Capítulos 11-16

Coloquio de Xudit e Holofernes

 

Capítulo 11

 

1Holofernes díxolle:

‑"Animo, muller, non temas: eu nunca lle fixen mal a ninguén que estea disposto a servir a Nabucodonosor, o rei de toda a terra. 2Tampouco non levantaría a lanza contra o teu pobo que habita na montaña, se non se desen ó desprezo: foron eles mesmos os que carrexaron estes males. 3Agora, pois, dime por que razón escapaches deles para vires a nós. Salvaches a vida esta noite e no sucesivo. 4Ninguén ousará facerche mal, senón que serás tratada coma o resto dos servidores de Nabucodonosor, o meu rei e señor".

5Xudit respondeulle:

‑"Acolle as palabras da túa serva, permitíndome falar na túa presenza. Non lle mentirei ó meu señor esta noite. 6Se fas caso de canto che vai dicir a túa escrava, Deus levará o asunto a bo termo e non fracasará o meu señor na súa empresa. 7Pois, pola vida de Nabucodonosor, rei de toda a terra, e polo poder de quen te enviou para endereitar a toda alma vivente, que non só os homes lle serán sometidos, senón que tamén os animais domésticos, e as feras, e as aves do ceo, estarán baixo o dominio de Nabucodonosor e da súa casa.

8En efecto, chegou ata nós a sona da túa sabedoría e gran intelixencia, e divulgouse na nosa terra que ti es o mellor home de todo o reino, poderoso pola túa ciencia e admirable na maneira de levar a guerra. 9Chegou ata nós o discurso que Ahicar pronunciou no teu consello e oímos as súas palabras, xa que a xente de Betulia o colleu prisioneiro, e el comunicoulles todo canto falara na túa presenza. 10Referente a iso, señor e mestre soberano, non despreces as súas palabras, antes gárdaas moi dentro do teu corazón, pois canto dixo é moi certo: a nosa raza non pode ser ferida e a espada non ten ningunha forza contra ela, se eles non pecaron contra o seu Deus. 11Agora precisamente, para que o meu señor non falle o golpe, antes ben a morte caia sobre eles, deixáronse enredar nun crime polo que o seu Deus se alporizará, unha vez cometida esa tolemia. 12Como xa lles faltan os víveres e a auga, teñen o propósito de botar man ós animais domésticos, e están dispostos a consumir incluso o que Deus polas súas leis lles prohibiu comer. 13Decidiron tamén consumir as primicias do trigo, os décimos do viño e do aceite, que, como cousas santas, se reservan para os sacerdotes que asisten en Xerusalén na presenza do noso Deus, e que ningún leigo pode nin tocar coa man. 14Enviaron mensaxeiros a Xerusalén, e os seus moradores fixeron o mesmo, para pediren permiso ó Consello dos Anciáns. 15Cando o obteñan e o realicen, nese mesmo momento seranche entregados para a súa ruína. 16É por isto polo que a túa serva fuxiu deles, sabedora de todas esas cousas. Deus envioume para que realice en ti cousas das que se pasmarán todos os que as saiban en toda a terra. 17Pois a túa serva é piadosa e serve ó Deus do ceo día e noite. Quixera, polo tanto, ficar ó teu lado, meu señor, e a túa escrava sairá pola noite para ir ó val, onde pregará a Deus e el dirame cando eles terán cometido o seu pecado.

18Eu virei dicircho e entón ti sairás con todo o teu exército, e non haberá nin un só home de entre eles que poida resistir. 19Eu mesma te guiarei polo medio da Xudea, ata chegar diante de Xerusalén e porei o voso asento no medio desta cidade, e conduciralos coma ovellas sen pastor. Nin sequera un can ladrará contra ti. Pois díxoseme todo isto a través dun coñecemento que se me deu das cousas futuras. Isto foime anunciado, e fun enviada para comunicarcho".

20Moito lles gustaron estas verbas a Holofernes e ós seus oficiais, que,  admirados da súa sabedoría, comentaron:

21‑"Dun extremo ó outro da terra non hai muller semellante, nin pola beleza do seu rostro, nin pola intelixencia que sae de canto di".

22Holofernes díxolle:

‑"¡Que ben fixo Deus ó mandarte diante do teu pobo e traerte aquí, para que o poder estea nas nosas mans, e caia a ruína sobre cantos se mofan do meu mestre! 23Polo que a ti toca, es unha preciosidade e moi discreta nas túas palabras. Se fas canto prometiches, o teu Deus será o meu Deus, e ti terás o teu asento no pazo de Nabucodonosor e serás famosa en toda a terra".

