Capítulos 6-10

Remate da muralla

 

Capítulo 6

 

1Cando Sambalat, Tobías, o árabe Guéxem e o resto dos nosos inimigos souberon que tiñamos rematada a construción da muralla e que xa non quedaba nela ningunha fenda ‑só as follas das portas estaban sen colocar‑, 2Sambalat e Guéxem mandaron dicirme:

‑"Ven. Vamos ter unha entrevista contigo en Kefirim, no val de Onó".

É que tiñan pensado facerme mal. 3Eu mandeilles mensaxeiros para dicirlles:

‑"O que eu fixen é unha obra considerable, e non me é posible baixar. ¿Por que se vai ter que deter a obra para baixar onda vós?"

4Eles enviáronme catro veces o mesmo recado, e eu deilles a mesma resposta.

5Por quinta vez chegoume a mesma mensaxe, por medio do servidor de Sambalat, que traía na man unha carta aberta. 6Nela estaba escrito: ‑"Óese rumorear entre as xentes, e así o afirma Guéxem, que ti e mais os xudeus tedes o pensamento de vos sublevar e que con tal motivo levantas ti a muralla para devir o seu rei. 7Nomeaches tamén co mesmo fin profetas en Xerusalén para que proclamen: Hai un rei en Xudá. É ben seguro que o vai saber o emperador. Ven, pois, e decidiremos xuntos o que convén facer". 8Respondinlles:

‑"Non hai cousa que estea de acordo con canto ti dis. Iso inventáchelo ti mesmo".

9Todos eles, de certo, queríannos meter medo, pensando: ‑"Van parar a obra, que non rematará endexamais". Eu con iso aínda collín máis ánimos. 10Fun á casa de Xemaías, fillo de Delaías, fillo de Mehetabel, pois estaba impedido. Dixo:

‑"Xuntémonos na casa de Deus, no medio do templo, e pechemos as súas portas, porque van vir matarte".

11Eu respondín:

‑"¿Un home coma min emprenderá a fuga? ¿E que home hai que poida entrar no templo e vivir? Non entrarei, non".

12Deime conta, en efecto, que non fora Deus quen o enviara. Fíxome esa profecía  subornado por Tobías e Sambalat, 13para que, cheo de pavor, obrase desa forma, cometendo un gran pecado. Terían entón eles motivo para me denigraren, téndome por un blasfemo.

14‑"Lémbrate, oh Deus, de canto Tobías e Sambalat fixeron, e tamén da profetisa Noadías e dos outros profetas que me querían poñer medo".

15A muralla rematouse o vinte e cinco do mes de Elul, en cincuenta e dous días.

16Cando o souberon os nosos inimigos, todas as nacións veciñas foron presa de gran temor e víronse humilladas ós seus propios ollos. Recoñeceron que esta obra fora feita por vontade divina. 17Foi tamén por ese tempo cando os notables de Xudá mandaran moitas cartas a Tobías e recibían del outras tantas. 18Pois moitos xudeus xuramentáranse con el por ser o xenro de Xecanías, fillo de Arah, e porque o seu fillo Iehohanán casara coa filla de Mexulam, fillo de Berequías. 19Facían, incluso, o seu eloxio na miña presenza, e levábanlle as miñas palabras. Tobías enviara cartas para poñerme medo.

 

Capítulo 7

 

1Rematada a muralla, puxen as portas e fóronlles asignados os cargos ós porteiros, cantores e levitas. 2Puxen tamén á fronte de Xerusalén a meu irmán Hananí, e Hananías, xefe da fortaleza, pois era un home honrado que temía ó Señor, máis ca outros moitos. 3Díxenlles:

‑"As portas de Xerusalén non se abrirán antes de que quente o sol e, mentres os porteiros non estean no seu posto, seguirán pechadas solidamente. Organizarase unha quenda de garda cos habitantes de Xerusalén, uns desde os seus postos e outros diante das súas casas".

4A cidade era grande e moi extensa polos dous lados, mentres que os habitantes eran poucos e non se reconstruían casas.

