Capítulos 1-5

Pregaria de Nehemías

 

Capítulo 1

 

1Palabra de Nehemías, fillo de Hacalías.

Sucedeu que no mes de Kisleu do vixésimo ano, estando eu en Xuxán, a cidade forte, 2Hananí, un dos meus irmáns, veu de Xudá, el e algúns homes máis, e fíxenlles preguntas relativas ós xudeus rescatados, o resto sobrevivente da catividade, e por Xerusalén. 3Eles contáronme:

‑"Os que ficaron da catividade aló na provincia, están nunha gran desgraza e vergonza; a muralla de Xerusalén ten fendas e as súas portas foron queimadas".

4O oír estas palabras, sentei, chorei e a pena apoderouse de min durante uns días. Despois xaxuei e recei na presenza do Deus dos ceos. 5Dixen:

‑"Ah, Señor, Deus dos ceos, Deus grande e temible, que gardas a alianza e a fidelidade para con aqueles que te aman e cumpren os teus mandamentos, 6que os teus oídos estean atentos e os teus ollos abertos para escoitar a pregaria do teu servo. Neste momento, día e noite rezo diante de ti polos fillos de Israel, os teus servidores. Confeso os pecados que nós cometemos contra ti, eu e a casa de meu pai. 7Verdadeiramente ofendémoste e non gardamos os mandamentos, as leis e os costumes que deches ó teu servo Moisés. 8Pero lémbrate da palabra que, polo teu mandato, pronunciou o teu servo Moisés: Se sodes infieis, eu esparexereivos entre os pobos; 9mais se tornades a min e gardades os meus preceptos e os poñedes en práctica, aínda que os vosos deportados se encontren nos confíns do mundo, irei alí reunilos e traelos ó lugar que elixín para morada do meu nome. 10Eles son os teus servidores e o teu pobo que ti rescataches co teu gran poder e forte man. 11Ah, Señor, que o teu oído estea atento ó rogo do teu servo e dos teus servidores que se enchen de ledicia temendo o teu nome. Concede ó teu servo a graza de achar misericordia na presenza deste home".

Eu era entón o copeiro do rei.

 

Viaxe de Nehemías a Xerusalén

 

Capítulo 2

 

1No mes de Nisán do vixésimo ano do rei Artaxerxes, cando xa tiña servido o viño, ofrecín ó rei unha copa. Como eu xamais estivera triste diante del, 2o rei díxome:

‑"¿Por que o teu rostro é triste? ¿É que estás doente? ¿Ou trátase só dunha tristura do corazón?"

A min entón invadiume un gran temor. 3Contesteille ó rei:

‑"Que o rei viva por sempre. ¿Como non vai estar triste o meu rostro, cando a cidade onde están as sepulturas de meus pais foi devastada, e as súas portas devoradas polo lume?"

4O rei díxome:

‑"¿Que é entón o que pretendes?"

Eu recei ó Deus dos ceos 5e despois díxenlle ó rei:

‑"Se iso lle parece ben ó rei e se o teu servidor é grato ós teus ollos, mándame camiño de Xudá, cara á cidade das tumbas de meus pais, para reconstruíla".

6O rei e a raíña, sentada ó seu lado, preguntáronme:

‑"¿Canto durará a túa viaxe e cando volverás?"

Pareceulle ben ó rei a data que lle indiquei e deixoume partir.

7Eu engadín:

‑"Se a cousa parece ben ó rei, que se me dean cartas para o gobernador de Transeufratina, a fin de que eles me deixen pasar ata chegar a Xudá 8e tamén unha carta para Asaf, garda do parque real, a fin de que me dea a madeira para construír as portas da cidadela do templo e para as murallas da cidade e a casa onde eu me instale".

O rei deume esas cartas, pois a boa man do meu Deus estaba sobre min.

9Presenteime, pois, ós gobernadores de Transeufratina e deilles as cartas do rei. O rei enviárame tamén oficiais do exército e xinetes.

10Sambalat, o horonita, e Tobías, o servidor amonita, souberon a noticia e desgustáronse moito ó veren que alguén viña preocupándose do maior ben dos fillos de Israel.

11Cheguei a Xerusalén e detívenme alí tres días. 12Despois erguinme pola noite, con algúns homes máis, pero sen lle revelar a ninguén canto Deus me puxera no corazón para levar a cabo en Xerusalén. Cabalgadura só tiña unha, a que eu montaba. 13Saín de noite pola porta do Val cara á fonte do Dragón e á porta do Esterco. Examinei coidadosamente as murallas de Xerusalén e decateime de que case non había máis que fendas, e que as portas foran devoradas polo lume. 14Pasei cara á porta da Fonte e cara ó estanque real, pero non vin alí sitio por onde pasar a cabalgadura que levaba. 15Subín, entón, polo torrente (aínda era noite) e examinei a muralla moi atentamente. Despois dei a volta pola porta do Val ata a casa.

