Capítulos 1-5

Capítulo 1

 

1Palabras de Amós, que pertenceu ó gremio dos pastores de Técoa, do que viu no tocante a Israel en tempos de Ozías, rei de Xudá, e en tempos de Ieroboam, fillo de Ioax, rei de Israel, dous anos antes do terremoto.

2Velaquí o que dixo:

"Brama Iavé desde Sión,

desde Xerusalén ergue a súa voz

e murchan os pasteiros dos pastores,

seca o cumio do Carmelo".

 

3Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Damasco

e mais por catro non me hei domear:

Por mallar co mallo de ferro a Galaad,

4heille meter lume ó casal de Hazael,

que engulipe os pazos de Ben-Hadad.

5Quebrarei os ferrollos de Damasco,

exterminarei o soberano de Val de    Vans

e o que leva o cetro de Vila Leda

e o pobo de Aram será deportado a Quir":

dixo Iavé.

 

6Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Gaza

e mais por catro non me hei domear:

Por facer deportacións masivas;

para entregalas a Edom

7heille meter lume á muralla de Gaza

ata que engulipe os seus pazos.

8Exterminarei o soberano de Axdod

e o que leva o cetro de Axquelón,

tornarei a miña man contra Ecrón

e o resto dos filisteos perecerá",

dixo o meu Señor Iavé.

 

9Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Tiro

e mais por catro non me hei domear:

Por entregar deportacións masivas a Edom

esquecendo o pacto de fraternidade,

10heille meter lume á muralla de Tiro

ata que engulipe os seus pazos".

 

11Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Edom

e mais por catro non me hei domear:

Por perseguir a seu irmán coa espada

e matar sen compaixón,

porque a súa carraxe depreda sen acougo

e mantense a cotío a súa ira,

12heille meter lume a Temán

que engulipe os pazos de Bosrah".

13Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos dos amonitas

e mais por catro non me hei domear:

Por fender o ventre das embarazadas de Galaad

co gallo de ampliar as súas fronteiras,

14heille meter lume á muralla de Rabah

ata que engulipe os seus pazos

entre o ouvear do día da batalla

e o balbordo do día da galerna,

15e o seu rei partirá deportado,

el xunto cos seus ministros":

dixo Iavé.

 

Capítulo 2

 

1Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Moab

e mais por catro non me hei domear:

Por queimar os ósos do rei de Edom ata volvelos cal,

2heille meter lume a Moab

ata que engulipe os pazos de Queriiot,

e morrerá con estrondo Moab

entre o balbordo, ó son do corno;

3exterminarei do seu medio o gobernante

e xunto con el matarei a todos os seus ministros":

dixo Iavé.

 

4Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Xudá

e mais por catro non me hei de domear.

Por rexeitar a lei de Iavé

e non observar os seus mandatos,

xa que os seus falsos deuses os extraviaron,

eses tralos que xa correran seus pais,

5heille meter lume a Xudá

ata que engulipe os pazos de Xerusalén".

 

6Así di Iavé:

"Por causa de tres delitos de Israel

e mais por catro non me hei domear:

Por venderen o honrado por diñeiro

e o necesitado pola débeda dun par de sandalias.

7Refregan contra o po a cabeza dos mendigos

e desviaron o vieiro dos pobres;

pai e fillo xúntanse coa mesma moza

para profanar o meu santo nome;

8estran o leito con roupas collidas en prenda

a carón dun altar calquera,

beben viño cos cartos requisados

no templo do seu deus.

9Cando fora eu o que exterminara por causa deles os amorreos,

que eran altos coma cedros e fortes coma carballos,

destruíndo o seu froito por riba

e as súas raiceiras por baixo.

10Eu fíxenvos subir desde o país de Exipto

guiándovos pola estepa corenta anos

para darvos en posesión a terra dos amorreos;

11fixen xurdir profetas de entre os vosos fillos

e nazireos de entre os vosos mozos,

¿non si, israelitas? ‑Oráculo de Iavé‑.

12E vós, en troques, fixestes beber viño ós nazireos

e ordenastes ós profetas: ¡Non profeticedes!

13Pois, velaquí, eu vou facer regos no chan debaixo vosa

coma os que fai un carro ateigado de monllos.