5O meu Deus inspiroume entón reunir os notables, as autoridades e o pobo para facer o rexistro. Atopei o libro do censo dos primeiros que subiran, no que estaba escrito:

6Habitantes da provincia que regresaron do desterro, onde os levou cativos Nabucodonosor, rei de Babilonia, e volveron a Xerusalén e a Xudá, cada un ó seu pobo. 7Viñeron con Zerubabel, Xosué, Nehemías, Azarías, Raamías, Nahamani, Mardoqueo, Bilxán, Mispéret, Bigvai, Nehúm, Banah.

Número de homes do pobo de Israel: 8os fillos de Parox: 2.172 ; 9 fillos de Xafatías: 372; 10os fillos de Arah: 652; 11os fillos de Pahat-Moab, isto é os fillos de Iexúa e Ioab: 2.818; 12os fillos de Elam: 1.254; 13os fillos de Zatú: 845; 14os fillos de Zaqueo: 760; 15os fillos de Binuí: 648; 16os fillos de Bebai: 628; 17os fillos de Azgad: 2.322; 18os fillos de Adonicam: 667; 19os fillos de Bigvai: 2.067; 20os fillos de Adín: 655; 21os fillos de Ater, é dicir, de Ezequías: 98; 22os fillos de Haxum: 328; 23os fillos de Besai: 324; 24os fillos de Harif: 112; 25os fillos de Gabaón: 95; 26os homes de Belén e Netofah: 188; 27os homes de Anatot: 128; 28os homes de Bet-Azmávet: 42; 29os homes de Quiriat-Iearim, Kefirah e Beerot: 743; 30 os homes de Ramah e Gueba: 621; 31os homes de Micmás: 122; 32os homes de Bet-el e Ai: 123; 33os homes do outro Nebó: 52; 34os fillos dun segundo Elam: 1.254; 35os fillos de Harim: 320; 36os fillos de Iericó: 345; 37os fillos de Lod, Hadid e Onó: 721; 38os fillos de Senaah: 3.930.

39Os sacerdotes: os fillos de Iedaías, é dicir, a casa de Xosúe: 973; 40os fillos de Imer: 1.052; 41os fillos de Paxhur: 1.247; 42os fillos de Harim: 1.017.

43Os levitas: os fillos de Iexúa, é dicir, Cadmiel, os fillos de Hodvá: 74.

44Os cantores: os fillos de Asaf: 148.

45Os porteiros: os fillos de Xalum, os fillos de Ater, os fillos de Talmón, os fillos de Acub, os fillos de Hatita, os fillos de Xobai: 138.

46Os servidores: os fillos de Sihá, os fillos de Hasufá, os fillos de Tabaot, 47os fillos de Querós, os fillos de Siá, os fillos de Padón, 48os fillos de Lebanah, os fillos de Hagabah, os fillos de Xalmai, 49os fillos de Hanán, os fillos de Guidel, os fillos de Gahar, 50os fillos de Reaías, os fillos de Reín, os fillos de Necodá, 51os fillos de Gazam, os fillos de Uzá, os fillos de Paséah, 52os fillos de Besai, os fillos de Meunim, os fillos de Nefixim, 53os fillos de Bacbuc, os fillos de Hacufá, os fillos de Harhur, 54os fillos de Baslit, os fillos de Mehidá, os fillos de Harxá, 55os fillos de Barcós, os fillos de Siserá, os fillos de Tamah, 56os fillos de Necías, os fillos de Hatifá.

57Os fillos dos servidores de Salomón: os fillos de Sotai, os fillos de Soféret, os fillos de Peridá, 58os fillos de Ialá, os fillos de Darcón, os fillos de Guidel, 59os fillos de Xefatías, os fillos de Hatil, os fillos de Poquéret-Ha-Sebaim, os fillos de Amón. 60Todos os servidores de Salomón: 392.

