Capítulos 1 - 5

 

Introdución

 

Capítulo 1

 

1Este é o texto do libro que Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maseías, fillo de Sedecías, fillo de Asadías, fillo de Hilquías, escribiu en Babilonia, 2no ano quinto, o sete do mes, na época en que os caldeos tomaron Xerusalén e lle prenderon lume.

3Baruc leu o texto deste libro ante Ieconías, fillo de Ioaquim, rei de Xudá e ante todo o pobo que viñera escoitar o libro; 4e ante as autoridades, os fillos dos reis, e os anciáns; ante todo o pobo, desde o máis pequeno ata o máis grande, e ante todos os que habitaban en Babilonia xunto ó río Sur. 5Todos choraban, xaxuaban e rezaban diante do Señor.

6Despois xuntaron diñeiro segundo lles permitían os haberes de cadaquén, 7e mandáronlle a Xerusalén, a Ioaquim, fillo de Hilquías, fillo de Xalum, e ós sacerdotes e a todo o pobo que con el se atopaba en Xerusalén. 8(Porque Baruc collera os utensilios do templo do Señor, que foran levados do santuario, para devolvelos ó país de Xudá, no día dez do mes de Siván; eran os utensilios de prata que fixera Sedecías, fillo de Ioxías, rei de Xudá, 9despois de que Nabucodonosor, rei de Babilonia, deportou de Xerusalén a Ieconías e o levou a Babilonia, xunto cos xefes, os cativos, as autoridades e o pobo do país).

10Díxolles:

‑Ollade que vos mandamos diñeiro, a fin de que compredes con el vítimas para os holocaustos e os sacrificios expiatorios, e tamén incenso, e para que fagades a ofrenda, presentando os sacrificios sobre o altar do Señor, noso Deus. 11Rezade tamén pola vida de Nabucodonosor, rei de Babilonia e pola de Baltasar, seu fillo, a fin de que os seus días sexan coma os do ceo sobre a terra. 12Entón o Señor daranos forza e iluminará os nosos ollos e viviremos felices á sombra de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e á sombra de Baltasar, o seu fillo, e servirémolos durante moitos anos, alcanzando favor diante deles. 13Habedes rezar tamén por nós ante o Señor, noso Deus, porque fixemos pecados contra o Señor, noso Deus, e ata o día de hoxe o furor e mais a ira do Señor non se apartaron de nós. 14Habedes de ler este libro que vos mandamos para que o leades en público no templo do Señor, o día da festa e os días xa marcados. 15Diredes:

 

Oración penitencial: A) Confesión dos pecados

 

O Señor, noso Deus, perténcelle a xustiza, pero a nós perténcenos a vergonza das nosas caras, como lles pasa hoxe ós homes de Xudá e ós habitantes de Xerusalén, 16ós nosos reis e ós nosos xefes, ós nosos sacerdotes e ós nosos profetas, e ós nosos pais. 17Porque pecamos contra o Señor, 18fómoslle infieis e non fixemos caso á orde do Señor, noso Deus, de nos comportarmos segundo os mandamentos que o Señor puxo na nosa presenza. 19Desde o día no que o Señor sacou os nosos pais do país de Exipto ata o día de hoxe, fomos infieis ó Señor, noso Deus, e seguimos o noso capricho, sen facer caso das súas ordes. 20Por isto, tal coma hoxe acontece, perseguíronnos as desgrazas, os males e a maldición que o Señor lle prediciu ó seu servo Moisés, na época en que sacou os nosos pais do país de Exipto para nos dar unha terra que deita leite e mel. 21Tampouco lle fixemos caso á voz do Señor, noso Deus, de acordo con todas as mensaxes dos profetas que El nos mandou, 22senón que cada un de nós se comportaba conforme ó capricho do seu ruín corazón, dándolles culto a deuses alleos, facendo así o mal ós ollos do Señor, noso Deus.