14Daquela non vai poder fuxir o áxil,

nin a forza sosterá ó forte

nin o soldado de vangarda salvará a vida;

15o arqueiro non se vai ter en pé,

o de pés lixeiros non escapará

nin o que vai de a cabalo salvará a vida;

16o máis valente de entre os paladíns

fuxirá espido naquel día" ‑Oráculo de Iavé‑.

 

Capítulo 3

 

1Escoitade esta palabra que Iavé pronuncia contra vós, israelitas, contra toda a caste que fixen subir do país de Exipto:

2"A vós sós elixín

de entre as familias da terra,

por iso vouvos pedir contas

de todas as vosas maldades".

 

3¿Camiñarán dous xuntos

se antes non se deron cita?

4¿Bramará o león no mato

se aínda non ten a presa?

¿Ergue a voz o leonciño desde a súa cova

se aínda non cazou?

5¿Cae o paxaro por terra

se non o alcanzou a trapela?

¿Salta a rede do chan

se non pillou nada?

6¿Tócase a trompeta na vila

sen que o pobo se altere?

¿Pasa unha desgraza na vila

sen que Iavé a cause?

7Abofé que o Señor Iavé nada fai sen descubrir o seu propósito

ós seus servos, os profetas.

8Berrou o león, ¿quen non tremerá?

Falou o Señor Iavé, ¿quen non profetizará?

 

9Pregoádeo nos pazos de Axdod e nos pazos do país de Exipto,

dicide: xuntádevos sobre os montes de Samaría

e contemplade a confusión enorme que nela impera

e os asoballados no medio dela.

10Non saben obrar rectamente

‑Oráculo de Iavé‑.

Atesouran violencia e rapina nos seus pazos.

11Por iso así di o Señor Iavé:

"Un inimigo vai cercar o país,

vai abater a túa fortaleza

e vai asolar os teus pazos".

 

12Así di Iavé:

"Como salva o pastor das fauces do león

dúas patas ou un anaco de orella,

dese xeito hanse salvar os israelitas

que moran en Samaría,

coma un pé de diván ou un cabezal de leito.

 

13Escoitade e sede as miñas testemuñas contra a casa de Xacob

‑Oráculo do Señor Iavé, Deus dos Exércitos‑.

 

14Pois o día no que eu faga contas con Israel polos seus delitos,

hei de pasar tamén revista ós altares de Betel,

daquela serán tronzados os cornos do altar

e caerán por terra.

15Derrubarei a residencia de inverno

xunto coa residencia de verán

hanse arruinar as casas de almafí,

afundiranse innumerables construcións" ‑Oráculo de Iavé‑.

 

Capítulo 4

 

1Escoitade esta palabra, vacas de Baxán

que morades sobre o monte de Samaría,

as que asoballades os necesitados, as que esfolades os pobres,

mentres lles dicides ós vosos maridos: "¡Botádenos de beber!"

2Xurou o Señor Iavé pola súa santidade:

"Havos chegar o tempo

no que vos arrastren con adivais

e o resto de vós con garfos.

3Teredes que saír polas gretas

tirando cara adiante,

para serdes levadas ás partes do Hermón,

‑Oráculo de Iavé‑.

4Ide en romaría a Betel para pecar,

ou a Guilgal, e amoreade delitos;

levade de mañá os sacrificios

e ó día terceiro os vosos décimos.

5Queimade parte do levedado en acción de grazas,

anunciade ben alto as ofrendas voluntarias

xa que así vos peta, israelitas,

‑Oráculo do Señor Iavé‑.

 

6Eu, da miña banda, déravos dentes limpos

en todas as vosas vilas

e carencia de pan

en todos os vosos casais,

mais non volvestes a min

‑Oráculo de Iavé‑.

 

7Denegueivos a chuvia

cando faltaban aínda tres meses para a colleita,

fixen que chovese nunha vila si e noutra non;

unha leira foi regada

e outra, onde non choveu, murchou.

 

8Dúas vilas e ata tres foron a tombos

ata a veciña por beber auga,

mais non se deron saciado

e aínda así non volvestes a min ‑Oráculo de Iavé‑.

 

9Ferinvos co caruncho e coa mera ,

mandei a seca ós vosos hortos e viñas;

as vosas figueiras e oliveiras comeunas o saltón,

mais non volvestes a min

‑Oráculo de Iavé‑.

 

10Mandei sobre vós unha peste semellante á de Exipto,

pasei pola espada os vosos mozos

ó tempo que capturaban os vosos cabalos,

fixen subir ós vosos narices o fedor do campamento,

mais non volvestes a min

‑Oráculo de Iavé‑.

