Capítulos 6-10

A captura dun peixe

 

Capítulo 6

 

1Cando saíron, mozo e anxo, o can foi canda eles. Camiñaron xuntos ata que se fixo de noite, e acamparon á beira do río Tigris. 2O mozo baixou ata o Tigris para lavar os pés. Entón un gran peixe saltou fóra da auga e intentou engulirlle un pé. O rapaz deu un berro. 3O anxo díxolle:

‑"Píllao, non o deixes liscar".

Tobías agarrouno e sacouno fóra. 4O anxo díxolle:

‑"Ábreo, quítalle o fel, o corazón e mais o fígado, e ponos a un lado, pois serven de medicina; as tripas tíraas".

5O rapaz abriu o peixe, recolleu o fel, o corazón e o fígado, e asou un anaco, comeuno, e salgou o resto.

6Seguiron o camiño os dous xuntos ata as proximidades de Media. 7Entón Tobías preguntoulle ó anxo:

‑"Irmán Azarías, ¿que remedios se sacan do corazón, do fígado e do fel do peixe?"

8El respondeulle:

‑"Se un home ou unha muller se ven atacados por algún demo ou espírito malo, faise subir diante deles o fume do corazón e do fígado do peixe e xa non os volve atacar; quedan ceibes para sempre. 9Referente ó fel, untas con el os ollos do que padece leucomas, sopras sobre eles e curan".

 

Plano de casamento

 

10Chegados á Media, acercábanse xa a Ecbátana 11cando Rafael lle dixo a Tobías:

‑"Amigo Tobías".

El respondeulle:

‑"¿Que?"

O anxo dixo:

‑"Hoxe imos facer noite na casa de Reuel. É o teu parente e ten unha filla chamada Sárah. 12É filla única. Ti es o parente con máis dereitos para casares con ela e herdares os bens de seu pai. É unha virxe reflexiva, decidida, encantadora e seu pai é un home de ben".

13E dixo máis:

‑"Ti tes o dereito de recibila por esposa. Escóitame, pois, irmán: voulle falar esta mesma tarde da rapaza ó pai para podela obter como prometida; e cando volvamos de Raguex, celebraremos o casamento. Eu sei que Reuel non cha pode negar en absoluto nin darlla a outro, pois incorrería na pena de morte, segundo o veredicto do libro de Moisés, polo feito de que tes ti a prioridade de obtela por esposa. Escóitame, pois, irmán: vamos esta mesma tarde falarlle da filla e pedirlla en matrimonio; e, cando regresemos de Raguex, tomarémola e levarémola connosco á túa casa".

14Tobías respondeu entón a Rafael:

‑"Azarías, meu irmán: oín dicir que xa foi dada a sete maridos e que todos eles morreron na cámara nupcial; a noite mesma en que entraban onda ela, morrían. Algúns dicían que se trataba dun demo que os mataba, 15de aí que, neste momento, teña medo. A ela non lle facía mal ningún, mais ó que se achegase a ela, o inimigo matábao. Eu son fillo único de meu pai. Se eu morro tamén, farei baixar á tumba a vida de meu pai e de miña nai, cheos de dor por culpa miña. E non teñen outro fillo que os enterre".

16Rafael díxolle:

‑"¿Esquecícheste das instrucións de teu pai, como che mandou que escolleses unha muller da casa do teu parente? Polo tanto, escóitame, irmán, e non tremas por ese demo, e recíbea por esposa. Sei, ademais, que esta mesma tarde cha dará por muller. 17Mais cando entres na cámara nupcial, colle un cacho de fígado do peixe, xunto co corazón, e pono nunhas brasas. O ulido estenderase e o demo notarao e fuxirá e non volverá xa máis e ninguén o ollará novamente arredor dela. 18Cando chegue o momento preciso de te xuntares con ela, levantádevos antes os dous, rogade e suplicade ó Señor do ceo que teña compaixón de vós e vos conceda a saúde. Non teñades medo, pois é a ti a quen está destinada desde sempre e es ti quen a debes salvar. Ela seguirate e asegúroche que terás fillos dela, que che serán como irmáns. Non te acovardes".

