Capítulos 1-5

A nova da derrota de Israel chega a David

 

Capítulo 1

 

1Despois da morte de Xaúl, David, vencedor dos amalecitas, volveu para Siquelag. 2Ao terceiro día disto, chegou un home do campamento de Xaúl, coa roupa toda rachada e a cabeza cuberta de po. Presentouse a David e saudouno, prostrándose rostro en terra.

3David preguntoulle: ‑"¿De onde vés?" E el respondeulle: ‑"Escapei do campamento de Israel". 4David insistiu: ‑"¿Que foi o que pasou? ¡Cóntamo!" E el dixo: ‑"Os soldados fuxiron do combate; moitos deles caeron mortos e morreron tamén Xaúl e o seu fillo Ionatán".

5David preguntoulle aínda ó mozo que o estaba informando: 6‑"¿Como sabes que morreu Xaúl e o seu fillo Ionatán?" O mozo respondeulle: ‑"Eu atopábame casualmente no monte de Guilboa e vin que Xaúl se apoiaba na súa lanza, ó tempo que os carros e os xinetes estaban para collelo.

7Xaúl volveuse para atrás e, ó verme, chamou por min. Eu díxenlle: Aquí estou. 8El preguntoume: ¿Ti quen es? E eu respondinlle: Son un amalecita. 9Entón díxome el: Bótate a min e remátame; agarroume a vertixe da morte, pero aínda me queda vida. 10Eu boteime entón a el e remateino, pois estaba seguro de que non sobreviviría á caída. Despois quiteille a coroa que levaba na cabeza e o brazalete do seu brazo e aquí llos traio ó meu señor".

11David agarrou o seu manto e rachouno; e o mesmo os seus homes todos. 12Fixeron dó, choraron e xaxuaron ata a tarde por Xaúl, polo seu fillo Ionatán, polo pobo do Señor e pola casa de Israel, que caeran a fío de espada.

13David preguntoulle ó mozo que lle trouxera as noticias: ‑"¿Ti de onde es?" E el respondeulle: ‑"Son fillo dun forasteiro amalecita". 14E David díxolle: ­‑"¿E como te atreviches a erguer a man para matar o unxido do Señor?"

15David chamou a un dos seus servidores e ordenoulle: ‑"Acércate onda el e mátao". E o servente feriuno e matouno. 16David dixo cara a el: ‑"Que o teu sangue recaia enriba da túa cabeza, pois a túa propia boca falou contra ti, cando dixeches: eu matei o unxido do Señor".

 

Elexía por Xaúl e Ionatán

 

17David entoou, daquela, por Xaúl e polo seu fillo Ionatán, esta elexía 18e mandou que a aprendesen os fillos de Xudá. Atópase escrita no libro do Xusto.

19‑"¡Ai, a túa flor, Israel, cadáveres nos teus outeiros!

¡Como caeron os valentes!

20Non o contedes en Gat,

non o pregoedes nas rúas de Axquelón,

para que non se aleden as fillas dos filisteos,

para que non rebulden as fillas dos incircuncisos.

21Montes de Guilboa, nin orballo nin choiva

caian enriba de vós, altas mesetas,

xa que alí se luxaron os escudos dos heroes,

o escudo de Xaúl, non unxido con óleo,

22senón con sangue de feridos e graxa de valentes.

O arco de Ionatán nunca retrocedeu,

nin a espada de Xaúl volveu nunca en baleiro.

23Xaúl e Ionatán, queridos e agarimosos,

nin a vida nin a morte os separou,

máis lixeiros cás aguias, máis fortes cós leóns.

24Fillas de Israel, chorade por Xaúl,

o que vos vestía de púrpura preciosa

e adornaba os vosos vestidos con enfeites de ouro.

25¡Como caeron os heroes no medio do combate!

¡Ionatán, ferido de morte nos outeiros!

26Dóiome por ti, meu irmán, Ionatán.

¡Canto te quería!

O teu amor era máis doce para min

có amor das mulleres.

27¡Como caeron os heroes

e pereceron as armas da guerra!"