16As autoridades non souberon onde fora, nin o que pensaba facer. É que aínda non lles dixera nada ós xudeus, ós sacerdotes, ós notables e maxistrados, nin ós outros que se ocupaban dos traballos. 17Entón díxenlles:

‑"Xa vedes a triste situación na que nos encontramos: Xerusalén devastada e as súas portas queimadas. Hai, pois, que reconstruír a muralla de Xerusalén e non sexamos máis unha irrisión".

18Reveleilles como a man do meu Deus, a súa boa man, estaba sobre min e canto o rei me dixera. Eles dixeron entón:

‑"¡Arriba, a traballar!"

E puxeron mans á obra con moitos azos.

19Cando o souberon o horonita Sambalat, o servo amonita Tobías, e Guéxem, o árabe, ríronse de nós e dicían con desprezo:

‑"¿Que é o que ides facer? ¿Rebelástesvos contra o rei?"

20Eu respondinlles, dicindo:

‑"É o Deus dos ceos, El mesmo, o que nos dará o éxito. Nós, os seus servos, levantarémonos e construiremos. Para vosoutros non haberá parte ningunha, nin dereito nin recordo en Xerusalén".

 

Reparación dos muros de Xerusalén

 

Capítulo 3

 

1Eliaxib, o sumo sacerdote, levantouse, xuntamente cos seus irmáns, os sacerdotes, e construíron a porta das Ovellas. Consagrárona e puxéronlle as follas; despois consagraron a muralla ata a torre dos Cento, ata a torre de Hananel. 2O seu lado construíron os homes de Iericó e ó lado construíu Zacur, fillo de Imrí. 3Os fillos do Senaah fixeron a porta dos Peixes e foron tamén eles os que a colocaron e fixaron as súas follas, trancas e ferrollos. 4De seguido traballou Meremot, fillo de Urías, fillo de Hacós, e ó seu lado traballou Mexulam, fillo de Berequías, fillo de Mexezabel; xunto del traballou Sadoc, fillo de Baná; 5ó seu lado traballaron os de Tecoa, pero os seus notables non se sumaron ó servzo dos seus señores. 6Ioiadá, fillo de Paséah, e Mexulam, fillo de Besodía, traballaron na porta do arrabalde novo; foron eles os que fixaron as súas follas, trancas e ferrollos. 7O seu lado traballou Melatías o gabaonita, e tamén Iadón o meronotita, os homes de Gabaón e de Mispah, dependentes do solio do gobernador de Transeufratina. 8O seu lado traballou Uziel, fillo de Harhaías o ourive, e ó seu lado traballou Hananías o perfumista. Fóronse de Xerusalén unha vez rematada a muralla longa. 9Canda eles traballou Refaías, fillo de Hur, xefe da metade do distrito de Xerusalén. 10A continuación traballou Iedaías, fillo de Harumaf, fronte da súa casa, e ó seu lado traballou Hatux, fillo de Haxafnías. 11Na segunda porción traballou Malaquías, fillo de Harim, como tamén Haxub, fillo de Pahat-Moab; o mesmo que na torre dos Fornos. 12O seu lado traballou Xalum, fillo deo Lohex, xefe da metade dun sector de Xerusalén, el e as súas fillas. 13Na porta do Val traballou Hanún cos habitantes de Zanóah; foron eles os que a fixeron, aseguraron as súas follas, coas barras e fechos, e reconstruíron cincocentos metros de muralla ata a porta do Esterco. 14A porta do Esterco restaurárona Malaquías, fillo de Recab, xefe do distrito do Casalhorto; foi el quen a construíu, fixando as súas follas, trancas e fechos. 15Xalum, fillo de Kol-Hozeh, xefe do sector de Mispah, traballou na porta da Fonte; foi el quen a fixo, cubriuna e púxolle as follas, trancas e ferrollos; tamén construíu a muralla do estanque de Xélah, onda o xardín real, ata a esqueira que baixa da Cidade de David.

