Capítulo 1

 

Oráculo introdutorio de castigo

 

Capítulo 1

 

1Visión de Abdías.

Así lle di a Edom o meu Señor, Iavé:

Oímos unha mensaxe da parte do Señor,

un mensaxeiro que foi enviado ás nacións:

"¡Arriba! Poñámonos en pé de guerra contra Edom!"

 

Oráculo de castigo contra Edom

 

2Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos,

e ben desprezable serás ti,

3pois seduciute o orgullo dos teus propósitos.

Edom mora no refuxio da Pedra,

vive na altura pensando para os seus adentros:

"¿Quen me fará baixar ó Abismo?"

4Pois aínda que subas coma unha aguia,

e poñas o teu niño entre as estrelas,

fareite baixar de alá ‑é o Señor quen fala‑.

 

Ruína de Edom a mans dos seus aliados

 

5Se entrasen en ti ladróns,

¿non che roubarían todo o que lles é preciso?

Se che entrasen os salteadores da noite,

¿non serías totalmente destruída?

Se entrasen en ti os vendimadores,

¿non che deixarían sen un acio?

6¡Como son pescudados os descendentes de Esaú,

e rebuscados os seus tesouros!

7Fante recuar ata a túa fronteira

todos os homes que fixeron alianza contigo,

engánante e pódenche;

a xente que goza en paz da túa fartura devórate,

pon lazos debaixo de ti.

¡Non hai en Edom nin miga de intelixencia!

 

Causas desta ruína: a soberbia e a traizón ós seus irmáns

 

8Pero o día aquel ‑é o Señor quen fala‑

¿acaso non farei desaparecer os sabios de Edom,

e a intelixencia da montaña de Esaú?

9Estarrecerán os teus valentes, Temán,

desaparecerán todos da montaña de Esaú.

Por causa do asasinato

10e da violencia contra o teu irmán, Xacob,

a vergonza cubrirate e desaparecerás para sempre.

11O día en que lle mantiñas a súa oposición,

cando estranxeiros levaban cativo o seu exército,

e cando estraños entraban polas súas portas

e botaban sortes sobre Xerusalén,

tamén ti eras coma un deles.

 

O mesmo que fixeches con Xudá farache o Señor a ti

 

12Non olles con agrado para o día de teu irmán,

para o día da súa desgraza.

Non te alegres dos fillos de Xudá o día do seu desastre,

non abras demasiado a túa boca o día da súa angustia.

13Non entres pola porta do meu pobo o día da súa calamidade,

non olles tampouco ti

para o seu mal o día da súa calamidade.

Por favor non mandes coma escravos

ó teu territorio nada do seu exército

o día da súa calamidade.

14Non te plantes nas encrucilladas dos camiños

para acabar cos seus fuxidos,

non vendas os que queden o día da angustia.

15Porque está preto o día do Señor contra todos os pobos:

o mesmo que fixeches, faracho El a ti,

o teu merecido volverá á túa cabeza.

 

O día do Señor será salvífico para Israel e de castigo para Edom

 

16O mesmo que bebestes da miña ira sobre o monte do meu santuario,

así beberán da miña ira todos os pobos por quenda;

si, beberán e sorberán,

e serán coma se non fosen.

17Pero no monte de Sión haberá supervivencia

o monte será santuario,

a casa de Xacob recobrará a súa herdanza,

18a casa de Xacob será lume,

a casa de Xosé, labarada,

e a casa de Esaú servirá de estopa,

que prenderá neles e consumiraos,

e non haberá sobrevivente da casa de Esaú.

¡Si!, díxoo o Señor.

 

Extensión do reino do Señor

 

19A casa de Xacob e a casa de Xosé posuirán o Négueb,

a montaña de Esaú e mais as Terras Baixas, o territorio dos filisteos;

tamén posuirán os campos de Efraím

e os campos de Samaría, Benxamín e Galaad.

20Os deportados, ese exército de fillos de Israel,

perseguirán ós cananeos ata Sarpat,

e os deportados de Xerusalén que viven en Sefarad

posuirán as cidades do Négueb,

21e subirán, liberadores, ó monte Sión,

para gobernar nas montañas de Esaú.

Entón o reino será para o Señor.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com