Capítulos 16-20

III. XAÚL E DAVID (1 Sam 16 - 2 Sam 1)

 

Samuel unxe a David

 

Capítulo 16

 

1O Señor faloulle a Samuel: ‑"¿Ata cando estarás aflixido por Xaúl, sendo que eu o rexeitei como rei de Israel? Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Ixaí, o de Belén, pois escollín un rei entre os seus  fillos".  2Samuel  respondeu: ‑"¿Como farei para ir? Saberao Xaúl e matarame". O Señor díxolle: ‑"Leva contigo unha xovenca e di que vas ofrecer un sacrificio ó Señor. 3Convida a Ixaí ó sacrificio e eu direiche o que has facer; unxirás a quen eu che diga".

4Samuel fixo o que lle mandaba o Señor. O chegar a Belén, os anciáns da cidade saíronlle inquedos ó encontro e preguntáronlle: ‑"¿Vés para ben?" 5El respondeulles: ‑"Para ben. Veño ofrecer un sacrificio ó Señor. Purificádevos e vide comigo ó sacrificio". Logo fixo que se purificasen Ixaí e os seus fillos e convidounos ó sacrificio.

6Cando  chegaron  e  viu  a  Eliab, pensou: ‑"De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido". 7Pero o Señor díxolle a Samuel: ‑"Non te fixes no seu bo ver, nin na súa estatura. Ese está excluído, pois Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".

8Ixaí chamou entón a Abinadab e fíxoo pasar diante de Samuel. Pero Samuel dixo: ‑"Tampouco a este non o escolleu o Señor". 9Ixaí fixo pasar logo a Xamah e Samuel dixo: ‑"O Señor non escolleu tampouco a este". 10Ixaí fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo: ‑"Ningún destes é o escollido do Señor".

11Samuel preguntoulle a Ixaí: ‑"¿Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle: ‑"Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas". Samuel díxolle: ‑"Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". 12Ixaí mandou que o fosen buscar. Era loiro, de ollos fermosos e de bo parecer. O Señor dixo a Samuel: ‑"Ér-guete e únxeo, pois é este".

13Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns. Desde aquel intre e en adiante o espírito do Señor apoderouse de David. Despois Samuel volveu para Ramah.

 

David na corte de Xaúl

 

14O espírito do Señor retirouse de Xaúl e un mal espírito de parte do Señor comezou a atormentalo. 15Dixéronlle os seus servidores: ‑"Mira que te atormenta un mal espírito. 16Que o noso Señor o dispoña, e nosoutros, os teus servos, buscaremos alguén que saiba tocar a arpa. Cando se meta en ti o mal espírito, tocaraa e mellorarás".

17Xaúl respondeulles: ‑"Procurádeme, pois, alguén que saiba tocar e facédemo vir". 18Niso repuxo un dos criados: ‑"Eu coñezo un fillo de Ixaí, o de Belén, que sabe tocar. É un rapaz valente e bo guerreiro, que fala ben e que é de bo parecer; e o Señor está con el".

19Xaúl enviou recadeiros a Ixaí con este encargo: ‑"Mándame o teu fillo David, o que garda o rabaño". 20Ixaí colleu o burro, cunha fogaza de pan, un pelexo de viño e un cabuxo, e mandoullo a Xaúl polo seu fillo David.

21Chegado David onda Xaúl, púxose ó seu servizo. Xaúl colleulle cariño e fíxoo o seu escudeiro. 22Xaúl mandoulle recado a Ixaí: ‑"Rógoche que deixes quedar comigo a David, pois cáeme ben". 23Cando o mal espírito lle viña a Xaúl, David tocaba a arpa. Xaúl sentía melloría. O mal espírito afastábase del.

 

David e Goliat

 

Capítulo 17

 

1Os filisteos reuniron os seus exércitos para a guerra, concentráronse en Socoh de Xudá e acamparon en Efesdamim, entre Socoh e Azecah. 2Tamén Xaúl reuniu os israelitas e acamparon no val da Aciñeira, dispostos en orde de batalla, fronte dos filisteos. 3Os filisteos estaban apostados na aba dun monte e os israelitas na do outro, co val entre os dous.

