Capítulos 11-15

Iefté, os seus paisanos e os amonitas

 

Capítulo 11

 

1E Iefté, o galaadita, era un guerreiro valente, fillo dunha prostituta. Xerárao Galaad. 2E a muller de Galaad deulle outros fillos; e fixéronse grandes os fillos da súa muller, e botaron fóra a Iefté, dicíndolle: ‑"non herdarás na casa de noso pai, pois es fillo doutra muller".

3E liscou Iefté de onda seus irmáns, e estableceuse no país de Tob. E xuntáronse con Iefté homes ruíns, que saían canda el.

4E aconteceu, co pasar do tempo, que os fillos de Amón guerrearon contra Israel. 5E ó batallaren os fillos de Amón contra Israel, foron os anciáns de Galaad para traer a Iefté da terra de Tob. 6E dixéronlle a Iefté: ‑"Ven, e serás o noso xefe e loitaremos contra os fillos de Amón". 7E dixo Iefté ós anciáns de Galaad: ‑"¿Logo vós non me odiastes e me botastes da casa de meu pai? ¿Como é que vides onda min agora, cando estades en apuro?" 8E responderon os anciáns de Galaad a Iefté: ‑"Por iso tornamos agora onda ti, para que veñas connosco e loites contra os fillos de Amón e sexas o noso xefe e o de todos os veciños de Galaad". 9E dixo Iefté ós anciáns de Galaad: ‑"Se me facedes volver para loitar contra os fillos de Amón, e os pon o Señor nas miñas mans, entón serei eu o voso xefe". 10E dixeron os anciáns de Galaad a Iefté: ‑"O Señor sexa demandante contra nosoutros, se non facemos tal como dixeches". 11E foi Iefté cos anciáns de Galaad, e o pobo constituíuno capitán e caudillo; Iefté soltou todo o que tiña que dicir, diante do Señor, en Mispah.

12E enviou Iefté mensaxeiros ó rei dos fillos de Amón, para lle dicir: ‑"¿Que hai entre nós os dous, para que veñas loitar contra min na miña terra?" 13E respondeu o rei dos fillos de Amón ós mensaxeiros de Iefté: ‑"O que hai é que Israel se apropiou da miña terra ‑ó subir el de Exipto‑, desde o Arnón ata o Iaboc e o Xordán; agora, pois, volvédema, e quedamos en paz".

14E Iefté volveu mandar mensaxeiros ó rei dos fillos de Amón, 15manifestándolle: Iefté di isto: ‑"Non apreixou Israel a terra de Moab, nin a terra dos fillos de Amón, 16senón que, ó subir de Exipto, estivo Israel polo deserto, ata o Mar Rubio, e chegou a Cadex. 17E enviou Israel mensaxeiros ó rei de Edom, dicindo: Déixame pasar pola túa terra; pero o rei de Edom non quixo escoitar; e enviounos tamén ó rei de Moab e este non consentiu. Daquela habitou Israel en Cadex. 18E foi polo deserto e rodeou o país de Edom e o país de Moab e chegou polo oriente do país de Moab e acampou na outra banda do Arnón, sen chegar ó lindeiro de Moab (pois o lindeiro de Moab é o Arnón); 19e enviou Israel mandadeiros a Sihón, rei dos amorreos ‑rei de Hexbón‑, e suplicoulle Israel: Déixame pasar polo teu país ata a miña terra; 20e non consentiu Sihón que pasase Israel polos seus lindeiros, e convocou Sihón a todo o seu pobo, e acamparon en Iáhsah, e batallaron contra Israel. 21E o Señor, Deus de Israel, puxo a Sihón e a todo seu pobo nas mans de Israel, de xeito que os venceron, e apropiouse Israel de todo o país dos amorreos, que habitaban aquela terra. 22E tomaron posesión de todo o territorio dos amorreos desde o Arnón ata o Iaboc, e desde o deserto ata o Xordán. 23E agora, cando o Señor Deus de Israel botou ós amorreos de diante do seu pobo Israel, ¿vaste ti sobrepoñer? 24¿E logo non acadaches ti o que Kemox, o teu deus, che fixo posuír? Pois tamén nosoutros acadamos o que tiñamos diante, e que o Señor, o noso Deus, nos fixo posuír. 25E agora, ¿es ti máis ca Balac, fillo de Sipor, rei de Moab?; ¿e púxose el a preitear con Israel ou a loitar contra eles? 26E levando Israel trescentos anos de permanencia en Hexbón e nos seus anexos, en Aroer e nos seus anexos, e en todas as vilas que están á beira do Arnón, ¿por que non as recuperastes ó longo de todo ese tempo? 27Daquela eu non pequei contra ti: es ti quen me fai mal batallando contra min. Que o Señor, o xuíz, xulgue hoxe entre os fillos de Israel e os fillos de Amón".

