Capítulos 1- 4

Introdución: Estranxeiros na terra de Moab

 

Capítulo 1

 

1E aconteceu polos días en que gobernaban os Xuíces, que había fame no país, e foi un home de Belén de Xudá emigrar ás chairas de Moab, coa súa muller e mais os dous fillos. 2O nome do individuo era Elimélec, e o da muller, Noemí; e os nomes dos dous fillos, Mahlón e Quilión (efrateos, de Belén de Xudá). E chegaron ás chairas de Moab e moraron alí.

3Morreu Elimélec ‑o home de Noemí‑ e quedou ela cos dous fillos.

4E procuraron para eles mulleres moabitas: o nome da primeira, Orpah, e o nome da segunda, Rut; e residiron alí arredor de dez anos.

5Morreron tamén eles dous ‑Mahlón e Quilión‑ e quedou a muller sen os dous fillos e sen home.

 

O retorno á terra de Xudá

 

6E ergueuse ela coas súas noras para volveren das chairas de Moab, pois oíu na terra cha de Moab que o Señor se lembrara do seu pobo e lles dera pan.

7Saíu do lugar onde estivera e con ela as dúas noras; e ían de camiño para volveren á terra de Xudá. 8E dixo Noemí ás dúas noras: ‑"Andade, volvede cada unha á casa da vosa nai, e que o Señor vos trate con piedade, como fixestes vós cos finados e comigo. 9Que o Señor vos conceda a cada unha atopardes acougo na casa do voso home". E bicounas; elas deron laídos e romperon a chorar. 10E dixéronlle a ela: ‑"Nós imos contigo para o teu pobo". 11Respondeulles Noemí: ‑"Volvede, miñas fillas: ¿por que teimades ir comigo? ¿E logo hei de ter eu máis fillos nas miñas entrañas, que volos poida dar como maridos? 12Voltade, oh, miñas fillas, ídevos, pois eu volvinme vella para coller marido; e, aínda que dixese "teño aínda esperanza" e   conseguise marido xa esta noite, e mesmo xerase fillos, 13¿logo vosoutras agardariades por eles, sen collerdes marido? Non, miñas fillas: máis tristura é a miña cá vosa e botouma enriba a man do Señor". 14Laiaron e romperon a chorar outra vez. E bicou Orpah á súa sogra, pero Rut apegouse a ela. 15E dixo Noemí: ‑"Velaquí que a túa cuñada volveu ó seu pobo e ó seu deus: volta ti detrás da túa cuñada". 16Respondeu Rut: ‑"Non me pidas que te deixe, que me arrede de onda ti, pois, a onde vaias ti, irei tamén eu, e onde te acollas, acollereime eu contigo; o teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus. 17Onde morras, alí morrerei eu e alí haberanme de enterrar. ¡Que o Señor me faga isto e engada aquilo, se non é a morte a que me arrede de ti!" 18E viu Noemí que  teimaba no de ir con ela e deixou de porfiar. 19E foron as dúas xuntas ata que chegaron a Belén. E aconteceu que, en chegando a Belén, rebuliu toda a vila por mor delas; e dicían: ‑"¿E logo non é esta Noemí?" 20Pero ela dicíalles: ‑"Non me chamedes Noemí: chamádeme Marah, porque o Omnipotente encheume de amargura. 21Marchei chea e o Señor fíxome volver baldeira. ¿Por que entón me chamades Noemí, se o Señor declarou contra min e carrexoume o mal o Todopoderoso?"

22Deste xeito volveu Noemí coa súa nora Rut, a moabita, que viña das chairas de Moab. E chegaron a Belén ó comezo da seitura da cebada.

 

Rut e Boaz nos terreos

 

Capítulo 2

 

1Tiña Noemí un parente por parte de seu marido, un home honorable, da familia de Elimélec; e chamábase Boaz.

2E dixo Rut, a moabita, a Noemí: ‑"Déixame ir ó campo, apañar as espigas detrás daquel en quen hei de atopar benquerenza". E respondeulle ela: ‑"¡Vai, miña filla!" 3Foi ela e, en chegando, púxose a espigar no agro detrás dos seitureiros. E levouna a súa fada a unha leira do agro de Boaz (o que era da familia de Elimélec). 4E velaquí que Boaz chegou de Belén e díxolles ós xornaleiros: ‑"¡Que o Señor sexa convosco!" E respondéronlle: ‑"¡Que o Señor te bendiga!"  5E dixo Boaz ó seu criado ‑o sobreposto ós seitureiros‑: ‑"¿De quen é esa moza?" 6E respondeu o criado, o capataz dos seitureiros: ‑"É unha moza moabita, que volveu con Noemí das chairas de Moab, 7e dixo: ¿podo espigar e rebuscar entre as gavelas detrás dos seitureiros? E púxose, e estivo de pé desde esa ‑pola mañanciña‑, ata agora, sen a penas repouso: o que descansou ela na casa foi ben pouco".