4Das ringleiras dos filisteos saía un home dos de choque que se chamaba Goliat, nado en Gat, de case tres metros de grande. 5Levaba un helmo de bronce na cabeza e ía vestido cunha coiraza de escamas, de bronce, de cinco mil siclos de peso. 6As pernas levábaas cubertas de perneiras de bronce e ía cun mallo de bronce ás costas. 7O cabo da súa lanza era coma o rolo do tecelán; a súa punta, de ferro, pesaba seiscentos siclos. Diante del ía o escudeiro.

8Chantábase cara ás ringleiras do exército israelita e berraba: ‑"¿Por que vos dispoñedes todos para o combate? ¿Non son eu un filisteo e vosoutros os servos de Xaúl? Escollede un dos vosos e que baixe onda min. 9Se é home de pelexar comigo e me mata, seremos os vosos escravos; mais, se podo eu nel e o mato, seredes vós escravos nosos e quedaredes ó  noso  servizo".  10E  dixo  aínda  o  filisteo: ‑"Eu desafío hoxe ó exército de Israel. Mandádeme un home que pelexe comigo". 11Cando Xaúl e os israelitas oíron o que dicía o filisteo, morrían de medo.

12David era fillo dun efrateo de Belén de Xudá, que se chamaba Ixaí e que tiña oito fillos. Nos días de Xaúl, ese home era xa vello, moi entrado en anos. 13Os seus tres fillos máis vellos marcharan á guerra, seguindo a Xaúl. O primeiro dos tres chamábase Eliab, o segundo Abinadab e o terceiro Xamah.

14David era o máis novo; os tres máis vellos seguían a Xaúl. 15David ía e viña do campamento de Xaúl a Belén, para alindar os rabaños de seu pai. 16Entrementres, o filisteo acercábase e chantábase diante de Israel, mañá e tarde; e iso xa por corenta días.

17Ixaí mandoulle ó seu fillo David: ‑"Colle esta tega de gran torrado e estes dez pans e chégate ó campamento, xunto dos teus irmáns; 18leva para o xefe estes dez queixos. Infórmate de se están ben os teus irmáns e trae contigo un sinal deles". 19Xaúl, os irmáns de David e todo Israel estaban no val da Aciñeira, loitando cos filisteos.

20David ergueuse cedo, encomendoulle a un pastor a garda do rabaño, cargou as cousas e foise, conforme seu pai Ixaí lle ordenara. Chegando el ó campo dos carros, saía o exército e púñase en orde de batalla, dando o berro de guerra. 21Israelitas e filisteos aliñáronse para o combate, uns enfronte dos outros.

22David deixou as cousas ó cargo dos que gardaban a bagaxe e foise correndo ás ringleiras preguntarlles ós irmáns pola saúde. 23Mentres falaba alí con eles, saíu das ringleiras filisteas o valente de Gat, chamado Goliat. Repetiu as palabras de sempre e David puido oílo. 24Os israelitas, en canto o viron, fuxían, mortos de medo.

25Un israelita aclarou: ‑"¿Vedes ese home que se adianta? Vén para desafiar a Israel. A quen o mate, o rei cubrirao de riquezas, daralle a súa filla por muller e escusará á súa familia de pagar tributo en Israel". 26David preguntoulles ós homes que estaban alí onda el: ‑"¿Que lle darán a quen mate a ese filisteo e tire esa aldraxe de Israel? E ¿quen é ese filisteo incircunciso, que ousa insultar as hostes do Deus vivo?" 27Os soldados dixéronlle o sabido: ‑"A quen o mate daranlle ese premio".