19Unha vez oídas por Tobías estas palabras de Rafael e asegurado de que ela era para el unha irmá, da raza e da casa de seu pai, empezou a amala apaixonadamente e o seu corazón afeccionouse a ela.

 

Casamento de Tobías

 

Capítulo 7

 

1O entraren en Ecbátana, dixo Tobías:

‑"Azarías, meu irmán, lévame dereitiño á casa do noso irmán Reuel".

O anxo conduciuno á casa de Reuel. Encontrárono sentado diante da porta do patio e adiantáronse a saudalo. El díxolles:

‑"Saúde, irmáns, sexades benvidos".

E fíxoos entrar na súa casa. 2Díxolle á súa muller Édnah:

‑"¡Canto se semella ese mozo ó meu irmán Tobit!"

3Édnah preguntoulles:

‑"¿De onde sodes, irmáns?"

Contestaron:

‑"Da casa dos fillos de Naftalí, deportados a Nínive".

4Ela dixo entón:

‑"¿Coñecedes o noso irmán Tobit?"

Responderon:

‑"Si que o coñecemos".

E ela de novo:

‑"¿Como está?"

Responderon:

5‑"Moi ben; aínda vive".

E Tobías engadiu:

‑"É o meu pai".

6Reuel levantouse dun brinco e abrazouse a el chorando. Logo falou e díxolle:

‑"Sexas benvido, fillo. Tes un pai excelente. ¡Que mágoa que un home tan bo, que facía tantas esmolas, quedase cego!"

E botándose ó pescozo do seu irmán Tobías, volveu chorar. 7A súa muller Édnah chorou tamén por Tobit, e a súa filla Sárah tamén empezou a chorar. 8Despois matou un carneiro do rabaño e recibiunos con moito amor.

9Lavados xa e bañados, cando se foron sentar á mesa, Tobías dixo a Rafael:

‑"Irmán Azarías, pregúntalle a Reuel se me dá a miña irmá, Sárah".

10Reuel oíu isto e díxolle ó mozo:

‑"Come, bebe e aproveita a tarde, pois non lle corresponde a ninguén máis ca a ti, irmán, casar coa miña filla, Sárah, nin eu podo darlla a outro que non sexas ti, pois es o parente máis próximo. Con todo, meu fillo, vouche dicir toda a verdade. 11Xa llela dei a sete homes de entre os nosos parentes, e todos morreron a noite mesma que ían con ela. Pero agora come, fillo, e bebe e o Señor intervirá no teu favor". Mais Tobías dixo:

‑"Non comerei bocado nin beberei aquí cousa ningunha mentres non resolvas este asunto".

Reuel díxolle:

‑"Moi ben, vouno facer. Xa que ela che pertence segundo a decisión do libro de Moisés; é o ceo quen decide que cha dea. Recibe, pois, a túa irmá. A partir deste momento, ti es o seu irmán e ela a túa irmá. Entrégocha a partir de hoxe e para sempre. O Señor do ceo fará que esta noite sexa boa para ámbolos dous, fillo. Que vos manifeste a súa misericordia e a súa paz".

12Reuel chamou entón a Sárah, ela veu onda el. Tomándoa pola man, entregoulla a Tobías dicindo:

‑"Recíbea segundo a Lei e segundo a decisión consignada no libro de Moisés, que cha dá por muller. Tómaa e lévaa sen medo a teu pai. Que o Deus do ceo vos conduza en paz".

13Despois chamou á nai de Sárah e mandoulle traer con que escribir. E redactou o documento do contrato de matrimonio, no que se consignaba que lla daba por muller segundo a decisión da Lei de Moisés. 14Só entón comezaron a comer e beber.

 

A noite do casamento

 

15Reuel  chamou á súa muller Édnah e díxolle:

‑"Irmá miña, prepara a outra habitación e leva a ela a Sárah".

16Édnah foi preparar un leito na habitación, como el lle mandara. Levouna e botouse a chorar por ela; despois limpou as bágoas e díxolle:

17‑"Moito ánimo, filla, que o Deus do ceo cambie en ledicia o teu pesar".

E saíu.