61E velaquí os que subiron de Tel-Mélah, Tel-Hará, Kerub-Adón e Imer e que puideron demostrar se a súa casa paterna e a súa raza viñan certamente de Israel: 62os fillos de Delaías, os fillos de Tobías, os fillos de Necodá: 642; 63e algúns de entre os sacerdotes: os fillos de Hobaia, os fillos de Hacós, os fillos de Barzilai ‑o que casara cunha das fillas de Barzilai o galaadita e herdara o seu nome. 64Estas xentes buscaron o seu rexistro de xenealoxías e non o atoparon; entón foron declarados ilexítimos, excluídos do sacerdocio. 65E o gobernador díxolles que non comesen dos alimentos sagrados, ata que chegase algún dos sacerdotes experto na consulta dos urim  e tummim.

66Toda a asemblea sumaba 42.360 persoas, 67sen contar os servidores e servidoras que eran 7.337. Tiña 245 cantores e cantoras, 68435 camelos e 6.720 asnos. 69Unha parte dos cabezas de familia fixeron donativos para as obras. O gobernador deu ó tesouro mil dracmas de ouro, cincuenta copas, cincocentas trinta túnicas sacerdotais. 70Algúns dos xefes de familia deron ó tesouro da obra vinte mil dracmas de ouro e dúas mil duascentas minas de prata, cincuenta copas, e trinta e cinco túnicas sacerdotais. 71E algúns dos cabezas de familia deron para o tesouro da obra vinte mil dracmas de ouro e dúas mil duascentas minas de prata.

72Entón os sacerdotes, os levitas, porteiros, cantores, servidores e todos os israelitas establecéronse nos seus pobos. Chegado o sétimo mes, os fillos de Israel habitaban xa nas súas vilas.

 

Lectura pública da Lei

 

Capítulo 8

 

1Todo o pobo, coma un só home, xuntouse na praza que está diante da porta das Augas, e dixéronlle a Esdras, o escriba, que trouxese o libro da Lei de Moisés que o Señor tiña prescrito a Israel. 2O sacerdote Esdras trouxo a Lei diante da asemblea, onde se atopaban os homes, mulleres e todos cantos eran capaces de comprender o que oían. Era o primeiro día do sétimo mes.

3El leu no libro, desde o amañecer ata o mediodía, ós homes, mulleres e a cantos tiñan uso de razón. Os oídos de todo o pobo estaban atentos ó libro da Lei.

4O escriba Esdras estaba en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión, e á súa dereita estaban Matatías, Xema, Ananías, Urías, Hilquías e Maseías; á súa esquerda, Pedaías, Mixael, Malaquías, Haxum, Haxbadanah, Zacarías, Mexulam. 5Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois colocárase por cima da comunidade, e cando o abriu, o pobo púxose en pé. 6Entón Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: ‑"Amén, amén", levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra.

7Os levitas Iexúa, Baní, Xerebías, Iamín, Aqub, Xabtai, Hodiías, Maseías, Quelitá, Azarías, Iozabad, Hanán, Pelaías, explicaban a Lei ó pobo, e este mantíñase en pé sobre a praza. 8Lían no libro da Lei de Deus, traducíndoo e facendo comprender o que lían.

9Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote-escriba Esdras e os levitas que explicaban a Lei ó pobo, dixeron a toda a asemblea:

‑"Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus. Polo tanto, cesade no voso pranto e non choredes máis" (pois todo o pobo choraba ó oír as palabras da Lei).

10El díxolles:

‑"Ídevos e comede ben, e bebede excelentes viños, e levádelles tamén ós que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ó noso Señor. Nin sigades tristes, porque o gozo do Señor é a vosa forza".

11E os levitas calmaban ó pobo enteiro, dicindo: ‑"Calade, porque este día está consagrado. Non sigades chorando".

12Entón retirouse todo o pobo a comer e beber, repartindo cos que non tiñan e manifestando unha gran ledicia, pois comprenderan as palabras do Señor que lles acababan de ensinar.

13O segundo día, os xefes de familia de todo o pobo, os sacerdotes e os levitas reuníronse en torno ó escriba Esdras para distinguir ben o sentido das palabras da Lei. 14Atoparon escrito na Lei, que o Señor lles dera por medio de Moisés, que os fillos de Israel debían habitar en tendas durante as festas do sétimo mes 15e facérllelo saber e publicar o anuncio en todas as súas cidades e en Xerusalén nestes termos:

‑"Saíde para a montaña e levade ramallos de oliveira, piñeiros e mirto; ramallada de palmeiras e doutras árbores frondosas para construír as tendas, como está escrito".

