Capítulos 1- 2

Capítulo 1

 

1No ano dous do rei Darío, no mes seis, o día primeiro do mes, veu a palabra do Señor por medio do profeta Axeo a Zerubabel, fillo de Xealtiel, gobernador de Xudá, e a Iehoxúa, fillo de Iehosadac, o sumo sacerdote, nestes termos:

 

2Así fala o Señor, Deus dos Exércitos:

"Este pobo anda dicindo: Aínda non chegou o momento de reconstruír o templo do Señor".

3Pero a palabra do Señor veu por medio do profeta Axeo nestes termos:

4"¿É xa tempo para vós de habitardes en casas ben rematadas,

mentres este templo está en ruínas?"

5Pois agora, así fala o Señor dos Exércitos:

"Considerade ben o voso comportamento:

6Sementastes para recollerdes abundantemente,

pero recollestes pouco, comestes sen fartarvos,

bebestes sen saciarvos do licor,

vestístesvos sen sentirdes calor con iso,

e o xornaleiro recibiu o xornal en saco roto".

7Así fala o Señor dos Exércitos:

"Considerade ben o voso comportamento:

8Rubide ó monte, traede madeira e reconstruíde o templo,

que eu me compraza nel e nel mostre a miña gloria ‑di o Señor‑.

9Esperastes facer moito: mirade que pouco;

trouxéstelo para casa, pero eu boteino ó vento.

¿Por que isto? ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

Por culpa do meu templo que está en ruínas,

mentres vós vos compracedes cada un na súa casa.

10Por isto, por culpa vosa, o ceo negou a chuvia

e a terra negou o seu froito.

11Si, eu convoquei a seca sobre a terra e os montes,

sobre o trigo, o viño e o aceite, sobre o que a terra fai brotar,

sobre os homes e os animais e sobre todos os traballos das mans".

 

12Zerubabel, fillo de Xealtiel, o sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e todo o resto do pobo, fixéronlle caso á voz do Señor, o seu Deus, e ás palabras do profeta Axeo, tal como encomendara o Señor, Deus deles, e o pobo respectou a presenza do Señor.

13Axeo, o mensaxeiro do Señor, faloulle ó pobo conforme a mensaxe do Señor:

"Eu estou convosco" ‑é o Señor quen fala‑.

14O Señor espertou o espírito de Zerubabel, fillo de Xealtiel, gobernador de Xudá, e o espírito do sumo sacerdote, Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e o espírito do resto do pobo. Puxéronse á obra no templo do Señor dos Exércitos, o seu Deus.

 

O segundo templo será máis espléndido e rico có primeiro, a pesar das aparencias

 

15bNo ano segundo de rei Darío

 

Capítulo 2

 

1no sétimo mes, o vinte e un do mes, veu a palabra do Señor por medio do profeta Axeo nestes termos:

2Dille a Zerubabel, fillo de Xealtiel, gobernador de Xudá, e ó sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e ó resto do pobo:

3"¿Quen queda entre vós,

dos que viron este templo co seu esplendor primeiro?

¿Que estades vendo agora daquel esplendor?

¿Non é algo así coma se non existise ós vosos ollos?

4Pero agora ¡ánimo!, Zerubabel ‑é o Señor quen fala‑.

¡Animo!, pobo todo do país ‑é o Señor quen fala‑.

¡O traballo! Eu estou convosco ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

5Chegou a promesa que pactei convosco cando saïades de Exipto,

o meu espírito mantense firme no medio de vós: non teñades medo.

6Pois así fala o Señor dos Exércitos: aínda un pouco máis,

entón eu conmoverei o ceo e a terra, o mar e o chan firme,

7conmoverei a todos os pobos e virán aquí todas as súas riquezas,

encherei este templo de esplendor ‑fala o Señor dos Exércitos‑.

8Miña é a prata e meu é o ouro ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

9O esplendor deste segundo templo será maior có do primeiro ‑fala o Señor dos Exércitos‑, e neste santuario eu concederei a fartura" ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

 

Consulta acerca da impureza, que exclúe dos traballos ós samaritanos

 

10O día vinte e catro do mes noveno, do segundo ano de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Axeo nestes termos:

11Así fala o Señor dos Exércitos: "Pídelles ós sacerdotes un ditame sobre esta cuestión: 12Se alguén leva carne consagrada na aba do seu manto e toca coa aba o pan, o guisado, o viño, o aceite ou calquera comida, ¿consagra estas cousas?"

Responderon os sacerdotes.

"¡Non!"

13Logo Axeo díxolles:

"Se unha persoa, impura por tocar un cadáver, toca calquera destas cousas, ¿vólveas impuras?"

Respondéronlle os sacerdotes:

"Vólveas impuras".

14Entón replicoulles Axeo:

"Así é este pobo, así é esta nación na miña presenza ‑oráculo do Señor‑, así é toda obra das súas mans e o que presentan aquí: está impuro".

 

Os comezos da reconstrución do templo, sinal da bendición divina

 

15aEra o día vinte e catro do mes sexto.

15Pois agora, aplicade o voso sentido desde o día de hoxe e para atrás:

antes de pordes pedra sobre pedra no santuario do Señor, 16¿que erades?

Cando iades á arca do gran por vinte medidas, soamente había dez.

Cando iades á pipa para quitar cincuenta olas, soamente había vinte.

17Tíñavos castigado coa praga do cornizó e coas meras;

co pedrazo tiña castigado todas as obras das vosas mans,

e non estaba convosco o meu poder ‑é o Señor quen fala‑.

18Aplicade o voso sentido desde o día aquel para atrás,

desde o día vinte e catro do noveno mes,

si, desde o día en que se puxeron os cimentos do santuario do Señor,

aplicade o voso sentido.

19¿Poderá quedar aínda a semente na arca?

¿A viña, a figueira, o granado e a oliveira non deron froito?

Desde o día aquel quérovos bendicir.

 

Promesa de restauración mesiánica dirixida a Zerubabel

 

20A palabra do Señor veulle por segunda vez a Axeo, o día vinte e catro do mes, nestes termos:

21Fálalle así a Zerubabel, gobernador de Xudá:

"Eu vou conmover o ceo e mais a terra,

22vou botar abaixo os tronos dos reinos

e acabar co poder dos reinos nos pobos,

vou derrubar os carros que os conducen,

e baixarán os cabalos e os seus cabaleiros,

(cada un caerá coa espada do seu irmán).

23No día aquel ‑é o Señor, Deus dos Exércitos quen fala‑

collereite a ti, fillo de Xealtiel, o meu servo

‑oráculo do Señor‑,

e farei de ti coma un anel de selo,

porque é a ti a quen escollín"

‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com