8E dixo Boaz a Rut: ‑"¿Óesme, miña filla? Non vaias espigar a outro agro, nin tampouco saias deste; máis ben xúntate coas miñas criadas; 9fíxate ben no agro que segan e vaite detrás delas, que xa lles deixo eu dito ós mozos que non che rifen. E, cando teñas sede, vai ás olas e bebe do que sacan os xornaleiros". 10Entón ela abateuse, prostrándose por terra, e díxolle a el: ‑"¿Por que atopei benquerenza ós teus ollos, para reparares en min, sendo como son unha estranxeira?" 11E respondeulle Boaz: ‑"Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra despois da morte do teu home, e como deixaches a teu pai, a túa nai, e a túa terra natal, para vires a un pobo que antes non coñecías. 12Que o Señor bendiga  o teu proceder e sexa completo o teu galardón da parte do Señor, Deus de Israel, xa que viñeches ampararte baixo as súas ás". 13E dixo ela: ‑"Atope eu benquerenza ós teus ollos, meu señor, pois me confortaches e porque falaches ó corazón da túa serva, sen ser eu sequera unha das túas criadas".

14E, ó tempo de xantar, díxolle Boaz: ‑"Achégate aquí e come do pan, molla o teu codelo no vinagre". Entón ela sentouse a carón dos segadores; el ofreceulle unha espiga torrada, e comeu ela ata fartarse, e aínda lle sobrou.

15Ergueuse ela para espigar e deu orde Boaz ós seus criados, dicindo: ‑"Que recolla tamén entre as gavelas sen que a rifedes; 16e mesmo habédeslle deixar caer algo das gavelas e permitídelle recollelo, sen lle berrardes".

17Daquela apañou no campo ata o serán e desgranou o que recollera, que resultou ser coma un efah de cebada.

18Ergueuno, e chegou á vila,  amosoulle á súa sogra o que recollera; e, de seguido, sacou e deulle o que lle sobrara da súa fartura. 19E díxolle a sogra: ‑"¿Onde apañaches hoxe e como fixeches? ¡Bendito sexa o que reparou en ti!" E contoulle á súa sogra de quen apañara, dicindo: ‑"O nome da persoa con quen traballei hoxe é Boaz". 20E díxolle Noemí á nora: ‑"Bendito sexa do Señor, pois non esqueceu a súa piedade cos vivos nin cos mortos". E engadiu: ‑"Ese home é o noso parente, un dos nosos goeles". 21E dixo Rut, a moabita: ‑"Díxome tamén el: podes andar canda os meus criados, ata que rematen a miña seitura". 22E díxolle Noemí a Rut, súa nora: ‑"Mellor é, miña filla, que saias coas súas criadas, que non que che rifen noutro agro".

23E xuntouse coas criadas de Boaz para espigar ata o remate da seitura da cebada e da ceifa do trigo, pero moraba onda a súa sogra.

 

Rut e Boaz na eira

 

Capítulo 3

 

1E díxolle Noemí, a sogra: ‑"¡Miña filla! ¿E logo non che hei de buscar un porvir que te faga feliz? 2¿E non é Boaz ‑o das criadas coas que estiveches‑ o noso parente? Velaquí que esta noite vai aventar os montóns da cebada na eira. 3Así que lávate ben e únxete, viste o manto, baixa á eira e non te deixes albiscar ata que el remate de comer; 4e, cando el se deite e ti saibas o lugar onde xace, vas e destápaslle os pés, e déitaste; e xa che amosará el o que tes que facer". 5E respondeulle ela: ‑"Todo o que me dixeches, heino facer".

6E baixou á eira e fixo tal como lle mandara a sogra. 7Comeu Boaz e bebeu, aledou o seu corazón e foise deitar a carón da morea de gran. E chegou ela ás caladiñas, descubriulle os pés e deitouse.

8E aconteceu arredor da media noite que o home arrefría; e, ó virarse, apercibiuse de que había unha muller deitada ós seus pés. 9E dixo el: ‑"¿Quen es ti?" Respondeulle ela: ‑"Son Rut, a túa serva: estende as túas ás sobre a túa serva, pois es o seu redentor". 10E el exclamou: ‑"¡Bendita sexas do Señor, miña filla!: este teu novo acto de piedade foi aínda mellor có primeiro, pois non fuches detrás dos mozos (xa fosen pobres ou ricos). 11E agora, miña filla, non teñas medo: fareiche todo o que me digas, pois ben coñece toda a veciñanza que es unha muller exemplar. 12Agora ben, é certo que eu son o teu redentor; pero tamén é verdade que hai un redentor máis achegado ca min. 13Ti deixa pasar esta noite, e pola mañá, se lle parece ben ser o teu redentor, que sexa; e, se non gusta de ser o teu protector, vive Deus que o hei ser eu. Ti déitate ata a mañá".

