Capítulos 1-5

Capítulo 1

 

1Verbas de Qohélet, fillo de David, rei en Xerusalén.

2Nada máis ca un sopro, ‑di Qohélet‑ un lene sopro, un breve aire é todo.

 

I. O home, limitado e fuxidío

 

3¿Que proveito tira o home de todas as angueiras polas que traballa

baixo o sol?

4Vaise unha xeración, vén outra,

e a terra sempre queda.

5Sae o sol, ponse o sol,

volta sen folgos ó seu posto;

de alí torna a xurdir.

6Torna ó Sur, vira para o Norte,

xira que xira, camiña o vento;

volve o vento ás súas reviravoltas.

7Todos os ríos van dar no mar,

e o mar non se enche.

Para onde os ríos camiñan,

alí tornan incesantes.

8Todas as verbas se esgotan;

ninguén acada a expresarse.

O ollo non se dá farto de ver,

non se enche a orella de oír.

9O que foi, iso será;

o que xa se fixo, farase;

pois nada hai novo baixo o sol.

10Supón que de algo se diga:

‑"Mira que isto é novo".

...Pois xa aconteceu nos tempos que nos precederon.

11Non hai memoria dos devanceiros,

nin a haberá dos vindeiros;

non os relembrarán os que veñan despois.

 

¿Cal é o senso da vida, da sabedoría e do pracer?

 

12Eu, Qohélet, reinei sobre Israel en Xerusalén,

13e propúxenme pescudar e investigar aleuto todo canto acontece baixo o sol: dura tarefa que Deus lles impón ós humanos para que nela se afanen.

14Contemplei todas as accións que se fan baixo o sol. Resultado: todo é efémero e papar ventos.

15O torcido non se pode endereitar,

co que non hai non se pode contar.

16Pensei para min: sen dúbida fíxenme famoso amoreando máis sabedoría ca todos os que me precederon en Xerusalén; e a miña mente acadou grande saber e ciencia.

17Esforceime así en coñecer o que é a Sabedoría e o que son a Necidade e a Tolemia, e agora decátome de que tamén iso é papar ventos, 18pois:

"moito saber, moita molestia,

e canta máis ciencia, máis sufrir".

 

Capítulo 2

 

1Dixen entón para o meu interior: ¡Veña! ¡Probemos coa Ledicia, e ¡a gozar do que é bo! Mais velaquí que tamén iso é efémero.

2Chameille ó rir "Parvadas", e da ledicia dixen: "¿Para que serve?"

 

Vaidade do pracer: Salomón

 

3Cavilei no corazón de dar o corpo ó viño, mantendo a miña intención sabia, aplicándome á loucura ata descubrir se esa é a felicidade que o home poida acadar baixo o ceo no par de días que vai vivir.

4Fixen cousas magníficas: edifiquei pazos, plantei viñas; 5fixen para min  xardíns e soutos e plantei neles toda clase de froiteiras; 6cons-truín estanques de auga para con eles regar na fraga as árbores en agromo; 7merquei servos e servas e tiven escravos nados na casa; e aínda gando de vacas e greas de ovellas abondo, máis que cantos me precederon en Xerusalén.

8Amoreei tamén prata e ouro e tesouros de reis e provincias; procurei cantores e cantoras, e a delicia dos homes: amoríos a eito.

9Superei en magnificencia a todos os que me precederon en Xerusalén; con todo ó meu carón mantívose a Sabedoría.

10De canto os meus ollos me demandaban, nada lles neguei. Non recusei ledicia á miña arela; pois o meu ánimo gozaba de toda esta riqueza coma premio de todo o meu degoiro.

11Voltei entón os ollos para as obras que fixeron as miñas mans e para o traballo que me custara realizalas, e velaquí que todo fora un sopro e papar ventos, e que nada hai de proveitoso baixo o sol.

 

O valor da Sabedoría

 

12Púxenme a reparar daquela na Sabedoría e na Necidade e na Tolemia (por certo: ¿Que vai facer o home que lle suceda ó Rei? ‑O que xa antes del outros fixeron), 13e observei que a Sabedoría ten unha vantaxe sobre a Tolemia, coma a que lle leva a luz á tebra:

14"O Sabio ten ollos na cara,

o Necio camiña na tebra",

mais sei tamén que igual destino lles cae enriba ós dous.

15Dixen entón para min: o que lle toque ó Necio, iso tocarame a min tamén; ¿para que souben tantísimo? ‑E concluín que tamén isto é un sen sentido, 16xa que:

"A longo prazo non hai lembranza

nin do sabio nin do Necio";

"axiña virán os días en que todos os esquezan".

"¡Ai! Morre o Sabio coma morre o Necio".

