Capítulos 6 - 8

 

Xardineiro e pastor

 

Capítulo 6

 

1‑¿Para onde foi o teu amigo,

belida entre as mulleres?

¿Cara a onde volveu o teu amigo

e contigo o iremos buscar?

2‑Baixou o meu amigo ó seu horto,

vai nas matas do bálsamo;

foi pastar no xardín

e facer a colleita de lirios.

 

3Eu son do meu amigo

e o meu amigo é meu,

que pasta nos lirios.

 

Medo

 

4‑Fermosa es ti, miña amada, coma Tirsah,

xentil coma Xerusalén,

terrible cal batallón, pendóns ó vento.

5¡Torna os ollos de min

que me fan arrepiar!

Os teus cabelos son fato de cabuxas

que baixan serpeando do Galaad.

6Os teus dentes, grea de ovellas nais

subindo do lavado,

todas elas preñadas de xemelgos,

e ningunha hai maniña.

7Rebandas de granada son as túas meixelas

por entre o teu veo.

 

Fachenda

 

8Se son sesenta as raíñas,

oitenta as favoritas

e sen conta as doncelas,

9só unha é a miña pomba,

a máis perfecta,

a única de súa nai,

preferida daquela que a xerou.

Vírona as donceliñas, e gabárona,

as raíñas e favoritas, e loárona.

 10‑"¿Quen é esta que está a xurdir coma a alborada,

fermosa coma a lúa chea,

a brillar coma o sol,

terrible cal batallón, pendóns ó vento?"

 

11Ao nogueiral baixei

ver xermolar as palmas,

ollar se agroma a vide

e florecen os granados.

 

12Non sei o que me pasa

pois que me puxo a tremer

ela, a filla de xentes nobres.

 

Danza da Xulamita

 

Capítulo 7

 

1‑¡Vira, vira, Xulamita!

¡Vira, vira, que te estamos a ollar!

‑¿Que estades a ollar para a Xulamita

cando se pon a bailar na regueifa?

2‑¡Que xeitoso o teu puntear nas sandalias,

filla de nobre!

As curvas dos teus cadrís son coma aneis,

feitura de man de artista.

3O teu embigo, unha cunca en media lúa,

non terá falta de licor.

O teu ventre é monllo de trigo

cinguido de lirios.

4Os teus peitos son coma dúas crías

xemelgas de gacela.

5O teu pescozo, cal torre de almafí.

Os teus ollos, estanques de Hexbón

xunto á porta de Bat-Rabim.

É o teu perfil coma a torre do Líbano

que vixía Damasco.

6Tes ergueita a cabeza coma o Carmelo;

son as túas trenzas da color da púrpura.

¡Un Rei prenderíase nos teus rizos!

 

Palmeira

 

7¡Que belida ti es, que agarimosa,

meu amor apaixonado!

8O teu van seméllase á palmeira

e os teus peitos ós acios.

9E dixen eu: ¡Subir hei á palmeira

e coller hei os dátiles!

Serán para min os teus peitos coma acios de vide,

e o teu alento, un aroma de mazás.

10O teu bicar é un viño xeneroso

que corre dereitiño

esvarando por labios e por dentes.

 

11‑¡Eu son do meu amigo, e de min a súa arela!

 

Don na aberta campía

 

12‑Ven, meu amigo, e saiamos para o campo;

pasaremos a noite nos lugares,

13e nas viñas habemos de espertar;

veremos se xa xermola a vide,

se xa agroman as flores

e están a abrochar os granados;

alí hei darche os meus agarimos.

 

14As mandrágoras dan a súa fragrancia;

hai xunto ás nosas portas mil froitos cobizosos,

dos novos e dos secos,

que eu reservei, amigo, para ti.

 

Se foses meu irmán

 

Capítulo 8

 

1¡Quen te me dera coma irmán,

criado ós peitos de miña nai!

Se te atopase na rúa,

poderíache dar un bico

e ninguén me aldraxaría.

2Traerte había eu e meterte

na casa da que me criou.

Daríache a beber un viño mesturado,

o doce mosto das miñas granadas.

3Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza,

coa súa dereita unha aperta me está a dar.

 

4¡Conxúrovos, meniñas de Xerusalén,

non espertedes nin desveledes o Amor

ata que el queira!

 

5‑¿Quen é esta que sobe da estepa

do brazo xa do seu amigo?

 

‑Baixo a maceira esperteite,

onde túa nai te deu a luz,

onde por ti sufriu quen te xerou.

 

6¡Márcame coma un selo no corazón,

coma un selo no teu brazo!

Pois é rexo coma a morte o Amor,

duros coma o Xeol son os celos;

son os seus lóstregos coruscar de lume,

divina labarada.

7Mil torrentes non o poden amatar

nin alagalo a riada.

Se alguén quixese dar

todo o haber da súa casa en pago do Amor,

ben sería escarnecido.

8Temos unha irmanciña que aínda non ten peitos:

¿Que faremos nós da nosa irmá

o día en que a veñan pretender?

9Se é coma unha muralla,

sobre ela construiremos un amear de prata;

se é coma unha porta,

contra ela afincaremos un taboado de cedro.

 

10Son eu unha muralla, son torres os meus peitos,

e fíxenme ós seus ollos coma a que porta a paz.

 

11Salomón tivera unha viña en Baal-Hamón

e cedeuna ós parceiros,

que lle han arrendar polo froito

ata mil siclos de prata.

12O que é a miña viña, ¡sérveme só a min!

¡Para ti os miles, Salomón,

e dálles aínda douscentos ós que che gardan as rendas!

13Ti, a que moras nos hortos,

¡os compañeiros están a escoitarte!

¡Faime sentir a túa voz!

 

14¡Fuxe, meu amigo, e seméllate

á gacela ou ó cervo noviño

polos montes de bálsamo!

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com