 

11Derrubeivos coma derrubara Deus a Sodoma e Gomorra

e quedastes coma muxica saída dun incendio,

mais non volvestes a min

‑Oráculo de Iavé‑.

12Por iso voute tratar deste xeito, Israel;

e porque te vou tratar así

aparéllate para o encontro co teu Deus".

13Pois olla:

Quen moldeou os montes e creou o vento,

quen lle descobre ó home o que está a matinar,

quen fai o abrente e mais as tebras,

quen camiña sobre os lombos da terra,

Iavé, Deus dos Exércitos, é o seu nome.

 

Capítulo 5

 

1Escoitade esta palabra, este pranto que eu entoo contra vós, casal de Israel:

2Caeu, non rexurdirá, a doncela de Israel,

tirada polo seu propio chan, non haberá quen a erga;

3pois así di o Señor Iavé:

"Vila que recrutou un milleiro, recupera cen,

e a que recrutou cen, recupera dez";

4pois así di Iavé ó casal de Israel:

"Buscádeme e viviredes".

5Non busquedes a Betel,

non vaiades a Guilgal,

non vos acheguedes a Beerxeba,

pois Guilgal ha de ir deportada

e Betel quedará en nada.

 

6Procurade a Iavé e viviredes, non vaia dar o lume no casal de Xosé e o engulipe e ninguén o apague por causa de Betel.

7¡Ai dos que trocan o dereito en asentes

e botan polo chan a xustiza!

8Foi El quen fixo as Pléiadas e o Orión,

quen muda as tebras en abrente

e escurece o día en noite,

quen convoca as augas do mar

e as verte sobre a superficie da terra:

Iavé é o seu nome.

 

9Quen dispón a desfeita contra o forte,

chegando o saqueo ata a cidadela.

 

10Odian ó fiscal no tribunal,

rexeitan a quen dá testemuño cumprido,

11por iso:

Xa que esmagades os foros do pobre

e lle esixides tributos de trigo,

se construístes pazos de perpiaño

non os habitaredes,

se plantastes viñas farturentas

non beberedes do seu viño.

12Ben sei eu dos vosos innumerables delitos

e dos vosos enormes pecados,

asoballades o honrado,

aceptades de suborno

que torcedes o dereito do pobre no tribunal.

13Por iso o asisado cala neste tempo

pois é un tempo cativo.

14Buscade o ben e non o mal de xeito que vivades

e Iavé, o Deus dos Exércitos, quedará convosco,

segundo dicides.

15Rexeitade o mal, amade o ben,

que impere o dereito nos tribunais;

quizais se considere, Iavé, Deus dos Exércitos,

do resto de Xosé.

16Por iso así di Iavé, Deus dos Exércitos, o Señor:

"En todas as prazas, loito,

en todas as rúas berran: ¡Ai, ai!

Chaman ó xornaleiro para o laio

e para o pranto ás carpideiras

17e en todas as viñas haberá loito

cando eu pase por medio de ti":

dixo Iavé.

 

18¡Ai daqueles que devecen polo día de Iavé!

¿Que vai significar para vós o día de Iavé?

Vai ser tebra; non vai ser luz.

19Vai ser coma cando foxe un do león

e vai dar co oso;

logra aínda chegar á casa,

apoia a man na parede,

e mórdeo a cóbrega.

20¿Non vai ser acaso tebra o día de Iavé e non luz?

¡Abofé que o seu é a escuridade e non a claridade!

 

21"Aborrezo e rexeito as vosas festas,

non soporto o cheiro das vosas liturxias

22(se non é cando me ofrendades holocaustos)

as vosas oblacións non me alegran,

o banquete sacrificial dos vosos xatos nin o vexo.

23¡Arreda de min a charanga dos teus cantos!

Non estou para escoitar músicas das túas arpas.

24O dereito é o que ten que fluír coma auga

e a xustiza coma manancial perenne.

25¿Acaso ofrecestes sacrificios e ofrendas

no deserto durante os corenta anos, casal de Israel?

26¿Levabades daquela a Sicut o voso rei

e a Kiiún, imaxes vosas, a estrela dos vosos deuses,

fabricados por vós mesmos?

27Eu si, eu vouvos levar deportados alén de Damasco",

dixo Iavé, que ten por nome Deus dos Exércitos.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com