Capítulos 1-5

Prólogo

 

Capítulo 1

 

1Libro dos feitos de Tobit, fillo de Tobiel, fillo de Hananiel, fillo de Aduel, fillo de Gabael, fillo de Ariel, da descendencia de Asiel, da tribo de Naftalí, 2deportado de Thibé ‑ó sur de Quédex de Naftalí, na alta Galilea, enriba de Hasor, detrás da rota occidental, ó norte de Xefat‑ durante o reinado de Xalmanasar, rei de Asiria.

 

A vida santa de Tobit

 

3Eu, Tobit, camiñei toda a miña vida con sinceridade e verdade, e repartín moitas esmolas entre os meus parentes e compatriotas deportados xuntamente comigo en Nínive de Asiria.

4De mozo, cando aínda vivía na miña patria, Israel, separouse toda a tribo do noso pai Naftalí da dinastía de David e de Xerusalén, a cidade elixida entre todas as tribos de Israel para ofrecer sacrificios e ser a morada do Altísimo, santificada para todas as xeracións do futuro. 5Todos os meus parentes e a casa de Naftalí, o meu devanceiro, sacrificaban tamén, sobre todas as montañas de Galilea, ó becerro que Ieroboam, rei de Israel, fabricara en Dan. 6Con moita frecuencia era eu o único que ía a Xerusalén no tempo das festas, de acordo co que ordena un precepto eterno a todo Israel. Eu bulía a Xerusalén coas primicias, tanto dos froitos como dos animais, e co décimo e coa primeira lá das ovellas. 7Entregáballelo todo ós sacerdotes, fillos de Aharón, para o altar. Daba tamén o décimo do trigo, do viño, das oliveiras, das granadas, dos figos e doutros froitos ós fillos de Leví para o servizo en Xerusalén. O segundo décimo descontábao e ía depositar cada ano os cartos a Xerusalén. 8Daba así mesmo o terceiro décimo ós orfos, ás viúvas e ós estranxeiros residentes cos fillos de Israel; leváballelo e dáballelo cada tres anos, e o que nós comiamos era segundo a prescrición da Lei de Moisés e as instrucións dadas por Deborah, a nai de Hananiel, noso pai ‑pois o meu pai deixárame orfo cando morreu‑. 9Xa home, casei cunha muller descendente dos nosos devanceiros e tiven dela un fillo ó que lle dei o nome de Tobías. Ensineille desde a infancia a temer a Deus, e a absterse de todo pecado.

10Deportado a Nínive coa miña muller e co fillo e con toda a miña tribo, todos os meus parentes e compatriotas comían dos manxares dos xentís, 11pero eu gardeime ben de facelo, 12pois tiña moi presente a Deus.

13E o Altísimo fixo que gañase o favor de Xalmanasar, e cheguei a ser o seu provedor, 14e viaxei pola Media, mercando, ata a súa morte, canto necesitaba. Deste xeito, tiven a ocasión de depositar na casa de Gabael, irmán de Gabrí, no país de Media, uns trescentos quilos de prata. 15A morte de Xalmanasar, sucedeuno o seu fillo Senaquerib. As rotas da Media quedaron baixo a insurrección e xa non era posible ir á Media.

16No tempo de Xalmanasar fixen moitas esmolas ós meus irmáns de raza; 17dei do meu pan ós que tiñan fame e vestidos ós que estaban espidos. Se vía o cadáver dalgún dos meus compatriotas tirado trala muralla de Nínive, enterrábao. 18Fun eu quen enterrei todos cantos matou Senaquerib ó volver derrotado de Xudea; o Rei do ceo castigouno polas súas blasfemias e el, alporizado, matou a moitos israelitas. Entón eu, collín os cadáveres e enterreinos ás agachadas. Senaquerib mandou buscalos, mais non apareceron. 19Un ninivita foime denunciar ó rei, declarando que fora eu o que os enterrara. Eu acocheime, e cando souben fixo que o rei o sabía e que me buscaba para me dar morte, fuxín cheo de medo. 20E fun desprovisto de todo canto tiña, e non me quedou nada que non fose confiscado para o tesouro do rei, fóra de Ana ‑a miña muller‑ e de Tobías ‑o meu fillo‑. 21Pero antes de corenta días foi asasinado Senaquerib por dous dos seus fillos, que fuxiron ós montes de Ararat. Sucedeuno o seu fillo Asarhadón. Éste puxo a Ahicar, fillo de meu irmán Hanael, á fronte de toda a contabilidade administrativa do reino. 22Entón Ahicar intercedeu por min e puiden baixar de novo a Nínive. Ahicar, en efecto, fora copeiro maior, chanceler, tesoureiro e contable durante o reinado de Senaquerib de Asiria, e Asarhadón repúxoo nas súas funcións. Ademais de ser o meu sobriño, procedía da miña parentela.