28Cando Eliab, o irmán máis vello, oíu a David falando cos soldados, enfadouse con el e díxolle: ‑"¿A que viñeches ti aquí? ¿A quen encargaches as túas catro ovellas no deserto? Eu coñezo ben o teu atrevemento e a túa malicia. Viñeches ver o combate". 29David respondeulle: ‑"¿Que é o que fixen agora? ¿Que era, senón unha pregunta?" 30David retirouse de alí cara a outro lado e preguntou outra vez. E os soldados déronlle a mesma resposta cá primeira.

31Moitos oíron as palabras que dixera David e puxérono en coñecemento de Xaúl, quen mandou que o trouxesen onda el. 32David díxolle a Xaúl: ‑"Ninguén se aflixa por ese. O teu servo irá loitar contra ese filisteo".

33Xaúl díxolle a David: ‑"Non podes loitar contra ese filisteo, pois ti es un rapaz e el é un guerreiro desde neno". 34David respondeulle: ‑"O teu servo é pastor das ovellas de seu pai. Se chega o león ou o oso e leva unha ovella do rabaño, 35eu saio correndo detrás del, zóupolle e arríncolla da boca. Se el se repón contra min, agárroo polas queixadas e doulle, ata matalo. 36O teu servo ten matado tanto leóns coma osos. Ese filisteo incircunciso será coma outro deles, por desafiar as hostes do Deus vivo". 37E David engadiu: ‑"O Señor que me librou das gadoupas do león e do oso, hame librar tamén das mans dese filisteo". Xaúl díxolle: ‑"Vai e que o Señor vaia contigo".

38Xaúl vestiulle a David a súa roupa, púxolle un casco de bronce na cabeza, revestiuno coa súa coiraza e cinguiulle, por riba dela, a súa espada. 39David tratou de camiñar, pero non estaba afeito a iso e díxolle a Xaúl: ‑"Con isto non podo camiñar porque non estou afeito". E quitou todo de encima. 40Despois colleu o seu caxato, escolleu cinco pelouros do regato e meteunos no seu foleco; e coa fonda na man chegouse onda o filisteo.

41O filisteo, da súa parte, adiantouse tamén cara a David, precedido do seu escudeiro. 42Axiña que o filisteo mirou e viu a David, desprezouno, pois non era máis ca un rapaz, louro e fermoso. 43E berroulle: ‑"¿Seica son eu un can, para que veñas cara a min cunha caxata?" E maldiciu a David no nome dos seus deuses.

44Despois o filisteo chamou a David: ‑"Ven  acó, que vou botar a túa carne ós paxaros do ceo e ás feras do monte". 45David respondeulle: ‑"Ti vés cara a min con espada, con lanza e con frechas, mentres eu vou cara a ti no nome do Señor dos exércitos, o Deus das hostes de Israel, a quen ti aldraxaches. 46Hoxe porate o Señor nas miñas mans e eu matareite e cortareiche a cabeza. Botareilles os cadáveres do exército filisteo ós paxaros do ceo e ás feras da terra e recoñecerá todo o mundo que hai un Deus en Israel. 47Toda esta xente aprenderá que o Señor non outorga a vitoria ás espadas e ás lanzas. O Señor é dono da guerra e entregaravos nas nosas mans".

48O filisteo levantouse e adiantouse cara a David, mentres David saía correndo das ringleiras ó encontro do filisteo. 49David meteu a man no seu foleco, sacou un pelouro, disparouno coa fonda e acertoulle na testa ó filisteo. O cantazo cravóuselle na testa e el caeu de fociños na terra. 50David derrotou ó filisteo coa fonda e co cantazo. Feriuno e matouno sen espada. 51Despois David foi correndo, botouse no filisteo, arrincoulle a espada da vaíña e rematouno, cortándolle con ela a cabeza. Cando viron morto o seu xefe, os filisteos saíron correndo.

52Entón os soldados de Israel e de Xudá, dando o berro de combate, emprenderon a persecución dos filisteos ata a entrada de Gat e ata as portas de Ecrón. Moitos filisteos caeron mortos nese treito, no camiño de Xaraim. 53Os israelitas deixaron de perseguir os filisteos e volveron para saquear o seu campamento. 54David colleu entón a cabeza do filisteo e levouna a Xerusalén. As armas gardounas na súa tenda.

