Capítulos 1-5

Capítulo 1

 

1Palabra do Señor que lle veu a Oseas, fillo de Beerí, durante os reinados de Ozías, Iotam, Acaz e Ezequías, reis de Xudá, e durante o reinado de Ieroboam, fillo de Ioax, rei de Israel.

 

 

I. SIMBOLISMO DO MATRIMONIO E FAMILIA DE OSEAS

 

Datos históricos e o seu simbolismo

 

2Comezo da palabra do Señor a Oseas.

Díxolle o Señor a Oseas:

"Vai, escolle para ti unha muller dada á prostitución,

e xera fillos de prostitución,

pois o país estase prostituíndo,

deixando de ir tralo Señor".

 

3Entón foi e colleu a Gomer, filla de Diblaím, que concibiu, e deulle a luz un fillo.

4Daquela, díxolle o Señor:

"Ponlle de nome Iezrael, porque dentro de pouco

pedireille contas á casa de Iehú do sangue vertido en Iezrael

e porei fin ó seu reinado na casa de Israel.

5Sucederá no día aquel,

que romperei o arco de Israel,

no val de Iezrael".

 

6Volveu ela a concibir, e deu a luz unha meniña, e o Señor díxolle a el:

"Ponlle de nome Non Compadecida,

pois non volverei seguir

compadecéndome da casa de Israel,

senón que lles retirarei completamente (a miña compaixón).

7(Pero compadecereime da casa de Xudá

e farei que se salve grazas ó Señor, seu Deus,

e non grazas ó arco,

nin grazas á espada, nin grazas á guerra, ós cabalos e cabaleiros)".

 

8Cando ela destetou a Non Compadecida, concibiu e deu a luz un fillo.

 

9Entón o Señor díxolle:

"Ponlle de nome Non meu pobo,

porque vós non sodes o meu pobo,

e eu son Non estou aquí para vós".

 

A salvación á fin dos tempos

 

Capítulo 2

 

1O número dos fillos de Israel será coma a area do mar,

que non se pode medir nin contar.

E sucederá que no santuario no que se lles dicía "Vós non sodes o meu pobo"

diráselles "Fillos do Deus vivente".

2Entón xuntaranse os fillos de Xudá cos fillos de Israel,

e constituirán para si un xefe único,

e rexurdirán do mundo da morte.

¡Velaí o grande que será o día de Iezrael!

3Dicídelles ós vosos irmáns: "Meu pobo"

e ás vosas irmás: "Compadecida".

 

Proceso xudicial contra Israel, a esposa adúltera

 

4Póndelle preito á vosa nai, póndello,

pois nin ela é a miña muller, nin eu son o seu marido.

Que retire da súa cara os signos de prostituta

e de entre os seus peitos as pinturas de adúltera;

5se non, deixareina en coiros, poreina coma o día en que naceu,

volvereina coma deserto, fareina un pardiñeiro,

e matareina de sede.

6Si, non terei compaixón dos seus fillos, pois son fillos de prostitución.

7Si, a súa nai prostituíuse, a que os xerou cometeu desvergonzas.

Certo, dicía: "Voume tralos meus amantes,

que me dan o meu pan e a miña auga,

a miña lá e o meu liño,

o meu aceite e o meu viño".

 

8Por isto: velaí, voulle pór sebe de silvas ó seu camiño,

vou atrancar o seu muro,

para que non atope as súas corredoiras.

9Correrá tralos seus amantes, pero non os atopará,

buscaraos, e non os encontrará. Entón dirá:

"Volvo ó meu primeiro marido,

pois era máis feliz antes ca agora".

10Ela non sabía que eu era quen lle daba

o trigo e o mosto e o aceite

e dáballe prata en abundancia,

e ouro que empregaban para Baal.

11Por isto volverei, e quitareille

o meu trigo ó seu tempo,

e o meu mosto no seu momento,

collerei a miña lá e o meu liño,

que habían de tapar a súa nudez.

12Pero agora vou destapar a súas vergonzas

ós ollos dos seus amantes,

e ninguén ma quitará das miñas mans,

13e farei cesar todas as súas ledicias: as súas festas, os seus novilunios

e os seus sábados, e todas as súas asembleas de festa.

