Capítulos 1-5

O edicto de Ciro

 

Capítulo 1

 

1O primeiro ano de Ciro, rei de Persia ‑para que se cumprise a palabra do Señor saída da boca de Xeremías‑, o Señor espertou o espírito de Ciro, rei de Persia, a fin de que en todo o seu reino se promulgase de palabra ou por escrito o que segue: 2‑"Ciro, rei de Persia decreta: Todos os reinos da terra me foron entregados polo Señor, Deus dos ceos, e encargoume por si mesmo de levantarlle un templo en Xerusalén de Xudá. 3Os que de entre vosoutros pertenzan a ese pobo, que o seu Deus sexa con eles e que os conduza a Xerusalén, en Xudá, para construír a Casa do Señor, o Deus de Israel ‑trátase do Deus que está en Xerusalén‑. 4En todos os lugares onde reside o resto do pobo, que as xentes deses lugares aporten cada un prata, ouro, bens, animais e ofrendas voluntarias para a Casa de Deus que está en Xerusalén". 5Entón levantáronse os xefes de familia de Xudá e de Benxamín, os sacerdotes e os levitas, nunha palabra todos cantos Deus movera para ir levantar a Casa do seu Señor que está en Xerusalén. 6E todos os seus veciños déronlles con xenerosidade obxectos de prata e de ouro, bens e animais, preciosos regalos, sen contar o que ofreceron voluntariamente. 7O rei Ciro fixo retirar os obxectos da Casa do Señor que Nabucodonosor levara de Xerusalén para metelos na casa dos seus deuses. 8Ciro, rei de Persia, fíxoos retirar por medio do tesoureiro Mitrídates, que o contou todo diante de Xexbasar, príncipe de Xudá. 9Velaquí as contas: trinta copas de ouro, mil copas de prata, vinte e nove coitelos, 10trinta copas de prata; copas de prata de segunda orde: catrocentas dez; outros obxectos: mil. 11Total de obxectos de ouro e de prata: cinco mil catrocentos. Xexbasar levouno todo consigo cando os deportados subiron de Babilonia a Xerusalén.

 

Listas dos deportados

 

Capítulo 2

 

1Estes son os fillos da provincia que subiron da catividade, da deportación ‑os que Nabucodonosor, rei de Babilonia, deportara á Babilonia‑ e que retornaron a Xerusalén e a Xudá, a cadansúa vila. 2Son os que viñeron canda Zerubabel, Xosué, Nehemías, Seraías, Reelaías, Mardoqueo, Bilhán, Mispar, Biguai, Rehum, Banah.

Número dos homes do pobo de Israel: 3os fillos de Parox, 2.172; 4os fillos de Xefatías, 372; 5os fillos de Arah, 775; 6os fillos de Pahat-Moab, isto é os fillos de Iexúa e Ioab, 2.812; 7os fillos de Elam, 1.254; 8os fillos de Zatú, 945; 9os fillos de Zaqueo, 760; 10os fillos de Baní, 642; 11os fillos de Bebai, 623; 12os fillos de Azgad, 1.222; 13os fillos de Adonicam, 666; 14os fillos de Bigvai, 2.056; 15os fillos de Adín, 454; 16os fillos de Ater, é dicir, de Ezequías, 98; 17os fillos de Besai, 323; 18os fillos de Iorah, 112; 19os fillos de Haxum, 223; 20os fillos de Guibar, 95; 21os fillos de Belén, 123; 22os homes de Netofah, 56; 23os homes de Anatot, 128; 24os fillos de Azmávet, 42; 25os fillos de Quiriat-Arim, Kefirah e Beerot, 743; 26os fillos de Ramah e Gueba, 621; 27os homes de Mikmás, 122; 28os homes de Betel e Ai, 223; 29os fillos de Nebó, 52; 30os fillos de Magbi, 156; 31os fillos do outro Elam, 1.254; 32os fillos de Harim, 320; 33os fillos de Lod, Hadid e Onó, 725; 34os fillos de Iericó, 345; 35os fillos de Senaah, 3.630.

36Os sacerdotes: os fillos de Iedaías, isto é, a casa de Xosué, 973; 37os fillos de Immer, 1.052; 38os fillos de Paxhur, 1.247; 39os fillos de Harim, 1.017.

40Os levitas: os fillos de Iexúa e de Cadmiel, isto é os fillos de Hodavías, 74.

41Os cantores: os fillos de Asaf, 128.

42Os porteiros: os fillos de Xalum, os fillos de Ater, os fillos de Talmón, os fillos de Acub, os fillos de Hatitá, os fillos de Xobai, todos eles, 139.

