Capítulos 6-10

Exaltación de Mardoqueo e ruína de Hamán

 

Capítulo 6

 

1Aquela noite fóiselle o sono ó rei e mandou traer o libro das lembranzas antigas e foron lidas na presenza do rei. 2E atoparon o escrito no que se contaba que Mardoqueo denunciara a Bigtán e a Tarra, dous eunucos do rei, dos que gardaban a porta, que intentaran estender a man contra o rei Axuero. 3O rei preguntou: ‑"¿Que homenaxe se lle fixo e que recompensa se lle deu por isto a Mardoqueo?". Respondéronlle os cortesáns do rei, os seus servos: ‑"Non se lle fixo nada".

4Entón dixo o rei: ‑"¿Quen está no patio?". Naquel mesmo intre chegaba Hamán ó patio do pazo real, que viña de fóra para lle pedir ó rei que pendurase a Mardoqueo do alto do madeiro, que mandara erguer para el. 5Os camareiros comunicáronlle ó rei: ‑"Hamán está no patio". O rei díxolles: ‑"Que entre". 6Entrou Hamán e preguntoulle o rei: ‑"¿Que se lle debería facer a un home a quen o rei quere homenaxear?". Hamán cavilou para si: ‑"¿A quen vai querer honrar o rei máis ca a min?". 7Entón Hamán respondeulle ó rei: ‑"O home a quen o rei quere homenaxear, 8que lle traian as roupas con que se veste o rei, e o cabalo do rei, que leva na cabeza a coroa real. 9O máis importante dos ministros do rei, o primeiro, que recolla os vestidos e o cabalo do rei e que vista ó home a quen o rei quere honrar e que o poña no seu cabalo e que o leve polas prazas da cidade pregoando diante del: Velaquí como se lle debe facer ó home a quen o rei quere homenaxear".

10Entón o rei díxolle a Hamán: ‑"Vaite de seguido e colle o vestido e mais o cabalo que dixeches e faille todo isto ó xudeu Mardoqueo, que está sentado á porta do pazo e non suprimas nada de todo o que dixeches".

11Hamán colleu o vestido e o cabalo, vestiu a Mardoqueo, sentouno no cabalo no medio da praza da cidade e ía berrando diante del: ‑"Así se lle fai ó home a quen o rei quere homenaxear persoalmente".

12Mardoqueo volveu para a porta do pazo e Hamán foi para a súa casa chorando e coa cabeza encuberta. 13Contoulle Hamán á súa muller Zérex e a todos os seus amigos canto lle acontecera e dixéronlle os seus amigos e súa muller Zérex: ‑"Se Mardoqueo, diante do que xa tiveches que humillar a cabeza, pertence á raza xudía, non o poderás vencer, senón que caerás sen remedio diante del". 14Aínda lle estaban falando cando chegaron os eunucos do rei buscar de présa a Hamán para levalo ó convite que lle preparara Ester.

 

Ester salva ó seu pobo e Hamán é aforcado

 

Capítulo 7

 

1O rei e Hamán foron de contado ó convite preparado pola raíña Ester. 2O rei preguntoulle a Ester, tamén o segundo día, despois de comer e beber: ‑"¿Cal é a túa petición, raíña Ester? Serache concedida; e ¿cal é a túa arela? Daráseche ata a metade do reino". 3A raíña Ester, respondendo, dixo: ‑"Meu rei, se achei graza ós teus ollos, e se ó rei lle prace, concédaseme a miña vida: esta é a miña petición; e a vida do meu pobo: este é a miña arela; 4pois fomos vendidos eu e o meu pobo, para sermos borrados, aniquilados e exterminados. Se soamente fosemos vendidos como escravos ou servas, eu quizais calaría, porque esta desgraza non prexudicaría tanto ó rei".

5Alporizouse o rei Axuero e preguntoulle á raíña Ester: ‑"¿Quen é ese e onde está aquel a quen se lle ocorreu facer tal cousa?".