 

Sufrimentos de Tobit

 

Capítulo 2

 

1Baixo o reinado de Asarhadón, volvín, pois, á miña casa e fóronme devoltos a miña muller Ana e o meu fillo Tobías. Na nosa festa de Pentecoste (a festa das Semanas), preparáronme un bo xantar. Senteime a comer. 2Trouxéronme á mesa gran cantidade de pratos finos, e eu díxenlle entón ó meu fillo Tobías:

‑"Vai ver, fillo, se atopas entre os nosos irmáns deportados a Nínive algún pobre que se lembre do Señor con todo o seu corazón e tráemo para que participe do meu xantar; agardarei ata que veñas".

3Tobías saíu en busca dalgún pobre entre os nosos irmáns; pero volveu dicindo:

‑"Pai".

Eu respondinlle:

‑"¿Que pasa, filliño?"

El contestou:

‑"Papaíño, hai un da nosa nación que foi asasinado e tirado na praza maior, e aínda segue aí, esganado".

4Dei un salto, sen probar bocado, para retirar o cadáver da praza e metelo nunha habitación co fin de enterralo á posta do sol. 5Voltei á casa, bañeime e comín o meu pan con tristura, 6lembrándome da palabra do profeta Amós, proferida contra Betel;

As vosas festas tornaranse en loito

e todos os vosos camiños en lamentacións.

E empecei a chorar. 7A posta do sol, saín, cavei unha fosa e enterreino. 8Os meus veciños burlábanse de min, dicindo:

‑"Xa non ten medo. Buscárono para matalo por iso que fai, e tivo que fuxir; e de novo volve enterrar os mortos".

9Aquela noite, despois de me purificar, saín ó patio e deiteime onda o muro, coa cara descuberta pola calor. 10Non sabía que houbese pardais no muro, enriba de min; e, estando cos ollos abertos, caeume neles o seu excremento quente e provocou leucomas. Fun ós médicos, pero cantos máis medicamentos me aplicaban máis cego me poñía, e acabei cego de todo. Estiven sen vista catro anos. Todos os meus irmáns estaban consternados por causa miña, e Ahicar remediou as miñas necesidades durante dous anos, antes da súa marcha para Elimaida.

11Por este tempo, a miña muller Ana conseguira traballo de simple xornaleira. 12Ocupábase en favor dos seus amos e estes dábanlle o seu xornal. O sete do mes de marzo rematou unha peza e entregóullela ós amos, que lle deron a súa paga, xunto cun cabrito de gratificación para comer. 13O aproximarse a min, o cabrito empezou a berrar; eu chameina e díxenlle:

‑"¿De ónde é ese cabritiño? ¿Roubáchelo, acaso? Vólvello ós seus donos. Non temos o dereito de comer o que foi roubado".

14Ela replicoume:

‑"Que non, que é un regalo que me fixeron, engadido ó que se me debía".

Pero eu non acababa de crelo e seguíalle dicindo que llelo devolvese ós donos. E con este motivo indigneime contra ela, que me volveu replicar:

‑"¿Onde están as túas esmolas? ¿Onde as túas obras? Todo canto che ocorre está ben claro".

 

Prego de Tobit

 

Capítulo 3

 

1Embargada a alma por unha gran tristura, enchinme de salaiar e chorar, e entre laios comecei a suplicar:

2‑"Ti es xusto, Señor,

e todas as túas obras son xustas.

Todos os teus camiños son fidelidade e verdade,

e es ti quen xulgas o mundo.

3Lémbrate, polo tanto, de min,

olla e non me castigues polos meus pecados

nin polas miñas iniquidades,

nin por canto meus pais faltaron diante de ti.

4Desobedeceron os teus mandamentos,

por iso fomos entregados á pillaxe,

á deportación e á morte,

obxecto de escarnio para todas as nacións,

entre as que nos vemos esparexidos.

