Capítulos 1 - 3

Título

 

Capítulo 1

 

1Oráculo que en visión lle foi encargado ó profeta Habacuc.

 

 

ORACIÓN DE LAMENTACIÓN POLA INXUSTIZA EN XUDÁ

 

2¿Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,

sen que ti fagas caso?

¿Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?

3¿Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime?

Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.

4Por iso o fallo xudicial desvirtúase

e a sentencia non sae con esplendor.

Si, o ruín asedia ó xusto; por iso o veredicto sae pervertido.

 

Oráculo de resposta divina: os caldeos, instrumentos do castigo de Deus

 

5Ollade para os pobos e observade ben,

estarrecede, asombrádevos,

que nos vosos días vou realizar unha obra:

non a creriades se volo contasen.

6Si, ollade que eu vou suscitar os caldeos,

pobo violento e rapidísimo,

que vai percorrer as anchuras da terra,

para apoderarse dos lugares que non son seus.

7É terrible e temible,

non recoñece máis có seu dereito e a súa grandeza.

8Os seus cabalos son máis áxiles cás panteras,

máis mordedores cós lobos da tarde.

Os seus cabalos galopan,

si, os seus cabaleiros veñen de lonxe,

voan coma a aguia que se lanza a pico para devorar.

9Todos eles veñen para causar violencia,

o ardor das súas caras é coma o vento soán:

amorea cativos coma area.

10Si, búrlase dos reis, os príncipes son o seu riso.

Rise de todas as prazas fortes;

fai terrapléns e apodérase delas.

11Logo cámbialle o aire e vaise.

(É culpable, pois converteu a propia forza no seu deus).

 

Oración de lamentación colectiva: a inxustiza, cobiza e opresión dos caldeos contra as nacións

 

12¿Non es ti, desde os tempos antigos?

¿Non es ti o meu Deus, o meu Santo que non morre?

Ti, Señor, puxéchelo por executor da sentencia,

Ti, Penedo firme, establecíchelo para castigar.

13Os teus ollos son demasiado puros como para ver o mal,

non podes contemplar a opresión.

¿Por que contemplas os traidores, e quedas calado,

cando o malvado devora a quen é máis xusto ca el?

14Tratas a humanidade coma ós peixes do mar,

coma ós vermes que non teñen quen mande neles.

15El levanta a toda a humanidade co anzol,

érgueos para arriba coa súa rede,

e xúntaos na súa cesta:

velaí como se alegra e danza.

16Velaí como ofrece sacrificios á súa    rede;

e incenso, á súa cesta,

pois con elas está ben engraxada a súa ración,

e a súa comida, con carne exquisita.

17¿Seguirá baleirando constantemente a súa rede,

asasinando pobos sen compaixón?

 

 

ORÁCULO DE RESPOSTA DIVINA: O XUSTO VIVIRÁ POLA SÚA FE

 

Capítulo 2

 

1Seguirei de pé no meu posto de sentinela,

permanecerei ergueito sobre a muralla,

e espreitarei desde o alto,

para ver o que me di, o que responde ó meu interrogante.

2Respondeume o Señor e díxome:

‑Escribe a visión e grávaa en taboíñas,

para que se lea de corrido,

3pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,

falará da fin e non mentirá.

Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.

4Velaí: o temerario faise forte,

o seu alento camiña con el,

pero o xusto vivirá pola súa fe.

5Velaí: a riqueza é traidora,

o varón soberbio non terá éxito,

el, que anchea a súa gorxa coma o    Xeol,

e é coma a Morte que non farta,

recada para xunto a si todos os pobos,

amorea ó seu lado todas as nacións.

 

Serie de maldicións, en contexto cúltico de lamentación colectiva

 

6¿Logo non lle entoarán todos estes un proverbio,

non entoarán sátiras e epigramas contra el? Dirán:

‑¡Ai do que xunta o que non é seu! ‑¿ata que día?‑

¡e do que carga sobre si fianzas!

7¿Non se levantarán de repente os teus acredores,

e non espertarán os teus opresores?

¿Non serás para eles unha presa fácil?

8Xa que ti saqueaches pobos numerosos,

todo o resto dos pobos te saquearán a ti,

por causa do sangue que vertiches,

pola túa violencia contra o país,

contra a cidade e todos os seus habitantes.

 

9‑¡Ai do que amorea ganancias inxustas para a súa casa!,

para pó-lo seu niño máis alto,

para librarse da man da desgraza.