 

Capítulo 12

 

1Despois mandou que a conducisen ó lugar onde gardaba a súa vaixela de prata e dispuxo que a servisen na mesa dos seus propios manxares e que lle desen a beber do seu propio viño. 2Pero Xudit dixo:

‑"Non probarei nada diso, non me vaia servir de ocasión; senón que comerei do que trouxen comigo".

3Holofernes preguntoulle:

‑"E no caso de que se esgote o que trouxeches ti, ¿de onde che traeremos outros alimentos coma eses? Pois entre nós non hai ninguén dos teus".

4Xudit respondeulle:

‑"Pola túa vida, meu señor, que non rematará a túa serva canto trouxo, antes de que o Señor leve a feliz termo pola miña man o seu designio".

5Entón os ministros de Holofernes acompañárona ata a súa tenda e durmiu ata a medianoite, e ergueuse á hora da vixilia matutina. 6Mandou este recado a Holofernes: ‑"Que o meu señor ordene que se lle permita á túa serva saír para orar".

7Holofernes mandou á súa escolta que de ningunha maneira llo impedisen. Ela permaneceu tres días no campamento. Todas as noites ía ó val de Betulia e lavábase, fóra do campamento, na fonte das augas. 8Só saír da auga, poñíase a rezar ó seu Señor, Deus de Israel, a fin de que dirixise o seu camiño para exaltación dos fillos do seu pobo. 9Despois, xa limpa, entraba na tenda e agardaba a comida que lle traían pola tarde.

 

A noite do triunfo

 

10Entón chegou o cuarto día e Holofernes deu un banquete ós seus servidores sós, sen invitar a ningún dos seus ministros. 11E díxolle ó eunuco Bágoas:

‑"Vai e persuade a esa muller hebrea, que está ó teu coidado, para que veña onda nós, e coma e beba connosco. 12Pois sería unha vergonza que unha tal muller fose despedida sen troulear con ela. Se non a conquistásemos, iríase rindo de nós". 13Bágoas, saíndo da presenza de Holofernes, entrou no departamento dela e díxolle:

‑"Non teñas medo, fermosa nena, de ires onda meu señor, para seres honrada na súa presenza, e connosco bebas viño e te enchas de ledicia, e sexas desde hoxe unha das doncelas dos asirios, presentes no pazo de Nabucodonosor".

14Xudit respondeu:

‑"Non contradicirei endexamais ó meu señor; antes farei gustosa canto lle praza, e gabareime de obrar así toda a miña vida".

15Entón ergueuse, puxo os vestidos e enfeites de muller e, adiantándose a súa serva, estendeu diante de Holofernes o tapiz que lle dera Bágoas para o seu uso cotián, para que se recostase nel ó tomar o seu alimento. 16Despois entrou Xudit e recostouse nel. O corazón de Holofernes quedou engaiolado ó contemplala, e a súa alma encheuse de emoción, e cobizaba vivamente xuntarse con ela; pois, desde o día que a viu, buscaba unha ocasión de seducila. 17Holofernes díxolle:

‑"¡Veña!, bebe ti tamén e alégrate connosco".

18Xudit respondeu:

‑"Si que beberei, Señor; pois, de todos os días da miña vida, este é o máis glorioso".

19E comeu e bebeu na presenza de Holofernes de todo canto lle preparara a súa serva. 20Holofernes alegrouse moito véndoa, e bebeu moitísimo viño, máis do que endexamais bebera ningún outro día da súa vida, desde que nacera.

 

Capítulo 13

 

1Chegado o anoitecer, os seus servos déronse présa en se retiraren, e Bágoas pechou a porta por fóra; mandou saír da presenza do seu señor a todos cantos tiña onda el. E eles fóronse deitar, pois todos estaban cansos, debido a que o festín se prolongara máis da conta. 2Xudit quedou soa na tenda; Holofernes ficaba deitado na cama, cheo de viño. 3Xudit dixéralle á serva que se mantivese fóra do cuarto, agardando a que ela saíse, coma os outros días. Iría, en efecto, ter a súa oración. Isto tamén o falara con Bágoas.

4Cando xa todos se foran, sen que quedase ninguén, nin pequeno nin grande, Xudit, en pé onda o leito de Holofernes, orou caladamente:

‑"¡Oh Señor, Deus todopoderoso!

Pon neste momento os ollos na obra das miñas mans

para gloria de Xerusalén.