43Os servos: os fillos de Sibá, os fillos de Hasufá, os fillos de Tabaoth, 44os fillos de Querós, os fillos de Siahá, os fillos de Padón, 45os fillos de Levanah, os fillos de Hagabah, os fillos de Acub, 46os fillos de Hagab, os fillos de Xalmai, os fillos de Hanán, 47os fillos de Guidel, os fillos de Gahar, os fillos de Reaías, 48os fillos de Resín, os fillos de Necodá, os fillos de Gazam, 49os fillos de Izá, os fillos de Paséah, os fillos de Besai, 50os fillos de Asnah, os fillos de Neunim, os fillos de Nefusim, 51os fillos de Bacbuc, os fillos de Hacufá, os fillos de Harhur, 52os fillos de Baslut, os fillos de Mehidá, os fillos de Harxá, 53os fillos de Barcós, os fillos de Siserá, os fillos de Tamah, 54os fillos de Nesías, os fillos de Hatifá.

55Os fillos dos servidores de Salomón: os fillos de Sotai, os fillos do Soféret, os fillos de Perudá, 56os fillos de Ialah, os fillos de Darcón, os fillos de Guidel, 57os fillos de Xefatías, os fillos de Hattil, os fillos de Poquéret-Sebaim, os fillos de Amí. 58Todos os servos e fillos dos servos de Salomón: 392.

59E velaquí os que subiron de Tel-Mélah, Tel-Harxá, Kerub Adán Immer e que non foron capaces de coñecer se a súa casa paterna e a súa raza viñan ou non da liñaxe de Israel: 60os fillos de Dalaías, os fillos de Tobías, os fillos de Necodá: 652; 61e algúns de entre os sacerdotes: os fillos de Hobaías, os fillos de Hacós, os fillos de Barzilai ‑o que casara cunha das fillas de Barzilai o galaadita e que levaba o seu nome. 62Todos estes buscaron o seu rexistro de xenealoxías, pero non o atoparon; foron, pois, declarados lixados e excluídos do sacerdocio. 63E o gobernador díxolles que non comesen dos alimentos moi santos, ata que un sacerdote se presentase por medio do urim e os tummin.

64Todo o conxunto da asemblea era de 42.360 persoas, 65sen contar os seus servos e servas que eran 7.337; tiñan 200 cantores e cantoras; 66os seus cabalos: 736; os mulos: 245; 67os camelos: 435; os asnos: 6.720.

68Chegados á Casa do Señor que está en Xerusalén algúns xefes de familia fixeron ofrendas voluntarias para o templo do Señor, a fin de restauralo de novo no seu mesmo lugar. 69Segundo as súas posibilidades, engadiron ó tesouro da obra 61.000 dracmas de ouro de 5.000 minas de prata, e 100 túnicas para os sacerdotes. 70Entón estes e os levitas, unha parte do pobo, os cantores, os porteiros e os servidores establecéronse nos seus pobos. Todos os israelitas estaban nas súas vilas.

 

Restablecemento do culto

 

Capítulo 3

 