 

Capítulo 8

 

1Rematada a comida e bebida, quixeron deitarse. Conduciron o mozo ata a habitación. 2Tobías lembrouse das palabras de Rafael: sacou do seu bolso o fígado e o corazón do peixe e púxoo sobre os tizóns do braseiro. 3O ulido do peixe detivo ó demo, que fuxiu polos aires, camiño dos desertos de Exipto. Rafael foi aló e encadeouno alí mesmo. 4Despois deixou a Tobías e pecharon a porta da habitación. El ergueuse do leito e díxolle á moza:

‑"Érguete, irmá, recemos, e supliquemos ó Señor para que nos conceda a súa misericordia e saúde".

5Ela ergueuse e puxéronse a rezar e a suplicar, para que se lles concedese a saúde. E el dixo:

‑"Bendito sexas, ti, Deus de nosos pais.

Bendito o teu nome en todas as xeracións do futuro.

Que te loen os ceos e toda a creación en todos os séculos.

6Ti creaches a Adam,

e fuches ti quen lle deches unha axuda e sostén, a súa muller Eva,

e de ambos naceu a raza dos homes.

Fuches ti quen dixeches:

Non está ben que o home viva só:

fagámoslle unha axuda semellante a el.

7Agora, pois, non é desexo ilexítimo o que me move a tomar

por esposa esta irmá que teño aquí; senón o amor de verdade.

Ordena que se nos outorgue misericordia tanto a ela como a min,

e que cheguemos xuntos á vellez".

8Despois dixeron á vez:

‑"Amén, amén".

9E deitáronse para pasar a noite.

Reuel, pola súa banda, levantouse e xuntou os servidores. Foron cavar unha tumba. 10Reuel, en efecto, dixérase: ‑"Pode que morra; ¿non seriamos obxecto de riso e burla?" 11Cando remataron o seu labor, Reuel volveu á casa e chamou a súa muller. 12Díxolle:

‑"Manda unha das túas criadas á habitación para ver se está vivo: deste xeito, se está morto, poderemos enterralo sen que ninguén saiba nada".

13Advertiron á serventa do que podía pasar, prenderon a lámpada e abriron a porta; ela entrou e viu que durmían xuntos profundamente. 14Ela saíu dar a noticia:

‑"Está vivo, todo vai ben".

15Entón bendiciron o Deus do ceo, dicindo:

‑"Bendito sexas, oh Deus, digno de toda bendición.

Que se te loe polos séculos.

16Sexas bendito pola consolación que me deches,

pois non foi como eu pensaba,

senón que nos trataches con misericordia.

17Bendito sexas por teres compaixón de dous pobres fillos únicos.

Móstralles, Señor, a túa misericordia e salvación

e fai que a súa vida transcorra na ledicia e na graza".

18E mandou ós seus servidores que cegasen a tumba antes da alborada.

 

O festín das vodas

 

19Reuel díxolle á súa muller que preparase pan en cantidade; despois, que trouxese da corte dous bois e catro carneiros e que os aderezase. E comezaron os preparativos. 20Chamou a Tobías e manifestoulle:

‑"Durante catorce días non te moverás de aquí; senón que seguirás comigo, comendo e bebendo, enchendo de gozo o corazón da miña filla, que aínda está impresionada polo golpe das súas desgrazas. 21Colle xa desde agora a metade de todos os meus bens, e retornarás sen dificultade ningunha onda teu pai. A outra metade será túa cando morramos a miña muller e eu. Animo, querido fillo, eu son o teu pai e Édnah a túa nai. Estamos contigo e coa túa irmá, desde agora e por sempre. Animo".

 

Cobro do depósito da prata

 

Capítulo 9

 

1Entón Tobías chamou a Rafael e díxolle:

2‑"Azarías, meu irmán, leva contigo catro servos e dous camelos e vai a Raguex á casa de Gabael, entrégalle a acta do depósito e cobra a prata; despois trae a Gabael contigo para a festa. 3Ti sabes ben que meu pai non para de contar os días. 4Se eu me retardo un só día, serei causa de que se encha de pena. Por outra parte,ves o que Reuel xurou: eu non podo traspasar o seu xuramento".