 

Capítulo 2

 

1Por isto o Señor executou a sentencia que pronunciara contra nós e contra os xuíces que xulgaban a Israel e contra os nosos reis, os nosos xefes e os homes de Israel e de Xudá. 2Non se fixo debaixo do ceo cousa semellante á que se fixo en Xerusalén, como xa se escribira na Lei de Moisés, 3cando comemos cada un de nós a carne do seu propio fillo e a da súa propia filla, 4porque o Señor os entregara nas mans de todos os reinos que estaban ó noso arredor, para que servisen de vergonza e maldición entre todos os pobos circundantes, a onde o Señor os dispersou. 5Si, quedaron por baixo e non por riba, porque pecaramos contra o Señor, noso Deus, non lle facendo caso á súa voz.

6O Señor, noso Deus, perténcelle a xustiza, pero a nós e a nosos pais perténcenos a vergonza das nosas caras, coma o día de hoxe. 7Todo o que o Señor nos revelou, todas estas calamidades viñeron sobre nós, 8porque nós non invocaramos o rostro do Señor, para que cada un se apartase dos plans do seu ruín corazón. 9Por isto o Señor lembrou estas calamidades e mandounas contra nós. O Señor é xusto en todas as accións que nos mandou cumprir, 10pero nós non lle fixemos caso á súa voz para que camiñásemos conforme os preceptos que o Señor puxo ante a nosa presenza.

 

B) Súplica

 

11Pero agora, Señor, Deus de Israel, ti que sacaches o teu pobo do país de Exipto con man poderosa, con sinais, con prodixios e con grande poder e con brazo en alto, e conseguiches para ti mesmo un renome, coma o que hoxe se ve: 12nós, Señor, noso Deus, temos pecado e cometido impiedades e inxustizas contra todos os teus decretos. 13Apártese o teu furor de nós, porque quedamos uns pouquiños, abandonados entre as nacións onde nos dispersaches. 14Escoita, Señor, a nosa oración e a nosa súplica, e líbranos por ti mesmo. Concédenos atopar favor ante a presenza dos que nos deportaron, 15para que toda a terra recoñeza que ti es o Señor, noso Deus, porque o teu Nome foi invocado sobre Israel e sobre a súa raza. 16Señor, olla para abaixo desde a túa santa Casa, e pensa en nós. Achega o teu oído, e escoita. 17Abre, Señor, os teus ollos e mira, porque non serán os mortos, no Hades, a quen o espírito lles foi quitado das entrañas, os que recoñecerán a gloria e as accións do Señor; 18serán, máis ben, os de ánimo moi entristecido, os que camiñan encollidos e enfermos, os ollos que escurecen e a gorxa que pasa fame, os que recoñezan, Señor, a túa gloria e a túa acción salvadora. 19Pois non é polas obras de xustiza dos nosos pais e dos nosos reis polo que nós suplicamos compaixón ante ti, Señor, noso Deus, 20xa que lanzaches o teu furor e a túa ira contra nós, tal como o anunciaras por medio dos teus servos, os profetas, dicindo:

21"Así fala o Señor: inclinade o voso lombo e servide o rei de Babilonia, e asentádevos na terra que eu lles dei a vosos pais. 22Pero se non facedes caso da voz do Señor, servindo o rei de Babilonia, 23eu farei que desapareza das cidades de Xudá e de Xerusalén o canto de alegría e o canto de pracer, o canto do noivo e o canto da noiva, e todo o país se volverá algo intransitable, sen habitantes".

24Pero nós non lle fixemos caso á túa orde de servir o rei de Babilonia, e ti cumpriches as túas palabras, que revelaras por medio dos teus servos os profetas, de deportar as persoas dos nosos reis e as persoas de nosos pais, dos seus lugares. 25E velaí están tirados os seus ósos á calor do día e á xeada da noite, pois morreron con terribles sufrimentos: coa fame, coa espada e coa separación. 26A Casa onde se invoca o teu Nome volvíchela tal como está o día de hoxe, por culpa da ruindade da casa de Israel e da casa de Xudá.