 

 

IV. DAVID, REI DE XUDÁ E DE ISRAEL (2 Sam 2-8)

 

Rei de Xudá en Hebrón

 

Capítulo 2

 

1Despois diso, David consultou o Señor: ‑"¿Debo subir a algunha das cidades de Xudá?" E o Señor respondeulle: ‑"Sube". David preguntou: ‑"¿A cal delas?" O Señor respondeulle: ‑"A Hebrón".

2David subiu alá coas súas dúas mulleres, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. 3David levou tamén os seus homes, cada un coa súa familia, e establecéronse nos arredores de Hebrón. 4Viñeron os homes de Xudá e unxiron alí a David por rei da casa de Xudá.

David tivo noticia de que os veciños de Iabex de Galaad lle deran terra a Xaúl  5e mandou mensaxeiros para dicirlles ós de Iabex: ‑"O Señor volo pague, pois fixestes unha boa obra, ó dardes terra a Xaúl, voso señor. 6Que agora o Señor vos trate a vós con misericordia e lealdade. Eu tamén vos tratarei ben, por esta boa obra que fixestes. 7Vós recobrade o valor e sede fortes. Agora que o voso señor Xaúl morreu, a casa de Xudá unxiume a min para que sexa o seu rei".

 

Abner e Ioab

 

8Pero Abner, fillo de Ner, xeneral de Xaúl, colleu a Ixbóxet, fillo de Xaúl, levouno a Mahanaim 9e proclamouno rei sobre Galaad, sobre Iezrael, sobre Efraím, sobre Benxamín e sobre todo Israel.

10Ixbóxet, fillo de Xaúl, tiña corenta anos cando empezou a reinar sobre Israel e reinou por dous anos. Soamente a casa de Xudá seguía a David. 11O reinado de David en Hebrón, sobre a casa de Xudá, foi de sete anos e medio.

12Abner, fillo de Ner, e os seguidores de Ixbóxet, fillo de Xaúl, saíron de Mahanaim para Gabaón. 13Da outra parte viña Ioab, fillo de Seruiah, cos seguidores de David. Encontráronse todos onda o estanque de Gabaón, apostándose uns dun lado da represa e os outros do outro.

14Abner propúxolle a Ioab: ‑"Que saian uns poucos mozos e que loiten ás nosas vistas". Ioab respondeulle: ‑"Que saian". 15Por Ixbóxet, fillo de Xaúl, presentáronse doce benxaminitas, e por David, doce dos seus seguidores. 16Cada un agarrou pola cabeza o seu contrario e cravoulle a espada nas costelas; e caeron todos a unha. A aquel lugar, que está onda Gabaón, chamóuselle campo do Costelar.

17O combate foi rexo aquel día. Abner e os homes de Israel foron vencidos polos seguidores de David. 18Estaban alí os tres fillos de Seruiah, Ioab, Abixai e Asael. Asael tiña os pés lixeiros, coma unha gacela, 19e correu perseguindo a Abner, sen apartarse de detrás del, nin á dereita nin á esquerda.

20Abner volveuse e preguntoulle: ‑"¿Es ti, Asael?" E el respondeulle: ‑"Son eu". 21Abner díxolle: ‑"Torce á dereita ou á esquerda, agarra un deses homes e quítalle as armas". Pero Asael non quixo afastarse del. 22Abner díxolle outra vez: ‑"Arreda de tras de min. ¿Por que me obrigas a botarte á terra? ¿Como me presentaría eu despois diante de Ioab, o teu irmán?"

23El non quixo arredarse e Abner feriuno coa lanza para atrás, dereito cara á illarga, e saíulle polo outro lado. Asael caeu morto alí mesmo. Os que chegaban ó lugar onde Asael caera morto, todos se detiñan. 24Ioab e Abixai saíron perseguindo a Abner. A posta do sol chegaron ó outeiro de Amá, enfronte de Guíah no camiño do ermo de Gabaón.

25Os benxaminitas xuntáronse facendo unha tropa con Abner e detivéronse no cume dun outeiro. 26Abner berroulle a Ioab: ‑"¿Seica non se fartará a espada de sangue? ¿Non sabes que o final será amargo? ¿Canto tardarás en dicirlle á túa xente que deixe de perseguir os seus irmáns?" 27Ioab respondeulle: ‑"Vive Deus que se non falases, o pobo non deixaría de perseguir os seus irmáns ata mañá".

