Capítulos 11-15

Capítulo 11

 

1facendo prosperar as súas obras por medio dun profeta santo.

 

III. A SABIA GUÍA DE DEUS CO SEU POBO

 

Introdución

 

2Percorreron un deserto inhabitado

e cravaron as tendas en lugares intransitables;

3fixeron fronte a guerreiros

e rebateron inimigos.

4Cando tiveron sede berraron por ti,

e unha rocha fragosa deulles auga,

curounos da sede un duro penedo;

5canto serviu para castigar os seus inimigos

foi para eles axuda na dificultade.

 

Primeiro contraste: a auga da rocha, en lugar de sangue no río

 

6No sitio de manancial perenne,

dun río túrbido de sangue e po,

7pena do decreto infanticida,

décheslles a eles inesperadamente auga abonda,

8mostrándolles por medio daquela sede

de que xeito castigaras os seus adversarios.

9Porque cando os puxeches a proba,

se ben corrixíndoos con piedade,

comprenderon como eran atormentados os impíos

xulgados con ira;

10xa que a eles os probaras coma un pai que amoesta,

mais ós outros examináchelos coma un rei inflexible que condena;

11ausentes e presentes, por igual esmorecían:

12unha dobrada tristura apreixábaos

e tamén un salaio coa lembranza do pasado,

13pois, ó oíren que por medio das súas probas

outros se beneficiaban, percibían niso a presenza do Señor.

14A quen noutrora deixaran abandonado e rexeitaran burlóns,

tiveron que admiralo ó remate dos sucesos,

sufrindo unha sede moi diversa da dos xustos.

 

Segundo contraste: paspallás en lugar de bechos

 

15En razón das súas desaxeitadas tolemias

polas que, extraviados, adoraron réptiles irracionais e viles bestas,

enviaches contra eles, en vinganza, unha grea de animais sen razón

16para que comprendesen que cadaquén é castigado naquilo no que peca.

 

Digresión: estilo de Deus nos seus castigos

 

17Abofé que non lle faltaban modos á túa man omnipotente,

que creara o universo da materia informe,

para lles botar enriba bandas de osos e de feros leóns

18ou feras de nova invención, descoñecidas, furibundas,

exhalando un bafo de lume

ou botando un alento fumegante,

ou fulminando polos ollos muxicas arrepiantes,

19que ben poderían exterminalos non xa coas súas feridas

senón destruílos só coa súa estarrecente ollada.

20E sen chegar a tanto, cun simple aire, podían caer

perseguidos pola túa vinganza

e varridos polo teu potente sopro,

mais arranxáchelo todo con medida, número e peso,

21pois sempre tes a disposición o usar do teu gran poder

e ¿quen poderá oporse á forza do teu brazo?

22Porque o universo todo, de fronte a ti, é coma un lixo na balanza

e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.

 

Deus ten sempre misericordia

 

23E con todo compadecícheste de todo, pois todo o podes

e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,

24pois amas a todos os seres

e non rexeitas nada do que fixeches:

se algo che dese noxo, xa non o crearías.

25¿Como podería algo subsistir se ti non o queres

ou conservarse o que ti non chamas?

26Mais ti todo o perdoas porque todo é teu,

Señor, amigo da vida.

 

Capítulo 12

 

1Pois o teu sopro incorruptible mora en todas as cousas.

2Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan

e amoéstalos lembrándolles os seus erros

para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.

3Deste xeito foi como ós antigos moradores da túa terra santa

4os aborreciches, por culpa das súas prácticas infames,

feitizos e impías iniciacións;

5inmisericordes sacrificadores de seus fillos,

devoradores das vísceras e carnes humanas,

e iniciados co sangue, no curso de xuntanzas orxiásticas,

6pais asasinos de vidas sen defensa;

a eses tales determinaches exterminalos pola man de nosos pais,

7de xeito que aquela terra, para ti a máis cara de todas,

puidese recibir unha colonia digna de fillos de Deus,

8mais mesmo con estes, coma homes que eran, amosaches moderación

enviándolles tabáns, precursores do teu exército,

para que os fosen exterminando pouco a pouco.

 

Deus deixou ós cananeos tempo de se arrepentiren

 

9Ben podías someter nunha batalla os impíos ós xustos

ou aniquilalos dunha vez por medio de bestas feroces

cunha verba inflexible,

10mais, sentenciándoos paulatinamente,

décheslles oportunidade de se arrepentiren,

por máis que non ignorabas que a maldade lles viña de caste,

que a malicia lles era connatural

e que nunca trocarían as súas matinacións,

11porque eran una raza maldita desde o principio.