6Ester respondeulle: ‑"O perseguidor e inimigo é este malvado Hamán". Entón Hamán estarreceu diante do rei e da raíña, 7e o rei ergueuse da mesa levado da carraxe, e saíu da casa ó xardín do pazo mentres Hamán quedou alí para pedir pola súa vida cabo da raíña Ester, pois viu que a súa ruína estaba decretada polo rei.

8Cando o rei volveu do xardín do pazo para a sala do convite, Hamán deixárase caer enriba do diván onde repousaba a raíña Ester. O rei exclamou: ‑"Seica aínda dentro do meu pazo e diante de min quere forzar á raíña". Non acabara de dicir o rei estas verbas e tapáronlle a cara a Hamán. 9Entrou Harbonah, un dos eunucos, e suxeriu diante do rei: ‑"Velaquí o madeiro que fixo Hamán para Mardoqueo, que tan ben defendera ó rei; está ergueito a cincuenta cóbados diante da casa de Hamán". E dixo o rei: ‑"Colgádeo no alto del". 10E colgaron a Hamán no madeiro, o que el fixera erguer para Mardoqueo e deste xeito calmou o rei a súa carraxe.

 

Decreto en favor dos xudeus

 

Capítulo 8

 

1Aquel mesmo día o rei Axuero deulle á raíña Ester a casa de Hamán, o perseguidor dos xudeus, e Mardoqueo foi presentado ó rei, que xa lle descubrira que era familiar da raíña. 2E colleu o rei o anel que lle quitara a Hamán e deullo a Mardoqueo, e Ester púxoo á fronte da casa de Hamán.

3Volveu Ester a falar diante do rei e prosternouse na súa presenza ata os seus pés, e chorando suplicoulle que mandara anular todos os males que Hamán, o agaguita, decretara contra os xudeus, e todas as maquinacións que intentara contra eles. 4O rei estendeu o seu cetro de ouro de cara a Ester e fíxoa levantar diante súa. 5Ester díxolle: ‑"Se ó rei lle prace e se atopei graza ós seus ollos, e se xulga axeitada a miña palabra na súa presenza e me ten a min por boa á súa vista, que se escriba a revogación das cartas das maquinacións de Hamán, fillo de Amedata, agaguita, que el escribira para aniquilar os xudeus de todas as provincias do rei. 6Porque ¿como podería eu ver a desventura do meu pobo e soportar a desfeita da miña raza?".

7O rei Axuero respondeulle á raíña Ester e a Mardoqueo, o xudeu: ‑"Xa lle dei a Ester a casa de Hamán, e a el mandei que o pendurasen no madeiro que  el mesmo fixera erguer para os xudeus. 8Vós, pola vosa parte, no que se refire ós xudeus, escribide o que vos pareza ben a xuízo voso no nome do rei e seládeo co anel do rei, porque todo escrito feito no nome do rei e selado co seu anel non se pode revocar". 9Foron chamados os escribáns do rei naquel mesmo intre no terceiro mes, o de Siván, no día vinte e tres, e escribiron todo o que lles mandaba Mardoqueo ós xudeus, ós sátrapas, ós inspectores e xefes das provincias desde a India ata Etiopía, cento vinte e sete provincias; a cada provincia segundo a súa escritura e a cada pobo de acordo coa súa lingua e ós xudeus tamén de acordo coa súa escritura e lingua. 10Escribiron no nome do rei Axuero e selaron co anel do rei e mandaron os escritos por medio dos correos montados en cabalos das cortes do rei. 11Nos escritos, o rei autorizaba ós xudeus que habitaban en todas as cidades, a se poderen xuntar para defender as súas vidas, para ferir, matar e exterminar a toda persoa dos pobos que os atacasen, sen lles perdoar ás mulleres nin ós nenos, e para lles saquear os seus bens; 12e todo isto no mesmo día en todas as provincias do rei Axuero, o día trece do mes doce, o mes de Adar.

12aVelaquí o texto da carta: 12b‑"O gran rei Axuero ós sátrapas das cento vinte e sete provincias que hai desde a India ata Etiopía, e a todos os súbditos fieis, saúde.

