Capítulos 1-5

I. A CAMPAÑA DE HOLOFERNES

 

Nabucodonosor e Arfaxad

 

Capítulo 1

 

1No ano doce do reino de Nabucodonosor, que reinou sobre os asirios na gran cidade de Nínive; no tempo de Arfaxad, que reinou sobre os medos en Ecbátana, 2e constrúe arredor de Ecbátana un muro de pedras talladas de tres cóbados de ancho e de seis cóbados de longo, dándolle ó muro unha altura de setenta cóbados e cincuenta de ancho. 3Levantou tamén onda as portas torres de cen cóbados de alto e sesenta de ancho nos seus alicerces. 4Construíu tamén portas que tiñan setenta cóbados de alto e corenta de ancho, para facilitar a saída das poderosas forzas e para que os seus infantes puidesen desfilar ordenadamente.

5Neste tempo, pois, o rei Nabucodonosor declaroulle a guerra ó rei Arfaxad na gran chaira chamada Ragau. 6Xuntáronselle todos cantos vivían nas montañas, os que moraban cerca do Éufrates, do Tigris, do Hidaspes, e nas chairas de Arioc, rei de Elam, para combateren ós fillos de Xeleud. Uníronse, pois, moitos pobos.

7Nabucodonosor, rei dos asirios, despois disto mandou mensaxeiros a todos os habitantes de Persia, a todos os que moraban nas rexións occidentais, a todos os de Cilicia e Damasco, ó Líbano e Antilíbano, ós situados nas rexións marítimas, 8a todos os pobos do Carmelo e de Galaad, da alta Galilea, e da gran chaira de Esdrelón; 9a todos os de Samaría e das súas vilas; ós do outro lado do Xordán, ata Xerusalén; na Batanea, Ielús e Cadex; cara ó río de Exipto, Tafnes, Rameses, e toda a terra de Goxén, 10ata por enriba de Tanis e de Menfis; e a todos os habitantes de Exipto ata os confíns da Etiopía.

11Mais as xentes de todas estas terras riron co mandado de Nabucodonosor, rei dos asirios, e non quixeron saír canda el para a guerra; pois non lle tiñan ningún medo, xa que ós seus ollos era un home coma eles. Despediron os seus enviados sen acordaren nada e sen lles faceren honra ningunha. 12Entón Nabucodonosor montou en cólera contra todas esas rexións e xurou polo seu trono e polo seu imperio que se vingaría coa súa espada de todos os habitantes do país de Moab, dos fillos de Amón, de toda a Xudea e de todos cantos estaban esparexidos polo Exipto ata o litoral dos dous mares.

 

Campaña contra Arfaxad

 

13Marchou co seu exército contra o rei Arfaxad, no ano dezasete do seu reino. Venceuno no combate e puxo en fuga todo o poder de Arfaxad e toda a súa cabalería, e todos os seus carros. 14E apoderouse das súas cidades, chegando ata Ecbátana, tomando as súas torres e devastando as súas rúas, e convertendo en ludibrio a súa fermosura. 15Apresou a Arfaxad nas montañas de Ragau e atravesouno coas súas propias armas, acabando con el ese día.

16Retornou Nabucodonosor a Nínive con todo o seu exército e con cantos se lle foran xuntando, unha multitude innumerable de guerreiros, e repousou alí durante cento vinte días, xunto co seu exército, dándose á boa vida.

 

Campaña occidental

 

Capítulo 2

 

1O ano dezaoito, o vinte e dous do primeiro mes, celebrouse un consello no pazo de Nabucodonosor, referente a tomar vinganza contra toda aquela terra, de acordo co xa decretado. 2Convocou a todos os seus ministros e magnates e expúxolles os seus planos secretos, disposto a poñer por obra a maldade que a súa boca proferira contra esa terra. 3O parecer de todos foi que se acabase con cantos non quixeron prestar oídos ós decretos do rei.