55Cando vira Xaúl que David saíra ó encontro do filisteo, preguntáralle a Abner, xeneral do seu exército: ‑"Abner, ¿de quen é fillo ese rapaz?" E Abner respondéralle: ‑"Pola túa vida, meu rei, que non o sei". 56E o rei díxolle: ‑"Pregunta de quen é fillo". 57Cando David viña de volta de matar o filisteo, Abner colleuno e presentoullo a Xaúl, coa cabeza do filisteo na súa man. 58Xaúl preguntoulle: ‑"¿De quen es fillo, rapaz?" E David respondeulle: ‑"Do teu servo Ixaí de Belén".

 

Afección de Ionatán por David

 

Capítulo 18

 

1Acabada a conversa de David con Xaúl, Ionatán encariñouse con David. Queríalle coma a si mesmo. 2Xaúl retivo consigo a David desde aquel día e non o deixou volver para casa de seu pai. 3Ionatán fixo un pacto con David pois queríalle coma a si mesmo. 4Desprendeuse do manto que levaba e deullo a David. E co vestido deulle tamén a súa espada, o seu arco e mesmo o seu cinto.

5David saía ben de todas as incursións que Xaúl lle encomendaba e o rei púxoo á fronte dos soldados. Fíxose querer de todo o exército e tamén dos ministros de Xaúl.

 

Envexa de Xaúl

 

6Cando volvían das saídas, despois de que matase David ó filisteo, viñan ó encontro de Xaúl as mulleres de todas as cidades de Israel, cantando e danzando, ledas, con pandeiros e con ferreñas. 7Danzaban, cantando a coro:

‑"Xaúl matou os seus mil,

pero David os seus dez mil".

8Xaúl enfadouse moito e pareceulle mal aquela copla. Dicía: ‑"A David danlle dez mil e a min mil. Xa só lle falta o reino". 9Daquel día en adiante Xaúl mirou con malos ollos a David.

10O día seguinte un mal espírito de Deus asaltou a Xaúl, que andaba frenético pola casa, mentres David tocaba a arpa, coma todos os días. Xaúl tiña a lanza na man 11e arrebolouna querendo cravar a David contra a parede. David zafouse dela por dúas veces.

12Xaúl colléralle medo a David, porque o Señor estaba con el, ó tempo que se afastaba de Xaúl. 13Xaúl arredouno de onda el, facéndoo xefe de milleiro. David saía en expedicións á fronte do exército. 14Calquera cousa que emprendese saía ben, porque o Señor estaba con el.

15O ver Xaúl que David tiña tanto éxito empezou a recear del. 16Pero en Israel e en Xudá todos lle querían ben, pois David era quen os guiaba nas súas expedicións.

 

David, xenro de Xaúl

 

17Xaúl propúxolle a David: ‑"Velaí tes a Merab, a miña filla máis vella. Voucha dar por muller, con tal que te mostres valente e loites nas guerras do Señor". Xaúl matinara: ‑"Mellor que poñer eu nel as miñas mans, que o maten os filisteos". 18David respondeulle a Xaúl: ‑"¿Quen son eu e quen a familia de meu pai, para poder chegar a ser xenro do rei?" 19Pero, chegado o momento de darlla a David por muller, Xaúl casou a Merab con Adriel de Meholah.

20Ao tempo, Micol, filla de Xaúl, namorárase de David. Dixéronllo a Xaúl, que o aprobou. 21Pensaba para o seus adentros: ‑"Dareilla e serviralle de trapela, para caer nas mans dos filisteos". Xaúl díxolle a David: ‑"Por segunda vez hoxe podes facerte meu xenro". 22E mandoulles ós seus serventes: ‑"Dicídelle en confidencia a David: mira que o rei te estima e que os seus ministros te queren ben. Acepta ser xenro do rei".