12cHai moitos que, cantos máis favores reciben dos seus benfeitores, tanto máis soberbios se fan, e non soamente causan dano ós nosos súbditos, senón que son incapaces de lle pór lindes á súa insolencia, conspirando en contra dos propios benfeitores; 12dnon só acaban co agradecemento dos homes, senón que, enfonchados coa fachenda dos que fan o mal, imaxinan que van escapar da xustiza de Deus, que o ve todo e odia o mal. 12eA miúdo, a moitos que teñen autoridade lles sucede que se deixan manexar polos seus amigos nos seus negocios e fanse responsables de sangue inocente e véñenlles infortunios irremediables, 12fpois con malignas matinacións nacidas da súa perversidade chegaron a enganar a nobre e natural lealdade dos que gobernan. 12gE para comprobar isto non é preciso acudir a historias antigas, que vos estamos contando; abonda con ollar con atención o que está diante de vós, as cousas que fan con conduta pestilente os que teñen o poder indignamente. 12hPor iso temos que nos dispor a procurar para o futuro paz e tranquilidade para todos os homes do reino, 12iintroducindo os cambios oportunos e xulgando as cousas que van aparecendo con ánimo acolledor e benevolente. 12l Pois Hamán, fillo de Amedata, macedonio, alleo ó sangue dos persas e moi afastado da nosa cordura, foi acollido entre nós coma hóspede, 12mchegando a gozar da amizade que nós temos cos outros pobos, ata o punto de ser proclamado noso pai e sendo reverenciado por todos, ocupando o segundo posto no reino. 12nPero non podendo soportar o peso da súa grandeza, intentou privarnos do poder e da vida. 12ñPediu a destrución do noso salvador e continuo benfeitor, Mardoqueo, e a de Ester, cabal consorte do reino, e a de toda a raza súa, con toda sorte de falaces razoamentos. 12oPor estes procedementos quixo pasar ó dominio dos macedonios o poder dos persas, pillándonos desamparados. 12pPero nós comprobamos que os xudeus, destinados ó exterminio polo tres veces criminal, non son malfeitores, senón que se dirixen polas leis máis xustas; 12qe que son fillos do altísimo e grandísimo Deus vivente que endereita o reino co maior acerto tanto para nós coma para os nosos devanceiros. 12rPolo tanto faredes ben non usando os escritos mandados por Hamán o de Amedata, xa que o autor deles foi colgado ás portas de Xuxán xunto con toda a súa familia, dándolle ben axiña o Deus que todo o domina o castigo xusto. 12sPonde unha copia desta carta en todo lugar público e deixade que os xudeus se gobernen polas propias leis; e axudádenos para que poidan refugar a cantos se ergan contra eles no día da tribulación, isto é, o día trece do mes doce, Adar, 12tporque o Deus que o domina todo trocou en día de ledicia o destinado á destrución e exterminio da raza escolleita. 12uVós, xudeus, celebrade este día sinalado con toda ledicia coma unha das vosas acostumadas festividades, para que agora e no futuro sexa de salvación para vós e para os persas de boa intención, pero para os falsos e tramposos contra vós, que lles sirva de lembranza de exterminio.

12vToda cidade ou rexión que non faga de acordo con isto será aniquilada coa lanza e lume con ira; non soamente quedará erma de homes, senón que será noxenta para feras e paxaros eternamente".

13O texto deste documento debía ser publicado, coma lei, en todas e cada unha das provincias, e promulgado en todos os pobos, para que os xudeus estivesen preparados naquel mesmo día para se vingaren dos seus inimigos. 14Os correos, montados en cabalos da mellor caste, saíron correndo de présa, como ordenaba o decreto do rei; o edicto foi publicado tamén no castelo de Xuxán. 15Mardoqueo saíu da presenza do rei vestido con roupas reais de púrpura, violeta e liño branco, cunha gran diadema de ouro e un manto de fino liño e púrpura; a cidade de Xuxán rebordaba de ledicia e gozo. 16Para os xudeus foi todo luz, ledicia, triunfo e gloria. 17En todas as provincias e cidades, en todos os lugares nos que se publicaba a orde e decreto do rei, entre os xudeus había ledicia triunfal, xantares e rexouba de festa. Moitos xentís daquelas terras se fixeron xudeus, porque un gran temor se apoderou deles con relación ós xudeus.