5Si, todos os teus xuízos son verdadeiros,

cando me tratas así polos meus pecados e os de meus pais,

porque non cumprimos os teus preceptos

nin camiñamos pola verea da verdade diante de ti.

6Agora, pois, trátame como queiras,

manda que me priven do meu alento,

que desapareza da face da terra

e que volva ser terra.

Mellor me é morrer que vivir,

despois de oír tales aldraxes

e verme invadido pola pena.

Ordena, Señor, que me vexa libre desta angustia,

déixame partir para a eterna morada

e non apartes de min o teu rostro, Señor.

Si, máis me vale morrer

que ter que escoitar toda a vida tales aldraxes".

 

As desgrazas de Sárah

 

7Aquel mesmo día ocorreu que Sárah, a filla de Reuel de Ecbátana en Media, foi tamén insultada por unha das servas de seu pai. 8A razón era que ata sete veces estivera casada, e Axmodeo, o demo malvado, matara un por un todos os seus maridos antes de que se unisen con ela, segundo o debido cunha esposa. A criada dicíalle:

‑"Es ti a que matas os maridos. Xa fuches entregada a sete, e non levaches o nome de ningún. 9¿Por que nos atormentas co pretexto da morte dos maridos? Vaite xuntar con eles, e que non proceda de ti nin fillo nin filla".

10Ese día, chea de tristura, botouse a chorar e subiu ata a cámara alta de seu pai coa intención de se aforcar. Pero reflexionou e díxose: ‑"Non vaian insultar a meu pai, dicíndolle: Só tiñas unha filla querida, e viuse forzada a aforcarse a causa das súas desgrazas. Faría baixar a vellez de meu pai á morada dos mortos pola tristura. É mellor que non me colgue e que suplique ó Señor que me faga morrer para non oír insultos toda a vida".

 

Pregaria de Sárah

 

11No mesmo momento, levantou as mans do lado da fiestra e rezou desta maneira:

‑"Bendito sexas ti, Deus compasivo.

Bendito o teu nome polos séculos.

Que todas as túas obras te bendigan por sempre.

12Neste momento é a ti a quen levanto o meu rostro

e volvo os ollos.

13Líbrame desta terra

e que non volva oír máis insultos.

14Ti sábelo, Mestre meu, eu mantívenme pura

de todo acto impuro con home.

15Non lixei nin o meu nome nin o de meu pai

sobre esa terra á que fun deportada.

Son a filla única de meu pai,

non ten ningún outro fillo que o herde;

non ten tampouco xunto del nin irmáns, nin parente

para o que me deba reservar como esposa.

Perdín xa sete maridos;

¿por que vou seguir vivindo?

Mais se non te prace facerme morrer,

entón, Señor, presta oídos ó insulto que se me fai".

 

Tobit e Sárah, escoitados

 

16Nese mesmo momento, a pregaria dos dous foi oída na presenza da gloria de Deus 17e Rafael foi enviado para curalos ós dous: a Tobit, quitándolle o mal dos ollos, co fin de que puidese ver a luz de Deus; a Sárah, a filla de Reuel, entregándoa por muller a Tobías, o fillo de Tobit, expulsando dela ese demo protervo, Axmodeo; pertencíalle, en efecto, a Tobías antes que a todo outro pretendente.

Nese instante Tobit pasaba do patio á casa e Sárah, a de Reuel, baixaba do piso alto.

 

Testamento de Tobit

 

Capítulo 4

 

1Por ese mesmo tempo, lembrouse Tobit do diñeiro que depositara na casa de Gabael, en Raguex de Media 2e dixo para si: ‑"Como xa pedín a morte, farei moi ben en chamar o meu fillo e revelarlle a existencia dese diñeiro antes de morrer". 3Chamou, pois ó seu fillo Tobías, que se lle acercou, e díxolle:

‑"Entérrame como convén. Honra a túa nai. Non a abandones ningún día da súa vida. Fai todo canto lle agrade. Non a contristes o máis mínimo. 4Acórdate, filliño, de todas cantas pasou ela por ti cando estabas no seu seo. E cando morra, entérraa onda min nunha mesma sepultura.

