Capítulos 1 - 7

 

Capítulo 1

 

1Palabra do Señor que lle foi dirixida a Miqueas, natural de Mórexet, nos días de Iotán, Acaz e Ezequías, reis de Xudá: visión que el tivo encol de Samaría e Xerusalén.

 

 

I. ACUSACIÓNS E ANUNCIOS DE CASTIGO

 

2Escoitade, pobos todos; prestade atención, terra e o que a enche. O Señor Deus servirá de testemuña contra vós; o Señor, que virá do seu templo santo.

3Si, velaí o Señor que sae do seu santuario, baixará e camiñará sobre as alturas da terra.

4Os montes derreteranse por debaixo del e fenderanse os fondais dos vales.

Coma a cera pola presenza do lume, coma a auga que corre pola ladeira.

5Todo isto sucederá pola apostasía de Xacob e polo pecado da casa de Israel.

¿Quen é o causante da apostasía de Xacob? ¿Acaso non é Samaría?

¿Quen é o outeiro que fai pecar a Xudá? ¿Acaso non é Xerusalén?

6Converterei a Samaría nunha morea de pedras, nunha viña plantada de novo.

Farei correr as súas pedras ata o val, e deixarei ó descuberto os seus alicerces.

7Todos os seus ídolos serán machucados, e todos os seus regalos serán queimados no lume.

Converterei todas as súas imaxes nunha desolación, pois foron feitas xuntando ganancias das prostitutas e ganancias das prostitutas volverán ser.

 

Lamentación polas cidades da Xefelah

 

8Por isto, voume lamentar e chorar, vou camiñar descalzo e espido.

Vou facer unha lamentación coma os chacais e un canto de loito coma os poliños da avestruz.

9Incurable é o golpe que dá o Señor. Si, chega ata Xudá.

O Señor peta ata nas portas do meu pobo, ata en Xerusalén.

10En Gat, non o proclamedes, en Bocó non choredes.

En Bet Leafrah espoldrexade no po.

11Que a poboación de Xafir faga resoar a trompeta por medio de vós.

Si, que saia espida e avergonzada a poboación que habita en Caanán.

Hai dó en Bet Haésel, retíresevos o seu apoio.

12A poboación de Marot espera o ben, pero baixa a desgraza de xunto ó Señor ás mesmas portas de Xerusalén.

13Engancha os cabalos ó carro, poboación de Láquix.

É o comezo do fracaso, filla de Sión, pois en ti están as transgresións de Israel.

14A ti, Moréxet de Gat, impuxéronche o xugo os emisarios. Para os reis de Israel as casas de Aczib volvéronse un regueiro sen auga.

15Farei entrar de novo ó conquistador en ti, poboación de Marrexah.

E penetrará ata Adulam a gloria de Israel.

16Corta e arrinca o cabelo polos fillos dos teus praceres, agranda a túa calva coma a do voitre, xa que eles van ó desterro lonxe de ti.

 

Contra os explotadores

 

Capítulo 2

 

1¡Ai dos que maquinan iniquidade e obras de ruindade nos seus leitos!

Coa luz da alba póñenas por obra, pois están no poder das súas mans.

2Cobizan campos e róubanos; e tamén casas, e levántanse con elas.

Oprime ó home e mais a súa familia, a unha persoa e mais a súa herdanza.

3Por isto, así fala o Señor:

"Velaí: matino contra esta xeración unha desgraza,

e non poderedes apartar os vosos pescozos,

nin poderedes camiñar dereitos, pois será a hora da desgraza.

4O día aquel entoarase contra vós unha sátira,

cantarase unha elexía ‑xa está feita‑ e dirase:

Róubannos completamente, levarán o quiñón do meu pobo.

¡Como se aparta de min! ¡Como fai o invasor as partillas dos nosos campos!"

5Por isto non teredes na asemblea do Señor,

quen bote o cordel sobre a porción.

 

Diálogo dos que se opoñen ó profeta

(Opositores):

 

6"Non embelequedes os pasmóns. (¡Eles son os que embelecan os pasmóns!).

Non embelequedes os pasmóns con estas cousas.

A ofensa cesará. 7¿Ese oráculo é para a casa de Xacob?

¿Esgotouse o poderoso Espírito do Señor? ¿Son estes os seus feitos?

¿Acaso non lle prestan ben as súas palabras a quen se comporta rectamente?"

 

(Profeta):

 

8"Pero, vós non sodes o meu pobo, xa que vos erguedes coma inimigos.

A quen consente en deixar o manto ordinario, arrebatádeslle o vestido precioso.

Os que pasan confiados, facédelos volver á guerra.

9As mulleres do meu pobo botádelas das súas casas.

Arrebatades para sempre ós meniños do meu pobo a gloriosa liberdade que eu lles dou.

