CAPÍTULOS 1-5

PARTE PRIMEIRA

 

CAPÍTULO 1

 

Ritual do holocausto

 

1Chamou o Señor a Moisés desde a Tenda do Encontro e díxolle: 2‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Cando un de vós queira ofrecer ó Señor unha oblación de animais, poderá ser de gando maior ou menor.

3Se a súa oblación fose holocausto de boi, deberá ser macho sen chata. Presentarao á porta da Tenda do Encontro e ofrecerao para que sexa aceptable na presenza do Señor, 4impondo a súa man sobre a cabeza da vítima, para que sexa do agrado do Señor e lle sirva de expiación. 5Sacrificará o xato diante do Señor e os sacerdotes, fillos de Aharón, ofrecerán o sangue, verténdoo arredor enriba do altar, que está á porta da Tenda do Encontro. 6Despelexarán a vítima e, despois de a cortaren en anacos, 7os sacerdotes, fillos de Aharón, acenderán o lume sobre o altar e axeitarán a leña enriba do lume. 8Os mesmos sacerdotes, fillos de Aharón, disporán os anacos, a cabeza e a graxa enriba da leña, que axeitarán no lume do altar; 9despois de lavar as entrañas e as patas con auga, o sacerdote fará queimar todo xunto sobre o altar, como holocausto de recendo para o Señor.

10Se a súa oblación fose de gando miúdo, isto é, de ovella ou de cabra, para holocausto, só poderá presentar un macho sen chata. 11Sacrificarao no lado norte do altar diante do Señor, e os sacerdotes, fillos de Aharón, verterán o sangue arredor enriba do altar. 12Cortarase logo nos anacos de costume, e xunto coa cabeza e a graxa da vítima o sacerdote disporá todo enriba da leña colocada sobre o lume. 13Lavaranse con auga os intestinos e as patas e o sacerdote presentará e queimará todo xunto sobre o altar, como holocausto de recendo para o Señor.

14Se a súa oblación fose de ave, para ofrecer en holocausto ó Señor, terán que ser rulas ou pombiños de pomba, como ofrenda súa. 15O sacerdote presentará sobre o altar a vítima, arrincaralle a cabeza e queimaraa enriba do altar; despois espremeralle o sangue contra a parede do altar, 16arrincaralle o papo e as plumas e tirará con elas no lado leste do altar para o sitio da cinsa; 17quebraralle logo as ás, pero sen llas arrincar, e o sacerdote queimará a vítima no altar en riba da leña colocada sobre o lume. Será un holocausto de recendo para o Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

Ofrendas

 

1Se alguén quere facer unha oblación á honra do Señor, terá que ser de flor de fariña, engadíndolle aceite e botándolle incenso enriba. 2Deberállela presentar ós sacerdotes, fillos de Aharón. O sacerdote collerá dela unha presa da súa flor de fariña, parte do seu aceite e todo o incenso, e queimarao sobre o altar aceso, como lembranza de recendo para Iavé. 3O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto á honra do Señor.

4Cando ofrezas unha oblación cocida no forno, ha de ser un molete de flor de fariña sen fermento adobada con aceite, e boliños sen fermento amasados con aceite. 5Se a oblación fose fritida na tixola, ha de ser de flor de fariña sen fermento mesturada con aceite; 6cortarala en rebandas e botaraslle enriba aceite: é unha oblación. 7Se a túa oblación fose cocida, terá que ser de flor de fariña con aceite. 8Levarás, pois, ó Señor a ofrenda preparada destas diferentes maneiras e presentaraslla ó sacerdote, que a porá sobre o altar. 9O sacerdote quitará da oblación a lembranza e queimaraa no altar como holocausto de recendo para o Señor. 10O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto para o Señor.