5Durante todos os teus días, fillo querido, lémbrate do Señor; non consintas en pecado ningún, quebrantando os seus mandamentos. Cumpre as obras de xustiza todos os días da túa vida e non sigas endexamais os camiños da inxustiza, 6porque os que obran con verdade terán éxito nas súas empresas. 7Todos os que practican a xustiza deben recibir esmolas dos teus bens. Que a túa mirada non se entristeza cando fas algunha esmola. Non retires xamais o teu rostro dun pobre, e o rostro de Deus non se arredará de ti. 8Fai a esmola de acordo co que teñas, segundo a importancia dos teus bens. Se tes pouco, non temas facer a esmola segundo ese pouco que tes: 9é un gran tesouro o que almacenas para o día da desgraza, 10pois a esmola libra da morte e impide caer nas tebras; 11en efecto, para cantos a fan, e esmola é unha bela ofrenda ós ollos do Altísimo.

12Gárdate, fillo querido, de toda xuntanza ilegal, e, o primeiro de todo, toma muller da raza de teus pais. Non cases cunha muller estranxeira, que non sexa da tribo do teu pai, porque nós somos fillos de profetas. Lémbrate, filliño, de Noé, Abraham, Isaac, Xacob, os nosos pais: desde os tempos remotos tomaron todos muller de entre a súa parentela, e así foron benditos nos seus fillos e a súa raza terá a terra en herdanza. 13Así, pois, fillo meu, que as túas preferencias sexan polos teus irmáns; non te mostres altivo diante deles, dos fillos e fillas do teu pobo, nin te avergoñes de tomar unha muller de entre eles, porque no orgullo hai moita ruína e intranquilidade e na incuria, decadencia e miseria extremas, pois a incuria é nai da fame.

14Non gardes para mañá o salario dun traballador, senón págalle todo de seguida, e se ti serves a Deus, el xa cho pagará. Tente moi á raia, fillo, en todas as túas accións e dá probas da madurez en toda a túa conduta. 15O que non queiras para ti, non llo fagas a ninguén. Non bebas viño ata te emborrachar e que endexamais a borracheira non te acompañe no camiño. 16Dá do teu pan ó que ten fame e roupa ós que están espidos. Co que che sobre fai esmola. Que a túa ollada sexa sen tristura cando fas a esmola. 17Prodiga o teu pan sobre a tumba dos xustos, mais non llelo deas ós pecadores.

18Aconséllate de toda persoa asisada  e non despreces xamais un bo consello. 19En toda ocasión, bendí ó Señor o teu Deus e pídelle que faga rectos os teus camiños e que te faga saír airoso de todas as túas empresas e proxectos, pois ningún pobo ten en exclusiva a perspicacia, senón que é o Señor o que dá todo ben, abaixando a quen quere ata o fondo da morada dos mortos.

E agora, fillo, fai o propósito de gardar na memoria estas instrucións e que endexamais se borren do teu corazón. 20Chegou o momento de dicirche, fillo querido, que depositei dez talentos de prata na casa de Gabael, o fillo de Gabrí, en Raguex de Media. 21Polo tanto, non che dea pena de que sexamos pobres; ti posúes unha gran riqueza, se temes a Deus, se foxes de toda clase de pecado e se obras ben ós ollos do Señor o teu Deus".

 

Preparativos da viaxe

 

Capítulo 5

 

1Entón Tobías respondeu ó seu pai Tobit:

‑"Farei, papá, todo canto me ordenaches. 2Mais ¿como poderei recuperar esa prata, pois eu non coñezo ese home nin el a min? ¿Que sinal lle vou dar para que me recoñeza, se fíe de min e me dea a prata? E, ademais, non sei o camiño para ir á Media".

3Tobit respondeu ó seu fillo Tobías:

‑"Teño unha acta asinada por el; eu asineina tamén e partina á metade e cada un ten unha parte, pois a súa quedou coa prata. Hai xa vinte anos que a deixei en depósito. Polo tanto, filliño, busca agora a alguén de confianza para que te acompañe; pagarémoslle un salario ata a volta. Vai, pois, recoller esa prata á casa de Gabael".

4Tobías saíu en busca de alguén que o puidese acompañar á Media; un que coñecese ben o camiño. Non tardou en se atopar co anxo Rafael en pé diante del; mais non pensou que fose un anxo de Deus. 5Díxolle:

‑"¿De onde es ti, amigo?"

O anxo respondeulle:

‑"Son un fillo de Israel, un dos teus irmáns e vin por aquí para traballar".

Tobías díxolle:

‑"¿Coñeces ti o camiño para ir á Media?"