10¡Levantádevos e marchade, que isto non está para descansos! Pola falta de pureza.

11Pois se alguén andase embelecando con vento e mentira, eu faría que un, movido polo viño e polo licor, embelecase os pasmóns:

el sería o profeta que embelecase a este pobo.

12Reunirei a Xacob, a ti enteiro, recollerei o resto de Israel.

Xuntareinos coma as ovellas no curral,

coma rabaño no seu pasteiro,

e non terán medo de ninguén.

13O que abre camiño sobe diante deles,

abrirán, pasarán pola porta e sairán.

O seu rei pasará diante deles. ¡O Señor, á cabeza!"

 

Contra os dirixentes de Israel que oprimen o pobo

 

Capítulo 3

 

1Entón, eu dixen:

"Escoitade, xefes de Xacob; vós, dirixentes da casa de Israel: ¿Non é cousa vosa o coñecer o dereito? 2¿Vós, que odiades o ben e amades o mal?

¿Vós, que lles arrincades a pel, e tirades a carne dos seus ósos?

3Si, certo, comen a carne do meu pobo, e arríncanlles a súa pel.

Rómpenlles en anacos os ósos,

para os poñer coma a carne no pote, coma vianda no medio da cazola.

4Entón clamarán ó Señor, pero non lles responderá; ocultaralles o seu rostro naquela hora,

xa que cometeron crimes cos seus feitos".

 

Contra os profetas que explotan a súa misión

 

5Así fala o Señor contra os profetas que desorientan o meu pobo, que claman: "paz", se morden algo cos dentes; pero proclaman guerra santa contra quen non lles pon algo na boca.

6"Por isto, teredes noite en vez de visión, teredes que estar ás escuras en vez de adiviñar;

o sol porase para estes profetas e o día volverase escuro sobre eles.

7Os que teñen visións avergonzaranse, e os adiviños encheranse de vergonza.

Todos eles taparán o bigote, pois Deus non lles dá ningunha resposta".

 

O profetismo de Miqueas

 

8Pero eu grazas ó espírito do Señor estou cheo de forza, de sentencias de xuízo e de coraxe, para lle facer coñecer a Xacob a súa rebeldía, e a Israel o seu pecado.

 

Contra todos os dirixentes de Xudá

 

9Escoitade, pois, isto, xefes de Xacob e dirixentes da casa de Israel, que volvedes abominable a sentencia xudicial, e facedes torto todo o que é dereito.

10"Construídes Sión co sangue vertido e Xerusalén con perversidades.

11Os seus xefes emiten veredictos conforme ós regalos,

os seus sacerdotes dan a lei por un prezo,

e os seus profetas adiviñan por diñeiro,

e ademais apóianse no Señor, dicindo:

¿Non está o Señor no medio de nós?

Ningunha desgraza nos acontecerá.

12Por isto, por culpa vosa, Sión será arado coma un campo,

Xerusalén converterase en ruínas,

e a montaña do templo un conxunto de outeiros a monte".

 

 

II. PROMESAS SALVÍFICAS

 

Canto a Sión, berce da lei de paz e fartura universais

 

Capítulo 4

 

1Velaquí: á fin dos días o monte da Casa do Señor

será creado no cume das montañas;

velaquí: será levantado por enriba dos montes,

xuntaranse nel todas as xentes,

2e irán a el numerosos pobos, que dirán:

"Vinde, subamos ó monte do Señor,

á casa do Deus de Xacob,

para que nos mostre os seus camiños,

e camiñemos polos seus vieiros.

Ollade: de Sión sairá a Lei,

e a palabra do Señor sairá de Xerusalén".

3Xulgará os preitos entre numerosos pobos

e decidirá o que é xusto entre os poderosos ata lonxe.

 

Na forxa as súas espadas volveranse aixadas;

e as súas lanzas, podas.

Non levantará a espada un pobo contra outro,

nin aprenderán de novo a facer a guerra.

4Cada un sentará debaixo da súa parra

e debaixo da súa figueira sen que ninguén o atemorice.

Así falou a boca do Señor dos Exércitos.

5Si, todos os pobos camiñarán,

cada un no nome do seu deus,

pero nós camiñaremos no nome do Señor,

o noso Deus, para sempre xamais.

 

Deus Rei-Pastor, que xuntará o seu pobo en Sión

 

6No día aquel ‑é o Señor quen fala‑

recadarei as ovellas que coxean,

e atraerei as espantadas para lonxe, as que eu maltratei.

7E das que coxean farei un resto; e das dispersas, un pobo poderoso.

O Señor será rei sobre elas na montaña de Sión, desde agora e para sempre.

8E ti, Torre do Rabaño, montaña da filla de Sión,

a ti virá e entrará a soberanía de antano,

a realeza da filla de Xerusalén.