10Vergonza foi o que ti decidiches para a túa casa,

abatendo a pobos numerosos,

si, pecaches contra ti mesmo.

11A pedra clamará desde a parede,

a trabe responderalle desde o teito.

 

12‑¡Ai do que constrúe unha cidade con sangue,

e do que fundamenta unha fortaleza no crime!

13Non é vontade do Señor dos Exércitos,

que os pobos traballen para o lume,

e que as nacións cansen en van.

14Pois toda a terra coñecerá a gloria do Señor,

como as augas enchen o mar.

 

15‑¡Ai do que lles dá de beber ós veciños,

mesturándolles droga na bebida,

emborrachándoos para lles ver as súas vergonzas.

16Fartácheste de ignominia máis ca de gloria;

¡bebe ti tamén, e mostra o teu prepucio!

A copa da dereita do Señor volverase contra ti,

e a ignominia volverase contra a túa gloria.

17A túa violencia contra o Líbano caerá sobre ti,

e a matanza de animais baixará sobre ti,

por causa do sangue que vertiches,

pola túa violencia contra o país,

contra a cidade e todos os seus habitantes.

 

18¿Que vale unha imaxe esculpida? ‑É obra do seu artista.

¿Que vale unha imaxe de metal? ‑É un oráculo de mentira.

Confía nela o artista que a esculpiu,

facendo deuses mudos.

 

19‑¡Ai do que lle di á madeira: "esperta",

e á pedra: "levántate"!

O silencio é o seu oráculo.

Óllao aí amarrado con ouro e prata,

pero ningún alento hai no seu peito.

20O contrario, o Señor está no seu santo templo:

¡Silencio ante a súa presenza, terra toda!

 

 

ORACIÓN DO PROFETA NA LITURXIA DE LAMENTACIÓN COLECTIVA

 

Capítulo 3

 

1Oración do profeta Habacuc na ocasión das lamentacións.

2‑Señor, oín o teu renome; venerei, Señor, as túas obras.

No decurso dos anos fainas revivir,

móstraas no decorrer dos tempos;

na ira lémbrate da misericordia.

 

Himno

 

3Deus vén de Temán; o Santo, do monte Parán.

A súa maxestade cobre o ceo, e a terra está chea da súa loanza.

4O seu brillo é coma a luz, raios de luz saen da súa man.

¡Si, aquí está o segredo da súa forza!

5Diante del vai a Peste, e a Febre segue as súas pisadas.

6Levántase El e estremece a terra, olla El e tremen os pobos,

féndense as antigas montañas, afúndense os outeiros eternos.

Os seus camiños permanecen para sempre.

7Pola maldade vin axitarse as tendas de Cuxán, tremer de medo o país de Madián.

8¿É a ira do Señor a que arde contra os ríos?

Si, contra os ríos a túa cólera. Si, contra o mar o teu furor,

cando a salvación monta nos teus carros e cabalos.

9Sacas o teu arco, farto de frechas, ó falares.

Arar a terra cos ríos; 10ó vérente, danzan os montes,

pasa unha tromba de auga, e o Abismo lanza a súa voz,

o sol levanta ó alto as súas mans, 11a lúa detén a súa carroza;

as túas frechas superan a luz; o escintilar da túa lanza, o resplandor.

12Con ira fas a túa marcha a través da terra, con furor esmagas as nacións.

13Saes á campaña para salvar o teu pobo, para salvar o teu Unxido.

Esmágaslle a cabeza á familia do impío, íspeslle os alicerces ata o penedo.

 

14Atravesaches cos seus propios dardos

a cabeza dos xefes, que se lanzaban a dispersarnos.

Alegrábanse coma se fosen devorar a un pobre no seu refuxio.

15Ti pisaches o mar cos teus cabalos,

ti, que fas ferver as augas abondosas.

16Oíno, e estremecéronseme as entrañas; co fragor tremeron os meus labios,

a carie penetra nos meus ósos, debaixo de min cambalean os meus pasos.

Espero quedo o día da angustia, cando se erga contra o pobo que nos ataca.

17Velaí a figueira: non florece; e non hai colleita nas viñas,

falta a froita da oliveira, e o campo non produce alimento,

desaparecen as reses do curral, e non hai gando nas cortes.

18Pero eu exultarei co Señor, reloucarei co Deus da miña Salvación.

19Iavé, o meu Señor, é a miña forza, dáme pés de gacela,

e faime camiñar sobre as alturas.

 

"Do mestre de coro. Para instrumentos de corda".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com