23Os servidores de Xaúl repetiron esas palabras ós oídos de David. E David respondeulles: ‑"¿Parécevos pouca cousa chegar a ser xenro do rei? Eu son un home pobre e de humilde condición". 24Os servidores de Xaúl leváronlle ó rei a resposta de David. 25Entón mandou el que lle aclarasen: ‑"O rei non lle importa tanto o dote que lle deas, canto cen prepucios de filisteos, para vingarse dos seus inimigos". Xaúl contaba con que David caese nas mans dos filisteos.

26Os servidores de Xaúl comunicáronlle a David as palabras do rei e a David pareceulle xusta a condición para se facer xenro do rei. 27Non se cumprira aínda o tempo e David foi cos seus homes, matou douscentos filisteos e trouxo os seus prepucios. Con iso cumpría a condición para se facer xenro do rei. Xaúl deulle entón por muller a súa filla Micol.

28Xaúl caeu na conta de que o Señor estaba con David e de que a súa filla Micol se namorara del. 29Xaúl colleulle a David aínda máis medo e fíxose o seu inimigo para o resto da súa vida.

30Os xenerais filisteos saían a facer incursións, e David tiña máis éxitos contra eles cós mesmos soldados de Xaúl. O seu nome adquiriu unha grande sona.

 

Ionatán defende a David

 

Capítulo 19

 

1Xaúl faloulle ó seu fillo Ionatán e ós seus servidores de matar a David. Pero Ionatán, fillo de Xaúl, queríalle moito a David 2e avisouno, dicíndolle: ‑"Meu pai Xaúl trata de matarte. Anda, pois, con moito coidado. Pola mañá procúrate un tobo e acóchate. 3Cando saiamos, eu irei ó lado de meu pai, pola campía onde ti estás, falareille ó meu pai de ti, e, segundo vexa, informareite".

4Ionatán faloulle ó seu pai Xaúl en favor de David: ‑"Que o rei non faga dano ó seu servo David; el non che fixo dano a ti; ó contrario, todo o que fai é sempre no teu proveito. 5Xogou coa súa vida cando matou ó filisteo. Aquilo foi unha grande vitoria, que o Señor concedeu a todo Israel. Cando ti o soubeches, aledácheste ben. ¿Por que te queres facer culpable dun sangue inocente matando a David sen motivo?"

6Xaúl  fíxolle  caso  a  Ionatán  e xurou: ‑"Pola vida do Señor que non morrerá". 7Ionatán chamou a David e contoulle toda a conversa. Logo levou a David onda Xaúl e David quedou ó seu servizo, coma antes.

 

David salvado por Micol

 

8Estalou outra vez a guerra e David saíu a combater cos filisteos. Inflixiulles a gran desfeita e eles fuxiron diante del.

9O mal espírito mandado polo Señor apoderouse de Xaúl nun momento en que estaba sentado no seu pazo, coa lanza na man, e David tocando a arpa. 10Xaúl tratou de cravar a David coa lanza contra a parede pero David zafouse de Xaúl; a lanza cravouse na parede e David escapou, san e salvo.

11Aquela mesma noite mandou Xaúl mensaxeiros á casa de David para que o vixiasen e matalo pola mañá. A súa muller Micol avisou a David: ‑"Se non te pos a salvo esta mesma noite, mañá serás home morto". 12Micol desprendeuno por unha fiestra e el salvouse, fuxindo. 13Entón colleu Micol o ídolo caseiro e meteuno na cama; puxo á cabeceira un coxín de pelo de cabra e tapouno cun cobertor.

14Xaúl mandou mensaxeiros para que prendesen a David. Pero ela aclaroulles: ‑"Está  malo".  15Xaúl  mandou  outros mensaxeiros que fosen buscar a David: ‑"Traédemo, mesmo do leito, porque o quero matar". 16Cando entraron os mensaxeiros, atoparon na cama o ídolo doméstico e un coxín de pelo de cabra á cabeceira.