Tampouco non foi que por medo de alguén

deixases sen pena os seus delitos,

12xa que, ¿quen pode demandarche: ‑"Que fixeches"?

Ou ¿quen pode rebater o teu veredicto?

¿Quen te vai convocar a xuízo pola destrución de nacións que ti creaches?

Ou ¿quen se constituirá contra ti en vingador de homes inxustos?

13Non hai, fóra de ti, un Deus que se considere de todas as cousas,

a quen tiveses que probar que non xulgaches inxustamente;

14nin hai rei nin tirano que poida encararse contigo

demandando a razón de por que os castigaches.

15Ti es xusto e todo o dispós xustamente,

de xeito que condenar a quen non merece castigo

considéralo indigno do teu poder.

16Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,

e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.

17Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder

confundindo a audacia dos que o coñecen;

18así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio

gobernándonos con toda consideración,

pois na man tes o poderío cando queres.

 

Tamén o xusto debe ter misericordia

 

19Con feitos semellantes ensinaches ó teu pobo

que ó xusto lle cómpre ser humano;

e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza

de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

20Pois se ós inimigos de teus fillos, merecentes da morte,

castigáchelos con tanta consideración e indulxencia

dándolles tempo e lugar para se afastar da maldade,

21¿con canto meirande coidado non xulgarías os teus fillos

se a seus pais lles concediches xuramentos e alianzas de promesas magníficas?

22De sorte que mentres a nós nos corrixes,

flaxelas os inimigos nosos con mesura

para que, ó xulgarmos, cavilemos na túa bondade,

e ó sermos xulgados, esperemos na misericordia.

 

Xuízo de burla contra os ídolos

 

23De maneira que ós que perversamente pasaban a vida na necidade

atormentáchelos cos seus propios obxectos abominables.

24Extraviáranse, de feito, moi lonxe por vieiros errados,

chegando a considerar deuses mesmo ós máis viles e repugnantes animais,

deixándose enganar coma nenos sen siso.

25Foi así que, como a meniños sen razón,

os fixeches sufrir un xuízo de burla.

26Mais os que non se deixaron emendar coas correccións enganosas

tiveron que soportar un castigo digno de Deus,

27porque se irritaban contra os que os facían sufrir,

contra aqueles mesmos ós que consideraban deuses e polos que eran castigados,

ollando agora e confesando coma verdadeiro Deus

a quen noutrora se negaran a recoñecer;

por tal razón veu sobre eles a condena plena.

 

Digresión: tratado sobre a idolatría. Adoración da Natureza

 

Capítulo 13

 

1Vans eran, abofé, de seu, todos os homes que ignoraban a Deus

e que non foron capaces de coñecer Aquel que é,

a través das cousas boas que están á vista,

nin de descubrir o Artífice contemplando as súas obras;

2senón que foi ó lume, ou ben ó vento, ou ó zoar lene,

á bóveda astral, á auga impetuosa,

ou ás luminarias do ceo, a quen consideraron coma deuses rexedores do cosmos.

3¡Que se, enmeigados pola súa beleza, creron cousas tales seren deuses,

cómpre que saiban ben canto máis belido é o Señor delas,

pois foi o autor da fermosura o que as creou!

4Se ficaron abraiados pola súa potencia e enerxía

¡cavilen a partir delas canto máis poderoso será o que as formou!

5Pois da grandeza e a beleza das criaturas

pódese intuír por analoxía o seu Facedor.

 

6E, con todo, estes merecen unha reprensión pequena

xa que pode que se trabuquen

na procura de Deus e teimando atopalo.

7Pois ó se ocuparen das súas obras para pescudalas,

fascínaos a aparencia, pois son fermosas as cousas que contemplan.

8E, con todo, nin estes son escusables

9xa que, se puideron acadar tanta sabenza

ata chegaren a enxergar os principios do universo,

¿como é que non descubriron máis axiña ó Señor deles?

 

Culto ós ídolos

 

10Máis miserentos, por afincaren en cousas mortas a súa esperanza,

son aqueles que chaman deuses ás feituras das mans dos homes,

ouro e prata, materiais de artista,

e semellanzas de animais,

ou ben unha pedra inútil, feitura de man antiga.

