Capítulos 1 - 3

Capítulo 1

 

1Oráculo contra Nínive. Libro das visións de Nahúm, o elcuxita.

 

Himno ó poder do Señor, na súa ira e na súa bondade

 

2 (Alef) Deus celoso e vingador é o Señor.

O Señor víngase dos seus adversarios,

El é quen se acende en ira contra os seus inimigos.

3O Señor vai de vagar para a ira, pero é grande en poder,

e non deixa sen castigo a ninguén.

(Bet)  Ten o seu vieiro no furacán e na tormenta,

as nubes son o po dos seus pés.

4 (Guímel)  Arremete contra o mar e faino secar,

e todos os ríos quedan esteados.

(Dálet)  Murchan Baxán e o Carmelo, e tamén a flora do Líbano.

5 (He) Os montes tremen diante del, estremécense os outeiros.

(Vau)  A terra soérguese ante a súa presenza,

o mesmo có orbe e todos os seus habitantes.

6 (Zain) Na presenza do seu enfado, ¿quen se terá de pé?

¿Si, quen se levantará ante a indignación do seu rostro?

(Het)  O seu furor esténdese coma o lume, os penedos esnaquízanse ante El.

7 (Tet) O Señor é bondadoso, é refuxio no día da angustia,

(Iod)   El coñece os que confían nel, 8cando El pasa na inundación.

(Kaf)   Realiza a destrución nos que se levantan contra El,

e ós seus inimigos perségueos na tebra.

 

Palabras dirixidas ós xudeus proasirios

 

9¿Que matinades vós contra o Señor?

El é quen realiza a destrución: a angustia non se levantará dúas veces.

10O mesmo ca unha silveira revolta serán consumidos totalmente;

coma a palla seca tamén eles serán devorados,

11pois de ti saíu o que maquina o mal contra o Señor,

o conselleiro do "que non aproveita".

 

Oráculo salvífico, dirixido a Xudá

 

12Así fala o Señor:

"Aínda que estean completos e sexan ben numerosos,

serán cortados e pasarán.

Humilleite, pero non te volverei humillar.

13Si, agora romperei o xugo que puxo sobre ti,

e rebentarei as túas cadeas".

 

Oráculo de castigo contra o rei Amón

 

14O Señor dá esta orde contra ti:

"Xa non se volverá a esparexer a semente da túa familia;

dos templos dos teus deuses farei desaparecer as imaxes esculpidas e as fundidas.

Prepararei a túa sepultura, pois tes pouco peso".

 

Oráculo salvífico, dirixido a Xudá e Israel

 

Capítulo 2

 

1Velaí: polos montes corre un mensaxeiro de boas novas,

anuncia a paz:

Celebra as túas festas, Xudá, cumpre os teus votos,

que "o que non aproveita" xa non cruzará máis polo medio de ti;

está sendo aniquilado totalmente.

 

 

A CAÍDA DE NÍNIVE

 

Visión da caída de Nínive

 

2Unha forza de choque atácate de fronte.

Monta garda na praza forte, vixía o camiño,

cingue ben o teu lombo, fortalece ó máximo a túa forza.

3Certo, o Señor volverá á viña de Xacob; si, á viña de Israel.

Tíñana arrasada os desoladores, tiñan esgazadas as súas vides.

4Os escudos dos seus soldados están vermellos,

os seus soldados están vestidos de púrpura.

Os carros brillan co relucir dos ferros,

o día da súa formación

axítanse coma as lanzas.

5Os carros dan voltas polas rúas,

corren dun lado para outro polas prazas,

parecen fachóns, lánzanse coma raios.

6El failles recordar algo ós seus capitáns,

tropezan entre si no camiño,

corren de présa cara ó muro da cidade,

e xa está preparado o refuxio.

7Abrense as portas que dan ás canles

e o templo derrúbase.

8A imaxe da deusa é levantada e levada cativa,

laméntanse as súas sacerdotisas coma pombas que arrolan,

dan golpes sobre os seus corazóns.

 

Vanse as riquezas de Nínive

 

9¡Velaí  Nínive!

Toda ela é unha poza: ¡como corre a auga!

"¡Para, detente!" Pero non hai quen a faga dar volta.

10¡Saqueade a prata, saqueade o ouro!