17Xaúl díxolle a Micol: ‑"¿Por que me enganaches deste xeito deixando que o meu inimigo escapase?" Micol respondeulle a Xaúl: 18‑"Porque el me ameazou: axúdame a escapar ou matareite". David salvouse fuxindo. Chegado a Ramah, onda Samuel, contoulle todo aquilo que Xaúl lle fixera. Despois fóronse, el e Samuel, e detivéronse en Naiot.

 

Xaúl cos profetas de Ramah

 

19Comunicáronlle a Xaúl: ‑"Sabe que David está en Naiot de Ramah". 20Xaúl mandou mensaxeiros que detivesen a David. O atopárense cunha tropa de profetas, que estaban profetizando, e Samuel presidíndoos, entrou o espírito de Deus nos mensaxeiros de Xaúl e puxéronse a profetizar eles tamén. 21Dixéronllo a Xaúl e mandou outros mensaxeiros, que se puxeron tamén a profetizar. Por terceira vez mandou Xaúl mensaxeiros, que se puxeron a profetizar eles tamén.

22Entón foi el mesmo a Ramah. O chegar onda a gran cisterna que hai en Secu, preguntou: ‑"¿Onde están Samuel e David?" E respondéronlle: ‑"Están en Naiot de Ramah". 23Xaúl foi a Naiot de Ramah. Apoderouse tamén del o espírito de Deus e camiñaba profetizando ata chegar a Naiot de Ramah. 24Espiuse el tamén da súa roupa e estivo profetizando ante Samuel, deitado e espido polo chan, todo aquel día e toda a noite. De aí veu aquel dito: ‑"¿Conque tamén Xaúl entre os profetas?"

 

David e Ionatán

 

Capítulo 20

 

1David fuxiu de Naiot de Ramah e foille dicir a Ionatán: ‑"¿Que é o que fixen e en que lle faltei a teu pai, para que queira matarme?" 2Ionatán respondeulle: ‑"¡De ningunha maneira! Ti non morrerás. Sabes que meu pai non fai cousa ningunha, nin grande nin pequena, sen dicirmo a min. ¿Por que me ía ocultar agora isto? ¡Non é posible!" 3Mais David  insistiu: ‑"Teu pai sabe moi ben que eu che caín en graza e pensará: Que non saiba isto Ionatán para que non se entristeza. Pero, pola vida do Señor e pola túa vida, que estou a un paso da morte".

4Ionatán díxolle a David: ‑"¿Que queres que faga por ti? Estou disposto a facelo". 5David díxolle a Ionatán: ‑"Mañá é lúa nova e eu terei que sentarme a comer á mesa do rei. Déixame que marche e me esconda nas aforas, ata pasado mañá á tarde. 6Se teu pai me bota de menos, ti diraslle: David pediume permiso para facer unha escapada á súa cidade de Belén, pois a súa familia celebra alí o sacrificio anual. 7Se el che di que está ben, estou a salvo; pero, se se enfada, de seguro que ten decidido algo malo.

8Ti móstrate bo co teu servo, pois vinculáchesme contigo por un pacto diante do Señor. Se atopas en min iniquidade, mátame ti mesmo. ¿Para que esperar a levarme onda teu pai?" 9Ionatán respondeulle: ‑"¡Líbreme Deus! Se chegase a saber que meu pai ten decidido o peor para ti, ¿non cho ía dicir?" 10David preguntoulle a Ionatán: ‑"¿E quen me informará, no caso de que teu pai che dea unha mala resposta?" 11Ionatán díxolle a David: ‑"Ven, vamos fóra. E saíron os dous ó campo".

12Ionatán díxolle a David: ‑"Polo Señor, Deus de Israel, que mañá, destas horas, xa darei sabido se meu pai está ou non de boas con David, e mandarei que che dean o recado. 13E se non, que o Señor castigue a Ionatán. Se meu pai ten decidido o mal para ti, eu fareicho saber. Despedireite e iraste en paz. E que o Señor vaia contigo, como estivo con meu pai. 14Se entón eu vivo aínda, mostra comigo a bondade do Señor; e se morrín, 15non deixes nunca de ser bo coa miña familia. Cando borre o Señor da face da terra os inimigos de David, 16que non sexa borrado da súa casa o nome de Ionatán. Que o Señor lles pida contas ós inimigos de David". 17E Ionatán renovoulle a David o xuramento, polo amor que lle tiña, pois queríalle coma a si mesmo.