28Ioab tocou a trompeta e todos se detiveron. Deixaron de perseguir a Israel e non seguiron combatendo. 29Abner e os seus homes camiñaron toda aquela noite polo ermo, pasaron o Xordán e, percorrendo todo Bitrón, chegaron a Mahanaim.

30Ioab deixou tamén de perseguir a Abner e reuniu a súa xente. Dos seguidores de David faltaban dezanove homes amais de Asael. 31Pero os seguidores de David mataran trescentos sesenta benxaminitas dos homes de Abner. 32O cadáver de Asael levárono consigo e enterrárono en Belén no sartego da súa familia. Ioab e os seus homes camiñaron a noite toda e amenceulles en Hebrón.

 

Fillos de David

 

Capítulo 3

 

1A guerra entre a casa de Xaúl e a de David fíxose longa. David medraba, mentres a casa de Xaúl esmorecía.

2A David nacéronlle varios fillos en Hebrón. O primoxénito foi Amnón, fillo de Ahinoam de Iezrael. 3O segundo foi Quilab, fillo de Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. O terceiro foi Abxalom, fillo de Macah, a filla de Talmai, rei de Guexur. 4O cuarto foi Adonías, fillo de Haguit. O quinto Xafatías, fillo de Abital. 5O sexto Itream, fillo de Eglah, muller de David. Todos eles nacéronlle a David en Hebrón.

 

Morte de Abner

 

6No curso da guerra que sostiveron a casa de Xaúl e a de David, Abner fíxose forte na casa de Xaúl. 7Xaúl tivera unha concubina que se chamaba Rispah, filla de Aiah. E Ixbóxet díxolle a Abner: ‑"¿Por que te achegaches á concubina de meu pai?"

8Abner enfadouse moito polas palabras de Ixbóxet e dixo: ‑"¿Son eu a cabeza dun can de Xudá? Ata hoxe tiven piedade da familia de teu pai Xaúl, dos seus irmáns e dos seus amigos; e a ti non te entreguei no poder de David. ¿E ti pídesme agora contas dunha falta con esa muller? 9Que Deus castigue a Abner, se non fago en favor de David o que o Señor lle ten xurado: 10quitarlle o reino á familia de Xaúl e afincar o trono de David sobre Israel e Xudá desde Dan a Beerxeba". 11Ixbóxet non ousou replicar a Abner do medo que lle tiña.

12Entón mandou Abner mensaxeiros a David para que lle propuxesen da súa parte: ‑"¿A quen lle pertence o país?", queréndolle dicir: dáte á avinza comigo e axudareiche a que todo Israel se poña da túa parte. 13David respondeulle: ‑"Está ben. Farei un pacto contigo. Soamente che pido unha cousa: non te presentes diante de min se non traes contigo, ó vires verme, a Micol, a filla de Xaúl".

14David mandou, pola súa parte, mensaxeiros, que dixeran a Ixbóxet: ‑"Devólveme a Micol, que eu adquirín como muller por cen prepucios de filisteos". 15Entón mandou Ixbóxet que lla quitasen ó seu home Paltiel, fillo de Laix. 16O seu home foi ata Bahurim chorando detrás dela. Pero alí díxolle Abner: ‑"Dá a volta". E el deuna.

17Abner díxolles ós vellos de Israel: ‑"Hai algún tempo queriades que David fose o voso rei. 18Facédeo, logo, agora, pois o Señor ten dito de David: pola man do meu servo David librarei ó meu pobo Israel do poder dos filisteos e do de todos os seus inimigos". 19Abner faloulles tamén ós de Benxamín. Despois foi a Hebrón para falar con David e dicirlle o que decidira Israel e toda a casa de Benxamín.

20Abner chegou a Hebrón, onda David, con vinte homes; e David preparou un banquete para todos. 21Abner díxolle a David: ‑"Irei e reunirei a todo Israel ó redor do rei, meu señor. Farán un pacto contigo e ti reinarás sobre eles conforme os teus anhelos". Despois diso David despediu a Abner, que marchou en paz.