1Chegado o sétimo mes, cando xa os israelitas se instalaran nas súas poboacións, xuntáronse todos coma un só home en Xerusalén. 2Entón Xosué, fillo de Iosadac, púxose en pé cos seus irmáns os sacerdotes; como tamén Zerubabel fillo de Xealtiel, cos seus irmáns, e empezaron a construír o altar do Deus de Israel para ofreceren nel holocaustos, como manda a lei de Moisés, home de Deus. 3Volveron colocar o altar sobre os seus fundamentos ‑non sen medo ós colonos estranxeiros‑, e ofreceron nel ó Señor os holocaustos matutinos e vespertinos. 4Despois celebraron a festa das Tendas, como está escrito, presentando o holocausto todos os días segundo o número diario fixado polo costume. 5Despois disto presentaron o holocausto perpetuo, os holocaustos dos novilunios e de todos os tempos sagrados do Señor, o mesmo que para cantos facían ofrendas voluntarias ó Señor. 6Desde o primeiro día do sétimo mes, comezaron a ofrecer holocaustos ó Señor. Mais aínda non se puxeran os fundamentos do templo. 7Entón, de acordo co autorizado polo rei de Persia, Ciro, fixeron a contrata dos canteiros e carpinteiros e déronlles prata, comida e bebida, e aceite, e tamén ós sidonios e tirios para que trouxesen madeira de cedro polo mar, desde o Líbano ata Iafa. 8Os dous anos de chegaren ó templo de Xerusalén, no mes segundo, Zerubabel, fillo de Xealtiel, e Xosué, fillo de Iosadac, co resto dos seus irmáns, os sacerdotes, os levitas e todos cantos viñeran da catividade a Xerusalén, comezaron a distribuír os levitas de vinte anos para arriba, poñéndoos á fronte da obra do templo. 9Xosué, cos seus fillos e irmáns; Cadmiel e mais os seus fillos; os fillos de Xudá, todos xuntos fóronse colocando de xeito que puidesen dirixir a cada obreiro que traballaba na casa de Deus, sen falar de Henadad, cos seus fillos e mais os seus irmáns os levitas. 10Entón os albaneis puxeron os fundamentos do templo do Señor, mentres que os sacerdotes se colocaban cos seus ornamentos e as trompetas, e tamén os levitas fillos de Asaf cos címbalos, para loar o Señor segundo ordenou David, rei de Israel. 11Na gabanza e acción de grazas ó Señor, respondían: ‑"Porque é bo, e a súa fidelidade con Israel é eterna". Todo o pobo con grandes ovacións loaba polo mesmo ó Señor, porque se restauraba de novo o templo do Señor. 12Entón moitos sacerdotes, levitas e xefes de familia entre os máis anciáns, os que tiñan visto o templo antano, choraban a gritos, mentres se poñían á súa vista os alicerces deste templo. Pero outros moitos elevaban a voz reloucando de ledicia. 13De maneira que o pobo non podía distinguir o ruído polas ovacións xubilosas do ruído polos choros populares, pois o pobo prorrompía en grandes ovacións, e o balbordo oíase desde moi lonxe.

 

Oposición dos inimigos de Xudá

 

Capítulo 4

 

1Cando os inimigos de Xudá e de Benxamín souberon que os deportados edificaban un templo ó Señor, o Deus de Israel, 2chegáronse a Zerubabel e ós cabezas de familia e dixéronlles:

‑"Nós tamén queremos traballar convosco. Pois, o mesmo ca vós, buscamos a Deus, o voso, e ofrecémoslle sacrificios, desde o tempo de Asarhadón, rei de Asur, que nos fixo subir aquí".

3Pero Zerubabel, Xosué e o resto dos xefes de familia de Israel dixéronlles:

‑"Non edificaremos xuntos, nós e vós, unha casa ó noso Deus. Somos nosoutros sós os que construímos para o Señor, o Deus de Israel, como nolo ordenou o rei Ciro, o rei de Persia".

4Entón os colonos estranxeiros empezaron a desmoralizar ós xudeus e a intimidalos para que deixasen de construír. 5Co fin de levar adiante os seus planos, pagaron conselleiros que os fixesen fracasar no intento, durante todo o tempo de Ciro, rei de Persia, ata o reinado de Darío, rei de Persia.

 

Intercambio de correspondencia baixo Xerxes e Artaxerxes

 

6Baixo o reinado de Xerxes, ó comezo do seu reinado, escribiron unha acusación contra os habitantes de Xudá e de Xerusalén. 7No tempo de Artaxerxes, Bixlam, Mitredat, Tabeel e os outros colegas seus escribiron a Artaxerxes, rei de Persia; o texto da carta estaba escrito en caracteres arameos e na lingua aramea. 8O gobernador Rehum e o secretario Ximxai escribiron ó rei Artaxerxes a seguinte carta relativa ó que estaba ocorrendo en Xerusalén: 9‑"O gobernador Rehúm, o secretario Ximxai, os seus colegas restantes, as xentes de Din, de Afarsatcai, de Tarpelai, de Afaresai, de Arcav de Babilonia, de Xuxán, de Dehav, de Elam 10e os demais pobos que o grande e ilustre Asenapar deportou e fixo residir na cidade de Samaría e no resto do país, en Transeufratina, etc." 11Velaquí a copia da carta que eles lle enviaron: ‑"O rei Artaxerxes, os teus servidores, xentes de Transeufratina, etc. 12Debemos facer saber ó rei que os xudeus subidos desa túa rexión para viren onda nós a Xerusalén reconstrúen a cidade rebelde e malvada; van levantar os muros e xa poñen os alicerces. 13E o rei debe saber que, se reconstrúen esta cidade e levantan as súas murallas, xa non pagarán máis tributos, tanto de impostos como de peaxe, sendo ó cabo, o rei o prexudicado. 14Como a nosa soldada vén da coroa, non podemos tolerar tal inxuria á súa maxestade e comunicámoslle o que pasa. 15Que repasen os anais dos teus predecesores. No libro das memorias atoparás e verás como esta cidade é moi rebelde, a causante de mil reveses ós reis e ás provincias, e na que se fomentan revoltas desde os tempos antigos. Por isto precisamente foi demolida. 16Facemos saber ó rei que se esta cidade é reconstruída e se os seus muros son de novo levantados, podes dar por perdidos os territorios da outra banda do río".

