Capítulos 1 - 5

 

Primeira lamentación

 

Capítulo 1

 

1(Alef) ¡Ah, como senta soíña a cidade, señora dun pobo!

Está coma unha viúva, a señora dos pobos,

a princesa das cidades está en traballos forzados.

 

2 (Bet) Chora, chora, durante a noite,

e as súas bágoas están sobre a súa meixela.

De entre todos os seus amantes non ten un que a console,

todos os seus amigos a traizoaron, volvéronselle inimigos.

 

3 (Guímel) Xudá foi á catividade despois da humillación e da moita servidume.

Ela, que reinaba entre as nacións, non atopa lugar de descanso.

Todos os que a perseguen pódena coller entre as cercas.

 

4 (Dálet) Os vieiros de Sión están de loito, por non haber quen vaia á festa.

Todas as súas portas están desoladas,

choran os seus sacerdotes,

as súas mozas están aflixidas; ela mesma ten amargura.

 

5 (He) Os seus opresores están vitoriosos, os seus inimigos están felices,

pois o Señor aflixiuna pola multitude das súas rebeldías.

Os seus meniños van á catividade diante do opresor,

6 (Vau) e sairá da filla de Sión todo o seu esplendor.

Os seus príncipes son coma corzos que non atopan pasteiro,

e camiñan sen forzas diante do perseguidor.

7 (Zain) Xerusalén conmemora os días da súa humillación, a perda da súa patria,

a falta de todas as preciosidades que tivo desde antigo,

cando o seu exército caía no poder do inimigo sen que ninguén lle axudase.

Vena os inimigos e rin da súa desaparición.

 

8 (Het) Pecou, pecou Xerusalén, por isto vólvese cousa abominable.

Todos os que a honraban, desprézana, pois están vendo a súa nudez.

Ela chora en voz alta e vírase de costas.

9 (Tet) A súa impureza estaba nas súas saias, non se decataba do que lle viña enriba.

Si, caeu desastradamente; non hai quen a console.

 

"Olla, Señor, para a miña miseria ¡Como a aumenta o inimigo!"

10 (Iod) O opresor estendeu a súa man sobre as cousas apetecidas.

Si, ve como os xentís entran no seu santuario, si,

aínda que ti mandaches que non entrasen na túa asemblea.

11 (Kaf) Todo o seu pobo se lamenta, busca pan,

entregan as súas alfaias por comida para cobrar folgos.

 

"Olla, Señor, fíxate ben ¡Que miserable estou!".

12 (Lámed) ¡Fixádevos ben, todos os que pasades polo camiño!: observade e ollade,

se hai pena coma a miña pena,

coa que o Señor me aflixiu no día da súa ira.

13 (Mem) Mandou lume do ceo e fixo baixar os meus ósos.

Estendeu unha rede ós meus pés e fíxome volver para atrás.

Deixoume desolada, todos os días na impureza.

14 (Nun) Xa está formado o xugo que as miñas rebeldías consolidaron na súa man.

O seu xugo está sobre o meu pescozo, fai tropezar as miñas forzas.

O Señor sométeme ó xugo, non aguanto de pé.

15 (Sámek) O Señor botou do medio de min a todos os meus valentes.

Convocou contra min a asemblea, para esnaquizar os meus soldados;

pisou o Señor no lagar á virxe, filla de Xudá.

16 (Ain) Por isto eu estou chorando, e o meu ollo é unha fonte,

porque está lonxe de min o consolador, o que me devolve o alento.

Os meus fillos están desolados, porque o inimigo é forte.

17 (Pé) Sión estende as súas mans, non ten quen a console.

O Señor ordena ós veciños de Xacob que sexan os seus inimigos.

Xerusalén vólvese cousa abominable entre eles.

18 (Sade) O Señor é xusto, porque eu me rebelei contra a súa palabra.

Escoitade, pobos todos, e ollade a miña dor:

as miñas mozas e os meus mozos foron á    catividade.

19 (Qof) Chamei ós meus amantes, pero eles traizoáronme.

Os meus sacerdotes e os meus profetas faleceron na cidade.

Si, buscade comida para nós, para devolvernos os folgos.