28Pero o rei dos fillos de Amón non quixo escoitar a mensaxe que lle enviara Iefté.

 

O voto de Iefté

 

29E veu sobre Iefté o espírito do Señor e atravesou Galaad e Menaxés; e pasou a Mispah de Galaad e de Mispah de Galaad pasou onda os fillos de Amón.

30E fixo Iefté un voto ó Señor, dicindo: ‑"Se de certo pos os fillos de Amón nas miñas mans, 31o que saia das portas da miña casa ó meu encontro, ó volver eu vitorioso de onda os fillos de Amón, será para o Señor e ofrecereino en holocausto".

32E púxose Iefté a batallar contra os fillos de Amón e entregounos Iave nas súas mans. 33E desbaratounos desde Aroer ata a entrada de Minit (vinte cidades), e ata Abel-Que-ramim: unha desfeita grande abondo, de xeito que os fillos de Amón quedaron abaixados diante dos fillos de Israel.

34E chegaba Iefté a Mispah, á súa casa, cando súa filla saíu ó seu encontro con pandeiros e con danzas (e era ela a única filla, pois non tiña el máis fillos nin fillas). 35E, ó vela, rachou as súas vestiduras e exclamou: ‑"¡Oh miña nena! Magoáchesme de verdade, e ti es a razón da miña mágoa, pois dei a miña palabra ó Señor e non podo botarme atrás". 36E respondeulle ela: ‑"Meu pai: se deches unha palabra ó Señor, fai comigo segundo o que prometiches, xa que o Señor che concedeu vingarte dos teus inimigos, os fillos de Amón". 37E engadiu: ‑"O que che pido é o seguinte: que me deixes dous meses ceiba, para que vaia vagando polos montes, chorando coas miñas amigas a miña virxindade". 38E respondeulle el: ‑"¡Vai!" E deixouna ir durante dous meses; e foi ela coas súas amigas e chorou polos montes a súa virxindade. 39E, ó remate dos dous meses, volveu onda seu pai e este cumpriu con ela o voto que fixera (sen que ela chegase a intimar con varón). E fíxose costume en Israel 40que fosen as mozas de Israel laiarse todos os anos pola filla de Iefté o galaadita catro días cada ano.

 

Loita entre Galaad e Efraím

 

Capítulo 12

 

1E confabuláronse os homes de Efraím e pasaron o río cara a Safón, e dixéronlle a Iefté: ‑"¿Por que fuches batallar contra os fillos de Amón e non nos convocaches para irmos contigo? Ímoslle prender lume á túa casa contigo dentro". 2E respondeulles Iefté: ‑"Tiven eu e mais o meu pobo unha gran loita contra os fillos de Amón e pedinvos axuda e non me salvastes das súas mans. 3E cando vin que ti non me salvabas, arrisquei a miña vida e pasei contra os fillos de Amón e púxoos o Señor nas miñas mans. Daquela, ¿por que subides hoxe contra min para me facerdes a guerra?"

4E convocou Iefté a todos os homes de Galaad e arremeteu contra Efraím; e zorregáronlle os homes de Galaad a Efraím, por dicirlles: ‑"¡Os de Galaad sodes uns fugados de Efraím, no medio de Efraím e de Menaxés!".

5E ocupou Galaad os baixíos do Xordán de diante de Efraím e aconteceu que, cando dicía un dos fuxitivos de Efraím "déixame pasar", preguntábanlle os homes de Galaad: ‑"Ti es efraimita". E respondía: ‑"Non". 6Daquela dicíanlle: ‑"Fai favor de repetir Xibbólet. E dicía: Sibbólet (pois non conseguía pronuncialo ben)". Entón eles apreixábano e degolábano xunto ós areais do Xordán. E caeron naquel entón corenta e dous mil de Efraím.