16Entón o pobo saíu e levou con que facer as tendas, uns na azotea, outros nos patios, ou no adro do templo, na praza da porta das Augas e da porta de Efraím.

17Toda a asemblea ‑os que viñeran da catividade‑ fabricou tendas e habitounas, cousa que xa non facían os israelitas desde os tempos de Xosué, fillo de Nun, ata este día. Foi motivo de gran ledicia. 18Todos os días, desde o primeiro ó derradeiro, leu Esdras o libro da Lei de Deus. As festas duraron sete días, e no oitavo houbo, segundo costume, unha solemne asemblea de clausura.

 

Confesión dos pecados

 

Capítulo 9

 

1O vinte e catro do mesmo mes, os israelitas, vestidos de saco e cinsa, reuníronse para un xaxún. 2Todos cantos eran da liñaxe de Israel afastáronse dos estranxeiros, puxéronse en pé e confesaron os seus pecados e as faltas de seus pais. 3Volveron ós seus postos e leuse no libro da Lei do Señor, o seu Deus, durante unha cuarta parte da xornada. Durante outra cuarta parte fixeron a súa confesión e prostráronse diante do Señor, o seu Deus.

4Subiron ó taboado dos levitas Iexúa, Baní, Cadmiel, Xebanías, Buní, Quenaní; invocaron o Señor, o seu Deus, en alta voz.

5E os levitas Iexúa, Cadmiel, Baní, Haxabnías, Xerebías, Hodías, Xebanías y Petahías dixeron:

‑"Levantádevos. Bendicide o Señor, voso Deus, desde sempre e para sempre.

Que bendigan o teu nome glorioso, que sobrepasa toda bendición e loanza.

6Ti es, Señor, o único Deus, que fixeches os ceos, os ceos dos ceos e todo o seu exército, a terra e canto nela se atopa, os mares e todo canto conteñen. Fuches ti quen lles deu vida a todos, e o exército dos ceos se prosterna diante de ti. 7Es ti, o Señor Deus, o que escolliches a Abram, fixéchelo saír de Ur dos Caldeos e décheslle por nome Abraham. 8Atopaches nel un corazón fiel para contigo, e remataches con el unha alianza para darlle o país dos cananeos, hititas, amorreos, perizitas, iebuseos e guirgaxitas, a el e á súa descendencia. Cumpriches a palabra, porque ti es xusto.

9Viches a humillación dos nosos pais en Exipto e escoitaches os seus gritos onda o mar dos Xuncos. 10Realizaches signos e prodixios contra o Faraón, contra todos os seus servidores e contra todo o pobo do seu país, pois sabías que no seu orgullo nos maltratara, e conquistaches un nome que aínda hoxe perdura. 11Dividiches o mar perante eles e puideron pasar co pé enxoito polo medio do mar; ós que os perseguían precipitáchelos no fondo, como unha pedra nas augas axitadas. 12Guiáchelos de día cunha columna de nube e de noite cunha columna de fogo, para alumarlles o camiño que tiñan que seguir. 13Baixaches ó monte Sinaí, e falácheslles desde o alto dos ceos; décheslles os teus mandamentos, que son leis xustas, normas verdadeiras, estatutos e preceptos excelentes. 14Décheslles a coñecer o teu santo sábado, décheslles ordes, mandatos e unha Lei, por medio do teu servo, Moisés. 15Para matar a súa fame, décheslles pan do ceo e fixeches deitar  auga do penedo para a súa sede. Mandáchelos vir tomar posesión do país que lles tiñas xurado dar, coa man en alto.