20 (Rex) Olla, Señor, como estou angustiada; ferven as miñas entrañas.

O meu corazón retórcese dentro de min, por culpa da miña rebeldía.

Fóra, a espada deixa sen fillos; na casa está a mesma morte.

21 (Xin ) Escoitade como choro eu; non teño quen me console.

Todos os meus inimigos escoitaron a miña desgraza,

alegráronse de que ti o fixeses.

Fai ti vir o día que proclamaches e volveranse igual ca min.

22 (Tau) Toda a súa maldade veña á túa presenza e trátaos a eles

tal como me trataches a min por todas as miñas rebeldías.

Certo, os meus prantos son moitos, e o meu corazón é un noxo.

 

Segunda lamentación

 

Capítulo 2

 

1(Alef) ¡Ai! O Señor coa súa ira envolveu en nubes á filla de Sión.

Tirou do ceo na terra o esplendor de Xerusalén.

Si, no día da súa ira, non se acordou do estrado dos seus pés.

2 (Bet) O Señor devorou, sen ter compaixón, todos os pasteiros de Xacob,

destruíu co seu noxo as prazas fortes da casa de Xudá,

emborcallou na terra e profanou o seu reino e os seus príncipes.

3 (Guímel) No ardor da súa ira arrincou todo o poder de Israel,

fixo voltar para atrás a súa dereita, lonxe da presenza do inimigo,

e incendiou a Xacob con lume flamexante, que devora todo arredor.

4 (Dálet) Tensou o seu arco coma un inimigo, puxo en posición a súa dereita, coma un adversario matou a todos os que antes eran preciosos ós seus ollos,

tamén na tenda da filla de Xudá verteu o lume da súa ira.

5 (He) O Señor mesmo foi o inimigo que devorou a Israel,

destruíu todos os seus pazos, arrasou as súas prazas fortes

e multiplicou na filla de Xudá o choro e o lamento.

Vau 6Arremeteu violentamente contra a súa tenda coma contra un escudo,

destruíu a tenda do seu encontro,

o Señor fixo esquecer en Sión festas e sábados,

e rexeitou co furor da súa ira ó rei e ó sacerdote.

7 (Zain) Profanou o Señor o seu altar, desprezou o seu santuario,

abandonou no poder do inimigo as paredes dos pazos de Xudá.

Lanzouse un berro no templo do Señor coma nun día de lamentación.

8 (Het) Decidiu o Señor destruír a muralla da filla de Sión.

Estendeu o cordel (a súa man), non apartou a destrución.

El fixo que o terraplén e a muralla dobrasen, derrubáronse a un tempo.

9 (Tet) As súas portas afundíronse debaixo da terra,

os seus ferrollos desfixéronse e romperon,

o seu rei e os seus príncipes están entre os pagáns.

Non hai oráculo ningún.

Tampouco os seus profetas atopan revelación do Señor.

 

10 (Iod) Os anciáns da filla de Sión están sentados no chan, choran,

botan po sobre a cabeza, vístense de saco,

as mozas de Xerusalén abaixan a cabeza ata a terra.

 

11 (Kaf) Os meus ollos consómense en bágoas, férvenme as entrañas,

o meu humor está polo chan, por causa da ruína da filla do meu pobo,

cando vexo os rapaciños e os meniños de peito esmoreceren nas prazas da cidade.

12 (Lámed) Dinlles ás súas nais: "¿Onde está o pan e mais o viño?";

mentres quedan sen folgos, asasinados, nas prazas da cidade,

mentres expiran no seo das súas nais.

 

13 (Mem) ¿Que testificarei a teu favor? ¿Con que te compararei, filla de Xerusalén?

¿A que te asemellarei para consolarte, virxe, filla de Sión?

¡É grande, grande coma o mar a túa ruína! ¿Quen te curará?

14 (Nun) Os teus profetas proclaman coma revelacións a falsidade e a impostura,

non denuncian a túa iniquidade para que poidas volver da catividade.

 

Si, anúncianche coma revelación oráculos de falsidade e sedución.

15 (Sámek) Todos os que pasan polo camiño baten as palmas contra ti,

asubían e moven a cabeza cara a ti, filla de Xerusalén:

"Esta é a cidade da que se debería dicir: fermosura perfecta, alegría de toda a terra".