7E xulgou Iefté a Israel seis anos; e morreu Iefté o galaadita e sepultárono na vila de Galaad.

 

Ibsán, Elón e Abdón

 

8E despois del xulgou a Israel Ibsán de Belén. 9Tiña trinta fillos e trinta fillas, ás que casou fóra de alí; e trouxo de fóra trinta mozas para seus fillos. Xulgou a Israel durante sete anos. 10E morreu Ibsán e foi sepultado en Belén.

11E despois del xulgou a Israel Elón, o zebulonita, quen xulgou a Israel ó longo de dez anos. 12E morreu Elón o zebulonita e foi sepultado en Aialón, no país de Zebulón.

13Despois del xulgou a Israel Abdón, fillo de Hilel, o piratonita. 14Tiña corenta fillos e trinta netos, que cabalgaban sobre setenta asnos. E xulgou a Israel durante oito anos. 15E morreu Abdón, fillo de Hilel, o piratonita, e foi sepultado en Piratón, no país de Efraím, na montaña dos amalecitas.

 

Nacemento milagroso de Sansón

 

Capítulo 13

 

1E volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor e púxoos Iavé nas mans dos filisteos durante corenta anos.

2Había un home de Sorah, da familia dos danitas, chamado Manóah. Súa muller era estéril e non procreara. 3E aparecéuselle á muller un mensaxeiro do Señor e díxolle: ‑"Velaquí que ti es estéril e non xeraches; pero concibirás e parirás un fillo. 4E agora gárdate de beber viño e bebidas fermentadas e non comas nada impuro, 5pois velaquí que concibirás e parirás un fillo, e non subirá a navalla pola súa cabeza, pois o neno será nazir de Deus desde o ventre: e el comezará a salvar a Israel das mans dos filisteos".

6E foi a muller e díxolle a seu marido: ‑"Un home de Deus veu onda min e a súa semellanza era a dun anxo de Deus, terrible de abondo; e non lle preguntei de onde era nin el me manifestou o seu nome. 7E díxome: Velaquí que concibirás e parirás un fillo. E agora non bebas viño nin bebidas fermentadas, e non comas nada impuro, pois o neno será nazir de Deus desde o ventre ata o día da súa morte".

8E suplicou Manóah a Iavé deste xeito: ‑"Rógoche, meu Señor, que volva onda nós o home de Deus que enviaches e nos mostre o que temos que facer co neno cando naza". 9E escoitou Deus a voz de Manóah e volveu o anxo de Deus onda a muller, cando ela estaba sentada no campo (e Manóah ‑seu home‑, non estaba con ela). 10Incorporouse axiña a muller e botou a correr, e contoulle a seu marido: ‑"Velaquí que se me apareceu o home que viñera onda min o outro día".

11Entón Manóah ergueuse e foi detrás de súa muller e chegou a carón do home e díxolle: ‑"¿Logo ti es o home que lle falou a esta muller?" E respondeulle el: ‑"Si, son eu". 12E dixo Manóah: ‑"Cando se cumpra a túa mensaxe, ¿que procedemento haberá que seguir co neno de xeito que llo apliquemos?" 13E dixo o anxo de Iavé a Manóah: ‑"De todo o que dixen á muller, gardarase: 14de todo o que saia da vide do viño, non comerá; e non beberá viño nin bebidas fermentadas nin comerá nada impuro. Todo o que che mandei, que o garde". 15E dixo Manóah ó anxo do Señor: ‑"¡Anda!, deixa que te reteñamos e que che sirvamos un cabrito". 16E dixo o anxo de Iavé a Manóah: ‑"Aínda que me retiveses, non comería do teu manxar; mais se queres ofrecer un holocausto a Iavé, podes facelo (pois Manóah aínda non se decatara de que era un anxo de Iavé)". 17E dixo Manóah ó anxo do Señor: ‑"¿Como te chamas?, de xeito que te honremos cando se cumpran as túas  palabras". 18E díxolle o anxo de Iavé: ‑"¿A que vén iso de preguntarme polo meu nome, sendo el oculto?" 19E colleu Manóah o cabrito e mais a oblación, e ofreceullos enriba da pedra a Iavé, facedor de marabillas, que contemplaron Manóah e mais a súa muller.  20E aconteceu que, ó subir a lumarada sobre o altar cara ó ceo, apareceu o anxo de Iavé na lumarada do altar; e Manóah e súa muller, ó velo, caeron de xeonllos. 21(E xa non volveu aparecer o anxo de Iavé a Manóah e a súa muller). Entón decatouse Manóah de que era o anxo de Iavé, 22e díxolle Manóah a súa muller: ‑"De certo imos morrer, pois vimos a Deus". 23E respondeulle súa muller: ‑"Se quixese o Señor facernos morrer, non acollería o holocausto e a ofrenda das nosas mans, nin nos faría ver todo isto, nin nos faría escoitar tales cousas neste intre".