16Despois del traballou Nehemías, fillo de Azbuc, xefe de medio distrito de Caspena, ata as tumbas de David, o estanque artificial e a casa dos Valentes. 17O seu lado traballaron os levitas: Rehúm, fillo de Baní e, a par del, traballou no seu propio distrito Haxvías, xefe da metade do sector de Queilah: 18Despois del traballaron os seus irmáns Binuí, fillo de Henadad, xefe da metade do sector de Queilah. 19O seu lado traballou Ézer, fillo de Iexúa, xefe de Mispah, nunha segunda porción, a partir do sitio que cae fronte á subida do arsenal, no ángulo. 20Despois del traballou con gran coraxe Baruc, fillo de Zabai, nunha segunda porción, a partir do ángulo ata a entrada da casa de Eliaxib, o sumo sacerdote. 21Despois del traballou Meremot, fillo de Uría, fillo de Hacós, nunha segunda porción, a partir da entrada da casa de Eliaxib ata o extremo da casa de Eliaxib. 22E despois del traballaron os sacerdotes, chegados dos contornos. 23Despois traballou Benxamín e tamén Haxub, diante da súa casa; despois traballou Azarías, fillo de Maseías, fillo de Anasías, ó lado da súa casa. 24Despois del traballou Binuí, fillo de Henadad, nunha segunda porción, a partir da casa de Azarías ata o recanto e ata o ángulo; 25Palal, fillo de Uzai, continuou a partir do ángulo e a torre superior do palacio real, a alta, a que dá ó patín do cárcere. A par del, Pedaías, fillo de Parox, restaurou 26ata a porta das Augas, ó leste da torre superior. 27Despois del traballaron os de Tecoa, nunha segunda porción, a partir do lugar que está diante da torre superior, ata a muralla do Ofel. 28Despois da parte alta da porta dos Cabalos traballaron os sacerdotes, cada un diante da súa casa. 29A continuación traballou Sadoc, fillo de Imer, diante da súa casa, e despois del traballou Xemaías, fillo de Xecanías, gardián da porta do Leste. 30Despois del traballou Hananías, fillo de Xelemías, e tamén Hanún, fillo de Salaf o sexto, nunha segunda porción. A continuación traballou Mexulam, fillo de Berequías, diante da súa morada. 31Despois del traballou Malaquías o ourive ata a casa dos servidores e dos comerciantes, fronte á porta de Mifcad ata a cela alta do ángulo. 32Entre a cela alta do ángulo e a porta das Ovellas traballaron os ourives e os comerciantes.

 

Os inimigos opóñense á reconstrución

 

33Cando Sambalat soubo que nós levantabamos a muralla, encheuse de cólera e de furor. Burlouse dos xudeus 34e falou na presenza dos seus irmáns e das tropas de Samaría, dicindo:

‑"¿Que fan eses infelices? ¿Déixaselles traballar? ¿Van ofrecer sacrificios? ¿Van terminar hoxe? ¿Farán revivir as pedras de entre os pardiñeiros, agora que xa están calcinadas?"

35O amonita Tobías estaba ó seu lado e dixo:

‑"Eles constrúen, mais, en canto suba unha raposa á súa muralla de pedra, fará nela unha fenda".

36Escoita, Deus noso, como se burlan de nós. Fai caer os seus insultos sobre a súa cabeza e entrégaos ó desprezo nun país de catividade. 37Non perdoes a súa falta, e que o seu pecado non se borre diante de ti; porque cometeron unha ofensa contra os que constrúen.

38Reconstruímos, pois, a muralla, e toda ela foi reparada ata media altura. O pobo tomou moi a peito o facela.

 

Capítulo 4

 

1Cando Sambalat, Tobías, os árabes e os axdoditas se deron conta de que a restauración das murallas de Xerusalén progresaba e de que se empezaban a cerrar as fendas, a súa cólera foi moi grande. 2Xuntáronse todos para viren atacar Xerusalén e causar nelas estragos. 3Entón nós suplicamos ó noso Deus e puxemos gardas para que os vixiasen día e noite. 4Mais Xudá dicía:

‑"A forza dos albaneis esgótase,

e hai moitos espolios.

E xa non nos será posible

Construír a muralla".

5Os nosos adversarios comentaban:

‑"Non sospeitarán nin verán nada ata o momento en que nós cheguemos onda eles. Entón matarémolos e faremos cesar a obra".

6Os xudeus que habitaban ó lado deles, cando viñan, repetíannos:

‑"De todos os sitios de onde vós vides, están eles sobre nós".

7Entón eu ordenei o pobo por familias, coas súas espadas, lanzas e arcos, arredor e ó pé da muralla. 8Examinado todo, levanteime e díxenlles ós notables, ás autoridades e ó resto do pobo:

‑"Non lles teñades medo. Lembrádevos do Señor, grande e temible, e loitade polos vosos irmáns, fillos e fillas, polas vosas mulleres e casas".

9Cando se decataron os nosos inimigos de que estabamos alerta, déronse conta de que Deus lles desbaratara os seus planos, e puidemos volver á muralla, cadaquén á súa tarefa. 10Desde aquel día, con todo, só a metade dos meus homes traballaba, mentres a outra metade tiña na man as lanzas, os escudos, os arcos e as coirazas. Os xefes mantíñanse en pé detrás de toda a casa de Xudá. 11Os que construían a muralla e cantos cargaban e levaban os vultos, traballaban cunha man, mentres a outra sostiña unha arma. 12Todo construtor tiña unha espada amarrada á cintura. O corneta estaba ó meu lado. 13Eu díxenlles ós notables, maxistrados e ó resto do pobo:

‑"A obra é considerable e ampla e nós estamos espallados ó longo da muralla, lonxe uns dos outros. 14Polo tanto, se oídes o soar da trompeta onde queira que esteades, vide logo xuntarvos connosco. O Señor loitará por nós. 15Fagamos a obra ‑tendo a metade dos nosos as lanzas na man‑, desde o raiar da alba ata que xa se vexan as estrelas".