16 (Pé) Abren a súa boca contra ti todos os teus  inimigos,

asubían e renxen os dentes, din: "¡Tragámola!"

¡Ah, este é o día que esperabamos: xa chegou, xa o vemos!

17 (Ain) O Señor fixo o que se propuxera, cumpriu o seu dito,

o que El mandou desde os tempos antigos.

Destruíu e non tivo compaixón.

O teu inimigo alegrouse de ti, ergueuse o poder dos teus adversarios.

18 (Sade) Que o teu corazón lle pida axuda ó Señor, porque lle falta a muralla á filla de Sión:

Verte lágrimas coma un río de día e de noite.

¡Non cedas ante o teu cansazo! ¡Que non descanse a meniña dos teus ollos!

19 (Qof) Levántate, berra durante a noite, ó comezo do cambio da garda.

Verte coma auga os teus coidados diante da presenza do Señor.

Levanta cara a El as túas palmas, pola vida dos teus meniños,

que están esmorecidos de fame nas praciñas de todas as rúas.

 

20 (Rex) Olla, Señor, e considera a quen tratas deste xeito:

¡as mulleres teñen que devorar os seus fillos, os meniños que aínda maman!

¡O sacerdote e o profeta son asasinados no templo do Señor!

21 (Xin) O rapaz e o vello déitanse por terra nas rúas;

as miñas mozas e os meus mozos caen pola espada.

No día da túa ira asasinas e degolas sen teres compaixón.

22 (Tau) Convocarás a todos os que me encheron de pavor, coma no día da asemblea,

pois no día da ira do Señor non houbo fuxido nin escapado:

o meu inimigo acabou cos que eu alimentei e criei.

 

Terceira lamentación

 

Capítulo 3

 

1(Alef) Eu son o home que probou a humillación, o pau da ira do Señor.

2Conduciume e fíxome camiñar na escuridade e non na luz.

3Si, volve e revolve todos os días contra min a súa man.

4 (Bet) Consome a miña carne e a miña pel, rompe os meus ósos.

5Crea a miña ruína e asedia a capital e a súa altura.

6Faime morar nas tebras coma os mortos dos tempos pasados.

7 (Guímel) Encérrame cun muro arredor e non podo saír, volve pesada a miña cabeza.

8Clamo en voz alta e pido axuda; El córtalle o paso á miña oración.

9Pecha o meu camiño con pelouros, volve intransitables as miñas corredoiras.

10 (Dálet) El é para min o oso que axexa, o león nos escondedoiros,

11que dá voltas arredor dos meus camiños para esnaquizarme e volverme unha desolación.

12 Tensa o seu arco e faime ser o branco das súas frechas.

13 (He) Fai entrar nos meus riles os dardos da súa alxaba.

14Eu son a burla para todos os pobos, a súa copla de cada día.

15Fártame de amargura e emborráchame de asente.

16 (Vau) Límame os dentes con croios, esmágame contra o chan.

17Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,

18e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".

 

19 (Zain) Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.

20Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.

21Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:

22 (Het) as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco

desapareceron as súas misericordias,

23pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.

24O Señor é o quiñón da miña herdanza ‑di o meu corazón‑, por isto teño esperanza nel.

25 (Tet) Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.

26É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.

27Élle bo ó home cargar co xugo desde a súa xuventude;

28 (Iod) que se sinta só e que estea calado cando o ten que aguantar;

29que poña a súa boca no po: ¡quizais haxa aínda esperanza!;

30que ofreza a meixela ó que lle bate e que se farte de oprobios.

31 (Kaf) Certo, o Señor non se afasta para sempre (...);

32se aflixe, compadécese conforme á abundancia das súas bondades;

33non oprime de corazón nin aflixe os fillos do home.

34 (Lámed) Cando un esmaga debaixo dos seus pés a todos os prisioneiros do país,

35cando se torcen os dereitos dun home ante a presenza do Altísimo,

36cando se lle prexudica a un home no seu xuízo, ¿o Señor non o vai ver?

 

37 (Mem) ¿Quen é este que falou, e aconteceu? ¿Non llo mandou o Señor?