22Niso chegaron dunha incursión os homes de David e Ioab con eles, traendo un gran botín. Abner non estaba xa en Hebrón, onda David, pois este xa o despedira e el fórase en paz. 23O entrar Ioab cos seus soldados, déronlle a noticia: ‑"Abner, fillo de Ner, veu onda o rei. Este despediuno e el marchou en paz".

24Ioab presentouse onda o rei para dicirlle: ‑"¿Que é o que fixeches? Agora que Abner veu onda ti, ¿por que deixaches que se fose? 25Ti sabes que Abner, fillo de Ner, veu onda ti para engaiolarte, para informarse dos teus movementos e para coñecer os teus proxectos".

26Ioab saíu de onda David e mandou mensaxeiros tras de Abner; e, sen sabelo David, fixérono volver desde o pozo de Sirah. 27Cando Abner estivo de volta en Hebrón, Ioab levouno á parte, a un lado da porta, coma para falarlle en segredo. Alí feriuno no ventre e matouno, en vinganza da morte do seu irmán Asael.

28De que David soubo o acontecido protestou: ‑"Eu e o meu reino somos inocentes diante do Señor do sangue de Abner, fillo de Ner. 29Que caia sobre a cabeza de Ioab e sobre toda a súa familia. Que na familia de Ioab non deixe nunca de haber tiñosos e leprosos, trencos, mortos á espada e famentos".

30Ioab e o seu irmán Abixai mataron a Abner, porque este matara ó irmán deles, Asael, no combate de Gabaón. 31David ordenoulles a Ioab e ós soldados que tiña con el: ‑"Rachade as vosas vestiduras, cinguídevos co saco e póndevos de loito por Abner". E o rei mesmo ía camiñando tras do féretro.

32Enterraron a Abner en Hebrón e o rei rompeu a chorar xunto ó sartego. Toda a xente choraba 33e o rei entoou esta elexía por Abner:

"¿Tiña que morrer Abner coma un necio?

34As túas mans non foran atadas

e os teus pés non foran pexados con cadeas.

Caíches coma cando se cae

por obra de malfeitores".

35O pobo todo seguía chorando por Abner. Despois acercáronse a David para facerlle comer algo, mentres era aínda de día. Pero el xurou: ‑"Que Deus me castigue, se probo un bocado de pan ou de calquera outra cousa antes da posta do sol". 36A xente escoitou aquilo e aprobouno, pois todo o que o rei facía parecíalle ben.

37Aquel día souberon todos, Israel enteiro, que o rei non tivera que ver coa morte de Abner, fillo de Ner. 38O rei díxolles ós seus servidores: ‑"¿Decatádesvos de que hoxe caeu un xefe e un gran home en Israel? 39Hoxe estiven eu brando, mesmo se son o rei unxido. Estes homes, fillos de Seruiah, foron máis duros ca min. Que o Señor lle pague ó malfeitor conforme a súa maldade".

 

Morte de Ixbóxet

 

Capítulo 4

 

1Cando Ixbóxet, fillo de Xaúl, soubo que morrera Abner en Hebrón, acovardouse e todo Israel quedou estarrecido. 2O fillo de Xaúl tiña dous xefes de guerrilleiros, un chamado Banah e o outro Recab, fillos de Rimón de Beerot, benxaminitas, xa que Beerot se lle atribuía a Benxamín. 3Os de Beerot marcharan a Guitaim, onde residen hoxe.

4Ionatán, fillo de Xaúl, tiña un fillo, tolleito dos pés. Cando chegara de Iezrael a nova da morte de Xaúl e de Ionatán, o neno tiña cinco anos. A súa criada saíu fuxindo e, coas présas, caeulle o neno e quedou coxo. Chamábase Meribaal.

5Os fillos de Rimón de Beerot, Recab e Banah, ían de camiño e chegaron á casa de Ixbóxet, nas horas da calor, cando el estaba deitado durmindo a sesta. 6A porteira da casa estaba limpando o gran e quedara durmida. 7Eles entraron na casa, ata a alcoba onde Ixbóxet estaba deitado e ferírono de morte. Cortáronlle a cabeza e levárona consigo, camiñando polo ermo toda aquela noite.