4Rematado o consello, Nabucodonosor, rei dos asirios, chamou a Holofernes, xefe supremo do exército, que era o segundo despois del, e díxolle:

5‑"Isto ordena o gran rei, o dono de toda a terra: parte de onda min, leva canda ti homes aguerridos, ata cento vinte mil infantes e doce mil xinetes cos seus cabalos; 6arremete contra toda a terra occidental, pois desobedeceron a orde da miña boca. 7Ordénalles que poñan á túa disposición a terra e a auga, xa que no meu furor sairei contra eles e cubrirei toda a face da terra cos pés dos meus soldados, entregándoa ó saqueo; 8e os seus feridos encherán os barrancos e os torrentes e mais os ríos, que se desbordarán con tantos mortos; 9e deportareinos ata os confíns da terra. 10Empeza por ocupar o seu territorio, e, se se renden, resérvamos para o día do castigo; 11mais para os rebeldes, que non haxa perdón, antes sexan entregados á morte e ó saqueo, en todas as terras que conquistes. 12Pois, pola miña vida e pola forza do meu imperio, tal como o dixen así o cumprirei pola miña propia man. 13Ti non deixes de executar nin unha soa palabra do teu señor; fai enteiramente tal como che mando, sen te demorares".

14Aínda ben non saíu Holofernes da presenza do seu señor, aconsellouse con todos os magnates, xenerais e capitáns do exército asirio; 15elixiu os homes máis aptos para a guerra, como llo ordenara o seu señor; uns cento vinte mil homes e doce mil arqueiros a cabalo, 16e púxoos en orde, como se ordenan as multitudes para a guerra. 17Tomou, ademais, camelos, asnos e mulos para a bagaxe e un número incontable de ovellas, bois e cabras, para o avituallamento; 18provisións abondas para cada home, e así mesmo moito ouro e prata do tesouro do rei.

19Despois de todo isto, púxose Holofernes en marcha co seu exército; e, adiantándose ó rei Nabucodonosor, cubriu toda a face da terra cos seus carros, xinetes e infantes escollidos, 20e xuntóuselles unha multitude tan numerosa como a lagosta, incontable coma o po da terra, que non se podía contar.

 

Etapas do exército de Holofernes

 

21Saíu de Nínive e camiñou durante tres xornadas pola chaira de Bectilez, e asentou o seu campamento desde Bectilez ata cerca da montaña, á esquerda da Cilicia superior. 22E, tomando todo o seu exército, infantes, cabalos e carros, partiu de alí cara á montaña. 23Aniquilou a Fud e Lud, devastou a todos os fillos de Rassis e os fillos de Ismael, que habitan á beira do deserto, ó sur de Xeleón, 24atravesou o Éufrates, percorreu a Mesopotamia, tomou por asalto todas as cidades altas do torrente Abroná e chegou ata o mar.

25Apoderouse do territorio de Cilicia, derrotando a cantos se lle opuxeron, e chegou ata os confíns de Iafet pola parte do mediodía, fronte a Arabia. 26E cercou a todos os madianitas, e prendeulles lume ás súas tendas, e saqueou os seus cortellos. 27Baixou logo á chaira de Damasco polos días da seitura, incendiou todos os campos, destruíu os seus rabaños e vacadas, saqueou as súas cidades, arrasou as súas campiñas e pasou polo gume da espada a todos os mozos. 28Un gran temor e tremor apoderouse de toda a costa, dos moradores de Sidón e de Tiro e dos habitantes de Sur e Oquiná, os de Iamnia, Axdod e Axquelón: todos tremían co medo.

 

Capítulo 3

 

1E enviáronlle mensaxeiros con proposicións de paz:

2‑"Mira, nós somos servos do gran rei Nabucodonosor e prostrámonos diante de ti para que fagas de nós o que queiras. 3As nosas granxas e todo o noso territorio, os nosos campos de trigo, os nosos rabaños e vacadas e os fatos das ovellas, todo está á túa disposición; dispón de todo segundo te praza. 4Tamén as nosas cidades cos seus moradores están á túa disposición; fai con todo o que queiras".