14Tamén arrasarei as súas videiras e as súas figueiras, das que ela dicía:

"Elas son a miña paga, a que me deron os meus amantes":

convertereinas nunha matogueira que comerán os animais salvaxes.

15Tamén lle pedirei contas polos días de festa en honor dos Baales

cando lles facía ofrendas de incenso

e se adornaba cos seus aneis e coas súas alfaias

e ía tralos seus amantes

mentres se esquecía de min ‑é o Señor quen fala‑.

 

Fin do proceso: Anuncios de Salvación

 

16Por isto, velaí, eu mesmo a vou seducir:

levareina ó deserto e falareille ó seu corazón,

17e desde alí dareille as súas viñas,

e convertereille o val da Aflición en porta da Esperanza,

e alí hame responder coma nos días da súa mocidade,

coma o día en que subiu de Exipto.

18E o día aquel ‑é o Señor quen fala‑

chamarasme "Meu marido", e non me volverás chamar "Baal Meu Dono"

19Eu retirarei da súa boca os nomes dos Baales,

que non volverán ser nomeados cos seus nomes.

 

20No día aquel farei unha alianza en favor deles,

cos animais salvaxes, cos paxaros do ceo e cos réptiles do chan:

romperei o arco e a espada e mais a guerra, arredándoos do país,

e fareinos durmir na tranquilidade.

21Casarei contigo para sempre.

Casarei contigo a prezo de xustiza e de dereito,

de bondade e de misericordia.

22Casarei contigo porque me fío de ti

e entón recoñecerás o Señor.

23O día aquel ‑é o Señor quen fala‑ eu escoitarei ó ceo,

o ceo escoitará á terra, 24e a terra escoitará ó trigo, ó mosto e ó       aceite,

e eles escoitarán a Iezrael.

25Eu sementareino a el ‑"a sementeira de Deus"‑ para min no país,

e compadecereime da Non Compadecida,

e direille ó "Non meu pobo":

"Ti es o Meu pobo", e el responderame: "Meu Deus".

 

A súa reconciliación onerosa, símbolo do amor do Señor

 

Capítulo 3

 

1Díxome o Señor:

"Volve outra vez, e ama unha muller que ten un querido e comete adulterio".

Así é o amor do Señor ós fillos de Israel, mentres eles se están

volvendo ós deuses alleos, deléitanse ofrendando tortas de uvas.

2Entón compreina por quince moedas de prata e por un ómer

e máis un létek de cebada 3e díxenlle:

"Durante moitos días vivirás séndome fiel,

non te prostituirás nin serás doutro home,

e tamén eu mandarei en ti".

4Por moitos días vivirán os fillos de Israel

sen rei e sen príncipe,

sen sacrificios e sen estelas, sen efod nin terafim.

5Despois disto volverán os fillos de Israel,

a buscar o Señor, o seu Deus, e a David, o seu rei,

e volveranse tremendo de ledicia cara ó Señor e cara ós seus bens ó final dos días.

 

 

II. OS PREITOS DO SEÑOR

 

Contra os que mandan no país

 

Capítulo 4

 

1Escoitade a palabra do Señor, fillos de Israel.

Velaí o preito do Señor cos que mandan no país,

pois non hai fidelidade nin amor

nin coñecemento de Deus no país.

2Os perxurios, a mentira, o asasinato, o roubo e o adulterio

están difundíndose,

e imaxes de ídolos están tropezando con imaxes de ídolos.

3Por isto reseca o país e morre de sede todo o que vive nel,

o mesmo os animais salvaxes cós paxaros do ceo,

e ata os peixes do mar desaparecen.

 

Contra os sacerdotes e profetas

 

4Certo, con lume sentencia Deus; si, Deus castiga con lume;

pero contigo precisamente é o meu preito, sacerdote.

5Tropezarás de día, e contigo tamén tropezará o profeta de noite;

si, reducireinos poderosamente ó silencio;

certo, 6o meu pobo será reducido ó silencio por falta de coñecemento.

Xa que refugaches o coñecemento de seres sacerdote para min;

ti esqueciches a lei do teu Deus: así tamén eu

me esquecerei dos teus fillos.

7Canto máis ricos son, máis pecaron contra min.

Cambiarei a súa gloria pola ignominia.

8Aliméntanse do pecado do meu pobo.

abren a gorxa arelando as súas culpas.

