oeste de Gueba. 34E chegaron enfronte de Guibah dez mil homes escollidos de todo Israel e fortaleceuse a loita; eles non se decataban do mal que lles estaba vindo enriba. 35E Iavé derrotou a Benxamín ante Israel e os fillos de Israel botaron por terra no día aquel a vinte e cinco mil cen homes de Benxamín, todos eles cinguidos de espada. 36Viron os fillos de Benxamín que estaban vencidos e os homes de Israel cederon terreo, pois confiaban na emboscada que puxeran contra Guibah. 37E os da emboscada déronse présa para arremeteren contra Guibah; foron adiante e pasaron a toda a vila polo gume da espada.

38(Os homes de Israel quedaran nun sinal cos da emboscada: que estes farían subir da vila unha columna de fume). 39Arredáronse da loita os homes de Israel e os de Benxamín comezaron a mallar neles, botando por terra a uns trinta homes, pois dixeran: ‑"De certo xa os temos vencidos, como na primeira batalla". 40Pero velaquí o sinal: unha columna de fume comezou a subir da vila. E ollaron os de Benxamín para atrás, e velaquí que rubía ata o ceo a fogueira da vila. 41Entón os homes de Israel deron volta e quedaron estarrecidos os homes de Benxamín, pois viron o mal que lles viña enriba. 42E volveron as costas ante os homes de Israel polo camiño do deserto; pero atrapounos a loita e ós que saían das vilas desfacíanos polo medio e medio. 43Envolveron ós de Benxamín, perseguíronos decote, e abouxáronos sen respiro ata chegar enfronte de Guibah polo oriente. 44E caeron dos de Benxamín dezaoito mil homes, todos eles xente guerreira. 45E volveron as costas os que quedaban e dirixíronse cara ó deserto, onde a Rocha de Rimón, e foron atrapados nas corredoiras cinco mil homes. Perseguíronos os israelitas ata Guidom e mataron a dous mil deles. 46E foron todos os mortos de Benxamín no día aquel vinte e cinco mil homes, cinguidos de espada, todos eles xente guerreira. 47Con todo, seiscentos homes dos que volveran as costas dirixíronse cara ó deserto, onda a Rocha de Rimón, e ficaron na Rocha de Rimón catro meses.

48Os homes de Israel volvéronse contra os fillos de Benxamín e pasaron polo gume da espada a totalidade da vila, comprendido o gando e todo o que atopaban. Ademais prendíanlles lume a todas as vilas que encontraban.

 

Castigo de Iabex e recuperación de Benxamín

 

Capítulo 21

 

1Os homes de Israel fixeran en Mispah este xuramento: ‑"Ninguén de nós dará a súa filla como esposa a un de Benxamín".

2Chegou o pobo a Betel e estivo alí ata o serán diante de Deus. E deron laídos e prorromperon en gran choro; 3e dixeron: ‑"¿Por que, Iavé, Deus de Israel, aconteceu isto contra Israel, que lle falte hoxe a Israel unha tribo?"

4O día seguinte madrugou o pobo e construíron alí un altar e ofreceron holocaustos e vítimas pacíficas. 5E dixeron os fillos de Israel: ‑"¿Quen hai de entre todas as tribos, que non subira para a asemblea onda Iavé?" (Pois fixérase un xuramento solemne verbo de quen non subise onda Iavé a Mispah: que de certo había de morrer).

6E, doídos os fillos de Israel polos de Benxamín, seus irmáns, dixeron: ‑"Hoxe foi arrincada de Israel unha tribo. 7¿Que faremos con eles ‑cos restantes‑ para procurarlles casamento? (pois nós xuramos polo Señor non lles dar as nosas fillas por esposas)". 8E dixeron: ‑"¿Quen hai de entre as tribos de Israel que non subise onda Iavé, a Mispah?" Velaquí que non houbo un de Iabex-Galaad que entrase no campamento para a asemblea. 9(Pois fora contado o pobo e acontecía que non había alí ningún dos veciños de Iabex-Galaad).

10E mandou alá a asemblea doce mil homes guerreiros, ós que lles deron esta encomenda: ‑"Ide e pasade polo gume da espada ós veciños de Iabex-Galaad, incluídas as mulleres e mais os nenos. 11E isto é o que habedes de facer: poredes en entredito a todo home e mais a toda muller que entendera de deitarse con homes". 12E atoparon entre os veciños de Iabex-Galaad catrocentas rapazas virxes, que non tiveran experiencia de se deitaren con homes. E leváronas ó campamento, a Xiloh (que está na terra de Canaán).

13E toda a asemblea enviou mandadeiros ós fillos de Benxamín que estaban na Rocha de Rimón e anunciáronlles a paz. 14Daquela volveron os benxaminitas e déronlles para eles as mulleres que sobreviviran de entre as mulleres de Iabex-Galaad; pero non eran abondas para eles.

15E o pobo compadeceuse dos de Benxamín, pois Iavé fixera unha fenda nas tribos de Israel. 16E dixeron os anciáns da asemblea: ‑"¿Que faremos para que os restantes teñan mulleres (pois as mulleres de Benxamín foron exterminadas)?" 17E dixeron: ‑"Háselle dar herdanza ó resto de Benxamín, para que non desapareza unha tribo das de Israel; 18pero nós non podemos darlles as nosas fillas como esposas (pois os fillos de Israel fixeran este xuramento: Sexa maldito quen lle dea unha muller ós de Benxamín)". 19E dixeron: ‑"Velaquí que hai todos os anos unha festa de Iavé en Xiloh, ó norte de Betel, ó oriente do camiño que sobe de Betel a Xequem, ó sur de Lebonah". 20E deron orde ós fillos de Benxamín, dicindo: ‑"Ide e facede unha emboscada nas viñas. 21Estade á espreita e, cando saian as mozas de Xiloh para danzar no corro, saídes vós de entre as viñas e pillades cada un unha muller de entre as mozas de Xiloh e ídesvos para a terra de Benxamín. 22E cando veñan seus pais ou seus irmáns a preitear contra vós, dirémoslles: Sede bos con eles, pois non puideron coller muller para cada home cando a guerra, pois non llelas destes a eles naquel entón, para non incorrerdes en culpa".

23Fixeron así os fillos de Benxamín e tomaron esposas, de acordo co número deles, das bailadoras que pillaran. Entón marcharon e volveron así á súa herdanza; e refixeron as vilas e habitaron nelas.

24Daquela foron tamén os fillos de Israel a cadansúa tribo e familia e saíron de alí cada un para a súa herdanza.

25Naquel entón non había rei en Israel e cadaquén facía o que lle viña en gana.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com