5Os mensaxeiros chegaron ata Holofernes e comunicáronlle todo isto.

6Entón el descendeu á beiramar co seu exército, puxo guarnicións nas cidades fortes, e delas tomou os mellores homes e enrolounos nas súas tropas. 7Foi recibido por toda a rexión con coroas, danzas e pandeiros. 8El devastou o territorio e tallou os bosques sagrados, e mandou destruír todos os deuses daquela terra, co fin de que só Nabucodonosor fose adorado por todas as nacións e todas as linguas e tribos o invocasen coma deus.

9Unha vez na chaira de Esdrelón, onda Dotán, fronte á serra de Xudá, 10acampou entre Gaba e Escitópolis, onde permaneceu un mes, en espera de provisións para o seu exército.

 

Alerta en Xudea

 

Capítulo 4

 

1Tan pronto os fillos de Israel que vivían en Xudea oíron todo canto Holofernes, xefe supremo do exército de Nabucodonosor, rei dos asirios, lles fixera ós xentís, e como saqueara e destruíra os seus templos, 2apoderouse deles un medo grandísimo, temendo pola sorte de Xerusalén e polo templo do Señor, o seu Deus, 3pois aínda acababan de vir da catividade, e había moi pouco que reuniran todo o pobo de Xudea e que consagraran a moblaxe, o altar e o templo, que foran profanados.

4Puxeron, pois, alerta a toda a rexión de Samaría coas súas aldeas, a Bethorón, Belmain, Iericó, Ioba, Asora e o val de Salem; 5e ocuparon a tempo as cimas dos montes máis elevados e fortificaron os pobos que neles había e xuntaron provisións con miras á guerra, pois aínda eran recentes as colleitas dos campos. 6O sumo sacerdote, Ioaquim, que por aqueles días ficaba en Xerusalén escribiu ós habitantes de Betulia e ós de Bet-Omestaim, que está fronte a Esdrelón, á entrada da chaira de onda Dotán, 7dicíndolles que se fixesen fortes na subida da montaña, pois por aí estaba o acceso á Xudea, e, como era tan estreito que só podían pasar dous homes á vez, que lles sería fácil cortarlles o paso. 8Os fillos de Israel cumpriron as ordes do sumo sacerdote Ioaquim e do Consello dos Anciáns de todo o pobo de Israel, que tiña a súa sede en Xerusalén.

 

Oracións e xaxúns

 

9Todos os israelitas clamaron a Deus, insistíndolle moito con gran fervor e humildade; 10eles, as súas mulleres e os seus fillos, todos os estranxeiros ou xornaleiros, e mesmo os escravos, vestíronse de saco. 11Todos os homes, mulleres e nenos de Israel, que vivían en Xerusalén, prostráronse ante o templo, cubriron de cinsa as súas cabezas e mostraron os seus sacos diante do Señor. 12E revestiron con sacos o altar e berraron todos a unha ó Deus de Israel, pedíndolle que non entregase ó saqueo os seus fillos, as súas mulleres á pillaxe, as cidades da súa herdanza á destrución, nin o santuario á profanación e ó oprobio, para burla dos xentís. 13O Señor escoitou os seus berros e mirou a súa angustia.

 O pobo xaxuou moitos días en toda a Xudea e en Xerusalén, ante o santuario do Señor omnipotente. 14O sumo sacerdote Ioaquim e cantos estaban diante do Señor e o servían, sacerdotes e ministros do Señor, cinguidos de saco, ofrecían o holocausto perpetuo, 15e, coa tiara cuberta de cinsa, invocaban ó Señor con todas as súas forzas, pedíndolle que velase por toda a casa de Israel.