 

Ídolos de madeira

 

11Supoñamos que un carpinteiro entendido, despois de talar

un tronco, doado de traballar,

descáscao con xeito por enteiro,

e, manexando a súa arte como convén,

prepara un trebello útil para as necesidades da vida.

12Os residuos do seu traballo

emprégaos en preparar a comida e fartarse.

13O que aínda resta, que para nada xa non serve,

unha torada retorta e chea de nós,

cóllea e vaina labrando para se distraer nas horas de folganza;

coa experiencia e sen esforzo vaina modelando

e aseméllaa a unha imaxe humana,

14ou faina parecida a un vulgar animal;

dálle unha man de minio,

vernízalle de vermello a superficie

e repinta todas as chatas.

15Fabrícalle entón unha peaña ó xeito

e colócaa no muro, asegurándoo cun ferro;

16ten esta previsión para que non caia

pois ben sabe que de seu non se pode valer:

non é máis ca unha estatua, e cómprelle esa axuda.

17¡E, con todo, ó rogarlle polos seus bens, por unha voda ou polos fillos,

non se avergonza de se dirixir a un ser inanimado!

E implora a saúde do que é feble,

18pídelle vida a un morto,

prégalle axuda ó máis inerme,

e unha feliz viaxe a quen non pode nin mover os pés.

19Polos seus negocios, empresas e sorte nos traballos

vaille pedir axuda ó ser de mans máis torpes.

 

Capítulo 14

 

1Outro, pola súa banda, aparellando para se facer ó mar

e percorrer as encristadas ondas

invoca a un madeiro máis fráxil cá barca que o leva;

2pois a esta proxectouna a cobiza da ganancia,

e foi a habelencia artesanal quen a construíu.

 

Transición: a providencia paternal de Deus

 

3Mais é a túa providencia, oh Pai, quen a goberna,

pois puxeches un camiño no mar

e un vieiro seguro por entre as ondas,

4demostrando que podes salvar de todo perigo,

de xeito que aínda sen coñecer a arte, pode calquera embarcar.

5Ti non queres que queden inservibles as obras da túa Sabedoría

e por iso os homes afiúzan as súas existencias ata nun madeiro fraxilísimo,

atravesan as marusías nunha balsa, e arriban sans.

 

6E así, nos comezos, cando pereceron os soberbios xigantes,

a esperanza do universo, fuxindo nunha barca

e gobernada pola túa man, transmitiu ó mundo

a semente da xeración.

7¡Benia o madeiro polo que foi realizada a xustiza!

8Mais ¡malia o ídolo feito a man e tamén  quen o fixo!

Este por fabricalo, aquel porque, sendo corruptible, foi chamado deus.

9Porque para Deus son por igual odiosos o impío e a súa impiedade

10e serán, en consecuencia, castigados a obra e quen a fabricou.

11Polo tanto hánselles tamén de pedir contas ós ídolos dos xentís

xa que, de entre as criaturas de Deus, convertéronse en obxecto de abominación,

en tropezo para as almas dos homes

e en trapela para os pés dos insensatos.

 

Orixe da idolatría

 

12A idea de facer ídolos foi o comezo da inmoralidade

e o seu invento trouxo a corrupción da vida,

13pois ó principio non os había, nin han existir para sempre;

14viñeron ó mundo pola superficialidade dos homes

e por esa razón estalles decretado un final súbito.

 

15Un pai amargado por un loito prematuro

fai unha imaxe do fillo malogrado tan cedo

e a quen hai pouco era un ser humano morto

dálle agora honra coma a un deus,

impondo ós seus subordinados misterios e iniciacións.

16Despois, co tempo, afírmase ese impío costume

e vén a ser observado coma lei.

 

Tamén por mandados dos tiranos adóranse esculturas:

17O non poder a xente honralos de presente,

por habitaren lonxe, reproducindo a remota fasquía,

confeccionaron unha imaxe visible do rei venerado

para agasallaren deste hábil xeito ó ausente coma presente.

18A emulación do artista estimulou a difusión do culto

aínda entre os que non o coñecían,

19pois desexando quizais compracer ó poderoso,

forzou con artificio a copia tirándoo favorecido;

20e a xente, atraída polo engado da obra,

considera agora digno de culto a quen había pouco respectaba

coma home.

21Isto todo resultou un engano para os viventes,

xa que os homes, escravizándose á calamidade ou á tiranía,

chegaron a impor ás pedras e ós madeiros o nome incomunicable.