8Chegaron coa cabeza de Ixbóxet a Hebrón, xunto a David, e dixéronlle ó rei: ‑"Aquí tes a cabeza de Ixbóxet, fillo de Xaúl, o teu inimigo, que quixo quitarche a vida. Hoxe concédelle o Señor ó rei, noso señor, a vinganza de Xaúl e da súa descendencia".

9Pero David respondeulle a Recab e ó seu irmán Banah, fillos de Rimón de Beerot, dicindo: ‑"¡Pola vida do Señor, que me librou de todos os apuros! 10Se a quen me trouxo a noticia de que morrera Xaúl, crendo que me daba boas novas, o collín e o fixen matar en Siquelag, en recompensa pola súa nova, 11canto máis agora, que uns homes malvados mataron un home xusto, na súa casa, no seu leito, pedireivos contas do sangue que vertestes, desarraigándovos da terra". 12E David mandoulles ós seus homes que os matasen. Despois de facelo, cortáronlles as mans e os pés e penduráronos xunto a represa de Hebrón. A cabeza de Ixbóxet collérona e enterrárona en Hebrón no sartego de Abner.

 

David, rei de Israel

 

Capítulo 5

 

1Todas as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: ‑"Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. 2Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo Israel, ti serás o seu xefe".

3Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel. 4David tiña trinta anos cando empezou a reinar e reinou corenta anos. 5En Hebrón reinou sobre Xudá sete anos e medio; en Xerusalén reinou trinta e tres anos, sobre Israel e Xudá.

 

Conquista de Xerusalén

 

6O rei marchou cos seus homes sobre Xerusalén contra os habitantes daquel país, os iebuseos. Eles tíñanlle dito a David: ‑"Non poderás entrar aquí; rexeitarante os cegos e os coxos". Con iso querían dicir: "David non poderá entrar aquí". 7Pero David conquistou a fortaleza de Sión, que se converteu na cidade de David.

8Aquel día David dixera: ‑"Quen queira combater os iebuseos, que se achegue polo túnel. A eses coxos e a eses cegos aborréceos David". De aí saíu aquel dito: nin cego nin coxo entre no templo. 9David instalouse na fortaleza e chamoulle cidade de David. David edificou ó redor dela desde o Miló para dentro. 10David medraba cada vez máis. O Señor, Deus dos exércitos, estaba con el.

11Hiram, rei de Tiro, mandoulle unha embaixada a David, con madeiras de cedro e con carpinteiros e canteiros, para que construísen o pazo de David. 12David comprendeu que o Señor o confirmaba por rei de Israel e que por mor do seu pobo Israel engrandecía o reino.

13Despois de que veu de Hebrón, David tomou en Xerusalén outras concubinas e outras mulleres. Delas nacéronlle a David máis fillos e máis fillas. 14Os nomes dos fillos que tivo en Xerusalén son Xamá, Xobab, Natán e Salomón, 15Ibhar, Elixúa, Nafeg e Iafía, 16Elixamá, Eliadá e Elifélet.

 

Guerras cos filisteos

 

17Souberon os filisteos que David fora unxido rei de Israel e, ó momento, subiron en busca del. David, ó ter a noticia, baixou á súa fortaleza. 18Os filisteos viñeron e espalláronse polo val de Refaím.

19David consultou o Señor: ‑"¿Subirei contra os filisteos? ¿Poralos nas miñas mans?" O Señor respondeulle: ‑"Sube. Entregareinos, seguro, nas túas mans". 20David foise a Baal Perasim e alí venceunos, e comentou: ‑"O Señor abriu unha fenda nos meus inimigos diante miña, coma a fenda que abren as augas". Por iso chamóuselle  a aquel lugar Baal Perasim. 21Os filisteos abandonaron alí os seus ídolos e colléronos David e os seus homes.

22Os filisteos volveron á contenda, despregándose polo val de Refaím. 23David consultou o Señor, que lle respondeu: ‑"Non subas. Dá a volta por detrás deles e atácaos do lado das moreiras. 24Cando sintas ruído de pasos nas copas das moreiras, ataca con decisión, pois é que sae o Señor diante de ti, para derrotar o exército filisteo". 25David fixo como lle mandaba o Señor, e derrotou os filisteos desde Gueba ata a entrada de Guézer.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com