5Chegou a hora de coller ánimo en favor da túa herdade

e de levar a feliz termo

o que comecei para ruína dos inimigos

que se levantaron contra nós".

6E, achegándose ata a columna do leito, que estaba onda a cabeza de Holofernes, descolgou o seu sabre, 7e, manténdose en pé fronte ó leito, agarrou polos cabelos a cabeza de Holofernes e dixo:

‑"Dáme forzas, Deus de Israel, nesta hora".

8E, con toda a forza, asestoulle dous golpes no pescozo, e cortoulle a cabeza. 9Despois fixo rodar o corpo de encima do leito e arrincou o dosel das columnas. Un pouco máis tarde saíu e entregou á súa serva a cabeza de Holofernes, 10que a meteu na alforxa das provisións. Entón saíron as dúas xuntas como de costume e atravesaron o campamento, rodearon o val, rubiron polo monte de Betulia, chegando ata as portas da cidade.

 

Xudit mostra a cabeza de Holofernes

 

11Xudit, desde lonxe, gritoulles ás sentinelas das portas:

‑"Abride, abride a porta. Deus, o noso Deus, está connosco, disposto a que o seu poder contra os inimigos siga escintilando sobre Israel, tal como fixo hoxe".

12Cando os homes da cidade oíron a súa voz, déronse présa a baixar á porta da súa cidade, e convocaron ós anciáns. 13Todos concorreron, pequenos e grandes, pois parecíalles imposible que puidese volver, e, abrindo a porta, recibíronas. Acenderon lume para veren e fixeron coro arredor delas. 14Ela díxolles a grandes voces:

‑"Bendicide a Deus, loade, loade a Deus, que non retirou a súa misericordia da casa de Israel; senón que, esta noite, pola miña man, feriu ós nosos inimigos".

15Despois, sacando da alforxa a cabeza, mostróullela, e díxolles:

‑"Velaquí a cabeza de Holofernes, o xefe dos xenerais do exército asirio, e velaquí tamén o dosel baixo do que xacía coa súa bebedela. O señor feriuno pola man dunha muller. 16Viva o Señor, que me gardou no camiño que emprendín. O meu rostro seduciuno para a súa ruína, sen que chegase a realizar comigo vileza ningunha para oprobio".

17Todo o pobo quedou mudo de estupor, e, prostrándose, adoraron a Deus e dixeron todos á vez:

‑"Bendito sexas, noso Deus, que hoxe aniquilaches os inimigos do teu pobo".

18Ozías díxolle:

‑"Bendita sexas ti, filla de Deus Altísimo, máis ca todas as mulleres da terra.

E bendito sexa Deus, o Señor, creador do ceo e da terra,

que te acompañou para que ferises a cabeza do xefe dos nosos inimigos.

19Louvarante polos séculos cantos se lembren desta túa fazaña,

froito da túa confianza no poder de Deus.

20Faga Deus que isto redunde no teu favor para eterna gloria,

e móstrese benigno contigo,

por canto non perdoaches a túa propia vida,

para vingares a nosa ruína,

e pores remedio á pena do teu pobo;

camiñando sempre con rectitude diante do noso Deus".

E o pobo respondeu:

‑"Amén, amén".

 

 

V. O TRIÚNFO 

 

Os de Betulia apodéranse do campamento inimigo

 

Capítulo 14

 

1Xudit díxolles:

‑"Escoitádeme, irmáns: tomade esta cabeza e colgádea nas ameas das vosas murallas; 2e cando a aurora empece a brillar e o sol teña saído sobre a terra, cada un collerá a súa arma, e sairedes todos os homes valentes, co xefe sinalado, coma se quixésedes baixar a campo aberto, do lado da avanzada dos fillos de Asur, mais non baixedes. 3Entón eles collerán as armas e irán ó seu campamento. Espertarán ós prefectos do exército asirio; correrán á tenda de Holofernes. O non atopalo, veranse presa do pavor e fuxirán diante de vós. 4Vós, entón, e cantos habitan nas montañas de Israel, seguirédelos ata exterminalos polos camiños.

5Mais, antes de facer todo isto, chamádeme ó amonita Ahicar, a fin de que vexa e recoñeza ó que desprezou a casa de Israel, que o mandou a nós como á morte".

6Fixeron, pois, vir a Ahicar da casa de Ozías. O chegar e ver a cabeza de Holofernes nas mans dun  dos da asemblea do pobo, caeu a terra sen coñecemento. 7Reanimado de novo, axeonllouse ós pés de Xudit e así prostrado diante dela, dixo:

‑"Bendita ti en todas as tendas de Xudá

e en todas as nacións; cantos oian o teu nome

encheranse de estupor.

