Capítulos 1 - 4

A fuxida de Xonás

 

Capítulo 1

 

1Veulle a palabra do Señor a Xonás, fillo de Amitai, nestes termos:

2‑Érguete e vai a Nínive, a gran cidade, e proclama contra ela oráculos de como subiu á miña presenza a ruindade dos seus habitantes.

3Pero Xonás ergueuse para fuxir a Tárxix lonxe da presenza do Señor. Baixou a Iafa, onde atopou un barco que marchaba para Tárxix. Pagou o billete do barco e colleuno para marchar nel a Tárxix, lonxe da presenza do Señor.

4Entón o Señor lanzou un forte vento contra o mar, e armouse unha grande tempestade de xeito que parecía que ía partir o barco.

5Colleron tal medo os mariñeiros, que cada un lles pedía auxilio a berros ós seus deuses; logo botaron ó mar todos os obxectos que había a bordo, para alixeiraren o barco do seu peso. Mentres tanto, Xonás, que baixara ó fondo do barco, estaba deitado e durmía un sono profundo.

6Entón o capitán chegouse a xunto del e díxolle:

‑¿Que che pasa a ti para durmires un sono profundo? Érguete e pídelle auxilio a berros ó teu Deus. Quizais ese Deus se preocupe de nós e non perezamos.

7E dicían entre eles:

‑¡Veña! Botemos as sortes, para podermos coñecer por causa de quen nos acontece esta desgraza.

Botaron as sortes e tocoulle a Xonás.

8Entón dixéronlle:

‑Fai o favor de nos dicir: ¿Por causa de quen nos vén esta desgraza? ¿Cal é a túa misión? ¿De onde vés? ¿Cal é o teu país? ¿De que pobo es ti?

9Respondeulles el:

‑Son hebreo e adoro a Iavé, o Deus do ceo, que fixo o mar e mais a terra firme.

10Cheos de temor sagrado, os homes aqueles dixéronlle:

‑¿Que é o que fixeches?

Pois dábanse de conta de que fuxía da presenza de Iavé (pois xa llelo dixera).

11Preguntáronlle:

‑¿Que faremos contigo para que o mar deixe de estar contra nós?

Pois o mar seguía embravecéndose.

12Respondeulles:

‑Collédeme en peso e botádeme ó mar, pois eu ben sei que é culpa miña esta grande tempestade que está contra vós.

13Entón os homes aqueles remaban para volver á terra firme, pero non eran capaces, xa que o mar seguía embravecéndoselles cada vez máis.

14Pero invocaron a Iavé con esta súplica: ‑Ai, Señor, que non perezamos por culpa dos planos deste home. Non nos fagas responsables de sangue inocente, pois ti obras tal como queres.

15Levantaron en peso a Xonás, botárono ó mar, e o mar aplacou o seu embravecemento.

16Entón os homes sentiron un grande respecto polo Señor, fixéronlle un sacrificio e ofrecéronlle votos.

 

O Señor salva a Xonás

 

Capítulo 2

 

1Mentres, o Señor dispuxo un grande peixe para que engulise a Xonás.

Estivo nas entrañas do peixe tres días e tres noites.

2Desde as entrañas do peixe rezoulle Xonás ó Señor, o seu Deus:

3‑Desde a miña angustia chamei ó Señor e escoitoume;

desde o ventre do abismo pedín auxilio, e escoitaches a miña voz.

4Botáchesme nas profundidades, no corazón do mar; e envolvíame a corrente.

Os teus golpes de mar e mais s túas ondas pasaron todas sobre min.

5Pero eu pensei: apartáronme lonxe da presenza dos teus ollos; ¿como poderei seguir mirando cara ó teu santo templo?

6Asulagoume a auga ata a gorxa, envólveme o abismo; as algas ensaríllanse na cabeza,

7onde enraízan as montañas.

Baixei ó profundo da terra: o seu ferrollo pechouse tras de min para sempre.

Pero sacaches a miña vida da foxa, Señor, meu Deus.

8Cando se debilitaban os meus folgos, lembreime do Señor,

e a miña oración chegou a ti, ó teu santo templo.

9Os fanáticos dos ídolos que nada son, abandonan a súa fidelidade.

10Pero eu ofrecereiche un sacrificio cantando a miña acción de grazas.

O que prometín cumprireino.

A salvación está no Señor.

11Entón o Señor deulle orde ó peixe, e este vomitou a Xonás en terra firme.

 

Xonás en Nínive

 

Capítulo 3

 

1Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:

2‑Érguete, vai a Nínive, a grande cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.

3Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.

4Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:

‑Dentro de corenta días Nínive será destruída.

5Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ó máis pequeno.

6A mensaxe chegou tamén ó rei de Nínive, que se ergueu do seu trono, quitou os seus vestidos rexios, cubriuse de saco, sentouse no po, 7e fixo proclamar e impoñer en Nínive coma decreto do rei e dos seus grandes:

Homes e animais, vacas e ovellas non proben nada, non pazan nin beban auga; 8cúbranse de saco homes e animais, e clamen con forza a Deus. Convértase cada un do seu mal camiño e da violencia que se lle apegou ás mans. 9¿Quen sabe? Quizais Deus cambie de parecer, se compadeza, apague o incendio da súa ira e así non perezamos.

10Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.

 

Desgusto de Xonás e revelación de Deus

 

Capítulo 4

 

1Isto causoulle a Xonás un grande desgusto e enfadouno.

2Rezoulle así ó Señor:

‑¡Ai, Señor! ¿Non é isto o que eu dicía, cando estaba na miña terra? Por iso me adiantei a primeira vez e fuxín a Tárxix: porque sabía que Ti es un Deus compasivo e misericordioso, lento para a ira e rico en bondade, e que te arrepintes da ameaza. 3Pois agora, Señor, tírame a vida, ¡pídocho!; porque para min é mellor morrer que vivir.

4Respondeulle o Señor:

‑¿É xusto que te enfades?

5Xonás saíra xa da cidade e vivía ó leste dela, onde fixera para si unha cabana. Estaba sentado debaixo dela á sombra, esperando a ver que pasaba na cidade.

6Entón o Señor Deus dispuxo unha árbore de ricino, que medrou por enriba de Xonás para darlle sombra á súa cabeza e deste xeito libralo do seu mal xenio. Alegrouse inmensamente Xonás por mor do ricino. 7Cando subía a alba para o outro día, dispuxo Deus un verme que picou o ricino, e este secou. 8Cando o sol apertaba, mandou Deus un abrasador vento soán, e o sol deulle na cabeza a Xonás, que se sentía esmorecer. Entón desexou con ansia a morte e dixo: ‑Éme mellor morrer que vivir.

9Díxolle Deus a Xonás:

‑¿É xusta a túa carraxe por mor do ricino?

Respondeulle:

‑Si, é xusto que eu me enfade ata desexar a morte.

10Repúxolle o Señor:

‑Ti estás aflixido por un ricino que non traballaches nin o fixeches medrar, que durante unha noite se forma e durante outra noite perece. 11¿E non me vou eu aflixir e compadecer da grande cidade de Nínive, onde hai máis de cento vinte mil persoas que non distinguen entre a súa dereita e a súa esquerda, a máis de moitos animais?

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com