14E estivo deitada ós seus pés ata a mañá. El ergueuse antes de que un puidese recoñecer a seu veciño, pois pensaba: "¡Que non se saiba que esta muller veu á eira!" 15E dixo:‑"Achégame o manto que levas enriba, prémeo ben, e terma del". E mantívoo ela, el mediulle seis efahs de cebada, e ergueullos, e foi para a vila.

16Chegou ela onda a sogra, quen lle preguntou:‑"¿Como che foi, miña filla?" E contoulle todo o que aquel home fixera por ela. 17E engadiu: ‑"Deume eses seis efahs de cebada, pois dixo: Non chegarás baldeira onda a túa sogra".

18E díxolle Noemí: ‑"Fica tranquila, miña filla, ata que coñezas como acaba o asunto, pois ese home non acougará se non o remata hoxe".

 

O trato ás portas da vila

 

Capítulo 4

 

1Boaz subiu á porta da vila e sentouse alí. Velaquí que pasaba o redentor do que falara Boaz; e díxolle este: ‑"¡Oes, fulano! Fai favor, ven para acó e senta". E foi el, e sentou.

2E colleu Boaz a dez homes de entre os anciáns da vila e dixo: ‑"Sentade aquí". E sentaron.

3E díxolle ó redentor: ‑"Noemí, que volveu da chaira de Moab, puxo en venda a leira que era de noso irmán Elimélec. 4E eu resolvín: ¡teño que llo facer saber...! Daquela dígoche: mércaa, diante dos veciños e diante dos anciáns do meu pobo, se queres de verdade facer de redentor. E se non vas facer de redentor, dimo, pois seica non hai antes ca ti outro responsable, e eu son o que te segue". E díxolle o outro: ‑"Redimo eu". 5E proseguiu Boaz: ‑"No día en que compres a leira das mans de Noemí, conseguirás tamén a Rut, a moabita ‑muller do finado‑, para facer rexurdir o nome do morto na súa herdanza". 6E dixo o redentor: ‑"Non me é posible facer de protector sen danar a miña herdanza: que pase a ti a prioridade e ti redimirás, pois a min non me é doado redimir". 7(E este era antes o costume en Israel, no tocante á institución do redentor e ás permutas, para testemuñar calquera feito: o home quitaba o seu zapato e dáballo ó veciño; e isto servía de norma en Israel).

8E dixo o responsable a Boaz: ‑"Cómpraa ti". E quitou o zapato.

9Daquela dirixiuse Boaz ós anciáns e a todo o pobo deste xeito: ‑"Vós sodes hoxe as testemuñas de que compro das mans de Noemí todo o que era de Elimélec, e todo o de Quilión e de Mahlón. 10E tamén adquiro para min como muller a Rut a moabita, a muller de Mahlón, para facer rexurdir o nome do finado na súa herdanza, e que así non desapareza de entre os seus irmáns nin das portas do seu lugar. Vós quedades hoxe de testemuñas". 11E todo o pobo que estaba á porta, e mais os anciáns, dixeron: ‑"¡Testemuñas somos! ¡Que o Señor faga á muller que entre na túa casa semellante a Raquel e mais a Lea, que edificaron elas dúas a casa de Israel!

¡Cobra forza en Efratah;

acada renome en Belén!

12e, pola descendencia que o Señor che dea desa moza, sexa a túa casa como a casa de Peres, o que lle xerou Tamar a Xudá".

 

O nacemento do neno

 

13Colleu Boaz a Rut e foi a súa esposa; uniuse a ela, deulle a ela o Señor a preñez e pariu un fillo.

14E dicíanlle as mulleres a Noemí: ‑"¡Loado sexa o Señor, que non deixou que che faltase hoxe un protector! ¡Que o seu nome sexa proclamado en Israel! 15El será para ti quen che volva o alento e será o sustento da túa vellez, pois pariuno a túa nora, que tanto te quere, e que é para ti mellor ca sete fillos".

16E colleu Noemí o neno, púxoo no colo, e fíxolle de neneira. 17As veciñas dábanse parabéns e dicían: ‑"Naceulle un neno a Noemí". E chamáronlle Obed. El foi o pai de Ixaí, pai de David.

 

Apéndice: Xenealoxía de David

 

18Estas son as xeracións de Peres:

Peres xerou a Hesrón; 19e Hesrón xerou a Ram, e Ram xerou a Aminadab; 20e Aminadab xerou a Nahxón, e Nahxón xerou a Salmah; 21e Salmah xerou a Boaz, e Boaz xerou a Obed; 22e Obed xerou a Ixaí, e Ixaí xerou a David.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com