11Toda oblación que lle fagades ó Señor ha de ser preparada sen fermento, porque non se debe queimar en holocausto ó Señor ningunha ofrenda con fermento ou mel. 12Poderédelas ofrecer como oblación de primicias ó Señor, pero non as queimaredes no altar como recendo para o Señor. 13Ademais disto, sazonarás con sal toda oblación, endexamais faltará o sal da alianza do teu Deus en ningunha das túas ofrendas. Porás sal por riba de toda oblación túa. 14Se ofreces oblación de primicias ó Señor, presentarás espigas sen madurar, torradas no lume, debullando os seus grans tenros, como oblación das túas primicias; 15botaraslles aceite enriba e poraslles incenso, pois é unha oblación. 16O sacerdote queimará a lembranza, parte dos grans debullados e parte do aceite e todo o incenso, como holocausto para o Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Sacrificios de comuñón

 

1Cando alguén queira ofrecer un sacrificio de comuñón, e o fai de gando maior, presentará diante do Señor unha res sen chata, macho ou femia. 2Imporá a súa man sobre a cabeza da súa vítima e sacrificaraa no limiar da Tenda do Encontro. Os sacerdotes, fillos de Aharón, asperxerán co sangue por enriba do altar e arredor. 3Da vítima do sacrificio de comuñón ofrecerá en holocausto para o Señor o unto que envolve as entrañas e todas as graxas que envurullan o intestino, 4os dous riles coa graxa que os envolve, a graxa que hai nas illargas e a que foi separada do fígado, ademais da dos riles. 5Os fillos de Aharón queimarán todo isto enriba do altar, xunto coa oblación que se pon enriba da leña, colocada sobre o lume, como holocausto de recendo para o Señor.

6Se a ofrenda fose de gando miúdo, como sacrificio de comuñón ó Señor, terase que ofrecer unha res sen chata, macho ou femia. 7Se a súa ofrenda é un año, presentarao diante do Señor, 8imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificaraa diante da porta da Tenda do Encontro. Os fillos de Aharón asperxerán co sangue o altar por riba e arredor. 9Da vítima do sacrificio de comuñón quitará para ser queimada en honor do Señor o lardo todo, o rabo enteiro, cortado a rentes da espiña, as graxas que envolven as entrañas e todo o unto dos intestinos, 10os dous riles coa graxa que os envurulla, a graxa das illargas e a membrana que envolve o fígado, ademais dos riles. 11O sacerdote queimará todo no altar, como holocausto de recendo para o Señor.

12Se a súa ofrenda fose unha cabra, presentaraa diante do Señor, 13imporá a súa man sobre a cabeza da vítima, sacrificaraa diante da Tenda do Encontro, e os fillos de Aharón asperxerán co sangue da vítima por riba do altar e arredor. 14Da súa vítima, para ofrecer como holocausto ó Señor, sacará o lardo que envurulla as entrañas, o unto todo dos intestinos, 15os dous riles coa graxa que os envolve, o lardo que cobre o fígado, ademais do dos riles. 16O sacerdote queimará todo enriba do altar como holocausto de todas as graxas, recendo para o Señor. 17Estatuto perpetuo por todas as xeracións vosas onde queira que habitedes: endexamais probaredes bocado de graxa, nin sangue".

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Sacrificios de expiación

 

1O Señor díxolle a Moisés: 2‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Calquera que peque, sen o saber, contra un mandamento de Iavé, facendo algo que El privou de facer, entón: 3Se o que peca é o Sumo Sacerdote, o unxido ‑que, como tal, fai culpable ó pobo‑, ofrecerá polo pecado cometido en prexuízo do pobo un xato de boi sen chata á honra do Señor. 4Levará o xato diante do Señor á porta da Tenda do Encontro, imporá a súa man sobre a cabeza do becerro, e sacrificarao alí diante do Señor. 5O sacerdote, o unxido, collerá do sangue da vítima e entrará na Tenda do Encontro. 6Mollará o sacerdote os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo do santuario. 7Tinguirá despois o sacerdote co sangue as esquinas do altar do incenso recendente, que está diante do Señor na Tenda do Encontro, e todo o resto do sangue da vítima verterao ó pé do altar dos holocaustos, situado no limiar da Tenda do Encontro. 8Collerá logo toda a graxa do xato do sacrificio expiatorio, tanto a que envolve as entrañas, coma o unto dos intestinos, 9os dous riles coa graxa que os envurulla, a que ten nas illargas e a membrana que envolve o fígado e os riles, 10e dun xeito semellante a como se fai co becerro do sacrificio de comuñón, o sacerdote queimarao no altar dos holocaustos. 11Emporiso a pelica do xato, toda a súa carne, a cabeza, as patas, as entrañas e excrementos, 12todo o resto do becerro será levado fóra do campamento a un lugar puro, onde se botan as cinsas: alí será queimado enriba da leña. O becerro será queimado no mesmo lugar onde se botan as cinsas.