8Agora, pois, dime que foi o que fixeches neses días".

Xudit contoulle, no medio do pobo, todo canto fixera desde o día en que saíra, ata ese mesmo momento en que lles falaba. 9E, rematado o relato, o pobo desatouse en gritos de ledicia. 10O ver Ahicar todo canto fixera o Deus de Israel, creu en Deus de todo corazón, e circuncidou a carne do seu prepucio, e uniuse á casa de Israel ata o día de hoxe.

11O levantarse a aurora, colgaron a cabeza de Holofernes no muro, e todo varón de Israel botou man ás súas armas, e saíron en escuadróns, dirixíndose ós camiños que subían ó monte. 12Os asirios, ó velos, avisaron ós seus xefes, e estes ós xenerais, tribunos e a cantos tiñan mando. 13Correron á tenda de Holofernes para dárenlle a noticia ó procurador da súa casa:

‑"Esperta ó noso amo, pois eses escravos atrévense a baixar a nós para loitaren e atoparen a súa ruína, sen que fique un".

14Entón Bágoas entrou e moveu as cortinas da tenda, pois imaxinou que durmía con Xudit. 15Mais, como ninguén oía, separou as cortinas e entrou na tenda, e atopouno morto e tendido na entrada, coa cabeza cortada. 16Deu un gran berro, con xemidos e prantos, e rachou os seus vestidos. 17Despois entrou na tenda onde paraba Xudit e non a atopou, e correu cara ó pobo, bradando:

18‑"Eses escravos saíron coa súa: unha muller dos hebreos encheu de vergonza a casa do rei Nabucodonosor; pois, velaquí a Holofernes xacente no chan, co seu corpo sen cabeza".

19O oíren isto os xefes do exército de Asur, racharon os seus vestidos, e apoderouse deles un gran terror, e levantouse no campamento un gran alarido e clamores.

 

Capítulo 15

 

1Cando os que estaban nas tendas souberon o que pasara, enchéronse de estupor. 2Apoderouse deles un gran pavor e tremor, e xa non se contiña ninguén ó lado do compañeiro; senón que todos se esparexeron e fuxiron por todos os camiños dos campos e dos montes. 3Tamén se deron á fuga os que tiñan os seus campamentos arredor de Betulia. Neste mesmo intre, todos os guerreiros de entre os fillos de Israel caeron sobre eles. 4E Ozías mandou ir a Betomaszén, a Bebé, Coba e a Cola, e a todos os confíns de Israel, para que lles anunciase o acaecido, para que se botasen todos contra os inimigos e os exterminasen. 5Oído isto, todos os israelitas caeron á vez sobre eles e fóronos matando ata Coba. Chegaron tamén os de Xerusalén e de todas as montañas, pois tamén recibiran a noticia de canto lles ocorrera ós inimigos no seu campamento. Os que eran de Galaad e de Galilea tamén lles ocasionaron unha gran ruína, ata que atinxiron Damasco e chegaron ós seus dominios. 6Outros dos que vivían en Betulia botáronse sobre o campamento dos asirios e saqueárono, apoderándose de moitas riquezas. 7Despois os israelitas que volveron da matanza colleron canto aínda quedaba e tanto os das vilas coma das aldeas esparexidas polas montañas e pola chaira, colleron moitos espolios, pois tratábase dunha cantidade innumerable.

 

Acción de grazas

 

8O sumo sacerdote Ioaquim e o Senado dos fillos de Israel que habitaban en Xerusalén foron contemplar as marabillas realizadas polo Señor en favor de Israel, e para veren a Xudit e saudala con verbas de paz. 9Chegados á súa presenza, loárona unanimemente e dixeron:

‑"Ti es a gloria de Israel,

ti o xúbilo de Xerusalén,

ti a honra da nosa raza.

10Coa túa man fixeches todo isto,

Procuraches a dita a Israel,

e Deus foi compracido.

Bendita sexas do Señor omnipotente

por sempre xamais".

E todo o pobo respondeu: ‑"Amén".