16Mais eles, os nosos pais, mostráronse orgullosos, puxéronse testáns e non escoitaron os teu mandamentos. 17Non quixeron oír nin recordar os prodixios que fixeras polo seu ben. Empeñáronse testanamente en volveren á escravitude de Exipto. Mais ti, Deus do perdón, clemente e compasivo, cheo de paciencia e misericordioso, non os abandonaches, 18nin sequera cando fixeron un becerro fundido e clamaron: Este é o teu deus, o que te sacou de Exipto, cometendo un pecado horrendo. 19Pero ti, na túa grande misericordia, non os abandonaches no deserto: a columna de nube que os guiaba polo seu camiño de día non se apartou deles, nin a columna de fogo que os guiaba de noite. 20Décheslles o teu bo espírito para que soubesen discernir, e non lles quitaches o maná da súa boca e décheslles auga para a súa sede. 21Durante corenta anos, asegurácheslles a subsistencia no deserto; non lles faltou cousa e os seus vestidos non se gastaron nin se lles incharon os pés. 22Puxeches nas súas mans reinos e pobos, repartíndolles cadansúa rexión, e tomaron posesión do país de Sihón ‑o do rei de Hexbón‑ e do país de Og, rei de Baxán. 23Multiplicaches os seus fillos como as estrelas do ceo e fixéchelos entrar no país que lles prometeras ós seus pais tomar en posesión. 24Entraron os fillos e tomaron posesión do país. Sometiches diante deles ós habitantes do país, ós cananeos, e puxéchesllelos nas súas mans, xunto cos seus reis, para que fixesen con eles o que quixeren. 25Apoderáronse de cidades fortificadas e de terras fértiles; tomaron posesión de casas cheas de toda sorte de bens, pozos cavados, viñas e oliveiras e árbores froiteiras en gran número. Comeron, fartáronse, engordaron e viviron en delicias, grazas á túa gran bondade.

26Pero eles rebeláronse contra ti, rexeitaron a túa Lei, mataron os teus profetas, que os amoestaban a retornar a ti, e fixéronse culpables de grandes ofensas. 27Ti, entón, entregáchelos nas mans do seus inimigos, que os combateron. Na súa angustia, clamaron a ti e ti escoitáchelos desde o ceo; e pola túa gran misericordia dábaslles liberadores que os salvaban da man dos seus adversarios. 28Mais cando tiñas descanso, volvían facer o mal diante de ti e ti volvías abandonalos nas mans dos seus inimigos, que os oprimían. Chamaban de novo por ti, e ti, desde o alto dos ceos, escoitabas e librábalos na túa grande misericordia. 29Ti amoestábalos para que retornasen á túa Lei, mais eles, altivos, non facían caso das túas ordes. Pecaron contra os teus mandamentos, que o home debe cumprir para ter a vida. Déronche as costas, cheos de rebeldía, actuaron con orgullo e non quixeron escoitar.

30Ti soportáchelos durante moitos anos, o teu espírito amoestounos por medio dos profetas, mais eles non fixeron caso. Foi entón cando os entregaches nas mans dos pobos pagáns. 31Pero na túa grande compaixón non os aniquilaches nin abandonaches, porque ti es un Deus clemente e misericordioso.

32E agora, Deus noso, Deus grande, poderoso e terrible, que gardas a alianza e a fidelidade, non teñas en pouco as aflicións que nos alcanzaron a nós, ós nosos reis, ós nosos príncipes, ós nosos sacerdotes e a todo o pobo, desde o tempo dos reis de Asiria ata hoxe. 33Ti es xusto en todo canto nos ocorreu, pois obraches con verdade, mais nós obramos perversamente. 34Certamente, nin os nosos reis, nin os príncipes, nin os sacerdotes, nin os pais, cumpriron a túa Lei, nin prestaron atención ós preceptos e avisos que lles inculcabas. 35Eles, no seu reino e na súa grande prosperidade que lles deras, nun país extenso e fértil que puxeras diante deles, non te serviron e non se converteron das súas malas accións. 36Hoxe, velaquí como nós somos escravos nunha terra que ti lles deras ós nosos pais para que comesen dos seus froitos excelentes. 37Os seus abundantes produtos son para os reis que ti puxeches sobre nós, por culpa dos nosos pecados. Dominan sobre os nosos corpos e sobre os nosos animais, segundo a súa vontade, e nós vémonos nunha grande miseria".

 

Pacto do pobo

 

Capítulo 10

 

1En consecuencia, nós facemos un pacto firme e poñémolo por escrito. Sobre este texto selado figuran os nosos xefes, levitas e sacerdotes.