38¿Non sae o mal e o ben da boca do Altísimo?

39¿De que se queixa o home? ¿Da vida feliz? ¿De que se queixa o home? ¿Do castigo dos seus pecados?

 

40 (Nun) Investiguemos o noso comportamento e examinémolo. Convertámonos ó Señor.

41Levantemos o noso corazón, non as palmas das nosas mans,

ó Deus que está no ceo.

42Nós pecamos e rebelámonos. ¡Ti non nos perdoaches!

 

43 (Sámek) Cubrícheste de ira e perseguíchesnos, mataches sen teres compaixón.

44Cubrícheste coa túa nube, para que non pasase a oración.

45Convértesnos en varredura e esterco, no medio dos pobos.

46 (Pé) Todos os nosos inimigos abren as súas bocas contra nós.

47A nós tócanos o terror e o foxo, a destrución e a ruína.

48O meu ollo verte regueiros de bágoas pola ruína da filla do meu pobo.

49 (Ain) Os meus ollos esbagullan, sen pararen, non teñen acougo,

50ata que o Señor olle desde arriba e vexa desde o ceo.

51Os meus ollos quítanme a respiración por causa de todas as fillas da miña cidade.

52 (Sade) Os meus inimigos cazáronme coma un paxariño, sen razón.

53Quixeron perder a miña vida no pozo, botaron dentro pedras contra min.

54Cubríronme de auga ata enriba da cabeza. Dixen: "Estou perdido".

55 (Qof) Invoquei o teu Nome, Señor, desde o pozo do abismo.

56Ti escoitaches a miña voz; non tapaches o teu oído á miña liberación, ó meu clamor de auxilio.

57Acercácheste o día que eu clamaba a ti. Dixeches: "Non teñas medo".

58 (Rex) Ti, Señor, defendiches a causa da miña existencia, redimiches a miña vida.

59Ollaches, Señor, a miña opresión, a miña sentencia foi ditada con xustiza.

60Viches toda a súa vinganza, todas as súas matinacións contra min.

61 (Xin) Escoitaches, Señor, os seus insultos, todas as súas maquinacións contra min,

62os discursos dos meus adversarios e os seus complots contra min todos os días.

63Olla atentamente a súa conduta, que eu son a súa cántiga.

64 (Tau) Devólvelles, Señor, o merecido conforme a obra das súas mans.

65Dálles a cegueira do corazón, que a túa maldición sexa para eles.

66Persígueos con ira e fainos desaparecer de debaixo do ceo, Señor.

 

Cuarta lamentación

 

Capítulo 4

 

1(Alef) ¡Ah, como se enferruxou o ouro, como escureceu o ouro máis fino!

¡As pedras do templo están esparexidas na cabeceira das rúas!

2 (Bet) Os fillos de Sión, gloriosos (e) merecentes de aprecio coma o ouro fino,

¿como son considerados olas de barro, obra das mans do oleiro?

3 (Guímel) Si, os chacais ofrecen os peitos para que mamen as súas crías,

(pero) a filla do meu pobo, ¡cruel!, ¡que avestruz do deserto!

4 (Dálet) A lingua dos meniños de leite pégaselles ó ceo da boca coa sede,

os rapaciños piden pan, non hai quen llelo reparta.

5 (He) Os que comían manxares saborosos, alentan inando nas rúas,

os que foron criados sobre a púrpura, abrazan (agora) o esterco.

6 (Vau) A iniquidade da filla do meu pobo era máis grande có pecado de Sodoma,

foi aniquilada nun instante coma ela, sen que nela se movesen as mans.

7 (Zain) Os seus nazireos eran máis puros cá neve, eran máis brancos có leite,

o seu corpo era máis vermello cós corais, a súa figura era zafiro.

8 (Het) (Agora) o aspecto deles é máis negro cá ferruxe, non se recoñecen nas rúas,

a súa pel está pegada ós seus osos, está reseca coma un pau.

9 (Tet) Foron máis ditosos os mortos pola espada cós mortos da fame.

Si, aqueles foron máis valentes sendo acoitelados (cós que) careceron dos produtos do campo.

10 (Iod) As mans das piadosas mulleres coceron a seus propios fillos,

que lles serviron de alimento durante a caída da filla do seu pobo.