17O rei envioulles esta resposta: ‑"O gobernador Rehúm, ó secretario Ximxai e ós seus demais colegas que habitan en Samaría e no resto dos territorios da outra banda do río, paz, etc. 18A acta oficial que me mandastes foi lida de maneira clara na miña presenza. 19Dei a orde de que estudasen o caso e, en efecto, esa cidade rebelouse desde antigo contra os reis, e nela se deron revoltas e sedicións. 20Houbo en Xerusalén reis poderosos que someteron todo o territorio da outra banda do río. Había que lles pagar tributos do imposto e peaxe. 21Agora, pois, dádelles a orde de que deixen o traballo. Que esa cidade non se siga construíndo mentres non o ordene eu. 22Pobres de vós se neste asunto obrades con neglixencia, dado o perigo de que creza o mal en prexuízo do rei".

23Lida esta copia da acta oficial do rei Artaxerxes na presenza de Rehúm, do secretario Ximxai e dos seus colegas, déronse présa en iren a Xerusalén onda os xudeus para facerlles deter a obra pola forza e a violencia. 24Entón, en Xerusalén, o traballo da casa de Deus cesou, e as obras estiveron detidas ata o segundo ano do reinado de Darío, rei de Persia.

 

Construción da casa de Deus

 

Capítulo 5

 

1Entón, o profeta Axeo e o profeta Zacarías, fillo de Idó, comezaron a profetizar ós xudeus de Xudá e Xerusalén no nome do Deus de Israel, que co seu espírito os invadía. 2Zerubabel fillo de Xealtiel e Xosué fillo de Iosadac puxéronse en pé e empezaron a construír o templo de Xerusalén; con eles estaban os profetas de Deus que os alentaban. 3Mais Taznai, sátrapa da outra banda do río, Xetar-Boznai e os seus colegas, viñeron onda eles e dixéronlles:

‑"¿Quen vos deu a orde de levantar este templo e armar ese madeirame? 4¿Como se chaman os homes responsables desta construción?"

5Pero Deus ollaba sobre os anciáns de Xudá: non se lles impediu o traballo ata que o asunto chegase a Darío e mandase a acta oficial o antes posible.

6Copia da carta enviada ó rei Darío polo gobernador da outra banda do río, Taznai, Xetar-Boznai e os seus colegas, as xentes de Arfaxac na outra banda do río. 7Enviáronlle unha mensaxe na que estaba escrito: ‑"O rei Darío, enteira paz. 8Que o rei saiba que fomos á provincia de Xudá, ó templo do gran Deus, que están construíndo con pedras talladas e colocando madeira nos muros. Este traballo faise con moito esmero e prospera entre as súas mans. 9Entón preguntamos ós anciáns e dixémoslles: ¿Quen vos deu a orde de construír este templo e armar ese madeirame?  10Preguntámoslles ademais polos nomes dos responsables para darchos a coñecer. 11Velaquí a resposta que nos chegou: Nós somos os servidores do Deus dos ceos e da terra, e reconstruímos o templo que xa se construíra hai longos anos, o que un gran rei en Israel levantara e completara. 12Mais porque os nosos pais irritaron ó Señor dos ceos, entregounos nas mans do caldeo Nabucodonosor, rei de Babilonia, que destruíu este templo e deportou o pobo a Babilonia. 13Con todo, no seu primeiro ano, Ciro, rei de Babilonia, deu a orde de volver levantar esta casa de Deus. 14Ademais, os obxectos da casa de Deus, de ouro e prata, que Nabucodonosor fixera levar do templo de Xerusalén ó templo de Babilonia, o rei Ciro mandounos quitar de alí e confiarllos a Xexbasar, ó que el puxera de gobernador. 15Díxolle: Colle eses obxectos e lévaos ó templo de Xerusalén, e que a casa de Deus sexa reconstruída sobre os seus mesmos cimentos. 16Entón ese Xexbasar veu poñer os cimentos do templo de Deus en Xerusalén. Desde ese momento ata agora, séguese construíndo, mais aínda non está rematada. 17Polo tanto, se lle prace ó rei, que se inquira nos arquivos reais de Babilonia, a ver se houbo unha orde dada polo rei Ciro para que se construíse esta casa de Deus en Xerusalén, e que se nos envíe a decisión do rei sobre o caso".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com