2Firmárono: Nehemías o gobernador, fillo de Hakalías e Sedecías; 3Seraías, Azarías, Irmeías, 4Paxhur, Amarías, Malaquías, 5Hatux, Xebanías, Maluk, 6Harim, Meremot, Obadías, 7Daniel, Guinetón, Baruc, 8Mexulam, Abías, Miiamín, 9Maazías, Bilgai, Xemaías: tales son os sacerdotes.

10E os levitas: Iexúa, fillo de Azanía, Binuí de entre os fillos de Henadad, Cadmiel, 11e os seus irmáns: Xebanías, Hodiías, Quelitá, Pelaías, Hanán, 12Milá, Rehab, Haxabías, 13Zacur, Xerebías, Xebanías, 14Hodiías, Baní, Beninú.

15Os xefes do pobo: Parox, Pahat-Moab, Elam, Zatú, Baní, 16Buní, Azgad, Bebai, 17Adonías, Bigvai, Adín, 18Ater, Ezequías, Azur, 19Hodiías, Haxum, Besai, 20Harif, Anatot, Nebai, 21Magpías, Mexulam, Hezir, 22Mexezabel, Sadoc, Yadúa, 23Pelatías, Hanán, Anaías, 24Hoxea, Hananías, Haxub, 25Olohex, Pilhá, Xobeq, 26Rehúm, Haxabnah, Maseías, 27Ahías, Hanán, 28Maluc, Harim, Banah.

29O resto do pobo, os sacerdotes, levitas, porteiros, cantores, servidores e todos os que se separaran dos pobos dos outros países para serviren á Lei de Deus, as súas mulleres e fillos, todos cantos tiñan uso de razón, 30uníronse ós seus irmáns, os nobres, e xuraron solemnemente camiñar de acordo coa Lei de Deus dada pola mediación de Moisés, servo de Deus, e levar á práctica todos os preceptos, decretos e mandados do Señor.

31Por conseguinte, non daremos as nosas fillas ás xentes do país, nin tomaremos as súas fillas para os nosos fillos; 32se as xentes do país veñen con mercadorías ou calquera xénero de víveres no día de sábado, non lles compraremos cousa mentres dure o sábado e durante os días de festa, e no sétimo ano deixaremos descansar os nosos campos e pagaremos toda clase de débedas.

33Prometemos ademais dar un terzo de siclo ó ano para o culto do templo do noso Deus, 34para o pan da presentación, para a ofrenda perpetua, para o holocausto perpetuo, os sábados, comezos de mes, festas, para as cousas consagradas, para os sacrificios de expiación dos pecados de Israel e para toda obra da casa do noso Deus.

35Nós ‑os sacerdotes, os levitas e o pobo‑ botamos as sortes con motivo da ofrenda de leña que hai que levar á casa do noso Deus segundo as nosas familias, nos tempos fixados, ano tras ano, para acender o lume do altar do Señor o noso Deus, segundo está escrito na Lei. 36Da mesma maneira, deben levarse  as primicias dos nosos eidos, as de todos os froitos de toda árbore, cada ano, para a casa do Señor, 37e os primoxénitos dos nosos fillos e do gando, como está escrito na Lei; así coma os primoxénitos das nosas grandes reses e das pequenas, que se deben levar á casa do noso Deus e ós sacerdotes en función na casa do noso Deus. 38A mellor parte da nosa fariña, das nosas ofrendas, de toda clase de froitos, do viño e do aceite, débense levar ós sacerdotes, para os almacéns da casa do noso Deus, así como tamén o décimo do noso terreo ós levitas. 39Un sacerdote, fillo de Aharón, irá canda os levitas, cando estes reciban o décimo, e tamén eles, pola súa banda, apartarán a décima parte do décimo para a casa do noso Deus e levarana ós almacéns da casa do tesouro. 40Pois tanto os israelitas como os levitas levan as ofrendas de trigo, de viño novo e de aceite ós almacéns, onde están tamén os trebellos do templo, dos sacerdotes que prestan servizo, dos porteiros e dos cantores.

Deste xeito, non abandonaremos a casa do noso Deus.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com