11Todo o pobo estivo saqueando o campamento durante trinta días, e déronlle a Xudit a tenda de Holofernes e toda a vaixela de prata; os seus leitos e as súas armas e todos os seus mobles. Ela recibiu todo isto e cargouno no seu macho; e, preparados os seus carros, colocouno todo encima. 12Todas as mulleres de Israel correron a vela e felicitala e, xuntándose en coro, bendicírona. Ela tomou tirsos e distribuínos entre as que a acompañaban. 13E teceron coroas de oliveira, e tanto ela coma as que con ela estaban, camiñaron diante do pobo. Xudit presidía o coro das mulleres. Seguían todos os homes de Israel con armas e coroas, cantando himnos. 14Entón Xudit entoou, no medio de todo Israel, esta cántiga de acción de grazas e todo o pobo repetía os seus loores.

 

Capítulo 16

 

1‑"Loade o meu Deus con tímpanos, cantade ó meu Señor con címbalos;

entoádelle un salmo novo,

enxalzade e invocade o seu nome.

2Porque Deus creba as guerras;

o Señor Deus, que ten o campamento no medio do seu pobo,

libroume dos que me perseguían.

3Veu Asur das montañas de Aquilón,

veu cun exército de moitos miles,

cunha multitude cegaba os torrentes,

cunha cabalería que cubría os montes.

4Resolvera queimar os meus territorios,

matar á espada ós meus mozos,

escachar contra o chan os meus meniños,

ter coma botín os meus nenos,

e arrebatar as miñas virxes.

5O Señor omnipotente desbaratounos pola man dunha muller.

6Pois non foi abatido o poderoso por xente nova,

nin o feriron fillos de titáns,

nin o venceron altos xigantes,

senón Xudit, a filla de Merarí,

engadándoo coa fermosura do seu rostro.

7Quitou os vestidos da súa viuvez,

para sublimar os aflixidos de Israel;

perfumou o seu rostro,

8suxetou cunha fita os cabelos

e puxo un vestido de liño para seducilo.

9O seu calzado fascinou os seus ollos;

a súa beldade cativou a súa alma,

¡e o sabre tallou o seu pescozo!

10A súa audacia fixo tremer ós persas,

a súa fe fixo que se conturbasen os medos.

11Por aquel tempo xemían os fillos do meu pobo;

enchíanse de pavor os febles e víanse abouxados;

mais non fixeron outra cousa que berrar,

e os seus inimigos fuxiron.

12Foron abatidos por fillos dunhas mociñas,

matáronos como a escravos fuxitivos;

foron borrados polo exército do meu Señor.

13Cantarei ó meu Deus unha cántiga nova:

Ti, Señor, es grande e glorioso,

admirable na túa forza, invencible.

14Sírvate todo canto creaches,

pois ti dixéchelo e as cousas foron creadas;

mandaches o teu Espírito e creounas,

e ninguén pode resistir a túa voz.

15Os montes, desde os seus mesmos alicerces,

víronse sacudidos xunto coas augas;

na túa presenza as rochas derreteranse coma cera;

pero ti terás compaixón dos que te temen.

16Pois pouca cousa é

toda vítima de recendo suave;

levísima cousa é para ti

toda graxa de animais dos holocaustos;

mais os que temen ó Señor

serán sempre grandes.

17¡Ai daqueles que se ergan contra a miña raza!

O Señor omnipotente vingarase deles

no día do xuízo.

Entregará as súas carnes ó lume e ós vermes,

para que se doian e choren eternamente".

18Cando chegaron a Xerusalén adoraron a Deus, e o pobo, xa purificado, ofreceu os seus holocaustos e donativos voluntarios, coas ofrendas de costume. 19E Xudit entregou ó Señor toda a vaixela de Holofernes, a que lle dera o pobo, xunto co dosel que collera do seu leito.

20O pobo alegrouse en Xerusalén diante do santuario, durante tres meses, e Xudit permaneceu con eles.

 

Morte de Xudit

 

21Despois destes días retornou cadaquén ós seus eidos, e Xudit volveu a Betulia e permaneceu nos seus dominios, administrando os seus bens; e mentres viviu foi estimada con moita honra en toda a terra. 22Desexábana moitos; pero ela non coñeceu a ningún varón en toda a súa vida, desde que morreu o seu marido, Menaxés, e se foi xuntar co seu pobo. 23E atinxiu suma gloria e envelleceu na casa de seu home ata os cento cinco anos . Deixou libre a criada, e morreu en Betulia, e enterrárona na cova do seu marido, Menaxés. 24Chorouna a casa de Israel durante sete días. Distribuíu os seus bens antes de morrer entre todos os consanguíneos do seu home, Menaxés, e entre os seus propios familiares.

25Mentres Xudit viviu, ninguén atemorizou os fillos de Israel, nin despois da súa morte, durante moito tempo.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com