27Non obstante, ti, Señor, noso Deus, comportácheste connosco conforme a túa inmensa indulxencia e á túa grande compaixón, 28tal como o dixeras por medio do teu servo Moisés, cando ti lle mandaches escribir a túa Lei diante dos fillos de Israel:

29"Se non lle facedes caso á miña voz, esta grande e numerosa multitude volverase pouca cousa entre as xentes onde os hei de dispersar, 30porque sei ben que non me farán caso, pois son un pobo de cabeza dura. Pero converterase o seu corazón no país do seu desterro, 31e recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus, e eu dareilles corazón e oídos para que poidan facer caso; 32louvaranme no país do seu desterro e lembraranse do meu Nome. 33Apartaranse da súa obstinación e dos seus malos feitos, pois lembraranse do comportamento de seus pais; de como pecaron contra o Señor. 34E eu fareinos volver á terra que lles prometín con xuramento a seus pais, a Abraham, Isaac e Xacob, e serán os señores dela. ¡Si, multiplicareinos e non minguarán de ningún xeito! 35Establecerei con eles unha alianza eterna, de modo que eu sexa o seu Deus e eles sexan o meu pobo, e non volverei a mover ó meu pobo da terra que lle dei".

 

Capítulo 3

 

1Señor todopoderoso, Deus de Israel, un ánimo angustiado e un espírito esmorecido está clamando a ti.

2Escoita, Señor, e ten piedade, pois pecamos contra ti.

3Ti es Rei para sempre, pero nós para sempre estamos perdidos.

4Señor todopoderoso, Deus de Israel, escoita a súplica dos desgraciados de Israel, dos fillos que pecaron contra ti,

que non fixeron caso da voz do Señor, o seu Deus, e, por isto, nos perseguiron desgrazas.

5Non te lembres das inxustizas dos nosos pais, lémbrate nesta hora do teu poder e do teu Nome,

6porque ti es o Señor, noso Deus, e loarémoste, Señor.

7Para isto puxeches a fe en ti no noso corazón,

para que o teu Nome fose invocado e para que te loásemos no noso desterro.

Apartamos xa do noso corazón toda a iniquidade dos nosos pais, que pecaron contra ti.

8Ollanos aquí no noso desterro, onde nos dispersaches,

convertidos no escarnio, na maldición e no pago de toda a iniquidade de nosos pais,

que se apartaron do Señor, noso Deus.

 

Meditación sapiencial: A) Exhortación a escoitar para aprender a Sabedoría

 

9Escoita, Israel, mandamentos de vida;

atende ben, para aprender a discernir.

10¿Que sucede, Israel? ¿Por que estás no país dos inimigos,

e avellentaches nun país estranxeiro?

11¿Por que te volviches impuro cos seus cadáveres,

e fuches contado cos que van ó Hades?

12Abandonaches a fonte da sabedoría.

13Se camiñases polo vieiro de Deus,

habitarías en paz para sempre.

14Aprende onde está o discernir,

onde está a forza,

onde está a intelixencia para coñecer;

aprende tamén onde está a vida longa e a felicidade,

onde está a luz dos ollos e a paz.

 

B) A Sabedoría é inaccesible ó home

 

15¿Quen atopou o seu lugar?

¿Quen entrou nos seus tesouros?

16¿Onde están os xefes das nacións

e os señores das feras da terra?

17¿Os que xogan cos paxaros do ceo

e fan os seus tesouros con prata e con ouro

‑o ouro no que os homes tiñan posta a súa confianza‑,

aqueles dos que a cobiza non ten fin?

18¿U-los que labran con todo coidado o ouro,

e nin sequera hai invención  ningunha nas súas obras?

19Desapareceron e baixaron ó Hades,

e outros ocuparon o seu posto.