18Despois díxolle Ionatán: ‑"Mañá é lúa nova e, ó ver baleiro o teu asento, botarante de menos. 19Pasado mañá será aínda peor. Ti vai a onde te escondiches da outra vez e queda alí, onda a pedra de Ézel. 20Eu dispararei tres frechas para ese lado, coma quen tira ó branco, 21e logo mandarei o criado cara a ti, para que colla as frechas. Se lle digo ó criado: Mira que as frechas están para acó de ti: cólleas, entón ti podes vir; estás salvado; non pasa nada, pola vida do Señor. 22Pero, se lle digo ó rapaz: Mira que as frechas están para alá de ti, entón vaite, pois é o Señor quen te manda. 23Tocante á promesa que media entre nosoutros dous, o Señor estará para sempre entre nós".

24David escondeuse na campía. Chegada a lúa nova, o rei púxose á mesa para comer. 25O rei sentouse onda sempre na cadeira de onda a parede, Ionatán enfronte del e Abner á beira de Xaúl. O asento de David quedou baleiro.

26Aquel día Xaúl non dixo nada, pois pensou: será casualidade. Quizais non está puro ou non puido purificarse. 27O día seguinte, o segundo do mes, o asento de David seguía baleiro e Xaúl preguntoulle ó seu fillo Ionatán: ‑"¿Por que, nin onte nin hoxe, veu comer o fillo de Ixaí?" 28Ionatán respondeulle: ‑"Pediume permiso apresurado para achegarse a Belén. Díxome: 29Déixame ir, pois a familia celebra na cidade o sacrificio anual e os meus irmáns dixéronme que fose. Se merezo o teu favor, déixame que me chegue alí correndo, para visitar os meus irmáns. Por iso non está á mesa do rei".

30Xaúl  alporizouse  e  díxolle  a  Ionatán: ‑"Fillo de zorra, xa sabía eu que es amigo do fillo de Ixaí, para vergonza túa e para vergonza de túa nai. 31Mentres o fillo de Ixaí siga con vida na terra, non estades seguros nin ti nin o teu reino. Agora manda que o traian onda min, pois merece a morte". 32Ionatán respondeulle a seu pai: ‑"¿Por que ten que morrer? ¿Que é o que fixo?" 33Xaúl brandiu a lanza contra el para matalo e Ionatán comprendeu que seu pai tiña decidida a morte de David.

34Ionatán ergueuse da mesa anoxado, sen probar bocado aquel día, o segundo do mes, aflixido porque seu pai aldraxara a David. 35Pola mañá saíu ó campo cun rapaz pequeno canda el á hora que conviñera con David.

36Ionatán díxolle ó criado: ‑"Corre coller as frechas que eu tire". O criado foi correndo e el tirou unha frecha, que pasou alén del. 37O criado buscaba o sitio da frecha que tirara Ionatán, e este berroulle: ‑"Está aí, máis aló de ti". 38E seguiulle berrando: ‑"Corre de présa; non te pares". O criado colleu a frecha e levoulla ó seu amo. 39O criado non sospeitou cousa ningunha. Pero Ionatán e David puideron entenderse.

40Ionatán deulle as súas armas ó criado e díxolle: ‑"Anda, lévaas á casa". 41E o criado marchou. David ergueuse de tras da pedra e prostrouse tres veces polo chan. Despois abrazáronse, chorando os dous, sobre todo David. 42Ionatán díxolle a David: ‑"Vaite en paz. E, conforme o xuramento que fixemos entre os dous, no nome do Señor, que o Señor estea entre nós e entre os nosos descendentes para sempre".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com