17Cheguei así a odiar a vida, pois pareceume mal todo canto acontece baixo o sol, xa que todo é efémero e puro papar ventos.

 

Nada se consegue baixo o sol

 

18E aborrecín toda a ganancia pola que traballei baixo o sol, pois heina de deixar a un descendente meu, 19e ¿quen sabe se será un Sabio ou un badoco? ¡Un tal será o herdeiro do que con tanto esforzo conseguín con grande habilidade baixo o sol! Tamén iso é cousa sen xeito.

20A punto estiven de desesperar de toda a fatiga que soportei baixo o sol; 21pois, pon por caso un home que lle debe o que gañou ó seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un grande sen sentido e grande mal.

22Abofé, ¿que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas ó maxín, traballando baixo o sol?

23"Dores todos os días,

molestias do seu loitar,

noites en branco matinando",

¡E isto sonvos tamén andrómenas!

 

Aproveitar a felicidade, que vén de Deus

 

24Non lle resta ó home cousa mellor senón comer e beber e darse boa vida do froito do seu esforzo. E ata estou certo que facer iso pende da man de Deus.

25Pois ¿quen ten de que comer e quen pasa apuros se non é por El?

26O home que lle agrada dálle El sabedoría, ciencia, ledicia; e ó que erra, ponlle coma tarefa recoller e achegar para dalo despois a quen Deus considera. Tamén isto é sen tino e papar ventos.

 

Poema do tempo e a hora

 

Capítulo 3

 

1Todo ten a súa hora, e hai un tempo fixado para cada asunto baixo os ceos:

2Un tempo para nacer, e un tempo para morrer,

un tempo para plantar e un tempo para arrincar o plantado,

3un tempo para asasinar e un tempo para vendar,

un tempo para derrubar e un tempo para edificar,

4un tempo para chorar e un tempo para rir,

un tempo para facer o pranto e un tempo para bailar,

5un tempo para espallar pedras e un tempo para apañalas,

un tempo para abrazar e un tempo para se abster de abrazos,

6un tempo para buscar e un tempo para perder,

un tempo para gardar e un tempo para desbotar,

7un tempo para rachar e un tempo para coser,

un tempo para calar e un tempo para falar,

8un tempo para amar e un tempo para odiar,

un tempo para a guerra e un tempo para a paz.

 

O tempo está na man de Deus

 

9¿Que proveito pode acadar quen se esforza no seu traballo?

10Decateime da tarefa que Deus lles deu ós homes para nela se ocuparen.

11Todo o fixo axeitado no seu tempo, e púxolles na conciencia o senso do inconmensurable, sen que o home descubra a razón da obra que Deus fai desde o principio á fin.

12Recoñecín daquela que non hai cousa mellor para o home que se alegrar, e procurar a felicidade mentres viva.

13Mais tamén que o home coma e beba e o pase ben á conta do seu, é don de Deus.

14Comprendín que todo o que faga Deus durará para sempre:

Nin se lle debe engadir

nin se lle debe toller,

Deus mesmo foi quen o fixo

para que eles o respecten.

15O que sucede xa pasou antes; o que vai vir xa acaeceu; mais Deus pode buscar o que fuxiu.

 

II. Inxustiza na administración

 

16Aínda vin outra cousa baixo o sol: no tribunal, o delito; na sede da orde, a transgresión.

17Pensei para min: tanto ó xusto coma ó impío haos de xulgar Deus, pois:

"Hai un tempo para todo

e para cada acción hai un decreto".

18No tocante ós humanos, matinei deste xeito: próbaos Deus para que vexan que de seu son coma as bestas, 19xa que igual é o destino dos homes e o das bestas: como morre este morre aquel; entrambos teñen o mesmo alento. Nin lle leva o home vantaxe ó bruto, xa que todos son un sopro.

20Todos van dar no mesmo lugar: "Todos veñen do po; todos tornan ó po". 21¿Quen pode saber se o alento dos homes ascende ás alturas ou se o bafo das bestas baixa á terra?

22Decateime que non hai cousa mellor que o que o home se goce das súas obras. Tal é o seu quiñón, pois:

"¿Quen pode darlle a ver

o que virá despois del?"

 

A opresión dos poderosos

 

Capítulo 4

 

1De novo púxenme a observar todas as opresións que se cometen baixo o sol. E velaquí as bágoas de inocentes, sen que ninguén se apiade; vénlles violencia da banda dos opresores, sen que ninguén se apiade.

2E felicitei ós mortos que xa finaron máis felices do que os vivos que han vivir aínda, 3e por riba deles os que nin sequera naceron, pois non ollaron a dura tarefa que acontece baixo o sol.