13Se quen peca é toda a comunidade de Israel, pero non se decata a comunidade de que fai algo que o Señor privou de facer, 14cando a comunidade se decate do pecado cometido, ofrecerá polo pecado un xato. Presentarao diante da Tenda do Encontro. 15Os patrucios da comunidade imporán as súas mans sobre a cabeza do xato diante do Señor, e sacrificarano diante do Señor. 16O sacerdote, o unxido, levará do sangue da vítima para a Tenda do Encontro, 17mollará os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo, 18tinguirá con sangue as esquinas do altar, que está na Tenda do Encontro diante do Señor, e verterá todo o resto do sangue ó pé do altar dos holocaustos, que está no limiar da Tenda do Encontro. 19Recollerá toda a súa graxa e queimaraa no altar, 20facendo con esta vítima como fixera co xato do sacrificio expiatorio. O sacerdote fará con el a expiación pola comunidade e serán perdoados. 21Levará o xato fóra do campamento e queimarao, como queimaran o xato anterior, como sacrificio de expiación polo pecado da comunidade.

22Se o que peca é un xefe, facendo algo sen se decatar de que Iavé, o seu Deus, o privou de facer, 23cando se decate de que cometeu un pecado, ofrecerá como sacrificio un chibo, macho sen chata. 24Imporá a súa man sobre a cabeza do chibo, e sacrificarao no lugar adoitado para matar as vítimas do holocausto diante do Señor, pois é un sacrificio expiatorio. 25O sacerdote collerá do sangue do animal e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos. O resto do sangue verterao ó pé do mesmo. 26Despois queimará todas as graxas no altar, como fixera co unto do sacrificio de comuñón. Desta maneira expiará o sacerdote polo seu pecado, e seralle perdoado.

27Se o que peca é un calquera do pobo, facendo, sen decatarse, algo que o Señor privou de facer, 28cando se decate de que cometeu pecado, ofrecerá como sacrificio, unha cabra, femia sen chata, para expiar polo pecado cometido. 29Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificará a cabra no lugar dos holocaustos. 30O sacerdote collerá do sangue da cabra e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos e o resto do sangue verterao ó pé do altar. 31Separará toda a súa graxa, como fora separada a graxa do sacrificio de comuñón, e queimaraa o sacerdote no altar como recendo para o Señor. O sacerdote expiará por el, e seralle perdoado. 32Se ofrece un año como sacrificio polo seu pecado, presentará unha femia sen chata. 33Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificaraa en expiación no lugar no que se adoita matar as vítimas do holocausto. 34O sacerdote collerá do sangue, e cos seus dedos tinguirá con el as esquinas do altar do holocausto, e todo o sangue restante verterao ó pé do altar. 35Recollerá toda a graxa, como fixera coa graxa do año do sacrificio de comuñón, e queimaraa no altar, xunto coas vítimas queimadas ó Señor. O sacerdote expiará así pola tal persoa, por causa do seu pecado, e seralle perdoado.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Expiación dos pecados de impureza ritual

 