 

As angustias de Sión acabarán en triunfo sobre os pobos xentís

 

9Agora, ¿por que berras tan forte?

¿Non tes un rei onda ti? ¿Pereceu o teu conselleiro?

¿Embárgate unha dor coma a de quen está a parir?

10Retórcete de dor e xeme, filla de Sión, coma quen está a parir

pois agora vas saír da cidade, e vivirás no campo

irás a Babilonia, e de alí serás liberada;

irás alá e rescatarate o Señor da man dos teus inimigos.

11Agora únense contra ti pobos numerosos, que din:

"Será execrado, que os nosos ollos se comprazan vendo a Sión".

12Pero eles non coñecen os planos do  Señor,

nin comprenden a súa intención de vos amorear coma os monllos na eira.

13Ponte de pé e trilla, filla de Sión, que eu volvo de ferro o teu corno,

e os teus cascos vólvoos de bronce para que tritures a pobos numerosos,

e para que entregues ó exterminio as súas riquezas en honor do Señor,

a súa riqueza en honor do Señor de toda a terra.

14Agora faite incisións, filla de saqueadores; puxéronnos asedio;

coa vara vanlle bater no rostro ó xuíz de Israel.

 

Capítulo 5

 

1E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,

de ti vai saír un que será o soberano de Israel;

a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.

2El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;

o resto dos seus irmáns volverá,

e serán devoltos os fillos de Israel.

3Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,

coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,

e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:

4 "o da Paz" será o seu nome.

Asiria, entrará, así, na nosa terra e penetrará no país,

pero de entre nós faremos xurdir contra ela sete pastores e oito xefes,

5que pastorearán a terra de Asiria coa espada

e o país de Nimrod coa lanza.

Si, eles liberarán a esa Asiria, que entrará na nosa terra,

e penetrará nas nosas lindes.

 

O resto de Xacob, na época mesiánica

 

6Estará o resto de Xacob no medio das nacións numerosas,

coma a rosada que vén de parte do Señor,

coma a chuvia forte sobre a herba.

Certo que El non confía no home nin espera nada dos humanos.

7Estará o resto de Xacob entre os pobos, e no medio de nacións numerosas,

coma o león entre as feras salvaxes, coma o cachorro do león entre as reses dun rabaño;

se entra, atrapa e esgaza, non hai quen salve.

8Ergue a túa man contra os teus adversarios,

que desaparezan todos os teus inimigos.

 

O Señor fará desaparecer todos os falsos   apoios humanos

 

9Velaí o que sucederá no día aquel ‑é o Señor quen fala‑:

farei desaparecer os teus cabalos

e vou destruír os teus carros.

10Farei arrasar as cidades do teu país,

e derrubar as túas fortificacións;

11tamén farei desaparecer os teus bruxos,

xa non terás máis adiviños.

12Si, esnaquizarei os teus ídolos,

e as túas imaxes simbólicas,

de xeito que non volvas prostrarte

ante o feitío das túas mans.

13Si, aniquilarei do medio de ti os símbolos da túa Axerah,

e desfarei as túas imaxes espidas.

14Con ira e furor cobrarei a vinganza   contra os pobos que non obedezan.

 

 

III. PREITO E AMEAZAS CONTRA ISRAEL

 

Preito de revisión da Alianza

 

Capítulo 6

 

1Escoitade, pois, o que di o Señor:

"¡De pé! Convoca os montes a litixio,

e que os outeiros escoiten a túa voz".

2¡Escoitade, montes, o litixio do Señor,

escoitade a súa fidelidade, fundamentos da terra,

pois o Señor ten un litixio co seu pobo,

entra en disputa con Israel.

3"Meu pobo, ¿que che fixen?, ¿en que te quebrantei? ¡Respóndeme!

4Si, fíxente subir do país de Exipto, e rescateite da escravitude,

e mandei á túa fronte a Moisés, a Aharón e a Miriam.

5Meu pobo, lémbrate do que maquinaba Balac, rei de Moab,

e do que desde Xitim ata Guilgal lle respondeu Balaam, fillo de Beor,

para que recoñezas a fidelidade do Señor".

 

Resposta do pobo, e oráculo

 

6¿Con que me presentarei diante do Señor?

¿Con que me prostrarei ante o Deus Altísimo?

¿Presentareime diante del con holocaustos?

¿Con becerros, crías dun ano?

7¿Compracerase o Señor en miles de carneiros,

en millares de regueiros de graxa?

¿Deberei darlle o primoxénito en expiación polo meu delito?

8"Home, xa se che explicou, que é o bo,

que é o que o Señor pide de ti:

practicar a xustiza, amar a fidelidade

e comportarte humildemente co teu Deus".