 

A competencia nos negocios

 

4Teño observado que o traballo todo e toda empresa nace da competencia dos uns cos outros. Iso tamén é efémero e papar ventos:

5"O parvo crúzase de brazos

e consúmese a si mesmo",

6Mais: "Mellor unha man chea, e paz,

ca dúas, e traballo",

.....e papar ventos.

 

III. A soidade e a compaña

 

7Tornei a considerar outra cousa efémera baixo o sol:

8O caso onde hai un e non hai dous: un home sen fillo nin irmán e, con todo, traballando decote sen se dar farto de riquezas. (E non matina: ‑"¿Para quen traballo eu e me privo da felicidade?"). ¡Tamén vos é boa tolemia e esforzo ingrato!

9Mellor son dous ca un: tirarán bo proveito do traballo de entrambos. 10Se caen, un pode axudar ó outro. Mais, ¡malia o só! Cando caia non terá quen o erga. 11E aínda máis: "Dous xuntos a durmir, quecen ben; un só ¿como se quentará?". 12E: "A un só, pódeselle; dous xuntos, resisten". E: "Corda de tres fíos non se rompe axiña".

13Máis vale mozo pobre e listo ca rei vello e parvo, que xa non sabe facerse aconsellar.

14Abofé, aquel sae da cadea para reinar, por máis que nacese pobre durante o reino do outro.

15E observei a todos os viventes que camiñan baixo o sol pórse da parte do mozo aspirante ó trono que collía a sucesión.

16Non se contaba a xente diante da que marchaba.

E non obstante, os vindeiros xa non irán tan ledos; pois tamén isto é un sopro e papar ventos.

 

IV. O comportamento relixioso

 

17Ten conta dos teus pasos cando vaias á casa de Deus: "Achegarse para escoitar é mellor có moito sacrificar dos alpabardas", pois a eses fáltalles siso mesmo para facer o mal.

 

Capítulo 5

 

1Non te precipites coa túa boca; non se che apure o pensamento ó presentares ante Deus o teu afán. Pois Deus está no ceo e ti na terra: ¡sexan poucas as túas verbas!

2Xa que: "No moito se ocupar, vén o sono e nas moitas palabras, a voz do necio".

3Se fas unha promesa a Deus non te demores en cumprila. A Deus non lle compracen os badocos: o que prometiches, ¡cúmpreo!

4"Mellor é non prometer que prometer e non cumprir".

5Non deixes que a túa boca leve o teu corpo a un erro, e non digas despois ó ministro sagrado: equivoqueime. ¿Por que dar motivo para que Deus se irrite polo que dixeches, e destrúa as obras das túas mans?

6Pois: "Onde abundan os soños e as moitas lixeirezas, alí se atopa o exceso de palabras". ¡Teme a Deus, logo!

 

Pobres e ricos

 

7Se ollares na bisbarra ó pobre asoballado, e violados o dereito e a xustiza, ¡non te asombres do asunto!

"Un home nun posto alto vixía ó outro e aínda teñen por riba deles ós seus maiores".

8E, a pesar de todo, sempre é de interese para un país ter un rei que controle a agricultura.

9"O que ama o diñeiro non se dá farto del, e a quen  ama a riqueza non o sacian ganancias"; e tamén isto é vaidade.

10"Co aumento de fortuna, moreas de comensais", e ¿que proveito tira o seu dono, á parte de vela cos seus ollos?

11"Doce é o sono do obreiro, coma pouco ou coma moito", mais a fartura tóllelle a paz ó rico e non dorme.

12Hai un mal de adoecer que eu contemplei baixo o sol: riquezas aforradas por alguén para o seu propio dono.

13A un tal pérdeselle por un casual a facenda nun mal negocio, e o fillo que lle naceu fica coas mans baleiras, 14e: "Como saíu do ventre da súa nai, volta espido como veu".

Non pode levar consigo dos seus bens, nin o que cabe na palma da man.

15Tamén esa é cativa sorte, o terse de ir como se veu.

¿Que vantaxe tirou do seu traballar para o vento?

16Todos os días comendo ás agachadas, e por enriba tantas mágoas, doenzas e xenreiras.

17Velaí, por tanto, o que eu considero o mellor: o que ten conta é comer e beber e gozar da felicidade co que se gañou fatigándose baixo o sol, nos días contados que lle concede Deus a un. Pois tal é a súa herdanza.

18Que a un home lle dea Deus riqueza e bo vivir, e lle permita comer do seu gozando da sorte e aledándose co que posúe, iso si que é don de Deus.

19Non se porá xa tanto a matinar nos días que vai vivir, pois dálle Deus ocupación coa ledicia interior.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com