24E pariu a muller un neno e puxéronlle de nome Sansón; e o rapaz fíxose grande, e bendiciuno Iavé. 25E o espírito do Señor comezou a movelo ás veces, no campamento de Dan, entre Sorah e Extaol.

 

Casamento de Sansón

 

Capítulo 14

 

1E baixou Sansón a Tímnah e viu en Tímnah unha muller das fillas dos filisteos; 2e subiu e contóullelo a seu pai e a súa nai deste xeito: ‑"Vin en Tímnah unha muller das fillas dos filisteos; pedídema para min e que sexa miña muller". 3E dixéronlle seu pai e mais a sua nai: ‑"¿E logo non terás entre as fillas de teus irmáns e entre todo o teu pobo unha muller para que vaias escoller esposa entre os incircuncisos filisteos?" E respondeu Sansón a seu pai: ‑"Pedídeme esa para min, pois é ela a que me gusta". 4(Seu pai e mais súa nai ignoraban que iso viña de Deus, que buscaba un motivo contra os filisteos, pois naquel tempo os filisteos dominaban en Israel).

5E baixou Sansón con seu pai e súa nai a Tímnah e chegaron ata as viñas de Tímnah e velaquí que unha cría de león saíu ruxindo ó seu encontro. 6Daquela entrou nel o espírito de Iavé, e esgazouno coma se esgaza un cabrito, e iso sen ter cousa na man; e non lle contou a seu pai nin a súa nai o que fixera.

7E baixou e faloulle á muller; e ela gustoulle a Sansón. 8E volveu despois dalgún tempo, para casar con ela, e apartou para ver o cadáver do león, e velaquí que había no corpo do león un enxame de abellas, e mais mel. 9E raspiñou daquilo para a palma da man e foi andando mentres comía, e, en chegando onda seu pai e súa nai, deulles a eles, e comeron; pero ocultoulles que raspiñara o mel do corpo do león.

 

A adiviña de Sansón

 

10E baixou seu pai onda a muller e fixo alí Sansón unha festa, como adoitan os mozos. 11E aconteceu que, cando o viron, colleron trinta compañeiros que estivesen con el. 12E díxolles Sansón: ‑"Deixádeme propoñervos unha adiviña. Se ma desvelades nos sete días da festa e acertades, dareivos trinta pezas de liño e trinta mudas de vestidos. 13Claro que, se non sodes homes a desvelarma, darédesme vós a min trinta pezas de liño e trinta mudas de vestidos". E dixéronlle: ‑"Propón a túa adiviña, que a escoitamos". 14E díxolles:

‑"Do que come

saíu o que se come;

e do forte

saíu a dozura"

E non puideron desvelar a adiviñanza nos tres primeiros días.

15Mais no sétimo día, dixéronlle á muller de Sansón: ‑"Persuade a teu home de que nos desvele a adiviña; se non  prenderémosche lume a ti e á casa de teu pai. ¿Ou é que nos chamaches para nos espoliares? ¿E logo non?"

16E a muller de Sansón botou a chorar diante del e dixo: ‑"Ti soamente me tes odio, non me queres: puxécheslles unha adiviña ós fillos do meu pobo, e a min non ma desvelaches". E respondeulle el:

‑"Velaquí que nin a meu pai nin a miña nai llela desvelei, ¿e heicha de desvelar a ti?" 17E ela chorou diante del os sete días que durou a festa. E aconteceu que no día sétimo lla desvelou, porque se poñía pesada, e entón ela desvelóullela ós fillos do seu pobo.