9A voz do Señor bérralle á cidade:

"Deste xeito verás o triunfo".

 

Oráculo de castigo contra Israel polas súas inxustizas

 

Escoitade, tribo e asemblea da cidade:

10"¿Podo eu soportar o canado tramposo, tesouros inxustos e tega escasa e maldita?

11¿Podo eu declarar lexítimas as balanzas inxustas e o saco con pesas falsas?

12Si, os ricos das cidades están cheos de violencia,

os seus habitantes falan mentiras e a súa lingua é falsa na súa boca.

13Velaí, tamén eu empecei a bater en ti, a volverte unha desolación por culpa dos teus pecados.

14Ti comerás e non te fartarás:

a túa ruína está no teu ventre.

Gardarás algo, pero non o salvarás,

e o que salves eu entregareino á espada.

15Sementarás, pero non recollerás.

Pisarás as olivas, pero non te perfumarás co aceite;

pisarás  as uvas, pero non beberás o viño.

16Si, obrigóusevos a cumprir os decretos de Omrí,

e todos os feitos da casa de Acab,

e comportástesvos conforme as súas ordes.

Por iso eu convertereivos nun horror;

e ós habitantes da cidade, nunha burla.

Teredes que aturar o escarnecemento dos pobos".

 

Ai pola xeneralización da inxustiza

 

Capítulo 7

 

1¡Ai de min! Pois veño ser coma os que fan a colleita do verán,

coma as mulleres que rebuscan na vendima;

non hai nin un acio para comer,

nin figo temperán que satisfaga o meu gusto.

2Desapareceu do país o home piadoso,

non hai na superficie da terra home    recto,

todos eles axexan para verter sangue,

cada un caza con rede a seu irmán.

3As súas mans están adestradas para o mal:

o príncipe asoballa,

o xuíz extorsiona por diñeiro,

e o grande fala a palabra do seu propio apetito,

4por el a súa bondade dóbrase coma un espiño,

a súa rectitude, máis ca unha silveira.

O día das sentinelas, o día da túa inspección, xa chegou:

Agora será a desolación:

5Vós non confiedes no compañeiro,

non vos fiedes do amigo;

garda ben as portas da túa boca mesmo da que se deita no teu seo.

6Porque o fillo deshonra ó pai,

e a filla levántase contra súa nai,

a nora contra a súa sogra;

os inimigos serán os da propia casa.

7Pero eu mirarei atentamente para o Señor,

esperarei no Deus da miña salvación,

e o meu Deus escoitarame.

 

 

IV. ESPERANZA SALVÍFICA

 

Resposta esperanzada ós insultos da inimiga (Asiria)

 

8Non te rías de min, inimiga miña.

Se estou caído, levantareime.

Se habito na tebra, o Señor servirame de luz.

9Soporto a ira do Señor, xa que pequei contra El:

ata que xulgue a miña causa e execute a miña sentencia.

El sacarame á luz, para que vexa eu a súa salvación.

10Veralo, inimiga miña, e cubriraste de vergonza,

ti que me dis: "¿Onde está o Señor, o teu Deus?"

Os meus ollos gozarán    contemplándote:

de seguida vas ser pisada coma a lama das rúas...

 

Oráculo de restauración para Israel, e de castigo para a inimiga

 

11Chega o día de reconstruír a túa muralla,

ese día alongarase a túa fronteira.

12O día aquel mesmo desde Asiria e Tiro virán onda ti,

e desde Tiro ata o Éufrates, desde un mar ó outro mar,

desde unha montaña á outra montaña.

13E a súa capital volverase unha desolación

por culpa dos seus xefes polo froito das súas obras.

14Pastorea ó teu pobo co teu caxato, o rabaño da túa herdanza,

que vive solitario na foresta, no medio dunha fértil camposa.

Que pazan en Baxán e Galaad, coma nos días doutros tempos.

15Coma nos días da túa saída de Exipto, fainos ver marabillas.

16Que os pobos o vexan e se avergoncen, a pesar de toda a súa forza,

que poñan a man na boca, e que os seus oídos enxordezan.

17Que lamban o po coma a cobra, coma os que se arrastran pola terra;

que saian tremendo dos seus buratos onda o Señor, noso Deus,

que estarrezan e che teñan medo a ti.

 

O perdón de Deus

 

18¿Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade,

e lle pasa por alto o pecado ó resto da súa herdanza,

que non se obstina para sempre na ira,

senón que lle ten amor á misericordia?

19Cambiará de actitude, terá compaixón de nós,

esmagará as nosas iniquidades.

¡Si, ti botarás no fondo do mar todos os nosos pecados!

20Dálle a Xacob probas de fidelidade, a Abraham probas de amor:

así llelo xuraches ós nosos pais desde os tempos antigos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com