6O anxo respondeulle:

‑"Si, estiven alí moi a miúdo, coñezo todos os camiños de memoria. Fun ben veces á Media e hospedeime na casa de Gabael, o noso irmán, que vive en Raguex de Media. Hai dous días de camiño normal desde Ecbátana a Raguex, pois Raguex está na montaña, e Ecbátana no val".

7Tobías díxolle:

‑"Agárdame, amigo, mentres llo vou dicir ó meu pai, pois faime falta que veñas canda min, e xa che pagarei o teu salario".

8El díxolle:

‑"Moi ben, seguirei aquí, mais non te demores".

9Tobías foi informar ó seu pai Tobit e díxolle:

‑"Xa dei cun israelita de entre os nosos irmáns".

Tobit contestou:

‑"Chámamo, que quero saber de que clan e de que tribo é, e se podo contar con el para te acompañar".

10Tobías saíu chamalo e díxolle:

‑"Amigo, chámate meu pai".

O anxo entrou na casa e Tobit adiantouse a saudalo. El respondeu:

‑"Deséxoche benestar en abundancia".

Tobit replicou:

‑"¿Que benestar vou ter? Estou cego, sen poder ver a luz do ceo. O meu camiñar é nas tebras, como os mortos que non contemplan máis a luz. Vivindo, habito cos mortos, oio a voz da xente, pero non a vexo".

O anxo díxolle:

‑"Ten coraxe; Deus curarate moi axiña; coraxe".

Tobit, entón, preguntoulle:

‑"Meu fillo Tobías ten a intención de ir á Media, ¿poderías ti acompañalo e servirlle de guía? Eu pagareiche o teu salario, irmán".

El contestou:

‑"Estou disposto a facelo, coñezo todos os camiños, fun a Media a miúdo, e percorrín todas as súas chairas e montañas e coñezo todos os camiños".

11Tobit preguntoulle:

‑"Irmán, ¿de que familia es ti e de que tribo? Dimo, irmán".

12El respondeu:

‑"¿E que necesidade tes de coñecer a miña tribo?"

Tobit replicou:

‑"Quero, irmán, saber con certeza de quen es fillo e cal é o teu nome".

13El respondeulle:

‑"Eu son Azarías, fillo de Hananías o Grande, un dos teus irmáns".

14Tobit díxolle:

‑"Sexas benvido, irmán. Non me tomes a mal que quixese saber con certeza de que familia es. Resulta que ti es o noso parente, dunha moi boa familia. Eu coñezo a Hananías e a Natán, ambos fillos  do ilustre Xelomit. Viñan comigo a Xerusalén para adorar o noso Deus. Non escolleron mal camiño. Os teus irmáns son xente de ben. Ti es de moi boa cepa. Benvido sexas".

15E dixo máis:

‑"Douche como paga unha dracma por día e a mesma mantenza do meu fillo. 16Acompáñao, fai o favor, e engadirei ademais algunha cousa ó teu salario".

17O anxo respondeu:

‑"Si, irei con el, non teñas preocupación ningunha. Todo nos irá ben, tanto á saída como á volta; pois o camiño é seguro".

Tobit contestou:

‑"Sexas bendito, irmán".

Despois chamou por seu fillo e díxolle:

‑"Fillo querido, prepara canto necesites para a viaxe e sae co teu irmán. Que o Deus que está no ceo vos teña aló enriba canda El e que vos conduza sans e salvos e vos faga volver onda min. E que o seu anxo vaia convosco e vos protexa, fillo".

Tobías saíu e púxose en camiño, abrazou o seu pai e a súa nai e Tobit díxolle:

‑"Boa viaxe".

18A súa nai empezou a chorar e dixo a Tobit:

‑"¿Por que mandaches saír ó meu fillo? ¿Non é el o bastón da nosa man, o que vai e vén diante de nós? 19Que non se engada ese diñeiro ó que xa temos, pois nada conta ó lado do noso fillo. 20Chegábanos ben a maneira de vivir que o Señor nos foi dando ata aquí".

21Mais el díxolle:

‑"Non te atormentes, muller: todo lle irá ben ó noso fillo, tanto á ida como á volta, e os teus ollos verán o día no que retorne a nós san e salvo.

22Deixa, polo tanto, de te atormentares; non te apures por eles, muller, que un anxo vai canda eles; terán unha viaxe feliz e volverá san e salvo".

23E ela parou de chorar.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com