Non ten fin a súa riqueza, o esplendor das súas alfaias.

11¡Pillaxe, saqueo, roubo! Os corazóns teñen quebrantos,

 tremen os xeonllos, estremecementos por todo o corpo,

as caras de todos xúntanse ante tal maldición.

12¿Onde está a gorida dos leóns?

¿Onde está o campo de presa para os cachorros dos leóns?

¿Cara onde camiña o león para levar os cachorros da leoa,

sen que haxa quen os asuste?

13O león caza por causa dos cachorros, esnaquiza para as súas leoas;

a cova está chea coas súas presas, e o cubil cos anacos de carne.

14Velaquí me tes contra ti ‑di o Señor dos Exércitos‑:

vou queimar na fumareda os teus carros

e a espada devorará os teus cachorros,

farei desaparecer da terra a túa cova,

e non se volverá a oír a voz dos teus mensaxeiros.

 

Oráculos de castigo contra Nínive

 

Capítulo 3

 

1¡Ai da cidade asasina! Toda ela é un grande engano,

está chea de botíns, non para de rapinar.

2Estalos das trallas, ruído e estrépito de rodas,

cabalos galopando, carros troupeleando,

3cabalos empinados, relucir de espadas,

chispear de lanzas, miles de mortos, moreas de cadáveres.

 

4Por culpa das moitas prostitucións da prostituta,

tan fermosamente agraciada, mestra de encantamentos,

a que trafica entre os pobos coas súas prostitucións,

entre os países cos seus encantamentos.

5Velaquí me tes contra ti ‑di o Señor dos Exércitos‑:

Levantareiche as saias ata a cara,

para mostrarlles ás nacións a túa nudez,

e ós reinos as túas vergonzas.

 

6Tamén botarei por enriba de ti inmundicias,

tratareite con desprezo, volvereite un espectáculo.

7Sucederá que todo aquel que te vexa,

fuxirá de ti, e dirá:

"Nínive está arruinada, ¿quen sentirá pena por ela?

¿De onde procurarei quen te console?"

 

Nínive non é mellor ca Tebas

 

8¿Acaso es ti mellor cá cidade de Amón,

asentada onda o Nilo, con auga ó seu arredor?

O seu antemuro era o mar; a auga, as súas murallas.

9Etiopía era a súa forza e tamén Exipto, forza sen límites.

Put e os libios estaban no teu exército.

 

10Tamén a cidade de Amón foi ó exilio,

ela foi á catividade;

os seus meniños foron esnaquizados nas encrucilladas de cada rúa.

Sobre os seus nobres botáronse sortes,

e todos os seus grandes foron atados con cadeas.

 

11Tamén ti te darás en aluguer, volverás a ser moza de rúa;

tamén ti buscarás refuxio onda os teus inimigos.

 

Inutilidade das defensas de Nínive

 

12Todas as túas fortificacións son figueiras,

e as túas tropas figos temperáns;

se as abalan, caen na boca de quen os come.

 

13Velaí as túas tropas: son mulleres;

as portas da túa cidade ábrenselles ós teus inimigos,

e o lume consome as túas trancas.

14Saca as augas para o asedio, reforza as túas cidadelas.

Entra na telleira e pisa o barro, colle con forza os moldes para os ladrillos.

15Velaí o lume que te vai devorar,

a espada farate desaparecer,

vaite devorar como se fose unha larva de saltón.

Multiplícate coma a eiruga do saltón,

multiplícate coma o saltón crecido.

16Multiplica os teus mercadores, máis cás estrelas do ceo:

a eiruga do saltón deixa o casulo e voa.

17Os teus gardas son coma saltóns;

e os teus oficiais de recrutamento, coma as eirugas,

que se poñen nas murallas un día de frío.

Sae o sol, e vanse, e o seu lugar non se coñece.

 

A desfeita de Nínive será ledicia para os que sintan falar dela

 

18¿Onde están durmindo os teus pastores, rei de Asiria?

¿Onde están descansando os teus  nobres?

A túa tropa expira sobre os montes,

e non hai quen a xunte.

19Non hai alivio para a túa fractura,

a túa ferida é incurable.

Todos os que escoiten noticias túas,

baterán as palmas por ti,

pois ¿sobre quen non pasou de cotío a túa ruindade?

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com