 

Consecuencias da idolatría

 

22De seguido, non lles abondou o erraren no coñecemento de Deus,

senón que, mergullados na inxente loita da ignorancia,

aclaman tamaños males co nome de paz.

23Celebrando ritos infanticidas ou misterios arcanos

ou as esmorgas furibundas de ritos alleos,

24xa non respectan o decoro da vida e do matrimonio

senón que os uns ós outros se suprimen en emboscadas

ou se fan sufrir con adulterios.

25Un caos de sangue e crime éncheo todo;

roubo e fraude, corrupción, infidelidade, revolta e perxurio,

26confusión dos bos, esquecemento dos favores,

degradación das almas, inversión dos sexos,

desorde nos matrimonios, adulterio e impudor.

27Pois a veneración dos ídolos innomeables

é orixe, causa e termo de todo mal:

28porque ou se volven tolos ó se divertiren,

ou profetizan en falso,

ou viven na inxustiza,

ou perxuran á lixeira.

29O poren a fe en ídolos sen vida

non recean de ser condenados por xurar en falso.

30Mais por entrambos motivos vailles chegar o merecido:

por pensaren mal de Deus, dándose ós ídolos,

e por xuraren inxusta e falsamente desacatando a Santidade;

31pois non é o poder daqueles polos que xuran,

senón a xustiza contra os pecadores.

 

Transición: pregaria a Deus

 

Capítulo 15

 

1Mais ti, Deus noso, es bo e fiel,

de grande paciencia; e gobernas con clemencia o universo.

2Aínda que pequemos, somos teus, conscientes do teu dominio,

mais non temos que pecar, sabendo que nos consideras do teu grupo.

3Pois o saber de ti é a xustiza perfecta,

e o coñecer o teu poder é a raiceira da inmortalidade.

4Non nos extraviou a fraudulenta invención dos homes

nin o esforzo estéril dos pintores,

figuras recubertas de cores variadas;

5a súa visión empuxa a paixón dos alpabardas

ata arelaren a fasquía exánime dunha imaxe morta.

6¡Namorados do mal, dignos de tales esperanzas

son os que as fan, os que as arelan e os que as veneran!

 

Os ídolos de barro

 

7Un oleiro, amasando con esforzo arxila mol,

modela para o noso uso diversos cacharros;

mais coa mesma lama dálles forma

ás olas que serven para usos nobres e para os contrarios,

todo do mesmo xeito;

e quen xulga do emprego que terán uns e outros

é o oleiro.

8Despois, traballo perverso, forma da mesma arxila un deus falso

que, nado hai pouco da terra,

axiña volverá alí de onde o tiraron

coa obriga de dar conta do empréstito da súa alma;

9e, non obstante, non o preocupa o ter que morrer

nin que a súa vida sexa breve

senón o competir con alfaiates e prateiros

imitando ós fundidores

e gabándose de modelar quincalla.

10A súa conciencia é borrallenta;

a súa esperanza, máis vil cá terra;

a súa vida vale menos cá lama,

11pois non recoñeceu a Aquel que o plasmou

nin a quen lle inspirou unha alma operativa

e lle infundiu un espírito vital.

12Pola contra, coida que o noso existir é un xogo

e a nosa vida unha feira onde gañar:

‑"Cómpre tirar proveito do que sexa ‑di el‑ mesmo do mal".

13Este, mellor cós outros, sabe que peca

fabricando do material de terra

fráxiles olas e mais ídolos.

 

O ridículo dos exipcios

 

14E con todo, os máis insensatos, máis infelices cá alma dun neno,

foron os inimigos do teu pobo, os que o tiranizaron.

15Pois tiveron por deuses a todos os ídolos das nacións

que nin poden usar dos ollos para ver,

nin do nariz para aspirar o aire,

nin dos oídos para oíren,

nin dos dedos das mans para apalparen,

nin lles serven os pés para camiñar,

16pois son feitura humana

e moldeounos un ser de alento emprestado:

o home non pode formar un deus nin semellante a si.

17Sendo mortal, produce con mans inicuas un ser morto,

el, que é de máis valer ca todo o que venera,

pois el está vivo por certo, e aqueles non endexamais.

 

Prosegue o contraste: os paspallás

 

18E por riba, adoran os animais máis repugnantes,

os que, en comparanza cos outros, son os peores;

19non hai nada neles que os volva atraentes

‑coma ás veces ocorre ó ollar para os animais‑

pois os tales ficaron excluídos da loanza de Deus e da súa bendición.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com