 

A Festa de "Purim". Vinganza dos xudeus

 

Capítulo 9

 

1No mes doce, o mes de Adar, no día trece, o día mesmo en que foi publicada a orde do rei, o seu decreto, para que fose executado no día mesmo no que os inimigos dos xudeus intentaban facerse donos deles, sucedeu todo ó revés, pois foron os xudeus os que se fixeron donos dos que os odiaban. 2Os xudeus xuntáronse en todas as cidades e provincias do rei Axuero, para lles pó-la man enriba ós que maquinaban a súa ruína e ninguén lles retrucou, porque un gran temor e medo caeu enriba de todos os pobos. 3E todos os xefes das provincias, os sátrapas, gobernadores e demais funcionarios do rei se puxeron da parte dos xudeus por mor do respecto que lles metía a todos eles Mardoqueo, 4porque Mardoqueo era grande na casa do rei e a súa sona espallárase por todas as provincias, e o nome de Mardoqueo medraba máis cada día.

5Os xudeus atravesaron coa espada a todos os seus inimigos; degoláronos, acabaron con eles; fixeron o que quixeron cos que lles tiñan xenreira. 6No castelo de Xuxán mataron os xudeus a cincocentos homes, exterminándoos. 7A Parxandata, a Dalfón, a Aspata, 8a Porata, a Adaliá, a Aridata, 9a Parmaxta, a Arisai, a Aridai e a Iezata, 10os dez fillos de Hamán, fillo de Amedata, inimigo dos xudeus, matáronos, pero non lles botaron man ós seus bens. 11Naquel mesmo día déronlle a coñecer ó rei o número dos executados no castelo de Xuxán. 12O rei díxolle á raíña Ester: ‑"Só no castelo de Xuxán os xudeus xa mataron e exterminaron a cincocentos homes e ós dez fillos de Hamán; no resto das provincias do rei ¿que che parece que farían? ¿Cal e agora a túa petición? Concederáseche. Seguirase facendo o que ti areles".

13Ester faloulle: ‑"Se ó rei lle prace, concédaselles ós xudeus que tamén mañá sigan facendo de acordo co decreto de hoxe en Xuxán e que penduren ós dez fillos de Hamán do alto do madeiro". 14Mandou o rei que se fixese así e promulgou o decreto en Xuxán, e colgaron ós dez fillos de Hamán.15Os xudeus de Xuxán xuntáronse no día catorce do mes de Adar e mataron en Xuxán outros trescentos homes, pero non lles botaron man ós seus bens.

16Os xudeus das restantes provincias do rei xuntáronse para defender as súas vidas e a seguranza contra os seus inimigos e mataron a setenta e cinco mil dos que lles tiñan xenreira, pero non lles botaron man ós seus bens.

17Isto aconteceu no día trece do mes de Adar e no día catorce foi declarado día de repouso, día de xantar de festa e de rexouba. 18Pero os xudeus de Xuxán xuntáronse no día trece e catorce, e repousaron no día quince e declarárono día de festexo e rexouba. 19Por iso os xudeus que habitan nas cidades sen muralla fan festa no día catorce do mes de Adar e celébrano con xantares e rexouba, e nese día agasállanse os uns ós outros con regalos. 19aMentres que os que habitan nas cidades con muralla celebran o seu día de festa, facéndose regalos mutuamente no día quince do mes de Adar. 20Mardoqueo escribiu estas verbas e mandoulles cartas a todos os xudeus espallados por todas as provincias do rei Axuero próximas e distantes, 21decretando que tiñan que festexar o día catorce e o día quince do mes de Adar de todos os anos, 22coma días nos que os xudeus conseguiron a paz contra os seus inimigos e nese mes o seu pranto tornouse en ledicia e o seu loito en festa, e debían festexalos con xantares, con rexouba e facéndose regalos os uns ós outros e socorrendo ós pobres. 23Os xudeus recolleron entre os seus usos e costumes o que comezaron a facer como lles prescribira Mardoqueo. 24Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, o perseguidor de todos os xudeus, intentara acabar con eles e botara sortes (Pur) para aniquilalos e exterminalos. 25Pero cando ela, Ester, se presentou diante do rei, díxolle o rei por decreto que o malvado designio que maquinara contra os xudeus, se trocase contra a súa propia cabeza, e foi colgado do alto do madeiro, el e mais os seus fillos.