18E dixéronlle os homes da vila no sétimo día antes da posta do sol:

‑"¿Que mais doce có mel?

¿E que máis forte có león?"

E respondeulles:

‑"Se non fósedes arar

coa miña xovenca,

tampouco dariades descuberto

a miña adiviña".

19E entrou nel o espírito de Iavé e baixou a Axquelón, e matou a trinta deles, e colleulles los seus vestidos para os que desvelaran a adiviña. E alporizouse e subiu á casa de seu pai.

20E a muller de Sansón foi para un seu compañeiro, o que fixera de amigo do noivo.

 

Sansón foxe dos seus inimigos e víngase

 

Capítulo 15

 

1Pasado algún tempo, polos días da ceifa do trigo, foi Sansón visitar a súa muller, levando consigo un cabrito, e dixo: ‑"Voume acaroar á miña muller no seu cuarto". Pero o pai dela non lle consentiu entrar 2e dixo: ‑"Cheguei ó convencemento de que lle colleras odio e deilla ó teu amigo. ¡Oes!, ¿e logo súa irmá a máis nova non está mellor ca ela? ¡Cóllea para ti no sitio da outra!" 3E dixo Sansón: ‑"Desta vez quedarei por inocente verbo dos filisteos, aínda que lles faga mal".

4E foi Sansón e pillou trescentas raposas, e, collendo uns fachos, amarrou os rabos daquelas e puxo un facho no medio de cada dous rabos. 5E prendeu lume nos fachos e guindou as raposas contra os cereais dos filisteos, de xeito que queimou desde os palleiros ata as colleitas, e mesmo as vides e as oliveiras.

6E preguntaron os filisteos: ‑"¿Quen fixo isto?" E responderon: ‑"Sansón, o xenro do timnita, porque este colleu a muller del e deulla a un amigo". Entón subiron os filisteos e prendéronlle lume a ela e mais a seu pai. 7E díxolles Sansón: ‑"Xa que fixestes dese xeito non hei parar ata que me vingue de vós". 8E mallou neles, por riba e por baixo, e fixo un grande estrago. Despois baixou e foise meter nunha fenda da Rocha de Etam.

9E subiron os filisteos e acamparon en Xudá e avanzaron ata Lehí. 10E dixeron os homes de Xudá: ‑"¿Por que subistes contra nós?" E responderon eles: ‑"Subimos para prender a Sansón e facer con el o mesmo que el fixo connosco".

11E baixaron tres mil homes de Xudá á fenda da Rocha de Etam, e dixeron a Sansón: ‑"¿E logo ti non sabes que os filisteos domean sobre nós? ¿Como entón nos fixeches isto?" E respondeu el: ‑"Segundo me fixeron eles, así lles fixen eu. 12Daquela dixéronlle: ‑"Baixamos para prenderte e entregarte nas mans dos filisteos". E díxolles Sansón: ‑"Xurádeme que non me mataredes vós mesmos". 13E responderon eles: ‑"Non, senón que te amarraremos e te entregaremos nas mans deles; pero matar, non te mataremos". E amarrárono con dúas cordas novas e subírono da Rocha. 14Cando chegou a Lehí, os filisteos foron engadados ó seu encontro; pero entrou nel o espírito de Iavé e, daquela, as cordas que levaba sobre os seus brazos foron para el coma fíos de liño cando lles prenden lume, e as correas das mans ceibáronse. 15E atopou unha queixada de burro fresca, e, alongando a man, colleuna e escangallou con ela a mil homes. 16E dixo Sansón:

‑"Coa queixada dun burro,

un burro, dous burros,

coa queixada dun burro,

arreeilles a mil homes".

17E, cando rematou de falar, soltou a queixada da súa man, e chamou a aquel lugar Ramat-Lehí.

18E tivo sede de abondo, e clamou polo Señor, dicindo: ‑"Ti puxeches nas mans do teu servo esta gran vitoria. ¿E agora vou morrer de sede, e caer nas mans dos incircuncisos?" 19Entón Deus fendeu unha pía que había en Lehí e deitou auga dela. E bebeu, recuperou o seu ánimo, e xa alentou. Daquela púxolle de nome á fonte En-Hacoré (e existe en Lehí ata o día de hoxe).

20E Sansón xulgou a Israel en tempos dos filisteos durante vinte anos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com