1Se unha persoa peca porque, citado con xuramento como testemuña de vista ou de oído, non declarou, cargará coa súa culpa. 2Se alguén, sen se decatar, toca algo impuro, coma o cadáver dunha fera impura, ou o dun animal impuro, ou o dun réptil impuro, cando se decate diso, faise impuro e culpable. 3Igualmente se, sen se decatar, toca algunha impureza humana de calquera caste das impurezas que manchan, cando se decate, faise culpable. 4Se alguén, sen se decatar, fai un xuramento cos seus labios, sexa para mal ou para ben, dicindo as verbas coas que a xente adoita xurar, cando se decate, faise culpable. 5Se de calquera maneira alguén se fixo culpable, declare o pecado cometido 6e, como expiación por tal pecado, presentará diante do Señor unha vítima de gando miúdo, femia de ovella ou cabra, e o sacerdote fará con ela a expiación polo delito. 7Se non tivese nin sequera unha res de gando miúdo, ofrecerá a Iavé polo pecado cometido dúas rulas ou dous pombiños de pomba, un como expiación polo pecado e o outro como holocausto. 8Presentarallos ó sacerdote e ofrecerá primeiro o da expiación polo pecado, retorcéndolle polo pescozo a cabeza sen lla arrincar. 9Co sangue da vítima asperxerá as paredes do altar, e verterá o resto do sangue ó pé do altar. É unha expiación polo pecado. 10Despois ofrecerá a do holocausto, seguindo o rito acostumado, e o sacerdote fará con el a expiación polo pecado, e seralle perdoado. 11Pero se nin sequera ten dúas rulas nin dous pombiños, ofrecerá, como oblación súa polo seu pecado, a décima parte dun efah  de flor de fariña, sen lle botar aceite, nin lle pór incenso, por ser ofrenda polo pecado. 12Levaralla ó sacerdote, quen collerá unha presa da fariña, como lembranza, e queimaraa no lume do altar do Señor. É un sacrificio polo pecado. 13Con isto o sacerdote expiará o pecado cometido dalgunha destas maneiras e quedaralle perdoado. O resto da ofrenda pertence ó sacerdote, como na oblación normal".

 

Sacrificios de reparación

 

14O Señor díxolle a Moisés: 15‑"Se alguén comete, sen se decatar, un pecado de fraude, diminuíndo algo das ofrendas consagradas ó Señor, presentará do seu gando miúdo, como reparación ó Señor, un carneiro sen chata; avaliarao en siclos de prata, conforme se adoita no santuario, como sacrificio de expiación. 16Polo prexuízo causado ó santuario, sacando do consagrado, devolverá todo engadíndolle un quinto máis. Entregarallo ó sacerdote, quen coa ofrenda do carneiro, expiará polo pecado, e seralle perdoado. 17Calquera que teña pecado, facendo, sen se decatar, algo que o Señor privou de facer, faise culpable ó coñecelo, e queda obrigado a expiar a súa culpa. 18Presentará ó sacerdote un carneiro do seu gando miúdo sen chata, avaliado en proporción ó delito, e con el expiará o sacerdote polo pecado cometido sen decatarse do que facía, e quedaralle perdoado. 19É unha reparación, unha verdadeira reparación diante do Señor".

 

Fraude nos bens do próximo

 

20O Señor díxolle a Moisés: 21‑"Se alguén peca, facendo un fraude contra o Señor por negarlle ó seu próximo algún empréstemo, ou algún diñeiro que lle deran a gardar ou non devolve a cousa peñorada, ou lle rouba algo pola forza ó seu próximo, 22ou se non quere entregar o obxecto alleo atopado, ou xura en falso nalgún dos casos nos que adoitan facelo os homes, pecando con iso: 23se alguén peca dalgunha destas maneiras, terá que devolver todo canto negou, ou roubou, ou usurpou pola forza; ou se quedou co diñeiro que lle deran a gardar, ou non entregou a cousa perdida que atopou, 24e por calquera das cousas polas que xurou en falso, devolverao todo e engadirá un quinto máis, e entregarao el mesmo en persoa ó seu dono no mesmo día en que faga a reparación do seu delito. 25Como reparación ó Señor ofrecerá por medio do sacerdote un carneiro do seu gando, sen chata, de conformidade coa súa taxación. 26O sacerdote expiará con el diante do Señor, e seralle perdoado o seu pecado, calquera que fose a cousa que fixo".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com