11 (Kaf) O Señor esgotou a súa furia, librou o incendio da súa ira,

prendeu o lume (da súa ira) en Sión, que devorou os seus cimentos.

12 (Lámed) Non creron os reis da terra, nin todos os que reinan no mundo,

que o adversario e inimigo entrase polas portas de Xerusalén.

13 (Mem) Por causa dos pecados contra os seus profetas, (e) da iniquidade

contra os seus sacerdotes, por verteren no medio dela sangue de xustos,

14 (Nun) andaron cegos polas rúas, lixáronse co sangue vertido,

sen que se lles puidese tocar os vestidos.

15 (Sámek) "¡Apartade! ¡Un impuro!" dicíasenos. "¡Apartade! ¡Apartade! ¡Non toquedes!"

Cando fuxiron tamén andaron errantes. Dicían os pobos: "Non continuarán de emigrantes (aquí)".

16 (Pé) A presenza do Señor mandounos ó abismo (para) non seguir contemplándoos,

(pois) non respectaran os sacerdotes, non tiveran piedade dos anciáns.

17 (Ain) Os nosos ollos consumiranse de novo, procurando a nosa axuda en van.

Desde as nosas atalaias outeamos por un pobo que non nos poderá salvar.

18 (Sade) Espreitan os nosos pasos, sen podermos camiñar polas nosas prazas.

Está preto a nosa fin, cúmprense os nosos días. Si, chega a nosa fin.

19 (Qof) Os nosos perseguidores son máis lixeiros cás aguias do ceo,

polos montes perséguennos, no deserto póñennos emboscada.

20 (Rex) O perfume dos nosos narices, o unxido do Señor, está preso nos calabozos de eles,

del pensabamos: "A súa sombra viviremos entre os pobos".

21 (Xin) Exulta e énchete de ledicia, filla de Edom, que habitas no país de Us,

tamén onda ti chegará a copa, beberala ata espirte de borracha.

22 (Tau) El completou o castigo da túa iniquidade, filla de Sión, non volverá a levarte á catividade.

El pasa revista á túa iniquidade, filla de Edom, á débeda do teu pecado.

 

Quinta lamentación

 

Capítulo 5

 

1¡Lémbrate, Señor, do que nos aconteceu: mira atentamente, si, olla a nosa vergonza!

2A nosa herdanza pasou a estranxeiros; as nosas casas, a xentes de fóra.

3Quedamos orfos, non temos pai, as nosas nais son viúvas.

4Bebemos a nosa auga a prezo de prata, traemos a nosa leña con cartos.

5Co xugo nos nosos pescozos somos perseguidos, estamos cansos, (e) non se nos deixa descansar.

6Estendemos a man ante Exipto, ante Asiria, para fartarnos de pan.

7Os nosos pais pecaron, xa non existen; nós cargamos coas súas iniquidades.

8Os servos mandan en nós, non hai quen (nos) libere das mans deles.

9Para a nosa gorxa sacamos o noso pan ó deserto lonxe da presenza da espada.

10A nosa pel está quente coma un forno pola presenza da fame rabiosa.

11Violan ás mulleres en Sión, ás virxes nas cidades de Xudá.

12Os príncipes son pendurados das súas mans, non se respecta a presenza dos anciáns.

13Os mozos levan a moa do muíño e os rapaces cambalean coa leña ó lombo.

14Os anciáns deixan os xuízos das portas; os mozos, os cantos da cítara.

15Acabouse a ledicia do noso corazón, a danza cámbiase en loito.

16Caeu a coroa da nosa cabeza. ¡Ai de nós, certo que pecamos!

17Por isto está triste o noso corazón, por estas cousas escurécense os nosos ollos.

18Sobre o monte Sión produciuse devastación, as raposas camiñan por el.

19Pero ti, Señor, reinarás eternamente, o teu trono por xeracións e xeracións.

20¿Por que te esqueces de nós para sempre, (e) nos abandonas ó longo dos días?

21Fainos volver a ti, Señor, e volveremos; renova os nosos días, coma noutros tempos.

22¿Ou rexeitáchesnos completamente, estás anoxado contra nós ata mil veces?

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com