5Rafael partiu cos catro servos e os dous camelos camiño de Raguex de Media e pasaron a noite en casa de Gabael. Entregoulle a acta e comunicoulle que Tobías, o fillo de Tobit, tomara muller e que o convidaba á festa. Gabael contoulle ó momento os sacos, todos cos seus selos, e cargáronos. 6Despois saíron moi cediño para asistiren á festa. Entraron na casa de Reuel e atoparon a Tobías sentado á mesa. Este ergueuse dun salto e saudou a Gabael, que empezou a chorar, bendicíndoo nestes termos:

‑"Fillo excelente dun home excelente, xusto e cheo de caridade. Que o Señor che dea a bendición do ceo, a ti, á túa muller, a teu pai e á nai da túa esposa. Loado sexa Deus, pois é o meu sobriño Tobit en persoa o que estou vendo".

 

Tobit e Ana agardando

 

Capítulo 10

 

1Día a día, Tobit facía contas das xornadas necesarias para ir e volver. Xa pasaran os días que el calculaba e o fillo non chegaba. 2Díxose: ‑"Pode ser que o retivesen aló. Quizais morreu Gabael e non hai ninguén que lle dea o diñeiro". 3E comezou a preocuparse. 4A súa muller Ana dicía:

‑"O meu fillo pereceu, xa non está entre os vivos".

E as bágoas corrían polos seus ollos e lamentábase dicindo:

5‑"Son ben desgraciada, fillo querido: deixeite saír, a ti, luz dos meus ollos".

6E Tobit dicíalle:

‑"Cala, non sufras así, irmá, el está ben. Sen dúbida, tiveron algún contratempo aló, mais o que o acompaña é seguro, é un dos nosos irmáns. Non temas por el, irmá, pois axiña o veremos aquí".

7Mais ela respondeulle:

‑"Non me digas nada, deixa de enganarme: o meu fillo pereceu".

E cada día saía o antes posible da casa e quedábase observando o camiño por onde marchara o fillo, pois non se fiaba de ninguén. Despois da posta do sol, volvía entrar para se lamentar e chorar toda a noite sen poder durmir.

 

Tobías de volta

 

8Pasados os catorce días de festa que Reuel xurara celebrar en honra da súa filla, Tobías veulle dicir:

‑"Déixame marchar, pois ben sei que meu pai e miña nai xa non teñen esperanza de me volveren ver. Por iso, rógoche encarecidamente, papaíño, que me deixes partir e volver á casa de meu pai; xa che expliquei en que situación tan crítica quedou".

9Pero Reuel dixo a Tobías:

‑"Queda, fillo, queda comigo. Mandarei mensaxeiros ó teu pai Tobit e daranlle noticias túas".

Tobías respondeulle:

‑"Non, non, suplícoche que me deixes volver á casa de meu pai".

10Entón Reuel entregoulle a Tobías a súa esposa Sárah, e a metade dos seus bens, criados, criadas, bois e ovellas, asnos e camelos, vestidos, prata e obxectos diversos. 11E deixounos saír moi ledos. Saudou a Tobías nestes termos:

‑"Pórtate ben, fillo, e que teñas boa viaxe. Que o Señor do ceo vos guíe, a ti e á túa muller Sárah, e que eu poida ver os vosos fillos antes de morrer".

12E á súa filla Sárah díxolle:

‑"Vai á casa do teu sogro, pois desde agora son os teus pais, como os que che deron a vida. Vai en paz, filla, e que sempre oia falar ben de ti mentres viva".

13Édnah, á súa vez, dixo a Tobías:

‑"Fillo e irmán moi querido, que o Señor te conduza e que eu poida vivir e ver os teus fillos e de Sárah antes de morrer. Na presenza do Señor, confío a miña filla ós teus coidados. Non a contristes ningún día da túa vida. Fillo, vai en paz. Desde agora eu son a túa nai e Sárah a túa irmá. Sede felices ti e ela xuntos durante todos os días da vosa vida".

Despois ela deulles unha gran aperta ós dous e deixounos saír cheos de felicidade. 14Deste xeito saíu Tobías da casa de Reuel feliz e ledo, bendicindo ó Señor do ceo e da terra, o Rei do universo, por proporcionar un bo éxito á súa viaxe.

E loou a Reuel e Édnah, súa muller, e díxolles: ‑"Que poida eu honrarvos todos os días da miña vida".

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com