20Outros máis novos viron a luz

e habitaron na terra,

pero o camiño da sabedoría non o coñeceron,

21nin fixeron caso dos seus vieiros,

nin se preocuparon dela;

os seus fillos quedaron atrás dos mesmos pais.

22Non se oíu en Canaán,

nin se viu en Temán,

23nin os fillos de Agar que procuran o saber sobre a terra,

nin os arrieiros de Merrán e de Temán,

os expertos en mitos e os que buscan o saber,

non coñeceron o camiño da sabedoría

nin se lembraron dos seus vieiros.

 

24Israel, ¡que grande é a Casa do teu Deus!

¡Que ancho é o lugar dos seus dominios!

25Grande, e non ten fin;

alto, e non ten medida.

26Alí foron xerados os famosos xigantes dun tempo,

foron grandes, expertos na guerra.

27Pero a estes non os escolleu Deus,

nin lles ensinou o camiño da ciencia,

28e pereceron por non teren discernimento,

pereceron por falta de reflexión.

29¿Quen subiu ó ceo para coller a sabedoría

e facela baixar desde as nubes?

30¿Quen pasou á outra beira do mar,

para buscala e traela a prezo de ouro precioso?

31Non hai quen coñeza o seu camiño,

nin quen discorra o seu vieiro.

 

C) Tan só Deus a coñece e, coa Lei, deulla a Israel

 

32Pero o que o sabe todo, coñécea,

invéntaa co seu saber.

O que formou a terra para a eternidade,

encheuna de animais de catro patas.

33O que lle manda á luz que veña,

chamouna e ela obedeceu con temor.

34As estrelas refulxiron ledas nos seus escondedoiros,

35El chamounas e respondéronlle:

"¡Aquí estamos!"

Refulxiron con ledicia para o seu Creador.

36Este é o noso Deus,

non hai outro a El comparable.

37El inventou todo o camiño da sabedoría

e ensinoullo a Xacob,

o seu servo, e a Israel, o seu benquerido.

38Despois disto, a sabedoría apareceu sobre a terra

e viviu entre os homes.

 

Capítulo 4

 

1Ela é o libro dos mandamentos de Deus,

a Lei que permanece para sempre.

Todos os que a aprecian terán a vida,

e os que a deixan a un lado perecerán.

 

Exhortación á conversión e a camiñar á luz da Lei

 

2Convértete, Xacob, e abrázaa;

camiña cara á claridade, ó encontro da súa luz.

3Non lle deas a outro a túa gloria;

nin os teus privilexios a unha nación estranxeira.

4Somos felices, Israel,

porque o que agrada a Deus déusenos a coñecer.

 

Exhortación e consolación profética de Xerusalén:

A) Exhortación ós exiliados

 

5¡Ten coraxe, meu pobo, memorial de Israel!

6Fostes vendidos ás nacións,

pero non para a perdición;

por anoxardes a Deus

fostes entregados ós vosos inimigos,

7pois enchestes de ira ó voso creador,

ofrecendo sacrificios ós demos e non a Deus.

8Esquecestes o Deus eterno que vos deu de comer,

e entristecestes a Xerusalén, que vos alimentou.

 

B) Xerusalén exhorta e consola os seus fillos

 

9Velaí, Xerusalén viu a ira

que viña contra vós de parte de Deus, e dixo:

"Escoitade, veciñas de Sión,

Deus trae sobre min unha gran dor,

10pois vin a deportación dos meus fillos e das miñas fillas,

que o Eterno fixo vir sobre eles.

11Crieinos con gozo,

pero mandeinos con xemidos e con dores.

12Que ninguén se alegre por min,

viúva e abandonada de todos.

Volvinme un deserto polos pecados dos meus fillos,

porque se apartaron da Lei de Deus

13e non coñeceron os seus preceptos,

nin camiñaron polos camiños dos seus mandamentos,

nin marcharon polos vieiros da educación conforme a súa xustiza.