9sucederalle ó pobo o mesmo ca ós sacerdotes:

pedireille contas do seu comportamento

e farei volver contra el as súas obras:

10comerán e non se fartarán; fornicarán, e non se saciarán,

porque abandonaron o Señor, para venerar a prostitución.

11O viño e mais o mosto quítanlle o xuízo 12ó meu pobo,

que consulta a unha árbore, infórmao unha póla de árbore,

pois un espírito de prostitución descamíñaos, e fornican abandonando o seu Deus.

13Sacrifican no cume das montañas,

e sobre os outeiros ofrendan incenso,

debaixo do carballo e do amieiro e do terebinto,

 

¡Que agradable é a súa sombra!

Por isto as vosas fillas daranse á prostitución,

e as vosas noras cometerán adulterio.

14Non lles pedirei contas ás vosas fillas por se prostituíren

nin ás vosas noras por se daren ó adulterio;

pois os mesmos sacerdotes van á parte coas prostitutas,

comparten os banquetes sacrificiais coas prostitutas sagradas;

por isto o pobo, que non entende, vai á ruína.

15Aínda que ti, Israel, es unha prostituta,

que non se volva culpable Xudá.

Si, non vaiades a Guilgal,

non subades a Bet-Aven,

nin xuredes alí: "Vive o Señor".

16Se Israel escorna coma unha xovenca, que escorne;

agora o Señor vainos deixar pacer coma os carneiros na chaira do Xeol.

17Efraím está asociado ós ídolos,

el transmite en herdanza 18a apostasía dos que beben no templo;

dáse de cheo á prostitución, a fornicar:

¡aman as vergonzas do seu protector!

19Un vendaval envólveos nas súas ás,

e así avergónzanse dos seus sacrificios.

 

Contra os sacerdotes e os dirixentes políticos

 

Capítulo 5

 

1Escoitade isto, sacerdotes;

prestade atención, os da casa de Israel;

oíde, os da casa do rei, pois a sentencia é para vós,

xa que fostes unha trampa en Mispah,

e unha rede tendida no Tabor.

2Si, sentíanse profundamente afeccionados a sacrificar ás imaxes,

pero eu serei quen os castigue a todos eles.

3Eu coñezo ben a Efraím,

e Israel non se me esconde.

Certo que ti, Efraím, te dás agora á prostitución,

si, emporcállase Israel;

4as súas obras non lle permiten apartar dos seus deuses,

xa que teñen dentro deles un espírito de prostitución,

e ó Señor non o coñecen.

5A soberbia de Israel testemuña contra el mesmo,

Israel e mais Efraím están a punto de caer pola súa iniquidade,

e con eles cae tamén Xudá.

6Coas súas reses e vacas van buscar o Señor,

pero non atopan o seu liberador.

7Velaí: traizoaron ó Señor,

e xeran fillos bastardos;

por iso un Novo Baal devoraralles a cada un a súa herdanza.

 

Anuncios de castigo acerca da guerra Siro-efraimita

 

8Tocade o corno en Guibah, a trompeta en Ramah,

dade a alarma en Bet-Aven: "Olla para os perseguidos, Benxamín".

9Efraím converterase nunha desolación o día do castigo.

Contra as tribos de Israel anuncio eu o que é seguro.

10Os xefes de Xudá son os que mudan os marcos:

sobre eles verterei o meu noxo coma auga.

11Efraím está oprimido, quebrantada está a xustiza,

aínda que quere perseguir o seu dereito;

12pero eu son para Efraím coma un tumor,

coma podremia para a casa de Xudá.

13Cando viu Efraím a súa enfermidade, e Xudá a súa chaga,

foi Efraím a Asiria, e mandou emisarios ó gran rei,

pero este non será capaz de curarvos, nin vos quitará a chaga.

14Si, eu serei coma un león para Efraím

e coma un cachorro de león para Xudá;

eu, eu en persoa, esgazarei e marcharei;

apresarei, e non haberá quen salve.

 

Retirada do Señor e denuncia da falsidade da liturxia penitencial de Israel

 

15Voume volver ó meu santuario, ata que se sintan culpables,

entón buscarán o meu rostro, cando estean na angustia;

na angustia desexaranme    ardentemente.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com