 

Consello de guerra de Holofernes

 

Capítulo 5

 

1Chegou a oídos de Holofernes, xeneralísimo do exército asirio, que os fillos de Israel se preparaban para a guerra; que pecharan os pasos das montañas e que fortificaran os cumes dos montes altos, poñendo atrancos no plano. 2Isto encolerizouno moito e, chamando a todos os príncipes de Moab, ós xenerais de Amón e a todos os sátrapas da beiramar, 3faloulles desta maneira:

‑"Dicídeme, fillos de Canaán: ¿que pobo é ese que vive nas montañas, que cidades habita, cal é o número dos seus soldados e en que se basea o seu poder e a súa forza, que rei está a súa fronte e conduce o seu exército, 4e por que refugan saír ó meu encontro, a diferenza de todos os demais pobos de occidente?"

5Ahicar, xefe de todos os amonitas, contestoulle:

‑"Escoite o meu señor unha palabra da boca do seu servo e direille a verdade sobre este pobo que mora nesta montaña onda a que te encontras, pois non sairá mentira da boca do teu servo. 6Este pobo trae a súa orixe dos caldeos. 7Habitaron primeiro en Mesopotamia; e, por non seguiren os deuses de seus pais, que vivían en Caldea, 8abandonárona e deixaron o seu culto para adoraren o Deus do ceo, o Deus que xa tiñan recoñecido. Este foi o motivo de que os afastasen da presenza dos seus deuses e eles fóronse refuxiar á Mesopotamia, onde residiron por moito tempo. 9O seu Deus mandounos saír da súa casa e encamiñounos á terra de Canaán, onde se estableceron e enriqueceron con ouro, prata e moitos rabaños. 10Baixaron despois a Exipto, porque a fame se estendera pola terra de Canaán e permaneceron alí, onde atoparon os alimentos, multiplicándose de xeito que xa non se podían contar. 11Pero veu un rei de Exipto e alzouse contra eles, oprimíndoos con traballos duros na fabricación de ladrillos, humillándoos e converténdoos en escravos. 12Berraron ó seu Deus, que castigou a terra de Exipto con pragas que non tiñan cura, ata que os exipcios os afastaron da súa presenza. 13O seu Deus enxugou o mar Rubio diante deles 14e encamiñounos ó Sinaí e a Cadex-Barnea; botaron fóra a todos os moradores do deserto, 15establecéronse no país dos amorreos e aniquilaron pola forza a todos os habitantes de Hexbón. Cruzaron o Xordán e apoderáronse de toda a montaña; 16puxeron en fuga diante deles ós cananeos, perizitas, iebuseos, ós xequemitas e a todos os guirgaxitas, e moraron alí por moito tempo. 17Todo lles foi moi ben, mentres non pecaron contra o seu Deus, pois o Deus que está en medio deles aborrece a inxustiza. 18Mais cando se arredaron do camiño que lles sinalara, foron destruídos por moitas guerras e levados cativos a unha terra estraña, e o templo do seu Deus viuse arrasado e as súas cidades caeron baixo o poder do inimigo. 19Mais agora, por se converteren ó seu Deus, retornaron de todos os lugares por onde estiveran esparexidos, e apoderáronse de Xerusalén, lugar do seu santuario, establecéndose na montaña, que ficara deserta. 20Así pois, dono e señor, se hai neste pobo algún delito ou pecado contra o seu Deus, entón subamos, que os derrotaremos. 21Pero se non hai neles iniquidade, que o meu señor pase de largo, pois pode que o seu Deus os protexa e sexa o seu escudo e nos seriamos a irrisión de toda a terra".

22Ditas por Ahicar estas palabras, todo o pobo que se mantiña arredor da tenda, protestou alporizado, e os magnates de Holofernes e os habitantes da costa e de Moab pediron que Ahicar fose despezado.

23‑ "Nunca lles teremos medo ós fillos de Israel. É un pobo sen forzas para soster unha dura loita. 24Subamos, que serán presa do teu exército, señor Holofernes".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com