14¡Que veñan as veciñas de Sión!

Si, lembrádevos da catividade dos meus fillos e das miñas fillas,

da catividade que o Eterno lles botou enriba,

15pois trouxo contra eles unha nación de lonxe,

unha nación fachendosa, e de lingua estraña,

que non tivo respecto ó ancián

nin piedade co meniño,

16que levou os fillos queridos da viúva

e que a deixou soa, privada das súas fillas.

17E eu, ¿en que vos podo axudar?

18Pero o que trouxo estas calamidades sobre vós,

libraravos das mans dos inimigos.

19Camiñade, filliños, camiñade,

que eu quedei feita un deserto.

20Xa quitei a roupa da fartura

e vestín o saco da miña súplica,

clamarei ó Eterno durante os meus días.

21Tede ánimo, filliños.

Clamade a Deus,

que El vos librará da tiranía, da man dos inimigos,

22pois eu puxen no Eterno a esperanza da vosa salvación,

e xa me veu do Santo unha ledicia,

pola misericordia

que moi logo vos virá do voso eterno Salvador.

23Pois mandeivos con dor e xemidos,

pero Deus devolveravos a min

con ledicia e gozo para sempre.

24Como as veciñas de Sión viron o voso desterro,

así verán axiña a salvación que vén do voso Deus;

salvación que vos virá coa grande gloria e co esplendor do Eterno.

25Filliños, aguantade con paciencia a ira de Deus que veu sobre vós.

O teu inimigo perseguiute,

pero ben logo verás a súa ruína

e camiñarás sobre as súas cabezas.

26Os meus meniños mimados marcharon por camiños esgrevios,

fóronme arrebatados coma un rabaño roubado polos inimigos.

27Animo, meniños: clamade a Deus,

que o que vos castigou lembrarase de vós.

28Como discorrestes para vos apartardes de Deus,

así, unha vez convertidos a El, buscádeo con moitos máis azos.

29Porque o que vos mandou estas desgrazas,

Mandaravos a alegría eterna xunto coa vosa salvación".

 

O profeta consola a Xerusalén

 

30¡Animo, Xerusalén!

Que o que che deu o seu nome consolarate.

31Malditos os que che fixeron mal e se alegraron coa túa caída.

32Malditas as cidades ás que serviron teus fillos,

maldita a que recibiu os teus fillos,

33pois, o mesmo que se alegrou da túa caída

e se encheu de gozo pola túa ruína,

así entristecerá por quedar erma ela mesma.

34Certo, quitareille a alegría á súa poboación numerosa,

e a súa fachenda converterase en dor.

35Pois o Eterno fará vir sobre ela un incendio durante moitos días,

e estará habitada polos demos durante moito tempo.

36Mira para o nacente, Xerusalén,

e olla a ledicia que vén de Deus.

37Velaí veñen os teus fillos, os que ti deixaches marchar,

veñen desde o nacente ata o poñente,

reunidos pola palabra do Santo,

alegrándose coa gloria de Deus.

 

Capítulo 5

 

1Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgraza,

e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.

2Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:

pon na túa cabeza a diadema da gloria do Eterno.

3Deus vai mostrar o teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,

4pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre "paz da Xustiza e Gloria da Piedade diante de Deus".

5Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto,

e mira cara ó nacente,

olla ós teus fillos reunidos pola palabra do Santo,

alegres pola lembranza do Señor

desde o poñente ata o nacente.

6Saíron de onda ti,

levados a pé polos inimigos,

pero Deus devólvechos en andas de gloria,

coma un trono de realeza.

7Pois mandou o Señor que se rebaixasen

os montes altos e os vellos outeiros

e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,

para que Israel camiñe con paso seguro,

guiado pola gloria de Deus;

8e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes

déronlle sombra a Israel.

9Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,

coa misericordia e a xustiza que están con El.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com