26Por iso chamaron a estes días os Purim, da palabra pur (sorte). Así como tamén por todas as palabras da carta aquela, e por todo o que viran con relación a este asunto, e todo canto lles sucedera, 27os xudeus fixeron destes días unha institución perpetua para si e para os seus descendentes, e para todos aqueles que se lles xuntasen, de non deixar de facer nestes dous días canto está prescrito e nos días sinalados de todos os anos, 28e que estes días fosen relembrados e festexados en cada xeración, en cada clan, en cada provincia e en cada cidade. E que estes días do Purim  non se poderían esquecer entre os xudeus, nin a súa lembranza se podería borrar dos seus descendentes.

29A raíña Ester, filla de Abihail, e o xudeu Mardoqueo escribiron con toda a súa autoridade urxindo o cumprimento desta carta segunda dos Purim  para lle dar forza de lei. 30Mandáronse cartas a todos os xudeus das cento vinte e sete provincias do rei Axuero con verbas de paz e fidelidade, 31para confirmar estes días do Purim  nas súas datas, tal como llelo decretara Mardoqueo, o xudeu, e a raíña Ester, e de acordo co que eles mesmos ordenaron para si e para os seus descendentes; é dicir: todo o que se determinou tocante ó xaxún e ás lamentacións. 32O decreto de Ester ratificou estas cousas referentes ós Purim, e así foi escrito no libro.

 

Gabanza de Mardoqueo

 

Capítulo 10

 

1O rei Axuero impuxo un tributo ó país e ás illas do mar. 2Todas as mostras de poderío e de forza e o relato da grandeza de Mardoqueo, coas que o engrandeceu o rei, ¿non é certo que se atopan escritas no libro das crónicas dos reis dos medos e dos persas? 3Nelas cóntase: ‑"O xudeu Mardoqueo foi o segundo despois do rei, o meirande dos xudeus, o máis querido da multitude dos irmáns, home sempre dedicado a procurar o ben para o seu pobo e promotor da paz de toda a súa raza".

 3aE dixo Mardoqueo: ‑"Todas estas cousas viñeron de parte de Deus; 3bporque relembrando o soño que tiven tocante a isto, non fallou nin sequera unha delas: 3cnin a fonteliña que se converteu en río e a luz e o sol e a auga abundante. O río é Ester, a quen o rei fixo esposa e raíña. 3dAs dúas cobras somos eu e Hamán. 3eOs pobos son os que se xuntaron para destruír o nome dos xudeus. 3fA miña nación é Israel, que clamou a Deus e foi salvada. O Señor salvou ó seu pobo e liberounos de todos estes males; obrou Deus grandes sinais e prodixios coma endexamais non os houbera no resto das nacións. 3gPor iso Deus sinalou dúas sortes, unha para o seu pobo e outra para o resto dos pobos; 3he estas dúas sortes cumpríronse na hora, no intre e no día determinado na presenza de Deus e de todos os pobos. 3iEntón Deus lembrou ó seu pobo e fíxolle xustiza á súa herdade; 3lpara estes, os días catorce e quince do mes de Adar serán días de xuntanza, de ledicia e gozo diante de Deus por xeracións para sempre no seu pobo Israel".

 

Nota encol da tradución grega do libro

 

3lNo ano cuarto de Tolomeo e Cleopatra, Dositeo, que dicía ser sacerdote e levita, e o seu fillo Tolomeo, trouxeron a presente carta dos Purim, que dixeron ser verdadeira e traduciuna Lisímaco, fillo de Tolomeo, dos de Xerusalén.

 

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com