16Tamén foi por este tempo cando lle dixen ó pobo:

‑"Cada un co seu servidor pasará a noite en Xerusalén; na noite haberá un garda, e no día todos á obra".

17Ninguén, nin eu nin os meus irmáns, nin os meus servidores, nin os homes da garda que me seguían, ninguén de nós, quitaba os vestidos. Todos tiñan a súa arma na man dereita.

 

 

INXUSTIZAS SOCIAIS

 

Intervención de Nehemías

 

Capítulo 5

 

1Entón a xente do pobo, sobre todo as mulleres, levantou un gran clamor contra os seus irmáns xudeus. 2Algúns dicían:

‑"Os nosos fillos e fillas, e nós mesmos, somos moi numerosos e non temos pan para comer e vivir".

3Outros dicían:

‑"Os nosos campos, viñas e casas hai que entregalos, a fin de que nos dean trigo no tempo da fame".

4Outros dicían:

‑"Polo tributo do rei, empeñamos a prata que esperamos sacar dos campos e viñas. 5Non obstante, a nosa carne é semellante á carne dos nosos irmáns, e os nosos fillos son tamén semellantes ós seus. Mais o caso é que temos que entregar os nosos fillos e fillas á escravitude, e algunhas das nosas fillas foron deshonradas sen que nós poidamos facer cousa para impedilo. Os nosos campos e viñas están nas mans doutros".

6Ao oír os seus clamores e palabras, a cólera apoderouse de min con violencia. 7Sentin na miña alma a obriga de lles rifar ós nobres e maxistrados, e díxenlles:

‑"Estades poñendo unha carga enorme os uns nos ombros dos outros".

Convoqueinos despois a unha gran asemblea.

8Díxenlles:

‑"Nosoutros, nós mesmos, compramos os nosos irmáns xudeus vendidos ás nacións, na medida das nosas posibilidades. Vosoutros, polo contrario, vendedes os vosos irmáns para seren máis tarde revendidos a nós".

Eles mantíñanse en silencio e nada tiñan que responder. 9Eu engadín:

‑"O que facedes non está ben; ¿non é segundo o temor de Deus como debedes camiñar para evitar a vergonza das nacións, as nosas inimigas? 10Tanto eu, coma os meus irmáns e servidores prestámoslles diñeiro e trigo. E imos tamén abandonar esa débeda. 11Volvédelles hoxe mesmo os seus campos, viñas, oliveiras e casas, e perdoádelles o diñeiro, trigo, aceite que lles emprestastes".

12Eles responderon:

‑"Perdoarémoslles todo e nada lles reclamaremos. Faremos como ti dis".

Chamei ós sacerdotes e fixen xurar á xente que farían como se lles dixera. 13Sacudín tamén as dobras do meu manto, dicindo:

‑"Desta mesma maneira sacudirá Deus da súa casa, lonxe dos seus bens, a todo aquel que non reciba a súa palabra. Así será el sacudido e abandonado sen nada".

Toda a asemblea respondeu:

‑"Amén".

E loaba ó Señor. E o pobo realizou canto se dixo.

14Despois do día mesmo en que se me deu a orde de ser o seu gobernador no país de Xudá, desde o vixésimo ano ata o trixésimo do rei Artaxerxes, durante doce anos, así eu coma os meus irmáns non comemos endexamais o pan que lle pertence ó que goberna. 15Antes de min, os primeiros gobernadores esmagaban o pobo, esixíndolle pan e viño, e corenta siclos de prata. Tamén os seus servidores impoñían o seu dominio sobre o pobo, cousa que eu xamais non quixen facer polo temor de Deus.

16Axudei incluso na obra desta muralla, e non compramos campos, e todos os meus servidores viñan tamén xuntarse aquí para o traballo. 17Os xudeus e os maxistrados que comían comigo eran cento cincuenta homes, ademais dos que viñan onda nós das nacións veciñas.

18O que se preparaba para cada día ‑un touro, seis carneiros escollidos e aves‑ corría da miña conta o aderezalo. Cada dez días traía viño a fartar. Aínda así, non reclamei o pan que lle corresponde ó gobernador, pois a servidume pesaba duramente sobre este pobo.

19Meu Deus, acórdate para o meu ben de todo canto fixen por este pobo.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com